Artigos

Onte 1073: Celso na memoria

celsogrande1No trixésimo quinto cabodano de Celso Emilio Ferreiro procuro de novo o relato das súas derradeiras horas nas páxinas dos seus biógrafos. Coinciden tanto Nicolás como Porteiro e Perozo que foi un pasamento repentino. Aquel xoves, caloroso en Vigo, xantara co cantor Suso Vaamonde, e co seu irmán Luís, que lle agasallara un exemplar de Limiar, o seu álbum no que incluira o poema homónimo de Ferreiro. A primeira hora da tardiña tomara café no Cosmos, a cafetaría da rúa Marqués de Valladares, co pintor Abreu e co xornalista Xosé Antonio Perozo, que pouco despois o acompañaron a súa casa da avenida de Castrelos. No serán, Celso sentiuse mal, sentindo unha grande opresión no peito, polo que decidiu deitarse un rato antes de cear con toda a familia para celebrar a noticia do próximo casamento do seu fillo Xosé María. Celso confesáralle a Moraima que «hoxe non teño acougo». Antes da medianoite chamou polos seus, mais caeu fulminado diante deles. O médico cando chegou só puido certificar o falecemento por «hemorraxia cerebral». Días antes, segundo relata Ramón Nicolás, Celso agasallara a Moraima dous poemas manuscritos, «A noite» e «Abril 72», que ela levaba no bolso e nos que agora identificamos a morte presentida e a derradeira e apaixonada declaración do poeta amante:

«Todo navegante ten un tempo
no reloxio das horas implacables
que marcarán o tempo do naufraxio.
Alerta, capitán:
Por sotavento achégase o trebón.»

Trinta e cinco anos despois, Celso Emilio Ferreiro continúa «enversado» (como a el lle prestaba dicir) en milleiros de lectores e lectoras de diversas xeracións, cantado en ducias de linguas ao son dos ritmos máis diversos. Celso Emilio Ferrreiro, poeta do pobo, sempre na memoria de noso!

Onte 691: Gran presentación de Mercedes Queixas

Na segunda xornada da Feira do Libro da Coruña, encantoume a presentación que Mercedes Queixas fixo da biografía de Celso Emilio Ferreiro que escribiu Ramón Nicolás. Unha lectura e relectura interesantísima, que nos descubriu novidades neste libro multipremiado que levamos presentado xa en numerosas ocasións ao longo do último ano.

Comezou Queixas salientando que «no edificio do sistema literario galego, onde xa podemos falar dunha certa normalización, o cuarto dedicado ás biografías medra máis lentamente.» «Un xénero de investigación ao que me sinto vinculada e polo que cómpre apostar, xa que é indispensable para a construción literaria e para a construción do propio país.» Definiu Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «unha obra de gran envergadura e grande intensidade que amplifica a figura humana, literaria e política de Celso Emilio.» «Esta é a crónica dunha vitoria gañada aos silencios que de maneira intermitente semella ter acompañado a CEF. Un mundo de sombras onde se ten iluminado e onde se lle ten colocado no seu xusto lugar.»

Salientou Mercedes Queixas o paralelismo existente entre o Celso Emilio Ferreiro biógrafo de Curros Enríquez e o de Ramón Nicolás como biógrafo do poeta de Celanova. Lembrou o concepto que Celso Emilio manexou cando fixo a súa biografía de Curros, que se repite agora na de Ramón Nicolás: «un relato vivo, para nada unha cronoloxía plúmbea.» Identificou tamén paralelismo sobre as fontes utilizadas por ambos os dous biógrafos: «testemuñas de coetáneos do poeta, cartas, revistas e xornais, algunhas notas biográficas inéditas e, sobre todo, a colaboración do fillo do poeta.» Para Queixas o traballo de Ramón Nicolás, utilizando estas fontes, permitiu aquelar «unha obra magna, tanto pola extensión coma polo contido, sometendo a unha revisión global a figura de Celso Emilio por dúas vías, a das relacións epistolares, nun volume que ten unha enorme documentación, así como das múltiples conversas con persoas moi diversas que conviviron ou mantiveron relación amical con CEF. Así foi posible desvelar sombras e silencios. Celso Emilio Ferreiro é outro tras a lectura desta biografía. Unha persoa grande do seu tempo. Un referente en vida, mais tamén buscado por xente moza. Un libro que axuda a coñecer os círculos concéntricos que tivo a seu arredor, dende figuras como Otero, Del Riego, Piñeiro…, conformando así unha grande galería.» Rematou Mercedes Queixas parabenizando ao autor tamén polo feito de ter «inserido nun relato de corte ensaístico fermosísimas narracións», o que para ela constitúe «outro mérito máis da biografía», xa que «acrecenta a dimensión humana de CEF.»

Onte 531: Biografía de referencia

Na presentación en Couceiro, a crítica Chus Nogueira cualificou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «un libro excepcional, a biografía de referencia sobre Celso Emilio Ferreiro». Para Nogueira no libro de Ramón Nicolás «sorprenden a magnitude, a amplitude e rigor dun traballo que o converten nun libro de referencia». “Que hai de extraordinario nesta biografía?” preguntouse Nogueira. «Paixón, honestidade, elegancia e delicadeza para abordar cuestións biográficas, vontade de estilo e unha estrutura coral, polifónica na que tanto podemos ler a voz do investigador, do propio Celso, as voces autorizadas convocadas e a voz dun narrador que se vai interpolando e que nos achega ao que poderiamos considerar como “unha biografía novelada” moi atractiva». Concluíu Nogueira salientando que eran estes «textos moi fermosos que levan a un man a man entre o biógrafo e o biografado, entre o investigador e o narrador, reforzando a inmersión no universo Celso Emilio, harmonizando dúas técnicas do relato biográfico aparentemente enfrontadas». Foi a de Chus Nogueira unha presentación magnífica, modélica pola súa claridade didáctica e profundidade crítica!

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez

Revive o Casco Vello

No artigo da semana en Faro de Vigo, a raíz da presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na JT Photogallery promovo un exercicio de autoestima sobre a rexeneración urbana que se leva desenvolvendo no Casco Vello vigués.

O serán do pasado venres presentouse «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», a biografía preparada por Ramón Nicolás para celebrar o centenario do autor de «Longa noite de pedra». Máis alá da importancia desta monumental biografía literaria, que dende o epistolario inédito do poeta e da consulta de milleiros de fontes documentais e orais desvela episodios pouco coñecidos ou polémicos, a novidade de acto foi celebralo no patio da JT Photogallery, inaugurada hai pouco na rúa Abeleira Menéndez. A galería fotográfica de Javier Teniente foi unha agradabilísima sorpresa para case o centenar de participantes –entre os que se atopaba o alcalde Abel Caballero, a deputada Carmela Silva, o cronista da cidade Lalo Vázquez Gil e numerosos escritores– que puidemos comprobar o excelente resultado da recuperación total de dous edificios, cuxos baixos alugados polo Consorcio do Casco Vello están dedicados a actividades culturais e comerciais cunha intención claramente dinamizadora. A rehabilitación moi respectuosa coa tradición do barrio permitíu recuperar para uso público senllos amplos patios, aos que os clientes de “JT Gallery” e “A Tenda do Avó” poden acceder directamente dende as escadas da rúa da Segunda República.

Esta actuación na parte alta do Casco Vello debería presentarse como un modelo a imitar nun proceso de rexeneración urbana que agardamos sexa irreversible. A rehabilitación de vivendas de protección autonómica na parte máis degradada do barrio, nas rúas da Ferraría e San Sebastián, promovida polo Consorcio do Casco Vello desde a súa creación en 2005, como a rehabilitación de edificacións por parte de particulares en todo o perímetro de actuación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco Vello de Vigo, aprobado en 2007, constitúen a cerna dunha estratexia urbana de rehabilitación integral paciente e teimosa dirixida a que o barrio histórico vigués volva ser habitado por familias que queren vivir en outeiro tan fermoso.

Unha estratexia humanizadora á que dende hai unha década contribúe de forma decisiva tamén a recuperación de edificios patrimoniais para ubicar neles servizos públicos e incrementar dese xeito as visitas ao barrio. O pazo da familia Pazos Figueroa e a Casa de Ceta ou Casa Arines, o pazo máis antigo da cidade, construído no século XV, ambas as dúas pezas na praza de Almeida, foron rehabilitadas xa hai máis dunha década para sede do Instituto Camoens. A casa de Pedro Román, coñecida como “edificio Ferro”, construída por Jenaro de la Fuente, na rúa Joaquín Yáñez, foi reconstruída para aloxar a Biblioteca Central de Vigo. O edificio Arte, na praza da Constitución, foi transformado en Centro de Saúde polo Sergas e a Zona Franca hai case unha década. O Pazo Arias Taboada, situado na rúa Abeleira Ménéndez, ao comezo da Ferraría, foi convertido no pasado mandato municipal polo concello en Pinacoteca Francisco Fernández del Riego. O Centro Galego de Fotografía, instalado na rúa Chao con fondos do Concello e do Ministerio de Cultura, aínda está sen inaugurar. O antigo centro parroquial, situado na rúa san Vicente, foi recuperado para Aula da UNED en Vigo. Como o grande caserón do edificio Cambón, ubicado tras da Colexiata, onde se ubicou a primeira reitoría da Universidade de Vigo, foi acondicionado pola consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente como centro de interpretación do Parque das Illas Atlánticas, tamén pendente da súa apertura… Recuperacións públicas ás que se deberían engadir os esforzos encomiables realizados polos emprendedores privados que ubicaron no barrio os seus comercios ou negocios de hostelaría.

O proxecto de rehabilitación integral do Casco Vello, no que están implicados tanto o concello de Vigo como a Xunta de Galicia, por medio da súa participación maioritaria no Consorcio do Casco Vello, debería aproveitar as oportunidades xeradas pola crise, incentivando o seu carácter residencial, comercial e cultural como cidade histórica. O Casco Vello é o espazo urbano da memoria viguesa, o celme sobre o que a nosa abella da ribeira xerou durante dous séculos todo os seus dinamismos. Como tal debería ser presentado ás persoas que nos visitan, especialmente aos cruceiristas que poden acceder con enorme facilidade até alí pola pasarela da Pedra. Mais como tal debería ser considerado tamén por todos os vigueses que deben atreverse a ruar sen medo ningún polas súas fermosísimas calellas. Esa é a intención de iniciativas como as «Rutas dramatizadas polo Casco Vello», organizadas os sábados pola asociación Vigovello e pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, coa intención de que os vigueses coñezan de forma divertida a historia da cidade. Por fin, o Casco Vello revive, celebrémolo.

Onte 349:«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Case coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.

«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», o booktrailer

Parabéns a Ramón Nicolás e Iago Nicolás polo excelente booktrailer de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.