Celebrouse onte do día das librarías, unha data de reivindicación do valor destas imprescindibles institucións culturais e comerciais de proximidade. Data na que se actualiza, agora nas xanelas das redes sociais, o dinamismo daquelas librarías que mellor se veñen adaptando ao proceso de hibridación dixital, á mudanza dos hábitos do consumo cultural e, sobre todo, a competencia con Amazon, o xigante monopolístico da distribución cultural e do consumo de produtos de lecer en tempos de pandemia.
Xaora, sería inxusto nesta data esquecer a memoria das librarías desaparecidas, sobre todo as máis afoutas e heroicas, as especializadas en libro galego, hoxe colocado nun inxusto segundo plano, mesmo nas librarías que hoxe contan nos medios e nas redes de máis visibilidade. Librarías cuxas pegadas quedaron impresas mentres viva no meu itinerario de lector e editor en lingua galega. Lembro a Andel de Xaime e Concha Nogueira, o facho que durante dúas décadas iluminou en Vigo o libro e disco galego, a que tanta debemos as editoras en lingua galega. Lembro a Libraría Mañán de Nacho, especializada en Vigo dende comezos de 1980 no libro educativo e infantil e xuvenil, para min a institución primeira onde me formei como mestre galeguista. Lembro a Libraría Ir Indo das galerías de Príncipe, onde coñecín a Roberto Pérez Pardo, Bieito Ledo e Benjamín, que cando era un mociño universitario tiveron a xenerosidade de abrirme conta. Lembro a Libraría A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, onde merquei algúns dos meus primeiros libros en galego. Lembro a Libraría Castelao dos Choróns, a do inesquecible Fernando Pereira, onde acudín a primeira presentación dun libro. Lembro a Curros Enriquez de Cánovas del Castillo, onde Xerais presentou os seus primeiros libros. Lembro a Libraría Bertrand de Príncipe, toda unha ilusión efémera, onde presentei por vez primeira un libro como editor….
Como sería inxusto non lembrar nesta data ás miñas librarías viguesas de referencia, Librouro e Cartabón, onde acudo a encher os meus depósitos de esperanza. Na Librouro do vello Patiño e de Munda merquei de contrabando o meu exemplar de peto de Sempre Galiza (1977), a libraría de Xurxo Patiño onde despois de catro décadas continúo entrando co entusiasmo inquedo do primeiro día. Na Cartabón de Gonzalo e Maribel vivín algúns dos momentos máis felices e, tamén, máis tristes do meu oficio como editor, amparado polo agarimo dunha parella de libreiros que fixeron da súa profesión unha forma digna de vivir e dende alí intentar transformar o mundo.
Como tampouco podo esquecer tantas pequenas librarías independentes da xeografía nosa que me acolleron durante décadas cos brazos abertos como editor: a Couceiro de Compostela de Suso e Pablo, a libraría onde quizais presentei máis veces; a Pedreira de Santiago de Antón e Chus, onde presentei o meu último libro como editor; a Lila de Lilith de Santiago de Patricia Portopaderne, que mantén un compromiso heroico co catálogo feminista; as Sargadelos de Santiago e Ferrol, que o espírito do gran Isaac converteu en auténticos ateneos; a Trama de Lugo de Jorge Coira, unida sempre na miña memoria á dramática presentación da última novela de Xabier DoCampo; a Nós de Sanxenxo de Xaime Corral, sempre un porto seguro de afecto e entusiasmo; a Paz de Pontevedra de Cano, un océano cultural onde sei sempre vou atopar algo interesante; a Lume da Coruña de Lola, onde vivín algúns dos días máis felices como editor; a Torga de Ourense de Xavier Paz, desaparecida desgrazadamente tras a primeira crise destes anos dez; a Biblos de Betanzos de Tucho e Carme, unha fantasía extraordinaria e elegante; a Miranda de Bueu de Fernando; a Wells de Cangas de Carlos; a Maraxe de Cangas de Lito; o Pontillón de Moaña do finado Benxamín …
Grazas, Xaime, Concha, Nacho, Roberto, Bieito, Benjamín, Xurxo, Amparo, Gonzalo, Maribel, Suso, Pablo, María, Antón, Chus, Patricia, Jorge, Xaime, Cano, Lola, Xavier, Tucho, Carme, Fernando, Carlos, Lito, Benxamín …, libreiros e libreiras da miña memoria e da miña vida, non sei como hei pagar a débeda que teño con vós.