Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á memoria da iniciativa editorial na cidade de Vigo:

As primeiras imprentas de Vigo establecéronse a partir de 1822, ao abeiro do Decreto sobre liberdade de imprenta de 1810, coa intención de publicar as ordes oficiais e os primeiros folletos e libros. Do taller do valenciano Pascual Arza saíron en 1823 os trece números do Semanario Patriótico, o primeiro periódico vigués, órgano político da provincia de Vigo, que deixará de publicarse tras a entrada en Vigo o 4 de agosto de 1823 das tropas do reaccionario xeneral Pablo Morillo. Da imprenta do vasco Sebastián de Iguereta, chegado en 1840, saíron ese mesmo ano os exemplares do Boletín Oficial da provincia de Vigo e o Boletín de Vigo, ademais  do primeiro libro publicado na cidade, do que temos constancia, o Catecismo Histórico de España de Santiago Filgueira, profesor de primeiras letras do Colexio de Humanidades de Vigo, ao que seguiu Cristina y su manifiesto a los españoles, asinado por «Un joven vigués».

Secasí, haberá que agardar a que o emprendedor vigués Ángel de Lema e Marina instale en 1847 a que será a primeira imprenta estable e duradeira da cidade, na que se publicará o decisivo Informe sobre el cólera morbo asiático (1848) de Nicolás Taboada Leal, ao que seguiron outros folletos sobre temas pesqueiros e educativos de profesores vigueses, até que o 3 de novembro de 1853 imprima no seu prelo de madeira o primeiro número de Faro de Vigo. Con todo, será a chegada de Juan Compañel, cuxa familia publicara en 1840 no seu taller compostelán a Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, ría y alrededores do médico Nicolás Taboada Leal, libro que dalgún xeito é o primeiro estudo do Vigo contemporáneo, quen fixe o proxecto de Vigo como cidade referente da edición literaria en Galicia e en galego. Do taller de Compañel da rúa Real 21, saíron os exemplares do periódico La Oliva (1856), despois El Miño (1857), así como libros decisivos como La primera luz (1859) de Manuel Murguía, as primeiras novelas de Rosalía de Castro ou o libro inicial na nosa lingua da mesma autora, Cantares gallegos (1863).

Vigo do libro que consolidarán as oficinas de imprenta de Faro de Vigo (Rúa Príncipe 21) e do seu competidor, o xornal La Concordia, impreso na oficina de M. Fernández Dios (Praza da Constitución 6), onde se imprimiron numerosos folletíns literarios por entregas e títulos como Monografías de Vigo (1878) de Teodosio Vesteiro Torres ou Cuentos vigueses (1881) de Ramón García Vicetto. Outras imprentas da fin do século XIX foron as de Ángel Varela Gómez (Paseo de Afonso XII), que publicou a novela Todo malo (1895) de Jaime Solá; a de Cerdeira e Fariña (Praza da Constitución 6), editora de Fragmentos de la Historia de Galicia (1900) de Justo Areal e a de Eugenio Krapf (Rúa Policarpo Sanz 17), impresor suízo chegado de Sevilla responsable de edicións de títulos clásicos, como La Celestina (1899) ou El diablo cojuelo (1902), que destacaban polo seu gosto refinado, na escolla tipográfica e nos materiais de impresión.

Vigo do libro que se desenvolveu con plenitude ao longo do século XX, tras un período inicial de languidez, con impresións literarias ocasionais, como a Dos arquivos do trasno (1926) de Rafael Dieste e La saudade y el arte en los pueblos célticos (1928) de Plácido Castro, saídas da imprenta de El Pueblo Gallego, ou apenas coas xeitosas edicións comerciais de José Cao (Rúa Príncipe 30), popularizadas coas iniciais de PPKO, ou coa dos esmerados folletos turísticos en cor da Litografía e Imprenta Roel (Rúa Velázquez Moreno 36), algúns en inglés destinados a conseguir a chegada de visitantes. Rematada a guerra, recomezouse a edición de libros en Vigo, por parte da editorial Cíes, fundada en 1944 por Eugenio Barrientos, da familia de libreiros e impresores establecidos na rúa do Príncipe 43 dende finais de século. Cíes popularizou durante unha década as novelas do oeste en España, contando coa autoría de Marcial Lafuente Estefanía, que vivía no edificio Pernas de Travesas, así como editou as primeiras publicacións dirixidas en Galicia a público infantil.

A partir de 1950 puxéronse en marcha os proxectos de edición galeguista, das edicións Monterrey de Xosé María Álvarez Blázquez e Luis Viñas Cortegoso, e da editorial Galaxia, que pilotarían Francisco Fernández del Riego  e Xaime Isla Couto, entre outros activistas galeguistas. Vigo como capital editorial galega, tamén como unha das cidades que mais libros publican en España, que se consolidaría nos comezos da Autonomía, coa actividade das editoras viguesas: Galaxia, Castrelos, Xerais, A Nosa Terra, Ir Indo, Nova Galicia, Cumio, Sept, Nigra, CEF, Xerme, Tambre… e máis recentemente de novas como Elvira, Belagua, Catro Ventos, Creotz, Triqueta Verde… Un Vigo do libro indispensable para explicar o carácter industrial e o dinamismo cultural da cidade dende hai douscentos anos.

Feiras do libro

Coincidindo co Día do Libro comeza en Ferrol a xeira das Feiras do libro de Galicia organizadas pola Federación de Librarías de Galicia contando co patrocinio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e dos doce concellos onde se celebran este ano. Creadas hai cinco décadas por libreiros comprometidos como Enrique Molist na Coruña ou Antón Patiño (Librouro) en Vigo, que nos anos do tardofranquismo converteron as súas librarías en espazos de liberdade que pretenderon estender coa presenza insurxente dos libros aos xardíns de Méndez Núñez e á Alameda, a tempada das feiras contribuíu durante décadas a facer visible a diversidade da cultura do libro nos espazos públicos de privilexio das nosas cidades e, especialmente, o agromar entusiasta do libro galego e dos seus autores e autoras. Un éxito colectivo, sobre todo dalgunhas convocatorias como a coruñesa, que coa mudanza de século deixou vencerse pola rutina e na derradeira década decaeu en profunda crise, reducíndose tanto o número de librarías participantes, a cifra de vendas como da presenza de públicos nas súas actividades, reducidas a presentacións e sinaturas. As feiras do libro precisan dunha boa reviravolta que tras a pandemia xa non admite máis demoras nin arrodeos. As feiras necesitan anovarse na súa presentación, abandonando un modelo de casetas que quedou obsoleto, mais tamén na súa organización, dando entrada tanto ao conxunto do sector do libro (editoras, autorías e mediacións bibliotecarias) como procurando un maior compromiso das administracións locais (deputacións e concellos) para convertelas no evento principal da súa programación cultural anual. Transformar as feiras do libro en festas da lectura, en espazos atractivos de encontro dos públicos lectores coas autoras, tradutoras e ilustradoras é imprescindible se non queremos renunciar a continuidade da fantasía do libro galego acuñada hai medio século.

Publicado en Nós diario: 19/04/2023

Soño roto

Na noite do pasado luns Javier Aguirre, o veterano adestrador do Mallorca, un dos mellores especialistas en xogar a non xogar, esa vella estratexia de pechar espazos e romper o ritmo do rival con continuas interrupcións e perdas de tempo, superou na pizarra táctica con claridade ao Carlos Carvalhal. Unha lección idéntica á que xa impartira na primeira volta, nunha noite de venres do mes de xaneiro no Estadi Mallorca Son Moix, partido rematado con idéntico resultado, un único gol a prol dos baleares, e un desenvolvemento na lameira viguesa moi semellante no que os celestes amosaron a súa falta de alternativas no actual cadro de xogadores (un mediocentro creativo) para atacar o antipático (como efectivo) sistema do adestrador mexicano de pechar con sete chaves o seu bloque baixo.

Unha derrota decepcionante para os celestes que esgota as súas (escasas) esperanzas para clasificarse na sétima posición ao tempo que os condena a procurar os seis puntos precisos para a permanencia no derradeiro tramo dun campionato irregular, pechando, ademais, o momento máis afortunado do período Carvalhal, sete partidos sen perder. Un paso atrás que a sabia bancada do Fragoso, curada en mil soños rotos, encaixou co seu respectuoso escepticismo.

E a verdade é que xa non saíu ben o Celta, como lle sucedeu tamén fronte Almería e Sevilla, onde xogou co marcador en contra, confuso dende os minutos iniciais na construción de xogo e lento na resolución dos duelos individuais. Un once inicial habitual, no que Carvalhal introduciu por vez primeira ao canteirán Miguel Rodríguez, o que foi recibido con entusiasmo pola bancada. Mágoa que o xove león de Redondela non tivese a noite soñada para semellante estrea, obrigado a defender e atacar nunha banda moi ampla onde sempre o incomodaron Maffeo e, sobre todo, Kang-In Lee, o mellor dos visitantes, unha auténtica tortura para Hugo Mallo, que acabou expulsado nos minutos de desconto.

Como tampouco foi a mellor noite para a maior parte dos compoñentes do cadro vigués, onde apenas destacaron a serenidade e afouteza nos minutos finais de Unai Núñez e a enerxía e cambio de ritmo que supuxo a entrada de Renato Tapia, autor dun excelente lanzamento á escuadra, no que debeu chegar o empate.  Secasí, cómpre recoñecelo, foi un partido mediocre, cando non insuficiente, no desempeño dalgúns dos nosos, como o do Pepiño Aidoo, moi apurado para suxeitar ao kosovar Muriqui, como o de Iago Aspas, atrapallado na condución e finalización do xogo, como o dun Gabri Veiga ausente, sen espazo para despregar a potencia das súas chegadas, ou como o de Luca de la Torre intranscendente, que non se atreveu en lance ningún a arriscar sequera algún pase ao espazo ou unha asociación con intencionalidade ofensiva.

Con todo, non foi a ausencia de compromiso a razón do frouxo partido dos celestes, se non máis ben a súa falta de recursos para atacar as dúas liñas do muro mallorquín, reducidos apenas aos centros de Galán que sempre atoparon a cabeza das torres visitantes. E se iso non abondase, nunha das contadas chegadas do Mallorca, tras lamentable perda de Aspas e erro consecutivo de portaría e metade da defensa, o balón quedou incomprensiblemente abandonado na área pequena, facilidade que non desperdiciou Amath para marcar e con 70 minutos por diante liquidar o partido. Nesta ocasión a lámpada de Carvalhal non funcionou e pesar de introducir no segundo acto toda a artillaría atacante dispoñible, incluídos Carles, Paciencia e Larsen, non atopou o xeito de entrar. Faltaban espazos, creatividade e xenialidade para dobregar a un rival que en momento ningún perdeu a súa disciplina táctica e a súa concentración. Carvalhal non atopou a prescrición necesaria para abrir as liñas dun dos equipos máis ásperos, incómodos e de xogo máis amarrado e competitivo dos que teñen pasado esta temporada por Balaídos.

Con esta derrota o Celta regresa a crúa realidade de loitar pola permanencia, o seu obxectivo, abandonando calquera outro soño. Con paciencia e recuperando a claridade e flexibilidade táctica non debe ter problemas para asegurala canto antes. Cómpre recuperar con realismo esa ilusión.

Publicado en Faro de Vigo 19/04/2023

Os inicios de Pescanova

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar os inicios de Pescanova:

O acordo para a adquisición de Nova Pescanova por parte da canadense Cooke INC –motivada pola necesidade de Abanca de desprenderse das súas participacións industriais, apremada como o resto das entidades polo Banco Central Europeo, para así non comprometer a súa solvencia– é unha nova moi relevante para o futuro da economía viguesa. Unha compra que segundo leo nas páxinas de Faro de Vigo garante a continuidade da marca, da sede en Redondela e dos postos de traballo da empresa creada en 1960, o que en principio constitúe un anuncio esperanzador, tras unha década crítica para a que foi a primeira multinacional galega, situada entre as dez máis importantes do mundo do sector pesqueiro. Nova quizais sorprendente para o sector, como tamén para o propio goberno galego, motivada pola opción de Abanca pola complementariedade e compatibilidade das actividades nos eidos da acuicultura e da pesca salvaxe entre o grupo canadense de estrutura familiar e a compañía galega; unha escolla que pode aventurar menos problemas de encaixe que se a venda lla fixera ao outro pretendente, o Grupo Ibérico de Conxelados S.A. (Iberconsa), grupo internacional de orixe viguesa, radicado en Teis e propiedade desde 2019 do fondo americano de capital risco Platinum Equity.

Ás portas desta nova etapa para a pesqueira de Chapela é inevitable lembrar a súa creación como un exercicio visionario do empresario José Fernández López e do avogado Valentín Paz Andrade. Un froito da amizade forxada a finais do 50 nos salóns do hotel Universal entre estes dous emprendedores que souberon completar e complementar os seus coñecementos e experiencias, o lucense no sector do frío industrial aplicado ao sector cárnico en empresas como Frisgsa de Lugo ou Frigolouro do Porriño, o vigués no sector pesqueiro, como director da revista Industrias Pesqueiras (1927) e técnico veterano da FAO. Fundadores en 1960 en Vigo de Pescanova, unha empresa que revolucionou o mundo da pesca co seu sistema de conservar as capturas a bordo ultraconxeladas, o que lles permitía alongar as mareas e acceder aos ricos caladoiros do hemisferio sur. Un proxecto que precisaba de novos buques, capaces de navegar a afastados caladoiros de Arxentina e Sudáfrica, como de ocuparse do procesamento e conxelado das capturas, un encargo novidoso que Fernández fixo ao enxeñeiro naval Alejandro Barreras, de Astilleros y Construcciones (Ascón) de Meira (Moaña), responsable do deseño e construción do que serían os dous primeiros arrastreiros conxeladores do mundo: o Lemos e o Andrade.

Un encargo que tras sete meses de traballo, Ascón completaría o 31 de xullo de 1961 coa entrega da primeira das unidades, pola que Pescanova pagou 30 millóns de pesetas. O Lemos era un buque de aceiro de 52 metros de eslora, tripulado por 32 persoas e con capacidade para conxelar 20 toneladas diarias até un máximo de 250. Saíu de Vigo o 8 de setembro de 1961 para realizar a súa primeira marea nos caladoiros da costa Arxentina, regresando ao porto vigués de forma triunfal en decembro coas bodegas cheas de pescada conxelada. Iniciábase así o desenvolvemento rapidísimo da flota pesqueira da compañía que nunha década contaría con case un centenar de embarcacións, construídas nos estaleiros da ría, o que segundo o profesor Xoán Carmona situou a construción naval viguesa ao fronte da española. Das gradas de Ascón na canteira de Meira saíron tamén os primeiros arrastreiros por popa, en abril de 1963 o Villalba, de 75 metros de eslora, e o seu xemelgo o Vimianzo, en xullo do mesmo ano, buques pesqueiros moi avanzados construídos con licenza alemá. Como tamén os primeiros conxeladores que superaron os 100  metros: o Gondomar, o Gelmírez, o Miño e o Sil.

Relato do inicio do empeño industrial de Pescanova que non está completo sen referirse a historia do Galicia, o primeiro pesqueiro sen redes, a nave nai e factoría, con capacidade de conxelación de 100 toneladas diarias e de almacenamento de 3.000, recuperando do despece do Habana, un vello transatlántico de longa historia, que partiu de Vigo o 7 de setembro de 1964 cara aos caladoiros de Sudáfrica, acompañado dunha flota de nove arrastreiros construídos nos estaleiros de Hijos de J. Barreras, todos eles bautizados con nomes de ríos galegos: o Lérez, o Louro, o Eume, o Avia, o Eo, o Allones, O Saa, o Ulla e o Umia. Fondeado na baía de cidade do Cabo, bautizada como Capetón polos nosos mariñeiros, o Galicia recibía a pescada dos arrastreiros, conxelábaa e logo a transfería aos buques de carga refrixerada, como o Coruña, o Lugo, o Orense ou o Pontevedra, que a trasladaban até a moderna factoría de Chapela adquirida ese mesmo ano Copiba. Memoria dos inicios deste modernizador emprendemento galego, que os futuros propietarios da Nova Pescanova deben coñecer e respectar.

Discreción

Hai catorce anos da publicación Do orixinal ao libro (Xerais 2009), o primeiro manual de edición técnica en galego, preparado por Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Lembro aquel lanzamento pola defensa que o autor facía do traballo do editor, que comparaba coas copas de cristal, transparente e invisible, argumentando logo que unha virtude que non lle pode faltar é a da discreción, evitando cometer lixeirezas ou imprudencias no seu labor artesán e mediador. Discreción que compartín procurando que o traballo de edición pasase desapercibido e que fosen os libros que editabamos, os autores e autoras a quen acompañabamos ou as fórmulas de edición polas que apostabamos as que brillasen diante do público de lectores e lectoras e fosen recoñecidas como valiosas pola crítica e a mediación. A pesar das esixencias actuais da caligrafía dixital das redes nunca acreditei nos «editores estrela». Emporiso, na edición os editores proporcionamos apenas o soporte da imprescindible e demorada edición textual, a fabricación do libro (impreso ou dixital) e o imprescindible contexto (catálogo) no que se promociona e distribúe. Tarefas que só pode desenvolver un equipo motivado e reducido de persoas.  Nunha editora cultural (o modelo de edición que pretendín promover en Xerais) é o equipo de edición e promoción quen debe manter unha conversa cos seus contemporáneos. Deste xeito irá construíndo devagariño o catálogo que ofrece os seus públicos. Nese espazo de edición e lectura é onde van creando a obra colectiva da editorial que precisa do paso do tempo para ser valorada con xusteza. Este modelo de edición cultural é dificilmente compatible coa velocidade que rexe na edición galega actual, na que as novidades permanecen apenas unhas poucas semanas nas mesas das librerías antes de ser substituídas pola nova remesa. Discreción e lentitude precisas na edición como ingredientes indispensables son tamén da propia lectura.

