O mito da Reconquista
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao mito da Reconquista de Vigo:
Todas as cidades galegas posúen o seu mito fundacional, un relato que dá conta das súas orixes e identidade no tempo. Ninguén dubida que o de Santiago corresponde ao do traslado e enterramento do corpo do apóstolo chegado do mar. Como o da Coruña está vinculado con Xerión, o xigante que matou Hércules, enterrado baixo o faro romano construído a finais do século primeiro. Como tamén ten orixe romana Lugo, a máis antiga das nosas cidades, fundada por Paulo Fabio Máximo como “Lucus Augusti”, o campamento militar romano instalado no ano 25 antes de Cristo sobre un castro. Outrosí pertence ao mundo clásico a orixe mítica de Pontevedra, creada polo arqueiro Teucro, fillo do rei Telamon, que tras abandonar o mar do Peloponeso seguindo a estela luminosa de Poseidón fundaría na máis fermosa das rías Helenes, unha colonia grega, ao pé da illa de Tambo.
Porén, non é tan doado identificar o mito fundacional de Vigo, cuestión xa abordada nas primeiras historias de Vigo, tanto a pioneira de Nicolás Taboada Leal de 1840 como a referencial de Francisco Ávila de la Cueva, que dedicou a Vigo o segundo capítulo da súa Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado (1852, Toxosoutos 2003). Tema que tamén preocupaba a Teodosio Vesteiro Torres, que nas súas Monografías de Vigo (1878) xa abordaba o refuxio do pobo dos herminios nas illas Cíes onde serían atacados pola escuadra de César. Orixe romana do porto de Vigo, testemuñada polos achados arqueolóxicos de numerosas vilas de litoral e factorías ao longo da ría. Como tampouco se pode desbotar o seu fulgor medieval, como testemuñan as tres igrexas románicas conservadas, Castrelos, Coruxo e Bembrive, construídas entre os séculos XII e XIII, que coinciden co mito tan atractivo, acuñado por don Álvaro Cunqueiro, anunciado xa por Vesteiro, dunha cidade fundada por un poeta, Martín Codax, o xograr (ou segrel) que vive, escribe e canta a Vigo nas súas sete cantigas entre 1230 e 1280.
No entanto, é o da Reconquista, a proeza da expulsión dos franceses polo pobo vigués e polas alarmas da comarca –tropas francesas que ocuparon a vila durante 56 días, dende o 31 de xaneiro ao 28 de marzo de 1809– o acontecemento que transcorridos dous séculos se converteu no mito fundacional que mellor explica o Vigo actual. Fraguado co sacrificio do pobo común, este mérito de ser a primeira vila que conseguiu desfacerse da tutela napoleónica tivo importantes consecuencias políticas para Vigo, xa que o 1 de marzo de 1810 sería declarada polo Consello de Rexencia co título de cidade fiel, leal e valorosa, e ademais de recoñecerlle o seu dereito de voto dentro da Xunta do Reino de Galicia e eximirlle da súa dependencia señorial do arcebispado de Santiago. Honras que obrigaron a adaptación do escudo de armas da nova cidade, da que desapareceu a vieira xacobea e á que incorporou a imaxe da oliveira centenaria que entón se erguía no adro da colexiata.
Honras da Reconquista que proporcionaron a Vigo o peso político do que até entón carecía e coas que comeza a perfilar o seu papel e o seu afán de liderado no proxecto galego. O propio Vesteiro Torres non dubidaba nun artigo sobre o 28 de marzo de 1809, para el «data inmortal!», que «Vigo tiña que ser a primeira en gustar do novo cáliz da liberdade» e adiantaba ademais o que serían os piares que definirían o Vigo contemporáneo: «Co vigor da mocidade, coa honradez do traballo, coa conciencia do seu poder, adiantou, medrou, e chegou a ser o emporio da grandeza de Galicia e dos seus mares de Occidente». O que sucedeu naqueles históricos 56 días artellou o mito dunha reconquista heroica e popular, sobre todo grazas ao relato artellado por José Santiago y Gómez na súa Historia de Vigo y Comarca (1896, Deputación de Pontevedra 2005). Relato por ventura matizado, expurgado e ampliado pola historiagrafía viguesa actual, en espléndidas obras de referencia como Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009) de Eduardo Rolland e O Vigo que viron os franceses (IEV, 2021) de Jorge Lamas, que permiten coñecer os feitos e o seu contexto histórico con rigor e obxectividade. Como imprescindible foron as achegas a este relato actual da Reconquista realizadas dende a literatura galega, sobre todo por Pedro Feijoo na novela Os fillos do lume (Xerais 2017).
Xaora que constitúe unha beizón o pulo da actual celebración popular do relato mítico da Reconquista, na que a veciñanza viguesa adquire todo o protagonismo, como sucedeu naqueles 56 días de ocupación napoleónica, que pasaron a historia europea como un episodio da Guerra Peninsular entre franceses e ingleses. Unha festa de época, iniciada en 1997 pola veciñanza do Casco Vello sen apenas axudas e apoios, hoxe por ventura consolidada como a primeira e a máis xenuína da cidade na que a todos orgulla o protagonismo do vestiario e da música tradicional galega.




O prezado trofeo é unha tea de seda adamascada confeccionada pola Casa Picot, cadrada de 105 cm de lado na que aparecen tres bandas en sentido vertical, azul, branca e vermella e unha vaíña pola que pasaba a hasta que remata na súa punta nunha aguia de bronce dourado ao ouro moído de 1,85 quilos de peso e 31 cm de alto, 27 de longo e 10 de fondo.
No centro, a bandeira leva unha coroa de loureiro que rodea unha lenda de catro liñas, manuscritas en ouro, que di: «L’empereur des français au vaisseau l’Atlas». No reverso da tea atópanse os restos doutra lenda que debuxa o lema «Valeur et discipline». Aguia de ás despregadas deseñada por Antoine Chaudet, o escultor de confianza de Napoleón, á que o emperador concedía gran importancia, tanta como á da bandeira do seu imperio, xa que para el «levala era un orgullo, defendela coa vida unha obriga e perdela unha vergonza». Razón pola que os inimigos cando querían salientar unha vitoria sobre o exército de Napoleón a exhibían con fachenda.





A publicación de Breve historia da cidade de Vigo, o libro colectivo coordinado por J. Miguel González Fernández e publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, constitúe un fito na historiografía viguesa como no catálogo de publicacións da nosa entidade de estudos locais. Seguindo o fío diacrónico e cun afán de alta divulgación non exento de rigor, o libro ofrece en case trescentas páxinas as claves sobre as que se alicerza a historia de Vigo e a súa área xeográfica. Un percorrido «Dende o Vigo prehistórico ao do final do Imperio Romano», estudado por Ramón Patiño Gómez e Fernando J. Costas Goberna, que presentan o patrimonio de gravados rupestres, poboamentos castrexos, vilas e instalacións de salgadura romanas. Percorrido continuado polos vieiros pouco coñecidos do Vigo medieval do poeta Martín Codax e das igrexas románicas de Castrelos, Coruxo e Bembrive, enfiados no relato de Elisa Pereira García. Vila amurallada e próspero porto pesqueiro e comercial atlántico, presentada de forma moi documentada e atractiva polo coordinador do volume no capítulo esencial dedicado á Idade Moderna.










