Carlos Núñez «le vieux»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do meu admirado Carlos Núñez Rodríguez a raíz da publicación do seu libro de conversas con Perfecto Conde:

Non é a primeira vez que expreso a miña admiración por Carlos Núñez Rodríguez, unha das figuras de maior estatura cívica do noso viguiño. Nacido en Ourense en 1941, na casa Reverter da rúa do Progreso, chegou a Vigo en 1963 coa intención de organizar ao Partido Comunista, cunha maleta e un cartafol cos seus debuxos. Pezas que ao día seguinte serviron para ser contratado por Empresas Reunidas de Publicidad (ERP) de Fernando Ruiz Moreno e Juan Llor, onde dedicou a súa creatividade durante máis dunha década até fundar estudio propio.

Actividade deste deseñador gráfico, con achegas brillantes, coma a creación das tipografías históricas Gallaecia Castelo (1995) e a cursiva Galaica, coa que pretendeu dotar a Galicia cunha tipografía de seu, tras un estudo de máis de douscentos textos gravados en pedra. Traballo profesional no que co seu equipo de Variografik, formado por Evaristo Pereira, Loli Pereira, Chelo Alonso, entre outras, editou centos de carteis, deseñou montaxes decorativas e publicacións novidosas de historia das cidades galegas.

Traballos que soubo compaxinar coa súa militancia política, durante catorce anos case clandestina, mesmo co paso de tres anos polos cárceres franquistas. Como tamén, chegada a Reforma Política, compartiu a súa profesión coas responsabilidades públicas, como concelleiro electo polo PCG (do que foi fundador en 1968), das dúas primeiras corporacións democráticas viguesas, presididas por Manuel Soto Ferreiro. Período no que asumiu a tenencia de alcaldía e a concellaría de Tráfico e Seguridade que, entre outras medidas modernizadoras, ampliou as liñas de Vitrasa ao periurbano, creou o 092 como servizo de intervención, configurando a policía local como axudante social da veciñanza.

O seu pai, o mestre e adiantado pedagogo Albino Núñez Domínguez, fundador e presidente da ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), director da súa revista, Escuela del Trabajo, depurado en 1936, fundador daquela illa de liberdade que foi dende 1949 o Centro de Estudios Galicia, púxolle de nome Carlos en memoria de Carlos Marx. Outro sutil atrevemento esquerdista, de quen autorizou a aquel talentoso debuxante de dezasete anos –que se formaba na Escola de Artes e Oficios de Ourense, dous anos antes incorporado ao PC da man do profesor Xosé Díaz– a que viaxara a París como emigrante e tres meses despois con pasaporte falso a Moscova, para estudar na Academia de Ciencias Sociais e Políticas.

Tres apaixonantes anos moscovitas, nos que o rapaz de Albino coñece aos dirixentes históricos comunistas e adquire as competencias e as habilidades necesarias para converterse en cadro do Partido, organización clandestina que pelexaba en primeira liña para abaixar a ditadura franquista. Formación na URSS de Nikita Jruschov, que o marcará de por vida, na que se incluían as técnicas de deseño, comunicación e encriptación de cartas e documentos, esenciais na clandestinidade e no funcionamento dos servizos de intelixencia, en plena Guerra Fría, que lle serían de grande utilidade décadas despois tanto sendo grafista e tipógrafo, membro da Fundación Gutenberg, como investigador das ideografías milenarias da costa atlántica europea.

Misterio que, como outros, dunha vida de película, se desvela nas páxinas do libro Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro (Galaxia 2025) de Perfecto Conde, prologado polo seu camarada de seis décadas o profesor Xesús Alonso Montero. Unha longa e fascinante conversa de lectura engaiolante, que reconstrúe a peripecia vital deste militante e dirixente comunista, pai do gaiteiro galego máis coñecido no mundo. Relato construído polo xenio e o rigor xornalístico de Conde con inequívocos trazos de novela política portuaria e de ensaio histórico sobre o papel do PC nas últimas seis décadas. Un texto que, ademais, repasa episodios claves da historia viguesa recente, como a folga xeral de 1972, da que Núñez foi destacado participante e que tras unha orde policial de busca e captura, obrigouno a pasar de novo a clandestinidade. Confesión afouta de Núñez da feroz represión e das torturas da Brigada Política Social nas comisarías, permitidas polo poder xudicial franquista, pendentes hoxe de ser reparadas por parte do estado.

Diante de biografías cívicas tan heroicas como as de Carlos Núñez «le vieux», como gusta recoñecerse a este incorrixible afrancesado republicano, membro do Instituto de Estudios Vigueses, abraia o pouco recoñecido que foi polas institucións locais e galegas. Outro tanto sucede, coa biografía doutro ourensán vigués, o escritor nacionalista Xosé Luís Mendez Ferrín, primeiro defensor das humildes e da lingua na cidade nosa. Ás portas doutra Reconquista, non é o momento de que compartan o nomeamento de fillos adoptivos de Vigo?

Nova temporada

Co día de Rosalía e a chegada ás librarías dos libros de Entroido, como o precioso número do último Sermos, «Entroido. A raíz do pobo», comeza a nova temporada para o libro galego. Primeira xeira na que destacan a publicación de Rosalía oculta (Galaxia 2025) de Paula Mayor, cómic biográfico sobre a Rosalía máis transgresora, Premio Castelao de Banda Deseñada (2023) e do ensaio Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais 2025) do profesor Carlos Callón, precedido por unha lamentable campaña homófoba de acoso ao autor. Xaora, neste entrega teñen particular relevancia as novidades relacionadas coa celebración das Letras Galegas, publicadas en boa medida para a abordaxe da efeméride nos centros educativos. Oferta sobre as cantareiras que, pola moi atractiva e variadísima primeira fornada, aventura unha grande mobilización popular o 17 de maio. Eis o volume colectivo, Somos pandeireteiras (Xerais 2025), prologado por Mercedes Peón, ou o álbum precioso, Sei cantar, sei bailar (Xerais 2025) de Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo. Xeira que inicia potente a tempada narrativa, cos debuts memorables das viguesas Cynthia Menéndez con Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia 2025) e María Besteiros con Ítaca (Xerais 2025). Outra tanto sucede coa poética na que volven voces xa clásicas como as de Xavier Seoane con A árbore desvelada (Tambo, Kalandraka 2025) e Calros Solla con herba de Vigo (Morgante 2025). Sen esquecer o atractivo inicio da tempada de narrativa traducida con clásicos como Asasinatos, S.L. (Huguin e Munin 2024) de Jack London, novela traducida por Iago Nicolás Ballesteros e En canto agonizo (Rinoceronte 2025) de W. Faulkner traducida por Moisés Barcia. A pesar da inevitable melancolía do noso sector editorial, achacoso pola súa mala saúde de ferro crónica, como pola emerxencia da situación da lingua, esta excelente estrea de temporada, por arriscada, diversa e moi coidada, amosa que a edición galega nin procrastrina nin baixa os brazos como agoiran algúns.

Publicado en Nós diario: 05/03/2025

Son coma glaciares

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a novela Son coma glaciares os barcos de aceiro de Cynthia Menéndez, o poemario herba de vigo de Calros Solla e a curta-poética Delincuente de Nuria Vil, tres títulos que amplían os límites do Vigo litearario:

Había tempo que non me conmovía coa aparición de tres pezas de xéneros diversos que amplían o territorio de excelencia do «Vigo literario» actual. Refírome ao espectacular debut da narradora viguesa Cynthia Menéndez coa novela Son coma glaciares os barcos de aceiro (2025 Galaxia); ao regreso á poesía do etnógrafo e filólogo Calros Solla con herba de vigo (2025 Morgante) e ao debut cinematográfico da poeta e performer Nuria Vil autora do texto da curta-poema Delincuente (2024 Nuria Vilán). Tres creacións, que moi pouco teñen que ver co chamado «Vigo noir» de novelas policiais, negras ou de intriga, cuxa extensa nómina de autorías e obras se ampliou o pasado ano co excelente debut de Paco Morgan, creador da cidade portuaria Úrvida, na que localiza A rede branca (2024 Xerais), ao que este mes se engade Até que a morte non separe (2025 Xerais) novela de Elena Gallego Abad que, despois dunha década, recupera aos seus personaxes de Sete caveiras (2014 Xerais).

Tres pezas as de Menéndez, Solla e Vil que reclaman o carácter industrial, obreiro, revolcado e colectivo vigués, celme presente na narrativa de novelas viguesas pioneiras como Antón e os inocentes (1976, 2019 Xerais) de X.L. Méndez Ferrín, Amor de tango (1992 Xerais) de María Xosé Queizán ou Adiós María (1971, 2018 Galaxia) de Xohana Torres; que na poesía aparece, entre outros poemarios, en Estirpe (1994 Xerais) de Ferrín, fóra do sagrado (2007 Xerais) de Anxo Angueira ou Denuncia do equilibrio (1986 Xerais) de Xela Arias. Obras ancoradas na memoria de conflitos sociais recentes. Sexa a folga de Barreras de 1997, na loita polo mantemento do carácter público do primeiro estaleiro vigués, eixo da novela de Cynthia. Fose no Vigo de comezos dos oitenta azoutado pola heroína, que levou por diante tantas vidas novas como a da Maradona, a delincuente da Ferraría que aterrorizaba a veciñanza daquel Vigo vello arruinado e empobrecido. Mentres o «Vigo noir» utiliza a cidade como escenario e decorado, Menéndez, Solla e Vil reclaman a cidade como república que dende a escrita memoriosa recupera o seu carácter comunitario.

Eis a novidosa  proposta de Nuria Vil (Nuria Vilán Prado), a poeta de Santo André de Comesaña, autora do fabuloso texto poético de Delincuente, tamén produtora e artífice desta curta de 12 minutos de beleza inquietante, dirixida por Alba Domínguez, que sen axuda institucional ningunha contou apenas cun crowdfunding e cunha bolsa da fundación Ensaia de promoción do talento. Unha película que co pretexto de lembrar á Maradona, Eduarda que en 1982 dirixía a banda xuvenil da Ferraría e morreu de SIDA en 1984 no cárcere da avenida de Madrid, presenta a cara oculta do Vigo quinqui, a máis dolorosa dos anos da movida, utilizando o extraordinario material en super oito de Manuel Da Costa, a temática de Adiós María e os textos das nosas poetas da xeración da Festa da Palabra Silenciada. Unha reflexión que dende a poesía nos incomoda, un concentrado emocionante de memoria viguesa resistente, merecedora do apoio das 150 persoas que na presentación en Vigo ateigamos a sala 1 de Multicines Norte, unha proeza merecedora de ser salientada.

Como emociona herba de vigo, o libro de poemas co que Calros Solla homenaxea ao Vigo proletario, prologado con xeitiño polo catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas. Un mapa sentimental de viguesismo ortodoxo ou de viguismo heterodoxo, un dos tantos  paradoxos presentes nun texto que doe polo moito que afonda na cidade proletaria en poemas como «heroica», da que sae o afortunadísimo título, «perspectiva caballera» ou esa marabilla que é «mamá quero ser merdeiro». Revisión retranqueira de espírito non sense de toda clase de tópicos: «Vigo sen vivir en min», retomando o verso de Resentidos, «Vigo monstro tricéfalo», «Vigo é unha cidade de recén chegados», «Vigo o mar de Ourense» ou «Vigo devora patatillas», entre outros, dun libro que non ten perda.

Como recomendable é Son coma glaciares os barcos de aceiro na que Cynthia Menéndez novela as mobilizacións obreiras de 1997 contra a privatización, peche (con cea de noiteboa incluída) nas instalacións do estaleiro de Barreras. Texto de soberbia beleza lírica, que se le co corazón na man, reconstrúe con fidelidade emocional aquel Vigo de hai pouco máis de vinte e cinco anos, dende a ollada de Pedro, un mozo de hoxe, fillo dun daqueles (heroes do G7) obreiros protagonistas dunha das derradeiras folgas nos estaleiros (baleas) da nosa beiramar. Atmosfera de revolución viguesa, ao xeito das novelas citadas de Ferrín e Xohana Torres, na que Menéndez, como Solla e Nuria Vil, que incomoda aos conformistas. Novela inesquecible, afonda no espírito dunha cidade empapada pola resaca da memoria, mais que desaparece cando os ghichiños suben as gradas para construír glaciares de aceiro. Léana.

Don Xesús

Acompañei como editor a Xesús Alonso Montero durante vinte e cinco anos presentando por Galicia adiante os seus libros, comprometidos coa memoria republicana de Galicia e coa patria común da lingua. Admíroo dende entón como orador de verbo aceirado, quizais o mellor da cultura galega do noso tempo; tamén como polígrafo e erudito, investigador textual, sen menoscabo da súa actividade como articulista literario, autor de milleiros de bosquexos e defensor de teses incómodas e críticas cos poderosos. Máis alá da súa condición de profesor de lingua de afán didáctico na dicción, no xesto e na ollada, como de fistor popular ateo, a maior consideración que merece don Xesús é a súa condición de activista antifascista e militante do Partido Comunista de Galicia dende hai máis de seis décadas. Compromiso político e cívico inquebrantable coa Galicia mártir, humilde, perseguida e emigrante representada na súa insignia do triángulo vermello ou na súa inseparable bufanda encarnada. Con este currículo, difícil de entender é a negativa do grupo municipal do BNG de Lugo de apoiar o seu nomeamento como fillo adoptivo da cidade da muralla. Posición polémica á que acudiron ao rescate nacionalistas que na rede dubidan que 16 anos como profesor de instituto e da escola normal sexan suficientes para adquirir suficiente arraigo lucense ou acusen sen argumentos a quen foi presidente da RAG (2013-2017) de deixamento na defensa do galego. Postura coa que o BNG de Lugo deixa nunha posición delicada a credibilidade da dirección de Ana Pontón recuperando prácticas sectarias da organización frontista liderada pola UPG. Fóra do xuízo que a cadaquén lle mereza a figura poliédrica de Montero (96 anos), Pontón e o seu equipo saben que a única intransixencia admisible é a que cuestione o fascismo e a persecución da lingua nosa. Lonxe xa de rancores e coitas, que criamos superadas, a construción da nación é unha tarefa colectiva á que estamos todos convocados e á que don Xesús contribuíu cun admirable traballo.

Publicado en Nós diario: 26/02/2025

Edición discreta

Richard Charkin, o lendario editor de Oxford University Press, lembra nas súas memorias que na metade da década dos setenta había unha «norma curiosa» na súa editora que prohibía aos autores dar as grazas aos editores polo seu nome na sección de agradecementos do libro. Procedemento consuetudinario que se baseaba no principio de que os membros da empresa –dende o maquinista da imprenta até o editor de mesa do texto– contribúen na edición e fabricación do libro e por tanto «non correspondía eloxiar a ninguén en particular». Conclúe que non lle parecería mal rescatar aquel costume, sobre todo, cando «en moitos libros actuais hai listas de agradecementos que semellan as do gañador dun Óscar». E a Charkin, editor pioneiro na introdución da tecnoloxía na edición lexicográfica, non lle falta razón, cando reivindica a edición como unha tarefa en man común, na que participan diversas profesións –dende as que se ocupan da escolla e tratamento do texto, da ilustración, da maqueta e do deseño, a aqueloutras da fabricación, distribución, promoción e comunicación do libro– que ceden todas o seu nome ao título do libro e o da súa autoría. Convenzámonos, no mercado editorial do capitalismo tardío, o principal xuíz e propagandista dun libro, dende a súa existencia até a súa duración nos andeis da libraría, é o lectorado. Neste mercado da atención, con máis cifras ca letras, a ningún dos que no seu día asumimos a responsabilidade última de edición pode estrañarnos ser permanente cuestionados, vivir sempre na corda frouxa. Como sabemos que a discreción é un valor imprescindible dun oficio de risco no que, ademais, de procurar a excelencia no tratamento do texto e na calidade do obxecto libro, cómpre acompañar ás autorías e comprometerse no complexo proceso de comunicación pública, asumindo os riscos ineludibles deste difícil labor. O mundo editorial galego teceuse sempre con afouteza. Cando o editor perde esa coraxe, indispensable no oficio noso, sei que debemos deixar o espazo a outros.

Publicado en Nós diario: 05/02/2025

O Vigo de Domingo Villar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do escritor Domingo Villar con motivo da instalación dunha estatua na súa memoria na praza de Compostela:

Baixei a Praza de Compostela coa intención de coñecer a estatua do escritor Domingo Villar, instalada nun banco da alameda, na proximidade da rúa García Olloqui, protexida pola excelsa araucaria centenaria, que alí chantou raíces desde 1890. Custeado polo concello de Vigo con 115.000 euros, o bronce creado polo artista ourensán Pedro Dobao está acompañado dun aparatoso monólito pétreo onde se colocou unha placa, datada en decembro de 2024, cando imaxinamos estaba previsto inauguralo, cun texto en letra maiúscula que reza: «O concello de Vigo, sendo alcalde Abel Caballero na honra de Domingo Villar artesán da palabra, contador de historias e creador de emocións». O monumento ao autor d’ Ollos de auga (Galaxia 2006) e A praia dos afogados (Galaxia 2009) acompaña ás esculturas do noso primeiro xardín centenario, estudadas por Mercedes Bangueses, no Catálogo. Bustos, monumentos conmemorativos, placas de Vigo (IEV 2023).

Pezas, na súa maior parte ocultas, durante os tres meses de estrés ao que o mercado natalicio e a súa feira cervexeira somete a estes xardíns protexidos, entre as que os vigueses e viguesas da miña xeración recoñecemos iconas da nosa infancia, como testemuñan as fotos a carón delas dos días de estrea da palma, tomadas polas fotógrafas do minuto. Velaí as esculturas de animais de José Luis Medina, co «Caracol» xigante a fronte, ou a «Alborada», a «Despedida» ou o «Mariñeiro» do escultor Camilo Nogueira, que por certo, permanece aforcado polo cableado da iluminación do pasado Nadal. Como pertencen ao patrimonio vigués as dúas grandes pezas da praza, a impoñente escultura do almirante vigués Casto Méndez Núñez de Agustín Querol (1890), e o busto do poeta Manuel Curros Enríquez de Lorenzo Coullat (1911), instalado en 1911, na proximidade do palco da música, recolocado hai unha década na proximidade da praza, nos xardíns da Aduana, despois de ser agochado polas autoridades franquistas nun recuncho do Castro. Pezas pétreas, de diversa filiación, que conforman o primeiro espazo escultórico público do ensanche, enriquecido agora coa homenaxe ao novelista vigués.

E méritos sóbranlle a Domingo Villar para presidir unha das cabeceiras da alameda viguesa. Creador dos personaxes literarios do inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, protagonistas da súa memorable triloxía policial localizada no Vigo metropolitano, Mincho, como o chamaban os seus achegados, quixo que o seu oficio de escritor e guionista imitase ao do artesán, discreto e teimoso, procurando a sonoridade do texto e a súa capacidade para emocionar ao lectorado. Mais tamén foi Villar un creador afouto e destemido, comprometido co carácter fortemente inclusivo dos seus textos, consciente de que coa súa esixencia e humildade contribuía a modernizar na literatura galega o xénero negro. Tranquilo, tolerante, un pesimista alegre, ademais de entreter ao seu lectorado coas súas tramas e localizacións, non renunciou a propoñerlle preguntas con respostas ás veces perturbadoras arredor da soidade e da morte, obxecto sempre das investigacións de Leo Caldas, un personaxe que pasará á historia literaria e á da propia cidade de Vigo. Villar fixo da literatura o seu espazo de resistencia, razón pola que as súas novelas tiñan que doer, como provocar o sorriso e o sarcasmo, como mellor estratexia para achegarse ao celme da condición humana.

Quen foi o seu concienciudo editor galego, Carlos Lema, nun traballo en Grial nº 221 (2019), considera que a novela policial ou negra de Villar é apenas o contexto no que o vigués insire a súa novela social como unha representación democrática. Intención que acada o seu esplendor n´O último barco (Galaxia 2019), localizada en boa medida na Escola de Artes e Oficios, en pleno centro de Vigo, como institución democratizadora e aberta á cidadanía. Coma fixera Camilleri con Vigata, Montalbán con Barcelona ou Lehane con Boston, Domingo fixo de Vigo unha cidade literaria, sendo o pioneiro indiscutible do chamado «Vigo Noir». Deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto do Areal, no Pirulí (o vello hospital xeral), na lonxa do Berbés, no quiosco das Almas Perdidas, na EMAO ou no xardín histórico da Alameda, agora vivificado coa presenza da súa memoria. Como Mincho exaltou nas tres novelas o coidado artesanal das vides, o traballo heroico dos mariñeiros ou as mellores receitas da nosa culinaria popular como outras expresións emocionais. Mais tamén, e quizais sexa o máis relevante, destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como cidade metropolitana, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre. Domingo fixo de Vigo un espazo emocional, unha cidade de fronteira e unha comunidade de afectos.

Editar pola paz

Aristófanes na súa comedia As aves (estreada no 414 AC) representa os seus concidadáns atenienses precipitándose as librarías «cara os libros», despois de almorzar, coa intención de coñecer as novidades e discutir alí mesmo sobre os seus méritos e defectos. As librarías, xa daquela, convertéranse en punto de encontro e lugar de conversa para o público con intereses literarios. Tito Pomponio «Ático», o primeiro editor-libreiro romano do que se sabe, editor das obras do seu amigo Cicerón, tiña unha profunda cultura, adquirida durante a súa estancia en Atenas (entre 88 e 65 AC), de aí o seu alcuño, e un apaixonado interese polo coñecemento e o progreso da sociedade romana, ademais dunha marcada predisposición pola actividade comercial. Ao longo da historia, moitos editores e libreiros, máis alá de produtores e vendedores de libros, tarefas que nos son propias, asumimos que coas nosas publicacións somos produtores e difusores dos valores e principios máis acaídos para a convivencia: a liberdade, a democracia, a igualdade, a solidariedade, a diversidade, a inclusión, a lectura na lingua propia, a paz… A edición, dende a creación da imprenta no século XV, quedou impregnada dos principios do Humanismo e xa, de forma máis decidida a partir, da Ilustración, converteuse no vehículo primeiro para a difusión dos valores republicanos. Empregando as ferramentas que á edición lle son propias, as palabras e as imaxes dialogando sobre a páxina impresa en esixente harmonía, os libros foron os soportes primeiros da cultura de paz. Nun mundo, no que hoxe está en serio perigo a democracia e a guerra ignora de forma sistemática o dereito internacional humanitario, velaí o xenocidio palestino ou as guerras ocultas de África, as editoras deben actualizar coas súas publicacións novos vieiros para a construción da paz. Razóns polas que cada 30 de xaneiro –celebrado en Galicia dende 1983, a instancias do profesor Xesús R. Jares, como «Día Escolar pola Paz»– cómpre presentar novas edicións pola paz.

Publicado en Nós diario: 29/01/2025

Bibliocidade

Manuel Rivas agasallou á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña un limiar memorable, «O ecosistema do libro», para abrir o libriño de Arturo Iglesias As luces dos libros na cidade do faro, que forma parte da serie de roteiros do proxecto «A Coruña Literaria». O autor d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) celebra no preludio que a súa sexa unha bibliocidade, pertencente ao universo da lectura e do libro, obxecto que presidiu de forma intermitente o escudo da Coruña dende 1837 e desaparecería da heráldica herculina en 1937 co goberno municipal franquista. O libro de Iglesias é un fermoso percorrido gráfico por catorce das bibliotecas coruñesas, número envexable para esta bibliocidade que en outubro de 2023 contaba con 115.904 bibliocidadáns, se por tales entendemos as persoas que contan co seu carné de usuarias, cifra moi superior ás do Deportivo. Rivas define as bibliotecas como un «ecosistema da des-extinción», «un refuxio da diversidade fronte o baleiro», un lugar físico ocupado por persoas de diferentes xeracións, procedencias, xéneros e pensares; mais tamén un espazo psicoxeográfico, onde conviven a veciñanza actual cos seres da memoria fértil, a imaxinación e a descuberta. Rede bibliotecaria entupida que constitúe o pulmón deste ecosistema coruñés, en diálogo permanente cunha modélica rede de bibliotecas escolares e coa completa programación dos clubs de lectura e das asociacións culturais. Ecosistema que conta, ademais, cun detallado mapa literario de autorías e obras e doutros compoñentes librescos: unha decena de editoras en lingua galega en excitación creativa permanente; un tecido libreiro resistente, diverso e creativo; un calendario de festivais literarios consolidado, dende a Feira do Libro e Viñetas desde o Atlántico de agosto até as convocatorias do ciclo Poetas Di(n)versos; a Residencia 1863, modélico espazo de produción literaria creativa… O caso da Coruña literaria merece recoñecemento, máis aínda cando forma parte da identidade desta bibliocidade.

Publicado en Nós diario: 22/01/2025

A cerna

Na polémica sobre a posibilidade dun pacto pola lingua éche cada vez máis difícil entender como encaixa a elaboración dun novo plan de uso do galego por parte dun grupo de expertos coa determinación expresada polo presidente da Xunta de Galicia de manter a «doutrina 79/2010» e o argumentario lingüicida da «imposición del gallego», que xustificou o decreto de plurilingüismo, cuxo fracaso xa é incuestionable, despois da publicación dos datos do IGE sobre o coñecemento do galego polos escolares. Secasí, despois da presentación do equipo redactor do novo plan, do que forman parte algunhas persoas con contrastada formación sociolingüística, se recoñece o perfil baixo outorgado no grupo á educación lingüística onde, porén, se atopa a cerna de calquera estratexia normalizadora que pretenda recuperar falantes e lectores para o noso idioma. Por moi capaces que sexan estas persoas expertas, e os equipos que elas formen, en propoñer iniciativas innovadoras para o fomento do galego, chegará un momento no que teñan que enfrontar a cerna dunha educación lingüística, recollida nun modelo curricular, compatible co ditame máis recente dos expertos da Carta Europea das Linguas, que (non esquezamos) reclama unha posibilidade de escolarización en galego da Educación Infantil á Universitaria, como de retirar as limitacións actuais das disciplinas STEM en galego. Coa intención de non enredar durante un ano con falsas expectativas, mellor sería que dende xa se iniciase o complexo debate sobre cal vai ser a educación lingüística no sistema educativo galego. Unha prioridade que pasa tanto pola avaliación (por fin!) dos resultados do decreto 79/2010 como pola análise de modelos curriculares que nun entorno plurilingüe permitan que todo o alumnado galego ao remate da escolarización obrigatoria acade idéntica competencia nas linguas oficiais e suficiente en portugués e inglés. Meter a educación lingüística no caixón dos asuntos intocables sería o mesmo que andar ás miñocas, como dicimos no galego de Vigo.

Publicado en Nós diario: 15/01/2025

Brétemas 20 anos

Tal serán como de hoxe dun 3 de xaneiro de 2005 comecei a publicar este blog, utilizando o nome de Brétemas, que recuperaba do meu primeiro ano de carreira (1976), cando aínda formaba parte de ERGA. Dende entón publiquei 6.666 anotacións e recibín 9.558 comentarios, en tres formatos distintos (blogger, blogaliza e o actual, apoiado por Pumpun dixital), correspondendo ao último ano 134 entradas, cifra semellante a dos cinco últimos, que consolida a tendencia do uso do blog como arquivo dixital, que permite o acceso ordenado e o etiquetado semántico, sobre todo das miñas colaboracións semanais en Faro de Vigo e Nós diario, como aqueloutras esporádicas nas revistas Luzes e Tempos novos, entre outros medios, como dos textos utilizados nas actividades formativas das que fun ponente ou doutras intervencións literarias ou textos diversos solicitados.

Ao longo destas dúas décadas, no que irromperon ás redes sociais e informativas, que trasladaron a conversa arredor dos blogs, tamén se melloraron de forma moi considerable as utilidades hipertextuais, o que permitiu que a escritura frecuente no blog, durante anos diaria, se convertese na miña primeira aula de escritura dixital, onde ensaiar con elas. Brétemas, ademais de espazo de aprendizaxe, foi durante catorce anos bitácora do meu traballo como editor en lingua galega e, a partir de setembro de 2018, cando saín de Xerais, da miña experiencia como mestre orientador até o meu retiro en setembro de 2023. En Brétemas, pois, pode seguirse o meu relato en primeira persoa de anos intensos e difíciles da miña vida profesional como editor e mestre, mais tamén as miñas intervencións políticas e as miñas preferencias literarias, musicais, artísticas e deportivas, con especial atención a traxectoria do Celta de Vigo e da divulgación da historia e memoria da cidade de Vigo. Un abano temático diverso, froito (probablemente) da miña paixón pola lectura e pola curiosidade por aprender, que por ventura non perdín nin abandonei.

Brétemas non tería sido posible sen aquela comunidade de entusiasmo que foi o blogomillo, o berce onde naceu, onde compartimos aprendizaxes, descubertas, que nos serviron a cada unha das voces participantes, mais tamén contribuíron ao proceso de dixitalización da comunicación cultural en galego. Confeso con fachenda que de todos os proxectos colectivos de galeguización nos que teño colaborado, que foron uns poucos (Nova Escola Galega, Revista Galega de Educación, «A Pizarra» de Faro de Vigo, Asociación Galega de Editoras, Culturgal, Premios da Crítica de Galicia, Fundación Luzes, Galix,…), o de Brétemas é do que me confeso máis orgulloso, por sincero e teimoso que resultou. Como foi, facendo balance, tamén o meu traballo de escritura mellor recoñecido polos premios da AELG e do Libro Galego (2019).

Brétemas foi debedor do meu perfil de Twitter, onde se enlazaban os seus contidos, o que deixei de facer apenas hai dous meses, cando abrín o de Bluesky, rede informativa vehicular dende entón destas Brétemas, onde celebro a súa continuidade por reducido que sexa agora a comunidade que as segue e comparte. Certo que leo Facebook, Instagram e TikTok, onde teño perfís abertos, mais que non actualizo cos contidos do blog,  non teño tempo abondo, a pesar do retiro, de seguilos e coidar deles. A esta altura da miña vida, confórmome con contribuír ao catálogo galego cos meus textos semanais, arquivados dixitalmente en Brétemas, concibidos como agra de esperanza e horizonte da beleza do porvir.

Xaora, recupero o que afirmaba naquela primeira anotación, tan inocente, de hai vinte anos, na que relataba unha visita á Pisa de Froxán, cando entre o neboeiro escoitei o canto do brelo e as palabras proteícas de Uxío Novoneyra: «Manolo para remoer a pedra hai que facelo dende o fondo da fraga». Nesa angueira seguirei publicando mentres conserve ánimo e lecturas de interese que compartir. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas. Con todos os meus abrazos.