O futuro da cultura impresa

No artigo da semana en Faro de Vigo, a raíz da xornada sobre o futuro da cultura da impresa, organizado polo Consello da Cultura Galega, abordo o debate arredor da gratuidade e o futuro dos xornais e da industria editorial.

Convocado polo Consello da Cultura Galega o venres pasado participei na xornada de debate arredor do futuro da cultura impresa na rede, con especial atención á xornalística e á do libro. Como era previsible, a cerna da deboura estivo en como facer compatible a mudanza do paradigma comunicacional actual –o paso irreversible dunha cultura impresa baseada na imprenta gutemberiana a outra dixital xerada por Internet– con modelos de pagamento dos contidos dixitais que permitan unha vía para unha economía sostible da industria editorial.

Á luz da presentación dos dous modelos de negocio das plataformas dixitais da prensa española, valorouse se é posible que os lectores e lectoras de contidos dixitais, afeitos até agora a acceder de forma gratuíta aos xornais na rede, estean dispostos a pagar por eles neses novos “quioscos dixitais”. Unha cuestión fulcral para o futuro dos xornais e das empresas periodísticas sometidas ademais estes últimos anos aos efectos do severo encollemento do mercado publicitario, tanto nos soportes impresos coma tamén nos dixitais, como á caída de vendas dos xornais impresos, por mor da crise de devaluación interna na que estamos instalados e a súa inevitable diminución da actividade comercial. Unha encrucillada de saída moi incerta e difícil, xa que polo momento os diversos modelos de prensa dixital en España, a pesar de aumentar de forma espectacular a súa audiencia, cada vez máis atomizada e multidispositivo (dende os ordenadores, mais tamén dende taboíñas e smartphones), non son capaces de xerar os recursos abondos para asegurar a súa viabilidade.

Unha encrucillada e unha incerteza que afecta tamén á industria do libro, sometida a un proceso de profunda transformación, dende hai case unha década, cando comezou o fenómeno e-book, que tras cinco séculos de grande estabilidade arredor do obxecto “libro”, separaba o continente do contido. Coa aparición do chamado “libro electrónico” (un concepto moi amplo, que engloba aos e-books, mais tamén ás aplicacións de lectura multimedia ou aos libros educativos en rede), o coñecemento ou a creación literaria podían deixar de viaxar de forma exclusiva nun soporte impreso e encadernado para ser ofrecido ao público nas librarías. Abríase así un novo concepto para o libro, definido só polo seu contido. Unha mudanza decisiva na historia da comunicación cultural. Unha transformación que afecta a todo o proceso de edición, dende as creacións autoral e editorial, pasando pola distribución, até a recepción. Os autores e autoras poderán tirar partido das utilidades do hipertexto, que define o novo paradigma dixital, botando man das posibilidades de enlazar os seus hipertextos ou empregando imaxes, sons e outros recursos multimedia. Mais tamén, e non semella menos importante, os lectores e lectoras terán a posibilidade de compartir a súa experiencia de lectura, tamén co autor, e co editor, utilizando as redes informativas e sociais. Unhas utilidades dixitais que obrigan a redefinir o papel de intermediación dos editores e distribuidores e a reinventar a cadea de valor utilizada no proceso.

Tanto no caso da prensa como na edición de libros, a pesar das súas singularidades, este incerto proceso de tránsito obriga á hibridación, á necesidade de ofrecer tanto produtos impresos como dixitais. Explorar as posibilidades da edición expandida, baseada na complementariedade entre soportes e utilidades (uns contidos para o papel, outros diferentes para as pantallas), ou artellar alianzas sectoriais, e mesmo multisectoriais, para a distribución do contido dixital (informativo, editorial, musical, audiovisual ou multimedia), mesmo en colaboración coas subministradoras de telefonía, poden ser estratexias a ensaiar neste entorno tan bretemoso. Porén, nesta reinvención da industria cultural dixital, os editores de prensa e libros, como os produtores musicais e audiovisuais, ademais de ofrecer produtos (servizos) dixitais atractivos ao prezo máis axustado, debemos defender un modelo de propiedade intelectual que faga compatible o lexítimo dereito a cobrar polo seu traballo por parte de autores e editores co dereito ao acceso á información e á cultura da cidadanía. Sen desanoar este nobelo prexuizoso que identifica o acceso a calquera contido dixital na rede coa súa gratuidade, será imposible saír desta encrucillada. Tras este debate, aparentemente inocente mais de grande importancia política, está en xogo a sobrevivencia dun sector de prensa plural e territorializado e a viabilidade dunha industria cultural de calidade. Unha encrucillada de saída máis complexa en culturas minorizadas coma a galega, con enormes dificultades para contar con contidos dixitais na lingua propia.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *