Baixo Elduayen
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos achados nas obras de Elduayen e na Porta do Sol:
Rematado o trimestre de luces e panxoliñas, que converteu a Vigo por desexo da súa alcaldía na capital do Nadal catódico das cidades felices, a nosa abella da ribeira recupera por outros nove meses o ritmo do seu latexo, unha gráfica con picos, onde non faltan azos para a esperanza nin sobran motivos para a preocupación. Unha diferenciación entre cidades felices e infelices que xa non admitía Italo Calvino no seu libro máis memorable, «As cidades invisibles», do que existe excelente versión galega de Miguel Anxo Murado (Xerais 2000), no que propoñía unha clasificación alternativa das cidades «entre as que, a través dos anos e das mutacións, seguen dando a súa forma aos desexos, e aquelas nas que os desexos ou logran borrar a cidade, ou son borrados por elas».
E abofé que de aceptar como útil esta liña divisoria, trazada nas conversas entre o emperador mongol Kublai Khan e o mercador veneciano Marco Polo, voces das fermosas narracións de Calvino, gustaría que Vigo se continuase adscribindo as primeiras, a aquelas cidades xustas que se constrúen coa pulsión colectiva da cidadanía sobre o substrato da súa memoria. Gustaría, considerando tamén, como propón o filósofo Antón Baamonde, que «unha cidade é un estado de ánimo, un corpo de costumes e tradicións, e de actitudes organizadas e sentimentos», que Vigo tras a invención deste mito natalicio, protagonizado pola alcaldía como estratexia de promoción turística, continuase sendo, como afirma X.L. Méndez Ferrín, ese volcán de dinamismos que ao longo dos dous últimos séculos «mudou con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito». Gustaría, en definitiva, que o Vigo futuro fose un espazo urbano viable e sostible, innovador e creativo, que sen renunciar a súa identidade e tradición fose capaz de liderar a rede de cidades galego-portuguesas do Eixo Atlántico.
A retirada das luces de Nadal, aínda incompleta a comezos de febreiro no xardín histórico da Alameda e noutros espazos vigueses, sacou a luz nas obras do túnel de Elduayen a Policarpo Sanz, antigas edificacións e a bóveda do túnel de arredor de vinte metros que durante aproximadamente cincuenta anos, entre 1880 e o inicio da Segunda República, uniu a rúa do Príncipe coa canella dos Caños. Achados que non constitúen sorpresa ningunha para as especialistas en arqueoloxía e amantes da historia da cidade, mesmo recoñecibles en varias novelas viguesas, que alertaron reiteradamente da súa existencia cando se anunciou hai dous anos o proxecto do túnel, mais que agora abren un interesante debate cidadán sobre o coñecemento e a conservación do patrimonio cultural e histórico. Achados preciosos para coñecer a composición do palimpsesto urbano vigués, probablemente con vestixios de cando a cidade comezou a retirar a muralla e abrir os seus ensanches urbanos próximos, que constitúen unha oportunidade formidable, probablemente única, para saber máis da historia viguesa e reflexionar sobre as súas carencias e oportunidades.
As investigacións sobre este período decisivo de mudanza da rede viaria extramuros do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, recollidas no seu libro esencial «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses, 2019), permiten coñecer que o trazado da actual rúa Elduayen, entón Travesía de Vigo (1879), proxectado por Manuel Fernández Soler, autor do que quizais puidese considerarse como o primeiro plan xeral de Vigo, obrigou a cortar as rúas do Pracer e da Misericordia, que partían da praza da Herba (hoxe Argüelles). Novo trazado que «obrigou ao derrubo total ou parcial de numerosos edificios e, entre eles, da capela gremial da Misericordia do século XVI, da maior parte da casa-pazo de Fuente-Pita e así mesmo da artística fonte de Neptuno». Vestixios de construcións familiares como as da rede de sumidoiros da rúa Sombrereiros, contemplados en 1890 no ancheamento da nova travesía a quince metros, que probablemente continuarán aparecendo nas escavacións das vindeiras semanas.
As obras do túnel de Elduayen e da Porta do Sol, unha infraestrutura tan complexa e custosa como claramente innecesaria para a imprescindible peonalización deste espazo urbano de privilexio, constitúen unha oportunidade para debater sobre o tipo de Vigo que se pretende construír: unha cidade alicerzada sobre o palimpsesto da súa tradición e memoria identificable nestes achados ou ben outra que quere borrar esas pegadas ou botar terra sobre elas canto antes. Achados que aconsellan unha estratexia demorada de valoración deste xacemento por parte dos arqueólogos e restauradores, e mesmo a posibilidade, como propón o movemento Vigo Histórico, de deter as obras mentres os técnicos debaten como integrar estes restos históricos no tecido urbano futuro.






O debate sobre o futuro das cidades e das formas urbanas no escenario global sitúase cada vez máis no centro da axenda política galega. A pandemia da covid-19 obrigou a todas as cidades a enfrontar os seus problemas de mobilidade, tamaño e competitividade no marco do mapa galego, peninsular e europeo. O corenta aniversario do Estatuto de Autonomía (1981) e do que foi a batalla da capitalidade e do reparto das súas sedes e institucións entre Santiago, na súa maior parte, e A Coruña, ofrece a oportunidade de reconsiderar este modelo hipercentralizado, que danou o lugar de Vigo como primeiro motor urbano de Galicia ao longo do século XX. Como xa non se pode esconder o feito de que, desaparecidas de forma infame as dúas caixas de aforro galegas, as rexións urbanas de Vigo e A Coruña son hoxe dependentes económica e socialmente das súas empresas tractoras, Citroën e Inditex respectivamente; dúas industrias, a da automoción e o vestiario, sometidas a delicados procesos de mudanza climática, dixital e loxística que precisan para desenvolverse e subsistir da posta en marcha en cadansúa área de influencia de novas infraestruturas e procesos de I+D+i aos que non son alleos factores moi complexos de orde planetaria.

Nas mesas de novidades das librarías viguesas destacou este pasado nadal Vigo, fronteira do alén (Ir Indo, 2021), o diálogo entre Lampetusa e Sponsor escrito por X.L. Méndez Ferrín como indagación sobre a cara e o envés da cidade de Vigo. Un texto que tivo a súa primeira edición en 1988, nun formato de libro de mesa, no que foi acompañado de cento cincuenta fotografías a cor de Xulio Gil e dunha escolma de textos literarios sobre Vigo. Unha obra coa que o editor Bieito Ledo iniciaba entón unha viaxe literaria e visual na procura da identidade de cada unha das cidades galegas ofrecendo edicións plurilingües en galego, castelán e inglés, empregando o gran formato (libros de 30 x 30 cm), a encadernación acartonada, os acabamentos en coiro ou tea, así como a presentación en estoxo, criterios e calidades de edición entón moi novidosos para o libro galego. Daquela excelente edición, Ledo rescatou o texto e apenas corenta fotos en branco e negro dándolles unha segunda vida cunha portada de Antón Pulido sobre as faenas do Berbés. E abofé que trinta e catro anos despois este libro máis humilde continúa sendo interesantísimo, tanto pola calidade e lucidez do texto ferriniano como polo feito sinalado no limiar desta segunda edición de que Vigo, sendo a máis dinámica das cidades galegas, «muda con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito».











