Listado de la etiqueta: a_coruña

Tren completo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao colapso do eixo atlántico ferroviario:

O mércores da pasada semana quixen ir a Compostela en tren para participar nun acto na cidade vella ás dez da mañá. Foime imposible sacar un billete de ida e volta cunha combinación razoable, que non fose saír de Urzaiz ás 6:40, case madrugada, e regresar ás 22:51 da noite, unha tolería imposible, que obriga a perder o día enteiro, para facer a viaxe entre dous destinos separados por menos dunha hora. Tras un anoxo considerable, non tiven outro remedio que coller o coche, o que me obrigou a pagar os 21,40 euros de peaxe da AP-9 e case outros quince de aparcamento nunha Compostela moi conxestionada, na que estacionar entre turistas e peregrinos tamén leva o seu tempo e require as súas doses de paciencia. Unha «solución», a de utilizar o vehículo privado escasamente sostible, que ademais do consumo de combustible fósil, e a súa correspondente pegada de carbono, amosa o colapso dos actuais servizos ferroviarios do Eixo Atlántico (EA) entre Vigo e A Coruña (liña cunha taxa de ocupación do 115 %), xa non só nas horas puntas e nas fins de semana como era adoito. Un problema de mobilidade de moito calado que afecta tanto ás usuarias frecuentes da liña, traballadoras e universitarias, posuidoras de bonos gratuítos de Media Distancia (200.000 emitidos en Galicia), como aqueloutros ocasionais que pretendemos utilizar o tren nos nosos desprazamentos pola posibilidade de ler, como do seu menor impacto para os nosos petos e para a propia emerxencia climática.

Situación precaria do ferrocarril en Galicia que por fin, albízaras!, comeza a formar parte da axenda política galega. Esta semana, e non era sen tempo, o consello da Xunta ocupouse de valorar un informe sobre asunto que cuantifica no 12 % a redución da oferta de frecuencias ferroviarias en Galicia con respecto aos servizos dispoñibles antes da pandemia. E a seguir, albízaras!, o presidente Alfonso Rueda denunciou que «non ten sentido estar fomentando o uso do transporte ferroviario e por outra banda suprimir frecuencias», ao tempo que puxo o seu foco nos servizos do EA que «non cubre as demandas dos usuarios». Mentres, Néstor Rego, deputado do BNG presentou no Congreso unha serie de preguntas sobre atrasos, incidencias, avarías e falta de prazas nos servizos ferroviarios en Galicia, reclamando ao Goberno de España a súa «disposición a aumentar as frecuencias nas franxas da mañá, do mediodía e última do día» para satisfacer ás necesidades das viaxeiras, así como a continuidade dos bonos gratuítos e un maior diálogo coas plataformas de persoas usuarias que desde hai tempo se mobilizan en Galicia reclamando a mellora dos servizos.

Reclamacións ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a Renfe, ás que se engaden o atraso de tres anos da chegada prevista dos trens Avril fabricados por Talgo á Coruña e a Vigo, que aforraría vinte minutos a viaxe a Madrid desde Urzaiz, prometida agora para o primeiro trimestre de 2024. Solución ao déficit de prazas do EA, que pasaría por unha revisión do contrato de Obrigas de Servizo Público, asinado en 2018 por Renfe. Secasí, polas informacións que lemos en Faro de Vigo, fontes do ministerio declaran que non está prevista a ampliación de frecuencias no EA, na que é a segunda liña de Media Distancia máis usada de toda España (2.528.858 asentos ocupados), mesmo a pesar das demoras endémicas (case de 15 minutos) e numerosas incidencias. Liña do EA que é a primeira de Renfe cun maior uso por praza empregada, mantendo un crecemento de usuarios espectacular do 23 % (con respecto ao ano récord 2019), freado na actualidade, en pleno éxito dos bonos gratuítos, pola falta de asentos e frecuencias.

Que facer, entón, para superar as limitacións do servizo actual dunha liña ferroviaria (EA), que non é deficitaria para a concesionaria e resulta estratéxica para a mobilidade interurbana na Galicia atlántica? É razoable que o Ministerio de Transportes deixara a Galicia fóra da creación dos novos servizos ferroviarios de proximidade en liñas xa explotadas en Madrid e Andalucía? Non sería posible montar en Galicia un servizo de tren de proximidade («cercanías») nas áreas metropolitanas de Vigo-Pontevedra, Santiago e A Coruña-Ferrol? Non podería estudarse o plan de mobilidade ferroviaria para Galicia, presentado recentemente por CC.OO. coa intención de reducir a dependencia do automóbil, que propón conectar a 70 localidades galegas, aproveitando 61 estacións e apeadoiros, por medio dun Tren rexional (electrificado) circular e transfronteirizo para Galicia combinado co transporte por estrada? A que agardan a Xunta de Galicia, as catro deputacións, os concellos das sete cidades para coordinar as súas reclamacións a Renfe e ao Ministerio de Transportes? Pode agardar resignada a sociedade galega a poder perder o futuro do seu tren?

