Onte 2147: Entrevista en «Biosbardia»

Agradezo a Manuel Veiga a súa xenerosidade para recoller en Biosbardia seis horas de conversas nas que falamos de ensino, edición, lectura e política. Queda para o arquivo do blog.

Manuel Veiga Taboada.

Naceu en Vigo en 1959. É o maior de seis irmáns. O seu avó paterno era un emigrante zamorano de preto de Toro. A súa avoa Maruxa, e despois a súa nai, traballaron vendendo froitas e legumes na praza do Progreso. Empezou a vida laboral sendo mestre e ten previsto acabala da mesma forma, a pedagoxía sempre foi unha das súas inquietudes. Entre medias traballou 28 anos na editorial Xerais, os últimos 24 como director. A súa actividade, intensa e bastante diversificada –hoxe é presidente da Fundación Luzes e secretario dos Premios da Crítica–, levouno a ser un dos principais referentes da cultura galega. Unha escolma dos seus artigos en Faro foi publicada en 2019 co título Vigo, puro milagre. Velaquí o resumo de seis horas de conversa, distribuídas en cinco sesións, que tiveron lugar na cafetaría do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo. Manuel Bragado fala, por primeira vez, da súa saída da editorial, dá repaso á súa militancia cultural e política e di o que lle gustaría para o futuro.

A súa é unha vida de editor, pero comezou como mestre.

O meu primeiro emprego foi en Vivas, unha academia da rúa do Príncipe, en Vigo. Foron tres meses de 1983. O 23 de febreiro produciuse a expropiación de Rumasa, cando Miguel Boyer era ministro e Felipe González, presidente. A directora da academia pasou por todas as clases dicindo: “Niñas, acaba de llegar el comunismo a España”. Eu entrara naquela academia en teoría como psicopedagogo, pero daba clase de lingua española. Outro día, a directora paroume nas escaleiras e díxome: “Mire como va vestido, van mejor los albañiles”. Na Semana Santa decidín preparar as oposicións de Preescolar. Púxenme a chapar e díxenlle a dona Remedios Vivas que marchaba. Montoume un cristo. Aprobei co número un. Sempre fun moi vehemente cando me comprometía con algo. Por certo, era a primeira vez que se convocaban e a primeira vez que se lles permitía aos homes dar clases de preescolar.

Antes tivera na facultade algúns profesores moi progresistas.

Herminio Barreiro e Antón Costa Rico foron os meus mestres. Eu son da xeración ERGA que tiña oitenta afiliados na facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. Barreiro daba Historia da Educación. Os alumnos de primeiro xa iamos ás súas clases aínda que non nos correspondía. Tiñámoslle devoción. Costa, que debía ter 24 ou 25 anos, estaba relacionado co movemento pedagóxico Freinet. Aquilo chamábase Movemento da Escola Popular Galega. Os meus dous credos foron a galeguización educativa e a renovación pedagóxica. Na facultade coñecín a Rafael Ojea, a Suso Jares, a Xosé Manuel Cid, a Mariló Candedo…

Foi fundador de Nova Escola Galega.

E o seu presidente do 86 ao 88.

E fixo tamén o percorrido clásico dos mestres por varias escolas…

A primeira en Budiño, no Porriño, despois estiven sete anos nunha unitaria da parroquia de Camos, en Nigrán. En medio pasei un ano en Bande, que era onde tiña o destino definitivo a miña muller. Ese tempo de Bande foi inesquecíbel.

Por que?

Aprendín moitísimo. Non tiña a experiencia dun lugar así. No café de Benita estaba sempre o alcalde, Amador de Celis, que era de Vitorino [Núñez, fundador de Centristas de Galicia e antecesor dos Baltar], estaba o da Caixa, os médicos que viñan de Ourense… Alí coñecín a Elixio Rodríguez [autor de Matádeo mañá]. Dixéronme que ía chegar un galeguista de México, de conversa moi interesante. Coñecino da man de José, un crego galeguista tamén. Eu non ía á igrexa, pero con aquel cura pasei moitas horas. En Bande dei clase de EXB e tiven de alumna, en oitavo, a Ana Belén, era boa estudante, pero foi o meu maior fracaso como pedagogo [Risos. Ana Belén Vázquez é na actualidade deputada polo PP no Congreso, de verbo moi acendido]. Despois volvín coa praza definitiva para a miña escoliña de Nigrán.

E despois xa veu Xerais.

Foi un pouco casual. Chegoume pola vía da Revista Galega de Educación, o meu primeiro proxecto importante. Como era o membro do Consello de Redacción que vivía máis preto da editorial, encargábame de facer o seguimento de cada número. Así, no 86, coñecín o equipo de Xerais de Luís Mariño, a Xosé Manuel Crego, Celia Torres, Siro Iglesias… A min chamábanme “o da revista”. Xerais publicábaa porque quería que a súa liña educativa, que levaban Agustín Fernández Paz e Xosé Lastra, fose o máis coherente posíbel. Nun momento de relanzamento buscamos un director para ela e pensamos en Vítor Freixanes, pero tivo un accidente de tráfico. No verán do 90, sendo xa Freixanes o director da editorial, faloume de incorporarme ao equipo para levar a parte educativa. Era o momento da Logse, unha oportunidade para as editoriais porque había que renovar todos os libros. Díxenlle que non, pero en setembro volve insistir, dime que vai marchar Xela Arias e que necesitan ampliar o persoal de edición. E así entrei no oficio, de forma un pouco fortuíta, e aqueles dous primeiros anos convertéronse en 28.

Tamén militaba.

Aquela década está vinculada a Esquerda Galega, partido do que formei parte desde que se formou, no 1980, até que se disolveu, xa como PSG-EG, no 92. Fun «camilista» [por Camilo Nogueira] ao longo de todo ese tempo. É unha familia e unha comunidade de afectos da que me sinto corresponsábel, nos acertos e nos erros.

Despois volvemos a iso. Pero agora quería saber algo máis da experiencia en Bande.

En febreiro do 89 fomos ao antroido de Laza, ao de Xinzo e ao de Verín, onde coincidimos con Xabier Docampo e María Xesús Bello. Quedamos impresionados, era brutal, nada sofisticado. Nestes trinta anos a cultura popular refinouse moito, destilouse. Iso tamén é unha conquista colectiva. Había carrozas tiradas por vacas, obscenidade, homes vestidos de muller con compresas manchadas. Lembro a visita que nos fixeron o músico Henrique Macías e María Justel, moi amigos nosos. Teño unhas fotos de Macías no Monte do Viso que identifico cos seus momentos de ledicia, el que vivía tan atormentado e que tivo un final tan abrupto. Tamén lembro o avance do encoro de Lindoso, foi tremendo cando desapareceu a aldea de Aceredo. Hai unha curta impresionante do fillo de Antón Avilés de Taramancos sobre iso. Durante un tempo vivimos en Celanova. Pasei alí a folga de mestres do 87 que durou 31 días. Alí escribín o borrador do que foi o «Manifesto da Escola Pública Galega».

Que máis lembranzas ten dos tempos de ERGA na facultade?

Xosé Miranda e Bieito Iglesias eran os comandantes, os que dirixían. ERGA foi unha escola política e sentimental que nos marcou moito. Eu entrara no galeguismo en agosto do 1975, con Henrique del Bosque, compañeiro de colexio e co meu amigo do corazón Xosé Luís Nieto Pereira, Pelos. Aos 14 anos foramos xuntos á Universidade Laboral da Coruña. Alí estaban Xosé Manuel Pazos, que era galeguista, e Antón Lama Pereira, do Partido Comunista, e un grande educador que nos abriu o mundo do teatro, do cine e dos libros. Empecei a ler moito e a falar en galego. Cando volvín nas vacacións, a familia quedou asombrada. En agosto do 75 asistimos a un curso de galego do ILG na Escola de Mestría de Torrecedeira que impartía Carme Panero. Ademais de Del Bosque e Pelos había un tipo que se chamaba Antón Reixa. A nosa xeración intentouno: ERGA, aquel primeiro BNPG, a ANPG. No verán do 77 formei parte dos expulsados de ERGA, nunha xuntanza na Asociación Cultural de Vigo. Uns foron con Xosé Luís Méndez Ferrín e outros fomos con Camilo Nogueira. Sobre todo, o importante foi a autoorganización. As transformacións sempre son colectivas e as salvacións  individuais. Esa xeración xa non está na política.

Algúns si, Jorquera, Néstor Rego…

Si, certo. Francisco Jorquera, Rego, Manolo Barreiro, Lourenzo F. Prieto e outros, como o meu irmán Eduardo, forman parte dunha gran xeración da facultade de Historia.

A experiencia como profesor foille útil no mundo editorial?

O que lle dá sentido á miña vida profesional nas dúas etapas é o interese pola lectura e a escritura. A lectura como competencia clave que permite ser cidadán. Como profesor de Infantil estaba especializado en grafomotricidade, que é a combinación de movementos que se acaba transformando en texto. Eu como lector nunca fun sistemático, lía de todo e iso contaxiou a miña forma de editar. Nunca fun dunha escola senón máis ben ecléctico, que é o que precisaba Xerais e o sector até o seu momento máis álxido que foi no 2008. A partir de aí foi especializándose. Sempre entendín que non toda lectura é estritamente literaria.

Que quere dicir?

Hai edición literaria e outra que é unha lectura necesaria para todos os públicos. A literatura é para un sector afeccionado á arte. Non todo cidadán ten que ler a William Faulkner, pero todo o mundo debe entender un prospecto ou un formulario para ser atendido.

Que peso tiña o libro de texto daquela en Xerais?

O texto facturaba case o 40%, era o que permitía desenvolver un catálogo xeneralista. Foi a grande idea de Xulián Maure, deseñar unha empresa cunha proposta educativa propia e un modelo de educación comprensiva. Daquela era un mercado en moito crecemento. O tronco da editora era o texto, o que permitía crear as outras coleccións: a infantil e xuvenil que daba beneficio, a literaria que era a máis vistosa e a que daba identidade, aínda que en rendementos non era a mellor; despois viña un caixón de xastre que incluía os dicionarios que chegaron a facturar o 10% e que tamén crearon marca. Por último estaban os libros de cociña, as axendas, etc.

“O lector literario hai que formalo, con flexibilidade e deixando que cada quen siga o seu itinerario persoal”

Dixo antes que o momento máis álxido foi o 2008. Que pasou despois?

Caeu a parte educativa, a consecuencia da implantación do modelo de libro de préstamo. Os libros, en vez de venderse cada curso, pasan a venderse cada catro ou cada seis. No 2008 facturamos seis millóns de euros. No 2009-2010 pouco máis de tres. A partir de aí houbo que resistir, cun esforzo moi grande por parte do persoal e da empresa. O decreto de plurilingüismo de Feixoo tamén nos afectou. Facturabamos 200 mil euros cos libros de matemáticas e, da noite para a mañá, desapareceron. Pode que non semelle moito pero equivale a vender dez mil exemplares dunha novela. Co decreto tamén se reduciu o uso do galego na educación infantil. A nosa presenza entre ese alumnado pasou do 20 ao 5%. Dos 22 mil escolarizados a esa idade, uns catro ou cinco mil usaban o galego. Co decreto pasaron a mil e agora aínda son menos. Pero, ademais do préstamo e do decreto, estivo o ámbito dixital co servizo que agora proporciona directamente a consellaría a través de Edixgal. Foi unha reconversión moi difícil e coincidindo en plena crise global. Foron anos moi malos para todo o sector. Como presidente da Asociación Galega de Editores tiven que loitar en moitos despachos. Un alto cargo da Xunta chegou a dicirme que había que acabar coa burbulla editorial galega e cos altos salarios dalgúns directivos. Unha tolería.

Con todo, o mundo dixital está aí.

Eu sempre quixen hibridar o dixital co texto. Empecei o blog no 2005 precisamente para aprender e para ensaiar a escritura hipertextual. E con iso volvo á miña preocupación de sempre pola escritura. Pero esa reconversión sucedeu tamén con outros produtos como os dicionarios. Agora as referencias son o da Academia e o de Rinoceronte, os dous dixitais. Pero boa parte do traballo de minaría anterior fixémolo nós en Xerais, e o ILG por suposto. Nunca fomos capaces de facer rendíbeis os dicionarios dixitais. A consulta na internet, na lectura global, tende ao gratuíto. Aínda que non sucede con todo, por exemplo non ocorre no ramo da medicina ou no xurídico, onde hai que pagar polas bases de datos. Este problema tamén o ten a edición en castelán: tamén Planeta, Random e as independentes. É un problema global.

Tamén se fala moito da crise das librarías.

Para as librarías a facturación do texto aínda era máis importante, se cadra chegaba ao 80%. E se as librarías van mal ou van a menos iso tamén lle afecta á distribución do libro literario. O sistema literario galego sempre pensou que era autosuficiente, que chegaba co talento dos creadores e para min iso é máis complexo. Inflúe a distribución, que se reduciu, cada vez hai menos puntos de venda. Agora colocar douscentos exemplares non é fácil. Podemos chegar ao modelo de ter unha libraría boa, moi bonita, pero só nas cidades. E para o demais está Amazon. Resistímonos a Amazon pero agora é probabelmente o segundo cliente da editorial. O primeiro lugar ocúpao Arnoia, unha das mellores distribuidoras de España, da que as editoras galegas podemos estar ben orgullosas.

E queda outro grillón, o dos medios e as redes.

A prensa é fundamental para informar das novidades e despois está a mediación das bibliotecarias e do profesorado. Sen un traballo sistemático aí non é posíbel a edición literaria. Agora as redes sociais están creando confusión porque se xuntan críticos literarios, académicos e afeccionados que comentan as súas lecturas. Sempre se di que o importante é a visibilidade, pero a mediación ten tamén un aspecto formativo. Uns críticos son máis fiábeis ca outros. Por certo que os mellores lectores da crítica sempre son os editores. De min poderanse dicir moitas cousas, pero non que polemizase cun crítico. En 28 anos nunca o fixen. Sempre os respectei e teñen dito verdadeiras barbaridades sobre os nosos libros. Cando sacamos a colección Fóra de xogo, n’A Nosa Terra titularon: “Chega o lixo á literatura galega” ou algo así. E iso que era unha colección pensada e preparada por xente con moito criterio. Pero hoxe entendo ese recibimento porque abrimos unha liña de literatura de fronteira entre o literario e o produto de lectura. Agora a colección leva 200 títulos e máis dun millón de exemplares vendidos e cónstame que contribuíu a formar xa dúas xeracións de lectores literarios. Igual que se fala da xeración Xabarín, podíase falar da xeración Fóra de xogo. Aí están Sombra cazadora, de Suso de Toro, Cando petan na porta pola noite, de Xavier P. Docampo ou Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, da que se levan vendidos máis de cen mil exemplares. Son tres libros recomendados pero tamén tres libros literarios. O lector literario hai que formalo, con flexibilidade por suposto e deixando que cada quen siga o seu itinerario persoal. Ledicia Costas, María Reimóndez, Antonio Manuel Fraga, Antía Yáñez ou Andrea Maceiras foron lectoras ávidas desa colección.

Había daquela xente formada para editar?

En Galicia, todos os editores da miña xeración fomos autodidactas. O traballo compartíase coas empresas de fotocomposición. No 90 chegou a autoedición, grazas aos ordenadores. O editor pasou a encargarse de todo o proceso de creación editorial. Custounos algo máis o cambio ao libro electrónico, pero tamén o conseguimos a partir do 2011.

Cantos orixinais recibiades?

Arredor de 200 algúns anos. Todos os días chegaba algo no correo. A miña primeira valoración era intuitiva. En base a ela facía tres grupos: os manuscritos que lle pasaba a outros lectores da editorial, os que, seguindo o meu olfacto, levaba para a casa e os que ían ser devoltos. Estes últimos nunca os valorei, sempre quixen ser cortés, aínda que é certo que ás veces demorábame. A dispersión é unha das características do traballo de editor. Ultimamente lía en pdf e sígoo facendo cos amigos que me envían orixinais.

Supoño que ao principio o galego non era moi bo.

Foi un proceso colectivo de alfabetización. Agora case non hai orixinais con faltas de ortografía.

Asistiu a moitas reunións fóra de Galiza, tanto do grupo Anaya coma doutro tipo. Como se ve a literatura galega desde fóra?

Con moitos prexuízos.

De que clase?

De ser unha literatura menor. O sistema literario español foi moi severo co noso. Aínda custa moito que os nosos autores e autoras sexan traducidos. Tampouco funcionou o transvase ao catalán ou ao éuscaro. Máis alá do ámbito infantil ou xuvenil hai poucas traducións, tamén pasa no sentido inverso. Eu tenteino, con Bernardo Atxaga, Quim Monzó ou Sergi Pàmies, pero quedou no inicio.

Os libros de Ferrín ou Carlos Casares tiveron sempre moi pouca presenza no mercado en castelán.

Con Ferrín tentámolo e foron saíndo, con interrupcións.

Casares, a pesar de ir sempre aos encontros de Verines…

Si, si. A todos lles custou traballo. Igual que custa que os autores galegos saian nos suplementos da prensa de Madrid. Falta empatía. Eu creo que é unha cuestión política. En Madrid miran con receo. E as editoras españolas de Barcelona, como Planeta ou Anagrama, participan dese prexuízo. Sufrín moitas decepcións presentando libros nosos e suxerindo a súa tradución. Creo que é tamén por unha falta de estratexia pola nosa parte, para presentármonos no mundo sen pasar polo funil de Madrid e Barcelona. Sempre defendín a creación dunha oficina da literatura galega, como teñen Irlanda ou Islandia. Certo que eles teñen Estado, pero Islandia é dez veces máis pequena ca Galicia e está presente coas súas editoras e os seus autores nas feiras internacionais. Teñen axudas públicas. Nós tamén as temos pero son insuficientes. Creo que sería bo contar cunha oficina mixta pública-privada. A literatura forma parte do mercado global e hai que entrar aí, aínda que estea moi focalizado. Haberá que buscar unha estratexia de complementariedade, de xogo nas marxes ou de procura de aliados.

“Co bipartito, a axuda ás bibliotecas para compra de libros pasou a 1,2 millóns de euros. Agora anda entre os 150.000 e os 200.000 euros”

Co bipartito houbo o intento de crear o Instituto da Cultura Galega Rosalía de Castro, parecido ao Etxepare que teñen os vascos ou ao Ramón Llull dos cataláns.

A proposta naceu nun bo momento. Uns anos antes, no 2002-2003, as mobilizacións do Prestige subiran o noso nivel de autoestima colectiva. Ademais, houbo acordos unánimes no parlamento, como o do Plan Xeral de Normalización Lingüística, no 2004, con Manuel Fraga, ou a Lei do Libro, do 2007, con Emilio Pérez Touriño. O documento foi obra dunha comisión transversal na que participamos persoas do sector do libro e da cultura e técnicos da administración. A súa función sería coordinar a presenza da nosa lingua e cultura no mundo. Iso incluía o cine, a música, as artes escénicas, a tradución e exportación de libros, etc. Era unha proposta ambiciosa.

Por que fracasou?

Politicamente tiña moito calado. Tratábase de promover a cultura galega como tal, diferenciada. Foi retirado na última versión que presentou Ánxela Bugallo. Na miña opinión, a parte socialista non o asumiu pola súa transcendencia. Era un proxecto galeguista que axudaba a construír país. Con todo, houbo outros elementos da política do libro que si se asumiron. O 2008 foi o ano record de facturación editorial. Con Bugallo, a axuda ás bibliotecas para compra de libros pasou a 1.200.000 euros. Agora con Alberte Núñez Feixoo anda entre os 150.000 e 200.000.

Como ve o papel da prensa galega en castelán?

Os medios en castelán son subsidiarios dos poderes públicos, autonómicos ou locais. Dentro diso hai logros importantes, como a biblioteca de literatura galega da Voz que coordinamos Tucho Calvo, Casares e mais eu. Agradézolle tamén moito a Faro que me publicase en galego durante os últimos 23 anos, igual que escribe Ferrín dúas veces por semana. E hai suplementos como o Táboa Redonda de El Progreso que están a renovar moito o discurso literario. Eu trato de ser positivo, aínda que en Galiza ser positivo non chega.

Polo que leva contado, dá a impresión de que a crise do 2008 está na base da súa saída de Xerais?

Si, completamente. A miña saída deriva do esgotamento do modelo de edición comprensiva, a que abrangue todos os ámbitos e se dirixe a todos os públicos. Tamén da perda de liderado dentro do equipo editorial e de apoio da dirección do grupo. Até a miña saída, no 2018, foron dez anos de sufrimento, de perda de facturación, aínda que non de emprego nin de retribucións. Non poder seguir foi unha decepción persoal, pero talvez resultou o mellor para o proxecto. Entrei na edición de forma fortuíta e agora volvín ao traballo educativo de forma natural. Non tentei crear outro proxecto porque a miña orixinalidade, despois de catro mil libros editados, estaba completada, pero a ollada de editor non se perde, por iso sigo presentándome como editor e mestre. Por outro lado, na miña biografía, estes 28 anos en Xerais son os que máis me marcaron. Foi un agasallo que me proporcionou a vida.

Fala de falta de apoio do grupo editorial. Foi debida só á situación económica?

Foron anos con algunhas perdas que iamos levando. Pero no 2016 o colectivo Recortes Cero pediume que asinase un manifesto en contra do recortes e pola formación dun goberno progresista. Fíxeno. Iso causou enfado na dirección de Anaya e a partir de aí percibín inmediatamente unha clara falta de apoio e de confianza.

Xerais sufriu despois tamén importantes recortes, pero puido continuar.

Todos os directores que tivo até agora lle deron continuidade a ese catálogo xeneralista. Iso para min é o máis relevante da empresa. Vontade comercial cuns profesionais comprometidos cun proxecto de construción nacional. Esa é a nosa contribución. Por outra parte, a continuidade é fundamental. Eu herdei a axenda de Xela Arias, con centos de nomes que aínda estaban en fichas de papel. Eses contactos foron para min importantísimos.

Referiuse antes á mirada do editor. En que consiste?

Externamente é ver se o que les o podes converter nun libro. Internamente é a curiosidade e a paixón por saber. Tamén é o intento de procurar a beleza e de facer que o libro sexa un obxecto que se pode usar. Non me gustan os libros pegados. Admiro os que están ben impresos, cosidos en fío vexetal, os encadernados en rústica, os de lombos redondeados. A ollada do editor é de fondo e de forma. E tamén consiste en pensar no longo prazo, hoxe estamos moi condicionados polo inmediato. O libro é o pan da cultura. Non hai cultura sen unha industria do libro potente ou eu, polo menos, non a coñezo. Aínda que é certo que a industria do libro perdeu peso fronte aos videoxogos. Xa hai máis xogadores ca lectores.

Pero son comparábeis?

É a industria do entretemento. Cando se fan números sobre a industria do entretemento inclúese o audiovisual e os videoxogos que hoxe son a parte que máis factura. Pero creo que hai que diferenciar as artes. E tamén ter en conta a hibridación. Por exemplo, as artes plásticas e a literatura sempre estiveron unidas, a través da novela gráfica, o cinema de animación. Agora a hibridación prodúcese a través da pantalla.

Vigo é unha das súas grandes preocupacións, como se pode ver polos artigos de Faro. Como valoras a política cultural de Abel Caballero?

Hai quen di que non a ten, eu penso que si. Comezou a acuñarse arredor do conflito do Marco. Trátase do que o concelleiro Abel Losada, nas súas respostas a Faro de Vigo chama “cultura sen complexos”. No caso do Marco non se trata de facer exposicións de arte contemporánea “que non entende ninguén”, senón de ofrecer “o que lle gusta á xente”. O primeiro concelleiro de cultura de Caballero, Cayetano Rodríguez, xa o expresara en dúas ideas: “Vigo non necesita bibliotecas” e “Vigo ten demasiados museos e moi caros”. Desde aquelas abríronse algunhas bibliotecas, pero sen libros “para que os rapaces estuden”, o que tamén é necesario, e foron pechando, non de iure, pero si de feito, os museos, aínda que por ventura o Marco recuperouse algo. Despois está a cultura como espectáculo, patrimonializada pola alcaldía. Todos os pregóns dáos o alcalde que tamén fala antes dos concertos. As iniciativas de base foron desaparecendo porque non querían ser tuteladas, senón apoiadas. Desapareceu o festival de música clásica, o de jazz, o de artes escénicas. Foise convertendo na cultura do terraceo [polos concertos na terraza do Mar de Vigo]. Non lles importa que a Fundación Contemporánea sitúe a Vigo no lugar 26 entre as cidades do Estado por actividades culturais. A Coruña está no 19 e Santiago entre os 15 primeiros. Ningún dos cinco feitos culturais máis importantes de Galiza ten lugar en Vigo. A alternativa é ese desleixo sen complexos e terceirizar a cidade, dicindo que se beneficia o turismo, con esa invención do mito natalicio das luces que ninguén cre. Aí está a creación silenciosa dunha rede de pisos turísticos polo centro.

E vostede como ve a cidade?

Eu penso que o Vigo do século XX envasou conservas, fixo barcos, coches e libros. Esa é a tradición coa que se enfronta agora. Este ano temos unha data moi relevante, o 50º aniversario das folgas do 1972. Alí naceu o que se chamou “Vigo obreiro”, cando estas palabras tiñan unha eufonía e un orgullo. Esta é unha cidade industrial, fabril, do metal. E despois está a cidade do automóbil, un sector fráxil neste momento no mundo, debido á entrada do coche eléctrico. A sombra de Detroit está aí. E se deixamos de facer coches, cando xa case deixamos de facer barcos, quedamos só cos turistas do Nadal? E conste que hai que asumir que unha parte da terceirización é inevitábel.

“Teríame gustado ter participación na política municipal de Vigo”

Tivo algunha vez a idea de ser candidato a alcalde?

Cando falou comigo Anxo Quintana para me ofrecer esa posibilidade valoreino e teríame gustado. Eu son moi municipalista e gustaríame ter experimentado algunha participación. Naquel momento non puido ser. A organización local do BNG tiña mellores candidatos ou quizais outras figuras suscitaron maior consenso. E agora, como pasa coa edición, esa posibilidade xa quedou atrás, pertence a outra fase da miña vida.

Antes, co PSG-EG, xa tivera participación.

Forxeime no municipalismo naquel equipo de Xesús Costas que, no 1992, participou na primeira coalición de nacionalistas co PSOE de Carlos Príncipe. Estiven naquela noite de negociacións moi recordada. Pero ao tempo estaba no mundo da edición e esta pulsión foi máis forte. O meu primeiro artigo en Faro, no 83, trataba sobre municipios e educación.

Os seus artigos de Faro, máis ca artigos parecen pequenos ensaios ben documentados e tinguidos de afecto, nos que se albisca un proxecto de cidade.

E un espírito didáctico. Gustaríame que os meus textos se puidesen compartir nunha aula de secundaria. Varios deles foron usados xa en exames de selectividade. A xente máis que opinión busca munición. Eu non apunto, pero dou datos. Respecto ao afecto, si, pretendo que a miña voz sexa empática e asertiva, que contaxie outras persoas. Pero claro que despois de case 1.200 artigos semanais é imposíbel non repetirse. Fixen ademais case 300 crónicas de fútbol e uns 200 sobre educación. No blog levo publicados seis mil artigos.

O seu blog Brétemas foi moi seguido, converteuse nunha referencia.

Débollo a Xabier Cid que, no 2004, me falou do seu, As túas balas. Eu seguía o de Fran Alonso, Cabrafanada. Decateime de que necesitaba aprender o formato. Despois encontrei un socio, Santiago Jaureguizar. O 4 de xaneiro de 2005 el abriu o del, Facendo amigos, e eu o meu. O de Brétemas era un nome que usaba cando estaba en ERGA, no 76. Fun aprendendo a escritura hipertextual e foi un momento marabilloso, o do Blogomillo. Estaban os blogs de Manuel Gago, María Yáñez, Martín Pawley, Marcos Calveiro, Aduaneiros sen fronteiras… Agora en Twitter gústame compartir os contidos doutros. A cultura necesita de máis afecto e xenerosidade. Temos aínda moito que medrar e moito público que seducir. O tipo de soporte e de medio determina a voz, o lector é distinto. A voz máis próxima é a do blog, síntome menos mediatizado. Para min funciona ademais como arquivo, grazas á clasificación por etiquetas, temas, datas, etc. Foi o cambio do texto para o hipertexto.

Podía dicir algo máis sobre a política cultural de Feixoo?

