Onte 1523: Culturgal 2015, xornada de apertura

culturgal_04-12-2015

Onte puxemos a rodar o Culturgal 2015, que completou a súa xornada de apertura coas visitas de escolares e as primeiras actividades nos diversos espazos. No acto institucional de apertura todos os catro intervinientes (Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; Román Rodríguez, conselleira de Cultura e eu mesmo) insistimos na importancia da cooperación interinstitucional de tres administracións gobernadas hoxe por tres cores distinitas como na fachenda e orgullo de contar cunha industria cultural como a galega. O protagonismo dos públicos e das empresas e axentes dos diversos sectores neste Culturgal 2015 convida ao optimismo.

Convido a participar hoxe no sábado grande de Culturgal, Xaora, as persoas que non poidan achegarse a Pontevedra poden seguir por streaming en dúas pantallas simultáneas o que acontece nos espazos do Pazo da Cultura. Seguimos.

As miñas palabras de apertura poden lerse aquí.

Onte 1522: Culturgal 2015 listo

culturgal_2015

Despois de moitos meses de preparación onte quedaron aqueladiño os espazos do Culturgal 2015. Estamos moi ilusionados e á espreita. Contaremos con case un cento de expositores e un programa con cento cincuenta actividades literarias, musicais, audiovisuais, dixitais, formativas e lúdicas para todos os públicos. Inevitablemente, montaxe tan complexa como a preparada polo equipo que dirixe Xosé Aldea produce certa vertixe. Xaora, confiamos en que o espírito de entusiasmo contaxioso de Culturgal axudará a resolver continxencias e superar desacougos. Agardámosvos cos brazos abertos. Seguimos.

Onte 1521: Alberte Santos en Cartabón

alberte_santos_cartabon_02-12-2015

Moi interesante foi onte a presentación na libraría Cartabón d’ O rebumbio dos vagalumes, a primeira novela do xornalista Alberte Santos Ledo. Entrevistado polo editor Pepe Carreiro, Alberte comezou confesando que na novela «pretendeu defender a capacidade de ser críticos con nós mesmos e facer cambios». «Na vida non hai treguas e cómpre decidir nas situacións de frustración ou cando un non se sinte satisfeito, como lle sucede a Paula, a protagonista da miña novela.» «Sen este exercicio de rebeldía e de inconformismo, nas vidas persoais hai pouco espazo para a esperanza.» Interpelado polo editor, Santos explicou que escollera cinco narradores para que «o lector tivese unha visión máis poliédrica e plural», «quixen que o dono da historia fose o lector». Con respecto aos personaxes dixo que «todos os sete tiñan que decidir nalgún momento, ainda que se enfrontasen a esa situación de risco en momentos diferentes». «A miña intención é que na lectura da novela a xente o pase un pouco ben, goce dun momento entretido, mais tamén que lle permita a reflexión sobre cousas importantes, mesmo que miren para si mesmos». Preguntado polas persoas do público, Alberte Santos deu algunhas claves sobre o título, «unha metáfora que atende a que os vagalumes dan luz sen calor para chamar a atención dos seus pares». Recoñeceu a influencia de autores como Kundera e «doutros que non utilizan unha escritura liñal». Rematou as súas palabras Santos confesando que «non concibiría escribir literatura noutra lingua que non fose a galega». Un excelente convite á lectura d´ O rebumbio dos vagalumes. Parabéns para autor e editores.

Onte 1520: Día da dignidade

rosa_parks

Fixéronse onte sesenta anos daquela proeza histórica de Rosa Parks que se negou a deixar a un branco a súa cadeira no autobús. Un comportamento que se forxou como modelo de dignidade, axudando a superar comportamentos e prexuízos racistas e a establecer modelos de igualdade real. Unha desas poucas accións históricas individuais que axudan a mudar ao mundo no horizonte da esperanza. Onte lembramos aquela manifestación de 2002 en Compostela, onde cada un dos nosos paraugas contribuíu a caligrafar o sintagma Nunca mais, que dende entón expresou a indignación dun país disposto a saír do seu silencio conformista. E onte tamén lembramos a Eduardo Blanco Amor no trinta e seis aniversario do seu pasamento, unha figura literaria e humana que (por ventura!) cada ano vai recuperando o seu valor de xigante da literatura galega. A coincidencia desta efeméride coa entrega do premio que leva o seu nome, que nesta edición correspondeu ao noso admirado Xavier Queipo, é outra excelente noticia deste 1 de decembro. Unha data a que ben acae gardala no calendario como «día da dignidade».

Presume de Culturgal

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Culturgal 2015 que abre as portas o vindeiro venres.

culturgal_2015_01-12-2015

Esta fin de semana celebrarase Culturgal 2015. Do venres 4 ao domingo 6 de decembro xuntaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de medio milleiro de creadores e creadoras para desenvolver cento cincuenta actividades e tres grandes exposicións; mentres que oitenta entidades expositoras, entre empresas privadas e institucións e entidades públicas, presentarán nun cento de stands as súas novidades e servizos recentes a 15.000 persoas, no que xa é o maior evento anual da cultura galega. Entusiamo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que tras a súa continuidade en Pontevedra, sempre na primeira fin de semana do mes de decembro, conseguiu devagariño crear unha nova tradición no calendario cultural galego e funcionar coma un escaparate das novidades dos sectores da nosa cultura (libro, disco, cine, teatro, cultura dixital e artesanía), mais tamén como un punto de encontro e interacción transversal dos seus profesionais e dos seus públicos.

Organizada pola asociación Culturgal, integrada por cinco asociacións empresariais dos sectores das industrias culturais, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Músicais (AGEM), Escena Galega (teatro), EGANET (empresas galegas dedicadas a internet e novas tecnoloxías) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), contando co patrocinio principal de tres entidades públicas (Xunta de Galicia, a través de AGADIC; Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra), que achegan o sesenta por cento do seu orzamento, tras oito edicións, Culturgal madureceu consolidando un modelo de xestión baseado nos principios de corresponsabilidade, profesionalización, calidade, transparencia e participación. A intensa colaboración intersectorial das asociacións, o apoio das administracións públicas, gobernadas por diversas cores políticas, o esforzo hercúleo, o rigor e a austeridade da xestión do evento artellado por un pequeno equipo de profesionais, dirixido nas tres últimas edicións por Xosé Aldea, son outras claves do éxito dunha feira cultural que quixo reinventarse en cada edición coa intención de sorprender aos seus públicos e ofrecerlles melloras na súa experiencia persoal.

No entorno da crise interminable que afectou de forma brutal a todos os sectores da industria cultural, tanto pola diminución do consumo privado, polas mudanzas e incertezas provocadas pola hibridación dixital como pola inevitable rebaixa das achegas dos poderes públicos, Culturgal apostou pola estratexia do estorniño, esa solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade de Culturgal, que ademais de contar coas colaboracións intersectorial e interinstitucional, procurou a dos propios públicos, a primeira razón de ser desta feira, establecendo de forma pioneira en Galicia unha entrada de pagamento para este tipo de eventos culturais (2 euros por día, 3 euros para todo o evento, 1 euro por día para os nenos e nenas entre 3 e 12 anos e 2 euros para todo o evento). E abofé que na pasada edición as respostas dos públicos, tanto o familiar como os especializados e profesionais, non puido ser máis xenerosa e comprensiva, converténdose nun importante motor para acadar a sostibilidade económica deste modelo.

Outras mostras do espírito anovador de Culturgal foron nas últimas edicións a inclusión no programa de actividades infantís dun apartado específico dedicado a bebés e nesta dun espazo específico dedicado ao xogo dos máis novos; o establecemento de liñas transversais da programación, o pasado ano a cultura gastronómica, nesta a posta en valor da cultura da palabra; a ampliación dos espazos formativos e de encontro intersectorial, que este ano suporá un encontro de profesionais da escena e outro de editoras e produtoras cinematográficas; a creación do Premio do Público Culturgal, outorgado por votación popular en internet por milleiros de persoas, que nesta edición 2015 correspondeu a Curtocircuito Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela; e a incorporación das artes plásticas por medio dunha gran exposición patrocinada pola Deputación de Pontevedra, comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, baixo a denominación de “Somos espazo”, ocuparase das simbioses creativas entre arte e arquitectura.

Se non abondase, nesta edición a feira presentará un novo deseño espacial co que se pretende facilitar a circulación e satisfacción do público e unha mellor visibilidade para todos os expositores. Eis o lema desta edición “Presume de Culturgal”. Cando apenas quedan un par de días para abrir as súas portas convido a compartir o entusiasmo destoutro Culturgal en man común.

Onte 1519: Debate polo centro

debate_el_pais_30-11-2015

O debate de onte organizado por El País amosou que PSOE, Ciudadanos e Podemos dirixirán todos os seus esforzos de campaña en engaiolar ao «electorado de centro».  Como o feito de que non fosen convidados nin a IU-Unidad Popular de Garzón nin ningún dos partidos nacionalistas proba que os poderes mediáticos da corte pretenden reconducir a inevitable fragmentación postbipartidista arredor dos partidos de Rivera e Iglesias. Xaora, a pesar de que Podemos abandonou a tese da creba democrática, o seu candidato foi o único que abordou con claridade unha proposta de reforma constitucional territorial como resposta ao «problema catalán», mentres Sánchez e Rivera competiron por quen defendía máis á unidade da nación española e unha estratexia máis recentralizadora. Nese contexto, non me pareceu un erro a incomparecencia de Mariano Rajoy, xa que así puxo en evidencia o seu perfil de claro favorito, mentres os seus tres rivais disputaron «un torneo» para dirimir que se facía co espazo do centro.

Recomendo a xenial crónica de Manuel Jabois.

Campo do Fragoso CLXIX

tercio-liga-3PEQUENA FOCHANCA

Tras os tres últimos partidos, as derrotas co Valencia e Coruña e a vitoria apurada co Sporting, non hai dúbida que o Celta caíu nunha pequena fochanca. A pesar dos tres valiosos puntos, na noitiña do sábado a maioría dos xogadores de Eduardo Berizzo ofreceron unha imaxe borrosa, sobre todo na primeira media hora da segunda parte, moi lonxe daqueloutra luminosa das xornadas de fulgor coa que comezaron esta magnífica campaña. Un retroceso na calidade do xogo que quizais poida ser explicado quizais por unha certa rixidez táctica de Berizzo ou como efecto dun baixón físico colectivo, tamén comprensible tras un inicio onde o equipo despregou unha intensidade grandiosa e onde foron moi escasas as rotacións e mesmo os trocos. Xaora, semella que, por ventura, nesta tempada esta crise de outono queda moi lonxe daqueloutra da pasada que conxelou ao equipo durante unha decena de xornadas.

O sábado Berizzo demostrou que é consciente da existencia do problema e intentou afrontalo. Modificou o seu once clásico e deixou a Aspas e Wass no banco. Porén, a entrada de Bongonda, Guidetti e Planas non mellorou a situación, sendo a reincorporación de Cabral a que axudou a recuperar certa orde e serenidade defensiva. Xaora, o Celta nunca foi capaz de mandar co seu ritmo de xogo nin establecer unha conexión fluída entre as súas tres liñas. O Celta funcionaba sen harmonía e sen partitura combinativa. Apenas as aparicións e conducións de Hernández, o mellor dos celestes, permitían trazar algunhas liñas interiores profundas sobre a dianteira. Así naceu o gol de Orellana, transcorrido apenas un cuarto de hora, despois dun servizo diagonal de Nolito, froito da primeira chegada combinada. E moi pouco máis podemos reseñar na produción atacante celeste durante a hora seguinte, discretísima se lembramos partidos anteriores.

Os de Abelardo, en clara superioridade no medio do campo, souberon incomodar a Augusto Fernández, que tivo enormes dificultades para sacar a pelota en superioridade. A pesar dos esforzos polo centro de Hernández, o Celta non conseguía xuntar as súas liñas, mais aínda cando non funcionaba a nova disposición das súas bandas, fose por que Bongonda non entendeu aínda a caligrafía do encerado do seu adestrador, fose por que Nolito non se asocia con Planas coa mesma facilidade coa que adoita facelo con Jonny. Tras o descanso, o Celta pareceu que se ía a pique, pero non naufragou. O gol xixonés chegou cunha cantada antolóxica de Sergio que entregou un saque de porta a biqueira de Carlos Castro. Un erro garrafal, síntoma da falta de confianza que nas últimas xornadas arrastra o porteiro de Catoira, un problema xa imposible de agochar, que obrigará ao adestrador a tomar unha decisión sobre quen debe asumir esa responsabilidade.

Mais na noitiña do sábado non todos os nubeiros foron adversos e algunha das fadas foron propicias para os nosos. O Sporting chegaba con facilidade diante de Sergio, mais sobráballe inxeleza no remate. Faltando un cuarto de hora, Berizzo entendeu o caso e incorporou a Iago Aspas. O de Moaña reivindicou o seu liderado e revolucionou o partido: deulle acougo ao equipo baixando a pelota, creou espazos entre os centrais e proporcionoulle un balón longo a Nolito que marcou o gol da vitoria tras un rexeite do meta asturiano. Un partido ruín no xogo, que se resolvía nun aparente golpe de fortuna.

Esta primeira crise da tempada evidencia algunhas carencias do Celta que ten un equipo (apenas trece ou catorce xogadores) moi xeitoso, mais un cadro moi curto e con escasas alternativas. Quizais sexa o momento ideal de botar man da canteira ou de reforzarse no mercado de inverno nas posicións máis precarias.

Onte 1518: Os Xerais no Ateneo

ateneo_de_pontevedra_27-11-2015

As perdas da fin de semana adiaron a reseña do que foron as presentacións nas que participamos esta fin de semana. No serán do vernres celebramos da man do Ateneo de Pontevedra a presentación dos tres premios Xerais coa participación dos membros dos tres xurados. Unha sesión literaria excelente na que escoitamos seis intervecións moi interesantes.

Daniel Landesa, xurado do premio Merlín fixo referencia á denominada «Xeración da Esperanza» como «Xeración Desesperada», a dos autores e autoras novas que procuran na literatura o que se lles nega noutros eidos da vida laboral. Cualificou Nena e o mar como un libro marabilloso, «con personaxes moi de aquí, pero que son universais, un libro que vai perdurar». Anxos Rial, xurado do Premio Jules Verne, cualificou a Andrea Maceiras de «artesá das letras galegas» e a novela Europa express como de grande madurez. Anxo González Guerra, xurado do Xerais de novela, salientou a «innovación formal e a deconstrución atractiva« de De remate da que aventurou se tirarán «textos perfectos para as probas de Bacharelato».

Pola banda das autoras, Érica Esmorís cualificou a súa novela como «historia longa e complexa, que ofrece unha historia de dúas velocidades, unha rápida, a de Nena, e outra vagorosa, a dos maiores». Confesou que o relato xurdira falando cos seus pais sobre as limitacións do paso do tempo. «Quixen que Nena demostrase aos vellos de Punta Balea que hai xente que nunca se rinde.» Andrea Maceiras confesou a súa afección polas postais, que serviu como enganche para a escritura de Europa express, novela con tintes autobiográficos que definiu de intriga psicolóxica e coa que pretendeu abordar temas como o do abandono da mocidade. Por último, Héctor Cajaraville homenaxeou a Xosé Neira Vilas lembrando que O cabaliño de buxo foi o primeiro libro que lera en galego. Confesou que estaba convencido de que só puido escribir con plena liberdade De remate por tratarse da súa primeira novela e non pensar que puidese ser publicada.

sisargas_28-11-2015

O sábado ao mediodía presentamos en Sisargas O último día de Terranova. Antes de comezar unha hora de lectura, Manuel Rivas explicou a súa concepción dos xéneros literarios como círculos concéntricos. «O primeiro círculo é o da poesía, a célula nai sobre a que levita a linguaxe, que a soergeu para cantar de ledicia ou de dor». «A poesía é a palabra en vilo, as palabras fosforescendo, A poesía é o rizoma que sae da terra e procura a luz.» Utilizou tamén a imaxe dos círculos para expresar a relación entre realidade e ficción, «que non son eidos esgazados, apenas círculos diferentes dunha mesma dimensión, na medida que a imaxinación e a razón forman parte deses círculos.»

Onte 1517: Pepe Chao, pensador irimego

Cando comezabamos onte a presentación da novela de Rivas souben do falecemento de Xosé Chao Rego, o pensador irimego. Outra perda, á que engadimos a da Esperanza Guisán, a miña profesora de Filosofía e Ética, nunha fin de semana que nos enfronta coa finitude. Tiven a fortuna de editar varios libro de Chao, con quen amiguei a raíz da publicación d’ O demo meridiano (Xerais 2004), un volume memorialístico que completaba o percorrido biográfico que iniciaramos co libro Conversas con Xosé Chao Rego (Xerais 2002) e despois da Biblia Popular Galega, un dos libros máis fermosos que levamos publicados. O labor vital de Pepe Chao foi extraordinario, fose polo seu compromiso como crego durante dezasete anos na ferrolá parroquia de Santa Mariña do Vilar, fose pola súa dedicación e compromiso como profesor de lingua no Rosalía, fose polo seu tesón como o escritor e ensaísta que máis páxinas ten publicado en galego. Non esquezamos que foi unha das figuras máis brillantes do pensamento galego do século XX, autor dalgúns ensaios de referencia na nosa lingua, como Eu renazo galego (1983) ou os oito volumes que compuxeron a súa eséxese bíbilica Historia do Pobo de Xesús (1980-2000). Quedo cunha frase que lle escoitei en varias presentacións d’ O demo meridiano e que sei marcou a súa vida: «Fóra do mundo non hai salvación». Na miña memoria sentimental lembrareino  da man do seu amigo, o tamén vilalbés, o sociólogo Bernardo García Cendán. Con todos os abrazos para a súa compañeira Sari.

Onte 1516: Neira, home ponte

Este é o meu homenaxe a Xosé Neira Vilas que publica hoxe Faro de Vigo con motivo do seu pasamento.

Neira-Vilas-23O escritor Xosé Neira Vilas foi moito máis que o autor de Memorias dun neno labrego, a obra máis popular da literatura galega do século XX, traducida a numerosas linguas, sendo unha das primeiras que lemos os neofalantes que nos incorporamos ao galeguismo durante a década dos setenta. Neira significou moito máis que ser o autor deste libro insignia do que foi a identidade galega da primeira metade do século XX. Pepe foi un home ponte, unha das trabes sobre a que se construíu a cultura galega das últimas seis décadas.

Neira armou unha ponte permanente entre Galicia e América emigrantes, desque marchou a Buenos Aires en 1949, e despois, en 1961, a Cuba, onde viviu durante tres décadas até que retornou, xunto a súa compañeira Anisia Miranda (falecida hai apenas seis anos), ao seu berce natal de Gres, nas terras do concello de Vila de Cruces. Neira foi ponte entre o mundo da edición galega en América e a que se realizaba na península. En 1957 fundou en Buenos Aires a editorial Follas Novas, a primeira distribuidora do libro galego na Arxentina, onde publicou o inesquecible libro protagonizado por Balbino, tamén organizadora da primeira semana do libro galego. Neira e Anisia, directora da revista infantil “Zunzún” e coordinadora de publicacións infantís do goberno cubano, serviron de ponte con Paco del Riego, entón xerente de Galaxia, para que se acometese a edición dos primeiros libros infantís en galego. Como tamén Neira serviu de ponte coa xeración de autores galegos que o precederon no exilio americano como Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Eduardo Dieste ou Lorenzo Varela.

Como narrador construíu unha obra orixinal alicerzada sobre os tres mundos que lle foron propios, Galicia, Arxentina e Cuba, sendo a vivencia da emigración e do seu desarraigo os eixos temáticos principais. O seu afán pola brevidade, a súa precisión léxica e utilización dunha prosa certeira, traballada, meditada e complexa, permitíronlle gañar o entusiasmo de moitos lectores e lectoras que o recoñeceron como un clásico contemporáneo. Este xeito de contar tan característico levouno tamén ás páxinas dos xornais, onde desenvolveu un labor infatigable con intencionalidade didáctica e política, alternando a crónica, a memoria e a análise das noticias do noso tempo dende unha perspectiva inequivocamente galega.

Lembrarei sempre a Pepe polo seu optimismo contaxioso, propio dun activista de vontade teimosa. Contaba sempre con novos proxectos e azos renovados que expresaba nas frecuentes chamadas telefónicas ou nas conversas demoradas que tanto lle prestaban camiño dalgún acto. Desque regresou en 1992 percorreu todo o país, apoiando os actos do asociacionismo cultural, participando nas feiras do libro de Galicia, das que foi un referente, ou nos clubes de lectura das bibliotecas públicas, como a que leva o seu nome no Calvario. Home ponte, xeneroso, entusiasta, activista. Botarémolo en falta.