"Libro aberto" de madrugada

Coincidindo co inicio do curso, regresa á grella da TVG Libro aberto, o programa sobre libros e literatura dirixido por Luís Rei. Hoxe xirará arredor da entrevista que Manuel Romón manterá con Suso de Toro con motivo da aparición de Home sen nome. Mágoa que este primeiro programa da nova tempada se emita a partir das 01:40, o que constitúe un auténtico disparate e unha forma de facelo invisible. Semella que os responsables da nosa televisión pública esquecen axiña os seus compromisos de apoiar a visibilidade do libro e da promoción da lectura e volven as andadas arrumbando o seu programa literario (concibido para ser emitido a partir das 12:30) para que compita cos informativos de madrugada.
Libro aberto, un bo espazo, que foi gañando interese en cada novo programa e obtendo unha cota de pantalla máis que digna (faláronme de máis de 24.000 espectadores), merece outra ubicación no horario nocturno, que permita velo aos moitos que entramos a traballar ás oito da mañá ou a tantas outras persoas ás que lles gusta a literatura mais tamén deitarse un pouco máis cedo.
Somos xentes optimistas da vontade e seguimos crendo que outra TVG debería ser posible, aínda que con estas medidas claramente anticulturais (como a supresión do chamado “minuto do libro” ao remate dos informativos, un espazo gañado a pulso á anterior dirección), a verdade, é que o vemos cada vez máis díficil. A dirección da TVG debería retificar canto antes e ubicar Libro aberto no seu horario inicial.
Etiquetas: ,

CdC

Sobre o debate da redefinición de usos da Cidade da Cultura paréceme interesantísima a proposta de Nómada. Tecnoloxía, talento e tolerencia articulan unha reflexión moi documentada e chea de suxestións e propostas que cómpre estudar devagariño.
Etiquetas: CdC

A remuda de Senín

Comparto a opinión de Jaureguizar: a remuda de Xavier Senín é outra mala noticia para o sector do libro en Galicia. É inevitable a sensación de decepción, que compartimos moitos editores, bibliotecarios ou libreiros galegos, cando comprobamos como se prescinde dun técnico da súa enorme valía e experiencia, por riba nun momento decisivo para situar o fomento da lectura como eixo transversal das nosas políticas culturais.

Nestas case dúas décadas á fronte da Subdirección Xeral de Cultura, Xavier Senín, dende a súa difícil posición de técnico independente, fixo máis polo libro galego, especialmente polo libro infantil e xuvenil, ca ningunha outra persoa que eu coñeza. Exemplo ben significativo dese traballo feito con excelencia é a recentemente aprobada Lei do Libro e o Plan da Lectura nas que participou con moita coraxe. Xavier ben merece as nosas beizóns.

Etiquetas:

A Galicia desaparecida

Antonio Reigosa envíame as últimas actualizacións da súa Galicia encantada. Proponnos unha viaxe de verán por algunhas das vilas da Galicia desaparecida. Visitar virtualmente Alcaián, Gaifar, Ancos ou outras cidades mergulladas por dioivos ou maldicións paga a pena. Este sitio continúa sendo un dos máis interesantes da Galicia virtual. Insisto en recomendalo.

Etiquetas:

Unha lei para a lectura

No artigo da semana volvo insistir sobre a importancia da aprobación da Lei do Libro, aínda que sen esquecer que non vai ser o bálsamo de fierabrás de todos os problemas do sector. A afouta campaña da Federación de Libreiros Galegos (“A XUNTA DE GALICIA QUERE PECHAR ESTA LIBRARÍA“) amosa que, a pesar do interese desta lei para a lectura, o actual Goberno Galego carece dunha política global sobre o libro e a lectura que funcione como eixo transversal das súas políticas culturais e educativas.

Desbloqueouse a Lei do libro

Despois de moitos meses de espera, o Consello Consultivo entregou o seu ditame e o Goberno Galego aprobou o anteproxecto da Lei do Libro e da lectura, o primeiro texto lexislativo sobre política cultural do bipartito. Hoxe é un día de esperanza para o conxunto da nosa industria cultural, xa que este texto, elaborado con moito rigor polos compoñentes da Mesa polo Libro, tras un amplo consenso do sector con dúas admiistracións diferentes, debe permitir a modernización da edición galega (recoñecida como “sector estratéxico”) e colocar o fomento da lectura como eixo transversal do conxunto das políticas culturais e educativas.

Entre as moitas novidades que introduce o texto salientaría a creación de novos órganos de participación (“Consello Asesor do Libro”) e xestión (“Cámara do libro”, “Instituto Rosalía de Castro” de promoción da lingua, literatura e edición galegas), o papel central da biblioteca (primeira institución cultural de cada comunidade local), ou o reordenamento da edición institucional baixo os principios de austeridade, pertinencia administrativa e utilidade social. Con todo, a clave do éxito da lei está no seu compromiso de desenvolver un Plan de lectura (con financiamento suficiente, tanto público como privado, medios de xestión e avaliación) que promova unha auténtica revolución lectora no conxunto da sociedade galega. Tras a aprobación definitiva da lei e a posta en marcha do Plan da Lectura non haberá excusas para intentar reducir os indicadores deficitarios de lectura pública que tantas veces temos denunciado. A énfase na promoción da lectura en galego, vencellada ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (mágoa que, polo momento; non colla o pulo agardado), constitúe outros dos eixos máis esperanzadoras da lei.

O trámite parlamentario deberá enriquecer e puír un texto que, previsiblemente, será aprobado por unanimidade. Seguiremos con atención este proceso lexislativo, que coincide, tamén, co da Lei do libro do Ministerio de Cultura (contestada nalgúns aspectos, como o da autorización dos descontos para o libro de texto, por editores e libreiros).

Etiquetas: , ,

Con Isaac

Non podo comprender as razóns para intentar apartar a Isaac e a súa familia da dirección do grupo Sargadelos. Hoxe en Vigo Metropolitano aparece unha das poucas entrevistas con este grande mestre de editores sobre tan espiñenta cuestión. Nesta entrevista moi interesante, Isaac amosa a súa vontade de loitar para recuperar a dirección do proxecto empresarial e cultural que encabezou dende hai máis de corenta anos.
A Isaac téñolle enorme admiración. En decembro de 2004 tiven a honra de facer a laudatio do seu traballo, con motivo da homenaxe que lle tributou a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo. Permítome extractar o anaco daquel discurso no que facía referencia a súa actividade empresarial:

“… Creo que foi o contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e iniciar un comprometido proxecto de promotor dunha industria cultural en Galicia. Velaí o proxecto intelectual, empresarial e cultural (termos inseparables) do noso Gulliver Pardo: pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.
Desa complexa determinación intelectual saíron os proxectos empresariais aos que Isaac Díaz Pardo entregou a súa vida: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina (Isaac tamén foi emigrante), Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, e segue a ser, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseña a súa compañeira Minina ou nunha escultura da Alba de Gloria.
E nesas segue don Isaac. Traballando como responsable, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro (onde publica “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, a colección culturalmente máis relevante da edición galega actual); como membro de patronatos e fundacións múltiples; como articulista semanal tan aceirado e crítico como oportuno.
En todos estes eidos, en todas estas actividades, Isaac loita contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el é garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.
(…)
Isaac Díaz Pardo é pura memoria de ferro (roubándolle o termo ao libreiro Antón Patiño) forxando o futuro de Galicia. Isaac é o artista total a quen hoxe os vigueses queremos acoller neste xantar. E queremos facelo coa mesma xenerosidade, con idéntica fraternidade e elegancia coa que Isaac nos acolleu sempre na súa casa de San Marcos. Porque, por riba de todo, a súa é a cultura do abrazo, a máis profundamente humana.
Con todos os nosos abrazos.”

Nova directiva para a AGE

Hoxe eliximos unha nova xunta directiva da asociación de editores. Producíuse unha profunda renovación de persoas e unha continuidade do proxecto de profesionalización do gremio, iniciada polo equipo presidido por Fernán Vello. Ábrese, pois, unha etapa moi esperanzadora –encabezada por un dos editores máis veteranos e comprometidos co libro galego, Alfonso García Sanmartín– para a que agardamos os maiores éxitos.

Etiquetas: ,

Plano Nacional de Leitura

Vía Alcameh teño noticias do Plan Nacional de Leitura que se pon en marcha en Portugal. Semella que a consideración da lectura como eixo das políticas culturais públicas, con especial atención ás bibliotecas escolares, é un feito xa incuestionable. No caso portugués algunhas das liñas estratéxicas máis salientables (coincidentes en boa medida co plan galego) son os seguintes:

  • Alargar e diversificar as acções promotoras de leitura em contexto escolar, na família e em outros contextos sociais.
  • Contribuir para criar um ambiente social favorável à leitura.
  • Assegurar formação e instrumentos de apoio.
  • Criar e manter um sistema de informação e avaliação.

Este plan portugués a cinco anos propón o desenvolvemento de programas específicos en función de públicos: Ler é un desporto (13 a 18 anos), Un livro, un amigo da palavra (mozos universitarios sen hábitos de lectura), Leitura sem fronteiras (hospitais, cárceres, centros de maiores…). Así mesmo, establece programas específicos paras as bibliotecas públicas (Ler antes de ler, Já sei ler, A conquista do leitor) familias (Leitura á par), como escolas (Está na hora dos livros, Está na Hora da leitura), nas que se propón que se lle dedique unha hora diaria.

Un plan interesante que merece ser estudado con atención en Galicia, precisamente cando está a punto de aprobarse o noso.