Onte 1497. «Somos Espazo», simbioses creativas entre arte e arquitectura en Culturgal

cartel expo.indd

Cando quedan apenas catro semanas para Culturgal 2015 e antes de presentar o avance do programa de actividades o día 18 de novembro, adiantamos os contidos de «Somos Espazo. Simbioses creativas entre arte e arquitectura», a exposición de Artes Plásticas que Culturgal monta en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Comisariada coma na edición do pasado ano por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, recollerá o traballo de vinte e dous arquitectos e artistas que traballan con procesos creativos semellantes aos da arquitectura ou que incluso colaboran directamente con arquitectos no desenvolvemento da súa obra. Polo que me adiantaron os comisarios, moito promete esta exposición que estará instalada do 4 ao 10 de decembro na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Onte 1496: Premios da Crítica Galicia

Outro ano máis, e van trinta e oito edicións, o xantar no que se coñeceu o ditame dos Premios da Crítica Galicia serviu para tomarlle o pulso a saúde das nosas creadoras e industrias culturais. E abofé que constituíu un bo exercicio de autoestima, respecto e pluralismo, actitudes de construción colectiva das que tanto precisa o país de noso. Bieito Ledo, o presidente da Fundación, resumiuno cunha das súas frases de retranqueira ourensanía: «Cando todos os galegos deixemos de pedir perdón por que chove, Galicia será nosa.»

No que atinxe aos premios, os xurados das sete modalidades salientaron a calidade e excelencia dos traballos de Agustín Fernández Paz (galardón recollido de forma moi emocionada pola súa amiga María Xesús Fernández), Xosé Ramón Pena, Cineuropa, Xaquín Marín, Guadi Galego (recollido pola súa compañeira Clara Pino), A Panadaría Teatro e Miguel Vila «Colineta». Como tamén volveu quedar clara a necesidade de dividir a modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais en dúas, como a de Investigación, nunha de de ciencias experimentais e tecnoloxía e noutra de ciencias humanas e xurídico-sociais. Agardemos poder incorporalas na vindeira edición, se contamos con recursos suficientes.

Onte 1495: Memorable «De remate» en Compostela

De_remate_Couceiro_06-11-2015

Vivimos onte en Couceiro unha presentación memorable. Na libraría compostelá non entraba un agulla máis para participar na estrea literaria de Héctor Cajaraville, gañador do Premio Xerais de Novela 2015 con De remate. Abriu o serán literario a proxección do fantástico documental de César Galdo, á que seguiu unha fantástica intervención de Pilar Ponte, capaz de comunicar un entusiasmo contaxioso pola lectura dunha novela que encadrou na Narrativa 2.0 polo seu emprego da elipse narrativa e procura da participación activa do lector. Aprofa debullou diversos argumentos para compartir De remate, dende o seu carácter de retrato social galego, que lembra a aquel millón de vacas de Rivas de hai dúas décadas, pasando polo seu carácter de historia de desamor, a mesura do personaxe, o tratamento do papel das mulleres, a súa calidade lingüística e diversidade textual, até a súa portada ao xeito Pet Shop Boys. Pola súa banda, Héctor Cajaraville, tras expresar os agradecementos e a súa emoción por esta primeira presentación, insistiu na temática variadísima da novela, na total liberdade coa que encarou a escrita, así como a súa intención que fose unha novela divertida, mesmo a pesar de abordar unha morte anunciada na primeira páxina. Un serán inesquecible, intenso, onde moito rimos e nos emocionamos.

Onte 1494: Dende Madrid

63656e7472616c697a616369c3b36eViaxar a Madrid e participar nunha xuntanza de toda unha xornada con persoas de diversas comunidades é un exercicio sempre saudable para coller perspectiva. Xaora, desta volta, volvín comprobar a supremacía do relato construído polos medios capitalinos, impresos ou audiovisuais, sobre o «problema catalán», incapaces de entender o que está sucedendo en Cataluña tras a sentenza do Constitucional sobre o Estatut. Con todo é tamén preocupante a ausencia dun relato alternativo doutra España posible que ninguén defende. Tras este novo relato monolítico da «España que se rompe», defendido con escasas variantes polo PP, PSOE e Ciudadanos, parece que se agocha unha intención recentralizadora moito máis severa da que hoxe podemos imaxinar. Coma sucedera tras o 23-F e a celebración do mundial de fútbol de 1982, cando se aprobou a LOAPA e se puxo freo á «exaltación da diversidade» lingüística e cultural dos anos da reforma Política, semella que a única resposta que dende Madrid se ofrece ao «desafío catalán» é máis centralización e máis uniformidade. Lonxe da creba democrática da que falan  Beiras e o grupo Sin permiso, enxérganse tempos de teimoso e reseso centralismo. Non parece mala idea refuxiarse en Invernalia, compartir reflexións, recabar azos e preparar unha longa e dura campaña.

Onte 1493: «Truman»

Truman-984199420-mainAdemais dunha xenialidade interpretativa de Ricardo Darín e Javier Cámara, Truman é unha película sobre como dúas persoas amigas ensaian enfrontarse á adversidade e á morte. A presenza dun can, Truman, como vínculo e como compañeiro, é unha imaxe fermosa dese achegamento tecido por Cesc Gay para expresar as incertezas que provoca a despedida e a morte anunciada. Sabemos como dicirlle adeus á vida? Sabemos como acompañar aos nosos seres queridos nese transo? A pesar de que o guión faise por momentos previsible, o recital interpretativo e o talento de ambos actores fan a película conmovedora e lixeira. Truman avala entre a comedia de sabores agredóces e a traxedia contida. Demostra, como sinalaba hai días Pedro Feijoo, que a comedia tamén sirve para expresar a dor e a dúbida diante da fin da vida.

Onte 1492: Amazon abre unha libraría

Header_FINAL._V289787686_

O feito de que Amazon, o xigante estadounidense da distribución de contido dixital, xunto a Apple e Google, abra unha libraría física en Seattle demostra que a hibridación é o que caracteriza hoxe o mundo da edición e do libro. Na fermosa libraría do estado de Washintong venderanse tanto libros impresos como produtos e servizos dixitais de lectura, como o Kindle ou a taboíña Fire, utilizando un modelo de comunicación co lectorado no que semella se pretende levar a experiencia de Amazon na rede . Tras vinte anos de actividade, o xigante estadounidense da distribución por Internet, non esquezamos que non vende só libros, dá un paso que pode ser decisivo para o futuro do mundo da libraría nesta década. Imaxinamos a Amazon abrindo este tipo de tendas en Europa? Unha nova a seguir e a ter moi en conta.

Librarías de calidade

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a situación da libraría cultural e educativa, ao fío da publicación dos datos do estudo de Comercio Interior do Libro 2014 e da aprobación do Selo de Libraría de Calidade.

sello-calidad-librerias-logo-postA publicación recente do informe sobre o “Comercio Interior do Libro en España” correspondente ao ano 2014 demostra negro sobre branco a mudanza do que é, aínda, o primeiro sector das nosas industrias culturais. No entorno das diversas crises, dende a económica e de devaluación interna, que provocou a diminución do consumo privado, até a de hibridación do libro, sometido a un proceso inevitable de dixitalización, dende 2008 ao pasado ano, a facturación no mercado interior do libro diminuíu en España mil millóns de euros (un 31,06 % en seis anos), o que supuxo, tamén, noventa millóns de exemplares menos vendidos. Xaora, a pesar deste retroceso, en 2014 o sector do libro vendeu en España 153 millóns de exemplares, acadando unha facturación a prezo de capa de 2.195 millóns de euros, dos que 147,18 corresponderon a Galicia (o 6,7 % do mercado español) e 21,05 millóns ao libro editado en galego.

Endebén, a metade desa facturación, uns 1.101 millóns de euros, realizouse nas librarías e cadeas de librarías, que continúan sendo en España a canle principal de comercialización do libro, moi por riba das grandes superficies, dos quioscos, da venda por internet ou por procedementos de telemercadotecnia. Secomasí, no entorno das crises económica e de hibridación, as librarías perderon dende 2008 o 27 % da súa facturación, arredor de 404 millóns de euros, sobre todo debido á diminución do mercado literario, no que se perderon 250 millóns de euros, como do libro de texto, sometido a un proceso constante de depreciación e mudanza por parte da administracións educativas. Un retroceso que tamén se produciu en Galicia, cuxa rede de librarías estimamos facturou o pasado ano arredor de 70 millóns de euros, dos que 12,58 corresponden ao libro galego, que a pesar da súa cativeza supón case o 18 % do mercado libreiro de noso. Devalo do mundo da libraría que levou o peche de case un milleiro destes estabelecementos, mais tamén á apertura doutros douscentos que apostaron por crear novos modelos de hibridación das súas actividades, compartindo a venda de libros coa doutro tipo de produtos ou cos servizos de cafetaría.

A pesar das chamadas apocalípticas que alertan da desaparición do libro impreso, ás que non son alleos os intereses dos distribuidores dixitais, apenas tres xigantes estadounidenses, e das empresas de telecomunicacións e servizos de internet, a libraría física continúa tendo futuro sempre que sexa un espazo comercial e cultural privilexiado mimado por cada comunidade local, coma tamén sucede coa biblioteca pública. Mais iso require por parte do sector da libraría unha aposta decidida pola modernización, a formación e a innovación adoptando estándares de calidade no seu servizo semellantes aos do entorno libreiro europeo como aos que xa se utilizan para outros sectores do noso mercado minorista, como os do vestiario ou deseño.

Nesa liña é unha boa noticia que o Ministerio de Educación Cultura e Deporte crease un Selo de Calidade de Librarías. Unha medida reclamada polo sector do libro que pretende consolidar as librarías como espazos culturais, fomentar a diversidade do patrimonio bibliográfico, concienciar sobre o papel esencial da libraría, estimular o seu compromiso de mellora permanente do seu servizo, ademais de identificar e garantir que as librarías así recoñecidas cumpren uns estándares de calidade.

Para conseguir este selo de calidade é imprescindible que cada libraría cumpra unha serie de condicións en canto a súa actividade, xestión, instalacións e persoal. Requisitos mínimos que no caso dos fondos son, entre outros, o de levar aberta un mínimo de tres anos, que a venda de libros supoña o 60 % da súa facturación, conte con 6.000 referencias ou dispoña de fondos de 50 editoriais. Requisitos que obrigan a utilizar un sistema informatizado de xestión e pedidos, contar con web e participar nas redes sociais. Sendo imprescindible dispoñer dunha superficie de venda superior aos 40 metros cadrados e contar con persoal con formación e experiencia abonda para ofrecer asesoramento sobre a oferta existente na libraría. Sen esquecer que no eido da actividade cultural, a libraría debe organizar como mínimo seis eventos ao ano, sendo algún deles en colaboración con outros axentes culturais.

Neste momento crítico, a creación dun selo de calidade debería constituír un aliciente de competitividade e mellora para o sector da libraría cultural e educativa. Sen esquecer que debería ser adaptado ás necesidades do sector do libro galego, mais aínda cando Galicia conta con competencias exclusivas nesta materia. Xaora, a pesar das presas electorais e dos problemas competencias, a posta en marcha deste selo de libraría de calidade é un nova esperanzadora para o futuro do sector do libro e da edición.

Onte 1491: Xustiza climática

vigo

Non sei se Abel Caballero tivo algo que ver, mais onte soubemos que Vigo, xunto ás Palmas, Málaga, Palma de Mallorca e Huelva, é «unha das cinco cidades de España con mellor clima». Afeitos coma sempre estivemos a vivir nun «paraíso da choiva», quedamos abraiados cando limos o que sabiamos: «Vigo conta cun microclima, unha excepción en Galicia e case en España». Mais a cousa non queda aí, segundo Eltiempo.es «Vigo é unha das cidades con máis días limpos» e «conta cunhas temperaturas máis suaves ca noutras zonas de Galicia ao estar baixo a influencia dun réxime subtropical». Con semellante parte meteorolóxico as reservas hoteleiras viguesas vanse disparar, mesmo nestes meses máis «húmidos». Quen pode negar agora a cualificación da área metropolitana viguesa como o «Caribe galego», como tantas veces reclamamos. O de Eltiempo.es foi un exercicio de xustiza climática.

Onte 1490: Acabou o conto

pacto_de_mazarelosNon foi sorpresa ningunha. Acabou o conto da candidatura unitaria galega. Tras o pacto de Mazarelos, o acordo electoral de AGE e Podemos do pasado 2 de outubro, o proceso de unidade popular galega foi apenas a teatralización dun acordo imposible. Gañaron os seitarismos de sempre, iso si, agora utilizando luvas brancas e linguaxe renovada pola facultade de políticas. Xaora, sexa como cadaquén quera vestilo, un fracaso sen paliativos, unha oportunidade histórica estragada froito da subpolítica miope dos que hoxe dirixen os partidos nacionalistas e da esquerda anticapitalista en Galicia.

O mestre Xabier DoCampo, un dos parteiros do proceso de unión, chiaba onte unha frase de José Ángel Valente que pode axudar a entender a orixe do fracaso: «Lo peor es creer que se tiene razón por haberla tenido». Aínda que tamén lle acae á xustificación do caso volver ás páxinas de Camus sobre o mito de Sísifo, esa metáfora do esforzo inútil e incesante do nacionalismo galego empurrando, durante cinco décadas, unha pedra xigante outeiro arriba para despois deixala rodar. E volver subila para volver deixala rodar. E volver empurrar…

Agardo que polo menos unha nova xeración releve a clase política que foi incapaz de entender os sintagmas de unión e entusiasmo que reclamabamos os cidadáns. Desexo a mellor sorte a aquelas persoas que xenerosamente participarán como candidatas ou voluntarias na batalla fratricida do 20D entre as dúas candidaturas, condenadas a obter, no mellor dos casos, un éxito cativo. Para min acabou o conto da unidade. Regreso aos meus afáns, que xa me abonda.

Onte 1489: Tucazo de Samaín

tucu_guidettiComa sucedera en Vila Real, o Celta onte non se conformou coa igualada e marcou en Donostia o gol decisivo cando apenas faltaban dous minutos para o remate. O «Tucu» Hernández marcou un gol soñado, dende trinta metros enganchou un pexegazo tremendo que entrou pola escuadara. Un tucazo de primeira categoría, coma aqueloutra fantasía de tacón, na súa estrea como goleiro co Celta, que marcou o pasado ano ao Atlético de Madrid. Con este novo gol memorable, Pablo Hernández, a única aposta de Berizzo, demostrou que é un xogador moi valioso e de alta escola, a pesar de que o seu ritmo demorado e paciente de condución non entusiasme a un sector (cada vez máis reducido) da bancada do Fragoso. En Anoeta o Celta demostrou que esta tempada quere e pode. Nesta primeir anoite de Samaín, sen facer un gran partido, mesmo a pesar da frouxa actuación dun reincorporado Fontás, que facilitou a noite goleira de Agirretxu, os de Berizzo contaron coa axuda das meigas que iluminaron a Iago Aspas con dúas cabaciñas. Un factor extradeportivo co que a partir de agora haberá que contar. Xaora, tras estoutra vitoria o Celta acada 21 puntos, a metade dos eu obxectivo, cando apenas transcorreu a primeira cuarta parte da tempada. Gozar e non pechar os ollos con este xogo eficaz de salón.