Onte 20: Vigo, arquitectura perdida

Do fío do meu benquerido Ramón Nicolás cheguei a esta magnífica peza sobre a arquitectura do Vigo perdido, aquel que percorreron Couto arriba os nosos avós, que eran, por certo, irmáns da estirpe Beleira. As marabillas da tecnoloxía permiten recuperar a fasquía primixenia daquelas edificacións pétreas derrubadas ou deturpadas pola avarenta teima «desarrollista». Lonxe da nostalxia paralizante, precisamos recuperar a memoria dunha cidade desmemoriada en permanente reconstrución. Xa o teorizou Siniestro Total, trátase de saber de onde vimos, onde estamos, cara onde imos.

5 comentarios
  1. Rodrigo Varela
    Rodrigo Varela Dice:

    Sinto discrepar. Aínda que nacín en Vigo, non volvín a esta cidade até moitísimos anos despois. Teño vivido en multitude de sitios, desde vilas mariñeiras a megalópoles, en cidades-museo, cidades-dormitorio e cidades vivas. Volver aquí significou atoparse cunha cidade que pertence, pese a crise da industria local, a estas últimas. Gustaríame que así seguira, construindo sobre o anterior segundo as necesidades, criterios estéticos e recursos do momento.

    Pontevedra, Santiago e Ourense son grandes exemplos de recuperacións dos cascos históricos, pero a teima por conservar o pasado non lles deixa oco ao futuro. E se algo falta neste país, creo que é perspectiva, dar pasos adiante desde onde estamos sen estar mirando constantemente atrás (isto daría para un interesante debate sobre a ideoloxía conservadora galega e o nacionalismo de esquerdas).

    Somos unha sociedade bipolar, coa potencia económica do Eixo Atlántico e a pobreza xeneralizada do resto. O expresión estética consecuencia desta realidade é a que todos coñecemos.

    É preciso mirarnos con sentido do humor e ilusionarse. Hai uns anos vin nunha librería de Clerkenwell especializada en deseño un libro que mudou a miña visión sobre o “feísmo” e sobre Galiza (concepto urbanita dos que queren que o campo non cheire a estrume): Home Made Contemporary Russian Folk Artifacts http://amzn.to/neFw3R

    A nosas, se saen na Voz, son “Chapuzas Made in Galicia”. Se foran vistas con outros ollos, merecerían estar nunha librería de deseño dun dos barrios máis trendy de Londres.

    Non se anima a sacar adiante un proxecto similar? Arriba os somieres e as bañeiras no campo!!

    Responder
  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Non vou entrar nun debate estético e moito menos sobre o «feísmo», un concepto que non comparto. Porén, non atopo razóns abondas que xustificasen que se derrubase o edificio Rubira para construír o actual onde se ubica o BBVA. Creo que nada ten que ver coa existencia dunha suposta «ideoloxía conservadora galega» ou coa osición sobre estes temas do nacionalismo de esquerdas. Comparto a necesidade de utilizar o humor como estratexia comunicacional e de vida. Por último, estou aberto a valorar cos brazos abertos e o maior intereses todos os proxectos de edición en galego que se presenten na editorial. Moitas grazas polo comentario e por visitar este espazo.

    Responder
  3. teresa nieto
    teresa nieto Dice:

    Non atopando razóns abondas que a xustifiquen, a derruba das xoias da arquitectura do Vigo perdido, do conxunto de arquitectura moderna máis importante de Galicia, explícase no contexto “desarrollista” dos anos 60 e 70. Que no que vai de século XXI teñan caído moitos máis, que outros se “manteñan” como decoración urbana (façadisme http://fr.wikipedia.org/wiki/Fa%C3%A7adisme ) engulidos outros por ampliacións, adicións, fachadas de vidro, nunha falaz e hipócrita conservación/deturpación, cando existe unha lexislación de protección do patrimonio cultural, planeamentos urbanísticos de protección, e administracións, colectivos profesionais e cidadás que teñen, ou asumen, esa responsabilidade ante a sociedade, como se explicará dentro de trinta ou corenta anos?
    Que partes importantes da cidade e edificios representativos da súa memoria histórica vaian caer nos vindeiros meses pola ignorancia, descoñecemento, incapacidade (nosa, eles,os edificios, non son os culpables) e falta de vontade, interesada e camuflada, de incorporalos ao futuro da cidade, pódese aínda evitar?

    Responder
  4. xos
    xos Dice:

    Home, eu non creo que o caso de Pontevedra e Santiago (de Ourense recoñezo a miña ignorancia) sexan exemplos que non deixan oco ao futuro. A Compostela dos 90 foi un claro exemplo de como recuperar e por en valor un casco histórico mentres se abrían moitos ocos ao futuro, construíndo unha cidade moderna. Con moitas eivas, si, por exemplo a incapacidade para reter poboación que marchou aos concellos limítrofes, pero iso último pásalle a todas, é un fenómeno contemporáneo. Agora está, iso si, demasiado mediatizada e influída polo pesadelo da Cidade da Cultura.
    En canto a Pontevedra, penso que empezou a ter futuro a raíz da recuperación do casco vello, e así o di a súa evolución demográfica, por exemplo.
    Vigo, desde logo, é unha cidade viva, seguramente máis dinámica que as anteriores, pero tampouco somos Nova York. Seguimos precisando de algo máis, algo que non damos atopado. Desde logo, ten todo o futuro, pero iso non ten por que significar non por en valor o seu pasado, o pouco que quede.

    Responder
  5. Carlos Amoedo
    Carlos Amoedo Dice:

    Pois Nova Iorque ten unha política de conservación urbana moito máis intensa do que, por exemplo, as cidades galegas, nas que abraiaría coñecer a listaxe dos edificios que se tiraron abaixo nos últimos quince anos para poñer truños no seu lugar. E non me refiro só ao edificio Conde de Fenosa na Coruña.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará