Onte 1989: Premios Xerais 2018

Resultou moi brillante e emotiva a cerimonia do serán de onte no Museo do Mar de Alcabre na que se entregaron os Premios Xerais 2018. Tras unha ducia de edicións na illa de San Simón, tras trinta e cindo edicións, Xerais inicia para os seus premios literarios unha nova etapa noutro espazo arquitectónico e paisaxístico emblemático da ría de Vigo e faino cun formato de acto literario novidoso e innovador, protagonizado polas obras xa editadas, que recibiron como aliciente todos os asistentes.

Marabilloume o ritmo da cerimonia e o deseño gráfico dos espazos, rotundo, claro, protagonizado pola emotividade do noso pantone vermello diante do que foi a loxa onde se celebraban as poxas do Berbés. Gustei moito das palabras de firmeza e esperanza coas que Fran Alonso abriu o acto, moi consciente de que o éxito da edición radica en concebila como unha tarefa realizada por pequenos grupos cohesionados en diálogo permanente coa creación literaria e co coñecemento do seu tempo. Como gustei das tres conversas coa gañadora e os dous gañadores da xornalista Teresa Cuíñas, modelo de rigor e amenidade, unha veterana compañeira de viaxe da editorial dende hai dúas décadas que moito admiramos.

Como extraordinarias foron tamén as palabras de gratitude de Carlos Negro en defensa da poesía na cultura actual, de Héctor Cajaraville (para quen non teño palabras para agradecerlle o seu agarimo comigo) reclamando o protagonismo do lectorado máis novo, e da Emma Pedreira que leu un poema soberbio, marabilloso, que deixou tremendo aos asistentes. Como inesquecibles foron as intervencións nas pantallas de tres youtubeiras que presentaron cada un dos premios, o Xerais, Besta do seu sangue, o Merlín, Kusuma, e o Jules Verne, Aplicación instantánea; unha iniciativa de comunicación literaria moi xeitosa que abre vieiros na rede para o protagonismo da lingua galega.

Por se todo isto non abondase, o cadro da editorial entregoume de forma completamente inesperada, unha das estatuíñas dos premios, un agasallo para min absolutamente extraordinario co que nunca soñara, que xa preside a biblioteca onde gardo todo o fondo da editorial. O mellor recoñecemento posible para toda a miña vida de editor en lingua galega, que nunca saberei agradecer como merecen estas sete persoas que mo outorgaron por min tan queridas.

Non hai dúbida que o novo formato de entrega dos Premios Xerais, coa presentación de tres excelentes edicións, marca outro fito innovador no noso sistema literario. No entanto, foi a estrela dos afectos ao solpor, entre as xanelas do Museo deseñado por Aldo Rossi, o que todos onte máis agradecemos. Parabéns, moitos, meus compañeiros e compañeiras! Beizón!

Onte 1986: Comeza unha renovada Feira do Libro da Coruña

No día de inauguración da Feira do Libro da Coruña agradecín que, despois de non faltar en ningunha das últimas vinte e cinco edicións, os organizadores me convidasen a conversar con Manuel Gago arredor da súa novela máis recente O exército de fume. Unha deferencia que moito agradecín, mais aínda cando resultou tan interesante o formato conversado da presentación, tanto para o público que encheu a carpa como para o propio autor e editor. Unha mudanza significativa de formato, ademais das comodidades das novas instalacións, introducidos polo novo modelo organizativo da feira compartido entre a Federación de Librarías de Galicia e o Concello da Coruña, o que constitúe un acordo histórico para enxergar un novo futuro para o conxunto das feiras do libro de Galicia.

O feito de contar con máis trinta librarías participantes, con dúas carpas de programación literaria simultánea, a carpa grande e a infantil, con máis de oitenta autores e autoras asinando nas librarías, así como ofrecer unha intensa presenza nas redes sociais, tanto en Facebook como Twitter, imprimen a esta feira da Coruña un gran dinamismo e a consolidan como referente indiscutible da actividade editorial e libreira en Galicia.

Souben que pola mañán o meu admirado Xavier Senín dedicou o pregón ao mestre Xabier DoCampo, un dos fixos desta feira coruñesa, a quen onte tivemos moi presente na nosa memoria. Convido a non perder este programa literario excelente, onde Xerais ten unha participación destacada, que por riba a partir do 6 de agosto se comparte coas actividades e as casetas de Viñetas desde o Atlántico. Parabéns aos organizadores por convertir a Coruña en capital do libro en Galicia.

Onte 1984: «O exército de fume» de Manuel Gago, presentación en Compostela

Presentación memorable a de onte en Cronopios na que estreamos en Compostela O exército de fume, a segunda novela de Manuel Gago. As intervencións da libreira Mercedes Corbillón, do historiador Lourenzo Fernández Prieto e do autor, precederon a unha emocionantísima e inesquecible sesión de contos de guerra e resistencia de Soledad Felloza, Celso Fernández Sanmartín e María da Pontragha.

Foi a de onte, tamén unha oportunidade para expresar a nosa gratitude e recoñecemento a Manuel Gago, un autor co que me sinto identificado no seu proxecto de refundación da novela histórica e de ampliación dos límites dos públicos para a narrativa galega. Desque en 2013 publicou Vento e chuvia. Mitoloxía da vella Gallaecia, un libro de narración, dificilmente clasificable, compartimos con Gago a experimentación de formatos de edición estendida e de formas diversas de comunicar co público lector. Cada novo título publicado con Manolo Gago é unha oportunidade para o editor de aprendizaxe e reflexión. Cada nova entrega é un reto para ampliar os públicos utilizando os recursos dunha ficción histórica de longo alento, alicerzada sobre unha documentación rigorosa, tecida sobre tramas trepidantes e textualidade engaiolante. Tanto na súa estrea na colección Narrativa, O anxo negro, como nesta segunda entrega, O exército de fume, Gago ofrece unha ficción orientada a recuperación dunha identidade galega esquecida ou agochada, nun concienciudo labor de construción de memoria. Un proxecto no que está moi comprometido como un dos nosos mellores divulgadores históricos e culturais, que emprega diversos soportes e formatos para o seu labor.

Se n’O anxo negro abordaba o expolio do noso patrimonio e o heroísmo dun grupo de humildes para recuperalo, n’ O exército de fume fusiona na primavera de 1942 dous fitos históricos: a presenza dos submarinos alemáns na costa e portos das cidades galegas e as actuacións dos membros da guerilla antifascista na provincia da Coruña. A partir de feitos transformados en lenda, Gago constrúe unha ficción sorprendente utilizando os ingredientes xustos de intriga, aventura,  amor, política e historia. Sería absurdo entrar a valorar escenas e acontecementos, algúns extraordinarios, narrados con fidelidade a unha documentación moi coidada, nin tampouco explicar as claves da presenza nazi en Galicia. Xaora, é moi difícil resistirse a non expresar admiración polo tratamento que a novela achega das persoas fuxidas no monte, homes e mulleres, ou de personaxes históricos como Urbano Lugrís, o pintor das grandes máns, que coma ningún outro pintou as mariñas do exilio interior.

Onte 1983: Conversa con Ledicia Costa sobre as súas mulleres revolucionarias

Resultou excelente a conversa que na Feira do Libro de Vigo mantiveron onte o editor Fran Alonso e a escritora  Ledicia Costas sobre as mulleres revolucionarias na obra da escritora viguesa. Tres cuartos de hora de amena reflexión literaria, onde non faltaron as anécdotas e o humor, sobre as protagonistas da literatura de Costas, mulleres revolucionarias, rebeldes, empoderadas; unha conversa na que se percorreu toda a obra literaria, xa unha ducia de títulos, dunha autora que en apenas seis anos se convertiu nun referente da literatura galega do noso tempo.

Comezou Fran Alonso preguntando a Ledicia se fora ela tamén unha nena rabuda coma o son as súas personaxes, ao que Costas respondeu confesando que fora unha nena sensible, tímida, «aprendín a ser rabuda lendo, fun unha nena moi lectora, aprendín a comprender o mundo a través dos libros». De aí a conversa pasou a falar do personaxe de Esmeraldina, personaxe que a autora considera «unha nena rabuda por excelencia, está indignada por estar morta, por ser unha fantasma». Costas lembrou que aos cinco anos visitaba o cemiterio da man do seu avó. «Alí lin nomes extraordinarios como Casimiro Blanco Blanco. Quizais por iso foime tan sinxelo construír o personaxe de Escarlatina. A rabudez e o tema macabro non foron cuestión alleas na miña infancia». «Como tampouco o foi o interese pola cociña, a pesar de que cociño fatal, a min gústame probar. Teño unha relación estreita coa cociña porque miña nai é unha gran cociñeira e miña irmán unha gran reposteira».

«Incluín a cociña en Escarlatina comprobando como as mulleres sempre estivemos relegadas na alta cociña, a pesar de ser as que se ocupan da cociña e dos coidados na familia. Observei que cando se puxeron de moda os programas de cociña na televisión todos os chefs eran homes. Ás mulleres prohibíaselle o acceso a esa posición de poder. “Diso nada”, pensei. Nos meus libros son as mulleres as que cociña e as que saben facelo. Os meus libros son unha homenaxe ás nais e as avoas que nos alegran o estómago e sobre todo, o corazón». Ledicia contou como nos centros escolares se foi formando unha auténtica comunidade gastronómica a partir das receitas de Escarlatina: «Nun IES fun recibida por catro mesas cheas de larpeiradas a partir de receitas dos libros. Pretendía que eu fose o xurado dun concurso que organizarara e probase cada un dos dos 356 petiscos. Quererían matarme ou acabar comigo?»

«Esta é outra das experiencias extraordinarias que teño vivido nos meus encontros co lectorado nos centros escolares, centos e centos que teño visitados nestes últimos cursos. Sei que algunhas receitas son difíciles, trátase de cociña francesa, moi elaborada e complexa, pero así todo aí están os pratos, riquisimos. Estas experiencias nos centros son inesquecibles para min. É fantástico cando a literatura dá un chouto e chega a outras partes». «Como tamén o está sendo a utilización do humor macabro para abordar o tema da morte. Sempre me considerei unha persoa seria, xaora síntome moi cómoda escribindo con humor». «Desa pulsión humorística naceu o personaxe de Lady Horreur, esa araña macabra que é tamén a voz da conciencia de Escarlatina, capaz de dicirlle as cousas claras, de cuestionala e motivala. Sempre crin que tiña que ser unha araña con acento francés. Gústame ese personaxe».

Fran Alonso levou a conversa despois ás mulleres planta que protagonizan Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. «Sempre quixen contar cunha obra que tivese un peso vexetal específico. De aí naceu a idea de crear unha estirpe de mulleres con corpo humano e alma de planta. Ben é certo que todos os personaxes históricos son homes, Jules Verne e Antonio Sanjurjo Badia, e son as mulleres plata as que introducen o elemento fantástico. Esta novela deume pé a homenaxear ao Vigo de finais do XIX, o que coñeceu Jules Verne cando desembarcou no peirao da Laxe. Un Vigo que daquela estaba en movemento, en expansión. O proceso de documentación foi moi amable, cheguei a ter saudades daquel Vigo que non cocñecín. A axuda dos membros do Instituto de Estudios Vigueses facilitoume moito o traballo. Esta foi a miña homenaxe a miña cidade, síntome unha viguesa orgullosa». A conversa deu un chouto no tempo e xirou arredor de Un animal chamado néboa, un libro de relatos publicado na colección de Narrativa,onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico da Segunda Guerra Mundial.

Ledicia Costas lembrou o personaxe de Catarina Salicheva, «unha nena de doce anos que morreu xunto a toda a súa familia durante o cerco de Stalingrado, a temperaturas de 30 graos baixo cero». «É estarrecedor o diario de Catarina, un diario de apenas un día, unha testemuña de como van morrendo, unha a unha todas as persoas da súa familia. Catarina Salicheva é filla da dor e da fame. O seu diario merece ser lembrado, como o de Ana Frank». «No libro tamén se recupera a historia das mulleres prostituídas, recluídas nos campos de concentración Ravensbruck e Mathausen, sobre as que hai apenas documentación. Outro episodio da hsitoria das mulleres que permanece case oculto». A conversa seguiu sobre a creación do personaxe da señorita Bubble e a estética steampunk, presente tamén en Jules Verne e as mulleres planta e no libro máis recente, As peripecias de Extravaganzza Pérez, estética baseada na revolución industrial e na época vitoriana, onde se fai un alegato a prol do valor da ciencia e da tecnoloxía.

Avanzou a conversa falando do personaxe de Extravaganza; «un personaxe raro, ligado á defensa da ecoloxía, «Extravaganzza é unha nena que naceu cunha descapacidade moi grave, ten que superar obstáculos, razón pola que lle dei unha extracapacidade, a de comunicarse cos animais de forma silenciosa, non verbal», «foi este un libro no que pretendín unha defensa férrea a ecoloxía». Xa no remate da conversa, Fran Alonso preguntou a Ledicia Costas sobre os personaxes de Isla, protagonista d’ O corazón de Xúpiter, e Nube de Recinto gris, novela que a autora considerou unha das súas obras máis complexas, na que pretendeu abordar a aceptación da diversidade. Rematou a conversa, lembrando o editor que Reina fora o primeiro personaxe da autora, a xitana d ‘ Unha estrela no vento, e que ägata o será da próxima, A balada dos unicornios, premio Lazarillo de literatura xuvenil 2017, que Xerais publicará no vindeiro mes de setembro. Tras a conversa comezou unha animada sesión de asinaturas.

Onte 1981: Pregón da Feira do Libro de Vigo

Onte tiven a honra de pronunciar o pregón da Feira do Libro de Vigo, un dos maiores orgullos dos que gocei na miña vida de editor. Xaora, puiden comprobar, outra vez máis, o escaso interese institucional do acto para os responsables do concello de Vigo.

Deixo o texto en pdf no que homenaxeo ao editor vigués Eugenio Barrientos «Tetilla», fundador da proeza que foi a editorial Cíes de literatura popular, e reclamo dignidade para o libro galego como sector estratéxico para Galicia. Un texto, homenaxe ao mestre Xabier DoCampo, no que tamén reflexiono sobre o valor actual do libro e da lectura e no que propoño a recuperación do proxecto de Vigo llegit, como festival internacional do libro de Vigo. Agradezo o agarimo das persoas amigas que me acompañaron nesta xornada coa que sei pecho unha etapa profesional na que pretendín defender a edición en galego como un piar para o futuro da nosa lingua e da nosa cultura.

Texto do pregón en pdf.

Onte 1975: Presentación de «Contra Todo Isto» no Tamberlick

Serán memorable o de onte no que nas escaleiras do Tamberlick, o teatro circo vigués onde se celebrou a terceira das asembleas das Irmandades da Fala, en abril de 1921, presentamos Contra Todo Isto, o libro-manifesto de Manuel Rivas. Máis de cen persoas participaron nun acto organizado por Xerais e Librouro no que co megáfono a escritora María Reimóndez actuou de madriña dunha obra que definiu como «libro para a reflexión e para a acción». Tras lembrar o pasamento de Ramón Chao, «mestre como escritor e xornalista rebelde», e aquel berro situacionista ˝que non haxa tempos mortos”, Rivas foi contestando ás cuestións propostas por Reimóndez sobre as intencionalidades e os contidos dun ensaio político e literario sobre «un tempo de pensamento groseiro, de progreso retrógado, que bombarde a utopía e a esperanza».

Rivas confesou que a súa intención fora «facer un activismo contra o medo, un activismo da liberdade, que non é outra cousa o xornalismo e a literatura». «Foi o que Katy, unha supervivente da trata de mulleres, definiu con extraordinaria precisión: “O oficio máis antigo do mundo non é a prostitución, é mirar para outro lado”. O libro pretende ser un lugar rebelde, contra a indiferencia, contra o cinismo, contra ese gran partido transversal que é o partido conformista». «Foi detonante da aparición do libro tanto a proposta dos editores de ordenar un material xornalístico xa publicado como a persecución da liberdade de expresión nun tempo de descivilización, de odio ao diferente, de impunidade, de incremento das desigualdades. Escribín o libro con bastante intensidade e excitación sabendo que nos están a roubar a liña do horizonte, que pretenden roubarnos o futuro, baleirarnos as reservas de esperanza».

A seguir María Reimóndez propuxo a Rivas que reflexionase sobre os espazos transversais e os entrecruzamentos que propón o pensamento feminista presentes no libro. Rivas confesou que está escribindo unha novela na que ten moita presenza a natureza. «Estaba a falar de vagalumes, que deitan luz na escuridade, e de grilos, e decateime que son seres en extinción, escoitei entón o berro das palabras. Por iso no libro se fala de ecoloxía e dos dereitos dos animais. Mais tamén é un libro no que se reivindica o comunitario e se denuncia a guerra infame contra a muller, que xa é moito máis que unha reivindicación das mulleres, é un cambio vida e unha forma de transformación do poder. O sistema é machista, xerárquico e depredador. Interesoume explorar tanto o histerismo masculino como que detrás da revolución feminista hai un modelo colaborativo e solidario, unha fonte de esperanza do noso tempo».

