Catro séculos con San Roque

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á romaría de San Roque:

Ás familias Beleiro

O dezaseis subimos a San Roque, a primeira e máis antiga das romarías viguesas, enraizada en 1569 cando a peste asolou a vila. Documentada na cláusula pía do testamento de Gaspar Méndez de Soutomaior de 1622, a devoción ao santo do can e protector dos animais e vida campesiña celébrase arredor da ermida e do pazo, construídos con anterioridade a 1600, na granxa do Couto, da parroquia de Sárdoma, dando dende entón nome ao lugar de San Roque. Romaría que Nicolás Taboada Leal describe no capítulo dedicado ao carácter, uso e inclinacións dos vigueses do seu libro Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores (Viúva e fillos de Compañel, 1840), salientando que durante tres días (15, 16 e 17 de agosto) participan nela «case toda a veciñanza de Vigo» así como «multitude de xentes das contornas e moitos forasteiros das provincias de Pontevedra e da Coruña, que veñen co obxecto de ver as funcións de teatro e os bailes que polo común se proporcionan naquela temporada».

Segue o erudito Taboada Leal, na primeira historia de Vigo, onde beben os textos da de José Santiago e da cronoloxía de Xosé María Álvarez Blázquez, sinalando que na romaría de San Roque non escasean as gaitas, tamborís e castañolas para acompañar as varias danzas e rodas, ademais de citar as tendas provisionais de froitas, ostras, doces e licores, quincallas e praterías instaladas na carballeira; sen esquecer nin os fogos artificiais da primeira noite nin a función de igrexa e procesión na honra do santo no seu día nin as merendas e xantares de campo deitadas nos arboredos nin insistir en que nunca alí nos últimos trece anos ocorreu camorra ningunha. Con todo, hoxe chama aínda máis a nosa atención o detalle co que  Taboada Leal describe a corrida da fogaza, un pan grande de dous quilos e medio polo que competían os mozos con grandes saltos, e a danza da fogaza, unha especie de muiñeira, protagonizada tamén por homes, que se celebraba no serán da derradeira xornada, «cando a brisa mariña comeza a refrescar a atmosfera».

Desenvolvemento da danza que amplía Enrique Caride Iglesias no seu completísimo libro La romería de San Roque de Vigo (Hermandad Devotos de San Roque, 2021), documentándoa como «a regueifa» protagonizada por parellas de mozos e mozas, que se celebraba o dezasete na carballeira da finca de San Roque, debuxada polo fino lapis de Meléndez e publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana (1879). Acudindo a memoria dos vellos da costa de San Roque, Caride engade que en 1879 a danza era executada por nove  mariñeiros, tres deles disfrazados de mulleres, mudando a principios do século XX, cando era interpretada por campesiños de Lavadores dirixidos por un veciño coñecido como Perello. Danzantes que Roberto de Palacio, correspondente vigués de ABC, describe en 1904 como «tropa de individuos traxados coa máis refinada arte grotesca, chapeus de copa alta ou palla… que acompañados do gaiteiro, o tambor e o bombo danzan arredor da capela e logo do patio dos donos da finca…»

Tras máis de catro séculos de devoción, a pesar dalgunhas perdas, a romaría dos devotos vigueses de San Roque mantén o seu calendario, o seu espazo na finca dos Condes de Villar de Fuentes (adquirida en 1925 á Caixa de Aforros de Vigo, hoxe propiedade de Afundación), o seu carácter relixioso e musical e, o que é aínda máis relevante, ademais de constituír unha xuntanza de familias e amizades de todas as clases (nalgúns casos organizadas en peñas como O Furrú ou Os Sanrokeiros), tamén de veraneantes e forasteiros, para comer e beber sempre de máis. Unha tradición culinaria ben conservada e apenas anovada –ás empanadas, polbo e sardiñas á grella, engadiuse nos últimos anos o churrasco–, como tamén a musical, protagonizada durante décadas polos gaiteiros Os Morenos de Lavadores e a murga Os Terribles de Donas (fotografada por Ruth Matilda Anderson na súa reportaxe viguesa de 1924), que interpretaba bailables no palco do pino manso.

Este ano os sanroqueiros celebramos a modernización do programa musical da romaría con grupos rock e pop e un programa infantil específico. Coñecemos, ademais, que o grupo O Fiadeiro iniciou na parroquia de Santa Cristina de Lavadores un proceso de investigación etnográfica de recuperación da danza de Damas e Galáns de carácter gremial desaparecida hai un século, probablemente con semellanzas coa que dirixida por Perello se executaba nos seráns da finca de San Roque. Unha iniciativa a emular pola Irmandade de devotos de San Roque que podería promover a recuperación da regueifa ou danza da fogaza, o que constituiría un fito extraordinario para a anovación sanroqueira. Sei que na romaría de San Roque está a memoria viva do Vigo popular, obreiro, mariñeiro e campesiño. Ese viguiño do corazón, orgullosamente galego no que militamos.

4 comentarios
  1. Varo
    Varo Dice:

    Despois de ler este artigo de tanto interese case que na súa totalidade, quixera precisar algúns puntos que non son de tode verdade e que teñen que ver ca danza de damas e galáns. Esta danza foi recuperada este ano pola Irmandade de Festas de Santa Cristina de Lavadores. Á Agrupación O Fiadeiro se lle propuxo a súa execución, pero foi esta Irmandade quen a recuperou, e tamén a que está a traballar para que no vindeiro ano se poida realizar en San Roque.

    Responder
  2. Fernando Souza
    Fernando Souza Dice:

    Bos días!!! Este artigo carece de rigor ao por qué o grupo O Fiadeiro foi o investigador da Danza de Damas e Galáns de Sta. Cristina de Lavadores. A Irmandade de Festas de Sta. Cristina de Lavadores foron os que este ano 2023 o pasado 24 de xullo nas Festas patronais contrataron e pagaron ao grupo O Fiadeiro para danzar a danza despois de 90 anos. Os documentos, a partitura, a xilografia de 1879, a descripción dos traxes firan entregadas ao Fiadeiro por parte da Irmandade para que executaran a danza nas Festas patronais. É Unha mentira que a investigación do Fiadeiro dera coa danza. O pasado Xullo se presentou na Galería Sargadelos de Vigo a recuperación da danza de Damas e Galáns de Sta. Cristina de Lavadores para toda Galiza, estando presente Enrique Caride e facendo súas unhas palabras e unha historia que sabe que expresamos ese días da presentación por primera vez é que é da Irmandade de Festas de Lavadores.
    A recuperación da Regueifa e o baile da fogaza está a ser investigada pola Irmandade de Festa de Lavadores para ser bailada nun futuro en San Roque. Sempre foi bailada por danzantes de Lavadores e así o entende a actual Irmandade de San Roque non querendo crear outro grupo de baile á marxe do actual xa recoñecido.
    Pregamos corrixan este artigo Ou se poñan en contacto con nós para esclarecer estés erros.

    Fernando Souza
    Vicepresidente
    Irmandade de Festas de Sta. Cristina de Lavadores
    M. 666962693

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *