Prohibido non falar: estimular a linguaxe oral na casa

A falar apréndese falando dende os primeiros meses de vida. A través da imitación os bebés descubren a lingua, aprenden as primeiras palabras e van poñendo nome o seu mundo.

A aprendizaxe da lingua oral realízase, en boa medida, na familia, sendo para os cativos todas as persoas do seu primeiro entorno, tanto a nai como o pai, a avoa e o avó como os irmáns, os primeiros modelo de uso de lingua oral.

O fogar, pois, é a primeira aula da linguaxe oral, razón pola que é moi importante que as persoas maiores cando falen cos nenos, xa dende os primeiros días, empreguen unha lingua clara o máis correcta posible, un vocabulario rico e variado, unha estrutura correcta e un ton axeitado.

Aos nenos e ás nenas hai que falarlles como se se tratase de personaxes dunha obra de Shakespeare, evitando amosarnos impacientes cando non os entendamos. Sempre é interesante preguntarlles formulando preguntas abertas, evitando que as respostas sexan sempre «si» ou «non».

O período de confinamento é unha oportunidade magnífica para estimular o emprego dunha linguaxe oral correcta e variada no entorno familiar. Ademais das actividades propostas polo centro, pode facerse noutras moitas cotiáns, como esoutras ou como as que recomenda Carlota González, mestra de AL:

1–. Compartir momentos de xogo: propostas de xogo simbólico, xogos de mesa, manualidades ou gravacións.

2–. Ler e contar contos: facerlles preguntas, propoñerlles que continúen a narración que iniciamos, mudar o comezo dun conto coñecido, dramatizar un conto, ler contos rimados, o que estimulará a súa conciencia fonolóxica e memoria oral…

3–. Cociñar en familia:a cociña é un espazo privilexiado para adquirir novo vocabulario, lendo as receitas, seguindo as súas instrucións, aprendendo o nome dos utensilios, dos alimentos ou dos diversos electrodomésticos…

4–. Hora da limpeza: unha actividade que fomenta a igualdade e a corresponsabilidade entre todos os membros da familia, mais tamén facilita a aprendizaxe de nomes e o seguimento de instrucións de determinados procesos.

5–. Poñemos a lavadora: outra actividade cotiá que permite o seguimento de instrucións e a aprendizaxe de vocabulario das prendas, dos produtos de limpeza como dos momentos do proceso (lavado, tendido, secado, pasar o ferro…).

6–. Cantar xuntos: aproveitando cancións populares e fórmulas do folclore oral (contos enumerativos, trabalinguas…).

Texto pubicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cederia.

Ler entre liñas: inferencias na comprensión lectora

Unha lectora competente é capaz de ler entre liñas, de extraer unha información que non aparece de forma literal no texto, sexa oral, escrito ou icónico, mais que a súa autoría pretende transmitir. Chamamos inferencia a esta habilidade de deducir a información oculta en calquera tipo de texto.

A inferencia obriga á persoa lectora a relacionar o que está lendo (vendo ou oíndo) co que xa sabe, razón pola que supón un nivel de comprensión que vai máis alá do recoñecemento do que figura de forma explícita no texto.

No caso da lectura esta habilidade para facer inferencias permitirá á lectora, entre outras accións, predicir resultados, entender o significado de palabras descoñecidas ou de secuencias lóxicas ou prever un final diferente dun texto narrativo. Utilizar esta habilidade inferencial permite un nivel de comprensión lectora elevado, o que chamamos lectura interpretativa.

Unha persoa que manexa esta habilidade de facer inferencias poderá localizar con maior facilidade os datos ou as ideas que o autor ou autora pretende transmitir, desvelar as claves do texto ou atopar mais dunha interpretación o significado para o que está lendo, vendo ou escoitando.

Como outras habilidades lectoras, é posible estimular dende idade temperá o traballo con interferencias, o que permitirá aos nenos e ás nenas realizalas de forma máis autónoma no futuro e utilizar esta estratexia cando se enfronte a calquera tipo de textos.

Para desenvolver esta habilidade lectora inferencial pode traballarse na escola ou no propio entorno familiar propoñemos unha ducia de actividades:

1–. Actividades interactivas de inferencias visuais.

2–. Xogos interactivos e autocorrectivos de verdade ou mentira.

3–. Actividades interactivas de inferencias lóxicas.

4–. Actividades para procurar pistas ou para detectalas a partir de textos breves.

5–. Actividades para completar frases con pistas.

6–. Actividades que supoñan asociación de textos.

7–. Actividades que obriguen a responder a preguntas inferenciais.

8–. Actividades audiovisuais para establecer inferencias.

9–. Que conto é?

10–. Actividades que supoñan completar oracións.

11–. Inferencias para traballar a comprensión lectora: Ulo?

12–. Realizar inferencias sobre textos breves.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Estratexias para mellorar a comprensión e velocidade lectoras

A lectura é un proceso de interacción entre o pensamento e a linguaxe escrita. Un proceso que obriga, en primeiro lugar, a recoñecer as letras, as palabras e as frases, e despois a captar os seus significados e a relacionalos con outros que xa posúe cada lectora.

Chamamos comprensión lectora (CL) ao proceso polo que cada lectora interactúa cos diversos tipos de textos escritos. Mais tamén entendemos por CL a habilidade de entender o que se le, tanto en referencia ao significado das palabras que forman un texto como con respecto á súa comprensión global.

Carecer desta habilidade de comprender o significado do que se le pode chegar a influír na adquisición doutras aprendizaxes, mesmo noutras materias como as matemáticas, xa que o alumnado con baixa CL terá máis dificultades para resolver problemas se non comprende o seu enunciado. Como tamén terá máis posibilidades de non ter interese pola lectura, xa que para estas persoas é unha actividade que lles provoca maiores dificultades de descodificación e asimilación.

A CL, ademais, está relacionada coa velocidade lectora (VL), o número de palabras lidas correctamente nun minuto, de xeito que as lectora máis veloces e fluídas (ademais de pronunciar ben e facer as entoacións e pausas axeitadas) xeralmente teñen un mellor nivel de comprensión.

Entendida a lectura como unha habilidade fundamental e necesaria para desenvolverse de forma efectiva na vida cotiá é imprescindible saber ler, ter a capacidade de comprender o lido e a habilidade de facelo de forma fluída (que non debemos identificala con facelo a correr).

Para conseguir este obxectivo, unha lectura fluída e comprensiva, centrada na identificación do sentido e das ideas principais de diversos tipos de textos, poden desenvolverse dende a escola e dende a propia familia diversas estratexias e actividades lectoras:

–. Actividades que permiten promover a lectura na aula, na biblioteca escolar e na propia casa dunha maneira divertida relacionando os textos co coñecemento previo.

–. Actividades de comprensión lectora con diversos tipos de textos, tanto literarios como informativos.

–. Probas de comprensión lectora baseadas nas estratexias de facerse preguntas ou realizar inferencias.

–. Probas de comprensión lectora baseadas na identificación de ideas importantes de diferentes tipos de textos.

–. Exercicios de velocidade lectora, como localización da palabra clave ou de mudanza de orde das palabras ou realización de actividades de lectura dinámica.

–. Actividades internivelares de lectura en parellas, baseada no programa de aprendizaxe entre iguais e de traballo cooperativo.

–. Actividades de comprensión lectora empregando os recursos de lectura fácil.

–. Participación nas actividades e retos da biblioteca escolar.

Texto publicado nas webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.

Onte 2067: «Ex Libris. The New York Public Library»

Nunca esquecerei a visita que fixemos a sede da quinta avenida da Biblioteca Municipal de New York. A imaxe daquel policía maior de cor facendo taichi no xardín da biblioteca permanece aínda na memoria daqueles dias felices de turistas en Manhattan. Lembranzas anovadas durante as tres horas e cuarto de Ex libris, o extraordinario e monumental documental do mestre Frederick Wiseman, un fluír de vida cotián novaiorquina, tamén unha emocionante gabanza da lectura e do valor da biblioteca pública como institución de integración comunitaria.

A película é unha lambetada audiovisual, na que se entrenobelan longas intervencións orais (presentacións de libros, conversas con autores, xuntanzas do persoal bibliotecario, discursos, clubes de lectura…), que vai conformando un alegato a prol do acceso democrático ao coñecemento e a participación do lectorado (a cidadanía) na xestión da propia institución.  Un autorretrato da propia biblioteca publica concibida como unha  catedral laica, aberta no corazón da cidade dende hai máis dun século ao avance do coñecemento e ao fluír das artes todas. Mais tamén a instánea dunha institución en crise nun momento de mudanza profunda (2016-2017) que se prepara para transformarse nunha rede que permite ao lectorado de todas as condicións (funcionais, sociais e xeracionais) o acceso información e a lectura en soportes diversos. Unha transformación proxectada sobre dous retos: o primeiro, o carácter hibridado e descentralizado dos servizos e, o segundo, a intencionalidade inclusiva de cada unha das súas actuacións. Todo un programa para calquera cidade do noso tempo. Recomendo esta alfaia do cine documental, indisensable para letraferidos e amantes dos libros como para profesionais da edición e da biblioteca.

Onte 2056: A reinvención da biblioteca pública en Vigo

O mesmo día que Faro de Vigo publicaba que Vigo é a cidade galega menos dotada de libros, en relación ao seu número de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño), lin unha reportaxe moi suxestiva na edición electrónica de La Presse (Québec) sobre como as bibliotecas públicas se reinventan en todo o mundo como ágoras que atraen cada vez un maior número de usuarios. Outro paradoxo deste Vigo puro milagre que necesita máis libros ca luces. Producida en tempos  de hibridación dixital e da ameaza de Amazon de monopolizar a distribución do libro (tanto impreso como dixital), esta reinvención do modelo de biblioteca pública pretende convertela nun espazo arquitectóinico singular que facilite o encontro cidadán e o acceso á información nos diversos formatos.

Novas bibliotecas, das que existen moitos modelos nos Estados Unidos e Canadá, mais tamén en Europa, concibidas como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas até as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e para adolescentes, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros servizos.

Vigo precisa reinventar a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables da anemia bibliotecaria viguesa. Unha reinvención que pasa por abandonar o actual modelo municipal das salas de lectura,  “bibliotecas sen libros e sen bibliotecarias” (como a que abriu en Navia e como a que está previsto abrir en Teis), adoptando con carácter xeral o da exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade que abre o novo goberno de Sánchez no Goberno de España e facer efectivo o seu compromiso de construír a Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración, concibida como as canadianas como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría como central á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro da cidade. Agardemos que nesta lexislatura a imprescindible reinvención das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.

Novela negra viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a etiqueta da «novela negra viguesa» e  as políticas de lectura do concello de Vigo:

A pesar de que acredito pouco na fiabilidade das etiquetas e clasificacións literarias, non nego o atractivo dalgunhas como a de «novela negra viguesa», reclamo utilizado tanto por algúns editores para reforzar os seus lanzamentos como pola propia rede bibliotecaria galega para facilitar as procuras das súas usuarias. Unha marca utilizada tamén por algúns críticos para representar o que entenden é o «boom» de Vigo como cidade de novela negra, espazo literario onde se ambientan os thrillers de publicación recente dalgúns novelistas vigueses como Pedro Feijoo («Os fillos do lume»), Domingo Villar («O último barco»), Ledicia Costas («Infamia»), Manuel Esteban («O meu nome é Ninguén»), Alicia Borrás («La voz rota»), Beto Luaces («Vicus. Un lugar aquelado») ou Daniel Cid («La gabardina azul»). En todas elas, dunha ou doutra forma, Vigo aparece na ficción como un espazo criminal de referencia, como a Vigata de Camilleri, o Ystad de Mankell, o Oslo de Jo Nesbo, a Fjällbacka de Camilla Läckberg, a Kiruna de Asa Larsson, a Atenas  de Márkaris, a Venecia de Donna León, o Baztán de Dolores Redondo ou a Compostela de Carlos Reigosa, o Oregón de Diego Ameixeiras ou o Ourense de Bieito Iglesias, tres dos mestres galegos do xénero negro.

