Onte 879: Afouteza e corazón

Non é un detalle sen importancia que nas novas lonas da Tribuna de Balaídos colocadas onte se poida ler «AFOUTEZA CORAZON». A pesar de faltarlle un til (mágoa!), a reprodución a grande tamaño destas dúas palabras claves na gramática do fútbol celeste consolida a liña normalizadora asumida polo Real Club Celta de Vigo. É unha beizón que o emprego da nosa lingua como a vehicular na megafonía do estadio de Balaídos –unha práctica que se remonta a finais dos anos oitenta, ao abeiro do marco creado pola Ordenanza de Normalización Lingüística do concello de Vigo (pioneira e nunca derogada)– fose capaz de contaxiar amodiño novos usos que contan co apoio e simpatía da masa social celeste (vinte mil socios e socias). Así queremos ao noso Celtiña, coidadoso coa formación da súa canteira, afouto, firme e agarimoso na promoción da nosa lingua.

Onte 874: Adeus a Berrogüetto

Berrogüetto anunciou onte a súa disolución e a súa xira de despedida. Tras dezaoito anos de carreira, cinco grandes discos e uns cantos concertos memorables Berrogüetto despídese con elegancia e cun sorriso, un xeito de expresar a satisfacción pola súa achega decisiva á construción do proxecto da música galega de entre séculos. Desde aquel primeiro Navicularia quedei prendido a Berrogüetto, a quen hai doce anos (o 27 de xaneiro de 2002) dediquei un artigo con motivo da publicación de Hepta, o seu terceiro traballo. Penso que hoxe paga a pena recuperalo (actualizando algún dato e engadindo un par de enlaces de youtube) como a mellor homenaxe que eu podo facer ao grupo vigués. Non faltaremos nalgún dos concertos de despedida. Gaiteiros!!!

Teño un remedio que me funciona cando ando triste ou melancólico: escoitar «Vilalbalcán II», unha muiñeira do «Choqueiro», un gaiteiro de Cangas, recuperada por Berrogüetto no seu primeiro disco, «Navicularia». Esta muiñeira é capaz, en a penas cinco minutos, de levantarlle o espírito a alma máis encollida e de amosar a potencia creativa dunha reinterpretación contemporánea das melodías da nosa música tradicional. Os temas e as cantareas de Berrogüetto son un eficaz antidepresivo e unha mostra da modernidade da creación cultural en Galicia.

Algúns compoñentes de Berrogüetto xa formaban parte de Matto Congrio, un grupo que cun só disco, publicado hai case dez anos [ agora vinte], marcou un punto e á parte na historia do noso folk. Naquel álbum, Anxo Pintos, o virtuoso multinstrumentista do grupo e profesor de zanfona da Universidade Popular de Vigo, arriscaba o seu coa composición doutra muiñeira reinterpretada na forma de «Gaseadas formas globulares» e cunha peza moi algareira e case jazzística, «Crisol de insectos imposibles», pequenos paquetiños sonoros con ás e recubertos de quinina.

Despois de só tres discos [finalmente foron cinco], e cunha traxectoria sempre innovadora e orixinal, cada un dos temas de Berrogüetto constitúe unha pequena alfaia sonora labrada por sete alquimistas de soños, por sete navegantes que viaxan en cada disco ou en cada concerto en directo, onde sempre son tan sútiles como enérxicos, polos océanos musicais máis diversos (intelixentes que son, ningún mar sonoro lles é alleo); por sete músicos de sal que aproan a súa nave entre a beleza dos ritmos da muiñeira, do vals, da polca, do alalá… e as linguaxes contemporáneas, nunha viaxe no tempo e no espacio no que non perden nin unha miga da súa raíz galega. A calidade instrumental de cada un dos seus compoñentes, a rigorosidade compositiva e a capacidade permanente de asumir riscos creativos, cunha teimosía permanente por atopar un novo horizonte para a música galega, fan de Berrogüetto unha das representacións máis acaídas da expresión da identidade cultural galega moderna, desa fantasía de traducir a tradición milenaria na expresión do noso tempo. Como sucede noutros casos, o traballo de Berrogüetto é máis recoñecido internacionalmente ca no seu propio país. A BBC retransmitiu en directo algún dos seus concertos, realizan xiras por Alemaña, Francia e o Reino Unido, sendo considerados pola crítica como un dos grupos de «world music» máis importantes do mundo.

A aparición de «Hepta», o seu terceiro traballo, constitúe outro fito senlleiro na traxectoria tan vangardista como discreta desta banda, á que tanto lle gosta xogar cos conceptos e as palabras. Un álbum –premiado como o mellor disco do ano polo xornal «La Opinión da Coruña»– onde o número sete (hepta en grego), máxico por excelencia, serve de fío conductor de toda a proposta creativa. Un proxecto multidisciplinar que arrinca da reflexión sobre esta cifra cabalística: sete son os compoñentes do grupo, sete as notas coas que traballan, sete as cores do arco da vella, sete as belas artes, sete foron os intérpretes de música tradicional de sete lugares diferentes do mundo, cada un deles cun instrumento característico do seu país, que participaron no disco. Un proxecto no que contaron coa colaboración de Georges Rousse (un artista francés que mestura nas súas creacións a pintura, a escultura e a fotografía traballando sobre espacios abandonados para transformalos en lugares irreais) e do Centro Galego de Arte Contemporánea para desenvolver o coidadísimo traballo gráfico do álbum, deseñado por Quim Alborés. Un traballo visual que Rousse e a banda desenvolveron durante sete xornadas nas vellas factorías de Sargadelos como unha proposta para poñer en valor a idea reindustrializadora que precisamos.

O resultado deste proxecto é un ábum que recolle en sete+ seis temas unha síntese da poética musical desta banda viguesa. Á riqueza tímbrica dos álbumes anteriores, engádense agora novas formas de sonoridade que o grupo integra co virtuosísmo ao que nos ten afeitos; ás melodías tradicionais, súmase á forza rítmica excitante que imprimen as guitarras, nunha proposta de vontade moi innovadora. Un álbum excepcional para saborear ata o final e que os pacientes poderán gozar con sorpresa incluída.

Onte 873: 21 días co galego


Comezou onte a segunda edición de 21 días co galego, moi valiosa experiencia didáctica normalizadora promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal. Coa intención de promover o emprego oral do galego durante estas tres semanas e contribuír á reflexión sobre a relación que cada persoa ten co idioma de noso, a experiencia mobiliza a toda a comunidade educativa do instituto e mesmo a diversos establecementos da súa contorna. Ás actividades preparadas polo equipo docente, engádense os azos achegados por diversas persoas que envían as súas gravacións, inauguradas onte pola de Agustín Fernández Paz. Unha experiencia magnífica, merecente dos maiores apoios e beizóns, na que identificamos o entusiasmo contaxioso da nosa admirada Pilar Ponte «A profa». Ogallá sexa emulada por outros centros.

Onte 867: Terra anfibia

Tras dous meses rachando o ceo, comezan a faltar doses de paciencia. Non se fala doutra cousa. Precisamos uns días de tregua de ballóns, ventadas e treboadas na terra e no mar. A riqueza de formas para definir «as precipitacións en forma de pingas de auga prrocedentes da condensación do vapor de auga existente na atmosfera», as que chamamos «chuvia» ou «choiva» (chuvieira, chuviñada, cebra, babuxa, borralla, poalla…), expresa apenas  a nosa condición de terra anfibia. Chove, chove.

Onte 862: O almanaque de Ripalda

O escritor Xosé Lois Ripalda vistoume onte para me agasallar co seu libro máis recente, A cultura do viño, e para entregar ao persoal da editorial exemplares do Almanaque Agrícola ZZ 2014 publicado por Syngenta. Outro ano máis o popular ZZ inclúe un traballo de Ripalda, «Os carpinteros de ribeira», como gañador do certame de investigación etnográfica «Rescatando un anaco da nosa cultura». Como é adoito, o etnógrafo e mestre de Erbedeiro ofrece un completo traballo icónico e textual sobre este oficio tradicional do litoral, mais tamén das veas fluviais de Galicia. En dez páxinas de tipografía apretada, enriquecida con debuxos moi xeitosos, debúllanse con agarimo e espirito didáctico os procesos do oficio da carpintaría de ribeira, a tipoloxía e descrición das diversas embarcacións, os materiais e ferramentas utilizadas, así como o patrimonio inmaterial asociado de lendas, contos, adiviñas, cantigas e refráns. Un grande traballo de esculca e recuperación dun vocabulario específico, outra achega de Ripalda ao tesouro colectivo da nosa lingua que, ademais, constitúe un excelente recurso didáctico (agardo que, como os de anos anteriores, se publique en formato pdf decontado).

Mención á parte merece o Almanaque ZZ, publicado de forma ininterrompida dende hai SESENTA E DOUS ANOS, quizais a publicación en galego de maior tiraxe en todo este período.   O ZZ continúa a tradición que en 1857 iniciara O Gaiteiro de Lugo e que logo, desde os anos sesenta, continuara O Mintireiro Verdadeiro promovido polo crego José Regadío en Palas. Estes almanaques agricolas, que permitiron o uso continuado do galego (mesmo nos anos máis difíciles do franquismo) continúan tendo certa graza, algunhas veces certamente chocalleira, por que non abandonaron a súa intención literaria (a propia Rosalía chegou a publicar neles) nin a de promoción do folclore popular. Predicións, chistes, as lúas, as datas das feiras, consellos para o cultivo da vide, acompañan a outros textos de maior entidade literaria destes libriños en galego que nunca foron considerados como tales pola cultura «oficial».

Dende o punto de vista editorial, o almanaque, como algúns programas de festas, é un libro híbrido, de difícil clasificación, tanto polos seus contidos moi heteroxénos, pola súa forma de distribución non venal en establecementos agrícolas, coma pola ausencia de metadatos e outros rexistros que acompañan a libros ou revistas. No entanto, os almanaques, sobre todo este ZZ, son publicacións moi porosas, capaces de chegar a públicos amplos, o que axuda a ampliar o perímetro de lectura en lingua galega, ao tempo que axuda a conservar o lume de transmisión da cultura tradicional agraria. O que non é pouco.

Beizóns para o mestre Ripalda e para os editores do ZZ pola súa continuidade.

Onte 860: O mellor que temos para quen máis queremos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza dende hai tres anos un obradoiro de nanas impartido por Xabier Díaz e Guillermo Fernández. O arrolo (ou cantigas de berce, nanas ou anainas) é unha forma musical universal que dende os primeiros días permite transmitir a quen máis queremos o noso latexo, a nosa calor, o noso afecto, o noso cariño, a vibración e a prosodia do noso idioma nun contexto de crianza e acompañamento da maternidade e de educación respectuosa. O arrolo é vínculo, ponte de dozura e afectividade, un xeito tamén de estimulación sinestésica e psicomotriz temperá das crianzas. Este obradoiro de arrolos é unha iniciativa, coma outras actividades deste servizo modélico de promoción e activación do galego, que merece toda a nosa admiración e beizón.

Onte 854: Le un libro e viaxa

Aledoume que onte a xornalista Marta Rodríguez reparase cun chío sobre a campaña «Le un libro e viaxa» organizada pola Asociación Galega de Editores e o concello de Santiago. Oito textos literarios breves para ler en apenas un par de minutos. Unha iniciativa sinxela e directa de corresponsabilidade que os editores galegos acometemos coa intención de contribuír á visibilidade da lectura e do libro galego nos espazos públicos. O deseño da acción, enmarcada na campaña Ser Libris, correu a cargo de Illa Bufarda Produtora Creativa. Nestes días xestionamos levala na vindeira primavera, coincidindo co Día do Libro e o das Letras Galegas, ao transporte urbano e metropolitano doutras cidades galegas. «Le un libro e viaxa».

Onte 844: As declaracións de Villares

Tras as declaracións de Ramón Villares sobre a situación da lingua e da cultura galegas identificamos o optimismo da vontade e a lealtade institucional, mais tamén unha clara decepción sobre o proceder do actual Goberno Galego nestes eidos. «Melancolía» e «un pouco de desánimo» na linguaxe diplomática e prudente do presidente do Consello da Cultura Galega, que finaliza esta primavera o seu segundo mandato, son palabras que non expresan sintagmas de simpatía nin entusiasmo. Apenas un xesto de insubmisión e sinceridade de Ramón Villares, unha actitude imprescindible para unha institución que debería defender a súa independencia e autonomía con respecto aos poderes públicos galegos.

Onte 842: Noveno aniversario

Onte estas brétemas chegaron ao seu noveno aniversario. Dende aquela primeira anotación do 3 de xaneiro de 2005 levamos publicadas 4.214 (1.269 nos últimos tres anos, arredor de 423 anuais) e 9.304 comentarios (1.371 dende 2011, arredor de 457 no último ano). Cifras que amosan a consolidación da publicación diaria de anotacións no blog, ao tempo que o decrecemento da publicación de comentarios. Dende 2011, a nosa conversa intensificouse nas redes de sociais e informativas, tanto en Facebook coma e sobre todo en Twitter, onde acadamos os 18.336 chíos (13.836 dende 2011, arredor de 4.612 por ano, unha media dunha ducia diaria). No entanto, para min o blog continúa sendo o eixo da miña identidade dixital, tanto polo seu carácter de arquivo de anotacións e artigos coma da miña axenda pública, mais tamén pola posibilidade que ofrece de segmentar  e xerarquizar o contido por categorías e palabras claves facilitando así a reutilización e acceso constante aos seus textos.

Nesta altura, particular importancia ten para min a escrita da serie «Onte», da que van publicadas 842 anotacións (360 no último ano), na que ensaio o emprego da primeira persoa coma voz primeira, asumindo a subxectividade como o rexistro máis veraz e auténtico da escrita biográfica, tanto cando recollo a miña actividade cotián e profesional como editor de Xerais coma cando expreso as miñas reflexións políticas e deportivas. Outrosí, continúo co esforzo por ofrecer unha prosa electrónica eficaz, completa e breve, exenta de retórica, o máis axustada aos procedementos da lectura actual sobre diversos formatos de pantalla e das interfaces das redes. Esta é a razón pola que hoxe, coma hai nove anos cando iniciamos o proxecto, teimo no esforzo por explorar as utilidades do hipertexto, o que concibo coma un reto e unha posibilidade diaria de aprendizaxe.

Con todo, o máis valioso desta experiencia blogueira en lingua galega son os seus lectores e lectoras que me achegan o seu agarimo e a súa crítica nas redes. A todas estas persoas expreso a miña gratitude e beizón. Coma acuñamos en 2005, se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falla, continuaremos con estas notas do traballo de edición explorando o territorio das brétemas de esperanza. Os meus parabéns a Jaureguizar, compañeiro do corazón, co que iniciei este camiño tal día coma onte de 2005.

Onte 835: O poder nas palabras

No balance do ano que fixo onte, Mariano Rajoy amosouse coma un mago no uso palabras. Para el o aborto é «un asunto» sobre o que hai «diferenzas» no seu partido e tamén nos da oposición. O rexistro xudicial de catorce horas ao que foi sometida a sede do seu partido é «unha inspección» dentro do marco de «colaboración» do seu partido coa xustiza. A subida da luz do 2,3% no primeiro trimestre é «un incremento transitorio», sobre o que «máis adiante se decidirá». Os casos de corrupción son «situacións indesexadas« que «cómpre impedir con todas as modificacións legais que sexan necesarias». O referendum de Catalunya son «cousas que non se poden pedir»… Escoitando a insólita comparecencia de Rajoy diante dos xornalistas compréndese que o poder non é outra cousa que o control sobre as palabras clave, as usadas e as agochadas, as impostas e as roubadas. No léxico político de Rajoy non existe as palabras ‘aborto’, ‘corrupción’, ‘referendum’, ‘xustiza’, ‘pobreza’… Porén, as súas palabras clave preferidas son ‘axustes’, ‘reformas’, ‘melloras’… O seu é un auténtico prodixio no emprego do vocabulario, procurando o poder nas palabras.