Mil grúas para Hiroshima

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o 78 aniversario dos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki:

A estrea de Oppenheimer, a longametraxe de Cristopher Nolan, coincide coa lembranza dos bombardeos atómicos sobre as cidades de Hiroshima, o 6 de agosto de 1945, e Nagasaki, tres días despois, masacres nas que morreron unhas 250.000 persoas e coas que rematou a Segunda Guerra Mundial. Unha casualidade polémica que non pexa o interese narrativo dun excelente thriller político e xudicial nin a elocuencia dos seus diálogos nin do impacto visual, sonoro e emotivo que provocan algunhas das súas imaxes nin sequera da memorable actuación de Cillian Murphy camiño do Óscar. Xaora ao fío da haxiografía sobre o físico teórico alemán, Prometeo americano que asumiu en 1942 a dirección científica do proxecto (secreto) Manhattan de desenvolvemento das primeiras armas nucleares (de destrución masiva), o filme de Nolan, a pesar do seu discurso moral ambiguo, reabre o debate sobre temas como as consecuencias éticas do bombardeo das cidades xaponesas, o inicio da era atómica e posterior proliferación nuclear ou sobre os dilemas da comunidade científica entre racionalidade, progreso e benestar da humanidade.

Confeso que como educador pola paz durante a proxección, tanto nas secuencias da detonación da proba Trinity como da bomba Little Boy, momentos estelares da película, veume á cabeza a historia de Sadako Sasaki, á que tantas veces recorremos nas aulas para lembrar as vítimas dos bombardeos nucleares. Sadako, unha picariña de dous anos, vivía coa súa familia perto da ponte Misasa na cidade de Hiroshima. Cando estourou a bomba, a case dous quilómetros da súa casa, voou a través dunha fiestra, mais coa fortuna de quedar sen ferida ningunha e poder fuxir coa súa nai entre a choiva negra. Nove anos despois aparecéronlle no colo e detrás das orellas os primeiros síntomas dunha leucemia da que foi tratada no hospital da cruz vermella onde coñeceu a unha estudante de secundaria, dous anos maior ca ela, tamén doente de cancro. Foi esta rapaza quen lle contou a lenda xaponesa que promete a quen pregue mil grúas de origami concederlle o seu desexo, sexa o dunha vida longa ou a recuperación dunha doenza. Durante os oito meses ingresada, até o seu pasamento o 25 de outubro de 1955, Sadako fixo con esa intención, segundo os seus pais, 1.400 grúas (probablemente menos de mil, segundo outras fontes) aproveitando envoltorios de medicamentos e dos papeis máis diversos, ás que se engadirían outro milleiro de grúas preparadas polas súas compañeiras de escola, que serían enterradas ao carón do seu corpo.

Tras o pasamento de Sadako desenvolveuse a iniciativa de construír con doazóns chegadas de todo Xapón un monumento que lembrase as crianzas mortas polos bombardeos. Tres anos despois, no Parque Memorial da Paz, construído no que fora o espazo comercial máis visitado de Hiroshima para lembrar a memoria do horror nuclear e promover a paz mundial, inaugurouse o Monumento da Paz das Crianzas, a estatua dunha nena cos brazos estendidos e unha grúa de papel pregado sobre ela, que homenaxea a iniciativa de Sadako e desexa un futuro de paz. Máis de sesenta anos despois, escolares de todo o mundo envían cada curso ao parque de Hiroshima o resultado do reto da creación do seu milleiro de grúas de papiroflexia e da escrita de cadansúas mensaxes pola paz para ser exhibidas no entorno da estatua da nena da bomba atómica. Excelentes traballos escolares que os responsables xaponeses do parque aconsellan complementar co estudo dos antecedentes do monumento e da situación actual das armas nucleares no mundo coa intención de que poidan contribuír a crear novos espazos de estudos para a paz e o diálogo mundial.

Dinámica didáctica de sensibilización pola paz desenvolvida na nosa área metropolitana ao longo do curso 2018-2019 pola grupo de 2º de Educación Primaria no Colexio Público de Laredo (Chapela) que superou o reto da preparación do milleiro de pezas e enviou 1.237 grúas ao parque da Paz de Hiroshima, o que foi agradecido pola embaixadora pola paz Tomoko Aikawa, tamén asesora da fundación Sadako, co convite á alcaldía de Redondela de integrarse na rede internacional de alcaldías pola paz. Como inequívoco compromiso de procurar a paz e renunciar a posuír, fabricar e utilizar armas nucleares (proclamado pola constitución de Xapón de 1947), debería ser referendado polos líderes actuais nun mundo no que ademais da ucraína están abertas outras guerras (Palestina, Siria, O Iemen, Myanmar, Afganistán…), asumidas con aparente indiferenza pola comunidade internacional. Benvidas as iniciativas das grúas escolares como a reflexión que no público adulto suscita Oppenheimer se axudan a reflexionar sobre como foi o desenlace nuclear da guerra mundial e da proliferación de armas atómicas coas que dende entón a humanidade convive suspendida dun fío.

Saída sur e tren de proximidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saída sur ferroviaria de Vigo:

Coñecemos a pasada semana, como xa sucedera en 2007 e 2012, un novo estudo encargado polo Ministerio de Transportes sobre as alternativas da saída sur ferroviaria de Vigo. Unha infraestrutura estratéxica para o Vigo e a eurorrexión Galicia e Norte de Portugal da metade do século XXI que convertería a Urzaiz en estación tránsito permitindo a continuidade do Eixo Atlántico de Alta Velocidade (AV) entre Galicia e Portugal. Unha solución complexa de enxeñaría que uniría en seis ou sete minutos Urzaiz (onde se concentrarían todos os servizos ferroviarios vigueses) e o Polígono das Gándaras (a seguir até a Plisan), para a que, segundo expón o xornalista Víctor P. Currás nas páxinas de Faro de Vigo, sempre atentas a esta cuestión, existirían dúas alternativas: a conexión sur, en dobre vía seguindo o corredor de Sárdoma, baixo o monte de Puxeiros; a norte, case paralela á A-55, cun 30 % do trazado en vía única. Trazados nunha porcentaxe en túnel superior ao 84 %, condicionados pola posibilidade da construción da variante por Cerdedo, polo Tea ou polo Miño, que uniría Vigo con Ourense, sen necesidade do actual percorrido nas proximidades de Santiago.

Con todo, despois de anos de paralización, coincidindo cos gobernos de Mariano Rajoy, por ilusionante que sexa a reactivación dos estudos sobre a Saída sur, é imposible non ter presente a información que en Faro de Vigo, asinaban o pasado 25 de febreiro Lara Graña e o propio Currás, recollendo o criterio de Adina-Iona Valean, comisaria de Transportes da Unión Europea, para quen a AV entre Vigo e Porto non ten posibilidades realistas de formar parte da chamada “rede básica” da estratexia de rede transeuropea de transporte (RTE-T) que se prevé rematar en 2030. Unha estratexia europea de cohesión e mobilidade sostible, dotada cunha cifra abraiante, 244.000 millóns de euros, e para a que se estableceron, ademais, os horizontes de 2040 para a finalización dos proxectos da denominada como “rede básica ampliada”, onde podía encadrarse a AV galego-portuguesa, e o de 2050 para a nomeada como “rede global”. Noutras palabras, a comisaria romanesa está expresando de forma diplomática que os gobernos español e portugués terán que agardar á segunda rolda da estratexia (na década dos anos trinta) para contar cos 30.000 millóns de euros que precisan para financiar as obras do corredor atlántico.

Anuncio que deixa dunha peza as esperanzas depositadas para a activación pronta das obras da Saída sur, tras o compromiso portugués anunciado en setembro de 2022 polo goberno de Antonio Costa, ratificado pola dimitida secretaria de estado de Transportes, a lucense Isabel Pardo de Vera, que obriga a enxergar con incerteza un horizonte estratéxico afastado a 2040, e o que é aínda máis decepcionante, a asumir que non se contarán con axudas europeas nos calendarios anunciados polos gobernos español e portugués. Como sucede outro tanto coa saída do AVE por Cerdedo, que xa conta con anos de estudos informativos, hidrolóxicos e de impacto ambiental, e os que virán, se nos atemos as previsións dos orzamentos do estado para 2023. Informes que sendo optimistas, no caso de que finalmente se acometese a variante, até agora unha cuestión de fe, non é disparatado aventurar que o inicio das obras sería canto menos a finais destes anos vinte, desenvolvéndose ao longo da década dos 30, coincidindo coas da Saída sur. Calendarios, sempre que o futuro non agoche sorpresas desagradables, que obrigan a confiar apenas que a boa nova do Ministerio de Transportes para Vigo é o compromiso da chegada (por fin!) do AVE a Urzaiz nos trens Avril ao longo deste 2023 ou no comezo de 2024.

Axilizar o calendario da posta en marcha da Saída sur –sabendo que son  poderosos os seus inimigos, partidarios de continuar privilexiando o modelo peninsular radial– require reforzar a rede de complicidades transfronteirizas de ambos os dous gobernos e dos seus concellos e cámaras, sen esquecer neste imprescindible proceso de unidade de acción galego-portuguesa o peso determinante das sociedades civís, entidades empresariais, universidades e forzas sociais de alén e aquén do Miño para defender este proxecto ferroviario para unha eurorrexión de dez millóns de persoas. Sen menoscabo, de que a Xunta de Galicia asuma as competencias de ferrocarril interior e deseñe de vez unha rede de trens de proximidade capaz de conectar cada cidade coa súa área metropolitana ou rexión urbana, proxecto que no caso de Vigo resultaría tan estratéxico como o da propia Saída sur. Forxar dende Vigo, como eixo equidistante de mobilidade deste espazo euroatlántico, este proxecto ferroviario de dúas caras constitúe un reto inaprazable. Mágoa que apenas se cite na actual campaña máis enfocada a polarización e ao espectáculo fotográfico.

Río Arnoia

Hoxe iniciei a sección semanal «Contafíos» en Nós diario cunha lectura de Río Arnoia (Ir Indo 2022), o libro de grande formato do fotógrafo Plácido L. Rodríguez e do escritor Xosé Benito Reza:

Na Galicia dos dez mil ríos de Álvaro Cunqueiro, o Arnoia ten a singularidade de protagonizar un paradoxo xeográfico, xa que nace nas abas meridionais da Serra de San Mamede, preto de onde tamén o fan o Limia e o Támega, compartindo con eles a proximidade das súas fontes e a diverxencia das súas vidas e tramos. Un paradoxo que para Ferrín conforma unha imaxe da Patria na súa totalidade. Río Arnoia que ao longo de 88 quilómetros, dende o seu berce até o seu afogamento ou inmersión no Miño, vai cosendo dez concellos ourensáns (Vilar de Bario, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A Merca, Celanova, Gomesende e Arnoia) que en cadanseu territorio expresan a esencia da paisaxe nosa, inzada de cuíñas e espazos interfluviais onde naceron as aldeas hoxe abandonadas.

Río Arnoia é tamén o título da alfaia bibliográfica publicada o pasado ano por Bieito Ledo nas súas edicións Ir Indo, un libro de grande formato (31 por 31 cm) do que son autores o fotógrafo Plácido L. Rodríguez e o escritor Xosé Benito Reza, sendo prologado de forma moi brillante por X.L. Méndez Ferrín. Un traballo excepcional do veterano fotógrafo de Gomesende que convida a descubrir o cordón fluvial ourensán máis longo e a súa bacía, que quixo retratar espida de seres humanos, amosando a súa grandeza e poder, contando apenas coa presenza da natureza e dalgunhas pontes, que abrazan o río coa historia. Un libro no que destaca a poética fluvial que destilan cada un dos textos didácticos e literarios de Reza, que pateou todo o curso dende a mocidade e sabe espremer a beleza de cada cadoiro ou cada manancial e transformala en paisaxe.

Benvido este Río Arnoia, libro marabilla chamado a perdurar, rara avis na actual edición galega privada, que en tempos de hibridación dixital reclama a beleza do libro obxecto impreso; un formato editorial que na década de 1990 tivo a súa idade de ouro, contando con excelentes catálogos que contribuíron a que o libro no noso idioma gañase prestixio e valor engadido.

Trece noites, trece lúas

No espazo da semana en Faro de Vigo ofrezo a miña nadaliña cos meus mellores votos:

Trece noites, trece lúas conforman o tempo mítico de Nadal, dende a Noiteboa do 24 de decembro até a Epifanía ou Día de Reis do 6 de xaneiro. Trece días dun tempo sagrado sen que maxia nin bruxaría teña efecto, xa que na cultura popular galega todos os meigallos que se intentan neste período fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio. Trece xornadas, que dende a noite dos tempos coinciden co solsticio de inverno, para os gregos a porta dos deuses, mais tamén coas festas en honor a deuses como Osiris e Dióniso, ou cos días das Saturnalia e das celebracións na honra de Mitra e o Sol Invicto.

Trece longas noites, remate e inicio do ciclo das festas anuais, nos que tras a agonía do inverno, como sinala o escritor Antonio Reigosa, «reverdece en cada un de nós unha ilusión e unha esperanza polo que se anuncia vai comezar». Tempo de Nadal de ritos e tradicións, de banquetes e agasallos, de felicitacións e aguinaldos, de danzas e panxoliñas, que convidan a compartir a esperanza e proporcionan a benvida a un tempo novo, que agardamos ventureiro e feliz, recargándonos, da «enerxía suficiente para que a natureza, e nós con ela, revivamos outra volta».

Como salienta Reigosa no seu referencial Trece noites. Trece lúas. Libro de marabillas do Nadal (Xerais, 2011), sendo este tempo de Nadal consecuencia dun sincretismo de ideas, prácticas e crenzas desenvoltas ao longo dos séculos na maior parte de Europa e América, seguindo en maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, en cada comunidade conformouse unha tradición cultural de nadal de seu.

Emporiso, como propón o antropólogo Rafael Quintía, é posible vivir un Nadal á galega, anovando ritos e tradicións nosas, sen deixarse levar polos cantos de serea que converteron o Nadal nun tempo de consumismo desaforado de todo tipo de recursos escasos. É posible revivir os ritos de Nadal propios, contribuíndo ao reforzamento da nosa identidade, dos ritos de comensalidade amigable e recollemento familiar, partillando mesa, encontros interrompidos infelizmente durante dous anos de pandemia.

Fronte ao Nadal consumista de dispendio de agasallos efémeros e superfluos, é posible outro Nadal. Como tamén o é fronte ao Nadal espectáculo de millóns de luces, lambonada visual que serve de croma para autofotos en redes sociais; ou fronte ao Nadal alongado que transforma o centro da cidade durante case tres meses en parque temático charramangueiro ao ritmo dun Rockefeller center. Como fronte ao Nadal de concentracións motociclistas que de forma abusiva contaminan cos seus escapes en tempos de escaseza enerxética e abouxan co estrondo das súas bucinas, colapsando o tráfico en toda a cidade, é posible recuperar outro Nadal austero onde os aspectos sagrados da nosa tradición poidan ser anovados e compartidos coas persoas que teñen a curiosidade por visitarnos.

Como son estes días tamén os máis propicios para asumir os principios de consumo responsable, preferiblemente de produtos galegos, sexan de alimentación, de artesanía ou das nosas industrias culturais, contribuíndo neste tempo de emerxencia planetaria a poñer fin á guerra contra a natureza, como reclama o recente «Manifesto da Outra Xente» promovido por Manuel Rivas e Antonio Sandoval. É posible outro Nadal no que, como sinala este chamamento, «fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada» de recursos naturais e enerxéticos, «abra paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia» no benestar e coa natureza.

En Vigo tamén debería ser posible un Nadal galego, onde as rondallas metropolitanas anunciasen polas rúas cos seus chascaraschás e o debuxo no aire das súas bandeiras a ventura das luces do aninovo. Outro Nadal, onde gaiteiros e danzantes ocupasen as rúas para cantar os Manueis, Xaneiras e Reis e pedir o aguinaldo, como se veu facendo dende hai séculos. Esoutro da continuidade arredor da praza de Compostela da Gran Carreira do Pavo, o premio pedreste de Nadal organizado alí dende hai máis de medio século. Mais tamén un Nadal para as outras músicas, como os concertos desta semana no teatro de Afundación, o luns o da Orquestra Clásica de Vigo, organizado pola Universidade de Vigo, o venres o de Carlos Núñez, formando parte da extraordinaria xira de Nadal do artista vigués.

Xaora e por ventura, o Nadal principal é o dos afectos compartidos na mesa familiar para gozar de pratos de orixe humilde como Coliflor con bacallau, como a Álvaro Cunqueiro gustaba chamar a peza máis popular da nosa tradición culinaria de Noiteboa, completada co leite frito e outras sobremesas larpeiras deste tempo. En todo caso, ao xeito dos mellores votos daquelas nadaliñas asinadas durante a ditadura polos galeguistas vigueses: Que sexa a estrela dos afectos a que nos guíe!

Vinte anos do «Prestige»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos vinte anos da marea negra do Prestige:

Transcorridos vinte anos da marea negra do Prestige os responsables políticos que escolleron un rumbo suicida para o petroleiro non fixeron trazo ningún de autocrítica, ou sequera de dúbida racional, sobre as decisións adoptadas, ao tempo que minimizan sen rubor o prexuízo ambiental e económico (valorado pola Fiscalía en 4.300 millóns de euros) do vertido de máis de 63.000 toneladas de chapapote que chegou a case tres mil quilómetros de costa, entre Francia e Portugal, unha das maiores catástrofes de contaminación marítima do planeta. Unha vergonzosa ausencia de autocrítica daqueles políticos do Partido Popular, membros dos gobernos de José María Aznar e Manuel Fraga, que non asumiron responsabilidade ningunha, á que contribuíu o tortuoso procedemento xudicial iniciado hai unha década, sobre todo desde que se coñeceu a sentenza de 13 de novembro de 2013 que tras 200.000 folios de sumario concluíu que «non se podía atribuír a ninguén responsabilidade do ocorrido». Unha decisión xudicial decepcionante, emendada de forma parcial polo Tribunal Supremo en 2016 (que fixou 1.573 millóns de euros en indemnizacións) e polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea en xuño de 2022, aínda que este proceso xudicial interminable e encerellado continúe aberto nos xulgados de Londres, que dirimen un complexo conflito de xurisdicións, sen que polo momento ninguén recibise un euro de indemnización.

A pesar dos afáns de mariñeiros e mariscadoras e da marea de voluntariado chegado de toda España, que defenderon e limparon de forma altruísta a costa, os efectos do chapapote foron devastadores sobre o ecosistema mariño deixando, como sinalou a xornalista Silvia R. Pontevedra, «un cemiterio mariño imposible de cuantificar», «unha desastre irreversible para algunhas especies». A Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO-BirdLife) estimou de forma conservadora en 2005 que a cifra de aves mortas polo chapapote do Prestige oscilaba entre as 115.000 e as 230.000. Apenas a punta do iceberg dun impacto que afectou aos moluscos, peixes e mamíferos mariños, que nunca foron obxecto de estatística na cuantificación do desastre. Sen esquecer a presenza de piche (como lle chamamos na ría de Vigo, desde o vertido do Polycommander en 1970) no setenta por cento dos areais galegos e cantábricos, «galletas de cru» que dez anos despois daquela avalancha, seguían aparecendo na análise dun equipo científico da Universidade de Vigo. Como vítima colateral do Prestige foi Manfred Gnädinger Man, o artista alemán que despois de percorrer a costa atlántica decidiu quedar a vivir en Camelle e morreu de pena cando o chapapote destruíu o seu museo.

Certo é que a catástrofe do Prestige supuxo a reconsideración dalgunhas cuestións relativas á Seguridade Marítima e a loita contra a contaminación. Por ventura as embarcacións monocasco como o Prestige foron prohibidas para o transporte de hidrocarburos pola Organización Marítima Internacional dende 2005. Como por ventura, e non era sen tempo, que o servizo de Salvamento Marítimo conta hoxe con máis medios ca en 2002, o que facilitaría as tarefas de rescate en caso dun novo sinistro, nunca descartable no corredor marítimo galego polo que pasan diariamente varias ducias de buques que transportan mercadorías perigosas. Con todo, e a pesar de contar dende 2014 cun protocolo de emerxencias e resposta ante a contaminación do medio mariño,  hai moi serias dúbidas de que as decisións alí contempladas fosen adoptadas polos técnicos e non por políticos sen coñecemento ningún do mundo do mar, como sucedeu co Prestige. Unha cuestión que, probablemente, se abordaría de forma máis rigorosa se a competencia sobre esta materia fose transferida a Galicia, como propón o BNG ao fío da maior catástrofe medioambiental da nosa historia.

Xaora, dúas décadas despois continúa sendo extraordinaria a mobilización cidadá artellada a arredor das plataformas Nunca Máis e Burla Negra, que polo seu carácter altruísta, transversal, plural e interxeracional superaron calquera pretensión de ser controladas de forma partidaria. Unha expresión da vontade da cidadanía por asumir nunha situación excepcional as responsabilidades, como foi o caso da limpeza de areais e coídos, que non eran asumidas por unhas administracións que se amosaban incapaces, cando non incompetentes, para facerlle fronte a este monstro. Como semellante mobilización en clave inequívoca de país foi decisiva para que entrase en crise a hexemonía cultural que os gobernos de Fraga mantiveran ao longo de máis dunha década, abrindo un espazo inédito para algúns consensos de todo o arco parlamentario sobre temas estratéxicos, como foron o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) ou a política sobre o libro e a lectura.

Chapapote

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao vinte aniversario da catástrofe do Prestige, ao fío da publicación do libro colectivo Chapapote coordinado e editado por Xosé Manuel Pereiro:

O 13 de novembro ás 15:15 horas fanse vinte anos desde que o Prestige, cando estaba situado a 28 millas (uns 52 quilómetros) de Fisterra, emitiu o seu mayday, a alerta mariña diante dun perigo de naufraxio inminente. O capitán, o grego Apostolos Mangouras, anunciaba así a existencia dunha greta no tanque 3 de estribor no casco do seu buque cargado con 77.033 toneladas de fueloil Mazut M100, en realidade residuos de refinaría de baixa calidade (popularmente chamados como chapapote, piche ou galipote). Unha vella embarcación monocasco abandeirada en Bahamas, procedente de San Petersburgo e con destino a Xibraltar, que dende entón e durante case seis días seguiría un rumbo suicida diante da costa galega, até partirse en dous e fundirse ás 08:00 horas do martes 19 de novembro nunha fosa entre 3500 e 4000 metros de profundidade, provocando un vertido tóxico de 22.000 toneladas que afectou a tres mil quilómetros de costa, inundando as rías galegas e impregnando ás de Asturias, Cantabria, País Vasco e mesmo Francia, unha das maiores catástrofes en contaminación marítima do planeta. Unha marea negra que xa na mañá do sábado 16 emporcara toda a praza de Muxía e salpicara algunha vivendas, fenómeno ao que o entón responsable de Pesca do Goberno de Fraga quitáralle ferro declarando que «non é unha marea negra, son manchas soltas».

Sería o comportamento errático das autoridades sobre o que facer co barco e sobre a escasa e a todas luces enganosa información que proporcionaban sobre o inicio do vertido, durante o tempo que pasou entre o SOS e o afundimento do Prestige, o que provocou a mobilización da cidadanía galega o 1 de decembro de 2002 en Compostela, na que se reuniron en man común até 200.000 persoas con cadanseus paraugas, unha resposta de emerxencia que se convertería en xornada histórica na que de feito naceu Nunca Máis, o seu lema, a súa bandeira (presente en milleiros de fiestras e escaparates) e o seu movemento civil como expresión de dignidade colectiva. Unha mobilización de corazóns petroleados, definición certeira do escritor Manuel Rivas, un dos catro fundadores de Greenpeace España (1984), á que seguirían outras moitas, sempre concibidas con espírito cívico, irónico e inconformista: A Marea Gaiteira do 6 de decembro en Compostela, a Procesión das cruces do día dos santos inocentes na Coruña, a resposta das afeccións no derbi do 4 de xaneiro de 2003 en Riazor, a marcha festiva de Burla Negra que percorreu as rúas Vigo no serán do Día de Reis, a cadea humana de 55.000 estudantes e 3.000 profesores e profesoras nos areais e cantís da Costa da Morte o 22 de xaneiro, os concertos expansivos comezados coa lectura do «Manifesto contra o silencio» en 150 cidades mundo adiante do 1 de febreiro, a Marcha das Maletas da Coruña do 9 de febreiro, a manifestación en Madrid do 23 de febreiro, até a manifestación en Bruxelas o 14 de xuño de 2003, entre outras.

Unha resposta ao chapapote encabezada polos mariñeiros das rías galegas, os primeiros en frear a marea negra coas súas propias mans. Como foi decisiva tamén a achega xenerosa da marea de voluntariado, miles de persoas chegadas de toda a península, que durante varios meses limparon as peores costras contaminantes que penetraron en praias e cantís. Unha resposta da sociedade civil que reclamaba seguridade marítima e medioambiental para que non se repetise nunca máis outra catástrofe como as que periodicamente estragaron a costa galega, marcando a cada xeración, dende o Polycommander (1970) na ría de Vigo, o Urquiola (1976) na baía coruñesa, o Casón (1987) na Costa da Morte ou o Mar Exeo (1992) diante da Torre de Hércules. Unha cidadanía que reclamaba información veraz dos medios públicos, RTVE e CRTVG, controlados ferreamente polos gobernos de Fraga e Aznar e capaces de retorcer a realidade até transformala a conveniencia dos seus responsables.

Vinte anos despois da catástrofe e tras unha década da lectura da primeira sentenza que axuíza os feitos, enredo xudicial que permanece aberto, publícase Chapapote (Libros del K.O., 2022), libro coordinado e editado por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes, un dos xornalistas que mellor coñece a catástrofe. Un libro no que o fío do relato dos acontecementos, ofrecido por Pereiro de forma moi precisa e detallada, dialoga cos textos doutros xornalistas que o amplían ou interpretan, dende o editorial de Manuel Rivas, pasando polas infografías e datos de Artur Galocha e Lara Graña, até as reportaxes de Arturo Lezcano, Lucía Taboada, Natalia Junquera, Marta Veiga, Xosé Hermida, Gonzo, Brais Cedeira e Silvia R. Pontevedra. Un relato colectivo que aclara o que e por qué pasou todo aquilo e como a catástrofe inflúe no presente e no futuro. Un libro oportunísimo que reivindica o valor do relato do Xornalismo, que recomendamos vivamente.

César Portela, artesán da arquitectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á obra viguesa do arquitecto César Portela con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes:

O acontecemento cultural galego destes días foi o ingreso de César Portela Fernández-Jardón na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), un ano despois de que o fixera na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como numerario da sección de Ciencias Técnicas. Senllos actos académicos brillantes de ingreso nos que o arquitecto pontevedrés defendeu a súa concepción da arquitectura como disciplina ao servizo da sociedade que aborda a construción do espazo, dacabalo entre a arte e a ciencia. Activo aos seus oitenta e cinco anos, lembrando o que o arquitecto estadounidense Louis Khan fixou, «a arquitectura é aquilo que a natureza non pode facer», Portela aposta por unha arquitectura que respecta, sublima e enriquece a natureza, ofrecendo seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos. Para el «a boa arquitectura é capaz de conseguir que non se impoña ou substitúa a razón e que a arte non se supedite á ciencia». En definitiva, unha arquitectura que é ao tempo arte e técnica, capaz de crear espazos confortables e seguros, integrados na paisaxe natural, escoitando o que di cada lugar, pola súa topografía, luz e temperatura, como ao longo da historia fixeron os vellos construtores artesáns.

Profesor que foi da materia de Proxectos da Escola de Arquitectura da Coruña, a obra de César Portela dende os seus inicios alicerzouse en toda Galicia, proxectándose dende aquí a Andalucía, Xapón, Cuba e Venezuela, propoñendo unha síntese entre a relectura do autóctono e unha apaixonada defensa do Movemento Moderno, aspirando sempre a conmover coa súa beleza a quen percorre ou ocupa cada obra. Considerada como unha das mellores da arquitectura galega de todos os tempos, a obra de Portela exprésase de forma rotunda na súa integración co mar, protagonista dalgunha das súas obras máis icónicas, como o Faro de Punta Nariga (1995), construída con canterías curvas de granito, o Cemiterio do de Fisterra (2000), onde a área de sepultura se funde coa propia terra, ou o Museo do Mar de Alcabre (2002), esa belísima serea pétrea con fiestras sobre a ría, un espazo de memoria que deseñou co seu admirado Aldo Rossi en 1992 no castro de Punta de Muíño, onde se atoparon vestixios do comercio a longa distancia que hai mil douscentos anos mantiñan os poboadores da ría con fenicios e gregos. Espazos, nos que pretendeu reconstruír o verdadeiro rostro de Galicia, unha paisaxe de Atlántico puro, serena e estimulante.

Ademais da marabilla do Museo de Alcabre, parte significativa da obra de César Portela está noutros espazos de Vigo e na súa Área Metropolitana, onde se poden atopar algunhas das súas obras máis logradas. Velaí a Sede do buque cableiro (1986), situada no extremo sur do antigo Peirao de Transatlánticos do porto de Vigo, un robusto prisma de pedra, que no bordo portuario desafía os temporais. Velaí a Casa da Cultura (1989) de Cangas; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (2002) no Polígono A Granxa, Porriño; o Centro Residencial para Maiores Asistidos (2002), en Barreiro; a rehabilitación integral dos edificios das illas de San Simón e San Antonio (2003). Velaí a Casa das Palabras, Verbum (2003), unha caixa sagrada de espírito silencioso diante das illas Cíes no areal de Samil; a Escola de Enxeñaría de Minas e ampliación da de Telecomunicacións (2003) da Universidade de Vigo nas Lagoas Marcosende; a rehabilitación integral do Antigo Teatro Cine Fraga, proxecto comezado en 2003 e aínda non finalizado, do que se leva executado o oitenta por cento, tras a venda das caixas de aforros; ou a ampliación da Terminal do Aeroporto de Peinador (2014).

Relación de edificios de César Portela en Vigo na que merece mención á parte o Auditorio e Pazo de Congresos de Beiramar, construído sobre os terreos de Casa Mar, proxectado en 2002 e inaugurado como Auditorio Mar de Vigo en 2011. Integrado admirablemente na paisaxe urbana, como antes fixera co formidable Edificio Multiusos de Vilalba (1997), nesta peza monumental viguesa conflúen o bordo urbano e o bordo litoral nunha dobre fachada, unha de vidro que enche de luz o edificio e a súa impoñente galería, outra de chapa metálica que o envolve e o amosa ao seu través dende a propia ría. Unha afortunada solución arquitectónica de integración da paisaxe urbana coa propia ría, infelizmente deturpada coa recente ampliación do recheo da Lonxa do Berbés.

Itinerario que obriga a incorporar a este rigoroso artesán da arquitectura, a este arquitecto humanista amante da poesía, á relación de grandes arquitectos que teceron a trama urbana viguesa. César Portela merece ser recoñecido, tamén, como un dos máis importantes artistas galegos contemporáneos, que transitando todos os camiños da arquitectura, construíu espazos para a vida no tempo presente e futuro. Moitos parabéns, admirado Pitín!

Funicular ao Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á mobilidade vertical e metropolitana na cidade de Vigo:

A edificación na aba e declive dun outeiro fixo de Vigo un anfiteatro sobre a ría que marabillou aos que nos visitaron tanto se chegaban por mar como polos camiños entre as milleiras do Val do Fragoso. Admiración expresada polo escritor Benito Pérez Galdós no artigo «De Oporto a Vigo», publicado en Faro de Vigo o 12 de agosto de 1885, no que ademais confesa que para el «a máis fermosa das catro rías é a de Vigo, que tamén é o primeiro porto de España e quizais de Europa…». «Non se poden formar ideas, sen vela, daquela inmensa balsa de auga encalmada, que mide cinco légoas de longo e dúas de largo nalgunhas partes, defendida dos furores do Océano polas illas Cíes, dique natural que tapa a entrada…» Xeografía que facilitou que todo chegase a Vigo dende o mar e que obrigou a comprometer o seu porvir coa mellora do seu porto. Un modelo que condicionou o seu desenvolvemento urbano, documentado por vez primeira en 1597, no plano de J. Turriano, como unha vila en forma de «H» inclinado con dous brazos, un sobre o Berbés e outro no Areal, con rúas costentas, cualificadas por Galdós, tamén como «incómodas, estreitas e tortuosas».

Dende entón, Vigo conformouse como cidade portuaria atlántica, sendo diversas as iniciativas para superar os «inconvenientes» da súa orografía e facilitar a mobilidade entre o Berbés, A Laxe e o Areal cos novos ensanches que gabearon arredor do Castro. Entre todos elas, probablemente, foi a máis ambiciosa a de Antonio Palacios, no seu Plan de Reforma Interior de 1932, que concibía Vigo como futura  capital dunha Galicia autónoma. Palacios tendía unha liña ferroviaria paralela á costa, introducía liñas de funicular e teleférico, que darían acceso á cidade universitaria e aos miradoiros da Guía e a Madroa, e outra liña de metro soterrada entre o peirao de pasaxeiros na Laxe e o Castro, onde o porriñés instalaba a sede do Pazo Rexional. Proposta que quedou no papel, como aqueloutra de ordenación comarcal, baseada nunha vintena de poboacións satélites, en boa medida xa modelada pola expansión da rede do tranvía eléctrico de Vigo, concibida xa no seu inicio, en 1914, como metropolitana, que en 1927 estendía as súas vías en 47 km e nas décadas de 1940 e 1950 chegaba até Baiona, Gondomar, O Porriño e Chapela e superaba os trinta millóns de billetes anuais, cando a poboación da comarca era a metade da actual.

