Onte 1192: O ano sen pantalóns

el_año_sin_pantalonesAdoito ler cada ano un par de libros de non ficción estadounidenses, dese xénero híbrido tan dificilmente clasificable, entre os manuais de business e as biografías (haxiografías nalgúns casos) de novos triunfadores, que se ofrecen a esgalla nas librarías dos aeroportos. Despois da biografía de Jeff Bezos, na que souben que en Amazon non se utilizan nunca as presentacións en power point, subtituídas por composicións de 1000 palabras e notas de prensa de presentación de produto, metinme con certo escepticismo con El año sin pantalones, no que o xornalista e informático Scott Berkun relata a súa experiencia laboral dun ano como xefe dun dos equipos de Automattic, a empresa que xestiona WordPress.com, onde están aloxados millóns de blogs en todo o mundo. Confeso que o libro superou as miñas expectativas.

O máis interesante do libro de Berkun é a testemuña en primeira persoa de quen experimentou un modelo de traballo colaborativo, distribuído e en remoto e despois reflexiona de forma crítica e distanciada sobre as consecuencias que ten para a autonomía, empoderamento e confianza dos traballadores. En Automattic os empregados dos diversos equipos poden traballar onde e como eles queiran (de aí o título do libro) sen apenas utilizar o correo electrónico. A comunicación entre os membros de cada equipo faise por medio de vídeoconferencias en Skype, de textos compartidos en P2 (o sistema de blogueo rápido de WP) e en IRC, a veterana canle de conversa, ademais das catro ou cinco quedadas duns cantos días en diversos lugares do mundo para traballar xuntos de forma presencial. Todos os traballadores sen excepción inician a súa andaina na empresa pasando polo equipo de soporte, atendendo reclamacións e solucionando problemas aos clientes. En definitiva, unha nova cultura do traballo para unha nova relación cos clientes.

A intencionalidade da obra, escrita con inusual vigor narrativo, utilizando os recursos da autoficción, é subliñar que «as empresas progresistas», así as cualifica o autor, deben estar abertas á idea de que a tecnoloxía pode devolver parte do significado do concepto de «traballo» que perdimos: o seu carácter artesán, o de ser unha actividade da que se sintan orgullosas as persoas que a realizan, ou o de considerar as empresas como institucións que contan con valores profundos que perduran no tempo. O que non sería pouco, tal como se van conformando as empresas no entorno actual da devaluación e da perda de dereitos laborais. Un libro de negocios interesante.

Onte 1191: 2015, l’ Any de les biblioteques

Any_de_les_bibliotequesA Generalitat de Catalunya declarou 2015 como o ano das bibliotecas, unha celebración que coincide co primeiro centenario da creación da rede de bibliotecas da Mancomunitat de Catalunya. Aquel proxecto de crear bibliotecas en todo o territorio de Cataluña, redactado  por Eugeni d’ Ors co «afán de estender a cultura e a formación a todo o país», máis alá da rede de bibliotecas públicas provinciais, supuxo o primeiro modelo de bibliotecas públicas municipais do estado. A celebración do ano das bibliotecas, ademais de homenaxear a esta experiencia centenaria, supón poñer en valor o que é a primeira institución cultural de cada comunidade local. Bibliotecas como puntos de encontro interxeracional, cuxa finalidade é achegar á toda a cidadanía en condicións de igualdade acceso á información e fomentar a lectura na comunidade que conforma.

Galicia tamén precisa o seu ano das bibliotecas, que lle proporcione un novo pulo a unha rede que leva resistindo de forma heroica seis anos de asfixia económica, sofrindo severísimos recortes orzamentarios (mesmo a pesar daquel 2010 estragado como ano da lectura), ao tempo que incrementando o número dos seus usuarios. Precariedade económica que continuará en 2015, xa que o seu orzamento para actividades e novas adquisicións continuará estancado, diminuíndo outros 100.000 euros a cantidade prevista pola Consellaría de Cultura para a adquisición de novidades editoriais impresas. Unha situración de privilexio, se a comparamos coa prevista para arquivos, cuxo orzamento diminúe un 8 %, a pesar da aprobación da Lei de Arquivos de 2014.

Neste contexto de precariedade bibliotecaria, sería moi significativa a implicación por simbólica que fose do presidente da Xunta, como fixo Artur Mas, en calidade de presidente do «Any de les biblioteques». Moito valorariamos un xesto de amizade de Feijoo co sector do libro e a lectura coma onte fixo co da automoción. Fago os meus votos por un ano das bibliotecas en Galicia.