Manuel Sendón: casas doentes

Absolutamente recomendable é a exposición de Manuel Sendón inaugurada esta noite na Fundación Barrie de Vigo. Esa manchea de catrocentas casas abandonadas, fotografadas con enorme sobriedade e precisión no encadre, expresan a dor silenciosa pola perda dunha parte do noso patrimonio construído no medio vilego. A casa concibida como arca e memoria. A dignidade das construcións tradicionais concibidas como espazos para ser habitados. O poder evocador da arquitectura. Unha proposta artística para reflexionar sobre o paso do tempo. As posibilidades expresivas do arquivo. Unha mostra dun auténtico mestre na súa madurez compositiva. Beizóns, Manolo!

Gaiás

No artigo da semana reflexiono sobre a redefinición do complexo de Gaiás. Entendo que a decisión do Goberno Galego de continuar as obras era inevitable. Porén, o dilema que hai por diante agora é facer compatible as expectativas altas cos recursos cos que conta o país. Sen dúbida, as claves para solucionalo serán acertar no deseño dos contidos e nas formas de xestión.

Feismo? Destruír un país

Un dos libros dos que máis gustei este ano é Feismo? Destruír un país de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta edición soberbia e fermosa (oitocentas fotografías), como é adoito en todas as obras da editora de Xavier Paz, propón unha reflexión sobre o feismo (a destrución do territorio humanizado) como fenómeno multipolar. Este libro magnífico e moi traballado (froito dun foro transversal sobre a cuestión, no que participaron case unha vintena de especialistas) amosa que aínda é posible o papel cívico e creador do editor. A edición concibida como conversa coa nosa contemporaneidade. A edición ao servizo dunha reflexión colectiva dun país que nega a resignarse na diletancia de comprobar como se vai estragando diante dos nosos ollos. Os meus parabéns máis entusiastas para o equipo de Difusora de Letras por esta marabilla. Recoméndoo vivamente.

Panificadora

Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.

Mentiría se dixese que gustaba do pan da Panificadora. Gustabamos máis das barras de leña do señor Domingos, o panadeiro do Barrio do Cura, onde levabamos as tarteiras e as empanadas a cocer. O valor da Panificadora para nós non era o pan que preparaba, insípido e pouco sabedeiro (mesmo habíao sen sal, un pecado daquela), a súa importancia residía na súa dimensión imponente, como o eran as tolvas dos seus muíños, como o era a fábrica de fariña e pensos, como o era o obradoiro mecanizado todo, como o era o seu forno de gasoil. A Panificadora Viguesa pechou hai vinte e cinco anos e, dende entón, está en perigo inminente de desaparecer.

Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses.

A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.

Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documental A cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.

Arquitectura popular en Galicia

As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que “este é un dos libros esenciais de Galicia” para sinalar a continuación que “nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós”.
Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. “O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é ‘lugar’. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: ‘vivimos no lugar de tal’, este é o comezo da nosa árbore topográfica”.
Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. “Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer”. Engadiu que “este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas”. Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra ‘levantar’: “Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan”.
Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. “Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas”.
Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. “Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é”, concluíu.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.

A cidade perdida

O vindeiro 17 de novembro estréase A cidade perdida, un documental que pretende pór en valor a arquitectura industrial destruída da cidade de Vigo. Edificios como a Panificadora, Cerámicas Santa Clara ou La Artística son emblemas industriais que non nos poden ser roubados. Beizóns para este esforzo de recuperación da nosa memoria. Agardamos con expectación esta proxección.

Etiquetas:

Entrevista a Pedro de Llano

A aparición das nosas edicións recentes de Arquitectura popular en Galicia (en galego e castelán) suscita unha interesante entrevista con Pedro de Llano. Este volume agora moi ampliado e actualizado, un auténtico clásico (editado por vez primeira polo COAG hai vinte anos), propón unha mirada sobre a integración da nosa arquitectura tradicional na paisaxe.

Inevitablemente, tal como foron as cousas nestas dúas décadas (coa reconversión demográfica do mundo rural galego), as opinións do autor non poden ser máis pesimistas: “Estamos ante a morte dunha orde natural eterna, onde a arquitectura estaba perfectamente integrada na paisaxe natural. Ante esta violentación, como nunha cadea de atentados, estamos vendo como Galicia se vai convertendo nun vertedoiro de operacións cheas de ignorancia de todo tipo”.

A entrevista remata coas opinións de Pedro de Llano sobre a Cidade da Cultura e a actual política do bipartito: “A destrución segue avanzando e o que máis me enfurece –mesmo ‘sufro’– é ver un goberno malversando o noso patrimonio económico para construír a Cidade da Cultura que, todo hai que dicilo, é unha moi mala arquitectura. Somos moitos os galegos que nos sentimos agredidos coa política que o noso goberno está a seguir. As obras do Monte Gaiás, ademais, van deixar unha cultura escuálida, nunha situación horrenda, porque traga un terzo do presuposto total da área. Iso é realmente a concepión que pretendo combater coa miña defensa da arquitectura popular. Están mentindo continuamente e demostrando, día tras día, a súa infinita incultura”.

Abrir Vigo ao Mar

No artigo da semana insisto en ir contracorrente. Creo que a insatisfacción polo resultado actual desta actuación urbanística non está no proxecto de Consuegra, senón na falta de sensibilidade e de entendemento, cando non na irresponsabilidade, das tres administracións implicadas, que non foron capaces de finalizalo.

A foto do monumento do semi-polbo xigante corresponde ao magnífico arquivo de Javier Albertos Benayas, que colocou na rede máis de dez mil fotos sobre Vigo.

Premio para "Abrir Vigo ao mar"

É ben extraño que teñamos que saber por El Pais e por outros medios non galegos (os de aquí non se enteraron?) que a intervención “Abrir Vigo ao mar”, deseñada polo arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, foi recoñecida co Premio Arquitectura Española 2005 que concede o Colegio de Arquitectos de España.
A nosa abella da ribeira é unha cidade de xenerosidade escueta (Celso Emilio dixit) e esta intervención sobre o noso borde litoral foi máis criticada aquí como admirada fóra. Aínda que non todos os elementos sexan igualmente axeitados (especialmente desacertado é o edificio da Xunta), creo que o conxunto da intervención de Consuegra pagou a pena porque permitiu abrir algunha xaneliña ao mar (pequena, a verdade) e gañar espazo para os peóns e para o encontro cidadán (gosto moito da praza da Estrela). Mágoa que quede pendente a piscina do Náutico (que debería ser reubicada) e a intervención sobre a Estación Marítima, onde debería situarse o Museo Galego da Emigración. Agardo que este premio merecido contribúa a recuperar o interese de Zona Franca e do Concello por completar estes elementos do proxecto.