Castelaos maxistrais

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo as exposicións protagonizadas por Castelao abertas en Santiago de Compostela: «Castelao maxistral» no Centro Gaiás da Cidade da Cultura e «Alba de Gloria. Experiencia» en San Domigos de Bonaval:

Están abertas en Santiago de Compostela dúas extraordinarias exposicións protagonizadas por Castelao, a figura política e cultural que mellor representa a memoria e as esperanzas da Galicia contemporánea. No Museo Centro Gaiás, organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura, pode visitarse «Castelao maxistral», na que se exhibe por vez primeira na Galicia peninsular «A derradeira leición do mestre», o óleo pintado por Castelao en Buenos Aires en 1945, con motivo da celebración do Día dos Mártires (17 de agosto), considerado como o Gernika galego. Mentres que na igrexa de san Domingos de Bonaval, organizada polo Consello da Cultura Galega, pode participarse en «Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia», na que o propio Castelao, reconstruído visualmente con todo detalle, utilizando os recursos da realidade virtual guiará aos usuarios a través do seu derradeiro e histórico discurso pronunciado o 25 de xullo de 1948. Dúas exposicións de gran calidade e concepción moi actual, ademais de gran interese didáctico, que constitúen tamén para os visitantes senllas experiencias emocionantes que nos enfrontan coa memoria republicana de Galicia e coa figura xigante do Castelao artista e do orador político excepcional.

A cerna de «Castelao maxistral», exposición comisariada por Miguel Anxo Seixas Seoane, está na homenaxe que se rende á memoria do centenar de mestres e mestras de Galicia asasinados, dos que xa falara Pablo Neruda nun poema (1937), membros do maxisterio público en exercicio en xullo de 1936, cuxa listaxe foi elaborada polo Grupo Sarmiento de Historia da Educación en Galicia. Mestres que forman parte desas case 15.000 vítimas documentadas da represión en Galicia, das que case setecentas foron mestres e mestras, e das que medio cento foron paseadas sen sentenza xudicial (ese «sangue de mestres o de obreiros nas cunetas» de Luis Pimentel) e case outras corenta executadas sen outro motivo que estar vinculados a organizacións socialistas ou republicanas de esquerda ou simplemente, na maioría dos casos documentados polos historiadores, pola súa actividade docente, por defender no espazo das súas aulas, como facía don Gregorio, o inesquecible mestre da lingua das bolboretas de Manuel Rivas e José Luis Cuerda, as ideas republicanas da igualdade e os valores da ciencia e da razón.

Como emocionante é contemplar en Gaiás o cadro de máis de dous metros, préstamo do Centro Galicia de Buenos Aires, no que Castelao recuperou a sexta lámina do álbum «Galicia mártir», que preparara en Valencia e editara o Ministerio de Propaganda da República en 1937. Unha imaxe concibida para denunciar a ferocidade da represión e a impune vinganza fascista que se viña producindo en Galicia, así como para homenaxear ao mestre asasinado pintando no seu rostro a cara do seu «irmán» Alexandre Bóveda, para Castelao o motor do Partido Galeguista e o artífice do Estatuto de Galicia, fusilado no monte da Caeira o 17 de agosto de 1936. Unha imaxe que se reverberaría en diversas publicacións republicanas, mesmo nuns selos emitidos pola República española e, xunto a outras imaxes dos álbums, «Atila en Galicia» (1937) e «Milicianos» (1938), sería exposta e reeditada durante a guerra civil en Moscova, Nova York, Guangzhou ou Toronto como denuncia do drama que se vivía en España e como defensa da educación e da cultura da paz. Eis o valor extraordinario desta obra universal, probablemente tamén a máis estarrecedora da pintura galega, que nos fai tremer en canto a miramos, e temos o privilexio de contemplar antes do seu regreso a Buenos Aires.

Como tamén é unha experiencia emotiva a que se vive na exposición arredor da «Alba de Gloria», comisariada por Manuel Gago, que presenta de forma moi novidosa, utilizando os recursos da narrativa multimedia, os contidos daquel discurso memorable de Castelao, para moitos a mellor peza oratoria en galego, pronunciada hai agora setenta anos, que sintetiza as aspiracións do galeguismo. Unha experiencia virtual na que se pode compartir a emoción que sentiron os participantes daquela mañán do Teatro Argentino de Buenos Aires e os milleiros de galegos que vibraron escoitando pola radio as palabras do guieiro Castelao: «Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única». A reconstrución milimétrica dun [impactante] Castelao tridimensional, a visión proporcionada polas lentes de realidade virtual, como a viaxe ofrecida pola intrahistoria da propia alocución fan da visita a «Alba de Gloria» unha experiencia que moito paga a pena vivir.

Dous castelaos maxistrais agardan por nós en Compostela até comezos de febreiro. Recoméndoos moi vivamente.

Onte 1987: A miña memoria do Vigo Vello

O Consello da Cultura Galega convidoume a participar no debate que onte se celebrou na Casa Galega da Cultura sobre o «Casco Vello de Vigo. A memoria, a relación coa cidade e as políticas de rexeneración urbana».

Lin un texto de vontade memorialística e intencionalidade política que comparto en pdf (8 folios, apenas quince minutos de lectura).

Comparto tamén unhas fotos que escollín do meu cartafol de Vigo de Pinterest como fondo visual que non cheguei a proxectar, xa que esquecín as lentes na mochila. Agardo que a lectura sexa de interese e promova debate sobre o futuro das intervencións públicas e a participación cidadá sobre o Vigo Vello.

A rexeneración do Vigo Vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello:

O debate sobre a memoria na cidade e o papel das intervencións públicas na rexeneración urbana do Casco Vello de Vigo, que se celebra esta tarde na Casa Galega da Cultura, organizado polo Consello da Cultura Galega, é unha oportunidade magnífica para reflexionar sobre o que se leva facendo no Vigo Vello desde que en 1981, sendo alcalde Manuel Soto, se aprobou o Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello. Un documento urbanístico que no marco dun barrio daquela en decadencia total, deixado polos poderes públicos na marxinalidade e abandonado a súa sorte, expresaba por vez primeira unha intención de rehabilitación física e de modernización dos seus espazos públicos. Iniciativa que coincidiu coa constitución da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, nacida cos obxectivos de loitar pola mellora da calidade de vida da veciñanza.

PERI do Casco Vello que coa posta en marcha do Plan Urban, xestionado polo concello de Vigo dende 1994 a 2001, nos mandatos dos alcaldes Carlos Príncipe e Lois Castrillo, comezou ensaiar unha novidosa estratexia de xestión integrada das políticas públicas, peonalizou espazos, apoiou a celebración dalgunhas festas e asumiu a rehabilitación dalgúns edificios insignia como a Casa Galega da Cultura, a Casa-Torre de Pazos-Figueroa e de Ceta (hoxe Instituto Camoens) ou a Casa Goda (hoxe centro de saúde do Sergas). Abandonado polo concello o Urban (por razóns de conxuntura política), as actuacións públicas no Vigo Vello se reiniciaron en 2005 da man da constitución do Consorcio Casco Vello entidade nacida co obxectivo de desenvolver un proxecto integral de rexeneración urbana asumido de forma compartida por tres administracións: o concello de Vigo (alcaldesa Corina Porro, PP), que achegaba un 10% do orzamento; a Xunta de Galicia (presidente Emilio Pérez Touriño, PSdeG-PSOE), que asumía o 50%, contando coa colaboración da Zona Franca (presidente Francisco López Peña, PSdeG-PSOE), que proporcionaba o 40%, porcentaxe que sería adquirida en 2007 pola Consellaría de Vivenda e o Solo (da conselleira Teresa Táboas, BNG).

Creación do Consorcio Casco Vello de Vigo (hoxe nun 90% en mans da Xunta de Galicia), que xunto coa declaración en 2006 do Casco Vello como Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico Artístico e a aprobación en 2007 do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), permitiu que nesta última década se deran pasos significativos nun proceso de rexeneración en marcha, ao que moito lle queda aínda por facer. Recuperáronse edificios, construíronse vivendas de promoción pública e creáronse novos espazos comerciais e administrativos (como a sede dos rexistros mercantís na casa de López Araújo na rúa Real). Mesmo no Barrio Alto, o máis degradado e descoñecido, comezou a ser ocupado por unha nova veciñanza, toda unha volta ao carpín. Como tamén o foi que visitar o Casco Vello está de moda coma nunca, feito ao que non foron alleos nin a apertura de novos e atractivos locais de hostelaría nin o éxito rotundo das festas como a Reconquista nin o pulo que lle deron rotas literarias como as deseñadas polo escritor Pedro Feijoo no seu libro «Camiñar o Vigo Vello» (Xerais, 2018). Xaora, que as prazas da Constitución, da Princesa, da Colexiata ou as rúas da Oliva e do Triunfo estean ocupadas cada serán como espazo de lecer e encontro por centos de persoas é unha excelente noticia, mais tamén afonda nos inevitables perigos da terciarización e turistización do barrio histórico, problemas moi complexos presentes xa noutras cidades próximas coma Porto ou Compostela.

Nesta altura decisiva, o éxito do proceso de rexeneración urbana do Vigo Vello depende en boa medida de recibir un novo pulo político, que só pode vir da man dunha maior implicación por parte do concello de Vigo e dunha estreita colaboración co resto das administracións públicas. O Concello debe integrar o proxecto de revitalización do Vigo Vello nas actuacións urbanísticas na contorna do que foi a cidade amurallada, a Panificadora e o Barrio do Cura. O Concello debe apostar pola creación dalgún novo espazo verde e pola presenza de arborado e vexetación en todo o barrio. Como debe arriscar nas peonalizacións das súas travesías, a da Porta do Sol, a da rúa Elduayen e a da avenida Beiramar, á altura da actual praza do Berbés, o que obrigaría ao alongamento dos actuais túneles. Como é imprescindible continuar desenvolvendo a política de equipamentos socio-comunitarios, nun barrio que precisa dun centro de día público para maiores, un centro público de Educación Infantil de 0-6 anos, un espazo de xogo para os picariños e un centro cívico e veciñal no que instalar, entre outras actividades, unha Oficina da Memoria do Vigo Vello, celme sobre o que construír un sentimento de pertenza e orgullo no Vigo do futuro.

Historias de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar o libro Historias de Vigo de Jorge Lamas:

Nestas páxinas témonos laiado do carácter desmemoriado de Vigo, unha cidade que semella ter escasa historia, apenas dous séculos trepidantes nos que aquela viliña de mariñeiros do Berbés se transformou por aluvión na punxente cidade portuaria e industrial que hoxe coñecemos. Porén e por ventura, esta visión simplista da historia viguesa está sendo desmontada grazas ás investigacións dunha nova xeración de arqueólogos e historiadores, como ao traballo dun fato de divulgadores entusiastas, boa parte deles membros do Instituto de Estudios Vigueses, que demostran o carácter milenario dunha comunidade asentada dende hai douscentos mil anos na beira da ría de Vigo ao abrigo do vizoso Val do Fragoso. Unha batalla contra o esquecemento e a desmemoria na que cada vez participa con máis interese a cidadanía, como demostra o éxito das actividades e dalgunhas publicacións deste carácter como os itinerarios históricos polo Vigo Vello do escritor Pedro Feijoo que coma se se tratase do frautista de Hamelin conduciu a centos de persoas, convocadas por Facebook, durante a fin de semana pasada.

Nesta angueira de demostrar que Vigo ten tanta historia como calquera das outras cidades galegas ou portos atlánticos, nesta causa de contribuír a curar a amnesia histórica que padecemos moito teñen contribuído os artigos publicados na prensa viguesa polos cronistas da cidade Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez, Xosé María Álvarez Blázquez, Lalo Vázquez Gil ou polo actual Ceferino de Blas; mais tamén por xornalistas comprometidos coa memoria de Vigo como Manuel de la Fuente, Gerardo González Martín, Xosé Armesto Faginas, Javier Mosquera, Francisco Pablos, Eduardo Rolland ou Jorge Lamas, ou por escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, arquitectos como Xaime Garrido e José Martín Curty, profesores como Pedro Díaz ou Xosé Ramón Iglesias Veiga ou escritoras como María Xosé Queizán, entre outras firmas. Textos xornalísticos que semana e semana foron construíndo un novo relato cuxo argumento ten como fío condutor o carácter cosmopolita dunha cidade con fondas raíces na época castrexa e civilización romana, porto atlántico onde se libraron algunhas das batallas máis decisivas para a historia europea, ao tempo que se foi convertendo no motor de tracción necesario do proxecto de convivencia galego.

Con semellante intención, o xornalista vigués Jorge Lamas, responsable da sección «Eran otros tiempos» da edición viguesa de «La Voz de Galicia» e do blog «Del Berbés hacia arriba», acaba de publicar o libro «Historias de Vigo» (Xerais 2018), volume de 376 páxinas con vontade de converterse nese manual de viguesidade tan necesario para dar resposta ás preguntas máis habituais sobre unha cidade con moita historia, mais con moitas historias aínda descoñecidas. Un libro escrito con vontade de estilo e afán didáctico e divulgativo que con moito acerto comeza aclarando as razóns da escolla de símbolos e referentes do imaxinario vigués, dende a propia denominación da cidade e da icona da súa oliveira (expresión histórica do seu carácter liberal, tamén rebelde), pasando polos triángulos brancos e vermellos da súa bandeira, dalgúns dos seus alcuños literarios («Oliveira» ou «Xouba city»), até a súa patroa ou o nome e o vestiario celeste do noso primeiro club de fútbol. Unha obra con vontade enciclopédica que non esquece botar unha ollada de grande angular sobre o territorio vigués que bautiza como «cidade dos nove outeiros» (ao xeito dos sete cotarelos romanos) estendida sobre 24 parroquias nunha ría que conta cunha liña de navegación de 33 km, mais que retrocede de forma inexorable recheada dende hai máis dun século.

Un libro que non esquece retratar a personaxes e colectivos destacados na historia viguesa, dende os poetas Martín Códax e Vesteiro Torres até aquelas folguistas das empacadoras do Berbés (1919) e da conserva do Areal (1931), pioneiras dunha proeza onde aparecen aínda poucos nomes de muller que, sen dúbida, deben ser incorporadas ao relato colectivo. No entanto, a cerna da magnífica obra de Lamas atopámola nas historias de Vigo, unha escolla dos episodios máis significativos de cada período histórico, como a dos carteiros alemáns e ingleses, fotografados por Pacheco no seu estudio de Príncipe, días antes que se enfrontasen na primeira guerra mundial. Textos breves, moi coidados, ordenados de forma diacrónica, que enfían o relato dunha completa historia de Vigo, onde o autor bota man dos recursos dos diversos xéneros xornalísticos, como a entrevista e a crónica, coa intención de engaiolar ao lectorado. «Historias de Vigo» demostra que non existe historia local, cando falamos da historia de Vigo falamos da historia universal. Un libro dos imprescindibles, moi recomendable.

O túnel de Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a proposta de peonalizar a rúa Elduayen:

Na presentación de «Camiñar no Vigo vello», o novo libro de Pedro Feijoo, que na sexta feira pasada reuniu a un cento de persoas na Casa-Torre de Pazos Figueroa, unha das marabillas máis antigas da cidade, situada na antiga praza Vella, ao fío da descrición das case descoñecidas catacumbas viguesas suscitouse dende o público a posibilidade de que o traxecto do túnel previsto na rúa Elduayen, que permitirá peonalizar a Porta do Sol, se alongase até o Paseo de Afonso, o primeiro miradoiro sobre a Ría. Unha medida que, sen dúbida, revolucionaría a intervención urbanística que dende hai tres décadas o Consorcio do Casco Vello ven acometendo con éxito desigual sobre o Vigo vello xa que permitiría suturar de vez a ferida existente, desde a apertura da Travesía da Porta do Sol  á estrada de Baiona (a actual rúa Elduayen), entre o Barrio alto e o perímetro urbano comprendido entre a Porta do Sol e o Berbés. Unha ampliación do túnel que, ademais, permitiría recuperar o Paseo de Afonso e a contorna da Oliveira como o salón de estar de privilexio do Vigo do novo século, sempre que fosen adiante os proxectos de recuperación da Panificadora e do Barrio do Cura, espazos (para a vergonza de todos) hoxe abandonados e cada día máis deteriorados e marxinalizados.

Dos túneles vigueses falou Feijoo na presentación lembrando o que se abriu a finais do século XIX para evitar o paso pola Porta do Sol, o famoso túnel dos Caños que conectaba para os peóns o antigo barrio do Salgueiral, onde hoxe ten a súa sede o Colexio de Arquitectos, coa rúa Vitoria. Unha catacumba da que hoxe quedan vestixios na boca cegada ao remate do canellón dos Caños, esa praciña existente á esquerda do teatro García Barbón, como outra no canellón de Juan Nogueira Alonso, nas inmediacións da Alameda. Como tamén citou Feijoo os túneles existentes baixo as rúas de Santiago, do Pracer e o Paseo de Granada, unha galería que conecta co túnel que baixaba dende o Monte do Castro até a batería da Laxe, fronte ao Náutico. Como non esqueceu tan magnífico cicerone, que tras a presentación guiou a un numeroso grupo de persoas pola rúa Real, describir o túnel do «Tren do Peixe», eses apenas douscentos metros que unían a rúa Afonso XII e a actual de Rosalía de Castro, pasando por Santiago de Vigo, itinerario polo que circulou o tren que sacaba o peixe do Berbés até a clausura das vías en 1963. Relación de túneles vigueses aos que hai vinte anos se uniu o de Beiramar, que sacou o tráfico das Avenidas na controvertida actuación de «Abrir Vigo ao Mar».

A prolongación do túnel da Porta do Sol até o Paseo de Afonso permitiría peonalizar a rúa Elduayen, que fora concibida en 1879, unha vez derrubadas as murallas, no proxecto de apertura de Manuel Fernández Soler, como un vial para aliviar o tráfico no interior da cidade, que entón saía pola rúa Sombreireiros (moito máis longa de como a coñecemos hoxe) e facilitar, en definitiva, a saída cara ao barrio da Falperra e a estrada de Baiona. Travesía de Vigo, que dende 1887 leva o nome de Elduayen, tamén o principal valedor desta primeira avenida viguesa, que unha vez aberta dividiu á metade a vella cidade. Dúas partes moi diferenciadas que, como sinala Pedro Feijoo, co paso dos anos por desgraza acabarían por correr sortes moi dispares.

Xaora, Elduayen, a pesar do seu carácter de vía de circunvalación, por onde sempre pasou o tranvía e un tráfico cada vez máis denso, coñeceu até hai catro décadas unha actividade comercial e residencial vizosa que moi pouco ten que ver coa precariedade actual, a pesar de existir unhas poucas edificacións ben recuperadas. Coa excepción de El Buen Gusto, a Corsetería Imperio e a Farmacia de Crespo, que se manteñen abertos dende hai décadas, non é difícil lembrar que nesta rúa estiveron abertas as galerías de Asefal, a moblaría de Cambón, máis de media ducia de tendas de vestiario como Paños Vergas e Confecciones Gallego (a mítica tenda de don Benjamín), o establecemento de electricidade de Santiago Vidal, librarías como Pax e a editora Cíes de Eugenio Barrientos, así como varios bazares, zapatarías e algunhas reloxarías (como a mítica de Valderas) nos baixos da praza de Argüelles.

De alongarse o túnel de Elduayen, reactivaríase a actividade comercial nesta rúa centenaria e os peóns contariamos coa posibilidade de camiñar sen o bulir dos vehículos dende o Paseo de Afonso até a Farola de Urzaiz. Un fito que alongaría o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira, o que previsiblemente contaxiaría, como sucedeu en Pontevedra, a outras rúas próximas, tanto cara o Barrio alto, a Ferrería e a rúa San Sebastián, como cara as rúas que abrazan o barrio do Berbés. Pagaría a pena que a alcaldía valorase as posibilidades de acometer este proxecto que podería ser estratéxico para a recuperación total do Vigo vello.

Olimpia Valencia e outras pioneiras

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a figura de Olimpia Valencia e outras pioneiras:

Reparo con frecuencia na placa colocada en Príncipe nº 11 na que se lembra que alí tivo a súa consulta a xinecóloga Olimpia Valencia López, a primeira muller galega en obter a licenciatura de Medicina na Universidade de Compostela en 1925, cun expediente inzado de matrículas. Nacida nas terras arraianas do concello de Baltar en 1898 e veciña de Vigo dende os doce anos, especializouse en Madrid, onde se doutorou cunha memoria sobre a colesterinemia no sangue, e despois, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios, trasladouse a Alemaña e Suíza onde ampliou formación científica na especialidade que exerceu en Vigo desde 1928 até case o seu pasamento en 1987. Profesión que desenvolveu na Seguridade Social, até a década de 1960, e na consulta particular que a súa chegada abriu en Príncipe, que trasladaría despois á rúa Velázquez Moreno e, finalmente, á rúa Uruguai, onde a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico de Pontevedra colocaron en 2016 unha placa que a recorda: «Olimpia Valencia: especialista en doenzas da muller».

Vinculada ao galeguismo republicano de Vigo, polo tanto a figuras como as de Valentín Paz Andrade, a doutora Valencia tivo a afouteza de encabezar en 1931 o chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra do Partido Galeguista e en 1936 outro que reclamaba o Si no Plebiscito do Estatuto, ambos os dous documentos asinados só por mulleres. Sempre estudosa, inqueda e comprometida coa súa profesión e coa causa da igualdade («as mulleres podemos namorarnos por algo máis que casar», confesoulle nunha entrevista ao xornalista Johán Carballeira), participou en Vigo na fundación de entidades como a Academia Médico-Quirúrgica (1930) e a Alianza Francesa. Compromisos cívicos que lle pasarían factura en 1937 cando foi detida, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e manter relación con xentes de esquerdas, e máis tarde nos dífíciles anos de posguerra, cando foi acusada de «roja» e mesmo boicoteada a súa consulta. Recoñecida hoxe como pioneira, unha desas mulleres que pelexaron por ocupar espazos até entón masculinos, dona Olimpia conta cunha rúa co seu nome na zona de Cabo Estai e a Universidade de Vigo escolleuna, tamén, para identificar o seu Centro de Investigacións Médicas. Apenas dous recoñecementos para unha das pioneiras viguesas máis afoutas.

A apaixonante biografía de Olimpia Valencia, que merece un lugar destacadísimo na historia de Vigo, é unha das incluídas no álbum «Pioneiras» (Xerais 2018) escrito por Anaír Rodríguez e ilustrado por Nuria Díaz, protagonizado por unha ducia de mulleres galegas que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados até ese momento só por homes. Mulleres de épocas e ámbitos sociais e profesionais ben distintos, dende Exeria, a primeira muller escritora de toda a Hispania Romana no século IV, e Isabel Barreto, a primeira almiranta do mar, participante a finais do século XVI na expedición para colonizar as Illas Salomón; pasando por Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, participante na expedición da vacina da varíola do doutor Balmis, e Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra; até Celia Rivas, a primeira condutora de camións, Marcela e Elisa, as mestras que quixeron casar, Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino, Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira, María Luz Morales, a primeira muller directora dun xornal de ámbito estatal («La Vanguardia»), e Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional, que traballou un par de anos no Instituto Oceanográfico de Vigo.

Unha ducia de pioneiras, como as doutoras Valencia e Alvariño, ou como tantas outras mulleres viguesas que abriron camiño, cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor. Recuperacións biográficas esenciais para a súa utilización didáctica nas aulas e para a formación nos valores da igualdade, mais tamén para as actividades do propio movemento feminista neste seu irreversible proceso de empoderamento emancipador, caligrafado nas rúas viguesas o pasado domingo por milleiros de mulleres, unha lumieira esperanzadora para erradicar as lacras do feminicidio, do acoso e das desigualdades social, laboral e económica, como raíces da sociedade patriarcal.

As conquistas do movemento feminista foron sempre conquistas para toda a humanidade; como sabemos que mudar a historia obriga a mudar as voces da historia. Secasí, se recuperamos os nomes e restauramos a memoria destas pioneiras, até agora invisibles na historia, contribuiremos a acuñar modelos e figuras femininas valoradas socialmente. Eis a necesidade de poñer en valor á doutora Olimpia Valencia e a outras pioneiras.

Memoria do Holocausto

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día do Holocausto:

O pasado 12 de agosto visitamos os campos de concentración de Auschwitz e Birkenau, situados en Oswieçim, preto da cidade de Cracovia na cerna da simpática Galicia polaca. Seis horas inesquecibles, que compartimos con outros centos de visitantes (máis dun millón cada ano) procedentes de todo o mundo, no lugar de martirio e exterminio máis coñecido do planeta, na chamada “residencia e porta da morte”, transformada polo goberno polaco en Museo e espazo de educación para a paz e para a conmemoración das vítimas. Soubemos de primeira man por que Auschwitz e Birkenau son o símbolo do Holocausto, quizais o sinónimo máis preciso para referirnos ao homicidio e ao terror, ao racismo, á xenofobia, á intolerancia, ao antisemitismo e á conculcación dos dereitos humanos.

Foi unha visita para nós marcante pola reconstrución detallada do relato do exterminio de máis dun millón de persoas (a maior parte delas xudías) que se estima morreron nas súas cámaras de gas, como daqueloutra infamia das que foron destruídas por unha existencia humana miserable e aniquiladora, rescatando as palabras do escritor Primo Levi, e morreron a causa da fame, dos castigos, do traballo escravo, de doenzas e epidemias, de execucións no Paredón da Morte ou dos experimentos médicos criminais do doutor Mengele.

Na reconstrución da memoria de Auschwitz resulta moi emocionante o relato que coñecimos de Anatoly Shapiro, o primeiro oficial do exército soviético que entrou no campo o 27 de xaneiro de 1945 e abriu as portas da liberdade ás cincocentas persoas que aínda permanecían alí. O comandante ucraíno lembrou anos despois que cando os membros do exército vermello entraron en Auschwitz viron “algunhas persoas esfarrapadas, non semellaban seres humanos, eran puro óso”. “Dixémoslle que quedaban libres do dominio alemán, mais non reaccionaron, non podían mover a cabeza ou dicir palabra ningunha”. Shapiro lembra o horror que atopou nos barracóns de mulleres e como dous meniños que lograron sobrevivir cando os viron comezaron a berrar asustados: “Non somos xudeus!, ¡non somos xudeus”. O ucraíno non esqueceu o feito terrible de que algúns dos superviventes morreron cando probaron os primeiros alimentos que os cociñeiros soviéticos lles prepararon, “porque os seus estómagos non funcionaban”, rematando a súa testemuña coa intención de que “a seguinte xeración non permita nin por un segundo que se repita de novo o que sucedeu durante aqueles anos”.

Con idéntica intención, o primeiro de novembro de 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 27 de xaneiro como o Día Internacional de Lembranza do Holocausto. Unha efeméride que este 2018 a UNESCO propuxo se centrase na educación e na lembranza do Holocuasto como unha causa compartida. Un foco temático que alerta sobre o feito de que o Holocausto non só afectou aos países onde se cometeron os crimes nazis, senón que tamén repercutiu en moitos outros lugares do mundo de xeito que todos os estados comparten a responsabilidade colectiva de recuperar a memoria das vítimas e “a de educar sobre as causas, as consecuencias e a dinámica do delito de xenocidio, así como fortalecer a resiliencia da mocidade contra as ideoloxías de odio”.

Nesa liña saudamos as numerosas iniciativas pioneiras que nestes días agromaron en Galicia para a conmemoración do Día do Holocausto, como a exposición escolar sobre Joaquín Balboa, o preso 3833 de Mathausen, ou a fotográfica de Boix, o fotógrafo de Mathausen. Xaora, particular interese tivo o extraordinario artigo de María Torres publicado no dominical de Faro de Vigo sobre os vigueses en campos nazis, que evidencia a existencia de cerca de 10.000 republicáns españois recluídos en campos de exterminio coa beizón de Franco e coa colaboración de Pétain, dos que 180 (122 falecidos) eran galegos e dos que 13 naceran, residiran ou faleceran en Vigo, e dos que por ventura se rescatan do esquecemento os seus nomes e o periplo das súas vidas.

Como importancia histórica ten a aprobación o 24 de xaneiro por parte de todos os grupos do Parlamento de Galicia dunha “Declaración institucional sobre o Día de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto” na que se recoñece a existencia de 200 vítimas do Holocausto orixinarias de Galicia, así como a colaboración neste xenocidio da Ditadura franquista, “que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista”. Dáse así un paso simbólico senlleiro, apoiado polo Partido Popular de Galicia, para asumir a tarefa de facer memoria da ditadura, de non volver nin acalar nin agochar os crimes de seis millóns de persoas, ao tempo que ao compromiso de traballar arreo contra calquera brote de racismo, xenofobia e discriminación.

Marcó del Pont

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Buenaventura Marcó del Pont:

Ao fío do artigo do pasado martes sobre Gonzalo de Vigo como un novo mito vigués a poñer en valor, varias persoas me comentaron como era posible que continuasen esquecidas outras figuras da nosa historia local como Buenaventura Marcó del Pont, empresario da salgadura, armador corsario e alcalde permanente de Vigo, de quen no mes de setembro deste ano se fan trescentos anos do seu pasamento. E non lle faltan razóns aos meus interlocutores xa que a peripecia deste fomentador catalán constitúe un relato necesario para entender a incipiente prosperidade da economía marítima daquel primeiro Vigo urbano e portuario de finais do XVIII e comezos do XIX, como salientou o escritor Pedro Feijoo na súa intervención recente no Club Faro de Vigo, coincidindo coa aparición da súa novela Os fillos do lume (Xerais 2017), e como amosa tamén o feito das númerosas páxinas que lle dedicaron a este emprendedor José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896), José Espinosa Rodríguez en Tierra de Fragoso (1949) ou don Xosé María Álvarez Blázquez nos seus libros vigueses máis emblemáticos A cidade e os días (1960) e Vigo en su historia (1979).

Nacido en Calella (Girona) en 1738, Buenaventura estableceuse en Vigo en 1758, onde fundou no barrio do Areal, xunto con outro catalán, Francisco Puig, a primeira fábrica de salgadura de Galicia. Obtivo de Carlos III licenza real (patente de corso) para fustrigar á flota británica e aos seus aliados portugueses, até converterse nun dos armadores máis importantes do seu tempo, facendo numerosas presas de artigos como sal, bacallao de Terranova, aceite, viños e fardería de coiros e panos. A casa comercial e navieira Marcó del Pont armou en corso navíos como o “San Carlos” (alcuñado “Atrevido) o “Cristo da Vitoria” (“Magnífico”), o “Purísima Concepción” (“Galgo”) ou o “Príncipe da Paz”, que a partir de 1779 participaron activamente na guerra corsaria librada con buques británicos e holandeses, librando batallas apaixonantes, como algunhas desenvolvidas na propia ría de Vigo, relatadas en incribles notas a pé de páxina na xa citada historia de Vigo de José de Santiago. Unha actividade corsaria que permitiu unha importante acumulación de capital e o desenvolvemento do propio porto de Vigo, máis alá da súa condición da viliña de pescadores do Berbés.

Non esquezamos que foi Buenaventura Marcó del Pont quen en 1773 elevou súplica a Carlos III para que habilitase o porto de Vigo para despachar, a título de expedicións particulares, algúns navíos a Cuba e as Antillas, intentando abrir así vías comerciais con América, o que suporía rematar co monopolio dos portos andaluces de Sevilla e Cádiz no tráfico de Indias. Como foron tamén as xestións deste “home de moito prestixio e suxeito adiñeirado” (así o definiu Álvarez Blázquez), as que permitiron que o porto de Vigo puidese en 1783 fletar os primeiros rexistros ultramariños e comezar a competencia cos portos da Coruña e Ferrol, que entón contaban con maior tráfico de navíos, e xa en 1794 o dereito a manter tráfico con todos os portos americanos. Foi este, sen dúbida, un logro senlleiro para o desenvolvemento de Vigo como cidade portuaria atlántica, que convertiría tamén a Marcó del Pont no “principal cargador de Indias no Vigo do dezaoito”. Abonda con salientar que en 1794 o porto de Vigo mantiña xa tráfico comercial con Montevideo, La Guayra, Cunamá e Buenos Aires, ao tempo que comezaba a angueira da construción dun peirao no barrio do Areal, onde se asentaban os fomentadores cataláns, para o embarco e desembarco das mercadorías, logro polo que habería que agardar case tres décadas.

O éxito da actividade corsaria e comercial permitulle acumular un importante capital e fundar a Casa de Crédito Marcó del Pont, capaz de financiar con importantes cantidades á propia coroa española. Como tamén contar con varias residencias como a casa fidalga do Areal ou o fermoso Pazo do Pousadouro de Redondela. Alcalde permanente de Vigo, ordenou en 1816 a reconstrución do novo templo de Santa María (Colexiata) por sufrir ruína o anterior ao explotar o polvorín do castelo de San Sebastián, ademais de custear do seu peto a talla tan querida do Cristo da Vitoria. Ácerrimo seguidor de don Carlos, polo tanto moi conservador, como os seus fillos Pedro e Francisco, que seguiron a carreira de armas, Buenaventura Marcó del Pont estivo detrás de moitos fíos do que sucedeu naquel Vigo que comezaba a xermolar como espazo urbano. Semella un tanto estraño que o seu nome non figure nin no rueiro histórico vigués nin tampouco os historiadores actuais se ocupasen de afondar na súa traxectoria. En todo caso, a efeméride do bicentenario do seu pasamento pode ser unha oportunidade por reparar nas achegas do corso na orixe do Vigo contemporáneo.

Gonzalo de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Gonzalo de Vigo:

Gustoume o arranxo que a Autoridade Portuaria fixo nos peiraos de Cánovas del Castillo, situados fronte á dársena de remolcadores. Recupérase con bo criterio arquitectónico o edificio deteriorado dos tinglados pesqueiros para instalar alí empresas do sector e de servizos ás xentes do mar, como as sedes de Stella Maris (Apostolado do Mar), da asociación Rosa dos Ventos e da sección marítima en Galicia da Federación Internacional de Traballadores do Transporte. Mellora que se completa coa recuperación dos peiraos como espazo público para o paseo e coa colocación dunha estatua na que o escultor José Molares –o autor da homenaxe a Jules Verne nas Avenidas e das pezas do paseo dos peixes no recheo de Bouzas– recrea o mito dun novo heroe para a cidade nosa, o de Gonzalo de Vigo. Unha peza de bronce de dous metros corenta que representa a figura dun mariño de comezos do século XVI, armado de arcabuz e espada, chamada a convertirse noutra das iconas do porto de Vigo.

Constitúe un acerto que presida este espazo recuperado para a cidadanía a figura de Gonzalo de Vigo, o mariñeiro intérprete, o Robinsón galego, quizais, un dos nosos primeiros emigrantes. Unha figura histórica atractiva para Vigo, descuberta hai ben pouco por Óscar Ferreiro Vázquez, profesor da facultade Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, cando preparaba a súa tese de doutoramento sobre os mediadores lingüísticos e intérpretes nas Reales Audiencias. Un personaxe presentado polo propio investigador de forma moi didáctica nas páxinas de “Faro de Vigo” a pasada Noiteboa na que se salientan as dimensións principais deste mariñeiro vigués: o seu carácter políglota, xa que “era hábil en lingua malaia”; a súa condición de “jurebassa”, polo tanto intérprete ou “lingua”, capaz de mediar entre os colonizadores españois e as comunidades indíxenas; así como o seu carácter aventureiro e afouto, que o levou a afrontar as maiores penalidades da navegación e da supervivencia entre as comunidades indíxenas das illas da Polinesia.

A peripecia biográfica coñecida de Gonzalo de Vigo (Gonzalo Álvarez Martínez) dá para unha novela de aventuras. Saíu o 20 de setembro de 1519 de Sanlúcar de Barrameda enrolado como grumete da Concepción, unha das cinco naves que formaron parte da expedición de Magallanes e Elcano, a primeira que circunnavegou a Terra. En 1521 Gonzalo de Vigo desapareceu, xunto a dous mariñeiros portugueses, cando a expedición, cada vez máis minguada de efectivos, vítima das tempestades e das penalidades provocadas polo escorbuto, chegou no Pacífico ao arquipélago dos Ladróns (hoxe illas Marianas). Mentres Gonzalo realizaba unha inmersión lingüística forzada en malaio e adquiría coñecemento da orografía, dos animais e plantas daquelas illas, o rei Carlos I puxo en marcha a expedición de García Jofre de Loaisa, que zarpou da Coruña o 24 de agosto de 1525 coa intención de colonizar as illas Molucas, moi ricas en especiaría, cuxa propiedade desputaban España e Portugal. Expedición que o 5 de setembro de 1526 atoparía na illa dos Ladróns a Gonzalo de Vigo case espido e co cabelo chegándolle ao cu, pedindo “seguro real” (perdón para o seu delito de deserción) e presentándose cunha frase que pasará á historia: “pasei cuns indios a esta illa de Botahá; son galego e chámome Gonzalo de Vigo e sei moi ben a lingua das illas”. O cronista Urdaneta, que documenta o encontro, engade que Gonzalo de Vigo “serviulles de moito e foi en diante o intérprete obrigado da expedición”.

Relato apaixonante que continúa coa integración de Gonzalo de Vigo na expedición, cando fixo escala na illa de Mindanao (Filipinas), onde os nativos tomaron ao vigués como refén e onde, despois de ser liberado, actuaría como mediador para establecer relacións cos reis de Tidore e Gilolo. Rastro que perdemos de Gonzalo, que probablemente non regresou na expedición que en 1536 volveu ao porto de Lisboa, mais que obtivo o perdón real como acredita un documento do Arquivo General de Indias que recoñece os salarios que a coroa lle debía polos seus servizos á expedición de Magallanes, así como polo tempo transcurrido até que as illas Molucas foron tomados polos portugueses.

O caso de Gonzalo de Vigo, sen dúbida, é moi atractivo para forxar o mito dun heroe vigués. Políglota, cosmopolita, aventureiro, afouto, mediador entre comunidades, son valores propios do carácter que Vigo foi acuñando ao longo da súa historia. A piques de celebrar o cincocentos aniversario da saída da expedición de Magallanes (1519), da que formaba parte Gonzalo de Vigo, como tamén o mariñeiro Diego Carmena e o grumete Vasco Gómez Gallego, ambos os dous de Baiona, paga a pena poñelo en valor. Parabéns a Autoridade Portuaria de Vigo por facilitalo.

Vigo Oeste

No artigo desta semana no Faro de Vigo lembro a Asociación Veciñal Vigo Oeste e ao inicio do movemento veciñal vigués na transición:

Ao fío do artigo da pasada semana sobre a reivindicación dunha biblioteca pública por parte do movemento cívico de Teis, varias persoas comentáronme a referencia que fixen a Vigo Oeste, como outra das zonas do Vigo urbano con carencias de equipamentos socio-comunitarios. E a verdade que, con moita probabilidade, deixeime levar polas saudades do nome daquela pioneira Asociación de Veciños Vigo Oeste para referirme a ese espazo comprendido entre os límites do Vigo vello, a avenida Beiramar e Travesas. Un espazo miradoiro, onde dende a aba do Castro a cidade volve abrazar a ría, conformado ao longo do trazado da vella estrada de Baiona, por barrios como os de Torrecedeira, Peniche, Hispanidade e Camelias. Outro dos ensanches vigueses, que asumiu a súa fasquía actual na vertixe do desenvolvemento urbanístico dos anos setenta, que despois de catro décadas carece aínda de todos os equipamentos precisos, como centro de saúde, biblioteca pública ou centros cívicos.

Foi a de Vigo Oeste tamén unha referencia que, inevitablemente, actualiza a memoria daquela primeira eclosión do movemento veciñal vigués que se produciu en 1976, ano no que moito antes da constitución da primeira corporación municipal democrática (3 de abril de 1979) se crearon xa quince asociacións veciñais: Calvario (a primeira, constituída en 1975), Vigo Oeste, Vigo Centro, Teis, Lavadores, Cabral, Beade, Cristo da Victoria, Sampaio, Candeán, Bembrive, O Rocío, Castrelos e San Paio de Navia. Un asociacionismo veciñal vigués moi conectado entón co movemento obreiro e político que naqueles anos da Transición activou decontado as reivindicacións da veciñanza dunha cidade inmersa nun proceso de profunda transformación nun contexto de crise económica, política e social.

Daquela Vigo sofría numerosas carencias infraestruturais e urbanísticas, xa que abonda lembrar que foi entón cando se inaugurou o encoro de Eiras, comezou o proxecto de saneamento do periurbano (que non remataría até comezos dos noventa), se impulsaron as obras do Aeroporto de Peinador, se iniciaron os plans parciais do Calvario, se ampliaron os de Coia ou se aprobou a primeira ordenanza de proteccións de edificios artísticos e históricos. Mais tamén era Vigo daquela unha cidade con déficits educativos públicos endémicos, que se intentaron paliar coa creación dalgúns colexios e institutos públicos e coa creación da Escola Superior de Enxeñaría Industrial, celme da futura Universidade de Vigo. Xaora, abonda con repasar os libros fotográficos de Magar e Cameselle, para recoñecer que aquel Vigo de entón contaba tamén cun grao de marxinalidade e pobreza considerable.

Un movemento veciñal que moitas veces expresou as súas demandas na rúa, como naquela manifestación (a primeira autorizada despois da morte de Franco) promovida pola Asociación de Veciños de Lavadores na que un milleiro de persoas con pancartas e caldeiros baleiros denunciaron o deterioro do barrio e a carencia do subministro de auga. Unha mobilización que marcou un fito e obrigou a aquela corporación predemocrática presidida polo alcalde Joaquín García Picher (1974-1978), unha persoa de talante conciliador e negociador, a realizar un achegamento aos barrios organizando Tribunas Abertas para intentar responder ás esixencias veciñais.

Naquel fervedoiro de mudanzas, é de xustiza recoñecer que foi a Asociación de Veciños Vigo Oeste a primeira tentativa de constitución dun movemento social participativo na zona urbana de Vigo. Un dos seus moitos logros foi a edición dunha publicación dirixida a fomentar o debate sobre asuntos como o transporte urbano, a planificación urbanística, o acondiconamento de vías e infraestruturas ou a democratización da vida política. Como tamén é xusto lembrar que foi Vigo Oeste quen tivo a iniciativa de recuperar con éxito rotundo o Entroido de Vigo, relegado durante moitos anos do franquismo á privacidade e exclusividade dos actos salón. Como tamén interviu nos intentos de restauración e conservación do patrimonio histórico e natural, na súa batalla contra o proxecto de Praias Brancas do Vao, a súa defensa do Colexio Alemán da rúa Pi y Margall, na liña do que fixeran outras asociacións veciñais coa Ponte Romana (a do Val do Fragoso), co castelo de San Sebastián (a do Casco vello) ou co petróglifo da Guía (a de Teis).

Corenta anos despois, non está de mais lembrar a achega valiosa que a Asociación de Veciños Vigo Oeste, como o conxunto do movemento veciñal, organizado dende 1988 na Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao, fixeron na construción do Vigo de entre séculos. Unha participación veciñal e cidadá activa que debería continuar sendo un dos eixos de desenvolvemento estratéxico no futuro Vigo metropolitano.