Erradicar a violencia machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 25-N, xornada contra a violencia machista:

Mañá, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, convocadas polos colectivos de feministas galegas, celébranse diversas mobilizacións e actividades coa intención de combater a lacra da violencia machista como unha prioridade de saúde e visibilizar o que continúa sendo invisible nesta causa. Aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, escolleuse a data do 25 de novembro en memoria das irmás Mirabel (Patricia, Minerva e María Teresa) asasinadas ese día de 1960 na República Dominicana por orde do seu ditador Rafael Leónidas Trujillo. Unha data de sensibilización sobre a violencia contra a muller que a Declaración das Nacións Unidas de decembro de 1993 define como «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico», así como «as ameazas deses actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen no ámbito público como na privado». Violencia machista contra a muller que conforma tamén en España un feminicidio incesante con 1.074 vítimas dende 2003, ao que segundo o Ministerio de Igualdade se engaden 41 no que vai de ano, dúas delas en Galicia. Cifras dramáticas ás que no mesmo período hai que engadir 37 vítimas menores e 301 orfas e orfos.

Violencia machista que, segundo datos da Delegación do Goberno en Galicia, contabiliza na nosa comunidade 3.733 casos activos de violencia de xénero e nos nove primeiros meses do ano 2.561 chamadas ao 016, o teléfono institucional de atención a vítimas de malos tratos por violencia de xénero. Datos inquietantes que se completan coas 1.188 ordes de protección ditadas en Galicia, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, das que case un milleiro contaron no primeiro semestre de 2020 con medidas de atención por parte da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Cifras que apenas supoñen a punta do iceberg dunha lacra que, a pesar do Plan de Continxencia contra a violencia de xénero ante o Covid 19, durante os meses de confinamento obrigou á convivencia forzosa das vítimas cos seus agresores, o que dificultou as súas posibilidades de solicitar axuda e paradoxalmente levou a unha diminución durante o segundo trimestre do ano do número de denuncias por malos tratos presentadas no Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo, aínda que se incrementasen as ordes de protección.

Data a do 25N que como outras efemérides cívicas se celebra con particular intensidade nos centros educativos coa intención de sensibilizar ao alumnado sobre esta problemática e vencellalo emocionalmente na loita colectiva contra a violencia de xénero e a prol da igualdade real e dos dereitos humanos. Unha intervención educativa necesaria dende os niveis primeiros de Educación Infantil, onde segundo Amada Traba, profesora de Socioloxía da Educación da UdV, é preciso desmontar o sutil modelo de desigualdade acuñado desde antes do nacemento das criaturas. Un enfoque igualitario que as familias poden abordar dende o propio berce desbotando os códigos diferenciados a través dos sentidos, dos xogos e xoguetes, da actividade física e do propio vestiario, nos que se forxa dende os primeiros meses un pensamento moral diferenciado. Intervención coeducativa que debe abranguer tamén a educación afectiva e sexual e a navegación segura por internet como primeiras ferramentas para a prevención da violencia sexual. Sabemos que o consumo de contidos pornográficos e violentos dispoñibles na rede, dende idades cada vez máis temperáns, así como as condutas de ciberacoso por motivos de xénero, sobre todo por parte dos nenos, reforza o desenvolvemento de condutas machistas e violentas que se van perpetuando dende a mesma preadolescencia.

Erradicar a lacra da violencia de xénero e das agresións sexuais de todo tipo é unha tarefa revolucionaria xa que supón fender a cultura e estrutura do patriarcado, onde abrolla a semente de todas as violencias machistas e homófobas, e propoñer unha igualdade real nunha sociedade de mulleres libres e empoderadas. Unha causa que no actual entorno da pandemia require da disposición de máis recursos das administracións públicas, que fagan efectivas as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e outras formas de violencia sobre a muller. Mais tamén obriga, como tamén se fixo evidente coa actual crise Covid, a deseñar unha nova política pública de coidados, que veñen recaendo até agora sobre as mulleres, tanto das criaturas como das persoas maiores ou doentes. E, sobre todo, require do compromiso de toda a cidadanía para denunciar calquera tipo de conduta violenta, explícita ou sutil, contra as mulleres facendo visible o que até entón era invisible.

Onte 2071: «Meigas fóra!» na noite de San Xoán

Dende hai tres anos Ramón Domínguez Veiga desenvolve un proxecto de álbum ilustrado sobre o ciclo de festas estacionais galegas. En diálogo co ilustrador David Sierra ofreceu a entrega sobre Samaín, Violeta quere ser vampiro (2017), e sobre o carnaval, É tempo de Entroido (2018), libros nos que anticipaba algúns dos ingredientes preferidos das súas historias: a utilización de estruturas narrativas da tradición oral, fose en base a textos rimados e dialogados ou acumulativos ou enumerativos; o emprego do humor como primeiro recurso expresivo; e o coidado meticuloso na integración gráfica e textual. Máis recentemente, comezou a colaboración co ilustrador Iván R. para ofrecer a Araña que lles tiña medo ás arañas (2019), un divertidísimo álbum de terror no que destacaba o xogo espectacular de planos gráficos ensamblados nunha estrutura enumerativa e circular moi orixinal.

Tras Eu quedo na casa, o conto en liña sobre o confinamento das crianzas provocado polo Covid19, Ramón e Iván estreitan a súa colaboración en Meigas fóra! (2020) para ofrecer un dos mellores títulos que lembramos da serie de 7 anos en diante (lectores/as autónomos) da colección Merlín. Utilizando como motor a rivalidade entre dúas vilas veciñas, Leira e Beira, relatan como dúas alcaldías irresponsables e grandilocuentes, que non paraban de discutir e  pelexar intentando demostrar quen tiña máis poder, levaron a cada unha das súas comunidades case ao desastre, cando as lapas de Leira acadaron tal altura que a lúa decidiu non volver alumar aquela vilas nunca máis, e as de Beira tanta amplitude que obrigaron aos peixes a fuxir. Unha exaltación, ademais, do valor purificador da noite do 23 de xuño, a máis curta do ano, na que saltando por riba do lume escorréntanse as meigas, que é tanto como dicir sobre as envexas, maldades e as súas porfías.

Ramón e Iván consiguen que textos e imaxes funcionen á perfección na progresión dun relato cheo de sorpresas e xiros argumentais, dosificando a información e modulando con sutileza os aspectos emocionais. Ofrecen unha historia memorable que, como aquel inesquecible  Valados de Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, amosa que é posible para unha comunidade construír un futuro mellor en liberdade, superando os valados da intolerancia, do egoísmo e do autoritarismo: «A ledicia está en construír xuntos un novo lugar onde vivir en harmonía».

Aventuro que Meigas fóra!, ademais de consolidar a sociedade creativa de Ramón e Iván, será un dos mellores libros infantís deste ano da pandemia. Excelente en todos os eidos.

 

Sobre «Fortnite» e outros videoxogos

Con certeza que durante estes meses de confinamento os rapaces e rapazas incrementaron o tempo dedicado aos videoxogos, xa que son os xoguetes dixitais preferidos dende a preadolescencia (9/10 en diante).

Os videoxogos forman parte principal da industria do lecer electrónico, hoxe por volume de negocio a primeira industrial cultural do mundo, por diante da editorial, musical ou cinematográfica.

Calcúlase que un terzo da poboación mundial (2.500 millóns de persoas), e un 54 % da poboación europea, practican dunha ou doutra maneira esta afección, sendo os teléfonos móbiles a súa principal plataforma.

Beneficios dos videoxogos

Os videoxogos proporcionan beneficios na aprendizaxe dos «gamers», as súas persoas usuarias, xa que permiten ou facilitan:

–. O exercicio da fantasía e da creatividade, sen limitacións espaciais nin temporais.
–. O acceso a outros mundos e ao seu intercambio.
–. A repetición instantánea, volver a intentar a proeza sen perigo.
–. Exercitar a tolerancia cara a frustración, unhas veces gánase e outras pérdese.
–. O dominio de habilidades óculo-manuais e a atención sostida durante períodos longos, favorecendo o autocontrol e a consecución de éxito persoal.
–. Xogar en grupo, nalgunhas ocasións a través da cooperación e a colaboración, para acadar un obxectivo proposto.
–. A interacción con outros iguais, dun xeito non xerárquico.
–. Nalgunhas ocasións poden ser un medio de aprendizaxe moi atractivo e eficaz, xa que nese enrtorno fallar está permitido.

Riscos dos vídeoxogos

Mais algúns videoxogos tamén poden ofrecer riscos, sobre todo se teñen un carácter adictivo ou se son ofrecidos en liña a usuarios moi novos ou descoñecedores dos perigos da rede.

Convén reparar que algúns videoxogos moi populares entre o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, como  Fortnite, Candy Crush ou Clash Royale utilizan elementos tirados dos xogos de azar, poñendo en funcionamento os mesmos circuítos cerebrais que se activan ao xogar ao póquer.

O caso de Fortnite

Chama a atención por ser, probablemente, o videoxogo preferido hoxe polos nosos preadolescentes e adolescentes.

É un xogo en liña de disparos. Podería definirse, tamén, como unha batalla con xogos de construción.

Cal e o argumento?

Un cento de xogadores e xogadoras lánzanse dende un avión cara a unha illa, a illa Fornite, onde recollen armas, constrúen estruturas seguras e xeran tácticas mentres unha tormenta os rodea reducindo cada vez máis o espazo de xogo. O obxectivo é ser o último en sobrevivir.

Cales son os modos de xogo?

Admítense catro posibilidades: individual, parella, «Squad» (equipo de catro) ou 50 versus 50.

As persoas xogadoras poden ser amizades que deciden xogar xuntas ou persoas que probablemente non se coñecen e cos que terán comunicación directa mediante un chat ou un micrófono.

A que idades podería xogarse?

Common Sense Media recomenda que non sexa utilizado por menores de 13 anos, tanto pola existencia dun chat aberto como pola violencia das situacións creadas.

Por que resulta tan atractivo?

–. É un xogo gratuíto, polo tanto, moi accesible. Con todo, convén reparar que esta apoiado en microtransacións e nun amplísimo merchandising.
–. É multiplataforma, pódese acceder desde diferentes dispositivos (ordenador, tablet, móbil…).
–. As partidas son rápidas (20 minutos aproximadamente).
–. A mecánica do xogo é doada de dominar. Estímase máis de 200 millóns de usuarias no mundo.
–. Produce un aumento da dopamina que alimenta o circuíto da recompensa, o que provoca sensacións moi agradables.
–. Conta con mulleres protagonistas que atraen tamén ao público feminino. Estímase que o 35 % son xogadoras, algo pouco frecuente neste tipo de videoxogos.

Por que podería resultar daniño?

–. A autoestima do neno ou do adolescente queda en mans da súa habilidade para desfacerse dos contrincantes.
–. O estado de ansiedade e estrés que produce a combinación de guerra, retos e obtención de premios activa o circuíto cerebral da recompensa, o que pode fomentar conduta adictivas.
–. É un xogo violento, no que están presentes as armas, aínda que exclúe o sangue.
–. Monopoliza a conversa entre iguais, ameazando con deixar fóra a aquelas persoas que non son xogadoras.

Que facemos, entón, cos videoxogos?

Xogar con videoxogos achega aos menores algúns beneficios e supón tamén asumir riscos. Razón pola que o seu uso debe ser supervisado pola familia, tanto no que atinxe aos seus contidos como a duración das súas sesións.

Non existe un tempo especialmente recomendado para o uso de videoxogos, pero si que este debe ser limitado e previamente acordado no seo da familia, sen condicionar a súa accesibilidade ao rendemento escolar.

Con todo, non abonda con limitar e acordar os tempos e espazos de acceso, xa que tamén é necesario fomentar o sentido crítico do menor, manter un diálogo aberto sobre as súas preferencias neste eido e educar en valores desde a responsabilidade.

Existen ferramentas de control parental como Google Family Link.

As familias deben manter a calma e non deben dubidar en solicitar axuda ao centro educativo (titora, Departamento de Orientación, equipo directivo…) se consideran que os seus menores utilizan os videoxogos de forma abusiva, xa que podería constituír unha conduta de risco. Non esquecer que os videoxogos son unha opción de lecer máis, non a única.

Recollemos boa parte desta información nun folleto da asociación Érguete, que se pode baixar aquí en pdf.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Pensando nas crianzas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para propoñer unha reflexión sobre o estado das crianzas na corentena:

As crianzas, os picariñas e as picariñas, os nenos e as nenas, os e as adolescentes, son as grandes esquecidas desta corentena. Hai máis dun mes que están pechadas hora tras hora nas súas casas –as menores de 15 anos son en España un colectivo de sete millóns de persoas, menos de trescentas mil en Galicia, máis de trinta mil en Vigo–, vivindo unha experiencia inédita, tanto para elas como para os seus proxenitores, que para unhas e outros será inesquecible e, como todas as vivencias de infancia, terán repercusións ao longo de toda a súa vida. Reclusión que sabemos é aínda máis incómoda e difícil naqueles domicilios cuxo tamaño reducido ou as condicións familiares non lles permite apenas moverse ou cando non dispoñen de ordenador ou conexión internet (entre o 10 % e o 15 % dos fogares), o que lles impide estar en contacto co profesorado e cos compañeiros do seu colexio. Dificultades que se multiplican para aquelas con diversidade funcional ou necesidades específicas de apoio educativo privadas de súbito do profesorado presencial (insubstituíble) cos que contaban nos seus centros educativos.

