Vigo: A Gran Vía (1942)

Hoxe recibín por correo estas dúas fotos, pertencentes ao Arquivo Pacheco, do comezo da Gran Vía viguesa (1942). A de arriba corresponde ao inicio da construción do edificio da libraría “La Rápida” (hoxe a zapataría “Curva”), un dos primeiros rañaceos vigueses co estrutura de formigón. A de abaixo corresponde á mazá onde se construíu o Hotel Lisboa (hoxe Zenith Vigo) e o molote do Ambulatorio da rúa Cuba. Os chalets, de fasquía arquitectónica rexionalista, deben ser de Manuel Gómez Román. Cada vez que me asome á ventá saberei que diante da miña casa estaba a cidade xardín.

Nota: premendo sobre as fotos poden verse a un bo tamaño.

Bibliotecas fermosas

Desde aquí pode facerse unha impresionante viaxe fotográfica por algunhas das bliliotecas máis fermosas de todo o mundo. Unha auténtica marabilla para quen teña curiosidade por estes espazos para gardar a memoria das palabras. Pódese ampliar a navegación nas páxinas de flickr. Moi recomendable.

Vía Valadés (beizóns).

Etiquetas:

Concelleiros de Urbanismo


O programa Vaya semanita da ETB ten algunhas pezas ben simpáticas. Un modelo (ben podería emulalo a TVG) de como é posible dende as televisións públicas facer humor sobre temas políticos. Os que teñan TDT de R poden velo en Galicia na canle internacional da ETB os sábados. Esta peza sobre “o escaso valor das bibliotecas”, como tantas outras, paga a pena.
Vía Vigoblog.
Etiquetas:

PXOM de Vigo, o informe de Cultura

Outra vez máis, grazas a Vigoblog podemos ler na rede o que se nos pretende ocultar sobre a tramitación do PXOM de Vigo. Desta volta é o texto completo do informe da Dirección Xeral do Patrimonio (12 folios en PDF). Unha lectura atenta amosa que as modificacións solicitadas pola Consellaría de Cultura ao concello de Vigo son relevantes, por moito que a propia conselleira pretendese minimizalas para non incomodar de máis aos seus compañeiros vigueses. Cada nova información publicada demostra que hai moitos intereses tras a aprobación do plan vigués. O cambio profundo dalgúns criterios de planeamento e a necesidade dun novo proceso de exposición pública impóñense. Alguén pode explicar a teimosía dos defensores medulianos deste PXOM?

Etiquetas: ,

Escenarios doentes

No artigo da semana recomendo a visita ás exposicións fotográficas Casas doentes de Manuel Sendón e Escenarios de Vari Caramés, das que xa temos falado no blog.

Os pendellos

Os pendellos d’Agolada son unha mostra do noso patrimonio vencellado á actividade dos feirantes. Xosé Vázquez Pintor reivindicounos no seu último libro da triloxía dos vellos oficios. Este vídeo –vía Falabarato (moitas grazas)– amósanos a necesidade de protección deste conxunto de arquitectura tradicional.

Etiquetas: ,

As voltas do Plan

No artigo da semana volvo coa cuestión do PXOM vigués. Tal como se desenvolveron os argumentos desta semana, cómpre unha inflexión da posición de todos os grupos. Neste contexto de emerxencia, propoño a constitución dunha mesa permanente dos catro grupos municipais para realizar un seguimento consensuado dos traballos de subsanación das deficiencias. Difícil (pensarán algúns), mais imprescindible, se queremos saír deste atasco endémico.

Etiquetas:

A casa de Lola de Andrés

Mañá, sábado 27 de xaneiro, preséntase na Forxa de Sardiñeiro A casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón Ogando. A proxección do documental, que conta como pode afectar a un pobo pequeno a chegada do bum inmobiliario que asola a nosa costa, supón, a volta, despois de cincuenta anos, do cine ao Sardiñeiro. As referencias son magníficas.

SINOPSE
O pasado non o hai que perdelo de vista porque para entendermos quen somos e para ir cara adiante sempre hai que telo presente. A memoria esvaécese e o pasado non é máis que un eco no espazo que o acolleu. Hoxe estes ecos dilúense nun espazo cambiante vítima da salvaxe e irreversíbel especulación inmobiliaria. A Costa da Morte está á venda. Baixo a fachada de prosperidade económica o fenómeno inmobiliario agacha a emigración, a falla de industrias, a desestruturación económica e a especulación perfilando un futuro no que os pobos se desartellan e onde se promove un desprezo total ao contorno, un contorno que en certa medida é o que nos di quen somos.

AVE e PXOM

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.

Etiquetas: