Todo chega desde o mar
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira novela de Santiago Ferragut:
Unha das técnicas da concellaría de Cultura designada como membro do Padroado de Historia prepara unha serie de artigos sobre os principais episodios da historia de Vigo para ser publicados no xornal centenario. Concibida como a procura da cerna da cidade, a esculca levará á historiadora a afondar nos naufraxios ocorridos no interior da ría de Vigo durante o século XX e logo a centrarse nos acontecementos dos últimos anos da ditadura, con especial atención sobre aquela folga de setembro do setenta e dous, na que dez mil obreiros paralizaron Vigo durante case un mes con argumentos políticos, máis alá dos estritamente laborais, acontecemento que as persoas entrevistadas citaban con saudade mais en cuxos detalles ninguén quería entrar. Así arrinca a trama de Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira narración de Santiago Ferragud, unha engaiolante pescuda na memoria viguesa, unha achega novidosa dende a novela histórica ao catálogo cada día máis amplo e diverso do Vigo literario.
Ferragud, a quen coñeciamos como músico e compositor, cantor de poemas, integrante de Xardín Desordenado, reconstrúe nestas páxinas documentada co rigor e o detalle do historiador e escritas co alento do narrador natural, os episodios esenciais da historia dunha cidade ocupada sempre no seu difícil e convulso presente, mais que ten conciencia que o seu pasado a compromete. Aquí están dende a presenza da pequena vila de pescadores atacada por Pedro Madruga no século XV, durante o reinado dos Reis Católicos, pasando pola incursión de Drake un século despois e a batalla naval de Rande de 1703, até o pulo acadado pola frota corsaria viguesa dos Marcó del Pont de fins do século XVIII e a expulsión heroica dos franceses, que permitiu ascender a Vigo de vila a cidade (1810), mito fundacional do Vigo contemporáneo. Mais non esquece o autor a memoria recente recuperando acontecementos que até agora permanecían case inéditos, como os últimos fusilamentos franquistas de setembro de 1975, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena, a do primeiro atentado do GRAPO e a traxectoria dalgúns membros deste grupo armado ao longo de vinte e cinco anos até o asalto ao furgón blindado da estrada provincial.
Episodios que permiten entender as orixes dunha cidade á que todo chega desde o mar: as ideoloxías e as lendas, os animais exóticos e as invencións mecánicas, mais tamén as crebas e restos de naufraxios que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar. Episodios transformados en mitos que agora nos seducen e agrupan aos vigueses, que nos explican como un porto refuxio, unha fronteira de tráfico incesante, entre o infortunio e a quimera. Episodios que desvelan, ademais, testemuños que sobrevivirán á negación e ao esquecemento, algúns estremecedores como os do sendeiro das bágoas do 36 cos que se vai pechando a novela. Velaí o retrato do xeneroso alcalde Martínez Garrido, fusilado en Pereiró, coma o primeiro, Heraclio Botana, ambos os dous socialistas. Velaí a crónica do inferno da illa de San Simón, convertida en lazareto polo visionario e optimista Nicolás Taboada Leal. Velaí a narración do sucedido dentro do bou Eva ou o asasinato da Calesa que voceaba os vespertinos na Porta do Sol, onde o 20 de xullo caeu abatida por unha baioneta a primeira vítima viguesa do alzamento.
Cos vimbios dunha memoria fértil e dun amplo coñecemento histórico, coa forza e credibilidade dunha voz recoñecible e unha modulación poética sutil no urdime dunha prosa coidada, o autor ofrece unha excelente novela histórica na que retrata un Vigo de salitre e aceiro construído sobre o anfiteatro da ría coa ollada sempre enxergando o horizonte das Cíes e coa súa cidadanía pendente de todo o que chega desde o mar. Esta é a novela dun Vigo orgulloso do seu pasado obreiro, portuario e fabril –velaquí a importancia da conmemoración do cincuenta aniversario do setembro de 1972, epopea viguesa homenaxeada nestas páxinas–. Con todo, e a pesar das actuais manobras de ilusionismo ao que está sometido, a de Ferragud é a novela dun Vigo que non se distrae nun tempo de hibridación e mudanza nas incertezas do seu atarefado presente de porto atlántico, produtor e distribuidor de automóbiles e embarcacións, que continúa escrutando o seu futuro nos camiños do mar, dos que falaba con fachenda Valentín Paz Andrade. O autor, como a súa incansable narradora, sabe que as cidades non existen se non son relatadas. Todo chega desde o mar é o relato dese Vigo inmorredoiro da memoria, desa teimosa abella da ribeira que permanece sempre aparentemente durmida, volcán de dinamismos e contradicións, célula que contén todas as Galicias posibles no que teimosamente acreditamos o mellor porvir para os netos dos nosos netos. Recomendo vivamente a lectura e parabenizo polo logro ao seu autor.














De todos estes bancos da memoria da alameda de Redondela chamou moito a miña atención o dedicado a Julio Cortázar, o escritor que desexou se chegaba algún día a ter un dous cabalos «levar a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela» e «dedicarse aos paseos, á pesca e a herborizar como Rousseau». Unha metafóra para a historia recollida da carta que o cronopio escribiu en 1956 ao seu amigo o pintor Eduardo Jonquières dándolle noticias da súa primeira viaxe a Galicia coa súa muller, Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos de Dacón, que pasara varios anos da súa infancia en Vigo e Ourense. Unha viaxe de vacacións a Galicia do matrimonio residente en París que sería lembrada pola propia Aurora nun texto memorialístico que permaneceu inédito até 2015 (El País, 11 de novembro) no que cita a sorprendente paisaxe redondelá no relato dunha longa viaxe nun tren de Renfe, «con cheiro a caspa e sono nos gastados asentos de felpa»: «Por sorte, antes de chegar a Santiago, estivo o agasallo do Miño verde, eglóxico, e de Redondela dende o alto cos seus piñeiros e o seu mar azul meténdose sinuoso na terra.»
Julio e Aurora encantados coa súa primeira experiencia galega volveron o verán seguinte (1957) a Galicia para montar o seu cuartel durante tres semanas no hotel Miramar na praia de Lourido, a mesma que un emigrante arxentino pretendera nos anos trinta transformar no Balneario de Galicia e puxera o nome de praia América. Días inesquecibles en Nigrán nos que na correspondencia coas súas amizades Julio confesa que dominaron os ventos e as nubes, o que non impediu que se bañará como un poseidón. Días nos que a parella paseará polo Val Miñor tomando fotos coa curiosidade de quen pretende saber das características dos cruceiros e dos hórreos que os responsables do hotel chaman para a sorpresa de ambos os dous «canizos». Camiñadas polo piñeiral da península do Monte Lourido, nas que o gran cronopio identifica un arrecendo marabilloso e unha serenidade única. Días felices dos que de regreso a Vigo, no mesmo tranvía no que chegaron, camiño de París, levarán no corpo algunha que outra marca do sol e do vento de Lourido e unhas cantas fotos, algunhas extraordinarias como as tiradas ao pé do peto de ánimas na ponte romana da Ramallosa sobre o Miñor, que formarán parte da súa colección e memoria literarias.
Fotografías tiradas por Julio e Aurora que hoxe forman parte do legado fotográfico de máis de dúas mil pezas entre copias e negativos e cinematográfico (dúas horas de gravación das viaxes por Brasil, India e Uganda) do autor de Rayuela, que Aurora Bernárdez, a súa testamenteira, doou en 2005 á Xunta de Galicia, para ser conservadas no Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI) con sede na Coruña. Un importante legado audiovisual que xunto á biblioteca persoal do escritor, conservada na Fundación Juan March de Madrid, son os únicos documentos conservados de Córtazar en Europa. Mágoa que despois de transcorridos máis de tres lustros este legado cortaziano non estea dispoñible dixitalizado para a súa consulta na rede; unha de tantas outras anomalías dunha institución autonómica creada en 1989, coa finalidade de salvagardar o patrimonio audiovisual galego, que esmoreceu de forma dramática cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo.



Tras 
Tirando dos fíos que deixara soltos en


Das miñas lecturas galegas recentes un dos títulos que máis me entusiasmou foi 