A cultural e a lingüística. Feixoo mantén unha política feroz na lingua, sobre todo no educativo. E respecto ao propiamente cultural, a súa política é inane, máis se a comparamos co tempo de Fraga e sobre todo do bipartito, que foi un período de expansión. Feixoo fixo baixar varios chanzos todos os sectores, tanto no estado de ánimo coma na asistencia de público coma na presenza internacional. Certo que coincidiu coa crise, pero el sempre foi moi conformista. Fixéronse moitos recortes que nunca se recuperaron. Aí coinciden Feixoo e Caballero. Non teñen relación de confianza cos creadores, nin participan dos seus éxitos. Hai premios nacionais que nin foron felicitados por Feixoo. Iso cónstame. Non ten confianza nas propias posibilidades de Galiza nin da nosa cultura. Teñen o prexuízo de que a cultura é unha expresión do nacionalismo. Non a senten como propia, coma se os éxitos de Tanxugueiras ou de Chévere en Madrid, poñamos por caso, non fose éxitos dos seus compatriotas, máis alá dalgún chío discreto.

Poderíase falar dunha política específica para o caso de Manuel Baltar en Ourense?

Baltar ten outros prexuízos. Non son eses anteollos de Feixoo. Non ten problemas para colaborar con quen sexa, se iso o axuda a manterse no poder. É o que lle pasa co alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome. Tampouco Miguel Santalices [presidente do Parlamento] ten os mesmos comportamentos nin os mesmos lentes ca Román Rodríguez [conselleiro de cultura].

O PSG-EG anticipou moitas ideas do nacionalismo. Por que non puido seguir? En que fallou?

Os que nos formamos aí encarnamos outra maneira de entender o nacionalismo. Non tan diferente da do Bloque, pero si creo que nos anticipamos nalgúns casos, por exemplo nos pactos co PSOE. Vigo, con Nogueira, foi o primeiro lugar onde o nacionalismo asinou un pacto de orzamentos co PSOE e despois, no 92, formamos un goberno tripartito. Eu daquela era o secretario político local. O PSG-EG fixo sempre política de goberno, con moitas iniciativas que logo o Bloque asumiu. Tamén vimos a necesidade de participar en políticas estratéxicas. Nós sempre fomos de longo alcance, o que ás veces nos recriminaban. Pero iso significa políticas como a Lei de Normalización ou conceptos novos daquela como o de participación cidadá, áreas metropolitanas, políticas estratéxicas en urbanismo, territorio, eixo atlántico, dentro dun marco de política europeísta que o BNG foi aceptando progresivamente. Tamén cometemos erros gordos, como pensar que había espazo para outra forza nacionalista. Pero foi unha escola moi valiosa, da que conservo moitos amigos. Cando se decidiu entrar no BNG, eu e mais outros abandonamos a política partidaria, aínda que seguimos contribuíndo ao proxecto nacional desde as nosas posicións. Hai compañeiros que continúan animando iniciativas como Nova Escola Galega, na que eu participo e que xa ten 40 anos. Outros están no sindicalismo nacionalista, no municipalismo ou no mundo da cultura. A referencia de Nogueira aínda non foi suficientemente valorada. É un dos grandes líderes nacionalistas do século XX e foi o primeiro que representou a Galiza contemporánea en Europa. Aparentemente inxenuo, pero sempre lúcido e entusiasta, moi teimudo. É fillo, coma Xosé Manuel Beiras, dun galeguista da República. É a xeración de enlace co Partido Galeguista. Os pais de Beiras e Nogueira eran persoas discretas porque estiveron atados por todas as limitacións da época.

O BNG pasou por maos momentos, por que o PSG-EG non foi capaz de hexemonizar o nacionalismo?

Por falta de recursos organizativos. Pivotou demasiado nunha figura, pero fallou a xeografía. En Vigo chegamos a ter, a finais dos 90, máis dun millar de afiliados, pero foi un caso concreto. Nesta cuestión é modélico o Bloque que, xunto co PP, ocupa todo o territorio. Outra inxenuidade nosa, creo, foi darlle excesivo peso á política institucional. E tamén estaba a imposibilidade de que con ese modelo lográsemos presenza en Madrid. Só as fórmulas amplas e transversais poden ter éxito aí. Aventuro para os próximos anos unha minoría galega en Madrid e quixera un goberno en Galiza arredor do nacionalismo. Para iso necesítanse acordos amplos e unha cultura nacionalista máis acolledora e menos sectaria por parte de todos. Iso é o que me gustaría.

“A produción lexislativa en Galicia é baixísima”

Como ve a política galega en xeral?

Cánsame moito o modelo de Feixoo. Fíxome aborrecer a axenda política, que utiliza a Radio Galega, de constante enfrontamento institucional co goberno de España e con Caballero. Tamén é patente a incapacidade dos socialistas para ofrecer un proxecto para todos os galegos. Vexo con máis simpatía a ampliación de horizontes do BNG e gustaríame que incluíse os non nacionalistas que defenden un proxecto de autogoberno para Galiza. Boto de menos os debates máis programáticos dos 90, na época de Fraga. A oposición daba alternativas sectoriais. Agora o goberno galego ten unha produción lexislativa baixísima. Hai que volver ás políticas sectoriais, a dar alternativas aos anos de conformismo de Feixoo. Non é fácil porque os medios están moi controlados. Resulta difícil abrir a súa axenda a outros temas. É o gran papel que ten a oposición por diante.

Seguirá habendo polémica con Vigo?

Vigo é moi mal entendida en Galiza e Galiza mal entendida en Vigo. Se hai algo que me doe é ver o discurso antigalego de Caballero, porque iso cala coma a choiva e vainos desprendendo desa relación. Para os galeguistas do 1931 Vigo era a Barcelona do Atlántico. O proxecto de Antonio Palacios prevía instalar no Castro o Palacio Rexional e na cúpula un planetario para enxergar as estrelas. Era un mito galeguista. A gran manifestación pola Autonomía de decembro do 1977 foi en Vigo. Vigo foi o motor da Galiza urbana do século XX. E en Vigo estaba a variedade de todas as Galizas, a mariñeira, a aldeá e a cosmopolita. Non é localismo, senón o papel de Vigo dentro do proxecto nacional galego e temo que se deturpe ou que se perda.

Algo máis?

Non falamos de Xabier P. Docampo e de Agustín Fernández Paz. Non tocamos as moitas perdas destes anos.

Urzáiz ten nome de muller

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á proposta de redenominar a estación de Urzaíz con nome de mulleres viguesas:

Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, anunciou que ao longo deste 2022 as principais estacións serán redenominadas con nomes de mulleres. Comezada con Chamartín – Clara Campoamor e a estación de Málaga – María Zambrano, continuada agora coa de Puerta de Atocha – Almudena Grandes, a iniciativa foi xustificada pola ministra como «un xeito de facer visible o compromiso que ten o goberno coa igualdade e as políticas de xénero», «un xesto cargado de simbolismo para lembrar nomes de mulleres que en moitas ocasións a historia invisibilizou». Un anuncio que provocou a reacción dos sectores conservadores da capital, que dubidaron dos méritos da autora dos «Episodios dunha guerra interminable» para renomear Atocha, e que, ao tempo, abriu nas redes sociais as propostas para outras estacións. No caso da viguesa estación de Urzáiz, Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, apuntou en Twitter o 4 de marzo a posibilidade de que levase o nome de Xela Arias, que aquel mesmo día faría 60 anos.

E abofé que a poeta viguesa homenaxeada o pasado 17 de maio acredita méritos e simpatía popular abondos para este recoñecemento póstumo, xa que parafraseando a reacción de Luis García Montero, o viúvo de Almudena Grandes, cando soubo do nomeamento da súa dona, permitiría que «os trens, como as nosas lembranzas, saiban cal é o seu punto de partida e de chegada». A escritora, editora, profesora e tamén tradutora, representou o compromiso de toda unha xeración cunha cidade que confesaba lle doía, mais da que se amosaba orgullosa polo seu carácter dinámico e contraditorio, o que ela definía como «revolcado». Unha poeta que quixo Vigo como a súa cidade amada, a urbe en arrabalde que coñeceu a súa chegada con sete anos que percorreu dende entón de forma incansable «paseo arriba», «praza abaixo» nun botarse andar aparentemente errático, como o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía nas páxinas de Faro de Vigo como «a fusión do aire no verso e a mar en catarse».

Certo é que a estación de Urzáiz podería levar o nome doutras viguesas pioneiras que acreditan tamén méritos para facer visible decote as mulleres. Nesta relación de viguesas destacadas nunca poderían faltar tres escritoras en lingua galega: Begoña Caamaño, nacida no Calvario (1964), xornalista na radio pública galega, feminista e autora da aclamadísima novela Morgana de Esemelle (Galaxia 2012); Xohana Torres, autora da novela Adios María (1971) ou de libros de poemas memorables como Tempo de ría (Espiral Maior 1992); e María do Carme Krukenberg (Vigo 1926), prolífica autora, na que a poesía tivo un lugar predominante. Relación que máis alá das literatas contaría con outras viguesas sobresaíntes, pioneiras do movemento protofeminista: Emilia Docet Ríos (Vigo, 1915), a «señorita Galicia», deportista; Antonina Sanjurjo Aranaz (Vigo, 1910), profesora mercantil e impulsora do hóckey sobre herba; Urania Mella Serrano (Vigo, 1900), política; Placeres Castellanos (Vigo, 1896), xornalista; Olimpia Valencia (1878), a primeira muller en Galicia que obtivo a licenciatura de medicina e mantivo aberta consulta de xinecoloxía na rúa Príncipe; e Aida Fernández Ríos (1947), bióloga e oceanógrafa, directora do Instituto de Investigacións Mariñas de Bouzas.

Se fose posible que esta escolla de nome de muller para Urzáiz se ampliase ás pioneiras vivas, a relación estaría encabezada pola escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939), a fundadora do movemento feminista galego, figura extraordinaria das letras galegas contemporáneas e de comportamento ético referencial. María Xosé Queizán naceu nunha casa da rúa Urzáiz, xusto fronte ao muro da estación do ferrocarril, nun cuarto –confesa nas súas memorias, Vivir a galope (Xerais 2018)– «que se abría a un balcón do terceiro andar onde se divisaba a ría de Vigo, incluíndo a Guía e as Illas Cíes». Vínculo da autora de Amor de tango (Xerais, 1992), novela cento por cento viguesa, co barrio da estación que mantivo dende a súa primeira infancia, e que confesa nunca perdeu, cando «foi arrolada polas sirenas e aprendeu a camiñar co aroma peixeiro que embriagaba as entrañas de Vigo».

Máis alá do interesante debate aberto pola posibilidade desta redenominación da estación de Vigo – Urzáiz, é imprescindible que os nomes de muller se incorporen de xeito máis intenso tanto ao rueiro vigués, como se estendan ao catálogo dos centros educativos (tamén ás aulas, escaleiras e bibliotecas), ás instalacións deportivas, aos centros de saúde e de persoas maiores, así como ao resto de espazos públicos. A relación de viguesas pioneiras debe ser ampliada coa das contemporáneas que loitan teimosamente pola igualdade real en todos os ámbitos da sociedade.

Onte 2146: «Os soños de Miguel» de Manuel Iglesias Turnes

Nunha tarde de sábado lin dunha sentada Os soños de Miguel (Xerais 2022), a terceira entrega coa que Manuel Iglesias Turnes completa a súa crónica de transformación do mundo rural, iniciada n’ As rapazas de Xan (Xerais, 2012), retrato do desaparecido na década de 1950 e estremecedor relato da emigración e continuada en Que non te aten (Xerais 2016), retrato dos gandeiros do século XXI. N’ Os soños de Miguel o autor de Cabanas homenaxea os gandeiros da súa xeración, os que a finais dos sesenta e ao longo dos setenta protagonizaron a modernización do sector coa incorporación da maquinaria (tractor, segadora, muxidora…), a reordenación dos cultivos, a mudanza no goberno das explotacións, dos criterios económicos utilizados e a súa monetarización, cambios profundos nos costumes e nas familias, en boa medida asociados as transformacións do tardofranquismo e da loita polas liberdades.

Unha novela ditada pola memoria familar e modulada pola profunda experiencia  e coñecemento do sector,  na que Turnes continúa emocionando na construción dunha trama de ficción orixinal e polo deseño dos personaxes, algúns memorables, como esa tía Carme tan xenerosa ou co inflexible e orgulloso padriño Manuel, concibidos ao servizo do retrato dese tempo decisivo no que se montaron boa parte das explotacións actuais por parte dos avós e dos pais dos gandeiros de hoxe. Un relato no que, coma nas novelas anteriores, destaca a graza na recollida dos diversos rexistros da fala popular e a facilidade coa que o autor ofrece os diálogos de interiores que permiten que narración avance sempre de forma engaiolante e conmovedora. A de Manuel Iglesias Turnes é unha novelística convencional na forma mais moi transgresora, necesaria e singular no fondo, pola súa capacidade para ofrecer un universo propio e un relato alternativo do retrato da aldea, actualizando así a imaxe do mundo rural galego, tanto do desaparecido como do actual.

Recomendo moi vivamente Os soños de Miguel. Aventuro que volverá a entusiasmar ao lectorado (sei que moi amplo) das novelas anteriores. Como aventuro que incitará aos que se achegan por vez primeira aos textos de Turnes a completar tan singular triloxía literaria. Parabéns, meu Manuel.

Arde, meco, arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de mecos e entroidos:

No Colexio Público de Cedeira queimamos o meco, unha coidada reprodución en cartón do noso deteriorado pavillón deportivo cuxo arranxo a comunidade educativa leva dende hai dúas décadas reclamando aos responsables do concello de Redondela e da Consellaría de Educación. Previa á queima e ao sermón do crego, un texto satírico e moi incisivo preparado polo alumnado de 6º de Educación Primaria esixindo un pavillón novo para Cedeira, desfilaron polo perímetro da vella cancha e aos ritmos de carnaval e do tamboril cada grupo burbulla coas súas mellores e máis extravagantes galas, máscaras e disfraces, cunha importante representación de superheroes de banda deseñada, princesas cadáver, deportistas zombis e onde non faltou un trío de tanxugueiras nosas reclamando coas súas pandeiretas a abolición das fronteiras. Celebrados por ventura na maior parte das escolas de Primaria da comarca viguesa, estes desfiles e nalgúns casos folións de entroido que coinciden co estoupido de cor de mimosas e camelias, cando case todo este inverno (tan benigno) vai fóra, recuperan a ledicia e estrépito, espantan os medos e malestares de case dous anos de restricións e rigorosos protocolos da Covid-19 e anuncian a dispoñibilidade para afrontar a vella normalidade.

O xeitoso meco de cartón do colexio de Cedeira forma parte da tradición máis auténtica do entroido galego, a de representalo mediante un boneco ou forma substitutoria, unha divindade efémera de cartón e palla, que ao xeito de herdeiros de bacos e dionisios clásicos presiden nas aldeas e prazas estas festas nas que celebramos o inicio do abandono do inverno. Ídolos de cartón ou roupas e avíos de refugallo que por Galicia adiante reciben diversos nomes, dende os «Entroidos» ou «Entrudios» do triángulo ourensán (Xinzo, Verín e Laza), que poden ser tanto só un como unha parella «don Entroido» e «dona Entroida», como os «Lardeiros» e «Lardeiras» (Viana do Bolo) e «Mecos» (documentados por Vicente Risco en Allariz en 1948 e hoxe presidindo moitos entroidos urbanos, como os de Vigo e Redondela), pasando polo «Poderoso Señor Deus Momo» (documentado por Xosé María Álvarez Blázquez no entroido vigués de 1877) e o «can Urco» (ser mitolóxico de mal agoiro, protagonista segundo Calros Solla do entroido pontevedrés dende 1876, ano no que o poeta Andrés Muruais se caracterizou de semellante personaxe) até o «Loro Ravachol», o simpático e faladeiro loriño do boticario don Perfecto Feixoo, cuxo enterro dende 1985 pecha o entroido pontevedrés, ou a «Micaela» de Buño, citada por Xosé Manuel González Reboredo, ou «Poñicarpio» ou o nome de calquera outro cacique de sona do que fala Felipe Senén.

Figuras con forma humana de palla e roupas vellas, como o impresionante Meco da Xironda, no concello de Cualedro, de cinco metros de altura e cuns atributos sexuais de gran tamaño, feito o sábado de Entroido para ser queimado o martes na praza da Picota nun lume purificador que pon remate aos días desta festa. Queima a que precede, como sucedeu co mequiño da escola de Cedeira, despois da liturxia e da súa solemne condución acompañado das súas esperpénticas choronas, retrousos, burlas e críticas no día do seu enterro (da sardiña), xeralmente en vilas e cidades, o mércores de cinsa. Liturxia pagá na que o «crego» pronuncia diante dos seus acólitos, vestidos de rigoroso loito, un «sermón» ou «testamento» satírico burlesco no que arremete contra os vicios e escasas virtudes de mecos e entroidos mentres os asistentes responden a súa prédica: «Arde, meco, arde. Arde, meco, arde…». Iníciase así a corentena de Coresma, tempo de xaxún, vixilias e meditación, creado para non ser respectadas.

O que debido ás restricións da pandemia aínda non se puido recuperar nas celebracións escolares do entroido deste curso foron as mesas de convivencia nas que se comparten as froitas de tixola tradicionais, as sobremesas de fariña, ovo e leite propias destas festas: as filloas, marruchos, freixós, as orellas de frade, as follas de limón, as flores e as bicas e biscoitos en todos os seus formatos. En todo caso, algo ten que quedar para celebrar o vindeiro ano, mesmo a pesar de que este entroido que aparentaba tan preñado de esperanza, coincidiu coa noxenta invasión rusa de Ucraína, abrindo outra fenda para a desolación. Xaora, o tempo de entroido no que muda o clima invernal permite que durante apenas uns días o dereito se faga do revés e que os mecos e outra divindades choqueiras presidan as nosas prazas e encrucilladas, nun exercicio de ledicia compartida e contaxiosa como unha beizón profana da terra nosa. «Arde, Meco, arde!» é o contrasinal deste martes de entroido, no que os merdeiros e escabicheiros vigueses volverán impoñer a súa lei na que non se pode circular sen máscara e disfrace no seu territorio.

Operación Rosalía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día de Rosalía:

A celebración este ano do Día de Rosalía ven marcada polos importantes achados biográficos sobre a autora da investigadora Sagrario Abelleira recollidos no seu traballo recente «Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)». Esculcando sobre a denominación da praza de Vigo en Compostela, nacida dun irmandamento entre as dúas cidades, que supuxo tamén a inauguración da praza de Compostela en Vigo, Abelleira descubriu os documentos que testemuñan que Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837, e non o 24 como aparecía na súa partida bautismal. A localización do expediente inédito do casamento de Rosalía de Castro e Manuel Murguía  na igrexa de Santo Ildefonso de Madrid o 10 de outubro de 1858, depositado no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, permitiulle atopar a escritura notarial de 1843, na que a nai de Rosalía, Teresa de Castro, declara por dúas veces que a súa filla naceu o 23 de febreiro de 1837, ás catro da mañá, ademais de recoñecela como filla natural, desmentindo a acta bautismal de que fose filla de pais incógnitos.

Declaración materna que a todos os efectos legais supoñía o seu recoñecemento como herdeira mais que, ademais, confesa que a levou a Ortoño onde foi aleitada durante seis meses por María, unha muller da parroquia, o que afasta a posibilidade de que fose abandonada por ela. O que abondaría tamén, segundo Abelleira, no feito de que Teresa Castro teimaría en que a súa filla recibise unha educación moi superior á que recibían a maioría das mulleres do seu tempo, tratando de formala arredor da Real Sociedad Económica de Amigos del País (1850), onde recibiría formación artística, literaria e musical e participando nas actividades do Liceo da Xuventude, onde coñecería aos poetas Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre e probablemente, segundo Abelleira, lle permitiu ter acceso á bibliotecas de persoas que posuían libros en francés, inglés ou italiano. Esculcas de Abelleira sobre a estancia do matrimonio Murguía De Castro en Madrid que amosa a súa colaboración con intelectuais asturianos e a súa correspondencia cos responsables do periódico vigués La Oliva (1856) de ideas liberais e rexionalistas de Alejandro Chao, impreso no prelo de Juan Compañel na rúa Real 14 (que se corresponde ao actual 21, segundo demostrou o investigador Xurxo Martínez).

Relación co editor Compañel que no caso de Rosalía permitiría no ano do seu casamento a publicación do seu primeiro texto en prosa, «Lieders», incluído en «El Álbum del Miño» (1858), considerado o primeiro manifesto feminista en Galicia e a declaración da súa condición como escritora. Colaboración que continuaría coa publicación de «La hija del mar» (1859), a súa primeira novela. A amizade da parella con Compañel levounos a vivir en Vigo na casa do editor durante uns meses do ano 1860, estancia da que pouco sabemos. En todo caso, Rosalía publicaría con Compañel en 1863 os poemarios «A mi madre» e «Cantares Gallegos», o libro fundacional da literatura galega, saído do prelo o 17 de maio. Sabemos por don Francisco Fernández del Riego que Rosalía rematou a correr o libro, apremada polo editor. Contaba don Paco que «só estaba escrito o primeiro prego, que Murguía entregara na imprenta sen coñecemento da autora. Esta viuse obrigada a seguir escribindo, a medida que nas caixas demandaban o orixinal». Vigo quedou así vinculada á xeografía rosaliana, pola proeza de Rosalía e polo necesario estímulo do editor Compañel e do núcleo de liberais vigueses artellado arredor da súa imprenta dende 1855.

Os achados biográficos rosalianos de Sagrario Abelleira supoñen, como ten sinalado o xornalista Manuel Xestoso, un «renacer simbólico» da nosa poeta primeira, icona do noso Rexurdimento como da propia lingua, tanto polo feito de abrir novas liñas de investigación nos estudos rosalianos como pola mudanza da propia data do Día de Rosalía, que a partir deste ano pasa a ser o 23 de febreiro. Unha efeméride literaria que, ademais, este curso 2021-2022 e por vez primeira foi incluída no calendario escolar, o que sen dúbida contribuirá a intensificar as actividades sobre a autora. Como continuarán as múltiples iniciativas promovidas pola Fundación Rosalía presidida polo incansable Anxo Angueira que nesta edición, ademais de seguir coas actividades do 50 aniversario da apertura da Casa de Rosalía (1971), propón organizar lecturas e actos rosalianos, como o previsto na Deputación de Pontevedra, participar nas alboradas organizadas pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s ou convidar aos restaurantes a que esa xornada preparen un Caldo de Gloria, un caldo humilde recollido no poema «Miña casiña, meu lar», no que se relata a épica diaria da supervivencia. Neste primeiro 23 de febreiro, anóvase a celebración da proeza literaria de Rosalía.

Onte 2145: «Mil palabras para Cen Luzes»

Bo serán*.

En nome da Fundación Luzes, benvidas á festa na que celebramos os primeiros cen números da revista Luzes, un centón, unha proeza colectiva que ben merece un concertazo de Radio Océano. Agardamos que compartades un bo serán neste espazo de privilexio da Fundación Luís Seoane, a nosa anfitrioa, presidida por Inés Rey, alcaldesa da Coruña e dirixida por Silvia Longueira, ás que agradecemos como ao seu cadro de persoal a súa acollida e colaboración para celebrar este encontro.

En decembro de 2013 apareceu o primeiro número de Luzes, despois de seis meses da publicación daquel memorable Cero con mulleres con cousas na cabeza. Concretábase así, en 130 páxinas o proxecto de Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, unha angueira que cociñaron a lume manso durante case catro décadas de amizade e xornalismo militante, promovendo tentativas con historia, dende aqueles catro números de Loia que en Madrid compartiron con Lois Pereiro e Antón Patiño, ou con La Naval, Luces de Galiza ou a ilusionante e transgresora Bravú de fin de século.

Porén, Luzes, a diferenza dos anteriores, naceu como un proxecto profesional, como unha publicación de xornalismo mensual, ao xeito das cabeceiras internacionais. Un proxecto de xornalismo máis demorado, máis lento, máis narrativo, enraizado sobre os xéneros clásicos da reportaxe e da entrevista, non circunstanciais, e da opinión non sectaria. Rivas e Pereiro apostaron en Luzes, en definitiva, por un xornalismo de fondo feito por xornalistas e fotoxornalistas, un mensual impreso en lingua galega, que dende o inicio non renunciou a súa hibridación dixital e que dende 2018 desenvolve un proxecto paralelo como luzes.gal.

Aquel primeiro número de hai oito anos, ademais de presentar a estrutura de seccións que se mantería ao longo dos cen números que celebramos –as reportaxes, entrevistas, o caderno cultural República, os debates intrépidos, os sete estralos, as ceibas de opinión e os espazos fotográficos de profundidade de campo, cartafol e o retrovisor–, abría co primeiro manifesto, «Prendamos as luzes», un texto no que os fundadores  concretaban as súas intencións:

«Queremos prender unha fogueira de ideas, axuntar vontades e voces e convocar xente do común ao seu redor, á calor de historias que falen de novos rumbos». «Gustaríanos ser un facho que alumee entre a néboa que atolda a información. Queremos ser refuxio para lectores e xornalistas. Aspiramos a ser antídoto do silencio. Queremos coidar o xornalismo que di as cousas como foron. Eliximos andar ás ceibas.»

Dende aquel primeiro número, publicado en tempos de crise, unha audacia, estas luces de longo alcance foron conformando unha comunidade de xornalistas e lectores que mes a mes amantou un espazo de esperanza. Como sinala o manifesto do número do centenario: «Luzes é un soño dun grupo de inadaptados a ese conformismo que en Galicia se confundía coa atmosfera.» Cen Luzes que debuxaron un espazo aberto de creatividade e esperanza que se derrama polas marxes.

Un espazo habitado por unha irmandade lectora, loitadora e festeira capaz de roubar o silencio, collendo as palabras a Luís Pimentel, presentes tanto no primeiro manifesto como no centésimo. Si, xuntámonos para roubar o silencio, para afirmar o xornalismo como un ben necesario, non como un algoritmo do poder, para celebrar, como sinalou Rivas, unha revista que é «unha dorna ceibe sen amo que ben capea o temporal».

Permitídeme como editor en lingua galega que fun que mude a ollada do discurso, compartindo algúns datos que retratan estes cen primeiros números de Luzes, a maior parte deles tan sorprendentes como extraordinarios:

100 números publicados durante 97 meses, dos cales 80 foron entregas ordinarias en encadernación americana e 20 especiais monográficos grampados.

9.086 páxinas publicadas e máis de once millóns de páxinas impresas, que ocuparían máis de 330 km.

100 manifestos, cen.

Máis de 12.000 fotografías e 1.000 ilustracións publicadas.

Arredor de 400 reportaxes, case 300 entrevistas e 800 artigos das seccións literarias.

Nove libros publicados, sete deles recompilatorios de textos da revista.

Máis dun millóns de páxinas vistas no último ano en luzes.gal, o espazo dixital de indiscutible referencia da información e opinión en galego.

E para min a cifra máis importante: máis de 1.000 colaboradoras, entre xornalistas, fotógrafos, subscritoras, entre elas xa máis de cen bibliotecas en todo o mundo, que conforman esta comunidade lectora.

Valeria Pereiras, coordinadora da revista até o número cen, na entrada da entrevista que realizou a Pereiro e Rivas, salientou que «Luzes era un experimento máis que consolidado». Unha fórmula que non ten outro segredo, en palabras de Pereiro, que a lealdade «entre o xeito de facer cada número e a recepción do seu lectorado fiel.» Un urdime artesán tecido cada mes como unha fantasía posible grazas ao esforzo teimoso do equipo de edición e xestión dunha publicación que non conta con máis apoio co do seu lectorado e duns anunciantes comprometidos.

Superar esas limitacións e ampliar o perímetro da comunidade de Luzes son retos para os vindeiros meses. Como sinala Ana Luisa Bouza, administradora de Luzes dende 2016, «transformar Luzes nun multiverso» é a tarefa inmediata, consolidar e experimentar diversos formatos comunicativos, na edición e na web, «superando os límites cómodos, por coñecidos, para entrar noutros espazos de risco.»

Anímovos a que compartades estes anceios de Luzes contribuíndo a darlle pulo ás subscricións da revista entre as vosas amizades e persoas coñecidas, apoiando na rede a visibilidade do noso espazo, participando nas actividades organizadas pola Fundación Luzes, un universo paralelo con dinámica de seu, no que con diversas iniciativas como o Observatorio da Reconstrución ou o Premio de Fotoxornalismo Pablo L. Orosa, tratamos de fortalecer esta comunidade lectora e activista.

Parabéns, pois, aos responsables desta proeza colectiva capaces de ofrecernos a revista que queremos ler. Aos codirectores, ás coordinadoras destas cen Luzes, ao cadro de maquetación e deseño, ao comité de redacción, ao cadro de administración e publicidade, ao consello editorial e a empresa Tórculo que agarimou a fabricación destas millóns de páxinas. Mais e sobre todo, parabéns aos lectores e lectoras por apoiar o xornalismo que os xornalistas de Luzes quixeron escribir.

Remato.

Aquel primeiro número de Luzes adiantaba nas páxinas de creación un texto d’ A viaxe de Gagarin, a novela de Agustín Fernández Paz, tamén o primeiro subscritor de Luzes, a quen homenaxeamos esta semana na Coruña. Á súa memoria, como á de Xabier DoCampo, Fermín Bouza, Lino Braxe, Esteban Yáñez e Pablo L. Orosa, membros da tribo de Luzes, dedicamos a tribo de Luzes unha lembranza saudosa neste serán de celebración.

Por outras cen Luzes máis!

[* Discurso lido na Fundación Luís Seoane o 19-02-2022 con motivo da celebración da publicación do número 100 da revista Luzes.]

Araucaria senlleira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás árbores e arboredos senlleiras de Galicia e á conservación da Araucaria excelsa da Alameda da Praza de Compostela de Vigo:

O concello de Santiago impulsa a candidatura do Carballo de Conxo como Árbore Europea 2022. Cofre botánico de 30 metros de altura, 3,75 metros de perímetro e máis de 250 anos de antigüidade, é a icona dunha carballeira, que chegou a contar cun milleiro de carballos, situada ao sur de Santiago de Compostela, onde o 2 de marzo de 1856 tivo lugar o histórico Banquete Democrático de Conxo, no que estudantes e artesáns compartiron mesa, formando parte dende entón da memoria do rexurdimento galego. Gañadora da fase española, o concello de Santiago agarda acadar agora os cen mil votos a prol da candidatura do seu carballo bicentenario na páxina web do certame (https://www.treeoftheyear.org), comprometéndose a plantar por cada apoio unha árbore autóctona até o ano 2030, 19.000 no ano en curso.

Proceso de votación telemática en marcha até o 28 de febreiro, que coincide co convite da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao concello de Compostela a solicitar a inclusión deste exemplar no «Catálogo galego de árbores senlleiras» do que forman parte na actualidade 143 árbores e 38 masas de arboredo. Creado en 2007 polo goberno bipartito PSOE-BNG, sendo director xeral de conservación da natureza Xosé Benito Reza, promotor tamén da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, este catálogo estableceu por vez primeira un réxime xurídico para árbores e formacións de arboredo, de procedencia autóctona ou foránea, situadas en propiedades públicas ou privadas, merecedoras de medidas específicas de protección, «fose en atención ás excepcionais características do seu porte, medidas, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outras circunstancias que as fixesen merecedoras de especial protección» (Decreto 67/2007 de 22 de marzo, modificado polo Decreto 10/2015 de 22 de xaneiro).

Unha catalogación realizada polo Comité de expertos de árbores senlleiras que implica unha protección legal tanto no referido á prohibición de calquera acción que puidese afectar a súa integridade, saúde e aparencia como a da súa contorna máis próxima. Conservación que pretende superar o ámbito estritamente biolóxico, incorporando ademais «o valor antropolóxico desde o punto de vista estético e da sensibilidade do pobo ao seu contorno». Un catálogo de carácter evolutivo, sometido polos expertos a constantes actualizacións, tanto pola incorporación como pola retirada de pezas por motivos de saúde ou conservación, do que forman parte monumentos naturais como A Fraga de Catasós de Lalín, a Carballa da Rocha de Rairiz de Veiga de 400 anos, o Souto da Retorta e «O avó» (eucalipto azul) de Chavín (Viveiro) ou o Souto de Rozavales e o seu singular castiñeiro de Pumbariños en Manzaneda, que se considera pode ter carácter milenario.

Un catálogo galego do que forman parte dende o seu inicio árbores e formacións de arboredo viguesas: a Oliveira do Paseo de Afonso XII (16 metros e 200 anos de idade), inserida no escudo do concello e primeira icona da cidade bicentenaria; os dous tulipeiros de Virxinia (de 33 metros de altura e 110 a 130 anos de idade estimada), o Matusalén de Camelias (8 metros de altura e 100 a 120 anos de idade), os Eucalitos (54 metros de altura, case tres de diámetro e 120 a 130 anos) e as Faias, todos os catro na Finca da Marquesa do Pazo de Castrelos. Catálogo inicial do que forma parte a Casuarina da Alameda da Praza de Compostela (17 metros e 120 a 150 anos de idade), ao que se engadiu en 2017 o Ombú do IES do Castro, árbore nativa dos territorios da Pampa estudada polo profesor Xulio Dobarro, que acreditou foi doada polos membros do Centro Galego de Bos Aires (1928) para ser plantada nun dos paseos públicos da cidade de Vigo.

A este catálogo de árbores senlleiras ben podería incorporarse outros exemplares vigueses, sobre todo algúns dos máis desamparados e esquecidos do xardín da Alameda da Praza de Compostela, un espazo elegante de calma no centro do ensanche con máis de século e medio de historia onde se conservan máis de corenta especies botánicas. Un espazo natural de privilexio no que chantou raíces dende 1890 no extremo coa rúa García Olloqui a Araucaria excelsa, o indiscutible teito do xardín, conífera endémica da illa australiana de Norfolk, ameazada pola carga das bólas e instalación de cables da iluminación de Nadal, aínda non retirados. Araucaria senlleira que emite teimosa un mayday silencioso, que debería ser interpretado polos responsables dos parques e xardíns para evitar que no futuro, como sucede decote coas árbores talladas noutros espazos vigueses, a súa desaparición puidese ser xustificada como inevitable por motivos de saúde ou seguridade para a veciñanza. Defendamos a nosa araucaria senlleira.

Celta galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a galeguidade do Celta de Vigo:

Ás portas do centenario da fundación do Celta de Vigo (1923) como fusión do Real Sporting Vigo e o Fortuna, non é doado comprender a facilidade coa que a sociedade propiedade de Carlos Mouriño entra en confrontación co seu propio cadro de xogadores, coas súas persoas abonadas e seareiras e a lingua que a todos nos identifica, como sucedeu estes días tras a desafortunada apertura dun perfil en galego en Twitter (@RCCeltaGL), subsidiario do oficial (@RCCelta), creado hai unha década e que conta hoxe con case medio millón de seguidores, no que se viña utilizando de forma habitual e non exclusiva o galego como lingua de vehicular e de referencia sen problema ningún.

Unha decisión na que chovía sobre mollado, tras o desleixo no emprego do galego nos últimos meses no perfil oficial, que coincidiu coa mudanza dos responsables da política de comunicación da SAD, que semella foi parcialmente emendada esta fin de semana, tras a enchente de apupos e críticas do celtismo, cando o galego regresou timidamente á conta oficial con algúns chíos, aínda que en porcentaxe moi inferior ao castelán, lingua utilizada en exclusividade no seguimento do partido co Raio Vallecano.

Polémica sobre uso do galego nas redes sociais que probablemente aos actuais responsables do club poida parecerlles fútil, froito da presión dos sectores galeguistas da bancada do estadio do Fragoso. Porén, o compromiso coa identidade cultural galega e co emprego da lingua nosa forma parte esencial do que foi o Celta durante un século, do que é o Celta na actualidade como primeiro cadro galego e do que agardemos será o Celta dos nosos netos ao remate do século XXI. Abonda con consultar as páxinas da historia celeste do mestre Fernando Gallego ou a biografía de Handicap, Manuel de Castro González, o xornalista deportivo de «Faro de Vigo» (de 1909 a 1944), que ideou a fusión de Vigo e Fortuna para crear o Celta, para entender un compromiso acuñado na escolla do seu nome, equipamento e escudo.

Nome, Celta, escollido entre unha relación de referentes galegos, como Breogán, Galicia ou Atlántico, sometidos a un concurso que Faro de Vigo montou ao efecto. Equipamento no que os fundadores quixeron de forma afouta que o Celta como representante de Galicia levase as cores da bandeira galega, azul celeste e branco, consolidando así o emblema que promovía a xeración Nos e que a ditadura de Primo de Rivera prohibiría. Sen esquecer que no peito dos xogadores celestes latexa o escudo no que aparece estampada a Cruz de Santiago, outra das nosas insignias.

Utilización do galego no fútbol da que foi pioneiro tamén Handicap, a figura, que xa no número 11 da revista «Nós» (26 de xuño de 1922), publica unha crónica en galego da final do campionato de «football» que no vigués campo de Coia diante de «dez mil almas» xogaron o F.C. Barcelona e o Real Unión de Irún. Arbitrado por un xuíz francés, M. Balway, chegado horas antes da capital de Francia, Handicap cualifica o partido «dunha beleza futbolística esceucional».

Notas deportivas neste «Boletín Mensual da Cultura Galega» que continuaría durante varios números do ano 1922 o ourensán José González Viso, amigo de Florentino López Cuevillas, baixo a sinatura de Goal, nas que anuncia «a reorganización en debida forma do Vigo e mais do Fortuna» para enfrontarse como selección galega á catalá «no marco da competición interrexional», a Copa do Rei, na que participaban os vencedores dos campionatos rexionais. Comentario de Goal que anuncia o carácter do Celta dende a súa fundación como autentico representante do fútbol galego nas competicións españolas.

Nos últimos cincuenta anos o Celta tivo outros momentos gloriosos de apoio á lingua e ao país. En 1971 doou 35.000 pesetas, unha por espectador dun Celta-Madrid, ao Patronato Rosalía de Castro, como lembrou estes días o xornalista Alfonso Pato. Inesquecible foi tamén a tarde do 4 de decembro de 1977 na que os xogadores celestes saltaron á lameira de Balaídos erguendo unha gran bandeira galega, mentres soaba o himno galego, compartindo naquel día histórico o esforzo das 300.000 persoas que pola mañá desfilaran polas rúas viguesas reclamando dignidade para Galicia, na maior manifestación da nosa historia.

Ás portas da celebración do centenario (setembro de 2023), os responsables do Real Club Celta SAD non poden esquecer estes alicerces de galeguidade sobre os que se fundou o club nin sobre os que se desenvolveu ao longo dun século a gramática do fútbol celeste. Este é o momento de facer memoria dunha emoción compartida por varias xeracións de celtistas, viguesas, galegas e espalladas hoxe polos cinco continentes. Recuperar a presenza vehicular do galego no perfil oficial de Twitter non é antollo ningún de galeguistas, é apenas manter a fidelidade co espírito dos fundadores.

