Artigos

Onte 2029: As badaladas de Xabier

O feito de que a chegada ás librarías da 12ª edición d’ O misterio das badaladas, novela xuvenil publicada na colección Merlín en 2011, coincidise co primeiro cabodano do pasamento do seu autor, Xabier DoCampo, constitúe unha serindipia afortunada ou agasallo da providencia laica, para lembrar a quen tanto queremos e admiramos. E abofé que Xabier merece todas as homenaxes, dende o número monográfico de CLIJ até os actos que lle dedicaron AELG na Coruña, Galix en Compostela, e o Maratón de los Cuentos de Guadalaxara , cando se volveu escoitar a súa voz firme e agarimosa.

E o feito de que este cabodano coincida con outra edición d’ O misterio das badaladas expresa o carácter clásico deste libro, auténtico long seller da edición galega moderna (con moitos, moitos, milleiros de exemplares vendidos) tras case trinta e tres anos da súa primeira edición por Vía Láctea, abrindo a colección de textos escolares da editora de Toño Conde, na que colaboraba  Nova Escola Galega por medio do xa desaparecido Benedicto García Villar. Unha edición príncipe que contaba cun prólogo de Agustín Fernández Paz, cando aínda non iniciara a súa traxectoria literaria, e unha carta ao lectorado do propio autor, iniciando así o que sería unha tradición cando entendía necesario dar conta da súa posición.

Un prólogo no que Agustín xa utiliza o que sería sempre unha das suas citas preferidas de Farenheith 451, cando a dona de Montag, o encargado de queimar os libros subversivos lle pregunta ao seu home que atopaba neles para resultarles tan apaixonantes e el responde: «porque sinto que detrás de cada libro hai unha persoa que me fala». Un prólogo no que Fernández Paz relacionaba esta primeira novela de Docampo coa estratexia de Gianni Rodari, a quen tanto admiraban os dous, de ofrecer textos que divertisen e emocionasen, mais tamén motivadores para que o lectorado participase activamente na historia.

A edición d’ O misterio das badaladas, ilustrada por Fausto Isorna,  deuse nun contexto fundacional do xénero infantil e xuvenil en galego, ao que pretendiamos contribuír os membros de Nova Escola Galega, que entón xa colaboraba con Xerais na edición dos libros de texto de lingu ae literatura galega de EXB, previo a aparición, dous anos despois, dos primeiros títulos das coleccións Árbore de Galaxia e Merlín de Xerais. Desa angueira participaron outros textos de Vía Láctea como as Mutacións xenéticas de Fina Casalderrey, Proxecto pomba dourada de Miguel Vazquez Freire, que como a noveliña de Xabier, anos máis tarde incorporamos ao catálogo de Xerais. Relación á que cómpre engadir A Rota dos adeuses (1989), a estrea narrativa de Luís Rei Núñez, O libro das viaxes e dos soños (1986), o único libro de narrativa do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón (que merecería ser recuperado), O pergameo de Elir (1987) de David Perez Iglesias, así como outras dúas entregas de Docampo, Cun ollo aberto e outro sen cerrar (1986) e A chave das noces (1988), recuperado o ano 2018 para a colección Fora de Xogo.

Esta primeira publicación de Xabier forma parte do proxecto literario que compartían os membros do que logo bautizamos como Xeración Lamote, os tres chairegos, Agustín, Xabier e Paco Martín, o de ofrecer textos para a formación de lectores en lingua galega. Unha intencionalidade expresada por Docampo na carta ao lector que aparece na edición de Vía Láctea d’ O misterio das badaladas: «Quero que saibas que debes tomar esta noveliña como o que debera ser sempre a lectura: unha aventura na que te mergullar sen medo, en moitas cousas eivadas e incompleta, como son todos e todas as nosas obras. Pero tamén sei que podes completala coa túa imaxinación, e daquela será obra dos dous: túa e miña. Un libro é algo vivo que, nas túas mans e baixo os teus ollos, manifestará vida e moverase».

Todo un programa sobre a lectura e a creación literaria para a mocidade, que mobilizou a vida literaria de Xabier Docampo durante tres décadas. Velaí a importancia das badaladas de Xabier, a quen lembramos sempre con saudades e profunda admiración.

Onte 2024: Xabier, activista do esencial


Tarde moi emocionante a de onte na Coruña na que AELG e Asociación Cultural Alexandre Bóveda homenaxearon ao escritor Xabier DoCampo, primeiro ao pé da súa casa, onde se descubriu unha placa, e máis tarde cunha velada literaria no Teatro Rosalía de Castro. Un serán emocionante no  que puidemos escoitar a voz do mestre chairego, a lectura dalgúns dos seus textos, un conto ao xeito de Xabier da gran Paula Carballeira, tres cancións de Miro Casabella e diversas intervencións das amizades arredor das súas dimensións como profesor, activista e escritor. En palabras do seu amigo Martin Pawley «unha celebración xusta para un home xeneroso, inesquecible». Unha tarde na que se lembrou  tamén a Agustín Fernández Paz, no día do 72 aniversario do seu nacemento, exaltando a súa amizade e os días felices que ambos os dous compartiron cos membros da Xeración Lamote.

Na miña intervención lin unha parte do artigo, «Xabier, activista do esencial», incluído nas páxinas preciosas que o número 289 da revista CLIJ lle dedica, coordinadas con agarimo por María Xesús Fernández. Reproduzo a tradución galega do texto:

É difícil para min saber que non vou escoitar nunca máis a voz de Xabier ao teléfono ou gozar do seu abrazo cando viaxo a Coruña, el que foi sempre un activista da amizade, capaz de conxugar cunha xenerosidade desbordada o verbo compartir. Soubo cultivar a amizade e alentala nos xantares sorpresa que organizaba aos amigos cando necesitaban máis cariño ou asumindo o papel de editor creativo e executivo de libriños colectivos de benvida aos fillos das amigas, unha tradición laica que acuñou. Como sabiamos da importancia que lle concedía á creación das súas nadaliñas, as tarxetas que enviaba cada fin de ano, espazos para a beleza e os afectos, ou a publicación das súas cartas, xénero epistolar que utilizaba de forma maxistral para expresar as súas conviccións e a súa indignación necesaria. Coñecía o valor incalculable da amizade cando traballaba co ilustrador Xosé Cobas, con quen formou unha extraordinaria parella creativa, cando falaba todas as noites con Agustín Fernández Paz, a quen coñeceu como o seu titor de prácticas de Maxisterio, ou cando conversaba sen reloxo co seu veciño Óscar «Martin  Pawley», con quen compartía a súa devoción polo cine, a narración e o valor incuestionable da razón da ciencia.

Sabía do imán da amizade cando plantamos con Agustín un carballo na finca da súa casa de Vilarón, que medra e medrará indómito na memoria dos nosos afectos. Como era consciente de que formaba parte dunha xeración de mestres galeguistas, xunto a Agustín, Paco [Martín], Fina [Casalderrey], Xabier [Senín], Chus [Fernández], entre outros, á que nalgún momento bautizamos como «Xeración Lamote», activistas todos da «escola das pombas e as mazás», metáfora precisa para definir o modelo de escola pública galega polo que traballaron durante décadas. Foi tamén Xabier «activista do esencial» en todas as súas manifestacións, como a el lle gustaba xustificar o seu compromiso como primeiro promotor de Prolingua, plataforma apartidaria de defensa e promoción da lingua galega, ou coa renovación pedagóxica como fundador de Preescolar na Casa, Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación. Activista da literatura infantil como fundador de Galix e membro da OEPLI, como creador de fantasías marabillosas como Bloc, a revista de arte e literatura infantil, ou como conferenciante e contador incansable, sen esquecer que o compromiso de levar a radio, o cine e o teatro á infancia ocupou moito tempo das súas arelas.

Xabier foi un activista dos libros, que concibía como un lugar de encontro, aos que amaba como obxectos preciosos, consciente de que eran o mellor espazo para compartir coas persoas amadas. Foi activista da lectura e das bibliotecas e das escolas nas que se lía e se escribía como dúas iniciativas individuais que axudan a coñecernos e a recoñecernos, ao mesmo tempo que facilitan que todos poidamos converternos en narradores capaces de facer coma el, viaxeiro insubornable, da nosa vida relato. Non esquecerei aquel 13 de decembro de 2017, cando presentamos na librería Trama de Lugo A nena do abrigo de astracán, a novela longa para persoas adultas que miniou durante a última década; tarde na que defendeu ante un centenar de persoas emocionadas coa súa despedida que a literatura esfiañaba a vida. Comparto agora o que escribiu a súa nai en Catro cartas (2000), o seu libro máis testemuñal:

«Pensei moitas veces que o que ti facías era a máis precisa metáfora da lectura. Na costura pártese dun anaco de tea que hai que cortar e coser. Ler un libro tamén é construír unha historia a partir dun patrón. É o lector o que haberá de cortar e coser aquelas palabras para armar a historia. A lectura é un traxe que senta ben a alma e a embelece, como o vestido ao corpo».

Onte 932: Día do libro infantil e xuvenil 2014

DILI_2014_gl

Celebramos onte un novo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha das datas de referencia do noso calendario do libro e da lectura. Nesta edición resulta significativo, como salientou Francisco Castro, presidente de Gálix, a boa saúde en Galicia deste subsector da edición, sendo maior o seu peso na nosa comunidade (13 % da edición global) ca no medio do sector (7 %). Ademais das súas cifras alentadoras, o libro infantil e xuvenil galego é sinónimo de calidade e excelencia, tanto na tipoloxía do álbum ilustrado, no cómic, como na dos textos literarios e coleccións graduadas de lectura. No entanto, lonxe de calquera tipo de compracencia, o subsector infantil e xuvenil galego ten que afrontar os retos do proceso de hibridación do soporte (a oferta dixital aínda é reducida) coma da súa entrada decidida nos territorios da non ficción, onde a actual oferta presenta importantes carencias. Parabéns, pois, ás autoras, ilustradoras, tradutoras, editoras, bibliotecarias e outras persoas mediadoras por esta angueira compartida.

Onte 890: A cultura galega, a nosa angueira

Tras un enriquecedor e sosegado proceso de análise e reflexión, a AELG, AGE e GALIX publicamos onte o texto A cultura galega, a nosa angueira co que expresamos o compromiso de tres das asociacións profesionais do sector do libro e da lectura en Galicia coa industria cultural de noso. Ás portas da celebración do Día de Rosalía, inxustamente excluído do Calendario do libro e da lectura 2014 da Consellaría de Cultura e Educación, e coincidindo co inicio das actividades do Ano Díaz Castro, con este texto as tres asociacións queremos contribuír a promover o entusiasmo e a corresponsabilidade da sociedade lectora galega ao tempo que reclamar o ineludible compromiso dos poderes públicos co fomento e difusión da nosa cultura e coa normalización da lingua galega.