Pioneira

Continuando co seu labor de facer visible o traballo das galegas nas letras, a Plataforma de crítica literaria A Sega homenaxeou a pasada semana a Aurora Marco, autora dunha amplísima obra de investigación que desvelou as historias de vida e deu voz a tantas precursoras e pioneiras que até agora permanecían silenciadas ou esquecidas. Homenaxe merecidísima á incansable catedrática compostelá de Didáctica da lingua e da literatura, xubilada xa como docente, coa que A Sega recoñece «ese traballo inxente de facer cantar as voces das pasadas en sinfonía estrondosa […] da nosa Señora das Letras 2023», unha das persoas imprescindibles da cultura e da historia de Galicia do noso tempo. Alumna de Gonzalo Anaya Santos e Ricardo Carvalho Calero,  compatibilizou o seu labor pioneiro como profesora de lingua e literatura na universidade de Santiago coa investigación centrada na historia das mulleres. Froito desta angueira publicou obras de referencia como Mulleres e educación en Galicia. Vidas de mestras (Ediciós do Castro 2002), Dicionario de Mulleres Galegas (ANT, 2007), Mulleres na Guerrilla Antifranquista (Laiovento, 2011) –na que se baseou o documental Silenciadas, dirixido por Pablo Ces, coproducido por ela e premiado co Mestre Mateo– e Elas (A xanela editorial, 2015), libro monumental no que ofrece biografías de 400 mulleres do país dende o século IV a 1975. Máis recentemente, na súa obra Irmandiñas (Laiovento, 2020), coincidindo co centenario das Irmandades Fala, recuperou o traballo das mulleres vinculadas co movemento irmandiño e a actividade galeguista. Obra esclarecedora sobre as dificultades e condicionantes que afrontaron mulleres como Elvira Bao Maceiras, María Miramontes, Olimpia Valencia, Emilia Docet ou María Luz Morales, mais tamén as integrantes case anónimas dos coros e cadros de declamación ou das diferentes iniciativas nas que estiveron presentes as galeguistas. Parabéns a admirada Aurora Marco por tan importante traballo e A Sega por recoñecelo.

Publicado en Nós diario: 23/08/2023

Vigo, porta do mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo, porta do mundo» de Ceferino de Blas:

Un dos alicientes de Príncipe estes días é a exposición «Vigo, porta do mundo» instalada por Faro de Vigo diante do Marco e preparada sobre os textos nos que traballaba Ceferino de Blas semanas antes do seu inesperado pasamento no pasado febreiro. Outra mostra moi singular de divulgación da historia viguesa do ex-director de Faro de Vigo e Cronista Oficial de Vigo a partir dos retratos de persoas moi diversas que visitaron a cidade de Vigo, boa parte delas como viaxeiras en escala portuaria, que conformarían un novo libro cuxa publicación estaba prevista coincidise co 170 aniversario de Faro de Vigo o vindeiro 3 de novembro. Un traballo importante do erudito de Vigo, tanto pola súa envergadura como diversidade, que amplía a bibliografía do autor dunha ducia de títulos, onde salienta Donde los periódicos son Faros (IEV, 2017), monumental historia do Faro de Vigo (1853-2015), ademais de dúas monografías posteriores: Emilia Pardo Bazan en el país de las rías (Deputación de Pontevedra, Faro de Vigo 2021) e Carmen Laforet sonrió en Rodeira (IEV, 2021).

«Vigo, porta do mundo» achega unha novidosa ollada de Ceferino de Blas sobre a historia de Vigo, inzada de curiosidades e sorpresas, documentada nas páxinas do decano, sobre todo tipo de visitantes, dende reis a presidentes da república, pasando por escritores, artistas, científicos ou viaxeiros, que gozaron da acollida dunha cidade aberta e que nalgúns casos, como o do escritor bretón Jules Verne, chegarían a incorporarse ao relato do Vigo contemporáneo.  Algo que non debe de estrañar xa que a acollida dos que chegaron dende o mar forma parte da identidade viguesa de seu, tanto polo testemuñado polos achados arqueolóxicos recentes, que amosan a existencia na ría de comercio marítimo de longa distancia dende hai mil douscentos anos antes de Cristo, como polo feito de formar parte da cerna do relato local, presente na primeira e referencial historia de Vigo, Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, súa ría y alrededores (Imprenta da Viúva de Compañel, 1840) de Nicolás Taboada Leal, na que ademais de identificar importantes achados romanos na zona do Areal, xa daba conta da poboación estranxeira residente, boa parte dela dedicada aos negocios.

Da exposición de Ceferino o primeiro que chama a atención e o seu amplo período cronolóxico abordado, dende a estancia de Afonso IX e as súas fillas nas illas Cíes en 1201, relatada por José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896, Imprenta y Litografía del Asilo de Ancianos), até as actividades do Club Faro de Vigo na fronteira da mudanza do século XX que trouxo a Vigo un elenco internacional de escritores e científicos, entre os que destacaron premios Nobel como José Saramago e Rigoberta Menchú. Como chama a atención a axilidade dos retratos, escritos con moita chispa, onde non falta a retranca á hora de escoller os acontecementos, como sucede coas dúas estadías viguesas do rei Afonso XII, nas que non tivo moita sorte, a primeira (1871) porque os vigueses se cansaron de esperalo, mentres se entretiña no castelo de Soutomaior; a segunda, catro anos despois, acompañado da raíña María Cristina, cun mellor recibimento mais que resultou tráxico, causando un morto, cando rebentou accidentalmente a corveta Tornado participante nun simulacro naval na súa honra. Destaca na exposición o protagonismo dalgunhas visitantes como Evita Perón (1947), primeira dama Arxentina; Josephine Baker (1929), cantante; Ruth Matilda Anderson (1924), fotógrafa ou Mata Hari (1916), bailarina e espía, con catro estadías en Vigo no mesmo ano.

Outro tanto sucede coas visitas a Vigo de figuras como Albert Einstein, a primeira en 1923, cando fixo escala procedente dunha xira asiática, e a segunda dous anos despois, da que deixou unha impresionante anotación no seu diario: «[Vigo] é unha baía rodeada de illas montañosas con fascinante poboación con forma de pintoresca azotea», para salientar despois «a riqueza de cores» e unha posta de sol «incomparable», na que podemos intuír un paseo pola cidade da oliveira. Como poderíamos seguir coas visitas de Guglielmo Marconi en 1928 e 1932, a bordo do seu iate Electra e a súa viaxe en coche polo Morrazo e visita a factoría de conservas Massó. Ou as horas viguesas da escala en 1936 do escritor Stefan Zweig camiño de Bos Aires fuxindo do terror nazi. Longa relación na que figuran tamén Federico García Lorca (1932) e a centena de participantes do III Congreso Internacional de Poesía que no mes de xullo de 1954 compartiron xira pola ría até as Illas Cíes conducida por José María Castroviejo como mestre de cerimonias… Recomendo que se deteñan un tempiño diante do Marco para gozar destas historias enagaiolantes do Vigo máis cosmopolita rescatadas do esquezo pola teimosía de Ceferino de Blas.

Vigo, cifra da Galicia moderna

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración en Vigo do 25 de xullo de 1930:

O 25 de xullo, declarado Día de Galicia na segunda asemblea nacionalista das Irmandades da Fala (Santiago de Compostela, novembro de 1919), e celebrado por vez primeira na Coruña en 1920, foi unha celebración perigosa para a Ditadura de Primo de Rivera (1923), que na súa teimosa loita contra o separatismo prohibiu os actos galeguistas e o izado da bandeira azul e branca en edificios destacados. Habería que agardar á caída do directorio militar primorriverista (febreiro 1930), para que o venres 25 de xullo de 1930 os galeguistas armados de afouteza e entusiasmo recuperasen a celebración pública da gran data galega e o fixeran con éxito en Vigo, a cidade moderna galega por excelencia. Un «Día Noso» que comezou co mitín galeguista celebrado pola mañá nun Teatro García Barbón con cheo absoluto e presidido por Ramón Cabanillas no que falaron Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz Andrade. Xornada de fraternidade galeguista continuada co xantar popular na finca da Barxa onde se reuniron até trescentas persoas, chegadas de toda Galicia (entre elas Ánxel Casal), e no que, entre outros oradores, Manuel Gómez Román, Álvaro de las Casas, Victoriano García Martí e Ramón Fernández Mato pronunciaron palabras memorables. Como concorridísima foi a sesión vespertina viguesa na Agrupación Artística presidida por Urbano R. Moledo e na que disertaron Núñez Búa, Otero Pedrayo,  Álvaro de Las Casas e o coro Feijoo cantou obras do seu repertorio galego.

25 de xullo de 1930 no que por vez primeira se izou a bandeira galega na varanda da casa do concello vigués e na que se interpretou música galega nos bares, cafés e paseos, nunha xornada para a historia na que «Vigo foi o centro espritoal de Galiza», como a seis columnas titulou o día despois o xornal vigués El Pueblo Gallego (EPG). Unha data significativa para o recoñecemento da hélice galeguista do ADN vigués, «adro do fervor galeguista» para o editorialista de EPG, no que «xentes de todas as follas da rosa dos ventos […] levantaron ben trabados na gran data galega os seus corazóns». Entusiasmo que ao editorialista levaba a preguntarse se non terían que rectificar o seu erro aqueles que crían que «Vigo tiña significación de espello das friaxes nórdicas e británicas», para subliñar a seguir que «Vigo é tan galego como outro pobo calquera da nosa terra, tan heroicamente galego como aqueles recunchos intactos onde non chegou inda a sorbente da meseta…» e rematar co inequívoco espírito vigués tan resolto: «Galiza en Vigo puxo onte ao aire o peito con aquel rexo espírito que desencadea os escravos, con aquel xeito decidido e resolto co que nas proas dos barcos parece adiviñarse as duras travesías que nos agardan».

Reivindicación do carácter netamente galego da cidade da oliveira que compartiron moitos dos oradores daquel 25 de xullo que despois de noventa e tres anos hoxe lembramos. Otero Pedrayo, aclamado durante varios minutos no García Barbón, fixo no seu discurso un canto a Vigo e ao seu espírito emprendedor, relatando os días de infancia nos que a visitou por vez primeira, lembrando «a música de ciceis labrando a pedra da futura gran cidade». Castelao exaltou en Vigo o sentido universalista do galeguismo e da arte galega. Paz Andrade celebrou a incorporación de Vigo ao movemento galeguista, considerando o xuntoiro vigués da Barxa como a trabe necesaria para a conquista das liberdades republicanas. Como Álvaro de las Casas aventurou na Barxa (nunha referencia importante, escasamente divulgada) que «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

O espírito galeguista de celebración do 25 de xullo de 1930 non se repetiría en Vigo até 1992 cando o goberno de coalición do PSdeG-PSOE cos nacionalistas de PSG-EG e BNG, presidido por Carlos G. Príncipe, convocou no xardín inglés do Pazo de Castrelos na tarde do 24 de xullo a lectura dun bando da alcaldía con motivo do Día Nacional de Galicia, denominación oficial dende que foi aprobada pola Xunta de Galicia en 1979. Un amplo xuntoiro veciñal, cultural, social e político, no que dende entón adoitaron participar con respecto institucional todos os grupos municipais vigueses, que permitía actualizar o discurso compartido por todos de Vigo como cifra da Galicia contemporánea, motor da Galicia futura, onde se inician os camiños de progreso e onde sempre agromou o mellor da cultura galega. Unha convocatoria institucional que por segundo ano consecutivo non se celebrará na data prevista, probablemente adiarase a setembro, o que rompe unha tradición que semellaba consolidada. Ben sería recuperar aquel espírito de Vigo como centro da Galicia moderna acuñado polos galeguistas hai case un século.

Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

Oliveira dos cen anos


Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao himno do Centenario do Celta de C. Tangana:

En apenas tres días «Oliveira Dos Cen Anos», o himno do Centenario do Celta superou o millón de reproducións en You Tube. Unha cifra elevadísima que enche de orgullo a todo un celtismo, curtido en cen anos de ledicias e padecementos diversos, mais que nunca perdeu o horizonte de pertencer a aquel club vigués potente, soñado no verán de 1923 polos seus fundadores como Manuel de Castro Handicap, Juan Baliño e José Bar, para representar a Galicia nas competicións de balompé. Un éxito indiscutible atribuíble ao talento e afouteza de Antón Álvarez Alfaro Pucho, tamén coñecido musicalmente como C. Tangana e El madrileño, o artista cento por cento celtista que asumiu todos os riscos creativos de ofrecer para o Centenario un tema distinto, anovador e con valor engadido, enraizado tanto na música tradicional galega coma na identidade deportiva do Celta de Vigo; en definitiva, crear un himno e un escudo que no futuro acompañasen á elástica celeste como símbolos da identidade do celtismo.

E abofé que C. Tangana conseguiu un resultado espectacular, sobre todo nunha peza audiovisual de beleza hipnótica, alicerzada sobre unha excelente suite musical e un emocionante texto poético. Expresións artísticas capaces todas as tres de resumir en apenas cinco minutos dúas palabras claves, Sempre Celta!, que expresan un sentimento compartido e defendido polos milleiros de celtistas espallados hoxe polo mundo, como aqueloutros que xa non están entre nós, uns e outros aos que Pucho dedica o vídeo. Texto, imaxe e música utilizadas para representar os compoñentes dunha gramática do fútbol celeste abrazada e recoñecida por cinco xeracións de seareiros, e por ventura cada vez de máis seareiras, do cadro resultante da fusión do Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna, despregada sobre as lameiras viguesas, primeiro no histórico templo de Coia, e dende o 30 de decembro de 1928 na catedral do Fragoso.

Acerta de cheo C. Tangana cando asumiu o encargo musical de Carlos Mouriño, tras unha retranqueira sobrada dirixida ao mundo do Twitter celeste, como se dunha investigación académica se tratase na que cómpre indagar e acudir ás fontes. Artista vencellado inequivocamente coa cultura popular, Antón mergullouse durante meses e de forma apaixonada no mundo da música tradicional galega acompañado por músicos excepcionais como Xosé Lois Romero, Xisco Feijoo e Quico Comesaña, co-autores do tema, por mestres da E-TRAD viguesa como Rodrigo Romaní, membros d´A Roda como Alfredo Dourado, ou de «Sime» Cantó Gavira de Keltoi!, tamén co-autor e unha das voces do himno, xunto as de Tropas de Breogán, a Coral Casablanca e as pandeireteiras As Lagharteiras. Con todos estes vimbios e co seu espírito de fusión Tangana ofrece unha proposta sinfónica coral na que destaca unha potente sonoridade popular, subliñada pola xenuína utilización do aturuxo. Un resultado musical que milleiros de voces poñerán a proba na súa próxima estrea en Balaídos, mais que en todo caso polo carácter da letra da canción como das tres partes da suite non é difícil prognosticar que será emocionante e moi compartida.

Como acerta tamén Tangana na escolla da localización das imaxes do vídeo no anfiteatro da ría, con comezo e remate nas illas de San Simón e San Antón e protagonismo da ponte de Rande como medula de brétemas que une e articula o espazo do Vigo metropolitano. Unha localización de beleza desbordada, subliñada polas imaxes aéreas e as vistas dende o alto de Trasmañó, con evidentes connotacións históricas (batalla e tesouro de Rande, lazareto, campo de concentración..), literarias (Jules Verne) e económicas (bateas e actividade pesqueira e portuaria). Espazos representativos do carácter do Celta como punto de encontro de todas as poboacións  e comunidades da Ría de Vigo, e por extensión de Vigo como cifra de todas as galicias posibles, feito que explica a presenza do celtismo en tantas outras comunidades galegas.

Con todo, o maior acerto da narrativa celeste de Tangana é o seu carácter inclusivo. Pucho sabe por experiencia familiar como oriúndo vigués que para ser celtista non é necesario ter nacido en Vigo, abonda con querer selo e asumir o risco do precario cociente entre ledicias e padecementos que isto supón, mais sabendo que dende entón cada semana non se pode vivir sen ela. Como emociona no relato de Pucho o profundo respecto á memoria do celtismo, representado nun verso que abraza, «cada vez que mires atrás, sempre hei estar aquí», expresando o carácter do celtismo como unha comunidade proxectado no tempo, por riba dos xestores ou dos xogadores que leven o escudo no seu peito. Velaí os valores dun relato integrador que lle fai moito ben ao club no seu centenario como á propia cidade metropolitana. Moitos parabéns, Puchiño, polo logro que compartes.

DoCampo

Tras cinco anos do pasamento do escritor Xabier DoCampo continúa emocionando escoitar a súa derradeira intervención, que unhas poucas semanas antes realizara no Teatro Principal de Compostela, cando na Gala do libro galego recibiu o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela coa que homenaxeou ao cine clásico e a súa xeración de crianzas de posguerra, a derradeira que mamou a marabilla daquelas historias de medo ou de risa ao carón do lume. O mestre chairego defendeu coa voz crebada e afouteza e xenerosidade de seu un futuro digno para a nosa edición. «Queremos que o libro galego siga vivindo» foi a frase coa que rematou entre bágoas e aplausos rotos, despois de maldicir con toda a enerxía que xa lle faltaba, a aqueles que non o coidan, aqueles que non o celebran, aqueles que non o queren. Unha intervención tan breve como inesquecible que puxo colofón a toda unha vida de compromiso coa causa da lingua e cultura galega, que aquel serán brillaba na lapela da súa chaqueta, onde prendeu orgulloso a insignia de Prolingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor, concibida en 2009 por el e por Agustín Ferñandez Paz, o seu compañeiro e cómplice da Xeración Lamote, tras o indigno Decreto de Plurilingüismo, como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Cinco anos despois do seu pasamento, coincidindo coa celebración do corenta aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica do que foi activista nas aulas lembramos a DoCampo como un militante de todas as causas da dignidade nosa, un mestre que como poucos soubo cultivar o valor da unión e da amizade. Certo é que choramos a súa perda prematura, mais temos a fortuna de contar cunha obra literaria súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como mamou dende o berce.

Publicado en Nós diario: 28-06-2023

Da Calzada ao Casco Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Da Calzada ao Casco Vello de Vigo (Xerais 2023) de Jorge Lamas:

Coincidindo coa celebración da (estreita) Feira do Libro de Vigo aparece Da Calzada ao Casco Vello de Vigo. Un paseo a pé pola historia e a arquitectura (Xerais 2023), o novo libro do xornalista Jorge Lamas. Tras a publicación de Historias de Vigo (Xerais 2018) e O Vigo que viron os franceses na Reconquista (Instituto de Estudios Vigueses 2021), co pretexto de ofrecer unha guía para coñecer o Vigo histórico que fose máis alá dos límites do «Casco Vello», Lamas ofrece nun cento de páxinas ben documentadas e mellor escritas outra orixinal e moi atractiva historia de Vigo. Un libro concibido para axudar a camiñar e coñecer a cidade propia, e facelo devagariño, coma se por unha xornada fósemos viaxeiros ou turistas dun cruceiro, a actitude curiosa adoptada polo flaneur de Charles Baudelaire, polo home da multitude de Edgar Alan Poe ou polo camiñante urbano de Walter Benjamin,  que fan deste paseo sen rumbo aparente e sen afán mercantil unha nova forma de vida e da cidade que se redescubre como outra comunidade de acollida. Mais tamén é o do historiador Jorge Lamas un texto erudito de referencia onde consultar o dato preciso e a localización exacta, como unha síntese de centos de publicacións anteriores, o que aventuro facilita a súa utilización como recurso didáctico sobre a historia da cidade nas aulas viguesas.

Con ese espírito divulgador e capacidade didáctica, Lamas artella no Vigo histórico, no espazo que vai entre a Calzada, no límite con Teis, e o Casco Vello, tres rutas para percorrer: a primeira polas rúas García Barbón e Policarpo Sanz, que camiña entre camelias e laranxeiras cara a Porta do Sol; a segunda polas rúas Rosalía de Castro e Marqués de Valadares, camiño entre a Metalúrxica e Carral coa presenza permanente da arqueoloxía nuns terreos pouco alterados ao longo do tempo; e a terceira polo Areal e As Avenidas, camiño do primeiro ensanche extra muros iniciado a finais do século XIX para facilitar o desenvolvemento do emprendemento industrial (metalúrxico e conserveiro) e comercial (marítimo)  da que foi conformándose como cidade portuaria e cosmopolita. Tres camiños nos que ao fío da localización das edificacións pétreas, tanto das conservadas como das desaparecidas, seguindo en boa medida os criterios de clasificación e identificación de Vigo. Arquitectura Urbana (Concello de Vigo, 2000), o monumental catálogo de Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias Veiga, investigadores do Instituto de Estudios Vigueses, aos que Lamas dedicada a obra, vanse desenobelando tamén as historias, os acontecementos e os relatos biográficos dunha cidade, por ventura, cada vez menos esquecediza.

Non se lle pasa desapercibida a Lamas que no espazo escollido está presente o celme do Vigo histórico, tanto pola presenza dos primeiros vestixios (hai 120.000 anos) e dun bosque prehistórico de oito mil anos de antigüidade como pola existencia dun porto de época romana, unha gran salina de evaporación solar (conservada e musealizada), dúas ducias de estelas funerarias e unha factoría de salgadura, que funcionou entre os séculos I ao IV e pode considerarse como a primeira fábrica de Vigo. Sen esquecer que no espazo descrito están localizadas as dúas freguesías históricas, a de Santiago de Vigo e a de Santa María de Vigo, berce daquel Vigo fundado polo poeta Martín Códax, do que se conserva a primeira referencia nun documento de 1097 referido a un preito entre os veciños de Vigo e Canadelo, topónimo aínda conservado (como Roupeiro e Miragaia), así como da presenza novidosa dunha mámoa, que abre unha nova interpretación sobre a cultura megalítica viguesa. Como relevante foi a aparición no Areal do ungüentario bizantino, exposto no Museo do Mar, que amosa as relacións comerciais que dende os séculos VI ou VII mantivo Vigo co Oriente Próximo.

Con todo, a cerna da obra de Lamas radica na explicación do patrimonio arquitectónico deste espazo monumental, onde está presente a diversidade das mellores pezas pétreas viguesas, tanto as de influencia modernista, rexionalista, ecléctica e racionalista (Michel Pacewicz, Manuel Gómez Román, Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Madariaga, Francisco Castro…) como as máis recentes e de espírito contemporáneo (Xosé Bar Boo ou Desiderio Pernas). Lamas non esquece a arquitectura industrial deste espazo, tamén de emprendemento fabril (A Metalúrxica, A Barxa, A Molinera, Conservas Alonso…), as edificacións culturais ou comunitarias (Casa do Pobo, Teatro García Barbón, Hotel Moderno, Hotel Universal…) como o proceso de constante recheo do bordo marítimo, orixe da Alameda, das Avenidas e das instalacións portuarias e do ferrocarril do Areal. Recomendo vivamente un libro pensado para levar na man e consultar camiñando con espírito de viaxeiro na propia cidade.

Un libro na man

Coincidindo coa publicación do Manifesto da revista Luzes do mes de maio dedicado á precaria situación do libro galego, Manuel Rivas lanzou nas redes unha iniciativa viral baixo a consigna: «A mellor protesta, un libro na man». Dende entón foron numerosas as fotos  de persoas erguendo un libro coa intención de expresar o seu malestar pola ausencia en Galicia de políticas sobre o libro e a lectura e apoiar así a un sector (autorías, editoras, impresoras, librarías, bibliotecas e mediadoras), que foi o gran esquecido do goberno galego durante unha «década escura» para a lingua nosa. Imaxes de libros galegos en alto que expresan, ademais, a biodiversidade dunha oferta editorial, cada vez máis ampla e coidada, como o carácter insurxente do libro como ben cultural e crítico e perturbador da lectura como actividade individual (artística, formativa e informativa) con dimensión cívica e transcendencia política. Iniciativa que reclama a recuperación daquel amplo espazo de acordo (sectorial e político) acadado hai dúas décadas e recollido logo na Lei do libro e a lectura (2006). Consenso que os gobernos de Feijoo e Rueda desandaron, amparados nos recortes esixidos pola crise de débeda e logo polas penalidades da pandemia. E así, reduciron con contundencia (nalgúns casos até nun 80 %) os fondos destinados ás políticas públicas de lectura e de fomento do galego, con especial incidencia para os programas de adquisición de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas e de apoio a edicións de interese cultural e social. Hoxe o libro galego precisa saír do gueto no que pretenderon arrecunchalo, recuperar a presenza e brillo nas librarías, medios e redes, incrementar os índices de vendas e de lectura, proxectar a exportación das súas creacións… En resumo, precisa recuperar o seu carácter estratéxico, como primeira industria cultural en galego. Reclamalo empuñando un libro constitúe unha protesta pacífica até o lirismo. Convido a compartila coa etiqueta #UnLibroNaMan.

Publicado en Nós diario: 21/006/2023

Quédanos a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Paco Ibáñez con motivo do centenario do poeta Carlos Oroza:

Con motivo da celebración do nacemento do poeta peripatético Carlos Oroza celebrouse no Auditorio Mar de Vigo un histórico recital do cantautor Paco Ibáñez. Organizado pola viguesa asociación cultural Évame Oroza, no inicio os poetas María Lado e Antonio García Teijeiro recitaron algúns dos versos orocianos máis emblemáticos, aos que seguiron na pantalla mostras do derradeiro traballo musical (inédito) de Luis Eduardo Aute sobre textos do autor de Évame. Introito que deu paso ao concerto no que Ibáñez (89 anos) antologou dezasete cancións do seu amplísimo catálogo, nas que homenaxeou a poesía de clásicos españois como Quevedo, Góngora e Arcipreste de Hita até voces do século XX como Antonio Machado, Rafael Alberti, Federico García Lorca ou José Agustín Goytisolo. Hora e media de poesía e música, seguida con emoción contida e respecto, apenas rota polo humor do divertido cantor e o seu litixio imprevisto cun vaso de auga, por case un milleiro de persoas, na súa maior parte, entradas en anos. Un serán de nostalxia, tamén de memoria e de encontros agarimosos, tamén de despedida e derrotas saudosas, no que o irredutible Ibáñez, acompañado e coidado polo guitarrista catalán Mario Mas, amosou o valor incombustible da palabra como a máis valiosa das resistencias.

Embora foi a homenaxe a diversidade lingüística o que máis emocionou no recital de Paco Ibáñez, dándolle presenza, como sempre adoita, as linguas e literaturas do estado español. Acompañado do acordeonista vasco Josan Goikoetxea interpretou dous temas en éuscaro, o primeiro, «Peio Josepe», no que lembrou a súa nai da que mamou esta lingua, o segundo, o emocionante canto a liberdade «Txoria Txori» do poeta Joxean Artze, ao que puxo música Mikel Laboa, a quen Ibáñez lembrou, como a Imanol e a Xabier Lete formando parte da tríade de cantores euskaldúns. Con todo foron as tres cancións en galego a cerna do recital do Mar de Vigo, coa presenza en escena do poeta Antonio García Teijeiro, que acompañou con enerxía e gratitude o fermoso xesto de Ibáñez de incluílas no repertorio e recoñecer así a poesía galega. Tras a interpretación de «Que ocorre na terra?» e «Pomba», poemas de Teijeiro, que forman parte do libro Un rato díxolle á lúa (Xerais 2013), estreou en Vigo «Chove», canción sobre un fragmento do poema «Inverno» de Celso Emilio Ferreiro, composta por Ibáñez, despois de telo feito con «María Soliña», como homenaxe a Moraima, mais que nunca fora incluído en gravación comercial. A presenza entre o público da filla e do neto do autor de Longa noite de pedra deulle a esta estrea viguesa un carácter elexíaco inesquecible, un momento máxico inesperado.

Esta homenaxe a poesía galega e euscalduna, como a súa teimosa defensa de non utilizar anglicismos na fala cotián, como unha causa que chamou a compartir, como o entusiasmo que continúan concitando temas históricos do período tardofranquista como «Palabras para Julia», «Me lo decía mi abuelito» ou «A galopar», cantados polo público como himnos, fan de Paco Ibáñez un referente cívico entrañable tanto para as xeracións de militantes antifranquistas como tamén para as posteriores do desencanto do período da Reforma Política. Unha voz que despois de máis seis décadas nos escenarios, un mito dende aquela gravación do recital no Olympia de Paris (2 de decembro de 1969), a pesar da inevitable perda de sonoridade, gañou capacidades expresivas novas e nunha quentura que, como sucedeu no serán da pasada sexta feira, chega directa ao corazón do público. Unha voz que, como salientou o nobel José Saramago, é capaz «de abrir camiños de fraternidade auténtica no espírito das persoas que a escoiten». Unha voz que, para Manuel Vázquez Montalbán, o cantor coloca «ao servizo do coñecemento da emancipación individual e social», consciente de que a liberdade, como os dereitos, son unha conquista nunha agra colectiva.

O emotivo e exitoso concerto de Paco Ibáñez, no que tamén vibrou no introito a voz de Carlos Oroza medrada coma trigo nas fronteiras, amosou que o Vigo literario, ademais de novela, conta con expresión poética. Unha actividade poética de manifestacións diversas, que van dende o fomento do interese pola poesía na infancia e mocidade, encabezada pola teimosía de Antonio García Teijeiro, recoñecida en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, pasando pola conservación da memoria e da obra do poeta Carlos Oroza, encabezada pola asociación Évame e a editorial Elvira de Javier Romero, ou do poeta Celso Emilio Ferreiro pola fundación que leva o seu nome e pola editorial Xerais, até o activismo en outono do Festival Kerouac de Poesía e Performance ou dos recitais e itinerarios poéticos do grupo Rompente e doutros colectivos poéticos vigueses. En Vigo, por ventura, quédanos a palabra.

Escolma de fotopoemas

Hai catro décadas a aparición de Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer, dentro da colección Ventobranco de Xerais, supuxo unha innovación para a edición galega de poesía, daquela revolucionada polos libros de Rompente. Fose pola temática cinéfila, 38 poemas escritos a partir de filmes clásicos, fose pola reprodución de cadanseu fotograma icónico e a impresión en tinta lila ou fose polo deseño rechamante da cuberta que achegaba á cultura nosa a imaxe inesquecible de Charlot e a vida de can (1918). En 1990, tamén en Xerais, aparece Tigres coma Cabalos, onde 24 poemas de Xela Arias contaban con cadansúa fotografía de Xulio Gil, inaugurando o que entendemos como fotopoemas presentados en formato de libro álbum. Diálogo creativo que ensaiaron Miro Villar e o fotógrafo Manuel Álvarez en Gameleiros, mar de rostros (Xerais 2002), 27 retratos de mariñeiros de baixura da Guarda con cadansúa arte tradicional. Experiencia que o fotógrafo da Guarda residente en Xenebra repetiría, primeiro, con Manuel Rivas en Sementeira. Porträts (2019), 42 retratos e outros tantos haikus e aforismos protagonizados polos membros da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, e despois, coa romanesa Helga Cabiddu en Sexades mar (Chan da Pólvora 2022), no que retrata unha nova liñaxe de traballadores do mar.

Ferramenta creativa que exploran con orixinalidade e potencia Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz en Lugo Philadelphia. Peles roxas no corazón de Babilonia (Xerais 2023), como crónica fotopoética da viaxe norteamericana que compartiron para asistir a un concerto dos Rolling Stones. Versos lóstrego da memoria, escritos a ritmo de rock and roll, que camiñan da man de fotos de pintadas nas paredes de Lugo ou de imaxes iluminadas polo entusiasmo dunha cuadrilla de mulleres nas rúas de Harlem.

Escolma de fotopoemas que recomendo xa que amosan as posibilidades creativas deste atractivo tipo de edición multimodal, hoxe, por ventura, en pleno esplendor no actual catálogo do libro galego.

Publicado en Nós diario 31/05/2023