Baixo Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos achados nas obras de Elduayen e na Porta do Sol:

Rematado o trimestre de luces e panxoliñas, que converteu a Vigo por desexo da súa alcaldía na capital do Nadal catódico das cidades felices, a nosa abella da ribeira recupera por outros nove meses o ritmo do seu latexo, unha gráfica con picos, onde non faltan azos para a esperanza nin sobran motivos para a preocupación. Unha diferenciación entre cidades felices e infelices que xa non admitía Italo Calvino no seu libro máis memorable, «As cidades invisibles», do que existe excelente versión galega de Miguel Anxo Murado (Xerais 2000), no que propoñía unha clasificación alternativa das cidades «entre as que, a través dos anos e das mutacións, seguen dando a súa forma aos desexos, e aquelas nas que os desexos ou logran borrar a cidade, ou son borrados por elas».

E abofé que de aceptar como útil esta liña divisoria, trazada nas conversas entre o emperador mongol Kublai Khan e o mercador veneciano Marco Polo, voces das fermosas narracións de Calvino, gustaría que Vigo se continuase adscribindo as primeiras, a aquelas cidades xustas que se constrúen coa pulsión colectiva da cidadanía sobre o substrato da súa memoria. Gustaría, considerando tamén, como propón o filósofo Antón Baamonde, que «unha cidade é un estado de ánimo, un corpo de costumes e tradicións, e de actitudes organizadas e sentimentos», que Vigo tras a invención deste mito natalicio, protagonizado pola alcaldía como estratexia de promoción turística, continuase sendo, como afirma X.L. Méndez Ferrín, ese volcán de dinamismos que ao longo dos dous últimos séculos «mudou con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito». Gustaría, en definitiva, que o Vigo futuro fose un espazo urbano viable e sostible, innovador e creativo, que sen renunciar a súa identidade e tradición fose capaz de liderar a rede de cidades galego-portuguesas do Eixo Atlántico.

A retirada das luces de Nadal, aínda incompleta a comezos de febreiro no xardín histórico da Alameda e noutros espazos vigueses, sacou a luz nas obras do túnel de Elduayen a Policarpo Sanz, antigas edificacións e a bóveda do túnel de arredor de vinte metros que durante aproximadamente cincuenta anos, entre 1880 e o inicio da Segunda República, uniu a rúa do Príncipe coa canella dos Caños. Achados que non constitúen sorpresa ningunha para as especialistas en arqueoloxía e amantes da historia da cidade, mesmo recoñecibles en varias novelas viguesas, que alertaron reiteradamente da súa existencia cando se anunciou hai dous anos o proxecto do túnel, mais que agora abren un interesante debate cidadán sobre o coñecemento e a conservación do patrimonio cultural e histórico. Achados preciosos para coñecer a composición do palimpsesto urbano vigués, probablemente con vestixios de cando a cidade comezou a retirar a muralla e abrir os seus ensanches urbanos próximos, que constitúen unha oportunidade formidable, probablemente única, para saber máis da historia viguesa e reflexionar sobre as súas carencias e oportunidades.

As investigacións sobre este período decisivo de mudanza da rede viaria extramuros do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, recollidas no seu libro esencial «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses, 2019), permiten coñecer que o trazado da actual rúa Elduayen, entón Travesía de Vigo (1879), proxectado por Manuel Fernández Soler, autor do que quizais puidese considerarse como o primeiro plan xeral de Vigo, obrigou a cortar as rúas do Pracer e da Misericordia, que partían da praza da Herba (hoxe Argüelles). Novo trazado que «obrigou ao derrubo total ou parcial de numerosos edificios e, entre eles, da capela gremial da Misericordia do século XVI, da maior parte da casa-pazo de Fuente-Pita e así mesmo da artística fonte de Neptuno». Vestixios de construcións familiares  como as da rede de sumidoiros da rúa Sombrereiros, contemplados en 1890 no ancheamento da nova travesía a quince metros, que probablemente continuarán aparecendo nas escavacións das vindeiras semanas.

As obras do túnel de Elduayen e da Porta do Sol, unha infraestrutura tan complexa e custosa como claramente innecesaria para a imprescindible peonalización deste espazo urbano de privilexio, constitúen unha oportunidade para debater sobre o tipo de Vigo que se pretende construír: unha cidade alicerzada sobre o palimpsesto da súa tradición e memoria identificable nestes achados ou ben outra que quere borrar esas pegadas ou botar terra sobre elas canto antes. Achados que aconsellan unha estratexia demorada de valoración deste xacemento por parte dos arqueólogos e restauradores, e mesmo a posibilidade, como propón o movemento Vigo Histórico, de deter as obras mentres os técnicos debaten como integrar estes restos históricos no tecido urbano futuro.

Un día para Reimundo Patiño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Raimundo Patiño, figura homenaxeada no Día da Ilustración:

Coincidindo co día do nacemento de Castelao celébrase cada 30 de xaneiro o Día da Ilustración. Incluída no calendario do libro e da lectura da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, a efeméride pretende, ademais de lembrar e reivindicar o papel dos  profesionais da ilustración na nosa industria cultural, homenaxear a unha figura histórica da ilustración galega. Tras facelo con Álvaro Cebreiro (2017), Camilo Díaz Baliño (2018), Federico Ribas Montenegro (2019), Cándido Fernández Mazas (2020) e Lolita Díaz Baliño (2021), este ano será lembrado nas bibliotecas públicas e escolares de Galicia o pintor, gravador e autor de banda deseñada coruñés Reimundo Patiño (1936-1985), unha das máis senlleiras figuras da cultura galega de posguerra.

Dende pequeno Reimundo amosou unha extraordinaria capacidade para debuxar e unha notoria curiosidade intelectual como un interese pola lectura á que non foron alleas tanto o feito de que como «fillo do 36» fose espectador dos horrores da guerra civil e da represión, que afectou a súa propia familia, como a doenza que o encamou entre os cinco e os dez anos en Monforte de Lemos, que lle deixaría unha coxeira de por vida. Como tamén marcarían o seu fervoroso compromiso político e sensibilidade artística os libros que chegados clandestinamente de alén lle proporcionaba o seu tío o libreiro Antón Patiño (Librouro) como a amizade co escritor Xohán Casal, a quen coñeceu nas aulas da Escola de Comercio da Coruña, cuxa excepcional biblioteca familiar permitiu abrir a ambos os dous as portas da cultura contemporánea.

Tras participar na creación con Casal do «Manifesto da Liga Nórdica» (1953), caracterizado por unha rebeldía atlantista, e con Antón Avilés de Taramancos na Unión de Artistas Ceibes (1954), do que sairía o «Xuramento de Laracha», Patiño trasladouse a Madrid (1958) para traballar nunha oficina bancaria e desenvolver unha intensa actividade artística e política durante máis de dúas décadas. Reimundo foi figura clave na creación do grupo Brais Pinto (1958) e do movemento A Gadaña (1960), introdutor do expresionismo abstracto en Galicia, como participou na creación da UPG (1964) e da Estampa Popular Galega (1967), coa intención de «espallar o gravado na xente e refrexar as súas dores e ledicias». Iniciativas todas coas que Reimundo pretendía desenvolver un proxecto estético, cultural e político que, en palabras do investigador Xulio Carballo,  «impulsase a Galiza cara ao final do túnel que supuña a longa noite de pedra».

Desa pulsión de «punteiro da vangarda», como Uxío Novoneyra cualificaba a Reimundo Patiño na súa fraternal amizade, naceron carteis dos concertos de Voces Ceibes (1968), gravados como «Nais do mundo contra a guerra de Vietnam» (1968), así como as ilustracións de «Arrabaldo do norte» (1964), a primeira novela de Méndez Ferrín. Como a naceu a exposición do cómic mural «O home que falaba vegliota» (1971), obra fundacional da BD galega, sátira da persecución do derradeiro falante dun idioma en extinción, cuxas doce pezas dun metro por un metro forman parte dos fondos do MACBA. Como a publicación xunto a Xaquín Marín de 2 viaxes (1975), o primeiro libro en galego de BD, editado por Brais Pinto Gráfico e por ventura reeditado recentemente pola viguesa editorial Elvira e Fosfatina ediciones, sendo Patiño autor da segunda, «Saga de torna no tempo». Obras nas que o grafismo e a caligrafía inconfundible de Patiño invaden os cadriños distintos en formatos e tamaños, creando así un marco caótico e esperanzador, metáforas dramáticas do futuro que lle agarda ao país, capaces de someter ao lectorado destas historias de ciencia ficción.

Este día da ilustración que en Vigo se celebra na Biblioteca Pública Juan Compañel coa exposición bibliográfica «Reimundo Patiño: ilustrar dende as marxes» é unha oportunidade ademais para recuperar do esquecemento a obra pictórica de Patiño e a súa linguaxe expresionista, dinámica e con aspectos futuristas capaces de enlazar cos membros do grupo Atlántica, que renovaron a plástica galega a comezos dos anos oitenta. Foi Reimundo unha figura ponte xenuína convertendo durante décadas a súa casa no auténtico centro galego de Madrid. Unha figura referencial e acolledora para as novas xeracións de mozos galeguistas, como os que facían a revista «Loia» (1975-1978), Manuel Rivas, Lois e Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño, nos que contaxiou a súa enerxía visionaria, a súa pegada contracultural, a esculca de novos medios e un ferinte desacougo imprescindibles para unha tarefa de renovación artística, comunicacional e política.

Benvido este día da ilustración para Reimundo Patiño na que recuperamos das tebras do esquezo unha figura pioneira para as artes e a edición galegas do noso tempo.