Onte 943: nic.gal

nic.gal_13_04_2014

A de onte pasará á historia externa da lingua galega por ser a data na que pasou a produción en probas o primeiro espazo web con dominio punto gal. Un fito senlleiro para o futuro do idioma galego na primeir ametade do século XXI, que así consolida a súa presenza singular na rede. Un proceso promovido contra vento e marea pola asociación puntoGal, (representada por nic.gal), que tamén xestionará e controlará este dominio galego activado dende onte polo ICANN, o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial.

A partir de agora comezará un programa de «Pioneiros« co que a asociación puntoGAL busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social. Máis tarde comezará o período de lanzamento repartido nas fases de «Abrente» (sunrise) e «Carreira» (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de «Abrente» as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o período de «Carreira» facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.

Tempo haberá de recoñecer aos responsables desta proeza que, en palabras do académico Manuel González, presidente da asociación puntoGAL e primeiro promotor do dominio, «dará visibilidade universal a nosa personalidade particular». Cónstame que foron moitos os apoios (12.000 persoas e 110 entidades), os esforzos e mesmo os cartos privados arriscados para acadar este dominio galego que en tempos difíciles abre un horizonte esperanzador para a lingua galega e a cultura dixital no idioma dos galegos. Beizóns a Manuel González e aos membros de puntoGAL.

Onte 942: A vontade dos editores galegos

Marcadores_lecturaCando convocamos a reunión de editores galegos para debater sobre a situación actual do sector descoñeciamos que coincidiría coa publicación da licitación por seis millóns de euros da plataforma e dos contidos dixitais para a experimentación dun modelo educativo sen libros impresos no programa Abalar, que agoira a desaparición do sector da edición educativa en Galicia, o que traería consecuencias catastróficas para a cultura e lingua galegas. Tras un debate sereno e esperanzado, os editores presentes concluímos na necesidade de superar tres retos no proceso de hibridación actual. Primeiro, o da creación de espazos amplos de visibilidade e interese social pola lectura, polo libro e pola creación cultural, con especial incidencia da realizada en galego. Segundo, o da implementación de políticas públicas responsables e rigorosas no eido da educación, da lectura, da lingua galega e da propiedade intelectual. Terceiro, o da posta en marcha de alianzas intergremiais estables no sector do libro e da lectura en Galicia para afrontar con maior capacidade as mudanzas esixidas. A pesar da gravidade da crise comercial e da agresividades co sector dalgunhas medidas do actual Goberno Galego, onte as vinte e tres empresas reunidas expresamos a nosa aposta vontade inequívoca de pelexar polo futuro, con imaxinación e espírito positivo.

Onte 939: Respectar a nosa elección

Dentro da magnífica campaña «Como cho digo», publicouse onte unha peza na que expreso a miña convicción de que os medios de comunicación deben respectar a opción daquelas persoas que declaramos en galego. O feito da transcrición das nosas palabras na lingua na que foron expresadas, ademais de respectar o noso dereito a utilizar o galego, debería supoñer unha maior fidelidade informativa.

Recuperar a regueifa

No artigo da semana en Faro de Vigo abeizoo o proceso de recuperación da regueifa e a posta en marcha do Centro de Interpretación da Oralidade do concello de Vigo.

certame_regueifa_valadaresUn dos gravados máis coñecidos do Vigo do século dezanove é “A regueifa de San Roque”, un debuxo a pluma que Meléndez publicou en 1879 en “La Ilustración Gallega y Asturiana”. Tratábase dunha representación da “danza do molete”, unha muiñeira executada cos brazos abaixados, no que unha das bailadoras, “a madriña”, levaba unha bóla de pan na cabeza. A danza tiña a súa orixe na cerimonia de “cantar a regueifa”, un desafío dialéctico a base de coplas improvisadas, que nas vodas protagonizaban os convidados da parroquia e os de fóra dela para desputarse o pan ou roscón da voda, nalgúns lugares chamado tamén “canelo” ou “regoxos”. No desafío dialéctico, utilizando estrofas de catro versos octosílabos, non faltaba nin o humor nin o escarno entre as familias, o que nalgunhas ocasións facía subir a temperatura entre ambas as dúas partes e obrigaba aos da casa a preparar decontado a muiñeira e logo repartir o molete entre todos os participantes. Nesa foliada está a orixe da regueifa, as cantigas improvisadas nas que dúas ou máis persoas (os “regueifeiros”) debaten sobre un tema, fenómeno que algúns relacionan coa “tenzón” medieval, unha desputa entre un trobeiro e un xoglar, un xénero menor das cantigas de escarnio.

A regueifa é un dos xéneros da literatura de tradición oral galega, como o brindo, os contos, as lendas, as cantareas, as lengalengas, os trabalinguas, as adiviñas e outras composicións orais, asociadas unhas veces coa improvisación e outras coa danza. Pezas todas que constitúen un extraordinario legado do noso patrimonio inmaterial, expresións afortunadas do saber do pobo, de cada unha das súas comunidades, transmitido de xeración a xeración fose por comunicación oral ou por transmisión escrita, onde está cifrado o ADN da lingua galega e o da súa cultura agraria e mariñeira. Un fío cultural e lingüístico milenario, un patrimonio oral inmaterial que como as formas de vida aldeá foi esmorecendo até a súa práctica desaparición e precisa agora ser recuperado, posto en valor, anovado e transmitido ás novas xeracións. Unha tarefa dignificadora urxente e necesaria, capaz de atraer ás novas xeracións ao uso cotián do galego no entorno das novas culturas urbanas.

O da recuperación da regueifa e outras tradicións populares improvisadas de carácter oral é un labor no que traballa o Centro Veciñal e Cultural de Valadares organizador do Certame Internacional de Improvisación Oral, cuxa décimo sexta edición foi celebrada o pasado mes de febreiro. Un certame que cada ano reúne as maiores figuras desta expresión da nosa cultura popular, dende os Regueifeiros de Bergantiños como Suso e Antón de Xornes e Guillermo “da Rabadeira”, pasando por improvisadores en verso como Pinto d’ Herbón, Bieito Lobariñas e Josinho da Teixeira, até o tamén gaiteiro e zanfonista Luís “O Caruncho”, un dos recuperadores do xénero do brindo, xunto a outras chegadas de fóra de Galicia como portugueses “Cantores ao desafío” ou repentizadores e improvisadores da poesía popular chegados de diferentes lugares da península e América Latina. Unha cita moi consolidada protagonizada sempre pola regueifa, “unha arte da ironía e do sarcasmo”, como adoita dicir Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galicia e alma mater do encontro e da defensa dos regueifeiros, merecedores de ser recoñecidos pola sociedade como auténticos artistas do enxeño verbal.

Recollendo o fío deste proxecto a concellaría de Normalización Lingüística do concello de Vigo creou este curso de forma pioneira o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) con sede central no Instituto Municipal de Educación e coa intención de convertirse en lugar de formación e axente dinamizador da oralidade. Xaora, o CIOV pretende formar novos regueifeiros e regueifeiras, novos contadores de historias e coñecedores da tradición oral galega e das modernas formas asociadas á oralidade como o rap, hip hop e slam por medio de dous cursos, un de narración oral (os martes) e outro de improvisación oral en verso (os mércores). Outrosí sucede coas actividades de dinamización dirixidas a toda a cidadanía realizadas en diversos puntos de Vigo (rúas, cafetarías, centros comerciais…) como regueifas, contadas ou manifestacións poético-musicais. Sen esquecer actividades como os obradoiros de regueifas nos centros escolares de Secundaria, o programa “Contos e cantos” para pais e nais de picariños ou o “Cóntame os teus contos” para centros de terceira idade. O do CIOV é un programa de innovación lingüística e etnográfica merecedor do interese da Universidade da Sorbona de París onde hai apenas dúas semanas foi presentado pola concelleira Isaura Abelairas. Parabéns ben merecidos para ela e para o seu equipo técnico polo esforzo por recuperar a regueifa.

Onte 929: O folclore triunfa na Reconquista

praza_da_pedra_foto_santome

O éxito popular da festa da Reconquista amosa a escasa relación entre a lectura política do acontecido en 1809  e a ansia dunha comunidade local por contar con raíces.

Énchenos de fachenda o apoxeo do vestiario de época, para moitas persoas o mellor testemuño desta presenza do pasado no presente, aínda que nalgúns casos, como o dos membros do equipo de goberno do alcalde Caballero, pode chegar a excesos do localismo máis ridículo. Outrosí sucede coa presenza do folclore en cada recanto e praza do Casco Vello. Na Reconquista é absoluto o protagonismo da música galega de raíz, interpretada polas máis diversas agrupacións, dende grupos de gaiteiros e pandeireteiras a outras formacións de música e de danza (que colle tamén moito pulo) de noso. Semella que detrás deste fenómeno está o traballo paciente da E-trad e doutras agrupacións de música popular galega; froitos maduros que converteron durantes tres días ao Casco Vello nun Serán interminable e emocionante.

Diante deste pulo do vestiario e da música tradicional e coñecendo os datos do uso do galego na cidade de Vigo, é doado conxeturar se non estaremos achegándonos ao modelo bretón e gaélico no que a comunidade conserva e agarima de forma fachendosa o seu folclore, mais abandona silente o emprego do idioma coma a súa lingua de instalación habitual. No entanto, hoxe esa hipótese é pesimista de máis, xa que como sucede no estadio de Balaídos na festa da Reconquista o galego é a lingua oficial do programa mais tamén a empregada pola maioría dos participantes. E non esquezamos que o proxecto histórico dos galeguistas foi que folclore e lingua fosen sempre da man, formando parte do mesmo proxecto normalizador que abrangue ao conxunto da sociedade. Orgullosos do noso vestiario, da nosa música e da nosa fala. Terra a Nosa!

Beizóns, pois, aos organizadores da festa da Reconquista por días tan vividos en clave galega. Os membros da Asociación Veciñal Casco Vello, presidida polo noso admirado Cándido Pérez Betanzos, merecen o noso recoñecemento e gratitude polos seus afáns.

Onte 925: Como cho digo :-)

Outra vez a CTNL ofrece unha campaña modélica e moi atractiva de normalización da lingua galega, desta volta co obxectivo de visibilizala nos medios de comunicación. Colectivos profesionais, sociais e cidadáns, ademais de persoas a nivel individual, promovemos esta campaña coa intención de reclamar aos medios de comunicación o dereito a que non agochen a nosa lingua, algo tan doado coma escasamente frecuente, o de non sermos traducidas cando realizamos declaracións ou é solicitada a nosa opinión. O galego utilízase moito máis do que hoxe aparece nos medios de comunicación. Unha situación que é posible reconducir, se cada unha das persoas e colectivos que o utilizamos decote reclamamos o noso dereito a sermos respectadas. Unha mensaxe clara, expresada por persoas procedentes de eidos profesionais diversos (xudicatura, profesorado, investigación, cultura, deporte, xornalismo…), recollida nun fermoso deseño audiovisual, abonda para viralizar a campaña nas redes sociais e procurar o apoio popular. O éxito semella garantido. Coma sucedera con «Gústame o galego» e Agasallo.eu, o presentado onte é outro modelo a emular por outras iniciativas (tan necesarias) que pretendan aumentar o perímetro do abrazo da nosa lingua. A nosa gratitude para os membros da CTNL, especialmente para Nel Vidal, primeiro promotor da campaña, por ser capaces de compartir e contaxiar tantas doses de entusiasmo e optimismo en tempos dificiles. Beizóns para «Como cho digo :-)».

Onte 909: Lei VPA

UnknownNon podemos deixar de destacar que onte foi aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia a chamada «Lei Valentin Paz Andrade» para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculo coa Lusofonía. A pesar de que foi «descafeinada» a proposta presentada pola Iniciativa Lexislativa Popular VPA, a partir de agora o ensino do portugués introdúcese con carácter xeral como materia optativa no noso sistema educativo non universitario, así como se asume o compromiso das institucións galegas de fomentar a relación institucional coa lusosofonía e a recepción das canles das televisións portuguesas. Tan importante como a aprobación unánime da lei será o necesario compromiso do goberno galego para poñela en práctica. A Lei VPA debe contribuír a mudar a nosa ollada (a do conxunto da sociedade galega) cara a lingua e cultura portugesas despois de estarmos tanto tempo virados de costas.

Onte 903: O libro do polbo

Entre outras novidades de Xerais do mes de marzo, onte chegou ás librarías O polbo e a sua cociña, un interesantísimo libro de cultura gastronómica galega de Matilde Felpeto Lagoa sobre un dos nosos produtos emblema. Haberá quen poida pensar que a publicación do libro está motivada pola absurda polémica xerada hai uns meses no Carballiño. De xeito ningún. Na editorial levabamos traballando sobre o orixinal xa dende a pasada primavera. Publicado na colección LIBROX, a obra é unha viaxe pola xeografía, historia e literatura do polbo, aínda que o seu prato forte sexan as 67 receitas para cociñalo recompiladas pola profesora mugardesa. Marabilla de diversidade dunha cociña galega que vai moito máis alá do polbo á feira. Sei que este libro do polbo é moito.

Onte 880: Grial 200

A revista Grial editada por Galaxia chega ao número 200. Unha proeza colectiva froito da insistencia da editorial durante 50 anos, ao que non foron alleas as angueiras dos seus directores ao longo dese período, até 1989 Paco del Riego e Ramón Piñeiro, Carlos Casares até o seu falecemento en 2002, e Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo na última década. Grial mantivo contra vento e marea, cuns e con outros, o seu espíirto galeguista, universalista e cosmopolita, enraizado nunha tradición euroeísta, coa intención de contribuír ao diálogo da cultura galega cos retos do seu tempo. Superado o número 200, Grial afronta os retos complexos da edición cultural contemporánea, a inevitable mudanza do seu paradigma comunicaional. Parabéns para os seus promotores e os maiores azos na difícil travesía!