Outra iniciativa de mobilidade vertical viguesa foi o proxecto da empresa de tranvías, dirixida entón polo emprendedor e soñador Gerardo Campos, que en 1942 quixo cubrir de forma rápida e cómoda o acceso desde o peirao de transatlánticos até o monte do Castro, que comezaba a ser convertido en parque, por medio dun funicular. Rescatado do esquezo polo historiador Antonio Giráldez Lomba nas documentadísimas páxinas do seu libro Recordando los Tranvías de Vigo (Deputación de Pontevedra, 2005), unha das alfaias da bibliografía viguesa, aquel proxecto fascinante sería presentado en 1948 polo enxeñeiro de Camiños José Antonio López Jamar e quedaría como as liñas de Antonio Palacios no caixón da enxeñaría viguesa de papel. Un proxecto dun funicular monorraíl de 32 prazas e dúas cabinas que por medio de dous túneles e a unha velocidade de 18km/hora uniría a estación da Pedra coa Porta do Sol (á altura da Praza de Argüelles) e dende alí seguiría douscentos metros até o Campo de Granada, onde deixaba de correr sobre o raíl para rematar o traxecto desprazándose por un cable aéreo até a estación superior do castelo do Castro.

Ambos os dous proxectos, tanto o de Antonio Palacios como o de Gerardo Campos, pretendían facilitar a mobilidade peonil no interior da cidade, establecendo conexións mecánicas entre os perfís lonxitudinais do porto e da nova avenida de Circunvalación (dende 1963 bautizada como Camelias). Proposta que só despois de medio de século comezou a abordarse coa instalación dos primeiros elevadores do «Vigo vertical» na rúa Segunda República e nas propias Camelias. Como ambos os dous inserían as súas propostas nunha trama metropolitana, truncada tras o erro histórica de suprimir en 1968 as liñas do tranvía. Dúas dimensións, a vertical e a metropolitana, que deberían ser tomadas en conta á hora de deseñar o plan de mobilidade sostible que limitará o tráfico nas Zonas de Baixas Emisións do Vigo central que comezarán a funcionar dende o primeiro de xaneiro de 2023. A pesar da xa inevitable atmosfera electoral, o concello debería presentar decontado o seu plan de mobilidade sostible, que obriga a reconsiderar os itinerarios de vitrasa e os percorridos urbanos das liñas metropolitanas da estación de Urzaiz, mais tamén os trazados de carrís bici, a instalación de novos elevadores, as dimensións das novas peonalizacións e rotas alternativas e estacionamentos periféricos para os vehículos privados.

Chamamento por Samil

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Chamamento por Samil realizado por un grupo de 40 persoas en outubro de 1970:

Dentro da ampla literatura viguesa das abaixo asinantes, xénero de opinión do que forman parte os manifestos e as cartas ao director, continúa sendo modélico aquel chamamento en defensa de Samil no que un grupo de corenta vigueses expresaba a súa desconformidade pola construción dun muro de formigón sobre a duna. Datado o 14 de outubro de 1970 e difundido íntegro na prensa do sábado 17, El Pueblo Gallego salientaba en primeira que os asinantes, «intelectuais, artistas e profesionais destacados», alertaban que o muro en construción en Samil «producirá consecuencias irreversibles» e que «o espazo de pública utilización quedará mutilado» para sempre. Un texto moi valente, tan explícito e razoado na súa crítica como fermoso na súa escrita, divulgado ao inicio da alcaldía do empresario Antonio Ramilo, que sucedera ao falanxista Rafael J. Portanet no mes de marzo, cando a ditadura deixaba moi poucas fendas para a expresión da protesta e os responsables dos xornais andaban con pés de la, axeitándose á supresión do procedemento de censura previa amparado pola chamada «Lei Fraga» (1966), redactada por Pío Cabanillas.

Asinado por empresarios como Valentín Paz Andrade, o seu fillo Alfonso e Enrique Massó; médicos como Julio Babé e Ramón de Castro; editores como Xosé María Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego ou escritores como Eduardo Blanco Amor, entre outros,  o chamamento convidaba «a todos os devotos da praia de Samil e en especial aos nosos conveciños» a denunciar a destrución da «estética oval do marabilloso escenario» da primeira das praias viguesas. Xustificado pola «lexítima defensa do interese colectivo» e coa intención de evitar que «o silencio puidera interpretarse como complicidade, unha forma de culpa cívica na que non desexamos incorrer», os asinantes chaman á paralización da obra, tanto por modificar «a configuración natural do conxunto, que adopta a forma dunha cuncha dobremente alongada dende os arrecifes de Alcabre até a desembocadura do Lagares», «unha liña orixinal de insuperable beleza e graza, substituída por unha absurda “liña Maginot” contra os embates do mar, trazada con entrantes e saíntes inexplicables», como polo feito de que «o paseo marítimo non respecta os límites propios da espazo da  praia», alertando que «a amputación aínda será maior se reconstrúe unha batería de casetas…».

Transcorridos cincuenta anos da inauguración do muro de Samil polo alcalde Ramilo a noitiña do día da Reconquista de 1972, que como mellor concesión aos críticos aceptou retranquear o paseo nun metro, o chamamento en plena ditadura do grupo liderado por Paz Andrade non perdeu actualidade nin pola afouteza cívica de evitar un silencio cómplice nos asuntos de interese colectivo nin pola defensa necesaria do que queda dun areal, que foi a nosa primeira dama, dende entón absolutamente degradado por actuacións posteriores, sobre todo as de 1981, que deseñaron as dotacións actuais. Construción dun muro sobre a duna, amparado entón polo «Plan Especial de Ordenación da Praia de Samil» (1968), outra peza desafortunada daquel «desarrollismo» franquista exercido con man de ferro  e aparente luva paternalista polo alcalde Portanet, que autorizou tamén o derrubo de xoias do patrimonio vigués como o edificio Rubira (1967), primeira obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, e o mercado da Laxe (1967), obra de Benito Gómez Román, retirou teimosamente o tranvía como rede de transporte metropolitano (1968) ou ordenou en 1966 agochar o monumento de Curros Enríquez nun xardín do Castro e retirar a escultura aos heroes da Reconquista da praza de España para substituíla por unha anódina fonte luminosa nocturna doada polo empresario cinematográfico Cesáreo González… Erros históricos irreparables, unha desfeita portanetista que medio século despois todos lamentamos.

