Onte 102: Vitaminas para o galego

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio volver contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, sobre todo en contextos urbanos. Galicia precisa información de proximidade en galego. Ese é o obxectivo da campaña Vitaminas para o galego promovida por dez medios de comunicación en lingua galega, a maior parte deles dixitais, Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Quepasanacosta, Val Miñor Info, Certo, OSil.info e Crónica 3. Vitaminas para o galego pretende visibilizar estes medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal, ademais de procurar vías de financiamento para a súa viabilidade e para o traballo digno dos seus profesionais. Unha iniciativa que merece ser apoiada.

Onte 99: Acción Urbano

Esta iniciativa para homenaxear ao pintor Urbano Lugrís, promovida ao tempo en Vigo e na Coruña, é unha desas inxeccións de esperanza que tanto precisamos para combater o conformismo e a inercia na cultura de noso. Gosto moito do proxecto polo seu carácter transversal, pola súa intención explícita de romper con xéneros e fronteiras localistas de tres pesetas. Nos seus cadros Lugrís demostrou que Vigo e A Coruña (Xouba City  e Percalinópolys, na terminoloxía lugrisiana) son a mesma cidade, vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo euforizante do pedramol mesturado coa maruxía da galerna. As miñas beizóns ao colectivo A Nave das Ideas por propoñernos esta navegación compartida polo Océano Lugrís. O sábado estaremos ás 11 da mañá no Marco para camiñar con eles na procura do horizonte atlántico.

Mención á parte merece á iniciativa de crear un Día das Artes Galegas, moi a ter en conta.

Onte 88: As conversas de Culturgal

O soño de Culturgal é un proxecto consolidado. Na derradeira xornada o público familiar volveu encher as instalacións do Pazo da Cultura pontevedrés confirmando a tendencia exitosa de xornadas anteriores. Especialmente seguidas polo público foron as conversas de Salón, un modelo atractivo e alternativo ás presentacións convencionais de libros e discos. A este interese non foi alleo a intervención do equipo de xornalistas culturais que conversaron cos autores e autoras. Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga, Belén López e Teresa Cuíñas amosaron o alto nivel do xornalismo cultural que se está facendo no país. Hoxe merecen o noso maior recoñecemento.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.

Onte 69: NGB e a obra social

A noticia non está no titular, aparece agochadiña no antederradeiro parágrafo: “Novacaixagalicia compra accións de Nova Galicia Banco cos fondos destinados para a Obra Social”. Deste xeito cumpriríase o desexo de Feijóo de aumentar a raquítica participación de NCG no novo banco, mais a custa de detraer unha cantidade, non precisada na información, deses 96 millóns de euros anuais reservados por NCG para o funcionamento entre 2012-2014 da súa obra social e cultural. En definitiva, o que popularmente se coñece por espir un santo para vestir outro. Semella que en compensación (eis o derradeiro parágrafo), NGB -por certo, un nome comercial moi parecido ao de ING- comprométese a mercarlle á NCG a súa importante colección de pintura galega (5.500 pezas, algunhas moi valiosas, como o famoso bebedor do ourensán Antonio de  Puga), unha solución de última hora para que a caixa vaia tirando como ben poida da súa obra social. Unha medida dubidosa que suscita moitos interrogantes. Coñécese a valoración desta compra e os seus criterios de taxación? Esta asegurado que os cadros non van saír do país?  Non debería intervir coa maior urxencia a Consellaría de Cultura para fiscalizar a operación, ao tratarse de pezas do patrimonio galego? Non é descartable que esteamos diante doutra posible desfeita. Isto da caixa semella que non ten bo arranxo, vaia por deus!

Man de Camelle

Agradecémoslle a Orestes Pérez que compartise este interesantísimo documento sobre Man de Camelle, coincidindo case co aniversario do seu pasamento. Boa parte destas imaxes foron gravadas en 1986. A partir do minuto 7:30 incursiona no mundo do alemán de Camelle.

Onte 66: Magar

Non faltamos á cea benéfica organizada pola Fundación Magar que promove a investigación para a cura da acondroplasia. Unha oportunidade para apoiar o traballo solidiario e xeneroso do veterano fotógrafo, que traballou en Faro de Vigo dende os anos nos que o dirixía Álvaro Cunqueiro. Tras compartir con Manolo Magar a edición de tres libros antolóxicos, queremos e admiramos a un humilde fotógrafo de prensa capaz de tomarlle o latexo coma ningún outro ao Vigo dos últimos cincuenta anos, unha cidade revolcada e moi complexa. Un labor extraordinario, aínda non suficientemente recoñecido, que non se pode perder de maneira ningunha e que debería formar parte do patrimonio documental de Galicia. O arquivo de Magar, como o de Bene, o de Cameselle, como o de Llanos (hoxe no Museo de Ribadavia), como o de Pacheco (propiedade do concello de Vigo), como o dos fotógrafos afeccionados vigueses máis destacados (Ricardo Terré ou Raineiro Fernández), como os das Vigovisións das fotobienais deberían formar parte dun grande e moderno Centro Fotográfico de Galicia, tamén arquivo da memoria viguesa do século XX. Un soño posible a considerar dentro da necesaria reconversión da rede museística viguesa.

Días de Samaín

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a orixe destes días de Samaín.

Vivimos días de santos e defuntos, días consagrados á memoria dos mortos queridos. Tempo de castañas e magostos outonizos, ás portas do san Martiño, que anuncia a chegada dos rigores do inverno. Mais tamén, no eido festivo, estes son días de Samaín, a festa das caveiras de orixe céltica, con forte presenza na tradición rural galega, esmorecida entre nós durante décadas e que amodiño se recupera en Galicia, sobre todo no ámbito escolar e nalgúns concellos, competindo co Halloween estadounidense capaz de mobilizar co seu formidable tinglado comercial de disfraces e trapalladas made in China a mocidade urbana de medio mundo. Porén, é indubidable que a festa do Halloween desta noite, desenvolveuse a partir do universo dos mitos daquel Samaín celta.

Ben sabemos que os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (á altura do primeiro de novembro, na que celebraban a última colleita antes do inverno e o inicio do ano) e o verán co Beltane (sobre primeiros de maio, anunciando a chegada dos primeiros calores). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de tránsito estacional a tea entre os mundos da vida e da morte era máis fina (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Os celtas pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía a cerna dos misterios do ser humano (“aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma”), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.

Sobre estas crenzas míticas do paseo das almas de aquí para acolá é doado identificar como foron tecéndose os elementos rituais da festa de Halloween: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha candea no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non fomos totalmente alleos.

O profesor Rafael López Loureiro –autor de “Samaín, a festa das caliveiras” (Ir Indo, 2001) e o grande animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira dende hai vinte e dous anos, capaz de contaxiar o seu entusiasmo a toda Galicia– xa demostrou o carácter galego desta festa que, asociada aos días de santos e defuntos e á celebración do magosto, existía por todo o noso país ata hai menos de corenta anos. Unha recuperación sorprendente, a desta festa de Samaín, que se está reiventando como unha tradición contemporánea de grande pulo. O tallado de cabazas, os concursos de maquillaxe, a colocación de caveiras en lugares senlleiros, os pasarrúas de fantasmas e ánimas (en Lugo camiñando pola propia muralla), as merendas e chocolatadas de outono, os magostos populares, a preparación de doces de cabelo de anxo ou chulas e budíns de cabaza, os contacontos de medo, os concertos de música para picariños, as noites de calacús, son algunhas das actividades que hoxe e mañá, días de Samaín se realizan pola Galicia enteira.

A reinvención desta tradición, promovida primeiro dende os centros escolares de primaria e secundaria, despois difundida por moitas asociacións culturais e veciñais e, agora, asumida por algúns concellos dentro do seu programa cultural, demostrouse que foi unha estratexia moi exitosa para defender un patrimonio de cultura inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Como sucede en México co “Día de mortos” e os seus altarciños populares, o Samaín é a nosa festa de seu  para dende o ámbito dos mitos celebrar a chegada do inverno. Abandonemos os vampiros homoxeneizadores do Halloween estadounidense e festexemos a fadas, trasnos e o resto dos nosos seres míticos (que temos un riquísimo patrimonio neste eido). Exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras, preparemos doces gorentosos e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, sequera por un día, cabaleiro do Outromundo!