Onte 842: Noveno aniversario

Onte estas brétemas chegaron ao seu noveno aniversario. Dende aquela primeira anotación do 3 de xaneiro de 2005 levamos publicadas 4.214 (1.269 nos últimos tres anos, arredor de 423 anuais) e 9.304 comentarios (1.371 dende 2011, arredor de 457 no último ano). Cifras que amosan a consolidación da publicación diaria de anotacións no blog, ao tempo que o decrecemento da publicación de comentarios. Dende 2011, a nosa conversa intensificouse nas redes de sociais e informativas, tanto en Facebook coma e sobre todo en Twitter, onde acadamos os 18.336 chíos (13.836 dende 2011, arredor de 4.612 por ano, unha media dunha ducia diaria). No entanto, para min o blog continúa sendo o eixo da miña identidade dixital, tanto polo seu carácter de arquivo de anotacións e artigos coma da miña axenda pública, mais tamén pola posibilidade que ofrece de segmentar  e xerarquizar o contido por categorías e palabras claves facilitando así a reutilización e acceso constante aos seus textos.

Nesta altura, particular importancia ten para min a escrita da serie «Onte», da que van publicadas 842 anotacións (360 no último ano), na que ensaio o emprego da primeira persoa coma voz primeira, asumindo a subxectividade como o rexistro máis veraz e auténtico da escrita biográfica, tanto cando recollo a miña actividade cotián e profesional como editor de Xerais coma cando expreso as miñas reflexións políticas e deportivas. Outrosí, continúo co esforzo por ofrecer unha prosa electrónica eficaz, completa e breve, exenta de retórica, o máis axustada aos procedementos da lectura actual sobre diversos formatos de pantalla e das interfaces das redes. Esta é a razón pola que hoxe, coma hai nove anos cando iniciamos o proxecto, teimo no esforzo por explorar as utilidades do hipertexto, o que concibo coma un reto e unha posibilidade diaria de aprendizaxe.

Con todo, o máis valioso desta experiencia blogueira en lingua galega son os seus lectores e lectoras que me achegan o seu agarimo e a súa crítica nas redes. A todas estas persoas expreso a miña gratitude e beizón. Coma acuñamos en 2005, se o tempo mo permite e o entusiasmo non me falla, continuaremos con estas notas do traballo de edición explorando o territorio das brétemas de esperanza. Os meus parabéns a Jaureguizar, compañeiro do corazón, co que iniciei este camiño tal día coma onte de 2005.

5 comentarios
  1. Ramón Gallego
    Ramón Gallego Dice:

    É un paradoxo que no primeiro artigo do Brétemas, contas que ao chegar ao traballo lerás o Vieiros.
    Mesmamente foi ele o que abriu o burato polo cal e co paso do tempo escandiron os espazos nos que reflectira a vida cultural, política e cotián de noso, nunha enxurrada imparábel e que rachou recen no pasado mes de Nadal coa saída do Luzes. Que xa choveu.

    Responder
  2. A profa
    A profa Dice:

    É un pracer seguir a ler estas Brétemas despois de sete anos (nos dous primeiros aínda non andaba eu informada da existencia disto do blogomillo).
    No seu conxunto ségueme a interesar o blog, especialmente as entradas que teñen que ver coa lectura, a educación e o futuro educativo, con todo, mesmo teño lido algunhas do Campo do Fragoso por puro exotismo.
    Resúltame envexable a constancia da serie Onte. Moitísimos parabéns e azos para conseguir esa década blogueira. Apertas.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará