Cando sopra o vento

Coincide a celebración deste 30 de xaneiro, Día escolar da non violencia e a paz, coa publicación de Cando sopra o vento (Retranca editora 2024) de Raymond Briggs, unha obra clásica da historia do cómic. Anosada ao galego por Alejandro Tobar, tras excelente e complexo traballo de tradución, e coidada con esmero polo editor Kiko Dasilva, esta novela gráfica aparecida en 1982, non perdeu ápice de interese e emoción. Tras o aspecto dunha peripecia de dous velliños que xa sufriran os bombardeos da segunda guerra mundial, asustados agora por un ataque nuclear soviético, está a historia lancinante de todas as persoas que alleas as que ditan as guerras padecen os seus horrores. Por desgraza, un argumento que anticipou as penalidades de accidentes nucleares que pouco despois se desencadearon en Chernobyl (1986) e máis tarde de Fukushima (2011). Cómic que, ademais, deu pé en 1986 ao filme homónimo de Jimmy Murakami, con excepcional BSO na que participaron Roger Waters e David Bowie, por certo, emitido pola TVG en 1990, o que hoxe semella incrible. Novela e filme utilizados como recurso didáctico nas celebracións de cada 30 de xaneiro, organizadas polo grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, creado polo inesquecible Xesús R. Jares, seguindo a proposta do inspector de mallorquín Llorenç Vidal, creador desta xornada educativa en 1964, hai cincuenta anos coa intención de conmemorar nas escolas o aniversario do pasamento de Gandhi, asasinado o 30 de xaneiro de 1948. Celebración que hai catro décadas estaba moi mediatizada pola loita a prol do desarme antinuclear nun mundo bipolar, amedrentado pola posibilidade do emprego dos mísiles nucleares. Un mundo en guerra que hoxe persiste no xenocidio palestino e na guerra de Ucraína, mais tamén nas guerras ocultas en África e nos milleiros de persoas refuxiadas que se enfrontan en varios continentes aos valados do unilateralismo xenófobo. Tempo no que educar nos valores da cultura da paz continúa sendo imprescindible.

Publicado en Nós diario: 31/01/2024

IES de Navia: nome honorífico ou topónimo

Dedico o artigo da semana  en Faro de Vigo ao debate sobre o nome do futuro IES de Navia:

Ás portas do inicio da campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, a Consellaría de Educación anunciou o convenio co concello de Vigo para a cesión dun soar de 12.576 metros cadrados en Navia onde se construirá un instituto de ensino secundario para 700 alumnos e alumnas (dúas liñas de ESO e Bacharelato), adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que levará o nome do escritor vigués Domingo Villar. Sen dúbida, transcorridas dúas lexislaturas de reclamacións veciñais e municipais deste centro educativo de San Paio de Navia, onde tras vinte anos da posta en marcha do Plan de Actuación Urbanístico xa viven máis de dez mil persoas (a parroquia viguesa na que máis medra a poboación nova), onde están en marcha novas actuacións residenciais, novas humanizacións municipais na rúa As Teixugueiras e unha conexión que favoreza a mobilidade peonil co barrio de Coia, o acordo entre as dúas administracións, a autonómica e a local, merece ser moi celebrado, tanto polo atractivo do proxecto arquitectónico educativo, creando espazos interiores máis flexibles arredor dun ágora nunha edificación sostible e integrada na paisaxe urbana, como polo caso pouco frecuente que supón no Vigo actual de colaboración entre administracións.

Sen embargo, non comparto a iniciativa da Consellaría de Educación de denominar ao centro co nome honorífico de Domingo Villar, autor de novelas tan memorables como Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), ben sei que coa intención de honrar a súa memoria entre as novas xeracións de lectores e lectoras, xa que entendo que como regra xeral, como recomenda a Unesco e como quedou fixado en 1989 na Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo (capítulo VII, artigo 12), deben utilizarse os nomes de lugar (topónimos ou microtopónimos) nas incorporacións ao rueiro ou á denominación dos novos centros ou servizos públicos. O nome do novo centro educativo debe ser, probablemente,  IES de Navia ou mesmo o da parcela da parroquia de San Paio de Navia onde se vai construír. Un nome honorífico, por relevante que sexa, como o deste caso, non debería ocultar un nome de lugar (microtopónimo), transmitido por xeracións, unha creación lingüística colectiva que forma parte do patrimonio compartido. Un criterio de conservación toponímica (ás veces milenaria), insisto, que nada ten que ver cos méritos literarios e humanos da persoa cuxo nome honorífico foi escollido, cuxa memoria pode ser honrada con placas, monumentos, premios e outras iniciativas.

Un caso que tivo o seu precedente en 2004 cando o concello acordou que o nome da rúa que acolleu aos primeiros veciños do PAU de Navia fose As Teixugueiras, o que supuxo un paso decisivo para salvar a toponimia tradicional da parroquia de San Paio de Navia. Un acordo unánime adoptado pola Corporación a proposta da Federación Veciñal Eduardo Chao, da Universidade de Vigo, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, do Instituto de Estudios Vigueses e da Asociación Galega de Onomástica coa intención de conservar os topónimos tradicionais na denominación oficial das novas entidades de poboación do concello, fosen rúas, prazas, urbanizacións ou bloques de edificios. Un acordo que incorporou ao rueiro noso nomes como As Teixugueiras, Lamelas, Pozo Cabalo, Pedra Seixa, As Ufas, Barreiros ou Limpiños. Microtopónimos do espazo agrícola, hoxe urbanizado, que se rescataron e que os novos naviegos locen orgullosos nos seus enderezos. Unha iniciativa que non debería abandonarse e mesmo contribuiría a incorporar ao rueiro outros topónimos vigueses ocultos como os do Campo de Granada  ou a Devesa do Couto, por citar exemplos recentes.

Idéntico comentario facemos para o anuncio que hai meses fixo a alcaldía para chamar a futura Biblioteca Pública do Estado, que se construirá nas Travesas, nas proximidades do camiño do Chouzo, co nome honorífico de Domingo Villar. O que expresa a urxencia de artellar un modelo de recoñecemento a pé de rúa para a figura do creador do inspector Leo Caldas, como doutros autores e autoras participantes no completísimo Mapa literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Xosé Neira Vilas (que oculta o topónimo popular tan vigués de   «Calvario»). Modelo que podería ter como alicerce a convocatoria anual dun festival e premio internacionais de novela negra Domingo Villar, convocado por Concello de Vigo e Xunta de Galicia. Como sería doado sinalizar o Itinerario Caldas na propia rúa con cadansúa placa ou códigos QR que ampliasen a información literaria. Hai posibilidades abondas de honrar a memoria de Villar ou Neira Vilas ou calquera figura política ou social que o mereza, sen agochar para sempre os topónimos e microtopónimos, construción colectiva de moitos séculos.

Escasas mudanzas

Despois de tres inapelables derrotas pola mínima na mesma semana en Balaídos, o Celta é un equipo desfeito e cun futuro cada vez máis incerto na primeira categoría. Tres derrotas, sobre todo a do partido de Copa, que doeron ao celtismo e abriron unha fenda de desconfianza entre unha parte significativa da afección e un adestrador que se sabe blindado por un contrato de tres anos de duración. Unha ferida que, tras a finalización do partido de onte co Girona, se fixo aínda máis explícita cando o mister correu a gardarse no túnel de vestiarios, mentres a bancada xa moi fartiña de padeceres berraba a cantilena de «Benítez vaite xa, Benítez vaite xa…». Minutos de protesta cos xogadores celestes desorientados en medio do terreo de xogo (en pésimo estado), sen saber moi ben que se espera deles nese momento tan delicado e confuso para o equipo, unha algarada coa que unha afección tan paciente, prudente e xenerosa como é a celtista expresaba o seu malestar, a súa lexítima preocupación sobre cal vai ser o futuro do Celta na tempada do seu centenario.

Unha queixa tamén sobre o aburrido estilo de xogo que dende hai seis meses impuxo Benítez, rachando cunha tradición celeste de fútbol máis combinado de varias décadas; un proxecto que dende os primeiros partidos desta pretempada nunca acadou os rendementos agardados nin en goles nin en vitorias. Un balance moi pobre do veterano adestrador madrileño, que non soubo entender nin o peso da canteira e dos seus filiais no club nin tampouco o papel de corazón e emblema do capitán Iago Aspas. No entanto, sería inxusto atribuír ao adestrador actual a responsabilidade única de todas as feblezas do Celta agora tan desfeito, froito tamén da errática política de fichaxes de Luis Campos e das fobias de Carlos Mouriño, que só nas dúas derradeiras ligas devaluaron a calidade do cadro de xogadores e xa tiveron ao equipo ao borde do precipicio do descenso.

E como sucedera o martes de copa, diante do Girona, equipo coa sorte de cara, onte Benítez fixo novas probas no seu debuxo, que non no seu estilo de agardar e correr, dispoñendo dunha liña defensiva de cinco e outra atacante de tres, mantendo a Tapia e Luca no medio, coa intención de gañar as dúas áreas. E como sucedera o domingo pasado coa Real, abondaron vinte minutos para que o excelente (e decisivo) gol de Portu lle desfixera a Benítez a súa pizarra e obrigase ao Celta a xogar dende entón a contra. Un gol que chegou despois de que os de Michel sobaran a pelota dunha banda a outra, até que nunha desas voltas abriu un corredor que aproveitou o murciano para bater a Guaita no pao curto. Tanto que obrigou aos celestes a abandonar a estratexia da espera e dirixidos dende a banda dereita por Mingueza, outra vez o mellor dos nosos, a intentar un perigoso ir e vir entre as áreas, no que Tsygankov puido marcar o segundo nun golpe franco e Douvikas e Larsen contar con sendas oportunidades para empatar. Actitude que os celestes mantiveron no inicio da segunda parte, no que a pesar do xogo ás topadas semellaba moi factible conseguir a igualada. Mágoa nosa que Michel intuíse que a mobilidade de Aspas podía abrirlle un furado e xuntou máis as súas liñas. Mágoa tamén que nese momento decisivo, os trocos de Benítez apostasen pola torpeza defensiva de Jaylson e non pola fluidez que podería imprimir Hugo Sotelo, que quedou outra vez no banco. Oportunidade desaproveitada por Benítez, que faltando un cuarto de hora quitou a Starfelt, modificando o seu debuxo a unha defensa de catro. Xa era tarde, e os de Michel foron durmindo o partido, até que Ristic, recén incorporado, xutou con moito veleno sobre Gazzaniga, o segurísimo porteiro visitante.

Tras unha nova derrota, con dúas saídas consecutivas ás portas (Osasuna e Xetafe), o futuro do Celta para defender a categoría pasa por enganchar canto antes un par de vitorias e continuar así na pelexa cos catro equipos andaluces, que arrastran puntuacións tamén moi baixas. A posibilidade de fichaxes decisivas é hoxe unha quimera e a continuidade no banco de Benítez inevitable, xa que está avalada pola actual presidenta, razóns polas que é difícil aventurar que se poidan producir mudanzas profundas tanto na orientación do xogo como na posición clasificatoria. Por optimistas que pretendamos ser (hai canto menos catro equipos peores co noso), quedan meses de padeceres por diante, un obrigado exercicio de puro celtismo.

Publicado en Faro de Vigo: 29/01/2024

Libro híbrido

Convidado por Galix participei nas xornadas sobre a Lix e os novos soportes de lectura. Unha oportunidade para reflexionar sobre o estado do proceso de tránsito da comunicación textual, no que dende hai tres décadas conviven o modelo analóxico e o dixital, así como sobre os conceptos de libro e de lectura. Superadas as profecías milenaristas que agoiraban a desaparición do libro en papel, definido (dende a invención de Gutenberg) polas características do seu soporte (un número determinado de follas impresas e encadernadas), as novas tipificacións salientan que o libro híbrido é unha orde de palabras e textos escritos ou hipertextuais creados para a súa lectura. Decodificación, que fai da lectura o eixo central do novo paradigma da hibridación da comunicación. Lectura sobre papel ou sobre as pantallas dos formatos máis diversos –que non debe ser identificada como un hábito de lecer de minorías seducidas polo goce das obras literarias impresas–, na medida que é unha competencia cidadá interxeracional, imprescindible para comprender e participar nun mundo saturado de textos impresos ou electrónicos, boa parte lixo ou de procedencia dubidosa. Lectura, concibida como ferramenta crítica, vinculada no caso galego, aos procesos de alfabetización informacional (Alfin) e normalización lingüística, cuxo fomento entre todos os segmentos sociais e de idade debería transformarse na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. Novos significados para o libro e a lectura híbrido que mudan o papel das escritoras e editoras, centradas agora sobre a creación, produción, distribución e promoción de contidos culturais ou informativos escritos ou multimodais, como das bibliotecas, o servizo público especializado no acceso da cidadanía á lectura, no caso escolar, a primeira aula de cada centro educativo. Como neste novo tecido lector mudan as mediacións, presenciais e virtuais, sexan da crítica, da libraría ou das redes sociais.

Publicado en Nós diario: 24/01/2024

Historia do tren vigués

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia do tren vigués e os retos do seu futuro:

Dende 1845, cando se aprobou por vez primeira a concesión do ferrocarril de Vigo a León, que caducaría sen realizar as obras, as conexións ferroviarias foron unha das primeiras preocupacións da prensa emerxente e da opinión viguesa. Dous anos despois, Ángel de Lema Marina dedicará a primeira publicación da súa imprenta, tamén a primeira estable instalada na cidade, a apoiar a construción dun ferrocarril de Vigo a Madrid, Zaragoza e Barcelona. Conexión que defenderán tanto o Faro de Vigo (3 de novembro de 1853), impreso tamén no prelo de Marina da rúa Oliva nº 1, como os seus rivais de La Oliva (febreiro de 1856), vinculado aos sectores galeguistas vigueses, dirixido por Xosé Ramón Fernández e Alejandro Chao, e El Porvenir Hispano Lusitano. Revista de comercio, industria, ferrocarriles, telégrafos y literatura (1858) dirixido por Francisco Ferreiro, impresos no prelo de Juan Compañel da rúa Real nº 12, engadindo estes a reclamación da comunicación con Portugal. Outrosí sucederá en 1861 coa aparición de El ferrocarril, cabeceira tan explícita como de vida efémera que tamén defendía a permanencia do lazareto de San Simón, e El Miño dirixido polo propio Compañel, que dende 1857 a 1868 substituíu ao suspendido La Oliva.

Xaora, tras a adxudicación das obras con Ourense en 1856, que a partir de 1864 xestionará a empresa MZOV (Compañía del ferrocarril de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo), habería que agardar tres lustros até que o 12 de xuño de 1876 se probase a primeira locomotora nos nove quilómetros da liña de Vigo a Chapela, que precedeu a apertura o 17 de marzo 1878 da liña con Guillarei. Logro que sendo alcalde o empresario Antonio López de Neira se consolidará o 18 de xuño de 1881, data da inauguración da estación de Vigo, no emprazamento actual de Urzaiz, da que saíu unha locomotora e tres vagóns cara Ourense, facilitando dende entón a exportación de peixe fresco do porto de Vigo e dos viños do Ribeiro. Mais foi a partir do 15 de xuño de 1882 cando comezou a conexión diaria de Vigo con Madrid nun tren express que anunciaba que a duración media da viaxe sería de 34 horas, que en realidade se alongaban até ás 38 e mesmo ás 44. Traxecto que se realizaba por Portugal, pola chamada «Linha do Minho» (entre Porto e Valença), cun prezo de 100 pesetas en primeira clase, 75 en segunda e 45 en terceira. Viaxe que obrigaba a tomar unha barca e un coche de cabalos, entre as estacións de Guillarei (Tui) e Segadaes (Valença de Minho). Traslado fluvial evitado dende o 25 de marzo de 1886, cando foi inaugurada a ponte internacional sobre o Miño, dunha lonxitude de 399 metros, deseñada polo enxeñeiro rioxano Pelayo Mancebo Ágrega (o da autoría do proxecto por Eiffel foi unha lenda), que permitiu conectar Vigo con Porto en oito horas e reduciu unhas cantas a duración da longa viaxe até Madrid.

En 1884, por fin,  Vigo uníase por tren con Pontevedra e a Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España inaugurou o tren correo Madrid-Vigo, con paradas en Valladolid, Palencia, León e Monforte, que reducía a viaxe ás 29 horas e a de Ourense a Vigo en cinco. Habería que agardar case setenta anos, despois de iniciar as obras en 1927 e de numerosos ires e vires do proxecto en anos convulsos, para que Franco inaugurase o primeiro de xullo de 1957 a liña Zamora-Ourense por Puebla de Sanabria, que deixou a duración da conexión nocturna no express Vigo-Madrid en arredor das 14 horas e a diúrna en automotores en 12. Tempo que se reduciu en dúas horas en abril de 1965 coa entrada en servizo diúrno dos TER (Tren Español Rápido) e máis aínda en setembro de 1981 do Talgo pendular, que deixa a viaxe entre Ourense e a nova estación de Vigo (inaugurada en 1987) en menos de dúas horas. Haberá que agardar a 2012 coa posta en marcha dos trens híbridos Alvia a reducir a viaxe Vigo-Madrid ás seis horas e media, tempo que se foi acurtando coa posta en marcha dos diversos treitos do AVE até as catro horas e cuarto actuais. Duración que o ministro de Transportes Óscar Puente comprometeuse a reducir en trinta e tres minutos coa chegada a Urzaiz dos trens Avril o vindeiro mes de marzo.

Loita contra o reloxo que, despois  de cento corenta anos, deixará por debaixo das catro horas a viaxe ferroviaria a Madrid, probablemente durante décadas, na medida que os proxectos das variantes por Cercedo, como a alternativa proposta polo Tea, semellan hoxe, sendo realistas, enxeñarías de papel. Xaora, Vigo continúa tendo que xuntarse para colectivamente reclamar o tren, como veu facendo dende o século XIX, como prioridade estratéxica das súas infraestruturas nesta década, concretada na saída sur e na continuidade do eixo atlántico de velocidade alta até a fronteira portuguesa. Sen menoscabo de urxir a posta en marcha do tren galego de proximidade, a chave da mobilidade metropolitana futura.

Padecer

Tras o inesperado espellismo da Copa en Mestalla, o serán do pasado sábado o Celta ofreceu outro partido do celtismo do padecer, desbotando unha oportunidade magnífica de escapar do descenso e devolvendo a bancada á crúa realidade do tedioso benitecismo que dende hai xa seis meses sufrimos en Balaídos. Unha derrota cen por cen merecida, nun partido sen xeito ningún dos celestes, con apenas dous xutes a porta de cada conxunto, no que o máis atractivo para a nosa afección foi a exhibición de Brais Méndez, autor do gol txuri-urdin, unha auténtica marabilla de definición a trinta metros da porta, despois de superar a Luca de la Torre cunha finta de precisión, mais tamén polo seu fino traballo entre liñas durante todo o partido e a dirección do xogo atacante, cando o seu equipo máis o necesitaba. Un auténtico recital da estrela de Mos, un mediocampista de alta escola, xusto o tipo de peza que o Celta continúa precisando esta tempada, como amosou o sábado, no que foi absolutamente incapaz de tecer máis de dous pases seguidos ou unha xogada ofensiva que se poida considerar como tal. Todo un esperpento para o celtismo, incapaz de comprender a contía dun traspaso que o propio Imanol Alguacil, adestrador donostiarra, considerou “baratísimo”, cando dende entón o Celta, tras botar pola porta de atrás a Denís Suárez (outra vergonza), carece dun xogador de semellantes garantías, a pesar de fichaxes de promesas diversas.

Como é adoito, de saída Benítez non mudou a súa idea futbolística fundamental de agardar, roubar e correr, razón pola que deixou aos de Alguacil, que chegaban con moitas baixas, toda a iniciativa. Unha proposta que fracasou apenas transcorridos dez minutos, tras o golazo de Brais Méndez, e moito máis cando co marcador por diante a Real moi compacta monopolizaba a posesión, gañaba a maioría dos duelos e pechaba con sete chaves todos os espazos. Unha proposta que deixaba ao adestrador madrileño sen plan B, sen capacidade de artellar transición ningunha ou idea atacante con aparencia dalgunha entidade. Un naufraxio celeste en toda regra, que puxo outra vez en evidencia tanto as limitacións e carencias do actual cadro de xogadores, sobre todo de creación no centro do campo, como do frouxo desempeño de pezas claves. Moi triste foi o sábado o partido de Iago Aspas, un dos peores que lle recordamos en Balaídos, que agoira un inevitable devalo do noso veterano Merlín. Como estiveron tamén a moi baixo nivel Mingueza, outro dos poucos xogadores con capacidade creativa, Manu Sánchez e Dotor, fichaxes que despois de media liga aínda están moi verdes, como se da pretemporada se tratase.

Con semellante panorama, ao comezo da segunda sesión Benítez non tivo mellor idea que igualar o esquema de cinco defensas de Alguacil retrasando a Renato Tapia entre Unai e Carlos Domínguez. O que supuxo espir a un santo para vestir outro, xa que sen o omnipresente peruano (o mellor dos nosos) nas posicións medias e sen os seus envíos longos, o Celta perdeu a escasa mordente que posuía. Situación agravada cando os txuri-urdin coa entrada de Merino e Oyarzabal, dúas das súas pezas máis experimentadas, apertaron coa intención de liquidar o partido, o que obrigou ao adestrador celeste a revolucionar o once con cinco entradas (no seu caso, algo bastante insólito) que, coa excepción do descaro das combinacións do canteirán Hugo Álvarez na súa función de improvisado carrileiro, pasaron apenas desapercibidas e pouco mudaron o devir do xogo. Abonda con lembrar que neste período o Celta conseguiu rematar só unha vez, cando Luca de la Torre tentou repetir o taco xenial de Mestalla, sendo incapaz de fiar un par de xogadas combinadas ou de provocar algunha situación de balón parado nas proximidades de Remiro.

Tras balance tan pesimista, non é doado abrigar demasiadas esperanzas para o desenlace da eliminatoria de Copa de mañá, onde semella clara a superioridade da Real, aínda que coñecendo a traxectoria do Celta en situacións semellantes non se debe botar aínda o peixe ao mar. Con todo, o que xa parece inevitable é que no que resta de liga o celtismo continuará precisando de doses elevadas de santa paciencia para (agardemos) evitar o descenso no Centenario. Un balance no que por puro realismo xa non contemplamos medidas tan necesarias e disruptivas como a incorporación de reforzos decisivos ou a mudanza do señor adestradore.

Publicado en Faro de Vigo: 22/01/2024

Infamia

Isaac Díaz Pardo, a quen lembramos este mes no seu duodécimo cabodano, colocábanos aos editores galegos fronte ao espello cando repetía nas nosas xuntanzas gremiais no IGI que «dedicara toda a súa vida a templar gaitas e limpar merdas». Sabiamos que esta confesión, de quen asumiu a austeridade como a súa forma de vida e foi mestre da cultura da acollida, constituía apenas un eufemismo para expresar o sufrimento e a decepción dos enredos que como creador de Sargadelos, de Ediciós do Castro, do Laboratorio de Formas ou do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside padeceu para defender os seus proxectos empresariais de modernización galeguista. O mesmo Isaac teimoso e afouto dende a mocidade, que practicou até o seu derradeiro salaio o exercicio da memoria, tanto a propia como a compartida da que foi custodio. Memoria republicana de Galicia gravada nos máis de cento sesenta títulos da colección Documentos pra a Historia Contemporánea de Galiza ou do proxecto da Biblioteca do Exilio, que promoveu coa editorial Renacimiento, como editor ponte coa Galicia emigrante de Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, amizades que nunca perdeu. A mesma persoa que mantivo ao longo da vida enteira como referente moral ao seu pai, Camilo Díaz, escritor e escenógrafo da xeración de Castelao e Federico Ribas, asasinado polos sublevados en agosto de 1936, cando Isaac contaba apenas dezaseis anos, infamia que denunciou finalmente coa intención de que nunca se esquecese. Imaxino que con semellante xeito de instalarse no mundo, Díaz Pardo apenas sorriría con sarcasmo lendo a relación de participantes na nona edición dos Foros de Debate organizada en Ribadeo en xaneiro e febreiro pola Fundación Sargadelos e o Grupo Voar sobre «O Estado: súbditos e cidadáns». Os organizadores, cando este venres reciban ao conferenciante, Iván Espinosa de los Monteros, quen fora fundador de Vox e voceiro no Congreso, deberían explicarlle quen foi o creador do proxecto empresarial cerámica de Sargadelos.

