Millo Corvo e Biodiversidade

No artigo da semana en Faro de Vigo apupo a experiencia de artesanía agroalimentaria de recuperación do Millo Corvo promovida pola Asociación Cultural Meiro de Bueu. Un enfoque transversal moi interesante na abordaxe da Biodiversidade, un concepto que, aínda que en Galicia non o pareza, a ONU celebra en 2010 ano da Biodiversidade).

Reconquista popular

No artigo da semana rememoro o carácter popular da festa da Reconquista, que hoxe celebramos en Vigo, ao abeiro das achegas bibliográficas recentes de Eduardo Rolland e Xosé Ramón Barreiro Fernández. A pesar do moito que se ten avanzado no coñecemento e interpretación destes feitos,  continúan existindo zonas de sombra para os historiadores, como é o caso da existencia ou non de Carolo –«ese ancián mariñeiro do Berbés que caeu morto no seu empeño de deitar a machadazos á porta de Gamboa», segundo relata Xosé María Álvarez Blázquez– do que, porén, os investigadores non atopan rastro ningún na documentación. Sexa ou non un mito, na figura dese Carolo ou desoutra Aurora (a heroína que conseguía mobilizar ás mulleres), dous dos protagonistas da escenificación popular da Festa Reconquista realizada onte no Casco Vello, atopamos a estirpe popular do fenómeno fundacional da nosa cidade. Conservar o carácter popular e participativo da Reconquista debería ser o obxectivo primeiro da festa que hoxe celebramos.

Xeitosa reportaxe fotográfica de Sonia Daponte en Xornal de Galicia.

Internet de futuro

No artigo da semana reflexionoso sobre o conflito xerado arredor da disposición adicional primeira da LES, a famosa «Lei Sinde» ou antidescargas, coa que o goberno pretende legalizar a posibilidade de pechar algunhas páxinas web sen control xudicial. Máis alá da necesidade de aprobar unha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde co novo paradigma de comunicación cultural dixital, entendo que a cerna deste debate do Internet libre e respectuoso cos dereitos dos autores radica en «abordar de vez a cuestión do papel que teñen os poderosos provedores de Internet (como Telefónica ou Vodafone), os grandes privilexiados do aumento do tráfico na rede.»

Campo do Fragoso XCI

TRASHORRAS DECISIVO

O Celta, conducido maxistralmente por Roberto Trashorras, obtivo fronte ao Cartaxena unha das máis convincentes vitorias en Balaídos da presente liga. Tres puntos de ouro que, despois do golpe de autoridade da pasada semana en Huelva, deixan ao equipo de Eusebio nunha zona un chisquiño máis temperada da táboa clasificatoria e aos seareiros celestes, por fin, cun sorriso nos beizos. Abofé que non era sen tempo! Xa dende o inicio, foi o de onte un encontro desputadísimo e, nalgunha fases, moi emocionante. Un Cartaxena moi competitivo –velaí a súa terceira praza e o seu carácter de equipo revelación do campionato– amosou dende o asubío inicial que viña a Vigo a consolidar as súas aspiracións de ascenso. Aos dous minutos, Toché, o albinegro máis adiantado, marcou un gol que foi anulado por un fóra de xogo, bastante dubidoso; antes do primeiro cuarto de hora, Moreno e o defensa Etxeita estragaron outras novas claras oportunidades para marcar. A defensa celeste, formada desta volta polos veteráns Catalá e Noguerol, durante estes primeiros minutos amosou unha preocupante febleza que foi abandonando grazas a un magnífico sistema de axudas dos laterais e mediocampistas. Foron liquidándose así as mellores posibilidades dos visitantes e emerxendo amodiño, iso si, tras unha durísima batalla polo control da pelota, as dos celestes. Primeiro a do batallador Cellerino, aos vinte minutos, xutando dende moi lonxe con intención; logo, no vinte e nove, a provocada pola velocísima subida de Botelho pola banda e, dous minutos despois, a do gol decisivo de Trashorras, quizais, tamén, o máis lindo da actual tempada. Unha xogada de auténtico tiraliñas, preciosa de concepción e execución. Vasco Fernandes recuperou a pelota no centro do campo, enviouna a Dani Abalo, que correu con ela pola banda ata dar o pase da morte cara á área pequena, onde estaba Cellerino que a deixou pasar, arrastrando aos seus dous marcadores e permitindo que Trashorras disparase pola escuadra a Rubén, o gardarredes galego dos branquinegros. Co marcador por diante, o Celta aseñorou un encontro fronte a un rival presionante, incómodo, pegañento, noble que nunca desistiu do seu afán de sequera poder nivelalo. Tras o descanso, a saída dos nosos abraiou aos rivais coas continuas combinacións entre Abalo e Trashorras, que teceron algunhas xogadas magníficas. Especialmente afortunada foi a actuación do de Rábade que realizou un dos seus mellores partidos coma celeste. Todo o bonito que facía o Celta pasaba polas súas biqueiras, distribuía con cabeciña, xutaba dende diversas posicións e, sobre todo, introducía no equipo as doses de serenidade abondas para facer fronte ao dificilísimo cuarto de hora final, onde os visitantes apretaron o seu. Un período de enorme incertidume, desacougante, prolongado de forma inxustificada en cinco minutos, onde o Celta soubo responder ao agobio cartaxeneiro con formidables contraataques, nos que emerxeu a velocidade desequilibrante de Botelho e a intencionalidade dos saques de porta de Yoel, que debutou en Liga cunha actuación moi sobria. A actual estratexia de Eusebio por un xogo máis directo e presionante comeza a proporcionar os mellores froitos. Foi unha gloria para os celestes compartir a satisfacción dos seus seareiros por vitoria tan merecida.

Foto de Roberto Trashorras (R.Grobas).

«Galego, un consenso feito cachizas»

Inevitablemente, no artigo da semana analizo o que entendo son as claves do avance do decreto (chamado) de plurilingüismo.

Alberto Núñez Feijóo preferiu o pasado sábado participar nunha feira de exaltación do viño ca facelo na presentación dun avance do decreto chamado de plurilingüismo. Escolleu ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística para que presentasen aos xornalistas unha nota de prensa dun folio na que se recollen as liñas xerais dun documento que, como eles anunciaron, se coñecerá na súa totalidade nos vindeiros días cando sexa enviado a ditame da Mesa Sectorial, do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo. Razóns políticas –vencelladas aos desequilibrios internos existentes dentro do seu partido, tanto polo evidente fracaso da política do goberno sobre as caixas como pola carreira ás principais alcaldías– deberon aconsellar ao presidente pechar canto antes a redacción do decreto e, ao mesmo tempo, non participar nun acto que supón o abandono efectivo por parte do Partido Popular das políticas de acción positiva sobre o emprego da lingua propia de Galicia desenvolvidas durante tres décadas nos eidos educativo e social.

Sexa como for a redacción definitiva do articulado, que non vai ser nin moito menos irrelevante para o futuro da nosa lingua e para o desenvolvemento da nosa civilidade e calidade da educación, algunhas conclusións podemos tirar dos importantes anuncios realizados por Vázquez e Lorenzo.

A primeira, a ruptura do Partido Popular cos consensos políticos e sociais forxados ao longo do período autonómico arredor da posición dos idiomas oficiais e da convivencia lingüística en Galicia, recollidos na “Lei de Normalización Lingüística”, na “Carta Europea das Linguas” e no “Plan Xeral de Normalización Lingüística” de 2004. Co anunciado por Vázquez e Lorenzo esfarélanse as dúas chaves deste consenso: a da cooficialidade do galego e do castelán, procurando a súa igualdade real e a competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía; a do impulso de políticas de promoción do galego, para compensar a súa situación de partida claramente en desavantaxe co castelán. Ruptura do consenso que ademais de facer caso omiso dos ditames do Consello da Cultura Galega e da Academia Galega sitúa ao Partido Popular en solitario, apoiado só polos sectores negacionistas, moi minoritarios, que pretenden a ferro e fariña non ter contacto ningún coa lingua galega.

A segunda, as medidas anunciadas, a pesar de insistir no seu carácter equilibrador, reducen significativamente en todos os niveis educativos, o uso do galego no desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, especialmente nas de comprensión e expresión escrita, profundizando, ademais, nos prexuízos sociais arredor da súa utilidade para eidos do coñecemento científico ou técnico.

Moi significativas son as medidas propostas para o segundo ciclo da Educación Infantil (do primeiro, nada sabemos), que volven sobre un modelo semellante ao empregado no decreto de 1995 (o profesorado utilizará na aula a lingua que determinen as familias en votación anual) que os profesionais da educación sabemos supuxo a práctica desaparición do galego na maioría dos centros. A pesar de que no avance do decreto se prevé de forma xenérica “que o profesorado desta etapa procurará que os nenas e as nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia”, sabemos que isto só será efectivo nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Resulta moi extraño que nun documento elaborado pola Consellaría de Educación non se proporcionen algunhas recomendacións máis concretas ao profesorado para que os nenos de contornos castelánfalantes poidan iniciarse no proceso educativo cun primeiro contacto co idioma galego.

Esta tardía incorporación do emprego educativo das dúas linguas; o complexo sistema de determinación dos itinerarios lingüísticos do alumnado, no que os pais terán en último termo dereito de veto; como, e sobre todo, esoutra demagóxica apelación á “liberdade de expresión dos alumnos” para utilizar “a lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente “, que supón un cínico ataque ao traballo e á autoridade do profesorado na aula, son medidas todas que agoiran o fracaso educativo sen paliativos do modelo proposto que impedirá que todo o alumnado ao remate do ensino secundario posúa idéntica competencia no uso oral e escrito das dúas linguas oficiais.

Alberto Núñez Feijóo e o seu partido coa presentación deste decreto estragaron as posibilidades de recompoñer o consenso arredor da convivencia lingüística que ofreceron as máis diversas institucións e sectores da sociedade galega ao longo dos últimos meses. Quizais non preveron os conservadores galegos que seguindo eses engaiolantes cantos de serea negacionistas poidan estar comezando a súa deriva.

Na procura da igualdade real

Hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dedico o artigo da semana que publico en Faro de Vigo á reflexionar sobre a situación do proceso de igualdade e a valorar a contribución decisiva do movemento feminista.

Aquí información sobre os actos que se celebrarán hoxe en Vigo.

Un pacto polo porto

No artigo da semana de Faro de Vigo analizo a situación precaria do porto de Vigo e a descarada utilización política da presidencia da Autoridade Portuaria por parte de populares e socialistas. Propoño un grande pacto que faga posible transformar o de Vigo nun novo porto moderno, ecoloxicamente sostible e aberto á cidade.

Campo do Fragoso XC

SEMENTEIRA

Eusebio debeu quedar ben satisfeito co partido realizado polos seus pupilos fronte ao Córdoba. Tras cincocentos minutos sen marcar, un gol en semifallo do internacional Joselu Sanmartín permitíu poñer cabo a unha serie negativa de dous meses sen gañar en competición de liga e a distanciarse un chisquiño das posicións de descenso. Un alivio! Satisfacción do adestrador, que supoñemos aínda maior, polo éxito das novidades introducidas no equipo inicial e das variantes tácticas ensaiadas ao longo dun encontro que resultou para os espectadores escasamente vistoso. A entrada de Jonathan Vila no medio centro, colocado case coma un terceiro central, axudou a solidificar unha defensa, que estivo moi segura durante todo o partido, e na que os dous laterais desempeñaron funcións de carrileiros. Especialmente atinada foi a actuación do portugués Vasco Fernandes que dende a banda facilitou varios balóns moi perigosos e de cuxas biqueiras saíu o centro que permitiu marcar a Joselu, adiantándose ao seu marcador, cando o Celta estaba máis dominado e a primeira parte estaba a piques de rematar. Outro acerto de Eusebio foi consolidar a Botelho como extremo esquerdo, permitindo o crecemento partido a partido dun xogador que onte fixo unha primeira parte memorable, converténdose no mellor dos nosos. O brasileiro do Arsenal amosouse inspirado en todas as facianas do xogo: caneou unha e outra vez aos seus marcadores, correu a bo ritmo en cada contraataque, combinou na súa banda con Roberto Lago, centrou con acerto creando ocasións (algunha inmellorable) estragadas por Joselu, xutou con perigo dende a frontal, traballou na presión defensiva, actuou en moitas ocasións como terceiro pivote procurando axudas para López Garai e o apático Trashorras (onte moi desacertado e inane, xa que apenas participaba no xogo para tirar faltas e saques de recanto), faltándolle apenas o acerto no remate, a maior doenza dos celestes na presente tempada. Con todo, a pesar do que poida semellar polo resultado, non foi este un encontro no que o Celta se mostrase máis dominador nin tampouco no que foi capaz de producir maior número de xogadas de ataque. A diferenza de xornadas anteriores, durante a primeira media hora, foron os andaluces os que manexaron o partido e os que por medio de saques de recanto chegaron a atoar aos nosos diante de Falcón; porén a moi ordenada defensa de Túñez e Noguerol (unha parella afianzada) aburriu aos cordobeses cos continuos fóras de xogo e impediu que rematasen con perigo sequera nalgunha oportunidade. Co marcador por diante, nunha tarde moi fría e ventada, o Celta soubo ir adormecendo o partido, ao tempo que pretendía liquidalo nalgunha das subidas habelenciosas de Dani Abalo, que faltando un cuarto de horas substituíu ao voluntarioso Papadopoulos. A nota máis simpática deste período foi o debut no minuto 65 do arxentino Cellerino, un impresionante dianteiro centro tanque, que con enorme facilidade conseguiu tirar ao chan en varias ocasións aos seus marcadores e que podería ser unha variante atacante eficaz para situacións límite. A pesar do axustado do resultado, nin sequera os longos minutos finais de desconto foron tan sufridos como adoito. O Celta cunha excelente defensa e un xogo moi discreto de ataque conseguía unha clara vitoria. Semella que con esta fórmula debería comezar a sementeira de triunfos que todos agardamos.