Onte 976: Agustín en Cronopios

Pedreira_AFP_Cronopios_15-05-2014

Gran entrevista a que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo no serán de onte con Agustín Fernández Paz. Unha auténtica conversa literaria, fluidísima, amena, humanamente relevante, arredor d’ A viaxe de Gagarin. Unha hora de xornalismo cultural de calidade na que se convidou ás lectoras, que encheron na libraría Cronopios de Pontevedra, a mergullarse na novela e no blog de documentación que autor publica a xeito de edición extendida.

XG00201101O primeiro tema abordado foi do papel do escritor, para Agustín «unha persoa que conta», «o que me gusta é contar historias», «en todas as vidas quedan fíos sen tecer». Logo abordouse o paralelismo entre a historia da carreira espacial e a de Miguel Mendiguren, o protagonista d’ A viaxe de Gagarin. «Quería falar dos anos sesenta, enlazando con Non hai noite tan longa, cando a miña xeración foi nova, quixen facer un axuste de contas con aquel tempo. A viaxe espacial sempre me interesou moito. Na noval está sinalada por dous fitos, a viaxe do cosmonauta Iuri Gagarin, a primeira dun ser humano ao espazo, e a chegada a lúa dos astronautas americanos». Relatou Agustín unha anécdota propia, o feito de que o primeiro texto propio que lembra foi unha redacción sobre o Sputnik, acompañada dun debuxo a cor, coa que gañou un concurso na escola de Vilalba. «O que escribín afunda nos documentos, mais tamén nos fíos da vida, o que nos pasou, o que limos, o que vimos, de aí foi saíndo a novela.

Agustín referiuse ás mudanzas que se produciron na década dos sesenta, especialmente «á chegada dos electrodomésticos, unha revolución decisiva nas casas, onde chegaron antes as lavadoras e neveiras cas televisións». Detívose en falar do TOP, o Tribunal de Orde Pública, sobre o que non había apenas información, lembrando que un libro magnífico publicado en 2001 por Planeta fora retirado aos poucos meses pola propia editorial. Mesmo hai persoas novas que descoñecen que o TOP se transformou en 1978 na Audiencia Nacional, ou que a Brigada Política Social fose a Stassi española, «abráiame que haxa cousas que non se saiban». «As feridas esquécense cando están limpas e curadas», afirmou Agustín, para recomendar, despois, A caixa de música de Costa Gavras, unha película que explica o papel vivificador da memoria.

Falouse tamén da libraría da nai do protagonista, «unha libraría humilde do barrio coruñés da Falperra», e do primeiro amor que para Agustín «e esencial, non se esquece nunca, deixa unha pegada profunda». «Sería insoportable vivir se o paso do tempo non matizase as dores e as grandes ledicias da vida. Mais hai momentos positivos ou negativos de condensación, que nos axudan a madurecer». «Despois de tantas dificultades da vida, o único que quedan son os afectos e os cariños».

Susana e Agustín dedicaron os minutos finais da conversa a falar de Twitter e do blog documental da novela. «Gústame ser útil en Twitter, realizar enlaces que leven a unha páxina interesante». «Creo que é a primeira vez que se fixo un blog no que se recolle toda a documentación utilizada na redacción da novela. A través de cada post pretendo que se viva o contexto que viviu o protagonista. Creo que así quedará ainda máis clara a novela». Rematou Agustín falando do papel decisivo dos mediadores, mestres, libreiros, bibliotecarios, profesorado, pais e nais, «sen todos eles os escritores non seriamos nada, son esenciais para crear canles entre os libros e os potenciais lectores. Non tería lectores sen estes mediadores». Pechou Susana Pedreira afirmando que «presentar A viaxe de Gagarin na radio e nunha libraría rozaba a perfección». Non lle faltou razón, memorable presentación e conversa a conservar.

A conversa será emitida por Onda Cero de Pontevedra.

 

Onte 830: Choven cartos

Non tocou nin unha pedrea na lotaría, ese pequeno consolo concibido como mecanismo fidelizador dos xogos de azar. A falta de chuvia de cartos, contentámonos con celebrar a vida e en desexar moita saúde e agarimo para todas as persoas queridas. E, tamén, botar unhas risas, que é un xeito estupendo de coidar o corazón.

Onte 799: Faladoiro

Despois de dous meses, chamáronme para participar no faladoiro da Crónica, o programa informativo da noite da Radio Galega, A verdade é que xa tiña case esquecido o exercicio de «tertuliano», polo que me daba un pouco de medo non estar ao día dos asuntos a abordar nin acertar co rexistro axeitado para comentalos. Porén, axiña comprobei que os temas da axenda de debate apenas variaron dende o comezo do verán. Onte falamos dos prometidos floteis de Pemex para Navantia e Barreras, que continúan no aire, e da reforma educativa de Wert, que pasou o seu derradeiro trámite no Senado. A principal novidade foi que ao comezo do segundo treito da lexislatura, Rajoy intente contentar aos sectores aznaristas cunha lei encuberta de folga e outra de seguridade cidadá, dúas iniciativas desa dereita de toda a vida, de lei e orde, que ameazan reducir os dereitos e liberdades e poñer en perigo a convivencia e a mesma democracia. Con todo, o que me deixou máis preocupado do día, foi o apesarado que notei a Xosé Manuel Beiras, cando o saudei no xantar no que lle entregaron a Galaxia o Premio Fernández Latorre, envelenado polo aire que se respira no Parlamento Galego. Unha lexislatura pouco alentadora.

Onte 797: Rosalía negra

Onte presentamos na Libraría Paz de Pontevedra A memoria de choiva de Pedro Feijoo. Foi unha conversa a tres bandas que moito pagou a pena e sempre lembrarei. Mais a que podo recomendar moi vivamente é a magnífica entrevista que o equipo de Galicia por diante do Kiko Novoa mantivo onte con Pedro. Como tamén a primeira e entusiasta anotación da lectura de Gracia Sanctorum, que confesa estivo secuestrada por Feijoo durante a fin de semana, ou estoutra do xornalista Ramón Rozas no seu blog. É unha beizón escoitar a falar a Pedro Feijoo sen complexos da súa intención de ofrecer un best seller en galego e da súa intención de ampliar o perímetro de lectores e lectoras na nosa lingua. Por estas primeiras impresións semella que o narrador vigués volveu conseguir o seu obxectivo que os lectores e lectoras sexan protagonistas principais da súa historia, desta volta a dunha Rosalía negra, rabiosamente moderna, un xeito moi orixinal de celebrar este ano rosaliano.

Onte 469: Radio na libraría

Na xornada pontevedresa de promoción d’ As voces baixas, gustei moito da conversa que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo con Manuel Rivas na libraría Cronopios. O reducido espazo da libraría abríuse dende o fermoso escaparate á rúa onde varias ducias de persoas seguían con moito interese a conversa arredor dun libro. Esta experiencia da radio na libraría, que Onda Cero de Pontevedra e a Cronopios veñen promovendo con éxito dende o pasado mes de maio, merece ser emulada, mais aínda cando, coma nesta caso, é apoiada por un clube de lectores. A visibilidade do libro nos espazos cidadáns é fulcral para recuperar a presenza da lectura na axenda pública que utilizan os medios e as administracións. Parabéns a Susana Pedreira, Onda Cero e Cronopios.

A conversa (case unha hora) será emitida hoxe e logo subida á rede. Recoméndoa.

Onte 424: Desafiuzamentos

Na tertulia da noite da Radio Galega debatemos, entre outros temas, sobre o aumento do paro (en Galicia xa preto da incrible cifra das 300.000 persoas) e da inxustiza dos desafiuzamentos que afecta a case 80.000 familias. Dúas situacións dramáticas que caracterizan o momento actual no que aumenta a desigualdade social e a precariedade dos máis humildes a velocidade de vertixe. É moi difícil crer que cada día se produzan en España 500 desafiuzamentos (unha ducia deles no partido xudicial de Vigo) xusto cando a banca recibíu cartos a moreas para o rescate dos seus fallidos inmobiliarios, que paga toda a cidadanía a prezo de ouro cos recortes salariais, os ERES, a reforma laboral e todas outras políticas de “austeridade selectiva”. Un sarcasmo! Non abonda que o goberno prometa que presentará no Parlamento unha nova lei hipotecaria, que agardamos recoñeza a dación en pagamento. Precísase unha vontade política firme que impoña xa unha moratoria nestes desafiuzamentos e remate cos abusos tan evidentes da banca, tanto da que xa recibíu cartos públicos como aqueloutra que impón taxas elevadísimas a súa clientela.

Onte 402: Novas sondaxes

Coincidindo co derradeiro domingo de campaña publícase unha nova xeira de sondaxes. Mentres  LVG continúa co seu barómetro diario, que non achega novidades (PP 39, PSOE 21, BNG 10 e AGE 5), o Faro de Vigo e La opinión da Coruña publican unha enquisa de 1.400 entrevistas, realizada antes do comezo da campaña, que aparentemente pode ser resultar pouco clarificadora debido á amplitude da súa forquita (PP 37-41, PSOE 22-24, BNG 9-11 e AGE 2-4). En todo caso ningunha das dúas cuestiona a vitoria de Feijoo (apenas un escenario de catro posibles para Faro), a entrada no Hórreo de Beiras e Díaz e un suave descenso do PSOE e BNG. Como coinciden ambas as dúas nos fracasos de Mario Conde, UPyD e Compromiso por Galicia (a pesar de que Bascuas sexa para a do Faro o segundo líder mellor valorado), formacións que estarían lonxe sequera de acadar aquel vello 3 % nalgunha das provincias. Debullando os datos de corpo oito convén reparar na aínda elevada porcentaxe de indecisas, como da abstención prevista que superaría na sondaxe de Faro en 7,8% a de 2009, o que semella favorecería a maioría do Partido Popular. Como tamén é clarificador o feito de que sexa na provincia de Pontevedra onde parece que o PP podería perder a maioría, no caso de que cedese un escano a algunha das candidaturas nacionalistas, con máis probabilidades a de AGE. Mágoa do debate non celebrado Feijoo / Beiras pensarán algúns. No entanto, en ambas as dúas sondaxes é moi difícil detectar unha pulsión intensa de cambio. Quizais aí resida a cerna do resultado do vindeiro domingo.