Publicado en Nós diario: 12-04-2023

Pequena historia de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás publicacións sobre Vigo dirixidas á infancia ou ao seu emprego con finalidades didácticas:

Dentro da ampla bibliografía dispoñible sobre Vigo e a súa historia son escasos os títulos dirixidos á infancia ou concibidos para súa utilización con propósitos didácticos. Unha eiva que xa hai catro décadas tratou de atenuar o Departamento de Educación do concello de Vigo coa publicación da colección Materiais Pedagóxicos para Investiga-lo Medio, coordinada por Rafael Ojea, na que se publicou aquela primeira Guía de recursos didácticos de Vigo para a escola (1986), gromo dun dos primeiros programas de utilización didáctica da cidade artellados no estado. Un esforzo editorial do concello de Vigo que tivo continuidade na colección Datos da Concellería de Patrimonio Histórico e Medio Ambiente iniciada con Vigo nalgúns dos seus topónimos (1990) de Gerardo Sacau Rodríguez e na que ao longo da década se publicaron unha decena de títulos.

Un catálogo didáctico sobre a historia de Vigo ao que o Instituto de Estudios Vigueses (IEV) fixo importantes achegas na súa colección de Materiais Didácticos iniciada con A cultura castrexa. Vigo hai 2000 anos (1994), ao que seguiron, A Prehistoria. As raíces de Vigo (1995), Vigo Romano (1997) e Vigo Medieval (2000), obras de Hidalgo Cuñarro en colaboración con José Manuel Rodríguez Sobral e na cuarta de Rafael Sánchez Bargiela. Serie á que complementou o Atlas Básico de Vigo e a súa área (IEV, en coedición con Xerais, 1999), concibido como material didáctico de consulta que pretendía ofrecer unha panorámica do Vigo metropolitano en tres tempos: a memoria do pasado histórico, as encrucilladas do presente inestable (entón na fronteira da mudanza de século) e as expectativas de desenvolvemento futuro. Intencionalidade compartida por Vigo na historia (A Nosa Terra, 1998), unha excelente síntese da historia viguesa en 64 páxinas preparada por Basilio Cegarra, apoiada en documentación visual moi coidada e rigorosa, que dende a súa publicación foi o primeiro referente nas bibliotecas escolares viguesas para traballar a historia da cidade metropolitana.

Panorama da divulgación histórica viguesa na que merecen un espazo principal os dous volumes da Historia Ilustrada de Vigo que Faro de Vigo publicou en 1996 en 72 fascículos de dezaseis páxinas. Un logro editorial no que se mesturaban os textos históricos e a ampla documentación gráfica rescatada por un equipo de redactores do decano (José Ángel Otero Ricart, Rogelio Garrido, Fernando Franco, Eduardo Rolland, Luis Piñero, Javier Mosquera, J.A. Xesteira, Juan Carlos Recondo, Francisco J. Gil e Chema García) coas seis páxinas de cómic debuxadas e coloreadas por Bofill (na súa maior parte) e Javier Aguilera sobre os guións de Patricia Álvarez Hernández. Unha obra que merece unha reedición actualizada, ou canto menos a súa dixitalización, para facilitar o acceso dos escolares. Como tamén foi valiosa Un día dentro de las murallas (La Voz de Galicia, 1996), obra de Carlos Núñez, ilustrada na súa maior parte por Evaristo Pereira, na que destacaba a vontade divulgadora na presentación de textos e ilustracións.