Publicado en Nós diario: 17/01/2024

Vía Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 150 aniversario do establecemento do Cable Inglés:

O pasado 27 de maio fixéronse cento cincuenta anos da comunicación por cable telegráfico entre Porthcurno (Cornualles) e Vigo. Un fito co que Vigo se estreaba como punto estratéxico das telecomunicacións polo que entraban e saían todas as mensaxes da comunicación telegráfica entre España e o mundo. Un adianto extraordinario provocado polo establecemento en 1873 da empresa Eastern Telegraph Company Ltd (ETC), chamada popularmente o «Cable Inglés», na rúa Real 20, a carón da «Casa da Parra», onde dende o 17 de xullo de 1858 funcionaba o telégrafo eléctrico que comunicaba con Madrid de forma case instantánea. Oficinas do Cable Inglés que dende 1876 a 1884 instaláronse nos baixos da rúa Príncipe 31 –un edificio hoxe en rehabilitación, onde Prosperi e Cándida Otero montaron o seu estudio (Fotografía Pacheco)–, para trasladarse despois e até 1939 ao entrechán das casas de Manuel Bárcena do arquitecto Jenaro de la Fuente. Unha empresa que contribuíu a modernización de Vigo e a afondar no seu afán de querer ser cidade cosmopolita, coincidindo coa chegada do ferrocarril e o inicio do seu desenvolvemento industrial e demográfico, cando se achegaba aos quince mil habitantes.

Pegada estudada por José Ramón Cabanelas, membro do Instituto de Estudios Vigueses, en Vía Vigo. La historia del Cable Inglés y Cable Alemán (IEV, 2013; 2ª edición, 2020), un dos mellores libros publicados sobre a historia de Vigo, tanto pola esculca documental como pola coidada edición textual e gráfica. Título afortunado tirado dun calendario comercial da ETC que en 1883 informaba ao público madrileño do servizo de comunicación telegráfica directa entre España e Gran Bretaña, América, África, Asia e Oceanía, suplicando aos expedidores que tivesen a ben escribir nos mesmos as palabras «VÍA VIGO». Conexión con Porthcurno, entón o maior centro telegráfico do mundo, que os cableiros Minia e Africa alongaron dende o porto de Vigo a Carcavelos e logo a Xibraltar. Comunicación ampliada a partir de 1896, cando comeza a funcionar en Vigo a estación do Cable Alemán (Deutsch Atlantische Telegraphengellschaft), que tende a liña Emden a Vigo, coa intención de enlazar despois con Lisboa, illas dos Azores e New York. Xestionada por persoal do cable británico, abriu en 1905 oficina en Velázquez Moreno 20, a carón da que tiña ETC, ano no que chegaron os primeiros oficiais alemáns, cuxa residencia estivo na rúa Urzaiz 23 e dende finais de 1910 na rúa Pi e Margall 62, décadas despois sede do Colexio Alemán.

Tanto o Cable Inglés como o Cable Alemán fixéronse presentes na vida cotiá, social e cultural do Vigo de comezos do século XX. Cabanelas conta que na fachada do Cable Inglés en Velázquez Moreno colocouse un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño. Fíxose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como lembra Cabanelas que en 1897 o Cable Inglés contaba en Vigo cun cadro de persoal de 23 empregados, todos xoves británicos, formados durante dous anos na escola de Porthcurno, algúns chegados coas súas familias, que serían pioneiros en Vigo de deportes como o rugby, tenis ou tenis de mesa. Como recorda Cabanelas que a primeira residencia de oficiais solteiros da compañía, desde 1873 até 1915, se instalou na rúa Pracer –onde tiña tamén a súa sede a biblioteca e os salóns do Exiles Club, nome do seu club social e deportivo, que mantiñan, independentemente da estación cablegráfica na que estivesen destinados– inaugurándose a nova, coñecida como «La Finca», á que se accedía por unhas escaleiras de pedra situadas na rúa Taboada Leal 46.