Rematou o serán coa lectura dalgúns dos aforismos, «herbas do cego« cos que Rivas pecha o libro: «Coma os vagalumes, as reservas de palabras libres, salvaxes, de pel vermella, están en perigo de extinción».

Onte 1968: O «Diario Cultural» é máis que un programa de radio

Soubemos onte á noite da intención da dirección da CRTVG de suprimir o Diario Cultural da grella da programación da vindeira tempada da Radio Galega. Unha pésima noticia para o fráxil ecosistema da lingua e cultura galega que podería perder unha das súas trabes de ouro, un engrenaxe moi potente capaz de alentar cada tarde toneladas de biodiversidade e esperanza. Unha intención que agardo sexa modificada tras a mobilización extraordinaria que se ven producindo desde que se coñeceu.

Xaora, non sexamos inocentes, esta non é a primeira vez que a actual dirección da CRTVG intenta suprimir espazos de galeguización e pluralismo da grella da programación da Radio Galega. E mesmo a pesar de constituír a difusión da cultura e a lingua galegas un dos eixos do estatuto (e da razón de ser) da CRTVG, que non esquezamos recibe unha achega institucional anual (da Xunta de Galicia) de case cen millóns de euros. A tempada pasada, sen ir máis lonxe, fomos despedidas das tertulias de informativos un bo fato de colaboradoras (a maior parte de posicións galeguistas e de esquerda) sen sequera unha palabra de gratitude ou calquera explicación.

No entanto, no caso do Diario Cultural hai aínda marxe para retificar. O programa do equipo que dirixe Ana Romaní é un patrimonio colectivo da cultura galega de entre séculos que debe ser respectado e merece ser potenciado. Sabemos canto supón anualmente o custe do DC dentro deses cen millóns de euros que recibe a CRTVG das arcas públicas? Cuantificaron os responsables desta decisión o valor da desfeita que sobre a nosa industria cultural (do libro, da música, do teatro, das artes plásticas, do audiovisual….)  podería ocasionar a desaparición do DC? Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, debería explicar canto antes cales vai ser o futuro do Diario Cultural, que é moito máis que un programa de radio.

Onte 1966: «O lobo con botas»

Unha das sorpresas recentes da nosa lix é a irrupción dos álbums de El Hematocrítico e do ilustrador Alberto Vázquez subvertindo coa ferramenta da retranca os contos tradicionais do gato con botas e o lobo feroz. Tras o extraordinario debut de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (2016), ao que seguiu Axente Riciños (2016), os coruñeses regresan este mes ás librarías coa súa versión d’ O lobo con botas, un conto precioso sobre os perigos do consumismo. Os plans tan bos do Lobo Feroz levarano a facer magníficos negocios entre os pequenos de cinco a doce anos. O gato con botas, o rei do bosque, axiña quere participación pola utilización da súa imaxe, o que provoca importantes problemas. Xaora, coa axuda do seu sobriño, o lobiño riquiño, Feroz vaille dar unha boa volta a este bosque onde habitan xigantes, dragóns, bruxas e outros mangantes. Utilizando o recurso da deconstrución do conto popular e achegándose a un humor nonsense de orixe carrolliana El Hematocrítico e Alberto Vázquez ofrecen un relato engaiolante que vai dar moito que contar, rir e pensar.

Mapa Literario de Vigo

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo ao Mapa Literario de Vigo deseñado na Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas:

Escribiu o mestre Agustín Fernández Paz que «onde hai unha biblioteca hai unha luz», xa que nesa casa de liberdade que é a biblioteca pública, «onde se respira un aire que non sabe de fronteiras», hai sempre «un punto de luz brillando con intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade». A biblioteca como espazo de privilexio para os libros, onde habitan a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, ríos de palabras que gardan a memoria e precisamos para  entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos.

Lembrei este texto que Agustín publicou con motivo do Día da Biblioteca de 2008, efeméride celebrada cada 24 de outubro para non esquecer a destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante a guerra dos Balcáns, ao fío da magnífica iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas do Calvario de elaborar o Mapa Literario de Vigo. Un proxecto que abre a biblioteca cara o mundo da creación literaria co que se pretende amosar a importancia de Vigo dentro da literatura. Un mapa que deseña dez liñas literarias (como se dun metro urbano se tratase) con setenta e oito paradas bibliográficas (correspondentes a outros tantos títulos) de máis de medio cento de autores e autoras que localizaron en espazos concretos de Vigo os seus contos, novelas, poemas e textos dramáticos. Un mapa literario da cidade nosa aberto á colaboración activa do lectorado para completalo con algunha obra que quedou atrás ou sumando algunha nova localización que non está incluída ou se vaia creando.

Un mapa literario que se ofrece como proposta para que os lectores e lectoras relacionen espazos vigueses con títulos e autores e autoras. Así a liña 01 de Cabral a Lavadores localiza no que foi a fábrica de cerámica de Álvarez algúns dos relatos de Cemiterio de elefantes de Fran Alonso, no Calvario escenas da novela Cabalos e lobos de Fran P.Lorenzo ou de El invierno de las almas desterradas, unha das novelas do alcalde Abel Caballero. Na liña 02, a que percorre o Casco Vello, o mapa localiza na Pedra unha das escenas de En vías de extinción, a novela de María Reimóndez, na Casa Bárcena Os fillos do lume de Pedro Feijoo, na rúa Real Cardume de Xina Vega, na rúa Triunfo Os novelistas utópicos de Manuel Veiga ou na Praza da Constitución Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas. E así poderiamos seguir con cada unha das dez liñas e as súas paradas nas que se van relacionando espazos urbanos con referencias literarias identificadas en cada obra nun traballo utilísimo para a  conformación do Vigo literario.

Proposta tan orixinal como a da Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, presentada coincidindo co Día do Libro, expresa a capacidade extraordinaria dos textos literarios para fixar lugares da memoria, espazos onde cristaliza e actúa de forma colectiva. Un feito que no caso de Vigo identificamos en múltiples espazos como os da Porta do Sol ou ao pé do Sireno de Leiro, presente en tantos acontecementos vividos por cada un de nós, dende manifestacións, festas a referencias privadas, mais tamén en libros como Sireno, Sireno de An Alfaya, Amor de tango de María Xosé Queizán ou Días contados de Cid Cabido. Como sucede outro tanto con edificios ou establecementos concretos, cristalizados en obras literarias concretas, como é o caso da taberna de Elixio (xa pechada) en A praia dos afogados e Ollos de auga de Domingo Villar, o Marco en Amor de serea de Jaureguizar, o colexio Alemán en Izan o da saca de Xabier Quiroga, o Quiosco das Almas Perdidas do Berbés en O señor Lugrís e a Negra Sombra de Luís Rei Núñez e no poemario Estirpe de X.L. Méndez Ferrín, o cine Roxy en Xeración perdida de Francisco Castro, a cafetaría Van Gogh en O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, a praza de España nalgún dos relatos de Un millón de vacas de Manuel Rivas, as Bodegas Bandeira en A ira dos mansos de Manuel Esteban ou o castelo de Rande en Os Megatoxos e a batalla de Rande de Anxo Fariña, por poñer só algúns exemplos.

Empregando este Mapa Literario de Vigo a cidade nosa convértese en espazo de lectura, un escenario fascinante de soños, imaxes e lembranzas. Mais tamén axuda a coñecer a nosa propia historia e fomenta a lectura das obras dos nosos autores e autoras, boa parte da nosa veciñanza, o que constitúe tamén un orgullo. Xaora, como bo mapa que é orienta na descuberta da propia cidade, nesa actitude de flaneur, do viaxeiro na propia cidade, que tantas veces aquí reivindicamos, utilizando como guía estas seis ducias de obras literarias e como cicerones aos seus autores e autoras. Non hai dúbida que unha biblioteca municipal como a Neira Vilas deita o torrente de luz que gababa Agustín Fernández Paz. Moitos parabéns para os promotores e colaboradores deste mapa que dá tanta e tan boa lectura.

A lei zombi do libro

No artigo de Luzes reflexiono sobre A lei do libro e da lectura de 2006 ao fío da xornada organizada a pasada semana no Consello da Cultura Galega:

Na xornada organizada polo polo Consello da Cultura Galega para avaliar unha década da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, cualificouna de «lei zombi, irrelevante, que camiña sen vida e que non achega nada substantivo ás políticas públicas da cultura en Galicia». Responsable da preparación do anteproxecto desta lei para ser presentada no Parlamento de Galicia, onde sería aprobada por unanimidade, na súa calidade de Secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura do goberno bipartito, foi a de Amoedo unha das voces autorizadas que durante a xornada miraron atrás utilizando o retrovisor e reclamaron a actualización dos contidos da lei do libro no marco dunhas políticas públicas integrais para o sector cultural e especificamente para o do libro e da lectura en galego.

Xaora, foi a presentación do informe Datos da edición en Galicia (2006-2016), elaborado polo Observatorio da Cultura Galega o que acendeu todos os pilotos vermellos sobre a precariedade da situación do sector dende a aprobación da lei. Un diagnóstico que o responsable do Observatorio, Hokam Casares, resumiu en catro tendencias: descenso importante do volume de produción de exemplares impresos e aumento dos editados en formato dixital; mantemento á baixa do número de títulos editados en galego, que supoñen a metade dos editados en Galicia; diminución severa do consumo de libros non de texto; resultados negativos dos balances das empresas do sector, tanto editoras, librarías como empresas de artes gráficas, a maioría delas en números vermellos ao longo da década.

Unha situación crítica, á que os diversos gobernos de Núñez Feijoo deron as costas, xa que a partir de 2009 se reduciron o conxunto das achegas ao sector do libro e da lectura nun 50 %, porcentaxe que Carlos Amoedo estimou no 70 % (pasando dos 7,5 millóns de euros de 2009 aos 2,30 millóns de euros do orzamento deste 2018), chegando até o 82 % no caso da partida anual de compra de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas. Un diagnóstico dramático avalado polas intervencións na xornada dos representantes das editoras, librarías e autoras que denunciaron a renuncia da Consellaría de Cultura a contar cun nivel de gasto acorde coas necesidades dun sector á intemperie que a lei considera estratéxico para Galicia.

O fracaso da lei do libro e da lectura de 2006 (como do plan de lectura a ela asociado), elaborada co consenso e o entusiasmo (inxenuo) do sector (proceso que na xornada reconstruíron con detalle Xavier Senín e Cristina Novoa, secretarios do grupo de traballo), reforzado polo consenso da propia cámara galega, obriga a repensar a propia estratexia do sector en Galicia, sometido ademais a retos tan complexos como os da hibridación dixital, a concentración da distribución e a banalización da cultura do libro incorporada ao sector da industria global do lecer. Como obriga a reconsiderar o papel deste tipo de «leis promesa», tamén palabras certeiras de Amoedo, sen instrumentos  xurídicos e sen reservas orzamentarias que aseguren a súa posta en vigor, mais aínda cando os compromisos adquiridos polo Gobierno de España coas políticas de consolidación fiscal obrigarán a continuar reducindo os gastos en educación e cultura. Ou noutras palabras, sen un compromiso político e social moi firme e amplo será moi difícil parar a tendencia esmorecente do sector da edición galega que, a pesar de todo, continúa sendo a primeira das nosas industrias culturais.

Moi lonxe de renderse, o sector galego do libro e da lectura esixe estes días a recuperación da lei e do seu espírito de consenso e corresponsabilidade para deseñar actuacións urxentes e imprescindibles que eviten o seu colapso. Medidas que pasan por acordar cos actuais responsables da Consellaría de Educación e Cultura un novo marco arredor das políticas de gratitude e dixitalización do libro escolar (no período autonómico o piar sobre o que se alicerzou a viabilidade do sector da libraría de proximidade e dunha boa parte das editoras), do incremento da dotación bibliotecaria e da proxección internacional do libro e da literatura galega, con atención preferente ao apoio á participación do sector nas feiras profesionais e á tradución a outras linguas. Marco que obrigaría á Consellaría de Cultura e Educación, como ao propio presidente Feijoo (que continúa sen recibir aos responsables do sector) a asumir un incremento plurianual do seu nivel de gasto nun sector sen o que non é posible falar de Galicia como país e como cultura con lingua de seu. Pasar de ser unha lei zombi, rara e decorativa a unha lei activadora do sector profesional do libro e da lectura é un reto que aínda podería ser afrontado no que queda desta lexislatura de abafante conformismo.