Un fenómeno literario que sabemos non é novo, como demostra o excelente Mapa literario de Vigo, confeccionado de forma colaborativa polo lectorado da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, no que se identifican as obras narrativas localizadas no espazo metropolitano vigués dunha cada vez máis estensa relación de autorías, dende a escritora María Xosé Queizán, pasando por An Alfaia, Xosé Cid Cabido, Manuel Forcadela, Francisco Alonso, Elena Gallego, Manuel Veiga, Fran P.Lorenzo, María Reimóndez, Álex Alonso, Rexina Vega, Santiago Lopo, Francisco Castro, Clara do Roxo, Marga do Val, Anxo Fariña até o propio alcalde Abel Caballero, autor de «El invierno de las almas desterradas» (2004). Tanto nun caso como noutro, sen esquecer o carácter verniano da cidade, velaí o protagonismo da ría en «Vinte mil leguas baixo dos mares», o feito de que o Vigo metropolitano sexa convertido en arquetipo de localización literaria, constitúe unha noticia magnífica, xa que isto facilita a fidelización e ampliación do lectorado coa nosa literatura e a posibilidade de converter a Vigo en reclamo dun novo turismo literario, como xa sucede en tantos outros territorios literarios dos aquí citados.

Xaora, o entusiasmo por este novo fenómeno literario vigués, non pode agochar as carencias que Vigo arrastra en materia de políticas de lectura pública. Eivas endémicas en materia de bibliotecas que non van ser solucionadas da noite para a mañá, xa que a dotación para a biblioteca de Navia semella máis propia dunha sala de estudo ca dunha moderna biblioteca como o anuncio da construción da Biblioteca do Estado, agora nas Travesas, agardemos non sexa o inicio doutra das leas paralizantes entre o concello e a Xunta. Como tampouco é propio dunha «cidade literaria» que o concello de Vigo non conte con algún premio literario con dotación económica nin participe nalgún festival ou feira literaria, que facilite o contacto dos públicos lectores cos autores e autoras. Carencias menos comprensibles aínda nunha cidade que continúa sendo a capital editorial de Galicia e unha das cidades de referencia en España na edición de libros.

O fomento da lectura e o apoio á creación literaria e á industria editorial deben ser un dos eixos dunha política cultural estratéxica da que o Vigo metropolitano aínda carece. E para iso cómpre que o goberno municipal faga das políticas de lectura unha das súas prioridades, tamén orzamentarias, como fixeron os concellos da Coruña e Donostia, hoxe referentes no eido bibliotecario. Como sería posible volver a colocar a Vigo no mundo literario recuperando o Premio Celso Emilio Ferreiro, que recoñecía unha figura internacional da poesía, ou o Premio Martín Codax de poesía en lingua galega, homenaxeando ao fundador da propia cidade. Como sería posible volver a levar a poetas de todo o mundo ás Cíes, como se fixo en 1954 no III Congreso Internacional de Poesía, cuxa memoria Ceferino de Blas hai ben pouco recuperaba nesta páxinas de «Faro». Como é factible organizar un «Vigolé», un festival internacional anual de novela, apoiado no carácter verniano da cidade, concibido como espazo de encontro para os nosos narradores narradoras cos seus públicos. Como tamén o sería desenvolver un programa de residencia literaria, no marco da proxección de Vigo como destino turístico con valor cultural engadido, entre outras posibles iniciativas. En todo caso, non esquezamos que Vigo ten unha débeda coa súa literatura, hoxe un dos compoñentes máis orixinais da súa identidade contemporánea.

Un día para a lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día do libro:

Celebramos este 23 de abril, día mundial do libro e do dereito de autor, nas datas máis decisivas da campaña das eleccións xerais. Unha oportunidade excelente, máis alá das imaxes publicitarias das candidaturas cos libros e coas rosas, para reflexionar sobre as políticas públicas sobre o libro e a lectura. Como tamén o é para reparar nas mudanzas profundas do concepto de lectura, que no seu sentido máis amplo constitúe o procedemento mediante o que interpretamos todo o que nos rodea.