Sen esquecer, neste relato do Cable, que os oficiais da ETC  foron os que introduciron o fútbol en Vigo cando no mes de maio de 1873 o Exiles xogou cos mariñeiros da escuadra inglesa nos cadros do Recheo, chamados temén do Malecón, hoxe urbanizados en seis mazás e divididos pola rúa Luis Taboada. Vigo foi un dos primeiros lugares de España onde se comezou a xogar de forma habitual ao «deporte da pelota», como testemuña unha breve referencia aparecida en Faro de Vigo o 7 de decembro de 1880, que cremos é a primeira referencia impresa sobre o fútbol en Vigo. Cadro do Exiles F.C., primeiro club de fútbol vigués, formado por oficiais do ETC, que a partir de 1905 xogará co Vigo Foot-ball Club e co Fortuna Foot-ball Club, orixe do Celta 1923, e mesmo os reforzará nos partidos das primeiras edicións do campionato galego. Lembranza daquel elegante «Vigo british» do Cable, que deixou unha pegada na cidade conservada aínda hoxe na memoria das familias formadas polos oficiais chegados de Porthcurno.

A lix, o libro en papel e o libro dixital

Queda no arquivo o texto da presentación que preparei sobre «A lix, o libro en papel e o libro dixital» nas xornadas de GÁLIX. Desfacendo a RAIA XII arredor do tema «A lix fronte aos novos formatos de lectura».

A presentación pode baixarse en pdf aquí.

Narradoras

Inicio o ano Villalta relendo «Lúa», un conto longo da escritora coruñesa incluído en Narradoras (Xerais 2000). Un texto de escrita orixinal e espírito animalista, construído, como fixera John Berger en King, dende a ollada baixa dunha cadela. Un relato que pechaba aquel libro colectivo de 25 mulleres, o primeiro da colección Abismos, co que pretendiamos contribuír a ampliar a oferta de narrativa de muller en galego, cando era moi escasa a súa presenza nos catálogos e nos premios. Houbo que agardar a 2001 para que, por fin, gañase o Xerais de novela unha muller, Marilar Aleixandre, ou a 2005 para que Teresa Moure fose a primeira que obtivese o Premio da Crítica de Narrativa. Unha anomalía da nosa edición, que non se correspondía co liderado das mulleres nos barómetros lectores, que como sinalaban Teresa Cuíñas e Iria Sobrino no limiar de Narradoras, urxía normalizar: «se as mulleres son as que len, parece lóxico que tamén narren». Por ventura, dende comezo de século, vivimos o empoderamento das nosas narradoras, reflectido tanto nos premios (no Xerais, once; no Blanco Amor, cinco, os tres últimos consecutivos; nos da Crítica, seis) como nas listas dos libros máis vendidos ou na presenza habitual nos clubs de lectura. Mais tamén foron (e, aínda, son) numerosas as violencias que no proceso de recepción das súas obras sofren as narradoras, por parte dunha crítica masculina impregnada de resesos prexuízos patriarcais. Agardo que este ano no que celebramos a proeza creadora de Luisa Villalta, poeta, dramaturga, ensaísta, e tamén, narradora, axude a poñer o foco na excelencia da obra das nosas escritoras, en toda a súa diversidade. Polo que a min respecta non podo máis que recomendar tres grandes libros literarios cos que pechei as lecturas do pasado ano: a novela Furia (Xerais 2023) de María Reimóndez, o libro de relatos e poemas Cinco corujas (Através 2023) de Susana Sanches Arins e o libro de poemas Ultraluz (Xerais 2023) de Ledicia Costas. Por un ano de boas lecturas!

Publicado en Nós diario: 10/01/2024