Paseo e horizonte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a beirarrúa voada do paseo de Afonso:

A estrutura de formigón do edificio Ardora do Barrio do Cura xa impide ás persoas que se asoman ao miradoiro do paseo de Afonso ver os tellados da igrexa e do convento de San Francisco. Nada estraño para quen visite os espazos virtuais da promotora, onde se poden identificar como as alturas en superficie do edificio, que vai dende a baixada de San Francisco á que foi a fonte e lavadoiro da Barroca na rúa Poboadores, ocultarán a vista do mosteiro máis antigo da vila e cidade de Vigo, incendiado por Drake en 1589 e do que xa tiñamos constancia no plano esbozo de Vigo de 1597 de Leonardo Turriano, no que no promontorio elevado sobre o mar se identifica a capela de Santa Marta fundada polos monxes cistercienses de Melón. Igrexa e convento franciscano rematados en 1774, cuxos membros participaron en episodios da Reconquista, onde tras a exclaustración se fundou en 1839 a Casa de Caridade, hoxe centro de menores e comedor social. Edificación inmortalizada polo inglés George Vivian nun gravado, que constituíu, xunto ao castelo do Castro, a imaxe máis emblemática do primeiro Vigo urbano.

Primeira decepción visual da intervención urbanística sobre o Barrio do Cura, que non será a última, xa que a construción dos outros dous edificios, Lúa e Estrela, que ocuparán as rúas Pi e Margall, Llorente e Santa Marta, cegarán as vistas desde unha parte da beirarrúa voada dos estaleiros e do porto de Bouzas e mesmo unha parte da illa sur de Cíes. Contando cos permisos urbanísticos do concello e cos de patrimonio da Xunta de Galicia, roubarase a viguesas e visitantes unha propiedade comunal de valor emotivo incalculable, ese anaco de horizonte, no solpor a imaxe máis luminosa e fermosa da propia cidade, onde cada serán no miradoiro case centenario, ao abrigo da oliveira, centos de persoas atopabamos os ollos do porvir e os camiños do mar da nosa cidade atlántica. Certo é que nas páxinas da promotora, prométese recuperar algunha das derradeiras vivendas mariñeiras viguesas, como reclamo etnográfico e de protección do patrimonio, ademais de anunciar que a nova praza miradoiro de acceso público constituirá «un innovador ámbito comercial, que xerará un foco de actividade económica e social importante». O que traducido a fala viguesa significa que os promotores pensan que empreñamos co vento e ademais das vistas espectaculares anunciadas para as vivendas máis exclusivas, con prezos ao alcance de moi poucos, no novo miradoiro se instalarán bares «cool» con terraza con vistas a ría e o Berbés para o gozo dos que poidan pagalos.

Xaora, a cuestión do miradoiro –proxectado en 1928 por Jenaro de la Fuente como balconada artística e remodelación de todo o paseo de Afonso, para substituír o deteriorado muro de contención sobre a rúa Poboadores e permitir duplicar a vía do tranvía– ten gran importancia para o patrimonio vigués polo que esta actuación supuxo de modernización urbana. Empregou o formigón armado para soster a beirarrúa voada, apenas 0,75 metros sobre o muro. Coidou o acabamento artístico nas balconadas rectangulares e dúas semicirculares máis voadas que o resto, onde alternan floreiros coas figuras dos querubíns pétreos sostendo os escudos de Vigo e de Galicia, pezas escultóricas, obra de Camilo Fernández «O Roxo». Como novidoso foi o forxado da varanda, probablemente realizado nos obradoiros de La Industriosa de Sanjurjo Badía, como pensa o historiador Xosé Ramón Iglesias Veiga. Paseo de Afonso que ten a súa orixe en 1875 arredor da fonte da Falperra, concibido como punto de encontro, a saída e entrada do Vigo que comezaba a estenderse seguindo a estrada de Baiona. Paseo de Afonso, onde ademais do bulevar arborado e a beirarrúa voada, a oliveira e as súas fontes, cómpre non esquecer o quiosco para venda de flores, proxectado con linguaxe racionalista por Emilio Bugallo Orozco e inaugurado o 28 de marzo de 1943, dedicado a partir da década de 1950 a venda de prensa.

Lamentar este roubo dunha liña do horizonte é un exercicio lexítimo de melancolía e xustiza poética, que ninguén pode impedirnos, coma xa provocaron respostas emotivas outras desfeitas urbanísticas viguesas ou a equivocada retirada do tranvía en tempos de Portanet. Secasí, os cidadáns posuímos ademais o dereito de opinar e propoñer, como sucedeu cando hai máis de dúas décadas solicitabamos a peonalización do paseo de Afonso, hoxe por ventura irreversible, convertido en gozosa sala de estar do tardeo vigués e da celebración de solpores espectaculares dende os seus miradoiros. Razón pola que non estaría de máis que o propio concello de Vigo fose quen solicitase a declaración da beirarrúa voada, incluídas as súas esculturas, farois e enreixado de ferro, como Ben de Interese Cultural, gozando así dunha protección que impida un futuro espolio. O ben feito ben o parece.

Medicina en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a Facultade de Medicina:

Ricardo Cao Abad, profesor de Estatística, presidente do comité de expertos de Acción Matemática contra o Coronavirus (2020), reitor da Coruña dende hai ano e medio, encabeza a reclamación dunha segunda facultade de Medicina para Galicia, implantada na súa Universidade. Cao considera que existe unha demanda social insatisfeita destes estudos e que a UDC ten capacidade e recursos suficientes para contar cun novo centro público para estas ensinanzas, utilizando o mesmo procedemento que levou á creación das facultades de Dereito e Informática, impartidas hoxe nas tres universidades.

O reitor coruñés reabre o debate sobre a ampliación das facultades de Medicina en Galicia, existente dende a segregación da Universidade de Santiago no curso 1989-1990 que, tras a aprobación da Lei 11/1989 de 20 de xullo de ordenación do sistema universitario de Galicia, supuxo a creación das universidades de Vigo e da Coruña, ao tempo que tras o acordo dunha comisión tripartita se implantou un mapa de titulacións das tres universidades en sete campus. Xa dende aquel inicio as dúas novas universidades aspiraron a incorporar Medicina a súa oferta educativa, que quedaba en exclusiva para a USC, que impartía estas ensinanzas dende 1648 e no seu emblemático edificio dende 1928. Máis en concreto, en 2009 o alcalde de Vigo Abel Caballero, que gobernaba en coalición co BNG, reclamou abertamente a creación dunha segunda facultade de Medicina como a pata que lle faltaba á Universidade de Vigo, considerándoa «unha das grandes demandas da cidade». Petición á que se sumou o reitor da Universidade da Coruña que estimaba que abrir a facultade custaría 9 millóns de euros.

Hai dez anos abriuse de novo a polémica, pechada tras a sinatura do convenio do 30 de abril de 2015, entre os tres reitores e as consellarías de sanidade e de educación, polo que a Universidade de Santiago se responsabilizaría da planificación e organización dos estudos do grao de Medicina en Galicia, ao tempo que se establecían as regras de deslocalización das ensinanzas clínicas de 3º a 6º cursos nos hospitais do Sergas da Coruña e Vigo, a cargo do profesorado asociado de Ciencias da Saúde (PACS) das Universidades de Vigo e da Coruña. Acordo vixente, polo tanto vinculante, que só foi implantado no chamado rotatorio de 6º, quedando sen explorar as súas posibilidades, semellantes ás do modelo formativo vasco ou madrileño, onde a docencia tanto a clínica como a académica é impartida nos hospitais públicos dende o 3º curso. Posibilidade que xa se contemplaba no proxecto orixinal do hospital de Vigo do goberno de Touriño, que contaba cunha unidade docente con seis aulas, unha biblioteca e un quirófano experimental, dotacións universitarias suprimidas no proxecto definitivo recortado polo goberno de  Feijoo.

Acordo de 2015 que con criterio construtivo e lealdade institucional Manuel Reigosa, o actual reitor da Universidade de Vigo, propón actualizar e mellorar, ao fío da evolución e progreso da rede hospitalaría pública galega como das ensinanzas das tres universidades galegas e das 56 facultades de medicina existentes en España. Avance na descentralización imprescindible e inevitable, como tamén o parece o incremento das prazas docentes do primeiro curso, que en 2025/2026 superan as 400. Deslocalización que debe ser iniciada, sen demora, nos tres vindeiros cursos e obriga á Xunta de Galicia a proporcionar os recursos necesarios para facela efectiva. Como as universidades de Vigo e da Coruña deben contar co profesorado acreditado suficiente (proceso complexo ao que non son alleas as presións dos colexios médicos e doutros lobbies) que, como o reitor vigués expresou, será necesario converter de asociado a vinculado, o que lle permitiría impartir tamén docencia teórica.

Avance sen volta posible na descentralización académica e clínica, que non supón renuncia ningunha da Universidade de Vigo a contar cunha facultade propia de Medicina, no marco do desenvolvemento estratéxico dun novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego para o período 2025-2050. Mapa de titulacións no que se deberán pechar as obsoletas ou as duplicadas que perderon a súa razón de ser. Mapa no que se deben abrir outras titulacións que dean resposta as novas necesidades formativas, de investigación e transferencia, como ás demandas sociais e territoriais. Un novo mapa universitario galego que procure máis a cooperación ca competencia, a descentralización ca xerarquía centralizadora e procure a excelencia formativa e os intereses xerais sobre os corporativos. Con eses criterios é moi probable que a descentralización dos estudos de Medicina reclamada polo reitor vigués sexa o embrión dunha futura facultade viguesa de Medicina con sede nun Cunqueiro ampliado.

A exclusión do Mundial 30

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exclusión de Balaídos como sede do Mundial de Fútbol 2030:

O feito de que o estadio de Balaídos non apareza como unhas das once sedes do Mundial 30 na lista da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) non é unha derrota para a cidade de Vigo nin para a súa reputación, aínda que sexa un fracaso para o goberno municipal que presentou a candidatura. Unha decisión federativa opaca da que se descoñecen os criterios utilizados e as puntuacións obtidas na avaliación da proposta viguesa, como a do estadio de Riazor, que competían pola única praza adxudicada a Galicia pola RFEF. Unha exclusión do Mundial que ten que ver, probablemente, máis coa estratexia política utilizada na defensa da candidatura viguesa ca en razóns deportivas, na medida que fiaba as súas posibilidades no contacto directo e no apoio do Consello Superior de Deportes (CDS), organismo gobernamental que ten baixo tutela á RFEF, desprezando a influencia que puidese ofrecer a instancia da Federación Galega de Fútbol (FGF), presidida por Rafael Louzán, ex-presidente da Deputación Pontevedra e do Partido Popular de Pontevedra, durante un período no que mantivo a Vigo a ración de pan e auga. Estratexia inversa á utilizada pola candidatura municipal coruñesa que puxo todos os ovos na cesta de Louzán, a pesar de que precisaba máis obras no estadio, o que obriga a maiores cargas para as arcas públicas.

Esta exclusión da sede viguesa non merece ser chorada, cando debería constituír unha oportunidade para que Vigo conte canto antes cun estadio municipal moderno co aforo e as condicións que precisa o Real Club Celta de Vigo S.A.D., abandonando os custosos cantos de serea a que obrigaba o proxecto do Mundial, concibido apenas para responder os requirimentos voraces da FIFA para xogar tres partidos en 2030. Unha negativa que debe ser transformada nun acicate orgulloso para que a obra prevista para a grada de Gol, cofinanciada polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, se execute no prazo e condicións previstas, como tamén a das obras das pistas municipais de atletismo anexas, sen esquecer as melloras necesarias no interior da grada de Río, onde despois de máis de corenta anos urxe modernizar a súa actual accesibilidade e sistemas de seguridade. Vigo non precisa un estadio para 45.000 persoas nin pode engadir entre 60 e 75 millóns de euros aos que xa leva investido na obra de renovación do estadio iniciada en 2014, máis aínda, cando despois de Qatar 2022, a estratexia de construír grandes estadios para uns poucos partidos amosouse ruinosa para as súas cidades no económico e insostible no ambiental.

Xaora, que Vigo non conte con sede mundialista non pode supoñer de maneira ningunha que se renuncien ás melloras nas infraestruturas contempladas no proxecto da candidatura, sobre todo as referidas ao reto de dispoñer de até 5.000 prazas de aparcamento próximas ao estadio nos días de partido e a contar cun aeroporto e cunhas conexións ferroviarias de primeiro nivel. Como en todo caso, esta exclusión do Mundial 30; como a negativa de Abanca, propietaria do Deportivo da Coruña S.A.D., de ceder sequera en usufruto o Teatro Cine Fraga ao concello; como o chasco da actual liña do AVE, que de facto apenas reduciu nuns minutos a conexión con Madrid; como a imposibilidade de gozar en Vigo dos beneficios do transporte metropolitano, coma no resto das rexións urbanas galegas, entre outras decepcións viguesas recentes, obriga a repensar como se veñen abordando en Vigo as cuestións estratéxicas e as relacións entre as administracións. E non habería que facer un pouco de autocrítica? A pesar da omnipresencia do alcalde en todo tipo de actos, os membros do goberno municipal socialista poderían pensar que quizais non todo se está facendo ben. Outrosí sucede cos responsables locais do PP de Vigo, a pesar da nova estratexia aparentemente conciliadora de Alfonso Rueda que esta semana anunciou «un antes e un despois para a cidade», que ignoran as reclamacións á Xunta de Galicia para que salde a importante débeda que mantén co Vigo metropolitano no que atinxe a mobilidade, vivenda, sanidade, educación, medio ambiente ou servizos sociais.

En resumo, non me parece lóxico que as administracións gastasen unha millonada nunhas obras de ampliación innecesarias no estadio de Balaídos, mentres a cidade e a cidadanía precisa outras actuacións preferentes, adiadas por ausencia de vontade política de quen é competente para asumilas, ou simplemente por continuar esa batalla interminable de reproches mutuos, que beneficia a ambas partes nas urnas. A pesar diso, cómpre que Vigo abandone calquera asomo de vitimismo e presente un proxecto estratéxico, amplo, potente e compartido, con vontade inequívoca de liderar a economía, a cultura e o proxecto político galego, a vacina máis eficaz para evitar decepcións como a da exclusión do Mundial.

Teatro cine Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do Teatro cine Fraga:

O anuncio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra de mercar case a partes iguais o cine-teatro Fraga por 9,3 millóns de euros para destinalo a usos socioculturais é aparentemente unha noticia excelente para a cidade de Vigo e a súa área metropolitana. Semella que despois de vinte e tres anos do peche das súas tres salas de proxección, como pasados trece anos da interrupción das obras de rehabilitación dirixidas polo arquitecto César Portela e avanzadas nas tres cuartas partes, poderá sacarse do abandono un edificio emblemático, que forma parte da memoria sentimental de varias xeracións da veciñanza viguesa. Porén, o anuncio dos presidentes Alfonso Rueda e Luís López, con clara intención de contribuír a incrementar o protagonismo do que en Vigo carece hoxe o Partido Popular de Galicia, abre tamén moitas dúbidas, xa que son varias as cuestións de calado que deben ser consideradas para a resolución satisfactoria do caso, tanto as que atinxen a súa transformación imprescindible nun centro cultural público e os usos aos que será destinados os seus diversos espazos, como as referidas á xestión e financiamento da programación das súas actividades e mantemento das súas instalacións.

Debate cidadán necesario no que tampouco poden quedar fóra as condicións e mesmo o importe de venda dun inmoble, que non o esquezamos, fora adquirido por Caixa Galicia en 2001 á familia Fraga polo equivalente a 7,5 millóns de euros e pasou nove anos despois a pertencer a Novacaixagalicia, entidade que sería rescatada en 2014 como Nova Galicia Banco por 9.052 millóns de euros  do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que tras ser poxada por Banesco en 1.003 millóns de euros, utilizará o nome comercial de Abanca e asumirá as súas propiedades, entre elas a do Fraga. Unha década máis tarde esta compra da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra do inmoble da rúa Uruguai ten como primeiro beneficiado a Abanca, mesmo a pesar de ser responsable do seu abandono e de ser incapaz de desenvolver un proxecto sostible, como recoñeceron os responsables da propia entidade financeira. Un traspaso ao ámbito público para o que existían outras alternativas sobre a mesa, que non comprometían máis cartos das administracións, como a dunha cesión ao concello de Vigo para facer do Fraga o gran teatro público do que carece a cidade metropolitana, vella reclamación das entidades veciñais e das artes e das letras viguesas.

Outro debate esencial no caso do Fraga é o referido ao plan de usos dos espazos recuperados polo proxecto de rehabilitación de César Portela, que debe manter a identidade do edificio proxectado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto e soñado polo empresario Isaac Fraga como a mellor e máis suntuosa pantalla de  Galicia, á altura das que vira nos Estados Unidos. Conservar os usos do Fraga como primeiro cine e teatro público de Vigo cae de caixón, mais obriga a desenvolver unha programación anual cinematográfica, musical e das artes escénicas de calidade á altura da instalación. Como obriga no proceso de rehabilitación pendente a instalar no auditorio de 1.200 localidades o maxestoso órgano de tubos do que falaba nestas páxinas hai pouco Alejo Amoedo ou dotar dos medios técnicos necesarios para a escena e para convertela tamén na sede das orquestras viguesas. Sen esquecer, que nunca debería de perder o seu carácter como sala cinematográfica permanente, o que sería factible creando a sede viguesa da Filmoteca de Galicia, entidade que forma parte do Centro Galego das Artes da Imaxe, instalada dende hai décadas na Coruña. Como nesta dimensión do Fraga como centro das artes audiovisuais, pagaría a pena recuperar o proxecto do Centro Galego de Fotografía, canto menos para crear unha moderna Fototeca, desde a que acceder e poñer en valor os fondos dos arquivos fotográficos e cinematográficos vigueses.

Con todo, a creación do Teatro cine Fraga, obriga a acordar entre as catro administracións públicas (Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno de España) un modelo corresponsable de financiamento e xestión, no que tamén se podería contar con recursos de patrocinios privados. Un modelo para o que se podería botar man da experiencia do Marco que, a pesar das súas dificultades, amosou a viabilidade dunha xestión cultural profesional, rigorosa, independente e avalada polos poderes públicos. Sen arriscarse a forxar ese gran acordo polo primeiro teatro público de Vigo do século XXI, un proxecto apoiado polo tecido cultural e asociativo vigués, todo o anterior pode quedar en auga de castañas. Xaora, a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer con aquel espírito modernizador e coas miras no futuro co que foi concibido hai setenta e cinco anos polo seu fundador Isaac Fraga.

Dous discursos

Non fai falta ser sociolingüista para identificar que nos discursos do 17 de maio sobre o estado da lingua, o presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura utilizaron argumentos e linguaxe non verbal alternativos. Mentres Alfonso Rueda, moi serio e con escasa empatía, transformaba o día das letras galegas no día das linguas cooficiais, alegando que «as linguas son para comunicar, non para provocar ningún conflito ou ningunha liorta», o conselleiro José López propoñía con certa empatía un grande pacto pola lingua, sen precisar detalles, mais que tivese en conta que «perdemos falantes e non acabamos de construír un proxecto para as novas xeracións», abrindo unha fenda de autocrítica e posibilidade de recuperación do acordo roto en 2009. Futuro para o idioma que na mesma mañá reclamaron en Compostela as 15.000 persoas participantes na mobilización convocada pola plataforma Queremos galego e o propio presidente da Real Academia Galega que nunha entrevista radiofónica reclamaba con contundencia a derrogación do Decreto de Plurilingüismo (2010). E cabe preguntarse se a proposta de pacto de José López é sincera e compatible co discurso negacionista do conflito lingüístico utilizado decote por Rueda? Xaora, máis alá das interpretacións especulativas sobre estes discursos, o goberno galego ten a obriga de presentar a avaliación (anual) de resultados prevista na disposición adicional quinta do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo. Un imprescindible exercicio de claridade, pendente dende hai máis dunha década, cuxos resultados contribuirían a reorientar o actual modelo de educación plurilingüe cuestionado pola maioría dos claustros. Con todo, como sucede co programa Edixgal de educación dixital, tamén pendente de avaliación de resultados, temo que a Consellaría de Educación volva a desentenderse de cuestión tan decisiva para o futuro do idioma. Ben salientou Freixanes o 17, diante de Rueda, que no tema do galego «ou avanzamos ou retrocedemos». Velaí os dous discursos.

Publicado en Nós diario: 22/05/2024

Memoria da Terra Chá

O escritor chairego Paco Martín leu o comezo da súa intervención na Polavila Docampo 2024 unha noticia que nos deixou estupefactos e rezaba máis ou menos así: «A proposta do Instituto de Estudos Chairegos levada ao pleno do concello de Vilalba para denominar unha sala do conservatorio de música, a casa da cultura e a biblioteca pública municipal cos nomes do músico Santiago Mato Vizoso e dos escritores Manuel María e Agustín Fernández Paz respectivamente foi rexeitada ao non acadar os dous terzos dos votos corporación, ao absterse o PP». Unha negativa xustificada polo regulamento sobre honras e distincións do concello de Vilalba que desde hai vinte anos obriga a contar cunha maioría cualificada (case unanimidade) para modificar os nomes dos inmobles municipais. Unha argucia que xustifica rexeitar as propostas do IESCHA, ao tempo que manter os nomes de Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne ou Auditorio Municipal Carmen Estévez. Un exercicio de cinismo político que me axudou a lembrar aquelas presentacións e homenaxes de Agustín na súa vila natal, onde nunca faltaban as gabanzas de Agustín Baamonde, líder dos populares vilalbeses, alardeando de compartir pupitre e andanzas escolares co escritor das Fontiñas. É un acto de dignidade que a Biblioteca de Vilalba leve o nome de Agustín Fernández Paz, hoxe o escritor vilalbés máis lido e traducido a media ducia de linguas, aínda máis cando esta biblioteca recibiu unha doazón de case sete mil exemplares do seu legado bibliográfico. Como é un acto de gratitude lembrar ao poeta Manuel María na Casa da Cultura, aínda máis cando foi en Vilalba onde celebrou o 15 de febreiro de 2003 o acto do seu ingreso da Real Academia Galega cun discurso memorable titulado «A Terra Chá: poesía e paisaxe». Os concelleiros populares vilalbeses non poden continuar bloqueando cunha argucia propia do máis reseso filibusterismo os xustos nomeamentos solicitados polo IESCHA, que forman parte todos os tres da memoria e do orgullo da cultura galega.

Publicado en Nós diario: 17/04/2024

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

Outro Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao fracaso da instalación da Feira do Libro de Vigo no Calvario:

O traslado da Feira do Libro de Vigo á rúa peonil do Calvario resultou un fracaso. A participación de apenas nove expositoras, das que só seis eran vendedoras, a ausencia das librarías viguesas máis dinámicas e comprometidas co libro galego, a incomodidade da instalación, tanto do estreito corredor para a circulación do público como dunha carpa de actos cativa, así como as molestas interferencias dos cheiros dunha chamada «Fiesta de la alegría», coa que compartiu un espazo público, en boa parte valado por obras, foron circunstancias que provocaron as queixas das lectoras que até alí se desprazaron e moi especialmente de autoras, editoras e dalgúns veteranos libreiros. En definitiva, o novo emprazamento escollido no Calvario pola Federación de Librarías de Galicia e o concello de Vigo non reuniu as condicións e a dignidade necesarias para celebrar a que debería ser a festa dos libros de Vigo, unha das actividades principais da axenda cultural anual da cidade.

Unha deterioración desta feira, creada por libreiros como don Antón Patiño hai case cincuenta anos na Alameda, iniciada hai unha década cando abandonou a súa localización fundacional e comezou un percorrido errático por diversos emprazamentos da rúa Príncipe, fose arredor do Marco ou da Porta do Sol, que nunca resultaron plenamente satisfactorios nin para os organizadores nin para o concello de Vigo. Como tampouco na edición deste ano foi satisfactorio o adianto das datas de celebración abandonando a tradicional primeira decena de xullo. Emporiso, a Feira do Libro de Vigo foi perdendo visibilidade social e relevancia na axenda viguesa, mesmo a pesar dos teimosos esforzos das editoras viguesas por ofrecer un programa atractivo de presentacións e sinaturas, conscientes do éxito que en todas as cidades suscita agora este tipo de encontros presenciais protagonizados polos autores e autoras. Mais como se dun novo prexuízo murguiano se tratase, en cuestión de libros Vigo é un sitio distinto e vai a recú da tendencia doutras cidades galegas que como A Coruña mantén con pulo (non exento de dificultades) a súa feira do libro de agosto, cunha participación de expositores que multiplica por catro á viguesa, ou Compostela ou Pontevedra que crearon cadansúa festa do libro e da lectura de novo cuño. En Vigo nin unha cousa nin a outra.

E o mesmo sucede cando de bibliotecas viguesas falamos, outro sitio distinto para o actual goberno municipal que identifica como bibliotecas públicas o que en realidade son salas de lectura e estudo e acceso gratuíto a internet. Unha estraña doenza viguesa, esta de abrir “bibliotecas” sen libros nin fondos hemerográficos nin servizos de fomento da lectura nin persoal técnico bibliotecario, para unha cidade incapaz no que vai de século de acordar entre as súas administracións a construción de vez dunha biblioteca pública do estado á que ten dereito. Un fracaso entendible polo curtocircuíto existente entre a alcaldía e a presidencia da Xunta de Galicia para abordar esta cuestión, como outras infraestruturas culturais, educativas e deportivas, mais non por iso xustificable nunha cidade que continúa sendo referente no sector da edición de libros en Galicia e no estado, mais que carece dun plan ou programa ou documento estratéxico municipal que oriente as políticas culturais e de lectura na perspectiva das profundas mudanzas de hibridación da sociedade posdixital. Como Vigo continúa sendo sitio distinto no funcionamento do seu carenciado arquivo municipal, o que provoca as queixas de investigadores e amantes da historia e memoria locais.

O inicio dun novo mandato do goberno municipal é unha oportunidade magnífica para que a alcaldía reorientase a súa estratexia bibliotecaria e de fomento do libro e da creación literaria. E por ventura semella que o estado das arcas do Campo de Granada permitirían dotar de fondos bibliográficos e de persoal bibliotecario as futuras bibliotecas municipais de Navia, Teis e Bouzas que probablemente, como xa sucede coa Xosé Neira Vilas, atenderían a máis de 20.000 socios e socias (de todas as idades), cifras superiores ás abonadas ao Celta centenario. Como a situación económica do concello semella propicia para ofrecer un calendario de eventos literarios, entre os que non debería faltar nin celebración dunha feira (festa) do libro nun espazo céntrico e recollido (quizais nos paseos portuarios) nin a creación en outono do festival internacional «Vigo noir» de narrativa criminal. Sen esquecer a recuperación da convocatoria, como xa temos proposto, do Premio Internacional de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que volvería a poñer a Vigo no escaparate literario. Por insistir que non quede, sabemos que outro Vigo do libro, das bibliotecas e da lectura é posible.

Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Luces de longo alcance

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a instalación en Vigo da decoración e dun mercado de Nadal:

Pertenzo a esa parte da veciñanza viguesa que non comparte o entusiasmo da alcaldía pola celebración do Nadal convertendo o espazo público do centro nun parque temático. Unha desmesura de non sei cantos millóns de leds e da instalación de non se sabe cantas atraccións de feira que, máis alá das brincadeiras do primeiro edil nos estudios abusando do emprego de adxectivos en grao superlativo, afonda nunha coidada estratexia política de xentrificación do modelo urbano até facer case irrecoñecible Vigo á súa propia veciñanza.

Para relucir Vigo non precisa iluminar con milleiros de luces a Araucaria excelsa da Alameda, o indiscutible teito centenario do noso primeiro xardín urbano, chantada alí dende antes de 1880, e dende entón tinguida pola luz atlántica que acoitela a brétema sobre a ría. Como tampouco semella moi razoable instalar luces noutras árbores case centenarias da Praza de Compostela cargándoas co cableado e estresándoas coas tarefas de colocación e retirado.

Non é a mellor solución instalar un mercadiño de Nadal na Alameda coas súas estruturas, cables, pérgolas, altofalantes e case un cento de casetas de restauración, artesanía e vestiario sobre un espazo tan sensible como o deste xardín no que dende hai décadas medran até 45 especies arbóreas, algunhas delas protexidas, incluídas no catálogo de árbores singulares viguesas, como magnolias, castiñeiras de indias, teixos, nogueiras americanas, estripeiros, casuarinas, pradairos, entre outras. Como é tamén desafortunado que se modifique a atmosfera deste noso xardín botánico utilizando 27 canóns de neve artificial tres veces o día.

Tras a remodelación de 1925, na que foi derrubado o enreixado e o palco da música, concibiuse a Alameda como un filtro urbano natural que illase o rebumbio da cidade e o do porto. Artellouse así como asociación vexetal ornamental con cadansúa franxa de luz e sombra, coa súa cadencia de árbores en ringleira, estanques e parterres florais. Un deseño que amosa o claro interese botánico que hai máis dun século existía naquel Vigo portuario e cosmopolita capaz de transformar a alameda do ensanche de García Olloqui nun espazo interxeracional de calma, paseo demorado, encontro e conversa sosegada, onde ademais se podían escoitar os trilos de andoriñas e outras aves urbanas.

Aquel espírito xenuíno de xardín da Alameda quedou forxado nunha placa histórica de ferro, instalada no paseo central, na que aínda se pode ler: «Sendo estes xardíns propiedade de todos os cidadáns a todos eles interesa a súa conservación. Por isto os pon baixo o seu coidado e vixilancia. O Alcalde». Chamamento ao exercicio dun civismo que non perdeu vixencia ningunha e que debería ser asumido tamén polos responsables deste mercadiño para o que con certeza atoparíase unha localización máis idónea nas instalacións portuarias.

Xaora, como sinala Marcos Calveiro nas recomendabilísimas páxinas de Todos fomos (Xerais 2021), novela de intriga cen por cen viguesa, ambientada no esquecido barrio de Teis, a pesar de tantos millóns de luces e adornos de Nadal, Vigo continúa sendo «a xigantesca aldea caótica e desordenada que fóra sempre». Esa fronteira do alén (Ferrín dixo) «á que amamos polo seu caos e, por enriba de todo, pola súa luz; unha luz –nas palabras luminosas de Calveiro– que fai rexurdir a calquera das súas propias cinzas e reconstruírse día a día; unha luz fulcral que non se detecta en ningunha outra cidade».

Abofé que a escenografía efémera deste enorme decorado de Nadal, ademais do seu custe eléctrico e contaminación luminosa, non pode ocultar os problemas que Vigo arrastra dende hai décadas. Abonda ler as magníficas páxinas económicas de Faro de Vigo para saber que os sectores aínda básicos da economía viguesa, a automoción, as actividades portuarias e as de construción naval están ameazados; que o AVE non chegará na vindeira década nin por Cerdedo nin por Mondariz; que sacar adiante a Saída Sur ferroviaria requirirá moito esforzo colectivo ou que Peinador contará apenas coas liñas subvencionadas polo propio concello.

Neste contexto de dificultades, agravado polas incertezas dunha pandemia que non ten trazas de abandonarnos decontado, Vigo precisa con urxencia  prender outras luces, estas de longo alcance: as da memoria, as da protección do noso patrimonio natural, arquitectónico e cultural, as da planificación estratéxica e innovación, as do emprendemento, as da participación cidadá… Luces que permitirán deseñar o proxecto do que será o Vigo futuro, que aventuro como sucedeu até agora capaz, a pesar de todo, de volver a reconstruírse. E se queremos gozar de luces fermosas e de longo alcance todo o ano podemos gozar do espectáculo diario do solpor sobre as Cíes dende o Paseo de Afonso e outros miradoiros nosos.