No entorno da comunicación contemporánea, onde se presentan xuntos os textos e os hipertextos, enriquecidos cos enlaces da web e das utilidades multimodais (audios e vídeos), como os usuarios mesturan o emprego dos soportes impresos (libros, xornais e revistas) co acceso ás pantallas dixitais dos máis diversos formatos (teléfonos, tablets, computadoras até os propios televisores), a lectura é a ferramenta coa que descodificar todo este mundo híbrido, a chave imprescindible para poder alí entender e participar. A lectura, un dos hábitos máis diferenciais da nosa condición humana, resulta máis necesaria ca nunca. A lectura non pode ser considerada como unha afección dunha minoría da poboación, á que lle gusta gozar da arte literaria en tempo de lecer. No novo paradigma da comunicación dixital, a lectura é unha competencia imprescindible da cidadanía, sendo a alfabetización dixital e a educocomunicación interxeracional unha responsabilidade ineludible dos poderes públicos. Un enfoque novidoso que comeza a agromar nalgúns programas do 28-A, mais que non apareceu, a pesar da súa importancia, entre as medidas que centran os debates electorais.

Joaquín Rodríguez, unha das voces máis autorizadas en España sobre os futuros do libro, escribía estes días que se algo poden facer as administracións públicas no terreo do libro é crear condicións para que medre e se consolide o número de lectores e lectoras competentes. E para conseguilo deben activar os recursos principais dos que dispoñen, o sistema educativo e os medios de comunicación públicos. Os poderes públicos deben colocar a lectura e a escritura, tanto impresa como dixital, na cerna do currículo tanto de educación primaria como de secundaria, así como deben introducir o fomento da lectura na axenda pública, sobre todo a utilizado polos medios de comunicación, á altura doutras expresións da vida saudable como o fomento do deporte, como se ven facendo no Reino Unido e o seu programa de clubes de lectura que mobiliza a milleiros de lectoras.

Experiencias de éxito de colocar a lectura no centro da actividade educativa obrigatoria existen no noso entorno, como a estratexia nacional de lectura de Finlandia, que atende de forma especial ás contornas familiares desfavorecidas con escaso contacto coa lectura e cos libros. Como tamén podería emularse o modelo de «Ler. Plano Nacional de Leitura» desenvolto en Portugal, que asume a lectura como unha prioridade política dos poderes públicos para toda unha década (2017-2027). Un plano de lectura transversal e coordinado, no que participan varios ministerios, xunto ás cámaras municipais e entidades privadas, cuxos obxectivos primeiros son favorecer a integración social por medio da lectura, a inclusión de persoas con necesidades específicas e o desenvolvemento articulado dunha cultura científica, literaria e artística. Un plano de lectura modélico que pon no centro o papel das bibliotecas públicas, das bibliotecas escolares e dos centros de ciencia viva, recoñecido como a chave da tan admirada e recente revolución educativa portuguesa.

Xaora neste día do libro en plena campaña electoral non se pode esquecer o compromiso da administración do estado co mundo da libraría, que vive os seus momentos máis difíciles, tras a diminución significativa da compra de libros, que non remonta dende a crise de 2009, e as mudanzas de hábitos do propio lectorado no novo entorno da lectura hibridada e da incorporación da edición ás industrias do lecer. As nosas librarías precisan dun plan de intervención urxente, como o que Macron artellou en Francia dotando de 15 millóns de euros para investir en mellora da infraestrutura libreira. Como é imprescindible a recuperación do programa de «Librarías con Selo de Calidade», que debería implicar, como sucede en Francia e Alemaña, contraprestacións fiscais e axudas directas para aquelas librarías que ofrecen en mellores condicións o libro ao seu lectorado.

Este 23 de abril, que volve encher as ramblas de libros e rosas (que envexa desoutro éxito da sociedade civil catalá e a súa mobilización lectora anual), é unha oportunidade magnífica para que os partidos presenten as súas propostas arredor da lectura, que non pode continuar fóra da nosa axenda pública.

 

O estado da lectura

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar algúns dos datos que entendo máis significativos do barómetro «Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España. 2018», preparado pola Federación de Gremios de Editores de España:

Dos datos achegados polo barómetro «Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España. 2018», preparado pola Federación de Gremios de Editores de España, hai canto menos unha ducia deles que merecen ser coñecidos polo seu valor para representar o estado actual da lectura en todas as súas manifestacións (de lecer, de traballo, de estudo ou de actualidade), en todo tipo de persoas lectoras, así como pola súa capacidade para tomarlle o pulso ao estado dos sectores da edición de libros, revistas e xornais, nun momento decisivo de dixitalización dos soportes utilizados pola primeira das industriais culturais españolas. Un estudo que repara ademais no estado da lectura nas diversas linguas oficiais españolas, o que interesa á edición en galego.

O primeiro que chama a atención é a elevada porcentaxe de poboación lectora maior de catorce anos, xa que o 96,1 % das persoas consultadas len algún tipo de texto, en calquera formato ou soporte, impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre. Cifra que supón un incremento de seis puntos con respecto á do ano 2010, acadando no caso da lectura de xornais impresos o 73,9 % (unha diminución de catro puntos), na de libros o 67,2 % (un incremento de case sete), na de textos longos en internet, sexa en webs ou rede sociais o 56,4 % (un incremento de case 20 puntos) e na de revistas o 34,9 % (perdendo case 14 puntos). Noutras palabras nos últimos oito anos incrementouse o número de persoas lectoras adultas até porcentaxes históricas, o que demostra que en España nunca se leu tanto nin en soportes tan diversos, comportamento ao que non é alleo o uso das tecnoloxías dixitais que, a pesar do que se adoita dicir, contribúen ao incremento dos índices de lectura.

O segundo fenómeno no que cómpre reparar é que a maioría das persoas lectoras son lectoras frecuentes (93,1 %), se por iso entendemos ás que len todas as semanas. Fidelización lectora que se produce en todos os tipos de lectura: xornais, 69,8 %; libros 55,5 %; webs, 38,8 %; redes sociais, 52,2 %; revistas 18,8%. Cadora convén matizar que neste comportamento lector hai diferenzas significativas de xénero, sendo a porcentaxe de lectoras de libros do 70,7 % e o de lectores do 63,7 %; mentres que no caso dos xornais a cifra de lectores é do 80,8 % e de lectoras de 67,1 %. As mulleres len máis libros e menos xornais e os homes á viceversa. Como tamén, coa excepción moi significativa da lectura de prensa, a porcentaxe de lectoras vai diminuíndo segundo aumenta a súa idade. O 52,0% das persoas entre 14 e 24 anos declaran ler os xornais polo menos unha vez ao trimestre, mentres entre as maiores de 65 anos esa porcentaxe chega ao 74,8 %. No caso da lectura de libros, a porcentaxe de lectoras de 14 a 24 anos é do 89 %, mentres ca nas de máis de 65 apenas é do 46,5 %. A mocidade le máis libros e menos xornais e as persoas maiores á viceversa.

Outro fenómeno moi significativo do estado da lectura en España é que, a pesar de que o 99,8 % le en castelán, o 44,5 % da poboación consultada faino en dúas os máis linguas, sexa de forma habitual ou ocasional. Unha porcentaxe de lectura plurilingüe nada desprezable que demostra o peso que, tantas veces se oculta, da lectura nas linguas cooficiais (o catalán 20,3 %, o  galego 3,5 % e o éuscaro 2,2 %). Cifras que no caso noso levan á reflexión, xa que sendo en Galicia o 72,4 % as lectoras habituais ou ocasionais en galego, só o 7,3 % das maiores de catorce anos afirma que o último libro que leu estaba escrito en galego. Iso si, lamentando o 33,7 % das consultadas que non o fixera en galego polo feito de non estar editado no noso idioma, o que expresa que o público considera aínda insuficiente a oferta editorial existente en galego.

Por último, o barómetro achega moitos datos sobre a lectura de libros. O 61,8 % das persoas consultadas len libros por lecer no seu tempo libre, sendo o 32,6 % lectoras frecuentes que len case todos os días, unha porcentaxe que aumentou sete puntos nos últimos dez anos e expresa a consolidación do hábito lector nun terzo da poboación adulta. Actividade que se desenvolve no fogar onde se forman bibliotecas familiares que contan con máis de douscentos exemplares de media. Como semella significativo para entender o valor do libro na nosa sociedade que o 54,7 % confese ter recibido un libro de agasallo no último ano.

Como resulta inevitable reparar no peso da lectura dixital, utilizada polo 78,3 % dos consultados, que confesan utilizar o ordenador (48,9 %), a tablet (27,9 %), o móbil (31,4 %) ou o seu e-reader (19,8 %) para ler libros (28,7 %), xornais (46,3%), webs (56,4%) ou redes sociais (55,5%).  Confórmase así un perfil de lectora dixital pura ou hibridada (le tamén en papel), que supón máis dun terzo das persoas lectoras frecuentes, outro índice significativo do proceso de dixitalización acentuado na última década.

Hipertextos 010/2019: Biblioteca pública e compromiso social

 


«Na biblioteca Bon Pastor imos máis alá do fomento da lectura. Entendemos que os rapaces perden moitas oportunidades de inserción social e laboral nun futuro, se non saben ler. Para nós o fomento lector, pasalo ben cos libros, é unha garantía de comprensión lectora.»

Virginia Cierco. Directora da Biblioteca Bon Pastor, Barcelona.


Recomendo esta magnífica peza (19 minutos) titulada «Medrar lendo» da Fundación Biblioteca Social sobre o papel comunitario da biblioteca pública na integración da infancia en risco de exclusión social. As bibliotecas como espazos integradores e inclusivos de encontro e de paz, como motores da civilidade no barrio e na cidade. Un documental fermoso no que se recollen catro experiencias de bibliotecas con compromiso social: as bibliotecas de acollida, as bibliotecas con servizo ao hospital, a hora do conto inclusivo…

Experiencias todas elas premiadas nas últimas edicións do Premio «Biblioteca pública e compromiso social», entre as que está unha experiencia galega, «Canto Conta Cambados» da Biblioteca Municipal de Cambados Luís Rei (moi recomendable este vídeo de 5 minutos sobre ela). Un premio do que foi finalista na edición de 2018 a Biblioteca Municipal de Verín coa súa experiencia «Voluntariado cultural con chic@as para el fomento da lectura».

Vía  Txetxu Barandiarán, fonte inagotable de auga limpa lectora.

 

Hipertextos 008/2019: Reto lector «12 meses, 12 libros»

Co comezo do ano nas redes sociais publícanse propostas de retos lectores, a maior parte deles baixo a fórmula de «12 meses, 12 libros». A verdade é que os criterios para a escolla das lecturas son moi diversos e nalgúns casos un chisco arbitrarios, mais todos procuran a fidelización ho hábito lector na diversidade de xéneros e temas, ao tempo que deixan a cadaquén a maior liberdade para para satisfacelos. Retos no que o lectora ou a lectora asume a diversidade da oferta libreira ou bibliotecaria como unha nova oportunidade para deixarse sorprender.

En todo caso, propostas como as que fai a Axencia de Lectura do Concello de san Sadurniño e o seu reto lector para 2019 constitúen un aliciente para o fomento da lectura que merecen ser compartidos.

Reto lector 2019 para lectoras adultas

A biblioteca pública lánzanos un reto que nos volva enganchar á lectura en papel. No caso das persoas adultas a proposta que fai é a de ler alomenos 14 libros entre xaneiro e decembro de 2019. Danos liberdade de elección, pero pon algunhas condicións á hora de facela.

  • un dos libros ha de ser unha novidade da biblioteca;
  • outro será de non ficción;
  • o terceiro deberá ter recibido un premio literario galego;
  • tamén teremos que ler algunha obra protagonizada por unha muller;
  • obrigatorio tamén ler algún autor ou autora que gañase o Nobel;
  • hai que ler unha obra de poesía;
  • en sexto lugar pide que leamos un álbum ilustrado ou novela gráfica;
  • un clásico;
  • o libro favorito en galego dunha amizade ou familiar;
  • algunha obra dun ou dunha homenaxeada polas Letras Galegas;
  • ler tamén algo escrito por nomes da literatura hispanoamericana;
  • un libro que fose levado ao cine;
  • unha novela histórica
  • e, por último, unha obra de teatro.

Reto lector 2019 para a rapazada

  • unha novidade;
  • un que narre episodios da vida real;
  • outro de misterio ou medo;
  • un cómic;
  • unha obra protagonizada por un animal;
  • un libro de aventuras;
  • unha obra con premio literario galego
  • e outra con premio literario infantil;
  • un conto clásico;
  • un libro de fantasía;
  • outro de poesía
  • e, como remate da lista, unha obra relacionada con calquera aspecto científico.