La Región non publicou onte sondaxes, mais si este balance da Galicia de Feijoo.

[Actualización: A sondaxe anunciada ás 8 da mañá pola SER aventura a vitoria moi axustada do PP (37-38), cunha importante baixada do PSOE (19-20) e un crecemento considerable dun nacionalismo de esquerdas dividido, BNG (11-12) e AGE (6-7). O dato que máis me impactou foi que o 60 % das persoas consultadas prefire un cambio de goberno, así como que o 49,5 % prefire que non haxa un partido que conte con maioría absoluta, o que supoñería que agroma por vez primeira na campaña e con claridade unha pulsión transformadora. Comeza unha semana decisiva.]

Onte 398: Feijoo / Jorquera

O debate entre Feijoo e Jorquera foi intenso nos contidos e tenso nas formas, sendo o seu resultado incerto para o electorado non adscrito a algunha das súas posicións. Demostrou a solidez diesel de Jorquera que soubo cantarlle ao presidente as verdades do barqueiro, dende a falsidade do déficit até os recortes educativos e sanitarios, sen concederlle apenas acougo; aínda que errou confesando, innecesariamente, o seu deportivismo e denunciando unha coalición do PP con Mario Conde, hoxe inverosímil. O debate serviulle a Feijoo para meter medo ao electorado indeciso cos desacordos e trasacordos que tería un goberno de “multicoalición”, no que participasen os nacionalistas; argumento que levou até o delirio cando culpou á “alianza de BNG e PSOE como os que provocaron a crise”. O presidente demostrou que quedou tocado coa información de El País-Galicia sobre a transferencia do déficit, como evidenciou o seu desinterese por chegar a acordos cos nacionalistas sobre os temas claves do autogoberno galego: a lingua, a reforma estatutaria e o financiamento. Tras os debates, a campaña colleu maior interese. O resultado do 21-O continúa sendo imprevisible.

Onte 397 Jorquera / Vázquez

A tertulia que mantiveron Jorquera e Vázquez servíu para visualizar que existe unha alternativa ao goberno de Feijoo. Un encontro sereno, tamén inevitablemente máis aburrido co do luns, que permitíu que cada un dos candidatos presentase de xeito tranquilo as liñas principais do seu programa. Vázquez foi máis condescendiente xa que se presentaba como aspirante a presidente dun goberno progresista, mentres Jorquera tratou de poñer en evidencia algunhas das diferencias que os separan. Con todo, ambos os dous amosaron que hai coincidencias abondas para acadar un acordo nos temas principais: un novo sistema de financiamento, aumento da fiscalidade ás rendas altas, desenvolvemento pleno do autogoberno e mantemento das políticas sociais. Como na noite anterior, Pachi soubo utilizar unha linguaxe máis achegada á da cidadanía, aproveitando o espazo para lembrarlle a Feijoo a ocultación do desvío de 400 millóns do orzamento de 2010 para o de 2011. Francisco Jorquera amosou que é un político diesel, fiable, rigoroso e documentado, aínda que como menos reprís que o socialista. Gustoume moito a oportunísima referencia do nacionalista á lingua, vencellándoa ás industrias culturais consideradas como un factor produtivo. Onte enxergouse unha raioliña de esperanza.

Onte 396: Feijoo / Vázquez

Pachi Vázquez superou ao presidente. O aspirante gañou cada un dos tres treitos do debate (emprego, benestar, autogoberno) tanto pola súa actitude ofensiva como por manexar unha axenda pública máis próxima ás preocupacións da cidadanía. Coa excepción da enleada sobre a existencia dos contratos de Pemex -onde teño a convicción que o presidente leva a razón-, Vázquez soubo poñer en evidencia a frouxa xestión do goberno Feijoo, mesmo nas políticas de austeridade e redución do déficit, como hoxe demostra a edición de El País Galicia. Gustei que Vázquez agardase ao derradeiro treito para sacar con moita elegancia e claridade a necesidade de recuperar os consensos forxados nas décadas anteriores arredor da lingua e o seu compromiso de derrogar o decreto de Plurilingüismo. As apelacións de Feijoo á “Galicia libre e bilingüe” e ao que despois denominou “bilingüismo cordial” foron decepcionantes, como patética a súa despedida en castelán. Mágoa que nin o presidente nin o aspirante fixesen algunha propostas programática de certa entidade para afrontar a saída da crise. Con todo, o primeiro debate na televisión e radio pública galegas serviu para amosar que non hai tanta distancia entre Vázquez e Feijoo como expresan as sondaxes.