A voltas co Auditorio

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre o proceso de construción e xestión do Audtorio Mar de Vigo.

Transcorridos dous anos dende a súa inauguración, o Auditorio Mar de Vigo, o fermoso edificio de César Portela chantado en Beiramar, funciona por baixo das súas expectativas.

A do Auditorio de Beiramar é unha historia que ven de lonxe. A orixe estivo no peche da factoría de Casa Mar 1994, desde a que Javier Sensat  chegou a xestionar a produción de máis dun centenar de buques do Grupo MAR (Motopesqueiros de Altura Reunidos). O peche da grande casa branca e o de Cordelerías Mar, tras un longo conflito laboral, deu pé aos convenios municipais de 2003 (sendo alcalde Lois P. Castrillo) de recualificación dos terreos da rúa Jacinto Benavente para que cos seus beneficios os traballadores puidesen cobrar as débedas que con eles arrastraban as súas antigas empresas. Os proxectos de rexeneración urbana contemplados nos documentos do Plan Xeral de 2002, que proponía a transformación do espazo industrial de Beiramar en residencial e dotacional, así como o acordo interinstitucional de 7 marzo de 2001 de racionalización dos espazos portuarios, entre Concello de Vigo, Xunta e Autoridade Portuaria de Vigo, avalaron a decisión de instalar o “Auditorio-Pazo de Congresos” nos terreos de Casa Mar, que acordaran Castrillo, Príncipe e Xosé Cuíña o 2 de marzo de 2000.

Iníciase así a primeira lea, que se estendería ao longo das alcaldías de Ventura Pérez Mariño e Corina Porro, sobre a cesión da propiedade dos terreos por parte da Autoridade Portuaria ao concello de Vigo. Conflito que se pecharía en 2005 pagando Xunta e Concello 3,5 millóns de euros a Puertos del Estado, que se negaba a cedelos de balde. Non exento de polémica na confección dos informes municipais, o goberno de Corina Porro en marzo de 2006 adxudicou o concurso de construción do auditorio en 85 millóns de euros (dos que a Xunta achegaría 18,57 millóns e o concello 12) e durante un período de concesión da súa explotación de 35 anos a unha UTE (Pazo de Congresos) formada por Sacyr, Puentes e Caixanova. As obras de construción do Auditorio, iniciadas co derrube de Casa Mar, o 26 de xuño de 2006, alongáronse até a fin do primeiro mandato de Abel Caballero. Foi en marzo de 2008 cando o proxecto sufriu a súa reformulación, debido á solicitude da adxudicataria de reducir o presuposto en case vinte e seis millóns de euros. Entón o concello aceptou reducir as dimensións do espazo comercial e do aparcamento. Unha resolución que se elevou a definitiva polo goberno local no verán de 2012, achegando outros cinco millóns de euros e aumentando o período de concesión noutros vinte e cinco anos, coa intención de recuperar o equilibrio económico-financeiro da concesión.

Mais non foi así. Tras o éxito cidadán que supuxo a súa inauguración en marzo de 2011 e o recoñecemento unánime da beleza dun edificio moi sobrio, o funcionamento do Mar de Vigo nunca foi satisfactorio. Dende o inicio, a sala principal arrastra unha serie de deficiencias que nunca foron subsanadas. A carencia dunha cuncha acústica e dun foso para a orquestra constituíu unha limitación para as posibilidades artísticas dunha instalación en aparencia modélica, na que o público confesaba padecer moito frío en inverno. O programa de congresos quedou moi por baixo das previsións, completando en dous anos apenas cincuenta días de actividade congresual, cun número de visitantes moi inferior ao agardado. O proxecto comercial previsto na planta baixa nunca se desenvolveu, permanecendo pechada. Como tampouco se aproveitaron os espazos baleiros para usos dotacionais educativos ou culturais. Diante de semellante inactividade, á que non é allea a situación deflaccionaria que vivimos, a ninguén pode extrañar que as diversas empresas adxudicatarias dos servicios (hotel, restaurante e a propia xestora de eventos) ameacen con tirar a toalla asfixiadas polas débedas. Se todo isto non abondase, de solicitar a concesionaria o rescate do contrato, o concello de Vigo debería enfrontarse a un complexo proceso xurídico e mesmo podería verse obrigado a desembolsar unha indemnización elevadísima. Para tremer.

O naufraxio dos proxectos congresual e comercial do Auditorio Mar de Vigo pon en evidencia as dificultades de posicionamento internacional da nosa cidade, ao que non é allea a crise de voos de Peinador, como constitúen un síntoma preocupante da perda de dinamismo económico da nosa área metropolitana. Mais tamén, é innegable que todo este enleado proceso demostra o fracaso dun modelo de privatización da construción e xestión dunha instalación pública. Ollo!, un modelo semellante ao que a Xunta de Galicia está utilizando no Hospital de Valadares (a esta altura coas obras practicamente paralizadas por dificultades de financiamento) e o Ministerio de Fomento coa nova estación do AVE de Urzaiz. Para tomar boa nota.

As fotos do edificio desaparecido de Casa Mar son de Guillermo Cameselle.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *