Onte 743: Des-normalización

Valentina Formoso pon o dedo na chaga. No artigo publicado na sección «Voces» de Prolingua denuncia as políticas sibilinas con función des-normalizadora sobre a cultura galega e para a lingua en particular. Unha choiva morna que vai enchoupando de prexuízos a valoración da cultura e linguas de noso. Este é, entre outros, o caso dalgúns contidos de libros de texto de Lingua castelá e literatura que negan a nosa lírica medieval galego-portuguesa, incluíndoa no corpus da «literatura castelá». Outrosí sucede cos contidos referidos á sociolingüistica e as escasas e prexuizosas referencias ás linguas cooficiais recoñecidas na propia Constitución. Probablemente nesas páxinas de materiais curriculares de importante difusión en todo o sistema educativo español, incluído o galego, poidamos atopar algunhas das raíces dos prexuízos e actitudes desgaleguizadoras tan presentes no actual ensino secundario, como as actitudes anticatalás ou antivascas, por fortuna só presentes en sectores minoritarios. Recomendo o excelente artigo de Valentina Formoso.

Onte 740: Gratitude

Non foi onte un día que comezase con grandes doses de temperanza. Primeiro foi a indignación que me produciron as declaracións do presidente Feijóo cualificando de «chiste» as palabras do alcalde de Beariz apoiando a Franco. Logo chegaron as de Jesús Vázquez cualificando de «non demócratas» ás persoas que nos opoñemos ao decreto de plurilingüismo e esvarando supostas complicidades co terrorismo aos que criticamos un decreto corrixido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non o nego, quedei moi doído e desacougado por tan inxustas e inconcebibles cualificacións. E non é doado para min facer o esforzo de moderación necesario para evitar o mesmo erro no que caíu o conselleiro de Educación. A lingua é un patrimonio de TODOS e o seu futuro é responsabilidade de TODOS. Non hai volta nin mellores argumentos para o caso. Por fortuna, á primeira hora da tarde chegou a chamada agradecida e agarimosa de Josefina Fernández Mosquera, a viúva de Olimpio Liste. Foi unha beizón e un acougo. Unha conversa telefónica de apenas cinco minutos capaz de me demostrar que aínda existen as persoas boas e xenerosas. A miña profunda gratitude para dona Fina pola súa temperanza en momentos tan difíciles para ela.

Onte 654: A noite das cacharelas

Debatemos hai un par de días arredor da grande diversidade de nomes que recibe no país de  noso o lume novo da noite de san Xoán. Semella que para os meus amigos Galicia divídese entre os territorios das «cacharelas» e  o das «lumeiradas». Entre os participantes na conversa «cacharelas», «cachelas», «cachadas», «cacheiras», «fogueiras» ou «fogueiradas» serían as denominacións máis populares dos lumes nas Rías Baixas e nas Terras de Santiago; mentres que «lumeiradas», «lumeradas», «laradas», «lumaradas» ou «luminarias» o serían nas terras ártabras. En todo caso, sexa cuns nomes ou con outros, a do lume novo é unha festa popular que mantén en todo o país o seu maior pulo para celebrar a chegada do verán, que desta volta semella quedará con nós (polo menos durante unha semana). Alá foron na noite de onte coas cancelas e coa cachifallada toda, os peores agoiros deste tempo ruín. Os mellores desexos e as mellores lecturas para o verán!

Onte 646: O éxito do punto gal

A aprobación por parte do ICANN dos novos dominios punto gal e punto eus, para a lingua e cultura galegas e euscalduna, constitúe un éxito colectivo moi esperanzador. A partir de inicios de 2014 contaremos coa posibilidade de achegar un novo pulo á presenza da nosa lingua e do pobo galego na Internet. A consecución do punto gal terá unha consecuencia simbólica (Galicia,o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura contarán cunha presenza diferenciada na rede universal), mais tamén impulsará a presenza do galego en Internet, xa que os beneficios xerados pola xestión do dominio serán reinvestidos nesta tarefa. Os promotores teimosos da iniciativa merecen todas as nosas beizóns e gratitude. Con todo, o académico Manuel González merece todos os parabéns. Na mesma semana que abriu o Portal das palabras, proxecto que codirixe, a asociación Punto Gal, da que é presidente, fundador e impulsor, obtén esoutro éxito. Senllos fitos históricos extraordinario para a lingua galega, que moito lle deben ao coñecemento e á capacidade de forxar proxectos colectivos do lingüista de Mazaricos. Coincidindo co trinta aniversario do aprobación da Lei de Normalización Lingüística, entre pasos adiante e algúns atrás, foi esta unha semana para a esperanza da lingua galega.

Na foto aparecen algúns dos membros da directiva da Asociación Punto Gal.

Onte 644: O portal das palabras

Foi unha beizón que o Seminario de Lexicografía da Academia Galega, en colaboración coa Fundación Barrié, inaugurase o Portal das palabras. Pareceume unha marabilla, sobre todo polas súas enormes posibilidades de aproveitamento didáctico. Gustei do deseño da ferramenta, non só pola claridade do grafismo web, tamén polo emprego das utilidades hipertextuais e multimodais, esenciais nun libro dixital en liña. Benvida, tamén, a nova versión do Dicionario normativo da RAG, que acada as 50.000 entradas e novas e importantes utilidades de consulta, así como a súa versión para Android. Pasos decisivos (históricos) no proxecto de modernización do traballo lexicográfico da Academia, un dos proxectos principais da presidencia de X.L. Méndez Ferrín. Parabéns á Academia por este chimpo de xigante a prol do florecer da lingua galega.

Onte 618: A LOMCE e o orgullo patrio

Non hai dúbida que unha das principais razóns do PP para teimar contra vento e marea na LOMCE é «vertebrar a nación», frase rotunda e sutil coa que María Dolores Cospedal mellora aqueloutra pioneira de José Ignacio Wert de «españolizar aos alumnos cataláns». Un obxectivo político que os membros do goberno de Mariano Rajoy pretenden conseguir non só por medio da terciarización das linguas propias no sistema educativo (que eles denominan «cooficiais», coma se o español non o fose tamén en comunidades como Galicia ou Cataluña), senón e sobre todo por medio da centralización do currículum das materiais troncais (contidos, horarios e reválidas serán competencia ao cen por cen do Ministerio de Educación), milmanda coa que iniciar esta nova reconquista española. Nese orgullo patrio que pretende impoñer o Partido Popular, e nos privilexios que concedeu á Conferencia Episcopal Española, residen algunhas das claves (que non todas) dunha reforma educativa regresiva, cun inequívoco cheiro a reseso tardofranquismo.

A verdade que esta mochila LOMCE de El Jueves evidencia a estratexia. Si señor!

Onte 616: Baixón

Padézoo case todos os anos. Cando chega o dezasete, dáme o baixón. O peor é que sei cal é a orixe do meu desacougo. Non dou encaixado a retórica de gabanzas e ditirambos, mentres a lingua e a industria cultural se derrama á intemperie. Tampouco encaixo ben os pronunciamentos sobre o futuro da lingua no que persoas con responsabilidade pública se presentan como meros espectadores. Nin son capaz, tampouco, de aceptar a liturxización por un día dalgúns medios de comunicación, mentres que aqueloutros que utilizan sempre o galego non reciben sequera a esmola da publicidade institucional. Anóxame. Porén, en días de baixón, agradécense as iniciativas inconformistas, que por fortuna abrollan aquí e acolá, como a que dende onte promovemos na rede os editores galegos (grazas a Ana Mouriño polo deseño), as que o Foro Peinador promove para galeguizar a economía ou, entre tantas outras, a dos medios en galego que se organizan. Agradécense as declaracións de afouteza e dignidade como as de Belén Quintáns coma mesmo esta jaureguina, froito, quizais, dun baixón coma o meu. A pesar do ballón e do baixón, este serán das Letras viaxaremos a Lugo para presentar na Feira do Libro o novo libro de Antonio Reigosa e a multipremiada biografía de Celso Emilio Ferreiro que preparou Ramón Nicolás. Avante!

Onte 615: «En principio foi o verso»

Tivo interese a inauguración de «En principio foi o verso», a exposición sobre Rosalía de Castro e o sequiscentenario da publicación de Cantares gallegos. A presenza dun grupo de afectados polas preferentes disuadiu no último minuto ao presidente Feijoo de participar nun acto que se desenvolveu con grande respecto á dignidade da nosa autora primeira. Concibida co rigor documental e a sobriedade visual de todos os traballos do deseñador Pepe Barro, a exposición propón unha completa viaxe á iconografía rosaliana, dende os seus retratos e fotografías, pasando por manuscritos e primeiras edicións das súas obras, até o seu proceso de mitificación como icona nacional. Tamén está moi presente na mostra un achegamento ao Vigo das décadas de 1850 e 1860, o de Alejandro Chao e Juan Compañel, cando aquí agromaba o pensamento demócrata e galeguista nos xornais que eles editaban, primeiro La Oliva e despois El Miño. Non esqueceu Barro o decisivo papel do editor Compañel na proeza rosaliana, así como o dos seus sucesores no século XX, que fixeron de Vigo a capital editorial de Galicia. Foi este un recanto da exposición que como editor galego moito agradecín. Sei que axudará a comprender o papel de editores como Xohán Ledo (portadista de Galaxia e autor dos carteis das primeiras celebracións do Día das Letras), Eugenio Barrientos (fundador da editorial Cíes e descubridor de Marcial Lafuente Estefanía), Xosé María Álvarez Blázquez (fundador de Monterrey e edicións Castrelos) e Francisco Fernández del Riego (o obreiro da editorial Galaxia durante os anos do franquismo), así como doutros editores vigueses  do noso tempo como Bieito Ledo e Carlos del Pulgar. Xa no que atinxe ao espazo dedicado a Xerais, deixoume un chisco melancólico ver exposto un exemplar de Matemáticas de 1º de BUP do colectivo Vacaloura,o primeiro título da nosa editorial, tamén o primeiro libro de texto en galego para a área de Matemáticas. Editado en 1979, aquel libro sería hoxe un texto prohibido, de edición imposible, xa que así o determina o actual decreto de plurilingüismo. Outra vez, un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo o seu soño. Parabéns a Pepe Barro e Anxo Angueira, responsables primeiros destoutra iniciativa rosaliana. Recomendo vivamente visitar a exposición.

Onte 614: ILP Valentín Paz Andrade

Levei unha alegría cando souben da aprobación por unanimidade do Parlamento Galego da toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade. O ensino preferente da lingua portuguesa no noso sistema educativo non universitario e a promoción da nosa lingua na lusofonia e da cultura portuguesa en Galicia supoñen un feito histórico. Lembrei de contado ao meu amigo Nelson de Matos, que vive uns momentos moi díficiles. Nelson, o editor portugués que máis se ten preocupado pola literatura galega actual (publicou a Rivas, Fernández Paz e Rosa Aneiros, entre outros autores e autoras de noso), adoita definir a relación entre Galicia e Portugal coma a de «dous irmáns virados de costas». A partir da aprobación desta iniciativa política, os irmáns deben recoñecerse de fronte colléndose das mans para percorrer un camiño compartido. Non hai dúbida que dentro da estratexia de proxección exterior da cultura e da economía galega os espazos da lusofonía (tanto o peninsular, Brasil, coma os territorios africanos) constitúen os nosos obxectivos preferentes. Outrosí sucede coa comunicación, transferencia e colaboración coa industria cultural lusófona (cinema, televisión, literatura, música…) onde tamén deberiamos atopar os nosos primeiros parceiros. Parabéns a Morell e ao resto dos promotores duna iniciativa política e económica que abre unha xanela de esperanza para Galicia.