Hoxe, diante dos anuncios do concello da súa intención de retirar o paseo apenas sete metros entre a praia do Tombo da gato e a pista de patinaxe, e das evidencias científicas máis recentes do impacto da emerxencia climática sobre a nosa beiramar, pagaría a pena actualizar aquela chamada cívica de socorro de 1970 e reclamar un plan de recuperación integral do que resta do ecosistema dunar de Samil. Retirar todas as infraestruturas permanentes, dende aparcamentos, piscinas e cafetarías e levalas uns 50 metros ao interior, como dende hai quince anos veñen solicitando os traballos de ecoloxía e urbanismo, sería a condición, como sucede no Vao dende 1990, para iniciar a difícil e paciente recuperación dos areais de Samil, proxecto que así concibido podería contar con financiamento dos fondos europeos para renaturalización. Será posible rescatar a beleza oval de Samil que hai cincuenta anos lle roubou un muro?

Baixas emisións

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha política de baixas emisións para Vigo:

Dous espazos naturais de encontro e convivencia dentro da cidade de Vigo emiten estes días o seu mayday, ameazados de desaparición. Refírome ao Parque García Picher, no corazón industrial da beiramar, situado entre as factorías de Barreras e a de conservas Albo, onde hai un século estivo instalado o campo de fútbol de Coia, espazo de privilexio que o concello anuncia converter noutro macroparque infantil de cemento e caucho, o que polas infografías difundidas polos medios dixitais suporá inevitablemente a desaparición completa do arborado e da herba e a súa posibilidade de utilización interxeracional, dende as crianzas ás persoas maiores. Refírome, en segundo lugar, aos xardíns das Avenidas, arranxados hai arredor de trinta anos na actuación Abrir Vigo ao Mar, onde se anuncia a construción dun aparcadoiro soterrado, xustificado como ampliación daqueloutro do Náutico, o fracasado «Robotizado», nunha actuación urbanística no moi sensible perfil da beiramar viguesa avalada polo concello, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca.

Actuacións ambas as dúas en zonas verdes consolidadas que destruirán, no caso da primeira, unha paisaxe viguesa moi singular, onde dende apenas dúas décadas se funde de forma case única en Vigo o arboredo coas guindastres e os cascos de ferro nas gradas dos estaleiros, e no caso da segunda, os xardíns urbanos de Montero Ríos, que dialogan coa frescura centenaria da Alameda, en pleno ensanche ideado por García Olloqui, coa pretensión de meter aínda máis coches nunha zona xa moi saturada que dende o Berbés, pasando pola Laxe e a praza da Estrela, até ao Areal, conta cunha decena de estacionamentos soterrados. Cabe preguntarse se con intervencións no tecido urbano como estas dúas se contribúe de forma eficaz a que Vigo conte a partir do 31 de decembro de 2023 dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), a que está obrigada pola Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética como cidade con máis de 50.000 habitantes, para reducir a contaminación no entorno urbano?

Transformación innecesaria do Parque García Picher explicable só pola grandilocuencia que o goberno municipal imprime a cada unha das súas actuacións dirixidas á infancia, coma se a súa obriga fose a de ofrecer parques de atraccións con estruturas de proporcións enormes e deseño extravagante, o que de facto supón consolidar parques cada vez máis desnaturalizados que privan ás criaturas do escaso contacto que na cidade poden ter coa natureza. Tras corenta anos observando o xogo infantil acredito con maior convicción que os elementos naturais, a auga e a terra, a area e a herba, son o mellor parque de atraccións e a primeira aula de aprendizaxe para os nenos e nenas de todas as idades; elementos naturais que facilitan ás crianzas a conquista da autonomía, a exploración dos perigos, o desenvolvemento psicomotor, as habilidades sociais e a cooperación entre iguais ou a exploración da creatividade. Seguindo as tendencias que hoxe se impoñen en Europa máis que grandes estruturas de esvaradoiros e chans de caucho requentado concibidas para un xogo guiado, o que se bota en falta nos parques infantís vigueses son árbores para gabear, máis randeeiras e xiradeiras, máis fontes e areeiros, limpos e ben conservados, como máis espazos de calma, sombra e frescura para os picariños e bancos para os avós e avoas ou nais e pais que os acompañan.

Como a todas luces é innecesario outro estacionamento soterrado nas Avenidas que como o resto dos existentes nun traxecto lonxitudinal de dous quilómetros contribuirá paradoxalmente a atraer máis tráfico sobre o centro e, polo tanto, máis emisións contaminantes. Compensa desfacerse do arborado arraizado nos xardíns de Montero Ríos, que por experiencia en intervencións anteriores semellantes sabemos será apenas substituído por arbustos chantados en macetas? Compensa semellante previsible desfeita dun espazo público naturalizado para dotar de máis prazas de estacionamento aos usuarios dos atraques  de embarcacións deportivas dunha concesión privada? Compensa estoutro paso atrás na difícil tarefa de facer un Vigo máis biodiverso e comprometido coa redución das emisións?

Neste contexto de transición ecolóxica convén lembrar que establecer unha Zona de Baixas Emisións obrigará en Vigo, como no resto das cidades, a aplicar restricións de acceso, circulación e estacionamento. Como tampouco está de máis recordar que conservar os espazos verdes existentes constitúe un requisito para preservar a biodiversidade urbana. No camiño de facer un Vigo máis verde e menos contaminante, un Vigo máis amigable para crianzas e maiores non semella a estratexia máis axeitada construír máis aparcadoiros no centro ou desfacerse de espazos naturais interxeracionais.