Onte 1515: «O último día de Terranova» en Lume

lume_terranova_26-11-2015

Iniciamos onte na Libraría Lume da Coruña a que será unha longa xira de varios meses de presentacións da novela de Manuel Rivas pola xeografía galega da libraría, onde o factor humano da presenza agarimosa e o consello do libreiro e da libreira confire un valor engadido ao encontro da lectora co libro e coa seu autor ou autora. Unha xira que continuará o sábado ao mediodía na Libraría Sisargas e coa que Rivas reivindica o valor da libraría como hábitat natural do libro literario, mais tamén como espazo público para o libro e para a lectura, como celme da convivencia cidadá.

XG00215001O último día de Terranova é unha homenaxe a libreiros desaparecidos, como o vello Antón Patiño de Librouro, o da memoria de ferro, ao que Rivas xa dedicara Os libros arden mal, e o coruñés Molist, de quen o autor conserva a lembranza da súa presenza como referente nos seus días de mocidade. Mais tamén é unha homenaxe a cinco das libreiras coruñesas de hoxe, a quen está dedicada a obra, Lola, Amparo, Marta, Silvia e Begoña. A novela constitúe unha homenaxe á libraría nun momento decisivo do proceso de hibridación da comunicación literaria e de banalización da cultura e da edición. Terranova é o nome da libraría da familia de Vizenzo Fontana e Garúa, a repartidora arxentina de libros, que fuxiu das gadoupas da triple A. Xaora, Terranova é un lugar inesquecible, un refuxio para náufragos da vida, un espazo de acollida de persoas e animais, un lugar protector, o mellor posible para alumbrar unha nova vida. Terranova e a libraría onde caben todas as librarías, como lugares de vida, espazos de liberdade, encontro e memoria.

Terranova é un espazo de memoria durante seis décadas, desque Antón, o vello mariñeiro, quixo darlle un futuro aos seus fillos, Comba e o tío Eliseo, e eles co profesor Amaro Fontana converteron a Cámara Estenopeica nun lugar onde vivir o exilio interior e gardar e distribuír os libros prohibidos que chegaron nos dobres fondos das maletas dos emigrantes. A libraría como espazo de contrabando de libros, como ponte permanente con Buenos Aires, a cidade onde se desenvolveron catálogos literarios extraordinarios como os da editorial Botella al mar de Arturo Cuadrado e Luís Seoane ou os da Fabril editora de Jacobo Munick, tanto pola calidade dos seus textos coma pola beleza dos seus libros. Libraría Terranova que mantiña conexión permanente con París onde o editor Pepín Martínez publicaba os libros de Ruedo Ibérico, fachos de liberdade.

O último día de Terranova recolle algúns fíos que Manuel Rivas deixou apenas ganduxados en 2006, cando publicou Os libros arden mal. Como aquela é unha expresión do malestar da cultura, localizada baixo o ritmo da lumieira do faro. Como aquela, é unha homenaxe ao mundo do libro, antes ás bibliotecas e edicións libertarias, agora ás librarías e editoras do exilio. Como aquela, ten estrutura de mosaico, aínda que probablemente menos complexa e moito máis breve. Ambas as dúas novelas xiran arredor do valor da cultura, do pensamento, da edición, da escritura e da lectura literaria como actividades que conforman os territorios da liberdade, os horizontes de esperanza.

O último día de Terranova comparte a xeografía interior, as palabras e a fragrancia da natureza d’ A boca da terra, o libro de poemas publicado o pasado verán. Un espazo e atmosfera comúns que facilitaron que Rivas ofreza nesta novela algunha das súas páxinas de prosa máis fermosa e puída de toda a súa obra. Unha novela na que conflúen vidas reais e imaxinarias, a cultura popular e a libresca, mais tamén xéneros, xa que abala entre a novela negra e os relatos de amores, mais sempre coa sutil presenza da ironía (para Rivas «ese humor que coñece a dor«) na voz de Vicenzo, o narrador en primeira persoa do vivido e do recordado. Unha historia na que conflúen os espazos do exilio e da oposición. Unha radiografía da sociedade actual do malestar, onde todo resiste ameazado polos carteis de «liquidación de existencias por peche inminente de negocio». En palabras de Rivas na presentación de onte «O último día deTerranova é unha viaxe entre a perda e o afecto, onde cada personaxe ten un sustituto co que dialoga, Amaro con Eliseo, Vicenzo con Dombodán…»

Hai dous días, Mercedes Corbillón, a libreira de Cronopios de Pontevedra e Santiago, publicaba no seu perfil de Facebook a primeira anotación que coñezo sobre O último día de Terranova. Cualificaba o libro de Rivas de marabilloso. Transcribo un anaco do seu texto: «Remateino nun bar, mentres Lola tomaba torta de chocolate e eu andaba en Certo Punto do Espírito con Eliseo, perdida nos silencios de Amaro e pechando os ollos para lembrar aquel día no que a liña do horizonte sobre o mar me fixo chorar». Mellor non se pode dicir.

Onte 1514: Aniversario de «Galicia Ciencia»

galicia_ciencia

Galicia Ciencia, o portal de divulgación da ciencia galega en galego, celebra o seu segundo aniversario cunha interesantísima entrevista con Ángel Carracedo, un dos nosos científicos máis recoñecidos no mundo. O éxito de Galicia Ciencia, que recibe máis de cen mil vistas ao mes, sendo unha das webs con máis audiencia en Galicia, demostra que o xornalismo dixital de calidade (e mesmo o especializado) pode triunfar en Galicia. Como demostra, tamén, as potencialidades dun medio que, ademais de publicar contidos, sirve de plataforma de lanzamento de iniciativas de innovación e de participación da súa comunidade de lectores e lectoras. Un valor ao que no seu caso cómpre engadir a súa utilidade como recurso didáctico e ferramenta de normalización lingüística xa que sabemos é utilizado como fonte de información segura en milleiros de aulas galegas. Parabéns aos xornalistas Pablo López e Eduardo Rolland, creadores e responsables de tan magnífico proxecto de comunicación dixital en galego.

Onte 1513: Minutos de ruído

instagram_comnegroCon motivo do 25N,Día Internacional contra a violencia de xénero, Miguel Lorente propón ao alumnado da Universidade de Granada mudar os minutos de silencio en homenaxe ás vítimas por «minutos de ruído», de palabras, de berros contra o machismo e a violencia». Fronte ao silencio e o medo imposto polos agresores, é imprescindible que a sociedade restaure a conversa arredor dos valores democráticos da igualdade. E para iso cómpre crear formas alternativas para expresar a nosa indignación de forma solidaria. Campañas como Compostela en negro, promovida polo Concello de Santiago en colaboración cos establecementos comerciais, ou estes minutos de ruído pola igualdade constitúen tentativas que merecen ser destacadas.

Empanadillas viguesas

Ao fío da homenaxe que Pedro Feijoo realiza ás empanadillas do Carballo na súa novela Morena, perigosa e románica, no artigo da semana en Faro de Vigo reivindico a memoria das empanadillas viguesas (inevitablemente non puiden citar mais que a unha parte desa xeografía gastronómica sentimental):

Bar_carballoNun dos capítulos iniciais de Morena, perigosa e románica, a comedia recentísima de Pedro Feijoo, faise unha homenaxe ás empanadillas da tapería Carballo da rúa Manuel Núñez, unha auténtica institución viguesa dende hai corenta anos. Con toda a súa retranca e enxeño o autor d’ “Os fillos do mar” fai reparar no papel esencial que o adobo das famosas empanadillas do local de Alberto e Antonio, cuxa receita permanece secreta, ten para regular de forma harmoniosa o ritmo da cidade. Unha circunstancia na que, quizais, os responsables da policía local non teñan valorado cando pretenden axilizar o tráfico en horas punta ou nos días máis escuros de ballón. Fermosas e divertidas páxinas literarias de Pedro Feijoo que salientan, ademais, que a preparación e o consumo frecuente de empanadillas constitúe outra particularidade viguesa, un sinal de identidade cidadá que merecería ser investigado na historia por algún dos membros do Instituto de Estudios Vigueses. En definitiva, o xenio do escritor de Canido desvelounos o que semella agora unha evidencia: os vigueses e viguesas gostamos das empanadillas, sexa como petisco das doce, xantar sobrio de urxencia ou para tapar o burato nas noites de fame do demo.

Antes da chegada a Vigo da industria da pizza e das hamburguesas, a empanadilla era o principal petisco quente. Dos tempos da miña nenez, hai cincuenta anos, conservo o recordo do arrecendo das empanadillas de xoubiñas do forno do Barrio da Cura que vendían en cadanseu cesto unhas mulleriñas na rúa Cachamuíña diante da Panificadora ou ás portas do mercado do Progreso. Como tampouco esquezo aquela marabilla que foron durante catro décadas as de Rufino, apenas un despachiño na rúa de López de Neira, pechado o pasado ano, empanadillas de follado extraordinarias, case tan larpeiras como as súas canas de crema pasteleira. Tamén conservo como memorables as agullas da pastelaría Ramos de Pi e Margall, case tan sabedeiras como os seus cruasáns e roscas Niza, e aqueloutras tan potentes, a pesar de ser un chisco aceitosas, do Bar Ría de García Olloqui, onde demoramos tantas horas da nosa adolescencia.

Hoxe aquelas humildes empanadillas dos setenta conservan en Vigo unha xeografía propia. As do Carballo manteñen o seu pulo e clientela nos seus tres establecementos de Manuel Núñez, Travesas e Calvario. No Breadouro do Vao, a miña terraza viguesa preferida para gozar da raiola, ofrécense unhas notables delicias fritidas de polbo, carne e bonito. Tamén son de categoría as que sirven como entrante no Nícola de Peniche, o restaurante italianogalego máis xenuíno da cidade. Como tamén as d’ A Tapa do barril de López Mora, chegando a Travesas, que ofrece dende hai corenta anos (fundouse como taberna O barril), unha carta de empanadillas de tempada moi variada, con especialidades únicas como as de polo con nata, zamburiñas, zorza, cogomelos, chocos, grelos con chourizos, gambas… Tamén innovaron na oferta de empanadillas as da panadaría Torrasanta de María Berdiales, que diversificou a tradicional oferta atlántica de carne, bonito e bacallau, introducindo outras variantes con amoados vexetais e de cremas de queixos frescos. Roteiro onde non pode faltar a visita á pastelaría Montserrat de Doutor Cadaval que ofrece, ademais das marabillas do seu follado salgado, unhas crocas de tomate e unha empanada de queixo e rúcula memorables. Como tampouco poden quedar fóra as da panadaría Casablanca da rúa Brasil, que enforna cada noite a que cremos mellor chapata viguesa e as rosquillas máis larpeiras da ría.

A empanadilla é un desenvolvemento humilde da empanada, un dos símbolos da cociña galega, dende o século XII, presente na iconografía do Pórtico da Gloria, na cantiga número 57 das de Afonso X o Sabio ou no coloquio dos rústicos de Sarmiento. Galicia é país de empanadas, escribiu Cunqueiro, desenvolvéndose en Vigo a súa variante portátil, a empanadilla. Araceli Filgueira na súa “Cociña galega” aconsellaba preparar as empanadillas con “masa ao momento”, xa que así non precisa de fermento para que levede, índolle moi ben se o recheo é de bonito, un rustrido de cebola, un ovo cocido e unhas olivas; e se é de carne picada, mesturala con xamón, chourizo e ovo duro. Receita que admite variantes, sobre todo no que atinxe ao amoado, que pode ser de carne, peixe ou vexetais, mais tamén que admite os sabores dóces, como os de mazá, chocolate ou marmelo.

Vigo non pode perder a singularidade gastronómica de seu, con denominación propia para as súas patatillas ou para as variantes tradicionais e modernas das súas empanadillas. Ben sería que nos certames de tapas do Casco Vello, Calvario ou Teis existise un apartado específico que promovese a renovación creativa das empanadillas, como parte do patrimonio vigués da memoria.

Onte 1512: A despedida de Oroza

Ferrin_23-11-2015

Rompía a noite cando un longo aplauso de máis dun cento de persoas despedía ao poeta Carlos Oroza no cemiterio civil de Pereiró. Uns versos recitados por Uxío Novoneyra fillo, a lembranza emocionada do amigo Xabier Romero e unhas breves palabras do alcalde Caballero abondaron para pechar un acto tan espontáneo como emocionante. Unhas horas antes na Casa Galega da Cultura, onde se velou ao poeta dende a mañá, léronse as páxinas de Évame, ese rolo poético que o noso poeta camiñante deixa como herdanza. Foi Ferrín quen salientou o carácter de Oroza como «poeta absolutamente inmortal, como Shakespeare e Rosalía de Castro», así como o importante peso da palabra en cadanseu poema. Antón Patiño lembrou os días madrileños, cando creou a revista Tropos e leu fragmentos da súa poesía social dos anos da ditadura. Luís González Tosar identificouno coa palabra e reclamou para el o noso silencio, Elba Rei reinventou o ritmo de «Évame Malu», Modesto Hermida o de «Elencar», Antón Pulido o de «Alicia» e Xabier Romero reinvidicou a testemuña dun verso extraordinario: «dejaz crecer el trigo en las fronteras». Oroza marchou con discreción, iluminado polos afectos das súas amizades e polos aloumiños da familia de Xabier Romero, o seu editor, amigo e sostén vital durante os últimos anos. Si, «en el Norte hay un mar más alto que el cielo».

Onte 1511: Oroza, poeta enteiro, integral e universal

Este é o meu texto de homenaxe a Carlos Oroza que publica hoxe Faro de Vigo con motivo do pasamento do noso poeta amigo.

Oroza_Manolo

Carlos Oroza, poeta maior, marchou. Tras pasear a súa derrota, procurando a inocencia, a grinalda e o poema, xa non agardará ningún barco nas avenidas. Nacido en Viveiro o 13 de maio de 1923, o noso poeta anónimo, camiñou polo rueiro vigués coa ollada á espreita, longa e profunda, a propia dun tuareg urbano disposto a abraiarse e sorprenderse. Fixo do paseo conversa e abrazo, lección moral e reflexión política intensa e fugaz, caligrafando cos seu pés un camiñar por un Vigo insatisfeito e preciso, vangardista e demorado, coma tamén é o seu poema.

«Todas las tardes paseo mi derrota por las calles de Vigo, alguna vez me paro en la orilla y espero algún barco», declarou a Faro de Vigo para expresar a razón do seu deambular ás ceibas pola nosa cidade revolcada, a que consideraba a súa cidade luz, a súa paisaxe nutricia, cidade de cristal, «o lugar máis semellante a miña idea infantil de Galicia». Afirmacións que expresaron a súa pertenza á comunidade viguesa, a pesar de ser poeta declarado sen patria nin bandeira, a voz de todos nós, capaz de facernos sentir co alento dos seus versos en Alicia (1985) o arrecendo da maruxía naquel recital memorable que deu con motivo da inauguración do museo Marco de Príncipe.

Oroza deixou nos anos sesenta as súas pegadas de poeta maldito no madrileño Café Gijón, onde fundou a revista Tropos. Da súa estancia en Ibiza en 1969 naceron os versos de «Malú», máis tarde «Évame Malú», creando as palabras que faltan, iniciando un proceso de creación léxica e reescrita permanente, dicindo o que non se di, tocando o intocable, achegando o afastado, escribindo cos pés e mans, obsesivo na procura da cerna, da esencia e da finitude.

Tras a súa viaxe a Nova York, a primeiros dos setenta, para recoller o premio internacional de poesía underground abrollaron os versos de “América”, unha homenaxe a Poe, mais tamén unha tsunami de palabras medidas, exactas, que expresaron a súa concepción da poesía como exercicio físico, respiración e silencio, melodía, cadencia e ritmo, canto e oración, concibido para ser pronunciado e escoitado. As palabras soñando que o poeta as nomea, escribindo en voz alta, procurando a outredade, organizando o caos, procurando sentido ao absurdo da existencia.

Coma segrel camiñante, regresou a Galicia, «En el norte hay un mar que es más alto que el cielo», asumindo a tradición dos trobeiros galego-portugueses. Coma Mendiño e Martín Codax, desque viviu nesta porción de terra gris do Norte, Oroza residiu no mar que foi escrito, dignificando a comunidade, apostando por unha poesía que enxerga futuro, por un texto que anuncia, que avanza o que está por vir, o que escribe unha liña que soña, que pon no pé no aire para ver dende aquel outeiro a nosa cidade iluminada.

Autor dun poema único, escrito a xeito de rolo, miniado coma un códice, corrixido até a extenuación, fixo da poesía a súa vida. Pasou necesidades, mais nunca se queixou nin nunca se dobregou. Renunciou a todo, confesou a Rogelio Garrido en 2009, nunha longa entrevista en Faro de Vigo, que «decidiu perder para gañar». Nunca se rendeu. «No es el orden ni es el tiempo el que nos da el placer».

Hai apenas dous anos, con motivo do seu noventa aniversario e da publicación polo seu editor e sostén vital, Xabier Romero, dunha edición popular de Évame recibiu unha homenaxe en Mondariz. Alí Tomás Paredes Romero, presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, cualificouno de «poeta enteiro, integral e universal», tanto pola «universalidade do que comunica» coma pola «intensidade coa que o fai, dende unha claridade e creación léxica únicas, imprimindo un alento, un ritmo no verso que ningún outro poeta utiliza nin promove coma el». Foi unha velada literaria pechada por Oroza recitando con coraxe dous dos seus máis grandes poemas, «Évame» e «América». Quedamos con aquela lembranza inesquecible do noso poeta maior.

Onte 1510: Presentación de Érica Esmorís e Andrea Maceiras

Andrea_Erica_20-11-2015

A presentación do serán do pasado venres na Coruña de Nena e o mar de Érica Esmorís, Premio Merlín 2015, e Europa Express de Andrea Maceiras, premio Jules Verne 2015, puxo en evidencia algunha das mudanzas máis positivas que está vivindo a lix galega.

A primeira, o propio espazo onde se desenvolveu, a fermosa libraría Moito Conto, especializada en infantil e xuvenil, con atención preferente polo álbum ilustrado, aínda que tamén ofrece unha coidada escolma de lecturas literarias para as persoas adultas. Un modelo de libraría que procura o interese dun público familiar que entende a lectura como unha das súas actividades de lecer e desenvolvemento persoal.

A segunda mudanza é o protagonismo dunha nova xeración de autoras, á que a min me gusta chamar «Xeración da Esperanza», que Manuel Rodríguez Alonso bautizou «Xeración do novo século», que está irrumpindo con todo o seu pulo, renovando formas, introducindo novos temas e modificando actitudes e análises na nosa lix. Na presentación das novelas de Esmorís e Maceiras quedou ben clara a aposta de ambas as dúas por estruturas narrativas e temas complexos demostrando que ambas as dúas carecen de prexuízos didáctistas ou complexos de abordar «un xénero menor». Xaora, isto non impide que ambas as dúas chanten os seus textos no territorio firme dos valores e desenvolvan con ambición literaria as convencións do xénero, no caso de Nena e o mar, da novela clásica de aventuras; no de Europa Express, da novela de intriga psicolóxica.

A terceira mudanza é o emprego da comunicación directa de cada unha das autoras coa comunidade de lectores e lectoras que vai conformando, o que facilita interaccións e visibilizacións que permiten a ampliación dos seus públicos. Se todo isto non abondase para o interese da presentación, a participación de Matthew Ward, que cantou dous temas, un dels «Lighthouse», en homenaxe a Noon, o personaxe do fareiro de Nena e o mar, constituíu un agasallo precioso para unha presentación excelente. Bo comezo para a andaina das obras premiadas de Érica Esmorís e Andrea Maceiras.

Onte 1509: Gala do Libro Galego

AELG-AGE_FLG.20-11-2015

O anuncio que onte fixeron os responsables da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editores (AGE) e da Federación Librarías de Galicia (FLG) da celebración da Gala do Libro Galego o 14 de maio de 2016 constitúe un fito histórico. Unha iniciativa colaborativa enmarcada nun acordo máis amplo de traballo dos axentes do sector do libro galego, ao que se considera estratéxico para o país e cun papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. O feito de convocar uns únicos premios, con 14 modalidades, outorgados coa participación dos membros das tres asociacións convocantes facilita un salto de xigante para a visibilización e recoñecemento social do sector da creación literaria, a edición e a libraría galega. As dúas iniciativas de colaboración intersectorial presentadas esta semana, a Gala do Libro Galego e a programación de Culturgal, amosan que con estratexias colaborativas, xenerosidade, responsabilidade e altura de miras é posible enfrontar os difíciles retos para a cultura na nosa lingua. Beizóns aos promotores e facilitadores deste proceso de tan valiosa unidade das letras galegas.

Onte 1508: O Cabanillas de Fernández Rei

couceiro_19-11-205

Couceiro de Compostela volveu quedar pequena para a presentación de Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, o libro no que o profesor Francisco Fernández Rei compilou trinta dos seus traballos arredor do «poeta arelado».  Un libro co que Fernández Rei contribúe a enriquecer o catálogo arredor de Cabanillas de Xerais, un dos autores cabezaleiros do noso catálogo, xa que na colección Biblioteca das Letras Galegas editamos os principais poemarios do poeta das Irmandades e no ano 2009 reunimos todos os seus poemarios no volume Ramón Cabanillas. Poesía galega completa. Agora, con este Ramón Cabanillas, Cambados e o Mar da Arousa Fernández Rei compila trinta traballos redactados –moitos deles xa editados en diversas publicacións, nove inéditos–, que abordan o poeta cambadés desde diferentes perspectivas: a literaria e a lingüística; en relación coa análise da presenza de Cambados e do mar da Arousa na súa obra e na doutros escritores da literatura galega moderna e, por último, desde o empeño por reivindicar e valorar a importancia que ten Ramón Cabanillas para a sociedade galega. Como sinalou na presentación en Cambados Anaír Rodríguez, a editora da obra, «este libro é o resultado dunha paixón transformada en moitos anos de dedicación ao estudo da biografía e da obra do poeta cambadés que, de seguro, se vai constituír noutra desas obras de referencia, asinadas por Francisco Fernández Rei».

XG00241201Na presentación compostelá foi Antón Santamarina quen glosou un libro no que o autor desenvolveu as súas facetas de antropólogo, lexicógrafo, dialectólogo, crítico e biógrafo dunha figura que «asociamos, dende a publicación no ano 15 de Vento mareiro, co mar e con Cambados». Pola súa banda, Fernández Rei confesou que o libro constituía unha homenaxe a Cambados, a súa Itaca e a toda a xente amiga que pon en valor a obra de Cabanillas. «Ademais constitúe unha reivindicación da cultura marítima da mar de Arousa, representada na figura de Luís Rei, o director da revista Ardentía, que coñeceu o libro nos seus derradeiros días». O autor lembrou aos seus pais, «que me transmitiron a sua lingua e o seu xeito de estar no mundo». Debullou despois os diversos apartados do libro, lembrou o sue discurso sobre Cabanillas de ingreso na RAG e o primeiro texto do volume, »Cambados, “pobre, Fidalgo e soñador”», publicado en 1977 na revista Teima.

Onte 1507: Presume do Culturgal 2015

Culturgal_2015

Presentamos onte a programación do Culturgal 2015. Máis de cento cincuenta actividades para públicos diversos (familiar, especializado e profesional) que do 4 ao 4 ao 6 de decembro xuntarán no Pazo da Cultura de Pontevedra a máis de medio milleiro de creadores, oitenta entidades expositoras e, previsiblemente, máis de 15.000 persoas. O éxito do modelo acuñado por Culturgal dende hai oito anos, no que participan cinco asociacións representativas dos diversos eidos da industria cultural e patrocinan nun sesenta por cento tres administracións públicas diferentes (Xunta, Deputación e Concello de Pontevedra), radica na asunción dos principios de corresponsabilidade, transparencia e participación, como piares do seu funcionamento. Entusiasmo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que funciona coma un escaparate das novidades dos sectores da cultura galega (edición, artes escénicas, música, audiovisual e cultura dixital), mais tamén como un punto de encontro dos seus profesionais e dos seus públicos.

Xaora, o esforzo do equipo de profesionais que dirixe Xosé Aldea oriéntase a ofrecer aos públicos unha feira que sorprende e innova cada ano, mais na que tamén devagariño pretende consolidar unha tradición. Eis a importancia da estabilidade en Pontevedra e a vontade de compartir a experiencia da feira coa do turismo. Mellorar a experiencia persoal dos diferentes públicos, visibilizar o que está oculto, ofrecer novos espazos formativos, indagar no carácter transversal dalgunhas propostas son tamén obxectivos dunha feira que é de todos e todas, artistas, empresas e públicos. Eis o lema desta edición «Presume de Culturgal». En definitiva, cando apenas quedan un par de semanas para abrir as portas do Culturgal 2015, convidados a sinalar nas axendas as datas do 4, 5 e 6 de decembro.