Entrevista en Biosbardia
César Lorenzo entrevistoume o pasado 15 de novembro para a serie Os oficios do libro que publica Biosbardia a instancia da libraría Cartabón. Agradezo a deferencia de escoitarme e publicala en you tube. Queda para o arquivo.
César Lorenzo entrevistoume o pasado 15 de novembro para a serie Os oficios do libro que publica Biosbardia a instancia da libraría Cartabón. Agradezo a deferencia de escoitarme e publicala en you tube. Queda para o arquivo.
A cota de mercado do libro galego acada un novo teito negativo: «SETE POR CENTO». Iso acredita o Informe de Comercio Interior del Libro 2024 da Federación de Gremios de Editores de España, sector que recupera músculo comercial superando os tres mil millóns de facturación e un crecemento anual do 6,3 %. Máis alá da dificultade de interpretar no informe as cifras do libro en galego e do libro editado en Galicia, que non cadran (para cando un informe monográfico do libro en galego, como o de 2007, contabilizando o editado en Madrid e Barcelona?), o devalo do comercio do libro en galego se acentúa, xa que acada os 13,4 millóns de euros, a metade da facturación das editoras da AGE, 27,5 millóns, que retroceden apenas un 0,4 % con respecto ao ano anterior. Cifras fracas que contrastan co excelente momento do libro en Galicia, un mercado de 194 millóns de euros, o 6,4 % do sector español, moi por riba do que nos corresponde por poboación. Esforzo editorial en galego compartido por 47 editoras (ás que habería que engadir as tres ou catro non asociadas aínda na AGE), o que amosa un sector diversificado, que no seu catálogo vivo depende cada menos das dúas “editoras tractoras”, no que a edición infantil e xuvenil se consolida como primeiro subsector, 31,3 % das novidades e o 39, 1 % da facturación, mentres o literario (“ficción” no informe) mantén a súa tradicional mala saúde de ferro, ofrecendo un terzo das novidades e unhas vendas de apenas o 11,8 %. Cifras que amosan a resiliencia dun sector que procura a súa viabilidade nas edicións electrónicas impresas de baixa tirada e na redución dos seus custes de creación editorial. Con todo o informe achega tamén algunhas cifras esperanzadoras, como as do incremento do emprego, unhas duascentas persoas nos cadros de persoal e outras tantas colaboradoras, tras máis dunha década de perdas continuadas, e as do mantemento do sector da libraría en vendas do 55,4 %, a pesar do incremento de Amazon, o que deixa varias luces acesas para o futuro.
Publicado en Nós diario: 12/11/2025
Desde que en 1982 Bieito Ledo, xerente entón de Galaxia, publicou a Biblioteca Básica da Cultura Galega de 50 títulos, co apoio das catro deputacións, foron varias as iniciativas que ofreceron ao público as obras cimeiras da literatura galega, xunto a outras relacionadas coa historia, economía, cultura popular e lingua. Reeditada en 1999 por Ir Indo e Galaxia, co apoio da CRTVG, aquela primeira colección de divulgación dos nosos clásicos tivo continuidade na Biblioteca de Autores Galegos de Diario 16 de Galicia (1991), na Biblioteca 114 de El Correo Gallego (1992), na Historia da Literatura Galega de ASPG, editada por A Nosa Terra (1996) e na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia (2002), que chegou a vender catro millóns de exemplares, coeditada entre o xornal e oito editoras galegas, grazas a un acordo inédito entón no sector, quizais no momento de maior visibilidade e entusiasmo que viviu a edición galega na súa historia. Neste ano no que celebra o seu 75 aniversario, Galaxia anuncia unha biblioteca de clásicos de apenas dez títulos, escollidos entre os 3.500 do seu catálogo histórico coa intención, como expresaron as súas directoras, Dolores Vilavedra e Patricia Arias Cachero, de «traer ao presente obras que renovaron o mundo cultural galego» durante o franquismo. Escolma que ofrece unha nova edición d’ A cociña galega de Cunqueiro ou unha antoloxía de Sempre en Galicia de Castelao preparada por Henrique Monteagudo, presidente da RAG, obras de grande interese, que merecen os maiores parabéns. Porén, se comparamos esta iniciativa con aquela Biblioteca Básica da Galaxia de hai corenta e tres anos ou con calquera das outras aquí citadas, esta cativa e interesante colección do 75 aniversario da editora viguesa amosa a austeridade coa que está publicando o sector, tamén as editoras tractoras, así como as enormes dificultades para contar cos patrocinios para abordar proxectos culturais de entidade como estas coleccións de clásicos. Tempos difíciles para o libro galego.
Publicado en Nós diario: 09/07/2925
Hai case dúas décadas que en Xerais esforzabámonos por facer publicidade das novidades literarias empregando a linguaxe audiovisual, procurando a visibilidade da que carecían na propia TVG. Así naceron en 2006 os anuncios de Home sen nome de Suso de Toro e d’ Os libros arden mal de Manuel Rivas. Dúas pezas de 21 segundos, producidas por Lúa films, que serían os precedentes dos primeiros booktrailers galegos, os de Todo é silencio de Manuel Rivas e Asasinato no consello nacional de Diego Ameixeiras, que en 2010 comezamos a producir en paralelo aos pioneiros contidos educativos dixitais en galego. Iniciábase así un catálogo de máis dun cento destas pezas audiovisuais publicitarias de entre un e dous minutos de duración, creadas polo departamento de promoción dirixido por Celia Torres e realizadas en boa parte por David Rodríguez. Catálogo de pezas hoxe memorables, como as dos lanzamentos de Dragal (2012) de Elena Gallego, d’ Os televisores estrábicos (2014) de Ramón Villar, de Cabalos e lobos (2015) de Fran P. Lorenzo ou de Galería de saldos (2016) de Diego Xiráldez, que chegaba a introducir unha utilidade interactiva. Creados para compartir nos blogs, o desenvolvemento das redes sociais comezou a popularizalos, sobre todo, nas bibliotecas escolares e clubs de lectura, que con intencionalidade didáctica comezaron a crear estas pezas, entre o publicitario e a recomendación lectora. O festival de Cans recoñeceunas como xénero de seu, convocando dende 2018 o concurso «O ollo de vidro», que na recente edición de 2025 contou con cincuenta participantes. Aqueles booktrailers son hoxe «reels» para IG, TikTok, Fb e X, competindo como noutrora pola atención do público que no seu teléfono fai scroll de xeito interminable. Ademais do seu éxito como recurso didáctico para compartir experiencias lectoras, os booktrailers amosaron o compromiso da nosa edición por comunicar con públicos contemporáneos diversos. Unha oportunidade de visibilidade que a edición galega non pode desaproveitar.
Publicado en Nós diario: 25/06/25
Queda para o arquivo o discurso que pronunciei o sábado 26 de abril de 2025 con motivo da aceptación do Premio Follas Novas honorífico da edición outrogado pola Asociación Galega de Editoras.
A miña beizón polos agarimos recibidos.
Ás portas do 23 de abril do día do libro e dos dereitos de autor, a consellaría de cultura e lingua presentou no parlamento un plan quinquenal de dinamización da lectura. Documento estratéxico, identificado no marketing político como «Lemos+», recolle nun ton triunfalista máis dun cento de medidas e un orzamento de 32 millóns de euros destinadas a incrementar a porcentaxe de persoas lectoras en Galicia en ambas as dúas linguas oficiais. Mágoa que tan aparentes boas intencións non se refiran de forma explícita ao aumento das cativas cifras da lectura en galego, reducida no mellor dos casos ao 8 % das vendas en librarías e ao 3 % de lectorado habitual familiar, nin se concreten nun documento apoiado (ou sequera consultado) polo conxunto do sector do libro e da lectura, tanto das editoras privadas, librarías e distribuidoras, como das diversas asociacións de profesionais da escritura, tradución, ilustración, mediación lectora, arquivos e bibliotecas. Unha nova decepción, tamén o enésimo incumprimento da Lei do libro e da lectura de 2006, tan antipática para os gobernos de Feijoo e Rueda, presidentes que nunca recoñeceron o carácter estratéxico do sector do libro e nin sequera tiveron a cortesía de recibir as directivas da asociación de editoras. Unha anomalía democrática, inexplicable desconsideración en calquera outro sector económico estratéxico do país. Imaxinan un plan quinquenal para a construción naval do goberno Rueda, de costas ao sector empresarial das empresas do metal? Pois no sector do libro iso acontece. Ás portas da entrega dos premios Follas Novas, organizados pola AELGA, AGE e Federación de Librarías, outra edición que non será emitida pola Televisión de Galicia, a pesar de constituír o acto máis relevante do calendario profesional do libro, cómpre reclamar con enerxía RESPECTO e dignidade para o sector do libro galego, coma fixo con verbas emocionadas hai sete anos na tribuna dos Follas Novas o escritor Xabier Docampo na súa derradeira intervención pública.
Publicado en Nós diario: 23/04/2025.
Cando se van facer quince anos da publicación por Xerais dos primeiros libros dixitais en galego en formato epub, Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Sete palabras de Suso de Toro, o sector editorial anda as voltas cun novo intento de popularizar o audiolibro. Un formato dixital en auxe nos mercados editoriais próximos, que conta cun catálogo de 25.000 títulos en español e unhas vendas do 3 % das do sector. Foi a publicación da magnífica edición de Pel de cordeiro (Xerais 2024) de Ledicia Costas, nas voces de Ana Lemos e Chelo Díaz, á que se engadiu á oferta pioneira iniciada en 2011 por Rinoceronte, abandonada pola editora do Morrazo hai unha década. Catálogo en galego ao que en 2021 se sumaron tres títulos de María Reimóndez, O club da calceta, Corredora e Usha, na voz da autora e distribuídos en Audible, a plataforma de Amazon, onde está publicada Beleza vermella de Arantza Portabales. Publicacións ás que tamén tras a pandemia se engadiron dez títulos en dominio público de Léocho?, a primeira editora galega só de audiolibros. Oferta mínima e fragmentada explicable polos custes de produción elevados, que poden superar os 3.000 € por título, o que fai imposible ás editoras recuperar o investido. Con todo, a problemática introdución deste novo formato nun mercado lector xa hibridado, volve residir nos baixos índices de lectura en galego, abaixados até o 3,90 %, outra cifra dramática para o futuro da lingua, a metade da cota de mercado do 8,00 % para o libro galego, considerada até hoxe fiable. De moi pouco axudan os discursos triunfalistas dos que alardean do momento excepcional da literatura galega cando o seu público non ten conta dela. No caso do audiolibro, como sucedeu hai quince anos coa ampliación dun catálogo suficiente do formato epub, para saír do enredo de se é antes a oferta ca demanda, é imprescindible que as editoras privadas conten con axudas públicas atractivas para producir títulos de calidade e promocionalos na canle bibliotecaria de GaliciaLe.
Publicado en Nós diario: 12/03/2025
Recollo no arquivo do blog o discurso que pronunciei o serán do sábado 9 de novembro no Hematofesti con motivo da recepción do premio «Lenda do recreo».
Pode lerse ou baixarse en formato pdf aquí.
Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.
Publicado en Nós diario: 07/08/2024
O recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España a Espazo Lectura outorgándolle o Premio Liber 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, afáganos aos que en Galicia defendemos o fomento da lectura como unha actividade compartida de socialización e reflexión crítica. Unha distinción merecidísima para este colectivo de voluntariado, que botou raíces no Val Miñor a comezos de 2008, onde constituíu unha comunidade na que persoas de distintas xeracións comparten libros, lecturas e actividades comunitarias arredor da creación literaria e de lectura como vínculo de socialización e coñecemento, con atención preferente para a lectura e a edición en galego. Un voluntariado de fomento da lectura sen ánimo de lucro que entende a lectura como actividade de gozo e coñecemento de vocación subversiva, que singulariza ao ser humano, mais tamén como competencia cívica imprescindible no exercicio da cidadanía, mecanismo de inclusión necesario para a convivencia e o benestar. Un activismo comprometido coa lectura transformada en espazo para a vida, onde é posible gozar da fascinación creada polo conto ou polo álbum ilustrado nunha das súas sesións semanais na Casa da Lectura para o lectorado máis novo. Compromiso coa maxia da lectura aparecida nos encontros con autoras e ilustradoras nas sesións do «Contomar» para lectorado autónomo, ou nos debates dos seus clubs de lectura «Sete vidas» de narrativa, «Lecturas Debuxadas» de banda deseñada, «Daquelas que len» de lecturas feministas e «Lendo contigo» de lecturas en familia. Como actividades subversivas desta pacífica revolución lectora foron nesta década e media as da «Noite na biblioteca», as edicións de «Dar de ler como quen dá de beber» ou as «Noites Golfas» da Casa da Lectura, que amosaron a envexable capacidade de mobilización desta entidade cohesionada polos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociados ao libro. Parabéns intensos para Espazo Lectura.
Publicado en Nós diario: 03/07/2024
Lembranza dunha tarde feliz na Casa da Lectura: 27/05/2010.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