No contexto de semellantes antecedentes, apareceu con espírito anovador Pequena Historia de Vigo (Embora 2022) froito da colaboración creativa do escritor Pedro Feijoo e do ilustrador Xosé Tomás. Un álbum que sintetiza os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo» franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Temas que non esquecen a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista. Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, patatillas ou manises. Unha obra que combina con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a persoas novas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela. Un traballo referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guión de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables e homenaxes emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Un libro importante para a bibliografía viguesa que recomendo vivamente e non pode faltar nas nosas bibliotecas escolares nin nos andeis das persoas curiosas pola historia de Vigo.

 

Ferreiro nacionalista galego

Luís Gonçales Blasco «Foz», unha das dez persoas participantes no acto fundacional da UPG o 25 de xullo de 1964, ofrece en Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais 2023) o retrato do comportamento político do autor de Celanova no que salienta a súa participación no movemento nacionalista e antifascista galego. Turrando de memoria e de documentación detallada esclarecedora, «Foz» relata a militancia de Ferreiro dende os dezasete anos nas Mocedades Galeguistas  (1932), a súa participación na creación da UPG e algunhas das súas achegas ao partido como a organización en trepias, células de tres membros nas que unha contactaba cunha cuarta, ou o nome de Terra e Tempo para o órgano de propaganda. Como reconstrúe os anos de amargura en Venezuela, aclara o proceso da súa expulsión da UPG (1974) e contextualiza na Reforma Política a súa incorporación ao PSG de Xosé Manuel Beiras e a participación na Candidatura Democrática Galega ao Senado (1977) pola provincia de Ourense e a creación da Irmandade Galega de Madrid (1978), como a posterior militancia anecdótica na agrupación viguesa do PSOE nos seus derradeiros meses coa intención (inxenua) de galeguizalo. Secasí a cerna da obra atopámola na reivindicación da figura de Celso Emilio Ferreiro como poeta nacional galego, tras a campaña sectaria e calumniosa de desprestixio que sufriu tras o seu pasamento (1979) e unha década despois, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, ao fío da que algúns críticos e poetas amigos negaron o seu nacionalismo e o cualificaron de poeta bilingüe. «Foz», como xa anunciara en traballos anteriores sobre esta polémica, ofrece un relato alternativo e veraz, alicerzado sobre a propia obra do poeta, que constitúe a xusta e necesaria reparación da dignidade de quen foi patriota galego. Recomendo esta valente biografía política tan esclarecedora sobre a figura de Ferreiro.

Publicado en Nós Galicia 05/04/2023

Autismo. Chamémolo polo seu nome

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do Día Mundial do Autismo:

O 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coa intención de promocionar a lectura e os mellores libros entre a infancia e a mocidade. Efeméride que neste ano o IBBY, a asociación internacional do libro infantil e xuvenil, da que forma parte Galix como sede galega, encargou á sección de Grecia que difundiu a mensaxe do escritor Yagalis Iliopoulos «Son un libro, leme» ilustrada por Photini Stephanidi, unha brillante humanización do carácter do libro pola súa expresión de beleza e diversidade. Mensaxe coincidente na súa intencionalidade inclusiva co texto «Autismo. Chamémolo polo seu nome», promovido pola Federación Autismo Galicia e outras asociacións europeas, para celebrar, tamén o 2 de abril, o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, efeméride instaurada polas Nacións Unidas en 2007 coa intención de concienciar e sensibilizar a sociedade sobre a realidade das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e contribuír ao exercicio efectivo dos seus dereitos. Serendipia ventureira que une cada dous de abril á cultura da diversidade do libro coa causa da visibilidade das persoas con autismos e da procura da súa inclusión efectiva en todos os eidos da vida social.

Espectro que, segundo as doutoras Utta Frith e Francesca Happé, «ten distintas causas e etioloxías e nun só individuo diversos síntomas poden ter diferentes orixes», o que salienta que tanto a singularidade, a vulnerabilidade como a variabilidade son inherentes a esta condición que acompaña ao longo da vida toda a 7 millóns de persoas en Europa, cerca do medio millón en España, 27.000 en Galicia e 3.000 en Vigo. Prevalencia do 1 % da poboación á que segundo o doutor vigués Cipriano Jiménez Casas, pioneiro en Galicia da abordaxe integral dos autismos, dende o centro Menela e a revista Maremagnum, cómprelle engadir que é dunha muller por cada catro homes, o que amosa unha infradiagnóstico feminino, expresión doutra fenda de xénero, sen esquecer que cada vez son máis numerosos os diagnósticos de persoas adultas.

Un trastorno que condiciona a comunicación e interacción coas outras persoas, mais tamén a forma de aprender, pensar ou comportarse. Emporiso, con independencia das capacidades intelectuais e características individuais, existen trazos diferenciadores e ao mesmo tempo específicos desta condición dos autismos que fan que estas persoas teñan dificultades, sobre todo nos entornos institucionais, como os educativos, mais tamén posúan habilidades e capacidades únicas. Razón pola que é fundamental entender que os autismos, dende a publicación do DSM-V en 2013 son un amplo espectro onde cada persoa pode situarse. Xaora, todas as persoas con TEA son distintas en intereses, capacidades e necesidades, aínda que todas compartan un diagnóstico e sexan radicalmente iguais en dereitos (recoñecidos tanto na Convención das Nacións Unidas para as persoas con discapacidade como pola Estratexia Europea da Discapacidade 2021-2030). Asumir esa duplicidade é imprescindible para entender hoxe cabalmente os autismos como para promover a tolerancia e o respecto, que reclama este colectivo, desfacendo estigmas e falsas crenzas, como que afecta só aos nenos e aos homes, como eliminando as barreiras de accesibilidade no acceso a todo tipo de servizos.

A cidadanía debe coñecer os autismos para comprender, aceptar e empatizar con eles e coas súas familias, rematando con décadas de rexeitamento, exclusión e discriminación. A cidadanía ten que valorar os autismos en toda a súa variabilidade, abandonando os prexuízos que os magoan, esas lentes que deforman a comprensión de cada un dos casos, apoiando ás súas familias na expresión do seu orgullo e dereito a ser respectadas e escoitadas. A cidadanía toda esta chamada a participar nunha mudanza profunda, a de construír unha sociedade inclusiva, se por tal entendemos a que é acolledora da diversidade e respectuosa coa expresión da diferencia. Estratexia empregada polas asociacións de familiares do entorno dos autismos, como a viguesa TEAVI, para desenvolver este 2 de abril a campaña de concienciación «Chamémolo polo seu nome», coa que pretenden promover unha imaxe positiva e real das persoas no espectro do autismo. Imaxe que identifican facendo o símbolo do infinito coas mans ou debuxándoo cunha ampla gama de cores, expresando así que o autismo non é lineal, é un espectro, unha condición diversa, específica e singular. Como tamén forma parte dela a procura do compromiso das administracións coa sociedade inclusiva que milleiros de edificios e monumentos emblemáticos de todo o mundo se iluminasen de azul o 2 de abril amosando o apoio ás persoas con TEA e as súas familias.

Ansia insatisfeita

Non lle sentou todo o ben que debera o parón de dúas semanas ao Celta que non conseguiu máis que empatar cun Almería moi necesitado e sorprendentemente competitivo. Unha primeira parte na que foi a remolque, sobre todo tras dous erros de concentración defensiva clamorosos, e unha segunda na que dominou e dominou, mais coa pólvora mollada e escasa inspiración na puntería, caracterizaron un partido que deixa aos celestes a medias na táboa clasificatoria entre aqueles que loitan por escapar da queima do descenso e aqueloutros que procuran engancharse a derradeira esperanza europea, esa cobizada sétima praza da Conference League. Mais o Celta quedou a medias, tamén, e iso pode ser o máis decepcionante da tarde da Reconquista, no equilibrio entre a disciplina defensiva e a eficacia goleadora do seu xogo, virtudes que até agora caracterizaron a remontada encabezada no banco do Fragoso polo profesor Carvalhal.

Dende os primeiros minutos, o Celta amosouse inusualmente incómodo e impreciso na súa saída de balón, diante dun Almería que se presentou en Vigo con escasos complexos e cunha presión moi adiantada. Xa no minuto 2 de xogo os de Rubi avisaron a Iván Villar que non viñan de excursión a participar como espectadores na cerimonia do embarque do comandante Chalot na Laxe. E cinco minutos despois, Babic furou pola escuadra a portería viguesa cunha cabezada soberbia que calou a bancada viguesa. Un erro de marca nun balón lateral que había moitos meses non viamos en Balaídos. Co marcador a remolque, os de Carvalhal non se abaixaron e apenas transcorridos dous minutos Seferovic empurrou as redes unha asistencia precisa (e preciosa) de Gabri Veiga en carreira tras unha das súas galopadas vertixinosas pola banda dereita.

Co marcador igualado, o Celta tivo vinte minutos de dominio, nos que se amosou determinante a facilidade de Carles Pérez para superar as dúas liñas andaluzas. Mais como os centrais celestes non tiveron o seu mellor día, o primeiro duelo que perdeu Aidoo en moito tempo facilitou que Arnau volvese a adiantar aos almerienses no 32´. E co marcador outra vez a remolque, foi Carles quen aproveitou unha perda andaluza en segunda liña para igualalo, poucos minutos antes do descanso, cun xutazo en carreira dende a frontal.

Tras a continuación, o Celta saíu decidido a resolver o partido, mais por moito que o intentou ao longo de 53 minutos non o conseguiu. E iso que dispuxo de múltiples oportunidades, algunhas auténticos goles feitos nas biqueiras de Aspas (cun pao no tempo engadido), de Gabri (a porta practicamente baleira), de Carles (onte outra vez o mellor dos nosos), do incansable Beltrán (dende a frontal) ou de Larsen e Paciencia (que tamén no engadido guindou un remate doado á grada de Gol), os dous dianteiros que entraron sen éxito para refrescar a puntería que continuaba mollada tamén para eles. Diante de semellante avalancha e insistencia viguesa, os de Rubi non perderon a orde e procuraron con continúas (e antipáticas) interrupcións do xogo romper o ritmo da vertixe no que se movía o cadro celeste. E mesmo tiveron as súas oportunidades aproveitando algunha fraxilidade da defensa viguesa, que nalgún despexo brandiño estivo a piques de estragar aínda máis o resultado.

O Celta teimou na posibilidade da remontada, confiou nas súas posibilidades até o derradeiro minuto, nunca baixou os brazos, o que é moi encomiable, mais foi incapaz de acadar o terceiro gol. O partido celeste foi unha ansia insatisfeita, unha proba de que o éxito no fútbol non se consigue só coa vontade, sendo precisos tamén outros ingredientes como a oportunidade e a inspiración propia e dos rivais, aos que ademais non son alleas outras variables do azar, que onte non acreditaron os de Carvalhal en cantidade idéntica a de partidos anteriores.

Con todo, semellante empate tan esforzado e traballadiño no primeiro partido de primavera permite continuar con todas as esperanzas, a primeira delas a de obter os sete puntos (dúas vitorias e un empate) suficientes para asegurar a categoría na primeira das tempadas do centenario. Velaí o obxectivo irrenunciable para o cadro do profesor Carvalhal.

Publicado en Faro de Vigo: 03/04/2023

35 % LIX

Ás portas da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) cómpre salientar que a LIX é o primeiro piar da edición en galego, xa que en 2021 supuxo o 35 % da facturación do sector (5,8 millóns de euros), o 36 % dos títulos publicados en galego polas editoras da AGE (278) e o 33 % do catálogo dispoñible en galego nas librarías (5.466 títulos). Cifras que amosan un crecemento sostido e continuidade da súa dependencia da rede de distribución escolar. Consolidación á que non foi allea a diversificación e excelencia dun catálogo que ofrece tanto álbums e libros ilustrados de xéneros, temáticas e formatos diversos, como lecturas de ficción nas clásicas coleccións graduadas das editoras xeralistas (Merlín, Sopa de libros, Árbore, Meiga Moira, Oqueleo, Fóra de Xogo, Costa Oeste…), recomendadas nos centros escolares e apoiadas pola presenza de autores e autoras ou espectáculos de mediación. Oferta alentada dende hai anos por editoras con vontade de especializarse en LIX, como Kalandraka e OQO, fenómeno emulado nos últimos pola aparición de novas editoras ou selos con semellante vontade, como Bulubú, Triqueta verde, Patas de peixe, Cuarto de inverno, Aira editorial ou Verdemar, entre outras. Anovación que detectamos tamén no catálogo de autorías e de obras premiadas nos concursos para textos inéditos, como na ampliación do interese da maior parte das editoras polo libro de non ficción e polo cómic e banda deseñada. Xaora, a chave do sector infantil e xuvenil galego continúan estando na súa capacidade para ofrecer lecturas valiosas e atractivas en galego que contribúan dende as primeiras idades á formación dun lectorado que en contadas ocasións a emprega de forma habitual. Con todo, o futuro da nosa LIX pasa por unha atención preferente ao lectorado neofalante como á formación do lectorado literario adolescente, tarefas nas que editoras, autorías e instancias mediadoras (bibliotecarias e profesorado) deben compartir unha estratexia entusiasta.

Publicado en Nós diario: 29/03/2023