A pesar de que na pandemia non son unha poboación de risco, as crianzas forman parte do colectivo de persoas vulnerables que precisan máis atención e coidados. Necesidades e dereitos da infancia que nun exercicio desproporcionado de «adultocentrismo» foron suspendidos polo estado de alarma, quedando dende entón baixo a responsabilidade exclusiva e mellor entender dos seus proxenitores. Unhas condicións de confinamento que neste primeiro mes non tiveron en conta as necesidades vitais dos nenos e nenas como a de poder camiñar e moverse con certa liberdade gozando da luz natural e sol durante algún momento do día. Un exercicio psicomotriz que contribúe ao desenvolvemento óseo e neuronal, ao regulamento do ciclo do sono e da vixilia ou do control emocional. Condicións de reclusión que explican as dificultades que coñecemos de rapaces saturados de pantallas con dificultades estes días para prender o sono ou das súas mudanzas frecuentes de humor, irritabilidade, tristeza e melancolía cando vence o día, expresións emocionais do seu enfado e frustración por non poder saír dunha casa que pasou para eles de ser un espazo de refuxio a converterse nun espazo ameazador.

Sen menoscabo do respecto rigoroso do confinamento, non sería ningún disparate que os responsables científicos e políticos valorasen autorizar –como recomenda a Organización Mundial da Saúde e como xa sucede noutros países, como Francia, Suíza ou Alemaña– que os nenos e as nenas saísen cada día de modo ordenado a dar un paseo con algúns dos seus proxenitores cerca da súa casa mantendo a distancia social de seguridade. Sei que os rapaces e as rapazas, mesmo a cativada de infantil, debidamente orientada, son xeralmente persoas empáticas e razoables, ás que cando se lles pide e se lles explican as cousas e os seus perigos, colaboran de forma entusiasta e responsable. Modificar as nosas regras de confinamento pensando nas crianzas, como xa se fixo nos primeiros días do estado de alarma coas persoas con diversidade funcional, axudaría a fortalecer a saúde emocional das menores e a que elas asumiran a responsabilidade de xestionar o risco que se lles solicita. Mais e sobre todo ofrecería unha ollada máis inclusiva sobre a organización colectiva dos coidados as nosas criaturas, unha magnífica lección para a saída desta crise.

Reflexión semellante merece a organización do remate deste excepcional curso académico. Aínda que as aprendizaxes e cualificacións son fundamentais para o futuro dos escolares, nunha situación tan crítica como a actual non son o máis importante. E esa flexibilidade debe ser asumida polas autoridades educativas á hora da organización da fin de curso, na que os contidos curriculares e as cualificacións deben ser consideradas un requisito administrativo para pechalo. Un período no que o profesorado dentro das posibilidades coas que conta cada centro debe continuar asumindo que a súa prioridade é acompañar emocional e socialmente ao seu alumnado e a cada unha das familias, para que ningunha delas quede excluída e todas sintan o orgullo de formar parte da mesma comunidade educativa. Un acompañamento docente orientado a axudar a cada alumno a interpretar e expresar por medio de textos, debuxos ou gravacións esta vivencia traumática do confinamento e integrala así no relato das súas vidas, extraendo as ensinanzas positivas posibles. En definitiva, concibir o remate deste confinamento como unha situación excepcional na que se estreitan lazos familiares e a casa se transforma nun laboratorio de aprendizaxe onde descubrir cousas e compartir experiencias que contribúan a autonomía e o desenvolvemento persoal, sen dúbida, os contidos máis decisivos de calquera dos currículos. Pensemos nas crianzas.

Árbore dos desexos (conto de nadal)

Neste día de noiteboa publico en Faro de Vigo un conto de nadal que dedico aos meus coles:

Ás comunidades das escolas de Laredo e Cedeira

No meu cole celebramos o pasado venres o cotillón de fin de ano. Ás doce en punto compartimos as doce badaladas na pantalla da aula de usos múltiples. Vestímonos todos de gala para recibir xuntos o aninovo con dez días de adianto. Eu puxen unha das garabatas do avó e un chapeu moi bonito que mamá comprou no chino. O orientador novo díxome que con esas trazas parecía un científico, un investigador en intelixencia artificial ou en nanotecnoloxía. Alba, a nosa titora, recomendounos que estivésemos atentos e que acompañásemos cada uva cun desexo para que así o novo ano fose máis propicio para cada un de nós e para as nosas familias. Eu fíxeno até que me perdín. A primeira uva foi para que mamá volvese ter traballo. A segunda para que a avoa Carme non quedase ingresada outra vez no Cunqueiro. A terceira para que os reis me boten unha tablet nova. E xa non puiden pedir máis que case me atragoo con tanto balbordo e tanta uva, a pesar que antes lle quitara as pebidas unha por unha.

Cando rematou a derradeira badalada todos comezaron a aplaudir e a abrazar a quen tiña o seu carón. Non me colleu por sorpresa, que xa mo advertira a profe Candela, sempre tan pendente do que me puidera pasar. Alba díxonos que o ano novo expresa o mito clásico do eterno retorno, dentro da crenza de que o cosmos está suxeito a un proceso de renovación periódica. E como se o cosmos se renovase cada ano e tras 365 días todo volvese ao seu punto de partida. O aninovo permite desfacernos da roupa vella e acuñar soños novos, dixo a miña profe, cando consultamos en internet onde se atopaba a estrela rosaliadecastro, a primeira no ceo que ten o nome dunha escritora galega. Esta semana Alba estaba moi contenta por esta escolla da Unión Astronómica Internacional. Gustoume moito o obradoiro de centros de mesa para Nadal que tivemos onte cunha florista e coas profes de inglés e plástica. Os meus avós non van crer que fixera eu unha cousa tan bonita para poñer na mesa desta noite. Alba que non perde ocasión, aconsellounos que estas días de vacacións fósemos á biblioteca e lésemos todo o que puidésemos, xa que para ela é a mellor forma de loitar contra a tristeza e contribuír a salvar o planeta que está en perigo.

No meu cole participamos na rede de escolas polo clima. Os de cuarto ocupámonos todos os días de recoller os colectores de reciclaxe para conseguir reducir a cero o uso de plásticos tanto nas aulas como no patio. Para mudar o mundo hai que comezar a mudar os nosos hábitos. Alba recomendounos ler un libro de Rosa Aneiros, Xelís, o guieiro das botellas de mar, o premio Merlín deste ano. Encantoume. Lino en catro horas e vinte e cinco minutos. Teño moitas preguntas para facerlle a autora e a Andrés Meixide, o ilustrador, cando veñan ao encontro previsto na biblioteca. É unha gran idea formar coas botellas que se guindan ao mar, con cadansúa mensaxe secreta, unha barreira que sirva para reducir esa grande illa de plásticos de todo o planeta que aboia no océano Pacífico. Alba descubriume a Greta Thunberg, unha rapaza coma min, que en Estocolmo comezou a loitar ela soa contra o cambio climático. Que ben fala Greta! Encántanme todos os seus vídeos, sempre tan seria. Greta falou na ONU e no cumio de Madrid, onde reclamou ao dirixentes mundiais que se puxeran de acordo para reducir as emisións provocadas polo consumo de combustibles fósiles. Na radio da escola houbo un debate sobre se Greta fai ben en viaxar polo mundo sen utilizar o avión, que considera un medio de transporte moi contaminante. Eu non participei no programa, pero a min paréceme que Greta é consecuente.

Ademais do cotillón, este nadal chantamos na entrada do meu cole unha árbore dos desexos. Convidamos así a todas as persoas a escribir un desexo nunha tarxeta verde e pendurala logo da árbore. Alba dixo que é unha idea que o equipo de mestras sacaron lendo un conto de nadal de Agustín Fernández Paz, un mestre e escritor galego que morreu hai tres anos e a quen segundo Alba todo o mundo quería. Eu non podo evitar pararme cada día para ler as tarxetas de tantos desexos anónimos. Algunhas son moi bonitas, outras un pouco tristes. «Que non haxa ninguén sen casa.» «Que me toque a lotaría.» «Desexo estar sempre coa miña familia.» «Desexo que ningún dos meus amigos se faga dano.» «Desexo para min que a miña familia sempre estea cerca.» «O meu desexo é que me regalen un unicornio.» «O meu desexo é que este ano teñamos moita saúde e que non haxa máis violencia e pelexas.» «Desexo dar unha volta ao mundo.» «Desexo cando sexa maior ter un traballo, que a pobreza non exista e que o Nadal dure sempre.» «Quero un gato para o meu aniversario.» «Desexo ter un can e un poni.» «Desexo estar coa miña nai.»…

Alba di que esta árbore dos desexos nosa deita moita máis luz que non sei cantos millóns de leds prendidos na nora e nas rúas de Vigo. A nosa árbore dos desexos feita de cartón e papeliños ilumina tanto porque posúe a enerxía e a forza das nosas palabras. As follas da nosa árbore son os nosos soños, o tronco e as polas as nosas emocións. Alba di que con esta árbore que fixemos todas as persoas da escola demos con esa maxia das palabras que aniña, durmida ás veces, no interior de todas as persoas. Levo moitos días pensando en deixar o meu texto. Hoxe atrevinme a escribir con letras maiúsculas, que así me queda mellor, o meu desexo: «QUE A ESTRELA DOS AFECTOS SEXA A QUE SEMPRE NOS GUÍE».

Onte 2046: Antía Yáñez, Premio Agustín 2019

Viaxamos onte a Vilalba para participar, xunto a Rosa Aneiros e Xavier Senín, no xurado da terceira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre as dez obras presentadas escollemos como gañadora por unanimidade a presentada como «Plan de rescate», que unha vez aberta a plica resultou ser da escritora mariñá Antía Yáñez Rodríguez. Unha novela infantil, narrada por unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas e protagonizada por ela xunto aos seus  outros tres compañeiros e compañeiras da aula de PT, que asumen a responsabilidade de liberar ao alumnado e profesorado recluído no comedor do centro.

Chea de humor e ironía, así como construída con situacións de intriga logradas, esta aventura transformará unha escola primaria nun espazo para unha operación de rescate na que cada unha destas persoas con capacidades diversas contribuirá a un afán compartido. Cunha voz en primeira persoa crible e engaiolante, este texto moi orixinal e atrevido propón ao lectorado novo unha reflexión sobre a diferenza e a inclusión.

Magnífico, pois, este terceiro premio AFP, que se une aos que con anterioridade obtiveran as escritoras María Reimondez e Rosa Aneiros. Parabéns a Antía Yáñez, escritora formada como lectora cos libros do mestre Agustín, que sen dúbida, con Plan de rescate consolidará a súa excelente traxectoria.

Na fotografía, Tita Fernández Paz abre a plica da obra gañadora en presenza de Rosa Aneiros e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

 

Onte 2044: «Lúa en Ningures» de Beatriz Maceda

Estes días de vergonzosa peregrinaxe do Open Arms pola costa de Lampedusa, volvín ler Lúa en Ningures, a estremecedora novela infantil de Beatriz Maceda, ilustrada por Laura Veleiro. Na tradición de narrativa antibelicista galega de obras  como Valados (Xerais 2009) de Agustín Fernández Paz ou O valo de Carlos Labraña (Xerais 2017), como do libro libro antolóxico Educación e paz III. Literatura galega pola paz (Xerais 2008), coordinado polo inesquecible Suso Jares, Beatriz Maceda ofrece unha narración plena de matices sobre a problemática das persoas refuxiadas en tempo de guerra e, en xeral, das migracións no tempo actual. Sen acudir a localización xeográfica ningunha nin a referenciar conflitos bélicos concretos, Maceda afonda no estrañamento e na tráxica precariedade na que son obrigadas a vivir  oito mil persoas refuxiadas, boa parte delas menores, en Ningures, un campo internacional xestionado por unha ONG.

Vidas esnaquizadas, como as da familia de Lúa, a rapaciña narradora, obrigada a abandonar o fogar con apenas tres cousas, a súa caixa de pintura, unha edición d’ O principiño e o paquete que lle metera o seu avó no peto. Vidas para as que non semella existir a esperanza, que non contan con nada ao que poder regresar, vítimas doadas para as infeccións e para as penalidades de veráns e invernos severos, mais que sen embargo serán capaces de reconstruírse mercede os vimbios solidarios das palabras como «solidariedade» e «dignidade» que vividas alí poden adquirir un significado grande, que era imposible abarcar coa vista. Vidas que poden volver enxergar as estrelas grazas á lectura, as artes da ilustración ou da propia edición de libros cartoneiros.

Fronte á desolación de vidas rotas, na máis xenuína tradición exuperyana, Maceda conta a ledicia e a esperanza posibles, para o que se vale dun monllo de fragmentos aprendidos por Lúa de memoria d’ O principiño, libro co que dialoga de forma tan natural como deliciosa: «O que embelece o deserto é que esconde un pozo en calquera parte». Lúa en Ningures é unha novela pioneira na literatura infantil galega, tanto pola súa temática política como pola súa proposta artística, presente tanto no texto de Maceda como nas magníficas ilustracións de Laura Veleiro.

A centralidade do valor da narrativa debuxada como xeito universal de contar ou da expresión do graffiti presentes no texto insírese na atmosfera visual creada por unhas ilustracións cuxos fondos xeométricos proporcionan á obra un contexto alternativo, homenaxeando á cultura mediterránea e ás novas expresións das artes urbanas. Obra moi a ter en conta en calquera catálogo de lecturas inclusivas e de educación para a paz, non pode faltar en ningunha das nosas bibliotecas escolares. Parabéns a Beatriz Maceda e Laura Veleiro por libro tan valioso.

Onte 2038: «Memoria do silencio» de Eva Mejuto

Seguindo o fío das lecturas ennobeladas da literatura do Holocausto en galego, hai outra serie de títulos moi útiles para a formación dun criterio literario entre o lectorado novo. Refírome a dous clásicos contemporáneos publicados por Kalandraka, O neno do pixama a raias de John Boyne, traducido por Daniel Saavedra e Diario de Ana Frank traducido por Tomás Ruibal. Como tamén o é O derradeiro irmán de Nathacha Appanah, traducido por Emma Lázare Rodríguez (Xerais 2009), un dos enfoques máis orixinais que coñecín como editor sobre a narrativa dos campos de concentración, unha  conmovedora novela sobre a amizade entre diferentes, tinguida de aromas da Illa Mauricio.

Entre esta conta de lecturas testemuñais, a máis recente é Memoria do silencio (Xerais 2019). Publicada na colección Fóra de Xogo, esta segunda novela da editora e xestora cultural Eva Mejuto insírese na tradición de literatura da memoria, facendo coincidir na ficción dúas historias reais, a de Frieda Belinfante, violonchelista e  primeira directora de orquestra europea, membro da resistencia holandesa, escondida con identidade de home durante varios meses,  e a das galegas irmás Touza (Lol,a Xulia e Amparo), que desde o seu quiosco da estación de Ribadavia axudaron a medio millar de persoas, a maior parte delas xudías, a fuxir a Portugal polo paso de Ponte Barxas, da persecución por toda a península da Gestapo, e evitar así unha morte segura. Como fixera no seu debut, 22 segundos (Xerais 2017), Mejuto deita a súa ollada sobre dúas historias esquecidas, agochadas, protagonizadas por mulleres valentes que loitaron pola liberdade e pola xustiza en tempos moi difíciles.

Memoria do silencio é un texto breve, concentrado, áxil no que grazas a un emprego moi afortunado da elipse narrativa, Eva consegue que o silencios contribúan a contar a historia dunha persecución chea de segredos, medos e afoutezas. Singularmente logrado é o intercambio de voces da novela, tanto cando se utiliza a potencia da primeira, nos casos de Frieda e Lola, como cando Günter, o capitán da Gestapo que as persegue, faino en terceira, coa intención de esculcar na súa conciencia. Un xogo formal que contribúe a afondar na caracterización destas personaxes memorables e ao relato dunha historia de heroísmos anónimos. Unha trama e unhas mulleres destemidas protagonistas merecedoras dunha adaptación cinematográfica.

Memoria do silencio é unha das novelas xuvenís máis destacadas deste primeira metade de 2019, confirmando a Eva Mejuto como unha das narradoras máis anovadoras do xénero. Unha ficción de intriga histórica de lectura trepidante, capaz de arrepiarnos tanto como de conmovernos. Un texto de poderosa capacidade para desvelar dúas historias  agochadas de mulleres heroicas. Literatura da memoria en estado puro, á altura dos clásicos internacionais do xénero. Parabéns a nosa admirada Eva Mejuto por estoutro logro.

Onte 2037: Primo Levi a e necesidade primaria de contar

Sempre gustei da imaxe da lectura que empregaba Agustín Fernández Paz para expresar que como as cereixas, unhas lecturas enguedellábanse noutras. Así tras a nota que publiquei onte sobre a edición galega de Se isto é un home, reparei en que me quedaran atrás dous libros que no seu momento, o verán de 1996, foran para min como editor moi relevantes. Refírome, en primeiro lugar, O violín de Auschwitz (Xerais 1996), a novela de Mª Angels Anglada, traducida co catalán por Xabier R. Baixeras, a novena entrega da colección Fóra de Xogo, sen dúbida, o primeiro texto da literatura xuvenil en galego sobre a temática do Holocausto. Unha novela, que lembro fermosa e emotiva, protagonizada por Daniel, un luthier xudeu de Cracovia, obrigado a construír no propio campo de exterminio un violín que debería ser perfecto.

E a novela de Anglada, que despois de dúas décadas merecería ser reeditada, levoume a outra pequena alfaia moi diferente que lera naquel momento, Primo Levi en diálogo con Ferdinando Camon (1996), un volume de conversas co autor de Se isto é un home publicado por Anaya&Mario Muchnick na súa serie «Europeos sen fronteiras», que daquela tanto me gustaba. Un libro breve, de formato de peto, no que uns meses antes do seu pasamento, Levi confesa que cando estaba no campo de concentración tiña sempre o mesmo soño: «Soñaba que regresaba, que volvía coa miña familia e lles contaba, pero non me escoitaban». Unha situación que Levi consideraba típica nos prisioneiros de Auschwitz, que nesta situación na que ser humano dana [fire] ao ser humano, contar establécese como unha necesidade primaria, fundamental. Contar, que pode ser tamén escribir, lembrar, facer memoria, como unha forma de liberación, un consolo.

Neste libro de conversas, ademais de reflexionar, entre outros temas, sobre a incomunicación lingüística, a responsabilidade do pobo alemán no exterminio («o pobo alemán no seu conxunto nin sequera intentou resistir») ou a razón de ser dos campos de concentración (terror, exterminio e man de obra), Levi aborda a cuestión relixiosa confesando que «a experiencia de Auschwitz me afectou tanto que destruíu todo o resto da educación relixiosa que recibín». Confesión máis rotunda cando afirma nas páxinas finais: «Existe Auschwitz, polo tanto, non poder haber Deus». Afirmación que Ferdinando Camon, xornalista católico, aclara nunha nota entre paréntese: «No texto mecanografado [revisado por Levi] agregou a lapis: “non atopo unha solución ao dilema. Búscoa, pero non a atopo”».

Onte 2036: «Se isto é un home» e a literatura do Holocausto en galego

Dediquei os últimos días á lectura calma de Se isto é un home (Xerais 2019), a versión galega de Se questo é un uomo (1947), a estremecedora novela do Holocausto de Primo Levi. Unha tradución brillante de Xoán Manuel Garrido Vilariño, autor tamén dun epílogo esclarecedor sobre o percorrido vital e intelectual do autor italiano. Unha excelente edición galega que culmina o proxecto de Garrido, quen hai quince anos xa presentou a súa tese de doutoramento sobre a tradución desta novela testemuño dos campos de exterminio, escrita dende o deber memoria e dunha experiencia non humana como sobrevivente de Auschwitz. Unha edición moi demorada e coidada, tras máis dunha década de traballo do tradutor, que coincide ademais no ano do centenario do nacemento de Levi. Unha das pezas senlleiras da literatura do século XX que agranda o catálogo referencial de narrativa de Xerais como do conxunto da edición galega.

Durante toda a lectura non puiden evitar ter moi presente as imaxes da visita inesquecible aos campos de Auschwitz e Birkenau fixemos hai agora dous agostos, espazos da barbarie fascista, a manifestación máis monstruosa das atrocidades da historia humana. Lendo Se isto é un home comprendemos mellor ca en ningún estudo sobre o Holocausto como se chantaron as raíces da intolerancia e do antisemitismo e como lembrar o xenocidio é un deber. Coñecer a ignominia nazi é sempre imprescindible, xa que como sinala o propio Levi no seu epílogo, escrito para edición escolar de 1976, «o sucedido pode volver ocorrer, as consciencias poden ser de novo reducidas e ofuscadas: até mesmo as nosas».

Se isto é un home é unha peza narrativa que supera os límites e as etiquetas de xéneros. Novela rabiosamente moderna e actual, tanto pola utilización dos recursos da narrativa testemuñal, bautizada hoxe como autoficción, como polo seu carácter ensaístico e alegato antifascista. Un texto escrito dende a experiencia que esculca na alma humana e na vontade de «sobrevivir coa finalidade precisa de explicar as cousas que presenciamos e soportamos». Unha evocación dun tempo que pasa gota a gota, capaz de transformar seres humanos en fantasmas, escrito coa intención de «fornecer documentos de cara a un estudo sereno dalgúns aspectos da alma humana». «Quen todo perdeu, pérdese a si mesmo», escribe Levi, quen confesa nestas páxinas que «a lingua carece de palabras para expresar esta ofensa e a destrución dun home». Unha lectura marcante, engramática, que aconsello facer co marcador nunha man e coa emoción contida, xa que é capaz de desmontar prexuízos conformistas sobre o que constitúe o celme da condición humana e da súa dignidade. O derradeiro capítulo, «Historia de dez días», os previos á liberación do campo polas tropas soviéticas, constitúe o relato máis cru e estremecedor que teño lido nunca sobre o territorio da desolación e sobre o agromar da esperanza, nacida das cinzas da solidariedade e da fraternidade de compartir un anaco de pan: «parte da nosa existencia reside nas almas de quen entra en contacto connosco».

A edición de Se isto é un home supón un fito decisivo para a consolidación dese pequeno catálogo de narrativa do Holocausto traducida ao galego, iniciado polo propio Xoán Garrido coa tradución de Historia da Shoah de Georges Bensoussan e continuado con Auschwitz explicado á miña filla de Anette Wieviorka, traducido por Susana Piñeiro Paz, ambos os dous publicados en Bivir, e a novela Götz e Meyer de David Albahari traducida do serbio por Jairo Dorado Cadilla. Títulos traducidos aos que debemos engadir as novelas Laura no deserto de Antón Riveiro Coello e O amor nos escuros días de Birkenau de Alberto Canal e o libro de relatos Un animal chamado Néboa de Ledicia Costas.

Os meus parabéns a Xoán Garrido por esta tradución, que aventura merece ser premiada pola súa calidade e referencia, como a Xerais por continuar alimentando o seu catálogo literario con textos esenciais.