 

Viñetas desde o Atlántico

A dúas semanas da apertura prevista de Viñetas desde o Atlántico nada se sabe dos contidos do programa do festival de cómic da Coruña. Unha situación a todas as luces anómala, denunciada polo editor e autor Kiko da Silva que veu alertando da precariedade na que quedaba a organización do certame dende que no mes de marzo Miguelanxo Prado, fundador e director de todas as edicións, presentara a súa renuncia ao concello da Coruña, administración que se ocupou do seu sostemento económico e infraestrutura, a través da concellaría de Cultura e do equipo de organización de exposicións do Kiosko Alfonso. Nacido coa ambición de achegar a linguaxe da banda deseñada á sociedade galega, máis alá do público afeccionado, ademais de dar visibilidade á creación galega de cómic e ilustración, durante vinte e cinco anos «Viñetas» conseguiu localizar a Galicia no mapa mundial da banda deseñada e colocar a semana coruñesa como referencia ineludible no calendario internacional dos eventos de cómic. Un éxito popular e profesional incuestionable, atribuíble en moi boa medida ao talento e a implicación persoal de Prado, que a pesar do orzamento reducido e conxelado e a asfixiante rixidez administrativa, conseguiu preservar os principios fundacionais acordados en 1998 co concello coruñés de ofrecer un programa para todos os públicos, acoller con agarimo aos artistas convidados e remuneralos de forma digna polos seus servizos e presentar nas mellores condicións os materiais expositivos. Con estes vimbios Prado conseguiu unha cita que xa é patrimonio da Coruña, que como sucedeu noutros eventos culturais de éxito, como Culturgal e O Salón do Libro, ambos os dous en Pontevedra, debe agora enfrontar en condicións incertas unha nova etapa, conservando a ambición inicial e a identidade conformada, mais tamén utilizando un novo modelo de xestión que faga compatibles os patrocinios públicos e a actividade comercial do sector. Velaí o reto moi complexo da nova etapa de Viñetas desde o Atlántico.

Publicado en Nós diario: 26/07/2023

Tortillas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as mellores tortillas viguesas:

Nas tirapuxas de rivalidade entre viguesas e coruñesas, finalizada a visita ás salas de trofeos e revisión de insignias da súa galeguidade, aparece o debate gastronómico sobre as mellores delicias de cada unha. Acontece decote que os do sur presenten como particularidade a excelencia das humildes empanadillas e os do norte o das súas tortillas de patacas ao xeito de Betanzos ou Cacheiras, que contan cunha tradición centenaria forxada na guerra de Cuba. E a verdade que sendo rigorosos pratos tan modestos e cotiáns como empanadillas e tortillas son especialidades da Galicia enteira, nun país de comedores de patacas, como acuñou Manuel Rivas, e de empanadas, canto menos dende o século XIII, como quedou documentado na cantiga 57 das de Afonso X O Sabio ou nos Vinte e catro galegos rústicos (1746) do padre Sarmiento. Como tamén posuímos a experiencia de tomar excelentes empanadillas na Coruña e saborosas tortillas en Vigo, amosando que máis alá de rivalidades deportivas e económicas, necesarias na cohesión comunitaria, no esencial viguesas e coruñesas compartimos idéntico celme.

A profesora e culinaria Matilde Felpeto Lagoa, autora do referencial receitario Cociña galega tradicional (Xerais 2017), considera que, ademais de ser redonda, a variedade é unha das características da tortilla de patacas, un prato que precisa apenas de tres ingredientes: boas patacas, ovos de galiñas de curral en liberdade e bo aceite de oliva. Para Carmen Parada, autora do alboral Recetas de Cociña Galega (Galaxia 1982), son tres os principios para facer unha boa tortilla: o corte da pataca, o callado dos ovos e a frescura dos ingredientes. Mentres para Ángel Muro, autor de El Practicón. Tratado completo de cocina (1892), que morreu en Bouzas (1897), onde veraneaba, o segredo da boa tortilla reside no xeito de facela ao lume, aconsellando abanear a tixola coa man esquerda, imprimíndolle un movemento circular para que así calle, e permita despois xirar sobre a base, pero en sentido contrario, un «contramovemento» que indica o instante preciso para virala, momento decisivo para o que aconsella utilizar unha viradeira, utensilio de barro fabricado na olaría galega, que tamén pode ser de madeira, louza ou lata. Carmen Parada aconsella vixiar o fritido das patacas para que non se deouren de máis, retirándoas do lume cando se notan renxentes. Matilde Felpeto propón acompañar a tortilla dunha ensalada de leituga, tomate e cebola ou de pementos de Padrón fritos, o que fai unha comida deliciosa. Parada aconsella comer a tortilla moi quente, mais Muro cre que fría é máis saborosa, mentres que Emilia Pardo Bazán, que cita a tortilla en La cociña española antigua (1913) cre que debe quedar redonda e dura e «só é presentable en almorzos de moita confianza».

E, entón, cal é a mellor tortilla viguesa? Pregunta que non admite resposta doada, mesmo despois de probar e gozar das tortillas dos bares e restaurantes con maior sona na especialidade. Tortillas viguesas que, en liñas xerais, non son tan cremosas como as da Casilla de Betanzos ou a Penela coruñesa, mais posúen altísimo nivel, saborosas e refinadas, tanto pola súa sinxeleza na preparación como polo punto exacto de frixido da pataca e do callado do ovo, concibido para ser gozadas quentiñas decontado. Fórmula secreta que bordan no bar San Amaro, da rúa Rogelio Abalde, onde dende hai case cinco décadas a familia de José Campos e Carmen Ferreira, hoxe xubilados, levan preparando a mellor tortilla viguesa. Como non a desmerecen tanto a preparada na cafetaría Cosmos, da Praza da Princesa, probablemente a mellor tapa desta especialidade na cidade, como no bar Brillante, da rúa Barcelona, á altura do Regueiro, onde Miro ofrece dende hai tres décadas unha completa carta de tortillas, dende a clásica a outras híbridas, con chourizo, pemento, xamón ou mesmo estrugas. Como outra tortilla clásica, dende hai máis de catro décadas, é a da taberna O Porco, da rúa Real.

Mapa no que non poden faltar a localización do bar Carballo, na rúa Manuel Núñez, e d’ A tapa do barril, da rúa López Mora, onde preparan tortillas singulares polo seu punto zumarento, ideais para tomar en bocadillo. Como tamén teñen creto as do restaurante O Faro, fronte a Santiago de Vigo, ou varias das servidas na rúa Rosalía de Castro, en La aldeana, en La casa de Reme, tanto a preparada con cebola, como con chourizo ou grelos, ou na taparía Las Tablas, que ofrece unha excelente versión da tortilla ao xeito de Betanzos. Sen esquecer nesta viaxe, unha das miñas preferidas, a da taparía La chabola, do paseo Marítimo de Panxón, onde Silvana prepara a mellor tortilla do Val Miñor. Con todo, as mellores tortillas viguesas son as caseiras, as que preparamos nas cociñas ao gusto noso. En cuestión de tortillas non está nada escrito.

A Coruña, cidade intelixente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a elección da Coruña como sede da AESIA:

Fomos moitos os vigueses que recibimos con admiración e un chisco de envexa a recente elección por parte do Consello de Ministros da Coruña como sede oficial da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia). Unha escolla que situará á cidade herculina como un polo de referencia das tecnoloxías dixitais, ao tempo que consolidará o seu ecosistema de innovación tecnolóxica, do que forman parte tanto entidades formativas universitarias e a súa rede pioneira da museos científicos e bibliotecas públicas, como o cento de empresas do sector TIC radicadas na Coruña e na súa área metropolitana.

Unha axencia estatal que ocupará o edificio centenario da Terraza que, como xa sucedera en 2012 tamén na Coruña co Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) instalado no emblemático edificio Prisma, consolida a tendencia descentralizadora, asumida polos gobernos de Zapatero e Sánchez de levar algúns organismos do estado fóra da capital, a cidades que conten con boas infraestruturas de comunicación e proxectos de desenvolvemento local.

Ademais das iradas críticas da presidenta da Comunidade de Madrid e dos xornais conservadores da capital, previsibles dentro da estratexia intensamente centralizadora de organismos públicos e de empresas privadas, patrocinada polos gobernos de Aznar e Rajoy, o que chama a atención no caso da candidatura da axencia coruñesa é a unanimidade e o consenso coa que foi avalada por parte da totalidade dos grupos municipais da corporación presidida pola socialista Inés Rey. Unha petición colectiva á que tamén se sumaron a presidencia da Xunta de Galicia, a reitoría da Universidade da Coruña e a presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia, amosando que a colaboración transversal de diversas entidades e administracións (mesmo de cores distintas e mesmo en período preelectoral) é a mellor estratexia para unha candidatura de país capaz de derrotar a de cidades como Barcelona, Zaragoza, Xixón ou Palma de Mallorca.

Unha candidatura colexiada, ao que probablemente tampouco foi alleo o precedente que as tres universidades galegas e a Consellaría de Educación acordasen poñer en marcha este curso o grao e o mestrado interuniversitario en Intelixencia Artificial, impartidos na Facultade de Informática da Coruña, na Escola Superior de Enxeñaría de Compostela e na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, abrindo outra vía, até agora case inédita en Galicia, de colaboración interterritorial na creación de ecosistemas dixitais e de innovación, tanto formativos como de investigación.

A pesar do entusiasmo que suscita esta elección, incrementado emocionalmente polo procedemento colexiado de participación, o máis importante é que constitúe unha oportunidade para que na Coruña se consolide nas vindeiras décadas un modelo económico baseado na innovación tecnolóxica e no deseño, o dunha cidade intelixente que non renuncia a súa tradición ilustrada dende hai tres séculos. Como é certo que convén non enganarse e ter moi presente que o obxectivo desta axencia non será o de desenvolver aplicacións avanzadas de IA ou de robótica, senón controlar o seu desenvolvemento por parte de empresas tecnolóxicas de todo o estado, xa que a toma de decisións por parte de aplicacións, robots ou máquinas, en definitiva da tecnoloxía algorítmica, está suxeita ao respecto de normas xurídicas e dos propios dereitos humanos. Unha cuestión moi complexa, onde se mesturan aspectos éticos cos tecnolóxicos e económicos, hoxe sen resolver en todos os seus detalles, como se amosa na recomendable novela de Ian Mcwean Máquinas como yo (Anagrama 2019).

O éxito coruñés, inevitablemente, obriga a Vigo a verse no espello da cidade da torre, tanto por non ter artellado candidaturas semellantes como pola necesidade ineludible de actualizar no entorno da innovación tecnolóxica o seu modelo económico de cidade portuaria do automóbil. O fracaso de traer para Vigo a sede do Instituto Oceanográfico, o atraso do Campus do Mar na Etea ou da candidatura de Cíes como Patrimonio da Humanidade amosan as dificultades que en Vigo existen para abordar proxectos compartidos por todos os grupos municipais e as diversas administracións. Idénticos atrancos que sofren os principais proxectos estratéxicos vigueses, chámense Saída sur do eixo ferroviario, AVE con Ourense, Perte de Stellantis para o coche eléctrico ou rede de Moi Alta Tensión de Balaídos, que continúan uns varados, outros perigosamente paralizados, comprometendo o futuro de milleiros de empregos e o liderado de Vigo como piar da economía galega. Recuperar en Vigo unha atmosfera colaborativa que propicie os acordos estratéxicos entre administracións, empresas e forzas sociais non se pode adiar máis.

O mito da Reconquista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao mito da Reconquista de Vigo:

Todas as cidades galegas posúen o seu mito fundacional, un relato que dá conta das súas orixes e identidade no tempo. Ninguén dubida que o de Santiago corresponde ao do traslado e enterramento do corpo do apóstolo chegado do mar. Como o da Coruña está vinculado con Xerión, o xigante que matou Hércules, enterrado baixo o faro romano construído a finais do século primeiro. Como tamén ten orixe romana Lugo, a máis antiga das nosas cidades, fundada por Paulo Fabio Máximo como “Lucus Augusti”, o campamento militar romano instalado no ano 25 antes de Cristo sobre un castro. Outrosí pertence ao mundo clásico a orixe mítica de Pontevedra, creada polo arqueiro Teucro, fillo do rei Telamon, que tras abandonar o mar do Peloponeso seguindo a estela luminosa de Poseidón fundaría na máis fermosa das rías Helenes, unha colonia grega, ao pé da illa de Tambo.

Porén, non é tan doado identificar o mito fundacional de Vigo, cuestión xa abordada nas primeiras historias de Vigo, tanto a pioneira de Nicolás Taboada Leal de 1840 como a referencial de Francisco Ávila de la Cueva, que dedicou a Vigo o segundo capítulo da súa Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado (1852, Toxosoutos 2003). Tema que tamén preocupaba a Teodosio Vesteiro Torres, que nas súas Monografías de Vigo (1878) xa abordaba o refuxio do pobo dos herminios nas illas Cíes onde serían atacados  pola escuadra de César. Orixe romana do porto de Vigo, testemuñada polos achados arqueolóxicos de numerosas vilas de litoral e factorías ao longo da ría. Como tampouco se pode desbotar o seu fulgor medieval, como testemuñan as tres igrexas románicas conservadas, Castrelos, Coruxo e Bembrive, construídas entre os séculos XII e XIII, que coinciden co mito tan atractivo, acuñado por don Álvaro Cunqueiro, anunciado xa por Vesteiro, dunha cidade fundada por un poeta, Martín Codax, o xograr (ou segrel) que vive, escribe e canta a Vigo nas súas sete cantigas entre 1230 e 1280.

No entanto, é o da Reconquista, a proeza da expulsión dos franceses polo pobo vigués e polas alarmas da comarca –tropas francesas que ocuparon a vila durante 56 días, dende o 31 de xaneiro ao 28 de marzo de 1809– o acontecemento que transcorridos dous séculos se converteu no mito fundacional que mellor explica o Vigo actual. Fraguado co sacrificio do pobo común, este mérito de ser a primeira vila que conseguiu desfacerse da tutela napoleónica tivo importantes consecuencias políticas para Vigo, xa que o 1 de marzo de 1810 sería declarada polo Consello de Rexencia co título de cidade fiel, leal e valorosa, e ademais de recoñecerlle o seu dereito de voto dentro da Xunta do Reino de Galicia e eximirlle da súa dependencia señorial do arcebispado de Santiago. Honras que obrigaron a adaptación do escudo de armas da nova cidade, da que desapareceu a vieira xacobea e á que incorporou a imaxe da oliveira centenaria que entón se erguía no adro da colexiata.

Honras da Reconquista que proporcionaron a Vigo o peso político do que até entón carecía e coas que comeza a perfilar o seu papel e o seu afán de liderado no proxecto galego. O propio Vesteiro Torres non dubidaba nun artigo sobre o 28 de marzo de 1809, para el «data inmortal!», que «Vigo  tiña que ser a primeira en gustar do novo cáliz da liberdade» e adiantaba ademais o que serían os piares que definirían o Vigo contemporáneo: «Co vigor da mocidade, coa honradez do traballo, coa conciencia do seu poder, adiantou, medrou, e chegou a ser o emporio da grandeza de Galicia e dos seus mares de Occidente». O que sucedeu naqueles históricos 56 días artellou o mito dunha reconquista heroica e popular, sobre todo grazas ao relato artellado por José Santiago y Gómez na súa Historia de Vigo y Comarca (1896, Deputación de Pontevedra 2005). Relato por ventura matizado, expurgado e ampliado pola historiagrafía viguesa actual, en espléndidas obras de referencia como Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009) de Eduardo Rolland e O Vigo que viron os franceses (IEV, 2021) de Jorge Lamas, que permiten coñecer os feitos e o seu contexto histórico con rigor e obxectividade. Como imprescindible foron as achegas a este relato actual da Reconquista realizadas dende a literatura galega, sobre todo por Pedro Feijoo na novela Os fillos do lume (Xerais 2017).

Xaora que constitúe unha beizón o pulo da actual celebración popular do relato mítico da Reconquista, na que a veciñanza viguesa adquire todo o protagonismo, como sucedeu naqueles 56 días de ocupación napoleónica, que pasaron a historia europea como un episodio da Guerra Peninsular entre franceses e ingleses. Unha festa de época, iniciada en 1997 pola veciñanza do Casco Vello sen apenas axudas e apoios, hoxe por ventura consolidada como a primeira e a máis xenuína da cidade na que a todos orgulla o protagonismo do vestiario e da música tradicional galega.

Saída atlántica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saída sur ferroviaria e marítima de Vigo:

Coincidindo coa incerteza da segunda onda da pandemia do Covid-19, reabriuse o debate sobre as infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a Galicia e para o Vigo da metade do século XXI. A apertura do treito do AVE entre Zamora e Pedralba de la Pradería, na comarca de Seabra, que rebaixa en case unha hora o traxecto de Madrid a Galicia; a presentación dos proxectos que aspiran a lograr os fondos Covid da Unión Europea; o anuncio dos investimentos previstos no Orzamento do Estado para a variante de Cercedo, apenas 500.000 euros para continuar a avaliación hidroxeolóxica dos terreos; e sobre todo o compromiso do Goberno de Portugal de incluír no seu Programa Nacional de Investimentos 2030 unha liña ferroviaria de novo trazado entre Braga e Valença, que uniría a Vigo con Porto en apenas unha hora, son noticias todas que poderían axudar a reorientar a posición estratéxica actual de Vigo e de Galicia no marco ibérico e atlántico.

Máis alá da interpretación da propaganda partidaria nunha conxuntura política moi polarizada, de todas estas cuestións poden tirarse conclusións abondo clarificadoras. A primeira, o anuncio do Ministro de Fomento dun novo prazo da chegada do AVE ás portas da cidade de Ourense (máis en concreto, a 17 km) para o segundo semestre de 2021 supón que Vigo e a súa área metropolitana quedarán até novo aviso fóra do proxecto do AVE (Alta Velocidade Española). Á estación de Urzaiz, a pesar da enorme actuación urbanística e comercial en marcha, incluída a construción da estación intermodal de transporte por estrada, non chegarán polo momento os trens AVE que saen de Chamartín.

A segunda, os fondos previstos nas Contas do Estado para a variante de Cercedo, a panacea ou quimera das elites políticas viguesas para non descolgarse definitivamente do proxecto AVE, non abondarán nin sequera para a finalización dos estudos ambientais en marcha, que deberán concluírse coas de 2022. En definitiva, sendo realistas a chegada do AVE a Vigo non ten data prevista, razón pola que debemos asumir que os viaxeiros procedentes da Meseta chegarán a rexión urbana máis poboada de Galicia dende Santiago ou demorando dende Ourense a súa viaxe polo pintoresco trazado á beira do Miño.

Por ventura, o anuncio do ministro das Infraestruturas de Portugal, Pedro Nuno Santos, podería mudar o futuro ferroviario de Vigo e de Galicia. Tras unha década de deixar aparcado o proxecto da Alta Velocidade, Portugal volve considerar prioritario o eixo ferroviario atlántico, deseñando unha liña intermodal de AV de Porto a Lisboa, conectada cos seus aeroportos, cun tempo de viaxe dunha hora e cuarto. Unha liña que se prolongaría cara a Vigo, reducindo a viaxe dende a cidade portuense a unha hora, recuperando así o obxectivo fixado a comezos de século. Un eixo atlántico que polo tanto uniría Lisboa e Vigo por Alta Velocidade en dúas horas e cuarto e a capital lusa e A Coruña en pouco mais de tres.

A recuperación do soño do eixo atlántico ferroviario obrigaría a converter en estratéxico e prioritario o proxecto da saída sur de Vigo, para a que hai contemplados no proxecto de Orzamentos 200.000 euros para un estudo sobre a conexión de Vigo coa fronteira. Unha saída sur ou «saída atlántica», que por vez primeira na historia das nosas comunicacións evitaría que Vigo fose estación término, obrigando á construción de varios túneles que, evitando o rodeo por Redondela, conectarían a estación de Urzaiz coa nova do Porriño. Un trazado que reduciría tanto a duración da viaxe até Ourense (o que facilitaría a conexión co AVE) como até Tui e a fronteira; sen menoscabo do acceso ferroviario á Universidade de Vigo e ao propio Hospital Álvaro Cunqueiro, próximos á nova estación de Beade. Unha saída que obrigaría a estudar como integrar o transporte de mercadorías (hoxe en Guixar) e como dotar de intermodalidade a terminal portuaria de Bouzas, o que a pesar de ser complexo suporía unha mellora decisiva para consolidala na rede de autoestradas do mar. Unha saída atlántica, polo tanto, ferroviaria e marítima, que algúns técnicos valoran en máis de 500 millóns de euros, o que comparado con outras infraestruturas non parece un custe disparatado, mais aínda cando facilitaría que a nosa área metropolitana funcionase como eixo equidistante das do Porto e da Coruña.

Apostar colectivamente e sen fisuras entre administracións pola saída sur ferroviaria de Vigo, o proxecto público máis ambicioso e complexo da cidade metropolitana, despois de anos de interminable dependencia na comunicación coa Meseta, supón recuperar a ilusión na reintegración no proxecto atlántico europeo, tanto con Portugal como con outros estados (celtas) da fachada atlántica marítima, comunidade cultural e económica da que Vigo e Galicia historicamente forman parte.

Onte 2089: «Os incurábeis» de Antonio Tizón

Dentro da diversidade actual da novela negra e policial en lingua galega, non poden pasar desapercibidas cada unha das entregas de Antonio Tizón, probablemente, o autor que mellor ten explorado a utilidade das convencións de xénero para desvelar o mundo da doenza mental. Unha escrita orixinal e radical que o narrador e poeta coruñés concibe con intención sociopolítica e valor terapéutico, consciente que é a súa responsabilidade compartir a experiencia como doente crónico dun trastorno bipolar. Fíxoo nas súas dúas primeira novelas, A antesala luminosa (Xerais 2015) e Un home estraño (Xerais 2018), premio de novela curta «Cidade centenaria de Ribeira», e recunca, de forma máis explícita, na terceira, Os incurábeis (Xerais 2020), quizais a máis lograda do proxecto de pentaloxía da que forman parte.

N’ Os incurábeis Tizón non renuncia ao seu modelo de novela mulata de intencionalidade social nin a súa localización nun momento histórico recoñecible (o trimestre posterior ao 11-S de 2001) nin a un espazo identificable (o barrio coruñés dos Castro, identificado con todos os sinais), encadrándose no subxénero de «novela coruñesa». Como tampouco renuncia ao protagonismo do seu antiheroe, o inspector Xosé Sánchez Pereiro, un policía sibarita, prudentemente canalla e corrupto, a quen entrega a voz narradora dende a primeira palabra dunha historia que comeza como investigación do asasinato de Paloma Bieito Moreira, a vella prostituta propietaria do Niño da Pomba, toda unha lenda no barrio. Complexa esculca con múltiples ires e vires, que sosteñen unha trama moi traballada que nunca perde interese para un lector enfrontado á  psicoloxía e comportamentos imprevisíbeis dos incurábeis, as persoas que padecen as enfermidades mentais máis graves.

Crueza dun relato que Tizón sabe mitigar creando unha atmosfera envolvente, onde a voz de Sánchez Pereiro mestura xornadas interminables de tapas e chiquiteo con tardes de sete e media e noites de puterío que nalgunhas ocasións poden chegar a deixar ao lector coa boca aberta. Non hai dúbida que estas páxinas son nas que mellor se come e se bebe da narrativa galega actual, capaces de constituír unha guía dos mellores viños (non só galegos) e destilados de principios do século XXI. Novela gourmet, que enfronta a Pereiro coas mellores delicias do Montalbano de Camileri, mais na que o narrador coruñés non renuncia por iso a relatar de forma abraiante os comportamentos máis desmesurados e a retratar as personalidades máis obtusas.

Con todo, a cerna desta terceira entrega de Tizón é enfrontar ao leitorado cos dilemas éticos da aplicación da eutanasia aos enfermos mentais incurábeis, que dunha maneira consciente ou inconsciente, a berros ou en silencio, piden unha morte digna, sen máis dor da necesaria, porque sufren, porque fan sufrir aos demais e porque son un perigo, para eles mesmos e para a sociedade enteira. Velaí neste debate incómodo sobre a abordaxe das doenzas mentais mais difíciles e perigosas, tantas veces oculto baixo as alfombras do noso benestar, onde reside o corazón dunha novela literariamente moi valiosa e de lectura engaiolante. Tizón reclama así atención para unha temática case inédita no catálogo narrativo galego. Parabéns e gratitudes para ao meu admirado Antonio por ofrecer outra novela tan valente e distinta ao que hoxe se publica e se valora. Recoméndoa vivamente.

En galego Vigo vai

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a situación do idioma galego ao fío da enquisa estrutural a fogares do IGE sobre coñecemento e uso do galego e do castelán en Galicia:

A recente enquisa estrutural a fogares sobre o grao de coñecemento e uso (oral e escrito) do galego e do castelán, realizada en 2018 polo Instituto Galego de Estatística, amosa o preocupante estado da nosa lingua, sobre todo entre as xeracións novas e nos espazos urbanos. Unha radiografía sobre a realidade social do seu uso que expresa a consolidación dunha fenda lingüística xeracional, xa que a pesar de que o galego é lingua coñecida polo 88,05 % da poboación maior de 5 anos e falada polo 52, 29 %, o castelán xa é a primeira lingua das xeracións novas, tanto para a poboación en idade escolar, entre os 5 a 14 anos (73,88 %), como para a mocidade, as persoas entre os 15 a 29 (62,61 %).

Situación que se mantén no ámbito familiar onde o 44,34 % dos pais e nais falan en galego sempre cos seus fillos, cifra que se reduce ao 34,12 % nas súas relacións de amizade, ao 29,57 % cos colegas de traballo ou ao 27,88 % cos médicos. Fenda lingüística que se agranda a nivel dos usos escritos habituais, onde o galego apenas acada o 16,88% das persoas enquisadas, porcentaxe que sube até o 36,19% entre aquelas falan sempre en galego. Cifras, en todo caso, que expresan a consolidación da tendencia de substitución do galego polo castelán, tanto no seu uso como coñecemento, o que semellaría máis incomprensible, tras a entrada do galego na escola dende hai catro décadas. En definitiva, un número considerable de cidadáns mantén a súa lealdade coa utilización do galego como a súa lingua vehicular primeira, aínda que este uso diminúe nos espazos sociais formalizados. Expresado doutra forma, canto máis vellos somos, máis galego falamos; e canto máis novos, utilizamos máis o castelán.

Sen esquecer, ademais, que canto máis grandes son as localidades se reduce de forma moi apreciable a utilización do galego como primeira lingua habitual dos fogares: un 45,70 % nas de menos de 10.000 habitantes e só un 5,66 % nas de máis de 50.000. Entre as sete grandes cidades ábrese outra fenda lingüística, xa que é importante a diferenza existente entre o 44,70 % da poboación do concello de Lugo que fala habitualmente en galego e o 15,21 % da do concello de Vigo. Cifras de galegofalantes habituais entre as que se sitúan a do concello de Ferrol (17,69 %), da Coruña (19,98 %), de Pontevedra (23,00 %), de Ourense (33,51 %) e de Santiago de Compostela (43,89 %). A maior cidade galega, Vigo, é na que se emprega máis o castelán de forma habitual (84,80 %), o que non impide que a cifra de galegofalantes aumente até o 25,50 % no conxunto da comarca de Vigo (territorio que inclúe Redondela, Val Miñor e Louriña) e ao 40,56 % no Morrazo. É ben triste recoñecer que a altura de 2018, o concello de Vigo é o pechacancelas da clasificación de galegofalantes.

Porcentaxes que apuntan a un devalo considerable do número de galegofalantes (a metade en apenas dúas xeracións), como a unha preocupante tendencia á desaparición do idioma galego, sexa pola súa incapacidade para facerlle fronte á presión homoxeneizadora da cultura urbana como para preservar a súa transmisión xeracional nas cidades metropolitanas, mesmo a pesar da resistencia (heroica) de moitas familias comprometidas en non rachar esa cadea milenaria. Cifras que expresan o fracaso das políticas lingüísticas no ámbito educativo, onde a pesar dunha teórica utilización parella de ambas as dúas linguas dentro das aulas, o seu emprego oral nos patios de recreos redúcese á metade. Como tampouco podemos considerar satisfactorio para o futuro do galego que a pesar de que o seu uso protagonice o 26,28 % dos textos das redes sociais, supoña apenas o 3,96 % da lectura de prensa ou o 5,14 % da de libros.

Diante de situación tan inxusta e desigual para o futuro do idioma galego, non é momento para o conformismo nin para agardar unha doce agonía. Cómpre actuar tanto dende as competencias e responsabilidades das administracións públicas como dende a iniciativa colectiva cidadá, sen menoscabo do imprescindible compromiso individual, tan necesario para crear modelos de comunicación alternativos e superar tantos prexuízos, un dos virus máis perigosos para o futuro do galego.

No caso do concello de Vigo abandonar a derradeira posición no emprego do galego debería constituír unha ansia compartida por todas as institucións, asociacións e cidadanía viguesas. Non estaría de máis actualizar e velar polo cumprimento da Ordenanza de Normalización Lingüística de 8 de novembro de 1988, aínda en vigor, a primeira das aprobadas en Galicia. Como tampouco estaría de máis, rememorando aquela modélica campaña en man común de 1994 «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», promovida polo concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que os responsables públicos se comprometesen a utilizar o galego de forma preferente nas súas intervencións.

 

U-lo problema da biblioteca de Navia?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para reiterar a reclamación dunha biblioteca para Navia:

Lin no xornal dixital do concello de Vigo (xornal.vigo.org) que o alcalde avanzou que «a nova biblioteca de Navia abrirá as súas portas con 200 postos de lectura, que dispoñen de conexión wifi, ampliables se existise demanda». Unha noticia chocante xa que este novo equipamento socio-comunitario para unha cidade recente de máis de dez mil habitantes de poboación moi nova non pode ser considerado como «biblioteca», xa que carece de acceso a contidos bibliotecarios, sexan libros impresos e dixitais, nin conta tampouco con ordenadores de uso público nin cunha programación estable de fomento da lectura. Esta confortable sala de lectura sen libros e sen persoal bibliotecario non satisfai as necesidades lectoras reclamadas pola veciñanza de Navia.

Como sucedera coa procura dun terreo municipal onde construír a Biblioteca do Estado, asunto que despois dunha década de ires e falares parece resolto na zona do Chouzo, o fracaso de Navia é outro capítulo desa estraña relación que Vigo mantén coa noción de biblioteca pública, concibida universalmente como a institución cultural primeira de cada comunidade local e cerna de todas as políticas interxeracionais de lectura. Ademais de expresar a decepción que provoca a perda da oportunidade de contar por fin cunha segunda biblioteca municipal, de características semellantes á Xosé Neira Vilas do Calvario (a terceira sería a prevista en Teis), é inevitable preguntarse se os responsables do concello pretenden con esta sala de estudo atenuar o déficit bibliotecario endémico, que sitúa a Vigo na cola das estatísticas nesta materia.

Como tamén cómpre salientar, a pesar de que coñecemos o actual proceso de mudanza do concepto de biblioteca provocada pola hibridación dixital dos soportes da lectura, que non existen precedentes de bibliotecas públicas sen libros impresos e dixitais, sen revistas, sen xornais, sen computadoras e, sobre todo, sen servizos e sen persoal bibliotecario técnico que facilite á cidadanía de todas as idades e de todas as condicións o acceso en igualdade á información e á creación literaria. Velaí a cerna desta inacabable polémica sobre cal debe ser o futuro das bibliotecas públicas en Vigo.

Sabendo que hoxe Vigo, unha cidade de 300.000 habitantes, conta cunha biblioteca central (de xestión autonómica) e outra de proximidade (de xestión municipal), abonda consultar as pautas de INTAMEL (Asociación Internacional de Bibliotecas de cidades metropolitanas) ou da IFLA (Asociación Internacional de Bibliotecarios) para reclamar a creación en Vigo doutras cinco bibliotecas municipais. Criterio presente tamén na Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia que no seu artigo 15 establece que os concellos de mais de 20.000 habitantes deberán prestar o servizo bibliotecario de lectura pública de forma descentralizada por medio de bibliotecas de proximidade. Modelo que desenvolveu con grande éxito o concello da Coruña (244.850 habitantes) que conta cunha rede de dez bibliotecas municipais, creada polo alcaldía de Francisco Vázquez, cun orzamento anual arredor dos 2,5 millóns de euros, ademais da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés de xestión autonómica. Modelo desenvolto tamén polos concellos de Xixón (271.843 habitantes), que conta cunha central e 11 bibliotecas de proximidade, L’ Hospitalet (261.068 habitantes), cunha central e 7 de proximidade ou Vitoria-Gasteiz (249.176 habitantes), cunha central e 12 bibliotecas de barrio.

O atraso de Vigo para desenvolver un modelo bibliotecario equiparable en extensión e calidade o destas catro cidades de poboación inferior á viguesa non ten que ver nin cunha capacidade financeira superior dos seus concellos (con orzamentos inferiores ao de Vigo) nin tampouco que puidesen recibir maiores axudas por parte das súas respectivas CC.AA. O fracaso de Vigo obedece nin máis nin menos ao escaso valor que as diversas corporacións outorgaron ás bibliotecas e ás políticas públicas de fomento da lectura.

O custe do funcionamento anual dunha biblioteca pública como a Xosé Neira Vilas, modélica nas súas actividades de fomento da lectura e no servizo aos seus máis de 16.000 socios e socias, excluídos os gastos de limpeza, seguridade e mantemento, supón 256.499,56 € do orzamento do concello. Se a nova sala de lectura de Navia ten previsto un custe anual de funcionamento de 80.000 €, é factible que entre os 257 millóns de euros dos seus ingresos o concello de Vigo destinase apenas 200.000 € para que en Navia funcionase de marabilla unha biblioteca con libros impresos e dixitais, con persoal técnico bibliotecario e servizos dinámicos de fomento da lectura e de acceso á información. Boten contas, apenas o 0,07% do orzamento anual do concello. U-lo problema da biblioteca de Navia?

Vigo no espello do Porto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as relacións da área metropolitana de Vigo coa do Porto:

Non é novidade ningunha insistir na necesidade de que Vigo aproveitando a súa centralidade xeográfica priorice no seu proxecto estratéxico as súas relacións coas outras dúas grandes áreas metropolitanas da fachada atlántica, a do Norte, a galega da Coruña e a do Sur, a portuguesa do Porto. Dous polos potentes de desenvolvemento urbano cos que a área metropolitana de Vigo compite para atraer actividades económicas e incrementar a súa capacidade exportadora, mais coas que tamén se complementa e das que necesita na reclamación de investimentos para a mellora das súas infraestruturas básicas, no marco do desenvolvemento previsto para o arco peninsular atlántico, do Douro ao País Vasco, alternativo no actual mapa rexional europeo ao arco Mediterráneo, conformado polas cinco comunidades da ribeira oriental da península ibérica.

Como tampouco é novidoso insistir no feito de que as cidadanías e os tecidos empresariais destas tres metrópoles atlánticas, sobre todo a viguesa, asumiron, dende hai tempo e con toda naturalidade, a mobilidade de persoas e de intercambios comerciais dentro deste espazo xeográfico, coincidente en boa medida co da vella Gallaecia, mesmo a pesar de que as institucións galegas e portuguesas, máis alá de retóricas diplomáticas, continúan viradas de costas. Unha eurorrexión na que na actualidade viven seis millóns e medio de persoas, o que supón un 11,25 % das censadas na península ibérica e na que se concentra boa parte da capacidade exportadora de ambos os dous estados. Na defensa dos intereses comúns é onde A Coruña, Vigo e Porto deberían fixar os seus proxectos estratéxicos para as próximas catro décadas.

Un proxecto de cooperación que a comezos da década de 1990 xa concibiron Fernando Gomes, presidente da cámara portuense, e Carlos G. Príncipe, alcalde de Vigo, promotores do Eixo Atlántico do Norte Peninsular (1992), asociación (entón) dunha ducia de cidades de ambas as dúas bandas do Miño creada coa intención explícita de superar as barreiras físicas existentes neste espazo galego-portugués «mediante infraestruturas públicas que permitan vertebrar un mercado único transfronteirizo». Camiño xa das tres décadas do seu inicio, coincidente tamén coa entrada en vigor do mercado único, o soño compartido de Príncipe e Gomes, a quen escoitamos emocionados na Porta do Sol viguesa na manifestación en solidariedade coa flota pesqueira galega do fletán, o proxecto de eurorrexión, liderado por Porto e Vigo, nunca acabou de cristalizar institucionalmente. Máis aínda, creo que na última década se agrandaron as diferenzas entre estas cidades e se conxelaron ou desbotaron boa parte dos proxectos máis colaborativos acordados entre elas.

Xaora, a área metropolitana de Porto, que triplica en poboación á viguesa, non perdeu o tempo. Desenvolveu durante estes vinte e cinco anos de mercado único as súas infraestruturas de forma extraordinaria; dotouse dun aeroporto punteiro, utilizado anualmente por doce millóns de viaxeiros (dez veces os de Peinador) desde o que se pode viaxar a 88 destinos; puxo en funcionamento unha rede de tranvía metropolitano que move sesenta millóns de usuarios (tres veces os de Vitrasa); e apostou pola ampliación do porto de Leixões, que ameaza ao porto de Vigo tanto no seu tráfico de contedores como de cruceiros. Por non falar da renovación radical das actividades económicas do seu tecido urbano, con especial atención ás culturais e artísticas (festivais de cine, concertos, museos, arquitectura…), que converteron á cidade do Doiro nun dos destinos europeos de moda.

Diante do espello do dinamismo de Porto, o Vigo metropolitano ten que reaccionar de vez. Non pode perder outras dúas décadas discutindo miudezas de política doméstica entre administracións e familias políticas, mentres perde o tren da Alta Velocidade, diminúen os tráficos do seu porto e Peinador queda reducida a unha terminal complementaria de Barajas. Así de claro e de triste. Como tamén deben recuperarse os proxectos de cooperación política e cultural transfronteriza, singularmente potenciando de novo o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (que continúa tendo unha das súas sede en Vigo) e a colaboración entre entidades locais (museos, centros educativos, universidades…) de ambas ás dúas metrópoles. Sen esquecer a oportunidade extraordinaria que achega contar cunha lingua compartida, como é o galego-portugués, capaz de abrir portas económicas e formativas nos cinco continentes. En definitiva, trátase de recuperar a cooperación estratéxica entre Vigo, Coruña e Porto para que cada unha delas poidan competir en mellores condicións no espazo das áreas urbanas atlánticas. Gustaría que esta idea se tivese en conta na axenda das próximas municipais.