Revive o Casco Vello

No artigo da semana en Faro de Vigo, a raíz da presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na JT Photogallery promovo un exercicio de autoestima sobre a rexeneración urbana que se leva desenvolvendo no Casco Vello vigués.

O serán do pasado venres presentouse «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», a biografía preparada por Ramón Nicolás para celebrar o centenario do autor de «Longa noite de pedra». Máis alá da importancia desta monumental biografía literaria, que dende o epistolario inédito do poeta e da consulta de milleiros de fontes documentais e orais desvela episodios pouco coñecidos ou polémicos, a novidade de acto foi celebralo no patio da JT Photogallery, inaugurada hai pouco na rúa Abeleira Menéndez. A galería fotográfica de Javier Teniente foi unha agradabilísima sorpresa para case o centenar de participantes –entre os que se atopaba o alcalde Abel Caballero, a deputada Carmela Silva, o cronista da cidade Lalo Vázquez Gil e numerosos escritores– que puidemos comprobar o excelente resultado da recuperación total de dous edificios, cuxos baixos alugados polo Consorcio do Casco Vello están dedicados a actividades culturais e comerciais cunha intención claramente dinamizadora. A rehabilitación moi respectuosa coa tradición do barrio permitíu recuperar para uso público senllos amplos patios, aos que os clientes de “JT Gallery” e “A Tenda do Avó” poden acceder directamente dende as escadas da rúa da Segunda República.

Esta actuación na parte alta do Casco Vello debería presentarse como un modelo a imitar nun proceso de rexeneración urbana que agardamos sexa irreversible. A rehabilitación de vivendas de protección autonómica na parte máis degradada do barrio, nas rúas da Ferraría e San Sebastián, promovida polo Consorcio do Casco Vello desde a súa creación en 2005, como a rehabilitación de edificacións por parte de particulares en todo o perímetro de actuación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco Vello de Vigo, aprobado en 2007, constitúen a cerna dunha estratexia urbana de rehabilitación integral paciente e teimosa dirixida a que o barrio histórico vigués volva ser habitado por familias que queren vivir en outeiro tan fermoso.

Unha estratexia humanizadora á que dende hai unha década contribúe de forma decisiva tamén a recuperación de edificios patrimoniais para ubicar neles servizos públicos e incrementar dese xeito as visitas ao barrio. O pazo da familia Pazos Figueroa e a Casa de Ceta ou Casa Arines, o pazo máis antigo da cidade, construído no século XV, ambas as dúas pezas na praza de Almeida, foron rehabilitadas xa hai máis dunha década para sede do Instituto Camoens. A casa de Pedro Román, coñecida como “edificio Ferro”, construída por Jenaro de la Fuente, na rúa Joaquín Yáñez, foi reconstruída para aloxar a Biblioteca Central de Vigo. O edificio Arte, na praza da Constitución, foi transformado en Centro de Saúde polo Sergas e a Zona Franca hai case unha década. O Pazo Arias Taboada, situado na rúa Abeleira Ménéndez, ao comezo da Ferraría, foi convertido no pasado mandato municipal polo concello en Pinacoteca Francisco Fernández del Riego. O Centro Galego de Fotografía, instalado na rúa Chao con fondos do Concello e do Ministerio de Cultura, aínda está sen inaugurar. O antigo centro parroquial, situado na rúa san Vicente, foi recuperado para Aula da UNED en Vigo. Como o grande caserón do edificio Cambón, ubicado tras da Colexiata, onde se ubicou a primeira reitoría da Universidade de Vigo, foi acondicionado pola consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente como centro de interpretación do Parque das Illas Atlánticas, tamén pendente da súa apertura… Recuperacións públicas ás que se deberían engadir os esforzos encomiables realizados polos emprendedores privados que ubicaron no barrio os seus comercios ou negocios de hostelaría.

O proxecto de rehabilitación integral do Casco Vello, no que están implicados tanto o concello de Vigo como a Xunta de Galicia, por medio da súa participación maioritaria no Consorcio do Casco Vello, debería aproveitar as oportunidades xeradas pola crise, incentivando o seu carácter residencial, comercial e cultural como cidade histórica. O Casco Vello é o espazo urbano da memoria viguesa, o celme sobre o que a nosa abella da ribeira xerou durante dous séculos todo os seus dinamismos. Como tal debería ser presentado ás persoas que nos visitan, especialmente aos cruceiristas que poden acceder con enorme facilidade até alí pola pasarela da Pedra. Mais como tal debería ser considerado tamén por todos os vigueses que deben atreverse a ruar sen medo ningún polas súas fermosísimas calellas. Esa é a intención de iniciativas como as «Rutas dramatizadas polo Casco Vello», organizadas os sábados pola asociación Vigovello e pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, coa intención de que os vigueses coñezan de forma divertida a historia da cidade. Por fin, o Casco Vello revive, celebrémolo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *