Comentarios reintegracionistas

Despois de varios días sen poder abrir o blo, leo os comentarios reintegracionistas sobre a miña proposta de ensinar lingua e cultura galegas nos centros de ESO de España. Agradezo estes textos que amosan un entusiasmo e unhas conviccións parellas ao seu escaso coñecemento sobre a recepción da nosa cultura en España e nas comunidades portuguesas e brasileiras (o concepto de “lusófonas” debería ser evitado polo seu carácter reducionista e de centralismo lisboeta que supón)
Desde hai máis de vinte anos, cando foron aprobadas as primeiras normas da RAG, considero que a posición reintegracionista, sen dúbida honesta e cargada de razóns e estudos, e a conseguinte batalla ortográfica que defende, constitúe un obstáculo para que a nosa lingua recupere a súa precaria saúde entre a maioría da poboación galega e gañe prestixio entre todos os seus usuarios. Por moito que nos doa, debemos asumir que, aínda que procedan dun tronco común, o galego e o portugués son dúas linguas diferentes.
Superada esta desputa interminable, que tantas enerxías estraga, poderiamos tirar o valo que mantemos con respecto a Portugal e Brasil, promovendo en Galicia o ensino do portugués (unha carencia clamorosa do noso sistema educativo e da inmensa maioría dos galegos) e intensificando a tradución e o coñecemento da nosa literatura en Portugal, Brasil e no resto de comunidades de fala portuguesa.
Esta é a miña opinión, conformada no contacto continuado con editores, escritores e amigos portugueses e brasileiros cos que desde hai anos manteño unha relación estreita e que manifestan a súa perplexidade diante desta polémica. Insisto, é unha humilde opinión de quen asume que non posúe unha caixa abarrotada de certezas e ten o seu norte e a súa alma comprometida na causa da lingua nosa.

Estudar galego na ESO fóra de Galicia

Coñezo por galego.org a presentación por parte de Esquerra dunha proposición non de lei, relativa á incorporación e/ou fomento da lingua catalana no ensino secundario e universitario. O deputado Joan Tardà (o que falou en catalán no Congreso) propón incorporar unha asignatura optativa de lingua e cultura catalanas na ESO, así como fomentar os estudos de lingua e cultura catalana nos centros universitarios do conxunto do Estado. A proposición foi aprobada pola Comisión de Educación, co voto en contra só do PP.
Velaí un camiño moi interesante para construír outra España respectuosa e curiosa coas linguas de todos. Só cando os rapaces estremeños ou cántabros coñezan mellor o galego ou o catalán (algúns porque o estudan, a maioría porque nos seus textos o tratamento destas linguas non é unha anécdota dun temiña de recheo), poderán valoralo tamén como un patrimonio seu.
Algun dos deputados galegos debería presentar inmediatamente unha proposición semellante para a nosa lingua. En Galicia existe, por riba, o paradoxo de que, a pesar de contemplarse legalmente a posibilidade, non existen centros de secundaria onde se imparta o portugués como segunda lingua (o francés é hoxe a optativa maioritaria na ESO), outro dos disparates que amosa a curtedade de miras da nosa política lingüística, ao que non é alleo o profesorado de galego e o conflito reintegracionista.
Ademais, sabemos da existencia de estudos preliminares por parte do Goberno para presentar nun futuro próximo no Congreso unha lei das linguas de España. Un debate moi interesante no que desde Galicia debemos participar activiamente e no que propostas como as de Tardà terán que ser contempladas.