Onte 402: Novas sondaxes

Coincidindo co derradeiro domingo de campaña publícase unha nova xeira de sondaxes. Mentres  LVG continúa co seu barómetro diario, que non achega novidades (PP 39, PSOE 21, BNG 10 e AGE 5), o Faro de Vigo e La opinión da Coruña publican unha enquisa de 1.400 entrevistas, realizada antes do comezo da campaña, que aparentemente pode ser resultar pouco clarificadora debido á amplitude da súa forquita (PP 37-41, PSOE 22-24, BNG 9-11 e AGE 2-4). En todo caso ningunha das dúas cuestiona a vitoria de Feijoo (apenas un escenario de catro posibles para Faro), a entrada no Hórreo de Beiras e Díaz e un suave descenso do PSOE e BNG. Como coinciden ambas as dúas nos fracasos de Mario Conde, UPyD e Compromiso por Galicia (a pesar de que Bascuas sexa para a do Faro o segundo líder mellor valorado), formacións que estarían lonxe sequera de acadar aquel vello 3 % nalgunha das provincias. Debullando os datos de corpo oito convén reparar na aínda elevada porcentaxe de indecisas, como da abstención prevista que superaría na sondaxe de Faro en 7,8% a de 2009, o que semella favorecería a maioría do Partido Popular. Como tamén é clarificador o feito de que sexa na provincia de Pontevedra onde parece que o PP podería perder a maioría, no caso de que cedese un escano a algunha das candidaturas nacionalistas, con máis probabilidades a de AGE. Mágoa do debate non celebrado Feijoo / Beiras pensarán algúns. No entanto, en ambas as dúas sondaxes é moi difícil detectar unha pulsión intensa de cambio. Quizais aí resida a cerna do resultado do vindeiro domingo.

La Región non publicou onte sondaxes, mais si este balance da Galicia de Feijoo.

[Actualización: A sondaxe anunciada ás 8 da mañá pola SER aventura a vitoria moi axustada do PP (37-38), cunha importante baixada do PSOE (19-20) e un crecemento considerable dun nacionalismo de esquerdas dividido, BNG (11-12) e AGE (6-7). O dato que máis me impactou foi que o 60 % das persoas consultadas prefire un cambio de goberno, así como que o 49,5 % prefire que non haxa un partido que conte con maioría absoluta, o que supoñería que agroma por vez primeira na campaña e con claridade unha pulsión transformadora. Comeza unha semana decisiva.]

Onte 398: Feijoo / Jorquera

O debate entre Feijoo e Jorquera foi intenso nos contidos e tenso nas formas, sendo o seu resultado incerto para o electorado non adscrito a algunha das súas posicións. Demostrou a solidez diesel de Jorquera que soubo cantarlle ao presidente as verdades do barqueiro, dende a falsidade do déficit até os recortes educativos e sanitarios, sen concederlle apenas acougo; aínda que errou confesando, innecesariamente, o seu deportivismo e denunciando unha coalición do PP con Mario Conde, hoxe inverosímil. O debate serviulle a Feijoo para meter medo ao electorado indeciso cos desacordos e trasacordos que tería un goberno de “multicoalición”, no que participasen os nacionalistas; argumento que levou até o delirio cando culpou á “alianza de BNG e PSOE como os que provocaron a crise”. O presidente demostrou que quedou tocado coa información de El País-Galicia sobre a transferencia do déficit, como evidenciou o seu desinterese por chegar a acordos cos nacionalistas sobre os temas claves do autogoberno galego: a lingua, a reforma estatutaria e o financiamento. Tras os debates, a campaña colleu maior interese. O resultado do 21-O continúa sendo imprevisible.

Onte 397 Jorquera / Vázquez

A tertulia que mantiveron Jorquera e Vázquez servíu para visualizar que existe unha alternativa ao goberno de Feijoo. Un encontro sereno, tamén inevitablemente máis aburrido co do luns, que permitíu que cada un dos candidatos presentase de xeito tranquilo as liñas principais do seu programa. Vázquez foi máis condescendiente xa que se presentaba como aspirante a presidente dun goberno progresista, mentres Jorquera tratou de poñer en evidencia algunhas das diferencias que os separan. Con todo, ambos os dous amosaron que hai coincidencias abondas para acadar un acordo nos temas principais: un novo sistema de financiamento, aumento da fiscalidade ás rendas altas, desenvolvemento pleno do autogoberno e mantemento das políticas sociais. Como na noite anterior, Pachi soubo utilizar unha linguaxe máis achegada á da cidadanía, aproveitando o espazo para lembrarlle a Feijoo a ocultación do desvío de 400 millóns do orzamento de 2010 para o de 2011. Francisco Jorquera amosou que é un político diesel, fiable, rigoroso e documentado, aínda que como menos reprís que o socialista. Gustoume moito a oportunísima referencia do nacionalista á lingua, vencellándoa ás industrias culturais consideradas como un factor produtivo. Onte enxergouse unha raioliña de esperanza.

Onte 396: Feijoo / Vázquez

Pachi Vázquez superou ao presidente. O aspirante gañou cada un dos tres treitos do debate (emprego, benestar, autogoberno) tanto pola súa actitude ofensiva como por manexar unha axenda pública máis próxima ás preocupacións da cidadanía. Coa excepción da enleada sobre a existencia dos contratos de Pemex -onde teño a convicción que o presidente leva a razón-, Vázquez soubo poñer en evidencia a frouxa xestión do goberno Feijoo, mesmo nas políticas de austeridade e redución do déficit, como hoxe demostra a edición de El País Galicia. Gustei que Vázquez agardase ao derradeiro treito para sacar con moita elegancia e claridade a necesidade de recuperar os consensos forxados nas décadas anteriores arredor da lingua e o seu compromiso de derrogar o decreto de Plurilingüismo. As apelacións de Feijoo á “Galicia libre e bilingüe” e ao que despois denominou “bilingüismo cordial” foron decepcionantes, como patética a súa despedida en castelán. Mágoa que nin o presidente nin o aspirante fixesen algunha propostas programática de certa entidade para afrontar a saída da crise. Con todo, o primeiro debate na televisión e radio pública galegas serviu para amosar que non hai tanta distancia entre Vázquez e Feijoo como expresan as sondaxes.

Onte 254: O futuro do papel

Foi unha bonita experiencia participar como convidado na tertulia do programa «No es un día cualquiera» de RNE 1, que se celebrou en Pontevedra. Co afán didáctico que caracteriza o programa de Pepa Fernández, abordamos unha boa parte dos tópicos arredor do «futuro do papel», dende a posibilidade de desaparición das edicións impresas ás vantaxes e inconvenientes dos libros electrónicos. Como noutros debates semellantes, foi o meu interese introducir entre os temas a cuestión do futuro da lectura, situándoa por riba dos soportes utilizados, así como o de subliñar que neste periodo de tránsito a edición ten un carácter híbrido, na que coexiste a utilización de soportes impresos, dixitais e expandidos, e a lectura realízase tanto sobre textos como hipertextos. Nas intervencións e comentarios dos participantes chamoume a atención a unanimidade en considerar máis sostible, dende o punto de vista medioambiental, a edición electrónica ca impresa, así como a escasa atención ao futuro da rede de librarías. Opinións que obrigan a reflexionar.

Onte 210: 291.289,43€

A querela da fiscalía por fraude fiscal contra Gerardo Conde Roa é un escándalo. Debullando sobre o relato do caso, non sei o que me produce maior repugnancia: se o feito de que deixase de declarar 291.289,43€ do IVE, que cobrou aos clientes aos que vendeu 61 vivendas de protección oficial, ou se a súa teimosa actitude negando durante catorce minutos nunha entrevista en Radio Galicia que descoñecía o expediente, un feito que negan de forma contundente diversas informacións. Máis alá das responsabilidades penais que o alcalde de Santiago dirima diante do xuíz Vázquez Tain, anoxa o comportamento ético deste cargo público nun tempo no que se lle piden os maiores sacrificios fiscais á cidadanía. Conde Roa debe dar decontado unha explicación aos seus veciños sobre eses 291.289,43€. De non facelo, a súa demisión semella inevitable. Núñez Feijoo e o PPdeG deben facer fronte a un grave problema político.

Onte 162: O conde Waldemar

Xa imaxinaba que ía interesar moito a biografía de Manuel Rodríguez Saa, o conde de Waldemar, o mago, prestidixitador, ilusionista e telépata de sona internacional nacido en Portomarín. Xosé Díaz e Belén Fernández descubren no seu libro o sorprendente itinerario vital e profesional deste galego de aldea que durante o primeiro terzo do século XX percorreu o planeta enteiro e chegou a vivir uns anos dourados da súa vida en Filipinas, onde casou cunha millonaria. Falecido, hai case trinta anos, Carlos Coira e o Mago Antón aínda tiveron oportunidade de coñecelo e, dende entón, consideralo como o referente indiscutible da actual xeración de magos galegos. O doutor Saa –tamén chamado «rei dos magos» e «mago dos reis»– é outra desas figuras galegas de lenda, unha desas personalidades míticas por descubrir e reivindicar. Un libro do que me sinto moi orgulloso ter editado e recomendo moi vivamente.

Onte 135: Vitaminas para o galego en Redondela

Magnífica foi a presentación do proxecto Vitaminas para o galego en Redondela, na que tiven a honra de participar en representación de Prolingua. Alleos ao serán festeiro do día de San Sebastián e a súa estrondosa foguetería, medio cento persoas encheron o salón da Casa da Cultura para apoiar esta iniciativa cívica destinada a fortalecer os medios de comunicación en galego. En todas e cada unha das intervencións da mesa salientouse que o futuro da lingua galega é unha responsabilidade compartida; unha tarefa na que as Administracións Públicas deben desenvolver as tarefas a elas encomendadas na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, mais na que tamén todos e cada un de nós, sexa no ámbito do público coma no privado, debemos constituírnos en axentes activos de galeguización. Salientouse, ademais, a necesidade de contar cun espazo comunicacional en galego, un requisito imprescindible para definirnos como país, con soportes diversos e plurais na prensa, radio, televisión e internet. O excelente e moi emocionante discurso de Henrique Sanfiz, primeiro promotor destas Vitaminas para o galego e fundador de Radiofusión, adaptando para o caso aqueloutro de Martin Luther King, e a actuación de Roi Casal e Silvia Ferre, pecharon un serán que moito pagou a pena.

Onte 128: Música en galego

Xa son moitas as persoas coas que amiguei nestes últimos sete anos grazas aos blogs, unha das cousas polas que estou máis agradecido de participar no blogomillo. Foi onte cando me atopei por vez primeira con Xosé das Patas, o promotor dese magnífico blog que é Música en Galego. Xosé púxome ao día dos seus proxectos para este espazo completísimo da música popular en galego, onde podemos escoitar dende as voces pioneiras até as propostas máis recentes. Falamos, tamén da súa Radio, na que emite de forma continuada música na nosa lingua. Xosé das Patas desenvolve un traballo galeguizador enorme, ao tempo que de forma desinteresada axuda a visibilizar todos os eidos da música en galego: libros, discos, vídeos, festivais, espazos na rede e calquera tipo doutras iniciativas. Un esforzo que merece todas as nosas beizóns. Recomendo vivamente seguir o seu blog e a súa radio.

Onte 91: Anfiteatro GZ radio

Conectei o blog de xeito permanente con Anfiteatro GZ radio, unha emisora libre que emite en Internet en galego as vinte e catro horas coa intención de fomentar a música e a literatura de noso. Polo momento, emite só música, cunha importante presenza da galega, aínda que pretende completar a programación con novas de actualidade e programas sobre cine e literatura. Para que este novo medio en galego poida manter o seu dominio virtual precisa conseguir unha media diaria de 130 horas de audiencia, entre todos os seus oíntes. Axudaremos a conseguilo se empotramos o seu reprodutor en cada un dos nosos blogs e o mantemos en «play» (se preferirmos o silencio, abonda con baixar o volume). O futuro deste novo proxecto de comunicaicón colaborativa depende de nós. Difunde, espalla e comenta.