A exclusión do Mundial 30

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exclusión de Balaídos como sede do Mundial de Fútbol 2030:

O feito de que o estadio de Balaídos non apareza como unhas das once sedes do Mundial 30 na lista da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) non é unha derrota para a cidade de Vigo nin para a súa reputación, aínda que sexa un fracaso para o goberno municipal que presentou a candidatura. Unha decisión federativa opaca da que se descoñecen os criterios utilizados e as puntuacións obtidas na avaliación da proposta viguesa, como a do estadio de Riazor, que competían pola única praza adxudicada a Galicia pola RFEF. Unha exclusión do Mundial que ten que ver, probablemente, máis coa estratexia política utilizada na defensa da candidatura viguesa ca en razóns deportivas, na medida que fiaba as súas posibilidades no contacto directo e no apoio do Consello Superior de Deportes (CDS), organismo gobernamental que ten baixo tutela á RFEF, desprezando a influencia que puidese ofrecer a instancia da Federación Galega de Fútbol (FGF), presidida por Rafael Louzán, ex-presidente da Deputación Pontevedra e do Partido Popular de Pontevedra, durante un período no que mantivo a Vigo a ración de pan e auga. Estratexia inversa á utilizada pola candidatura municipal coruñesa que puxo todos os ovos na cesta de Louzán, a pesar de que precisaba máis obras no estadio, o que obriga a maiores cargas para as arcas públicas.

Esta exclusión da sede viguesa non merece ser chorada, cando debería constituír unha oportunidade para que Vigo conte canto antes cun estadio municipal moderno co aforo e as condicións que precisa o Real Club Celta de Vigo S.A.D., abandonando os custosos cantos de serea a que obrigaba o proxecto do Mundial, concibido apenas para responder os requirimentos voraces da FIFA para xogar tres partidos en 2030. Unha negativa que debe ser transformada nun acicate orgulloso para que a obra prevista para a grada de Gol, cofinanciada polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, se execute no prazo e condicións previstas, como tamén a das obras das pistas municipais de atletismo anexas, sen esquecer as melloras necesarias no interior da grada de Río, onde despois de máis de corenta anos urxe modernizar a súa actual accesibilidade e sistemas de seguridade. Vigo non precisa un estadio para 45.000 persoas nin pode engadir entre 60 e 75 millóns de euros aos que xa leva investido na obra de renovación do estadio iniciada en 2014, máis aínda, cando despois de Qatar 2022, a estratexia de construír grandes estadios para uns poucos partidos amosouse ruinosa para as súas cidades no económico e insostible no ambiental.

Xaora, que Vigo non conte con sede mundialista non pode supoñer de maneira ningunha que se renuncien ás melloras nas infraestruturas contempladas no proxecto da candidatura, sobre todo as referidas ao reto de dispoñer de até 5.000 prazas de aparcamento próximas ao estadio nos días de partido e a contar cun aeroporto e cunhas conexións ferroviarias de primeiro nivel. Como en todo caso, esta exclusión do Mundial 30; como a negativa de Abanca, propietaria do Deportivo da Coruña S.A.D., de ceder sequera en usufruto o Teatro Cine Fraga ao concello; como o chasco da actual liña do AVE, que de facto apenas reduciu nuns minutos a conexión con Madrid; como a imposibilidade de gozar en Vigo dos beneficios do transporte metropolitano, coma no resto das rexións urbanas galegas, entre outras decepcións viguesas recentes, obriga a repensar como se veñen abordando en Vigo as cuestións estratéxicas e as relacións entre as administracións. E non habería que facer un pouco de autocrítica? A pesar da omnipresencia do alcalde en todo tipo de actos, os membros do goberno municipal socialista poderían pensar que quizais non todo se está facendo ben. Outrosí sucede cos responsables locais do PP de Vigo, a pesar da nova estratexia aparentemente conciliadora de Alfonso Rueda que esta semana anunciou «un antes e un despois para a cidade», que ignoran as reclamacións á Xunta de Galicia para que salde a importante débeda que mantén co Vigo metropolitano no que atinxe a mobilidade, vivenda, sanidade, educación, medio ambiente ou servizos sociais.

En resumo, non me parece lóxico que as administracións gastasen unha millonada nunhas obras de ampliación innecesarias no estadio de Balaídos, mentres a cidade e a cidadanía precisa outras actuacións preferentes, adiadas por ausencia de vontade política de quen é competente para asumilas, ou simplemente por continuar esa batalla interminable de reproches mutuos, que beneficia a ambas partes nas urnas. A pesar diso, cómpre que Vigo abandone calquera asomo de vitimismo e presente un proxecto estratéxico, amplo, potente e compartido, con vontade inequívoca de liderar a economía, a cultura e o proxecto político galego, a vacina máis eficaz para evitar decepcións como a da exclusión do Mundial.

Teatro cine Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do Teatro cine Fraga:

O anuncio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra de mercar case a partes iguais o cine-teatro Fraga por 9,3 millóns de euros para destinalo a usos socioculturais é aparentemente unha noticia excelente para a cidade de Vigo e a súa área metropolitana. Semella que despois de vinte e tres anos do peche das súas tres salas de proxección, como pasados trece anos da interrupción das obras de rehabilitación dirixidas polo arquitecto César Portela e avanzadas nas tres cuartas partes, poderá sacarse do abandono un edificio emblemático, que forma parte da memoria sentimental de varias xeracións da veciñanza viguesa. Porén, o anuncio dos presidentes Alfonso Rueda e Luís López, con clara intención de contribuír a incrementar o protagonismo do que en Vigo carece hoxe o Partido Popular de Galicia, abre tamén moitas dúbidas, xa que son varias as cuestións de calado que deben ser consideradas para a resolución satisfactoria do caso, tanto as que atinxen a súa transformación imprescindible nun centro cultural público e os usos aos que será destinados os seus diversos espazos, como as referidas á xestión e financiamento da programación das súas actividades e mantemento das súas instalacións.

Debate cidadán necesario no que tampouco poden quedar fóra as condicións e mesmo o importe de venda dun inmoble, que non o esquezamos, fora adquirido por Caixa Galicia en 2001 á familia Fraga polo equivalente a 7,5 millóns de euros e pasou nove anos despois a pertencer a Novacaixagalicia, entidade que sería rescatada en 2014 como Nova Galicia Banco por 9.052 millóns de euros  do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que tras ser poxada por Banesco en 1.003 millóns de euros, utilizará o nome comercial de Abanca e asumirá as súas propiedades, entre elas a do Fraga. Unha década máis tarde esta compra da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra do inmoble da rúa Uruguai ten como primeiro beneficiado a Abanca, mesmo a pesar de ser responsable do seu abandono e de ser incapaz de desenvolver un proxecto sostible, como recoñeceron os responsables da propia entidade financeira. Un traspaso ao ámbito público para o que existían outras alternativas sobre a mesa, que non comprometían máis cartos das administracións, como a dunha cesión ao concello de Vigo para facer do Fraga o gran teatro público do que carece a cidade metropolitana, vella reclamación das entidades veciñais e das artes e das letras viguesas.

Outro debate esencial no caso do Fraga é o referido ao plan de usos dos espazos recuperados polo proxecto de rehabilitación de César Portela, que debe manter a identidade do edificio proxectado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto e soñado polo empresario Isaac Fraga como a mellor e máis suntuosa pantalla de  Galicia, á altura das que vira nos Estados Unidos. Conservar os usos do Fraga como primeiro cine e teatro público de Vigo cae de caixón, mais obriga a desenvolver unha programación anual cinematográfica, musical e das artes escénicas de calidade á altura da instalación. Como obriga no proceso de rehabilitación pendente a instalar no auditorio de 1.200 localidades o maxestoso órgano de tubos do que falaba nestas páxinas hai pouco Alejo Amoedo ou dotar dos medios técnicos necesarios para a escena e para convertela tamén na sede das orquestras viguesas. Sen esquecer, que nunca debería de perder o seu carácter como sala cinematográfica permanente, o que sería factible creando a sede viguesa da Filmoteca de Galicia, entidade que forma parte do Centro Galego das Artes da Imaxe, instalada dende hai décadas na Coruña. Como nesta dimensión do Fraga como centro das artes audiovisuais, pagaría a pena recuperar o proxecto do Centro Galego de Fotografía, canto menos para crear unha moderna Fototeca, desde a que acceder e poñer en valor os fondos dos arquivos fotográficos e cinematográficos vigueses.

Con todo, a creación do Teatro cine Fraga, obriga a acordar entre as catro administracións públicas (Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno de España) un modelo corresponsable de financiamento e xestión, no que tamén se podería contar con recursos de patrocinios privados. Un modelo para o que se podería botar man da experiencia do Marco que, a pesar das súas dificultades, amosou a viabilidade dunha xestión cultural profesional, rigorosa, independente e avalada polos poderes públicos. Sen arriscarse a forxar ese gran acordo polo primeiro teatro público de Vigo do século XXI, un proxecto apoiado polo tecido cultural e asociativo vigués, todo o anterior pode quedar en auga de castañas. Xaora, a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer con aquel espírito modernizador e coas miras no futuro co que foi concibido hai setenta e cinco anos polo seu fundador Isaac Fraga.

Alameda dos libros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia da Alameda a onde esta semana regresa a Feira do Libro:

Entre as efemérides non celebradas desde Vigo esquecedizo está o sequiscentenario do primeiro proxecto da nova Alameda, o pioneiro xardín histórico da cidade. Apenas un bosquexo anónimo debuxado nunha folla da traza para o xardín occidental, datado en 1874, como os planos do enxeñeiro Julio Valdés e do agrimensor Carlos Coloret, reproducidos polo arquitecto José Antonio Martín Curty no seu libro referencial, Historia de la Alameda (1828-1978) (COAG 1994), que presentan as chaves do deseño realizado en 1882 polo arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero: a desaparición da primitiva aliñación de álamos entre a Porta da Gamboa e o Areal, prevista en 1828 e consolidada de forma parcial en 1830; e a separación formal en tres sectores (occidental, central e oriental) equivalentes aproximadamente ás tres mazás do proxecto do ensanche. Nova Alameda que o concello decidiu, en 1876, quedase rexistrada ao seu nome e reservada a uso público, atendendo as reclamacións da veciñanza,  o que que, segundo Xosé Manuel Souto González, provocou un conflito coa «Empresa de los Muelles y Terrenos del Puerto de Vigo», concesionaria do proxecto de recheo, sobre os límites da concesión, que se resolvería cun acordo en 1879. O que constituirá un acontecemento para a historia de Vigo, cidade que tivo a intelixencia de reservar para uso público de paseo e axardinamento tres mazás do seu ensanche, asemellándose ao que en 1857 fixera Manhattan co seu Central Park.

Pouco despois comezaría a plantación do novo arborado, incluída a causarina de 17 metros (hoxe no catálogo de árbores senlleiras de Galicia), á que logo se engadiría a araucaria excelsa, o teito actual do xardín, formando no centro da cidade un catálogo botánico de corenta especies. En 1883 finalizaría a colocación dunha reixa e zócalo de pedra (retirada corenta anos despois), prevista no proxecto de Domingo Sesmero, e o templo da música, onde na noite de San Xoán daquel mesmo ano a Banda de Música Municipal de Vigo deu o seu primeiro concerto de tres horas de duración. Cincuenta anos despois realizouse o recheo do sector central, o que supuxo a destrución dunha parte do arboredo, cando pasou a chamarse en 1935 Praza de Compostela. Como foron mudanzas importantes ás introducidas no axardinamento polo francés Luciano Turc Bert, que tamén interveu no deseño da xardinaría do monte do Castro, formando os parterres actuais e plantando case todos os castaños de indias (1941). Como afectaron ao xardín as medidas de priorizar a trama viaria recollidas no Proxecto de Urbanización da Praza de Compostela e rúas adxacentes do enxeñeiro Rafael Juanes (1941) e as do proxecto adicional de Antonio Cominges (1943), que deseñou os orixinais pavimentos xeométricos que combinaban seixo e lousa, un dos elementos máis característicos da Alameda, hoxe desaparecidos. Como mudanza de relevo supuxo a instalación da fonte luminosa proxectada polo arquitecto Bugallo Orozco (1955), a instancias do alcalde Tomás Pérez Llorente, tras a do conxunto monumental de José Luis Medina.

Alameda que nestes cento cincuenta anos foi escenario de acontecementos históricos, o punto onde finalizaban as comitivas carnavalescas, o espazo onde chantou as súas carpas o circo Feijoo (1935), o escenario onde se celebraban as misas de campaña organizadas por Falanxe no 36 ou a meta das carreiras do pavo cada nadal. Alameda que a pesar de todo isto mantivo o seu carácter de xardín público e espazo interxeracional de lecer e encontro para maiores, mozos e picariños, atmosfera de calma para traballadoras do centro, mais tamén primeira tarxeta de visita para cruceristas e turistas. Mágoa que este noso salón urbano, delimitado pola fermosa arquitectura das súas árbores non sempre fose coidado como precisaba e sufrise degradacións e desleixos antigos e outros por desgraza recentes, como o das barras do Cíes Market de Nadal ou a presenza da dinosebe interrompendo un dos paseos, que os responsables municipais deberían reconsiderar nun espazo para o que, por incomprensible que pareza, aínda non solicitaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

O anuncio da celebración dunha refundada Feira do Libro na Alameda, con máis expositoras e actividades literarias, constitúe unha noticia que merece ser celebrada pola sociedade lectora viguesa como por todo o sector do libro, xa que se recupera o espazo tradicional no que naceu a feira hai cincuenta anos da man do libreiro Lois Patiño Regueira. Unha noticia excelente ademais para a propia Alameda, que recupera un dos seus paseos laterais arborados para usos culturais, espazo amable de encontro de autores e autoras co seu lectorado, tamén de acougo e frescor, o que a esta altura do ano é unha beizón. Acudan a feira do libro, veñan á Alameda dos libros.

 

Beiramar da xente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de Beiramar da xente:

Non é a primeira nin será a última vez que nestas crónicas propoñamos a actitude do flâneur, inmortalizada por Charles Baudelaire n’ O spleen de París –hai excelente tradución galega de Xela Arias (Laiovento 2021)–, como unha das mellores formas de desvelar os segredos da cidade na que vivimos. Posición que para o filósofo Walter Benjamin inaugura a modernidade na consideración do fenómeno urbano, até entón identificado pola ocupación da praza pública, substituída pola experiencia do paseante que procura o efémero e as marcas do tempo ao longo das rúas, avenidas, bulevares ou peiraos que sofren o impacto do crecemento metropolitano e o desenvolvemento industrial, característicos da cidade moderna. Experiencia para o alemán semellante a da lectora que abre un libro disposta a engaiolarse ou a sorprenderse co relato que se lle ofrece en cada páxina; cidade convertida así en biblioteca onde en cada esquina flúe o misterio e na que en cada paseo pode indagarse nas capas do palimpsesto urbano, unha forma de compartir a memoria e o coñecemento da propia historia. Ollada coa que a veciñanza pode percorrer a súa cidade como exercicio de esculca e gozo activo, máis tamén cunha disposición crítica que vai máis alá do consumo de autofotos da visitante á caza das iconas urbanas para publicalas como reclamo de autopromoción nas súas redes sociais.

Xaora, hai un século que Benjamin alertaba que «saber orientarse na cidade non é moi difícil, mais perderse nela, coma alguén se perde nunha floresta, require instrución». Desa necesaria curiosidade do paseante, desa forma lenta de afrontar a vida  de quen se deixa levar polo engado do relato da súa cidade, desa pulsión de quen pretende coñecer o motivo de cada unha das capas presentes en edificios e fábricas próximos, o que chamamos palimpsesto urbano, agroma a utilidade para a veciñanza de mediacións en forma de itinerarios e paseos guiados que facilitan esa indagación sobre as marcas visibles ou trazos non visibles dunha cidade que é continuo presente. Unha mediación de afán didáctico que no caso da cidade nosa ven facendo dende hai tres décadas o Instituto de Estudios Vigueses, dende as súas máis de duascentas publicacións, dende as conferencias do seu Forum, auténtica enciclopedia aberta sobre a cidade ou sobre os paseos guiados pola ría, polos xardíns e edificacións históricas. Itinerarios que organizan outras iniciativas da sociedade civil, como a recente «Beiramar da xente», promovida por oito asociacións veciñais e culturais viguesas unidas pola defensa do patrimonio industrial da cidade.

Itinerarios seguidos por centos de persoas polo actual barrio da Industria, hai un século coñecido como areal de Coia, onde se instalou entón un auténtico distrito industrial vinculado a conserva, a pesca e a construción naval. Itinerarios arredor do complexo industrial emblemático deseñado por Jacobo Esténs, como a fábrica de La Artística (1919), dedicada á fabricación de latas de conserva, como os Talleres Alonarti (1921), de fabricación de máquinas para a anterior, dous dos maiores fitos da nosa arquitectura industrial, hoxe abandonados, agardando a súa conservación e usos públicos socio-comunitarios. Como é impresionante o itinerario polo polígono industrial da rúa Jacinto Benavente, desenvolvido dende 1952 cando se abriu a avenida Beiramar, onde se instalaron as primeiras industrias que aplicaron a tecnoloxía do frío e marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Edificacións, unhas xa desaparecidas, como as de Casa MAR, hoxe auditorio e hotel, outras abandonadas e arruinadas, como as de Pescanova, Pescapuerta ou Molagón, que agardan por novos usos. Sen esquecer o incerto futuro da conserveira Albo, valioso conxunto industrial de inspiración rexionalista, proxectado en 1929 polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, cuxa actividade foi trasladada á Plisan de Salvaterra (2022).

Mención á parte polas súas dimensións merece o itinerario arredor das edificacións de conservas Alfageme, un dos complexos do patrimonio industrial máis notables dos existentes en Galicia. Deseñado en 1929 polo arquitecto Manuel Gómez Román, os seus 13.000 metros cadrados entre a rúa Tomás Alonso e a avenida de Beiramar agardan a súa conservación integral e novos usos, entre os que o colectivo «Beiramar da xente» considera a posibilidade de convertelo nun recinto de eventos musicais e deportivos de formato medio, cun aforo entre o do IFEVI e o do auditorio Mar de Vigo. Proposta que merecería ser estudada, xa que no caso de ser viable sería alternativa á actuación anunciada na carballeira da Barroca, que pon en perigo o derradeiro bosque aluvial da parroquia de Navia. O Vigo industrial da Beiramar ben merece ser paseado coa actitude crítica do flâneur.

O estadio

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao estadio de Balaídos:

A foto da sinatura do convenio entre o Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra e Real Club Celta SAD para a construción da nova Grada de Gol asegura, se unha catástrofe non o impide, que a reforma de Balaídos rematará antes do inicio da tempada 2027/28, doce anos despois de que o 25 de xaneiro de 2015 fose colocada a primeira pedra das obras, tras o acordo entre Abel Caballero e Carlos Mouriño, entón presidente da SAD, e Rafael Louzán, daquela presidente da Deputación, para dotar a Vigo dun estadio do século XXI cun aforo para 31.100 persoas. Xa choveu dende entón e os 22 millóns de euros de orzamento inicial se triplicarán co remate das obras, como aos prazos (tamén optimistas) de finalización en 2017 se alongarán unha década. En todo caso, unha gran noticia para a cidade, que contará, a pesar dos atrancos sufridos polo proxecto do arquitecto Pedro de la Puente, cun estadio municipal á altura dos doutras cidades atlánticas. Como é nova para que celebren abonadas e seareiras celtistas que contarán cun estadio ao xeito británico, coas gradas máis achegadas a lameira, o que supón en terra de abelairas un novo «coliseo do Fragoso», vestido coas ondas dunha elegante cuberta celeste.

Beizóns que merece pola importancia do logro o alcalde Abel Caballero, que defendeu contra vento e marea a viabilidade do proxecto e o carácter municipal do estadio. Como parabéns son obrigados a Marián Mouriño, actual presidenta da SAD, que con afouteza e intelixencia trasacordou a estratexia arroutada do seu pai, representada cada partido na vergonzosa butaca baleira no palco, colaborando ela con lealdade en desatrancar o proxecto do concello de Vigo, o que arrastrou aos responsables actuais do Partido Popular de Galicia na provincia a que a Deputación presidida por Luis Pérez continuase facéndose cargo da metade da financiación do proxecto de Gol. Xaora, estamos diante dunha cuestión política relevante, cando no Vigo actual son escasos os acordos entre institucións gobernadas por diversas cores, o que abre unha xanela para desatoar a axenda doutros temas pendentes como o transporte e área metropolitana. Como o debate sobre o estadio foi en Vigo, pouco despois da fundación do Celta, en concreto en setembro de 1924, cando se comezou a buscar unha alternativa á «catedral de Coia», cuestión moi importante na preocupación cidadá.

E convén non esquecer que a historia do estadio celeste foi dende o seu inicio difícil. Nacido da iniciativa, dunha sociedade chamada «Stadium de Balaídos S.A.», presidida por Javier Fontán e constituída en 1926, o seu primeiro logro a acadar fora mercar por arredor de 50.000 pesetas os soares moi húmidos dunha campiña situada a carón do río Lagares, 35.000 metros cadrados, a maior parte da herdanza do Marqués de Alcedo, utilizada en 1911 como aeródromo que acolleu a colaxe e aterraxe do piloto francés Jules Vedrines.  A construción do estadio, deseñado polo arquitecto Jenaro de la Fuente para 22.000 persoas, reorganizou o entorno, desviou o río Lagares e supuxo a apertura da avenida de Balaídos que facilitaba o acceso ao campo desde a estrada de Vincios. Inaugurado o 30 de decembro de 1928, co Celta en primeira, en 1941, o concello pretende adquirilo para modernizalo, o que obrigou en 1945 a argallar unha complicada operación, cando a sociedade propietaria vendeullo ao Celta por 825.000 pesetas a cargo dunha hipoteca subscrita por vinte anos coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo, o que permitiu que o club cedese durante ese mesmo período o usufruto do estadio ao concello, que a cambio achegaría 70.000 pesetas anuais para subvencionar o préstamo e se faría cargo da reforma das gradas de Río, Marcador e Gol.

Unha vez liquidado o préstamo, Balaídos pasou a ser propiedade municipal e dende entón o concello asumiu as súas diversas reformas. En 1970 instalou a iluminación e en 1971 finalizou a construción de gradas e viseiras de formigón de Tribuna, Marcador e Gol, iniciadas en 1967, obra dirixida polo arquitecto Antón Román Conde. En 1982, inaugurou a nova grada de Río, coincidindo cos tres partidos da Copa Mundial de Fútbol, e en 2004, coa participación do Celta na liga de campións se fixeron obras de acondicionamento. Un estadio que despois de trinta anos quedara incómodo e perigoso e que precisaba refacerse case na súa totalidade. E como sucede co Celta, o estadio de Balaídos é máis que un campo de fútbol, é unha icona que identifica a Vigo no mundo, como tamén é un espazo de sociabilidade e educación emocional onde varias xeracións celestes, dende os picariños e adolescentes até os maiores, herdamos, gozamos, padecemos e compartimos a paixón do celtismo. Un estadio que pasa agora do entrañable «Vello Balaídos» dos 90 ao esperanzador novo «Coliseo cuadrangular do Fragoso» dos novos 20. É o noso estadio.

Un plan para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar un Pllann director de conservación do monte do Castro:

Coincidindo co centenario da aprobación por parte do Directorio Militar de Primo de Rivera da cesión do Monte do Castro ao pobo de Vigo, a cambio de que a cidade destinase unha finca para a construción dun cuartel, publicouse o libro Breve historia de O Castro de Vigo (Editorial Elvira 2024) de José Manuel Hidalgo Cuñarro, primeiro arqueólogo municipal e responsable das campañas de escavacións no entorno do Castro e da illa de Toralla durante a década de 1980. Tras aqueloutro libro de referencia do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación de Pontevedra 2011), a síntese histórica e divulgativa de Hidalgo pon de manifesto que este outeiro, que domina polo norte a ría e polo sur o val do Fragoso, foi protagonista e testemuña principal da historia nosa. Orixe e vixía viguesa, a historia do Castro correu paralela a da propia vila, dende aquel oppidum castrexo de tres mil habitantes de hai dous mil anos, pasando pola ermida da Nosa Señora do Castro (presente no plano de Leonardo Turriano de 1597) e a fortaleza defensiva do Castro (construída coincidindo coa das murallas en 1656), até converterse no século XX, despois de varias décadas de reclamacións no primeiro parque urbano, pulmón vexetal e espazo de lecer do Vigo vello e do seu ensanche, tesouro do noso patrimonio histórico.

Proceso iniciado o 18 de xuño de 1902 polo alcalde Prudencio Nandín que solicitou ao ministerio de Defensa unha fórmula para ceder o dominio do monte do Castro ao pobo de Vigo. O que pouco despois, o 25 de xullo, o levará a solicitar a Jenaro de la Fuente un proxecto para a urbanización do Castro que o arquitecto presentará o 30 de setembro de 1903 co título «Obras de embelecemento do Monte do Castro». Impulso que coincidiu coa construción dun grande depósito de auga no Castro, a 118 metros, proxectado polo enxeñeiro vigués Ramiro Pascual Lorenzo, que a partir de 1903 permitiu contar coa presión necesaria para abastecer a toda a cidade coa auga procedente dos mananciais da parroquia de Bembrive. Xaora, o proxecto de Nandín, a pesar de ser aprobado en 1908, quedou no caixón do silencio administrativo até que o 30 de abril de 1924 o recuperase o Directorio Militar.

Con todo, habería que agardar até marzo de 1927 para que o ministerio do Exército aceptase a proposta de concello de ceder a finca do Carmen no barrio das Travesas, coa condición de que estivesen urbanizadas as súas rúas inmediatas. Finalmente, rematada a urbanización acordada, da que quedou pendente a rede de sumidoiros, a cesión será asinada polo alcalde Manuel San Román o 12 de setembro de 1930. Mais tampouco aí rematou o conto, xa que tras a proclamación da República, ao non formalizarse a escritura da cesión, houbo que agardar ao 14 de abril de 1934, sendo alcalde Ángel Campos Varela, para asinar a cesión definitiva á cidade de Vigo dos terreos do Monte do Castro, coa excepción dos edificios militares, coa finalidade de destinarse ao establecemento de parques, xardíns e outras utilidades públicas. O Castro adquirirá, a partir de 1943, a configuración urbanística actual co «Proxecto de reforma interior e ensanche e extensión de Vigo» de Manuel Cominges. E será o 28 de marzo de 1964, sendo alcalde José Ramón Fontán, cando por fin a propiedade dos castelos de San Sebastián e O Castro pasen ao concello.

Na actualidade, tras a recuperación da punta do Diamante e a posibilidade de visita dalgunhas galerías da fortaleza, o futuro do parque do Castro continúa nunha situación incerta ao carecer dun plan director que contemple a recuperación dos tres recintos diferenciados da muralla e dos baluartes da fortaleza, mais tamén que amplíe as zonas de reserva arqueolóxica do actual xacemento como da procura do castelo do Penso e dos restos da ermida da Nosa Señora do Castro. Documento no que debería incluírse a prohibición da circulación e estacionamento de coches no perímetro do parque así como a retirada da cruz dos caídos e a recuperación dos edificios do depósito de auga. Accións enmarcadas dentro da  estratexia da súa transformación en espazo cultural, sobre todo no actual Paseo de Rosalía de Castro, onde podería artellarse un itinerario pola historia de Vigo, con especial atención aos monumentos inaugurados en 1967 dedicados aos Galeóns de Rande e ao poeta Martín Codax. Como tamén a merece o coidado do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o arranxo dos vieiros, carreiros, vereas ou sendas, que constitúen a única oportunidade que teñen milleiros de cidadáns para durante unhas horas camiñar por terra, gozando da súa fragrancia e do benestar que iso ocasiona. Un plan para o Castro ao non vai ser alleo o que poida suceder coa Panificadora nin coa casa do concello e o histórico Campo de Granada entradas ao Vigo vello.

Museo de Vigo na Panificadora

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a creación do Museo de Vigo na Panificadora:

Vigo precisa un museo de historia da cidade. Unha vella reclamación do Instituto de Estudios Vigueses e doutras entidades culturais que dende hai décadas reclaman a creación dun museo municipal que contribúa a conservación do patrimonio histórico e cultural vigués e a memoria dunha cidade portuaria bicentenaria. Un museo de Vigo para o que por ventura podería contarse cunha localización de privilexio dentro do proxecto de recuperación da Panificadora, catedral laica da cidade, situada no corazón do Vigo Vello, a carón do Campo de Granada e do paseo de Afonso, entre o Berbés e o monte do Castro, ambos os dous espazos de orixe da propia cidade. Unha oportunidade extraordinaria, probablemente única, que tras catro décadas de abandono podería transformar as arruinadas edificacións de panificación centenarias, deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi, nun moderno centro de interpretación dirixido tanto ao desfrute da veciñanza viguesa, con atención preferente a súa utilización educativa por escolares e persoas maiores, como a procurar a atención das visitantes, tanto as que fan noite en Vigo como aqueloutras que fan escala durante unhas horas na Estación Marítima.

Sei que hai quen pensa que ese Museo de Vigo xa existe en Castrelos, desde que o 12 de decembro de 1924 o Marqués de Alcedo cedeu ao concello de Vigo o pazo e parque da súa propiedade para «transformalo en museo de arte rexional». Mais quen teña visitado o Pazo Quiñones de León, aberto en 1935 e xestionado durante catro décadas por Ángel Ilarri Gimeno, comprende axiña o estado precario da extraordinaria colección da sala de Arqueoloxía, inaugurada en 1959 e ampliada a partir das escavacións do Castro de 1970, que precisa de máis espazo e dos recursos da moderna museoloxía dixital para presentar os seus fondos de Prehistoria, Cultura Castrexa e Romanización. Unha sala de arqueoloxía, celme do Vigo castrexo e romano, na que pezas tan senlleiras como o cipo púnico de Toralla ou as estelas e aras romanas da necrópole do Areal descubertas en 1953 non reciben o tratamento que merecen estas iconas viguesas. Como é moi cativo o departamento de historia do Museo de Castrelos, que non ofrece un relato cronolóxico completo da historia viguesa, mesmo de episodios tan destacados como as guerras con Portugal, a batalla de Rande ou da Reconquista, a pesar de conservar pezas emblemáticas como o sabre do Mariscal Soult ou a bandeira das alarmas do Fragoso.

Vigo precisa un museo histórico potente que entre as súas finalidades figure a de recuperar o patrimonio vigués espallado polo mundo en diversos museos. Unha lista de pezas, outras tantas iconas viguesas, onde non pode faltar o tímpano de pedra da igrexa gótica de Santa María de Vigo, hoxe no Museo de Pontevedra; a imaxe de Cristo Salvador da igrexa románica de Santiago de Vigo, hoxe no Museo Arqueolóxico de Madrid; o estandarte e a aguia napoleónica da fragata Atlas, hoxe no Museo Naval de Madrid; o pergameo Vindel coas cantigas musicadas de Martin Codax, hoxe na The Morgan Library de Nova York; o arquivo fotográfico Llanos, hoxe en Ribadavia, entre outras. Museo de Vigo que reunise a decena de grandes arquivos fotográficos vigueses, dende Pacheco a Magar, como o catálogo esencial do monumental Vigo granítico e dos seus arquitectos do século XX, con interese especial ao Patrimonio Arquitectónico Industrial e ao Vigo de vontade metropolitana deseñado polo tranvía (1914-1968). Museo de Vigo que debería ser centro de interpretación do oppidum do Castro e do mito fundacional da Reconquista. Museo de Vigo que é tamén o do seu porto e das súas actividades pesqueiras e industriais, tamén das súas liñas transoceánicas e de visitantes destacados, dende Verne a Einstein, tamén o da súa actividade editorial e o seu asociacionismo empresarial, sindical e social.

A proposta da instalación do Museo de Vigo na renovada Panificadora non obedece só a cuestións de oportunidade, como tamén do deseño ao seu arredor dunha rede de institucións e entidades municipais próximas vinculadas coa investigación e conservación do patrimonio: o Arquivo municipal na Casa do Concello, a Biblioteca Penzol na Casa Galega da Cultura, a Biblioteca Juan Compañel no Casco Vello baixo, o Instituto de Estudios Vigueses no Berbés, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego no Casco Vello alto, o Marco en Príncipe, a Casa das Artes en Policarpo Sanz… Un Museo de Vigo concibido como estratexia de acción cultural compartida e preferente no horizonte de 2050, que liderada polo concello debería implicar ao resto das administracións (Unión Europea, Zona Franca, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia) e ao tecido asociativo e á industria cultural viguesa. Toca remar a todos polo Museo de Vigo.

Radio Vigo EAJ 48

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a noventa aniversario de Radio Vigo:

O 24 de abril de 1934 comezaron as emisións de Radio Vigo EAJ 48, a primeira emisora radiofónica da cidade. Creada por Santiago Montenegro e Emilio Torrado Lima, tamén o primeiro locutor, desde un primitivo estudio do número 2 da rúa Abeleira Menéndez, entón un dos edificios de maior altura, emitía unha programación en probas, na que se mesturaban os contidos literarios cos musicais. Un proxecto de comunicación, promovido por dous lectores de Verne que compartían un espírito moderno e cosmopolita, procedente Montenegro dunha familia de armadores de Bouzas, e Torrado de veteranos comerciantes da rúa Príncipe e profesores de idiomas. Dous amigos emprendedores que quixeron que Vigo contase coa modernidade da radio local, que o ano anterior chegara a Galicia coa posta en marcha de EAJ 4 Radio Galicia en Santiago e coa de EAJ 40 Radio Pontevedra e poucos días antes, dende o 15 de marzo de 1934, coa de EAJ 41 Radio Coruña. Emisora viguesa que coas dificultades económicas provocadas pola Guerra Civil os creadores venderon o 1 de setembro de 1939 a Eugenio González de Haz, comerciante que até entón representaba a General Electric e vendía en Galicia os aparellos de Radio Corporation of America (RCA) fabricados en New Yersey.

O traslado en 1941 a Príncipe 53, onde no primeiro andar se instalaron as oficinas e estudio durante corenta anos, edificio no que se colocou unha antena traída de Barcelona, que logo se trasladaría ao depósito municipal de augas do Castro e máis tarde, en 1965, ao centro emisor do Meixueiro, supuxo a profesionalización da emisora que dende entón xestionou de forma admirable a familia González de Haz. Unha etapa de catro décadas, na que a emisora de Príncipe, onde se instalou un reloxo moi popular na cidade, a pesar das estreitezas impostas polo réxime, entrou na maior parte dos fogares vigueses, onde as grandes voces dos primeiros locutores, Esperanza Criado e Pepe Vázquez (transformado en Fuenteclara na emisión de «Carrusel Deportivo») se fixeron moi populares e queridas. Unha etapa fecunda, dende 1957 asociada á Cadena Ser, na que programas como «Inquietudes viguesas», «Disco dedicado» ou «Caravana fin de semana» ou as retransmisións dos partidos do Celta, contaban con gran acollida. Período no que se incorporou, entre outras, a voz amiga e elegante de Antonio Mínguez a programas como «Tertulia deportiva», «Las cuestiones de cada día» ou «Sin distancias», unha proeza radiofónica pioneira de reencontros de familias emigrantes, compartida con Radio Excelsior de Bos Aires. Como foron moi celebrados os espazos de cinco minutos de José Ramón Martínez, «El hincha Perico», sobre o Celta ou de Xosé María Álvarez Blázquez, «Mar de historias», sobre temas vigueses.

Coincidindo co inicio do período democrático e autonómico, Radio Vigo mudou as súas instalacións a Policarpo Sanz 36 e dende 2006 aos actuais de Areal 8, ao tempo que consolidou a súa programación e diversificou a súa presenza en televisión e internet nun esforzo constante de ofrecer compañía, entretemento de calidade e unha información de proximidade plural e de servizo público á veciñanza viguesa. Catro décadas con fitos destacados que forman parte da historia viguesa. Velaí a presenza do engado da radio en directo no espazo público, fosen as emisións de música en directo dende Nova Olimpia, pasando polos Marathones radiofónicos de até 50 horas ininterrompidas de Pepe Cadavedo e Beni García, até os actuais «Hoy por hoy». Eis o compromiso de RV cos intereses xerais en momentos decisivos, como os especiais das eleccións locais ou a cobertura en situacións críticas, como sucedeu en 2002 coa realizada polo equipo de informativos de Ana Guantes na catástrofe do Prestige ou dos incendios metropolitanos de outubro de 2017. Velaquí o apoio de RV ao deporte local, tanto profesional como afeccionado, como a promoción da emerxente música popular viguesa, promovendo iniciativas como as do «Maketon» xa na vixésima terceira edición.

90 anos de RV, outros tantos de historia da cidade, reunidos agora nun proxecto expositivo comisariado por Aser Álvarez, que se pode visitar na Casa Galega da Cultura. Unha mostra de formato multimedia novidoso, na que as fotografías, documentos e obxectos escollidos poden ser ampliados polo visitante con numerosos audios, doadamente accesibles dende o teléfono móbil por códigos QR. Un mosaico de imaxes e voces que funcionan como fontes de memoria de catro xeracións de oíntes vigueses, capaces no caso noso de desencadear lembranzas tan agarimosas como as da publicidade dos chocolates Noguerol inserida nos «xoves infantís» que seguiamos no transistor da bufarda de Pi e Margall. Gratitude a Radio Vigo por ofrecernos compartir angueira tan valiosa. Recomendo visitar a mostra que a celebra.

Distrito industrial

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar a política industrial en Vigo ao fío da publicación do libro Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla (Galaxia 2024) de Antón Baamonde:

A autorización definitiva do Goberno da conexión da factoría de Stellantis á rede de Moi Alta Tensión, prevista no horizonte de 2026, garante o investimento do grupo automobilístico nunha plataforma para a fabricación de vehículos eléctricos. Unha noticia agardada como auga de maio para asegurar a continuidade dunha empresa que transformou a economía viguesa e galega imprimíndolles novo celme industrial desde que en abril de 1958 Citroën Hispania (sociedade constituída o 2 de xullo de 1957) comezara a producir os primeiros vehículos Citroën 2CV (berlina) e 2CV AZU (furgoneta) nunha nave da Aduana na avenida de Montero Ríos. Unha decisión á que non foron alleos un conxunto de factores, entre eles, a existencia dun porto que facilitaba a saída dos vehículos (xa en 1958 embarcaron para Marrocos os primeiros coches fabricados en Vigo); a dispoñibilidade de enerxía eléctrica (o desenvolvemento hidroeléctrico do Miño por parte de Fenosa realízase dende 1955 a 1969); como na firme decisión política do réxime de desenvolver no porto de Vigo unha zona franca (creada xa o 20 de xuño de 1947) correspondente aos portos do Norte, tras as de Barcelona e Cádiz, e instalala unha década despois nos terreos de Balaídos, o que obrigou a expropiar milleiros de fincas no Val do Fragoso.

Arredor da planta de Citroën de Balaídos, inaugurada o 31 de agosto de 1959 con dúas naves e cen traballadores, desenvolveuse ao longo de seis décadas o Vigo industrial contemporáneo, que duplicou a poboación (Vigo contaba 150.000 habitantes en 1960) e provocou a ampliación acelerada da malla urbana (de forma caótica e desordenada) e das infraestruturas (sobre todo portuarias, que utilizaron o recheo da beiramar como espazo de crecemento), ao tempo que se converteu en signo de identidade colectiva de cidade portuaria do automóbil, tamén obreira, dinámica e cosmopolita. Foi Citroën (despois Grupo PSA, hoxe Stellantis) empresa tractora na rexión urbana viguesa, como Zara na coruñesa, que xunto ao sectores tradicionais portuarios con máis de cento cincuenta anos de historia da industria pesqueira e conserveira (a primeira fábrica de conservas hermética da ría de Víctor Curbera Puig comezou a funcionar en 1861 na praia de Arealonga) e do sector do metal e construción naval (iniciada en 1863 cando Antonio Sanjurjo Badía «Habilidades» fundou no Areal o taller de fundición La Industriosa) os que mantiveron cos seus ires e vires a actividade industrial como eixo da economía viguesa e como unha das hélices do ADN identitario da propia cidade.

Pasado industrial tradicional da cidade viguesa (como do propio país galego) que non pode ser desdeñado ou sacado fóra do foco, xa que estas empresas achegan facturación, emprego directo, capacidade exportadora e contribución ao PIB, ademais de que ao seu abeiro apareceron nas últimas décadas unha extraordinaria nube doutras de alto valor tecnolóxico, capitalizadas, internacionalizadas e orientadas á innovación dixital. Unha auténtica revolución silenciosa, un retorno da política industrial sobre o que conversan o pensador Antón Baamonde, autor d’ Unha nova Olanda (Galaxia 2021), e o empresario Daniel Hermosilla, CEO do Grupo Rodiñas, no libro Galicia, distrito industrial (Galaxia 2024), unha das obras máis interesantes e recomendables que se teñen publicado sobre o noso futuro económico. Unha cartografía industrial que no caso da área metropolitana viguesa identifica aquelas empresas que naceron e medraron dentro dos sectores da automoción e do mundo do mar, mais que despois souberon diversificarse noutros sectores como o aeronáutico, o enerxético, o loxístico, o do frío industrial, o do contract (equipamento integral), o da robótica, o das telecomunicacións, o alimentario ou o da biotecnoloxía e da farmacia.

Empresas pequenas e medianas de alto valor tecnolóxico e mercado global instaladas, a maior parte delas fóra dos límites do concello de Vigo, nos parques industriais de Nigrán, Mos e o Porriño, apoiadas nalgúns casos pola Zona Franca, pola Universidade de Vigo ou polos centros tecnolóxicos e hubs dixitais (CTAG, Gradiant e Inova), que para Hermosilla teñen a oportunidade de constituírse en distrito industrial, como unha rede que obriga a respirar unha atmosfera industrial, a contar cunha inequívoca vontade de colaboración, confianza e innovación compartida. Unha oportunidade para que Vigo fose unha nova Turín, na que sen abandonar o seu carácter de cidade do automóbil (eléctrico) fose capaz de diversificar a súa oferta industrial tanto nos eidos do metal como das industrias dos sectores de alto valor tecnolóxico engadido citadas. Se conta coas infraestruturas necesarias, responsabilidade das administracións, Vigo continuará como cidade industrial.

Masa verde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a política de arborado do concello de Vigo:

Un dos mellores artigos sobre as árbores en Vigo é «Morte na Rúa da Paz», unha das marabillas que baixo o epígrafe de «Conversas co vento» publicaba Chano Piñeiro, hai máis de trinta anos, nas páxinas de Faro de Vigo. Precedido dunha oración estremecedora («Hoxe o sangue tiña forma de serrín esparexido pola rúa da Paz, aquí en Vigo»), o director de Sempre Xonxa (1989) expresaba a súa indignación pola talla dunhas vellas árbores na rúa próxima a súa botica de Torrecedeira. Como era adoito na súa tribuna, Chano mantiña unha conversa, neste caso coas árbores caídas, preguntando sobre as razóns polas que foron cortadas e lamentando que o «Concelleiro das Árbores», pense que ás árbores hai que metelas nunha «reserva», xunto a outras «plantas raquíticas e árbores escuchimizadas», esquecendo que «os seres humanos podemos, sabemos e debemos convivir con elas». Conclúe decepcionado Piñeiro o seu blues, mesmo a pesar de que «o noso idioma é un dos poucos que tivo a suficiente sensibilidade para recoñecer a feminidade das árbores», asumindo que ninguén vai devolver todo o que achegaron marcando durante cincuenta anos de vida «a chegada da primavera ou facendo do outono unha alfombra» ou, simplemente, «animándonos a brillar con elas».

Dende que Chano publicou aquela conversa coas árbores caídas, seres vivos reducidos a serraduras e madeira polo motoserra, foron en Vigo frecuentes as cortas abusivas das árbores urbanas autorizadas polos diversos responsables de Parques e Xardíns. Tallas que nestas semanas afectaron a todas as castiñeiras de indias do treito da rúa Manuel Olivié comprendido entre o Castro e a Praza de España, o que provocou a desaparición dun precioso arco vexetal, que achegaba tanta sombra e frescura aos que baixo elas camiñabamos. Corta sen paliativos, anunciada polo concello «por motivos de seguridade», que modificará durante décadas a paisaxe no acceso peonil ao Castro, parque xa centenario onde nos últimos anos se realizaron tamén tallas importantes arredor da muralla. Como xustificada tamén por idénticos motivos, anúnciase a talla de acacias negras na ribada de Falperra, un espazo verde entre as rúas Camelias, Cachamuíña e Romil, así como nos taludes de Subida á Costa e Arquitecto Palacios, onde medraron grandes árbores.

Medidas que, como as podas radicais do arborado urbano, provocaron a alarma dos colectivos ecoloxistas e veciñais que denuncian a redución da masa verde da cidade, xa que estas árbores de gran porte son substituídas por outras de pequeno tamaño, cando non por arbustos ou arbores en macetas, o que provoca unha diminución da sombra e elimina a absorción de CO2 que realizan. Unha polémica moi acaída no marco da posta en marcha das estratexias de sostibilidade do concello, incluídas na axenda urbana 2030, á que tampouco é allea a consensuada Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, aprobada o pasado 27 febreiro polo Parlamento Europeo, que obriga a cada concello a garantir que non se produza unha perda de cuberta arbórea urbana. Controversia que a actual concellaría de Parques e Xardíns resolve apenas cun comunicado de prensa onde puntualiza que o goberno local desde 2007 plantou máis de 30.000 árbores, xustifica as tallas aducindo causas de seguridade cidadá, para rematar acusando aos colectivos denunciantes «que non están defendendo o medio ambiente, están facendo política pura e dura, están na política antivigo». Decepcionante achega do goberno municipal para un debate político que, como o da posta en marcha das áreas de baixas emisións, prevista  para 2025, forma parte da cerna da política urbana no contexto actual da emerxencia climática.

Fóra do emprego tan desafortunado dunha etiqueta excluínte para referirse a veciñanza que expresa a súa opinión con datos e razóns, o concelleiro vigués das Árbores, roubándolle a Chano Piñeiro o sintagma, como a contrata municipal que se ocupa do mantemento e coidado dos parques e xardíns, deben asumir que nesta cuestión do arborado urbano hai outra abordaxe posible que vai máis alá da talla e podas radicais ou da plantación de macetas. Por ventura, o núcleo urbano continúa protexido por unha extraordinaria e tupida coroa vexetal, un patrimonio ao coidado das entidades veciñais viguesas do periurbano. Como extraordinaria é a masa verde conservada nos parques de Castrelos, do Castro, da Guía, da Bouza, e do máis recente de Navia, da propia Alameda da praza de Compostela (máis que centenaria), que proporciona sombra (un dereito da veciñanza), elimina carbono e dá acubillo as aves e outra fauna. Nunha cidade que ten unha oliveira como insignia, dende hai cinco séculos, o coidado das árbores urbanas e do resto do seu patrimonio forestal debería constituír un punto de encontro da veciñanza e do goberno municipal.