O Vigo primeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas das pezas da exposición «Vigo no tempo»:

Nas visitas guiadas á exposición «Vigo no tempo» (VT) entre as fontes documentais varias pezas chaman moito a atención das visitantes: o primeiro documento onde aparece citado Vigo (1097), procedente do Arquivo Histórico Nacional de Madrid, Tombo I de Melón; o primeiro plano da vila de Vigo (1597), procedente do Arquivo Xeral de Simancas; e a concesión outorgada por Fernando VII do título de «cidade nobre, leal, fiel e valorosa» a favor de Vigo (1810), procedente do Arquivo Municipal de Vigo. Documentos orixinais nos que a veciñanza viguesa máis curiosa pode indagar no celme da súa identidade, tres pezas que funcionan como chaves explicativas doutros tantos momentos decisivos da súa historia. O de 1097, a constitución da vila e o despregue intenso da poboación na ría e no Val do Fragoso do século XI en diante, como amosa a extensa rede de igrexas románicas (presente no apartado do «Miradoiro»). O de cinco séculos despois,  a necesidade de amurallar a vila para defendela durante a Idade Moderna dos ataques que chegaban polo mar. E o de 1810, confirmado con outro posterior de 1819, ambos os dous asinados polo rei felón, o comezo da maioría de idade de Vigo como cidade e a súa consciencia colectiva de constituírse como tal.

O datado o 9 de agosto de 1097 trátase dun pequeno pergameo manuscrito en latín transcrito íntegro por José de Santiago Gómez na súa Historia de Vigo y su comarca (1896), e citado despois por Xosé María Álvarez Blázquez en A cidade e os días (1960), que constitúe o documento máis antigo que se coñece referido a Vigo. Trátase do testemuño da sentenza sobre o litixio mantido entre os veciños de Vigo e os de Canadelo respecto aos lindes de ambos os dous lugares, que eran o alto da Besada, o Carballo e a Mámoa, así como outros accidentes naturais e lugares de cultivo (o arroio, o cerro, o mar e os campos de herba…). Unha acta notarial na que aparecen os nomes dos que hoxe podemos considerar os primeiros vigueses, Afonso Vigoyz e Ramiro Oduariz e Cencoy, protagonistas deste litixio de marcos, e os primeiros veciños do barrio do Canadelo, Eñego Vermuiz, Petro Vermuiz e Ramiro Petriz. Nomes aos que engadir os das testemuñas, Petro Nebula, Petro Toeriquiz, Osevo Golester, entre outras, que foron, segundo a cédula, «pondo os seus pés ao longo da demarcación en litixio», asinada polo notario Joannes e os abades Morio e Nigro.

Ten tamén grande interese para a nosa cidade que sexa exposto por vez primeira en Vigo o «Plano esbozo de Vigo (1597)» atribuído a Leonardo Turriano, enxeñeiro militar italiano ao servizo de Filipe II, depositado no arquivo de Simancas, primeiro coñecido, sen escalas, mais con distancias indicadas. Amosa unha vila de Vigo pletórica, cuxa fasquía apenas variará en 250 anos, debuxada probablemente antes de ser arrasada por Drake, que segundo o arquitecto Xaime Garrido contaba con 650 casas e unha veciñanza aproximada de 4.500 habitantes. Tiña unha forma de «H» inclinada, cos brazos saíntes unha cara ao Berbés e outro cara ao Areal, onde se identifica o fondeadoiro. Distínguese o centro da vila, a actual praza da Constitución, e ao seu redor as prazas da Herba e da Leña; a rúa Real que chega á praia do Berbés, a rúa da Ferraría e a súa prolongación na de Santiago até a Falperra. Na liña de costa polo norte envolve o núcleo urbano, entre dúas enseadas, a formada polo «porto das barcas e todos os xéneros de naos e navíos» (hoxe recheo do ensanche de García Olloqui), e o oeste a da praia do Berbés, onde aparece rotulado «porto das Barcas». Identifícase o nome de Santa Marta, capela fundada polos cistercienses de Melón  (hoxe igrexa e convento de San Francisco). O máis curioso deste perfil de costa é o «muelle» (embarcadoiro) que aparecía no cabo da Laxe, para Xaime Garrido, quizais o primeiro peirao construído en Galicia. As vivendas aparecen en socalcos en paralelo á ría e no outeiro identifícase a ermida de Santa María do “Clastro”. Na lenda dáse conta da existencia de apenas «cinco pezas de ferro labrado, perdidas sen ningún aprecio nin valen nada», o que advirte das dificultades para a súa defensa.

Vigo primeiro do que se identifican outras pegadas novidosas en «Vigo no tempo», dende os expedientes citados de declaración de cidade, pasando polas mudanzas do seu escudo, do que decaeu en 1811 a vieira, tras a abolición do señorío do arcebispado de Compostela, e no que se mantivo a oliveira como a primeira icona viguesa, até a exposición do primeiro número do Seminario Patriótico de Vigo de 2 de maio de 1823, o primeiro periódico de Vigo nacido para apoiar a causa liberal e defender a capitalidade provincial viguesa, aprobada durante o Trienio Liberal, ou do primeiro número de Faro de Vigo de 3 de novembro de 1853, comprometido xa aquel día «en canto o permitan nosas forzas ao fomento dos intereses de Galicia».

Librarías

Coincidindo con San Martiño (os trompos ao camiño) e os primeiros magostos, celebrouse o sábado o día das librarías, data incluída dende hai doce anos no calendario galego do libro e da lectura. Concibida como inicio da campaña de vendas de Nadal, anticipándose aos descontos do Black Friday (24 de novembro) que están en voga noutros sectores do comercio, a Federación de Librarías de Galicia convidou aos públicos lectores a visitar durante esta xornada calquera das súas 147 librarías asociadas (o 80 % das que estimamos abertas en Galicia) para participar en actividades de promoción de libro e de recomendación lectora. Unha xornada necesaria para o recoñecemento do papel esencial das librarías independentes tanto no desenvolvemento cultural e educativo de cadansúa comunidade local como do seu comercio de proximidade resistente á homoxeneización da distribución centralizada. Un sector que en Galicia facturou no pasado ano cincuenta nove millóns de euros (a prezos de capa), dos que estimamos sete (o 12 %) corresponden ao libro en galego, moi preto da metade das súas vendas. Onde hai unha biblioteca hai unha luz, escribiu o mestre Agustín Fernández Paz no seu manifesto en defensa da biblioteca pública (2009), o que podemos arremedar para cada libraría que aínda continúa aberta (mesmo as que sabemos ofrecen unha colección bibliografía cativa compartida con outros produtos impresos ou de papelaría). Onde hai unha libraría hai unha luz que agarima e orienta a súa clientela lectora, unha luz dun faro que atravesa os seus muros e na rúa ou na praza se fai aínda máis intensa entre bares, farmacias, panadarías, supermercados e outros comercios de primeira necesidade. Como incitaba o mestre de Vilalba, abramos as portas e entremos afoutos na libraría, non teñamos medo a perdernos entre os seus andeis e gozar remexendo entre os libros de temáticas, linguas e destinatarias diversas. Onde hai unha libraría hai unha comunidade portadora da luz dun mundo que non perdeu a esperanza.

Publicado en Nós diario: 15/11/2023

Vigo no tempo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo no tempo», comisariada por Manuel Gago, e da que tiven a honra de ser coordinador local:

Dende a pasada semana e durante dous meses recala en Vigo o proxecto expositivo «Cidades no tempo», comisariado polo profesor Manuel Gago e organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación, co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como chave da identidade contemporánea de Galicia. Despregado cunha exposición en cada unha das sete principais cidades, foron deseñadas de forma coidadosa coa intención de que cada visitante puidese gozar dunha experiencia singular explorando a complexidade urbana, social e simbólica de cada unha das cidades dende perspectivas diversas: os seus fitos históricos destacados, os seus mitos fundacionais ou seu desenvolvemento urbanístico, económico e cultural. Mostras que conforman cadanseu relato e indagación sobre a súa identidade, dende as orixes até o inicio do século actual, que se vai debullando por medio da interacción cun cento de pezas (obxectos, obras de arte, documentos, planos, mapas, fotografías e publicacións) e da recreación de ambientes, escenografías e textos sonoros e audiovisuais.

Convidado polo comisario Manuel Gago, tiven a oportunidade de participar como coordinador local no equipo que preparou a mostra «Vigo no tempo» (VT) na que coa estrutura, a metodoloxía e os recursos expositivos do proxecto «Cidades no tempo» pretendemos indagar na identidade de Vigo, a primeira cidade de Galicia. E abofé que lonxe da pretensión de ofrecer unha historia de Vigo, o que quedaba fóra das nosas posibilidades e corresponde a un aínda inexistente museo de historia da cidade, resultou unha tarefa apaixonante e moi gratificante identificar algunhas das hélices do ADN dunha cidade que dende hai dous séculos, tras a súa declaración como «cidade leal e valorosa» e a abolición dos privilexios do señorío da mitra compostelá (1811), asumiu unha profunda vontade colectiva de constituírse nunha grande cidade e de ofrecerse como o primeiro motor urbano da Galicia moderna e resume de todas as morfoloxías nas que o noso país pode revelarse. Unha indagación na identidade, porén, que desmonta o prexuízo acuñado por Manuel Murguía de que Vigo carecía de historia de interese, que tanto dano fixo e chegou a callar na sociedade viguesa e na historiografía galega. Unha ollada mudada desde que en 1953 apareceron as estelas romanas do Areal (coas que iniciamos a experiencia expositiva), e moito máis desde que nas tres últimas décadas as achegas historiográficas documentadas polos membros do Instituto de Estudios Vigueses amosaron que a cidade medrou nun territorio intensamente ocupado moito antes de que existise a propia idea de cidade.

Tirando do fío do nobelo da súa capacidade permanente de transformación, que o poeta Ramón González Alegre identificaba como «Vigo nace sempre», a visitante de VT pode seguir a expansión urbana polas pezas senlleiras da planimetría viguesa, dende a primeira imaxe de 1597, o plano de Turriano (que viaxa por vez primeira a Vigo), pasando polo plano dun Vigo fortificado (1667), até a proposta de ordenación portuaria (1919) de Eduardo Cabello; sen menoscabo de coñecer proxectos que nunca chegaron a saír adiante, como o curioso plano de 1810 para facer unha base naval nas illas Cíes. Como pode tirar do fío desoutra transformación constante dos emprendementos industriais, comerciais e portuarios, outras tantas hélices do ADN vigués, interpretadas en óleos presentes na mostra como «Vigo traballa» (1986) de Manuel Moldes, «Recollida de algas no Berbés» (1892) de Juan Martínez Abades ou a «Vista de Vigo» de Urbano Lugrís, un dos murais de cinco metros rescatado do Hotel Moderno.

Na súa proposta, a exposición VT incorpora a tecnoloxía para mergullar ao visitante na indagación a través de instalacións audiovisuais e interactivas. Entre elas son de salientar a experiencia proposta no «Miradoiro», unha gran mesa que permite seguir a evolución de Vigo dende a época romana até a actualidade. Como tampouco debe perder o visitante a experiencia de identificar os «Padróns», as pautas que definen a gramática visual da cidade, nas fotografías de ornatos pétreos, costas e guindastres. Outrosí sucede cos espazos dedicados a presentar a reinvención creativa e musical dos anos 80, A Movida, coincidindo co período da reconversión industrial, e a escoitar seis voces que representan outras tantas memorias da nosa veciñanza, as da escritora Ledicia Costas, a avogada Elvira Landín, a fundadora das Cantadeiras do Berbés Loli Hernández, a fundadora de Alecrín Ana Míguez, o profesor Xosé Henrique Costas e o membro da Asociación Casco Vello Fiz Axeitos. Convido a participar nesta experiencia viguesa, aberta no primeiro andar da sede social de Afundación até o 20 de xaneiro.

Presentación «Vigo no tempo»

Deixo para o arquivo o texto da presentación da exposición «Vigo no tempo» que lin o venres 10 de novembro en calidade de coordinador local:

Conselleiro de Cultura, autoridades, amigas, boas tardes.

Foi Manuel Murguía quen acuñou a lenda de que Vigo era unha cidade con escasa historia, sen identidade. Aquel tópico comezou a ser superado hai 70 anos grazas á moderna historiografía e arqueoloxía viguesas que identificaron vestixios en tempos moi pretéritos. Con todo, o prexuízo romántico callou na sociedade viguesa que non valorou a súa historia nin o peso da súa memoria, reducida aos acontecementos da Reconquista, mito fundacional da cidade.

O Vigo contemporáneo desenvolveuse como cidade portuaria, que medra ao ritmo das súas actividades vinculadas a pesca, a conserva e o tráfico transatlántico. Unha cidade que, dende a segunda metade do século XIX, duplicou en varias ocasións a súa poboación, construíu un perfil pétreo no seu ensanche burgués, desenvolveu sectores industriais e transformou súa morfoloxía de núcleo portuario á actual cidade espallada sobre a ría e o val do Fragoso sobre o Lagares.

O nome de Vigo aparece por vez primeira nun documento (presente na exposición) pertencente ao mosteiro de Santa María de Melón, datado o 9 de agosto de 1097, no preito que o xuíz Sandino Sagániz dirimiu entre os veciños de Vigo e os de Canadelo respecto aos límites de separación entre ambas as dúas poboacións, que formaban parte da freguesía de Santiago de Vigo, situada no Areal. O Vigo da freguesía de Santa María de Vigo, que conformaba o que Cunqueiro chamou a vila creada por Martín Codax, autor que fixou a hélice da lingua galega e de todas as Galicias posibles no ADN vigués.

O impresionante Vigo románico, do que desapareceron as igrexas de Santa María de Bouzas, San Miguel de Oia, Santo Estevo de Beade, Santa Cristina de Lavadores (da que se conserva a antefixa presente na exposición) e a propia Santa María. O Vigo que dende 1237 pertencerá á mitra compostelá até 1811, cando foron abolidos os señoríos e Vigo estreara nomeamento como cidade.

Foi o poeta Ramón González Alegre quen asegurou que Vigo nace sempre, para salientar así a capacidade de pura transformación que a cidade amosou dende o derradeiro terzo do século XIX no que incrementou a súa poboación ao ritmo da súa actividade industrial, portuaria e comercial, tres das hélices do seu ADN. Velaí a cerna desta mostra de Vigo no tempo. Como as edificacións residenciais e industriais comezan a estenderse polo ensanche gañado á ría e fóra das murallas seguindo as dúas estradas de saída da cidade, que modifican o perfil da cidade. Ao tempo que tece unha tea de medios propios, Faro de Vigo e La Oliva (presentes na mostra), mais tamén asociativa, tanto na incipiente sociedade de industriais, de espírito cosmopolita, cultural e deportivo, como nas emerxentes sociedades obreiras de traballadoras da conserva e das factorías navais.

Foi Vigo para Otero Pedrayo «cidade de límites, flexibles, variables, sensibles, con reaccións vitais de tipo vexetal e de tipo humano que a foron transformando en comarca». Incorporou os concellos de Bouzas (1904) e Lavadores (1940), nun proceso de transformación metropolitana impulsado polo tranvía (1914), que identificara Antonio Palacios no seu plan urbanístico no que concibía Vigo como capital de Galicia, quizais porque, como máis tarde afirmaría Méndez Ferrín, «resumía as diferentes morfoloxías nas que Galicia pode revelarse».

Vigo mantén o carácter impreciso dos seus territorios e súa nomenclatura clandestina cos nomes arcaicos indemnes (Peniche, os Choróns, as Travesas, os Caños, a Barxa, o Calvario, a Calzada e Casablanca), que nunca apareceron no rueiro, ou coa utilización de viguismos léxicos que máis alá de faros, manises ou patatillas expresan unha forma singular de mirar o mundo dende Galicia.

Dende hai sesenta anos cidade do automóbil, continúa mantendo o recendo a salitre que lle imprime o porto alongado de Coia ao Areal, perfil do Vigo guindastre no que Paz Andrade identificaba que se iniciaban «os camiños do progreso» de Galicia. Daquel Vigo sen historia do queixoso Murguía apenas queda unha severa dificultade de mobilidade provocada polas súas costas e o seu carácter de serea deitada no anfiteatro da ría, á que non foron alleos erros como a desaparición do tranvía en 1968.

Non se entende o Vigo actual sen o seu afán de encabezar a Galicia moderna (outro dos eixos desta mostra). Pulsión de mudanza cosmopolita tecnolóxica, artística e das formas de vida expresada por moi diversas formas de emprendemento de industriais como Antonio Sanjurjo Badía, empresas como o Cable Inglés e Alemán, estaleiros Barreras, Conservas Alfageme, Massó, Curvera, La Artística, sociedades como La Oliva, o Mercantil, o Náutico, fotógrafos como Filippo Prósperi e Cándida Otero, cineastas como José Gil, deseñadores como Federico Ribas, deportistas como Emilia Docet ou Manuel de Casto Handicap, ourives como os irmáns Hernández, pintores como Serafín Avendaño, Urbano Lugrís ou María Victoria de la Fuente, escultores como Camilo Nogueira, sindicalistas como Heraclio Botana ou a longa nómina de arquitectos vigueses, encabezada por Manuel Gómez Román, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Francisco Castro Represas, entre outras persoas presentes ou ausentes nesta mostra de síntese que é Vigo no tempo.

Tras a folga de 1972, coa chegada da reforma política, Vigo afronta unha dolorosa reconversión industrial, ao tempo que culturalmente se converte en capital editorial de Galicia e berce da Movida, con expresión musical, nas artes plásticas e na moda. Unha reinvención que mobilizou durante anos difíciles tanto o teatro cívico de Urzaiz como a actividade artística dunha xeración con vontade de atopar o celme da identidade viguesa… Reinvención cidadá da reconversión e da Movida que se lembra de forma novidosa nesta exposición.

Por último, expreso a miña gratitude ao comisario do proxecto «Cidades no tempo», Manuel Gago, por convidarme a acompañalo na apaixonante angueira de ofrecer unha ollada afastada de tópicos e inzada de sorpresas dunha cidade ‘revolcada’ (como a definía a poeta Xela Arias), mais que sempre deitou unha ollada no porvir. Grazas.

 

Un futuro para o Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do cine Fraga:

Entre os aniversarios lembrados en Vigo este 2023, centenario do Club Celta e naufraxio do Hammonia incluídos, non poden faltar tampouco os 75 anos da creación de Refrey en Bouzas e da apertura do Teatro Cine Fraga o 27 de marzo de 1948. Celebrada cunha función de gala ás 11 da noite, aquel sábado de gloria estreouse a película española declarada de interese nacional Botón de ancla, unha produción de Suevia films do cineasta vigués Cesáreo González, dirixida por Ramón Torrado, presente nunha función, acompañado do actor  Miguel Ligero, na que se suplicaba aos espectadores que sen ser obrigado levasen traxe de etiqueta nas localidades de palcos, butacas de palco e de entrechán. Con esa pompa quería celebrar a inauguración da que se presentaba como mellor sala de Galicia, que contaba con 1.758 butacas (máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo), o seu propietario e promotor, o emigrante carballiñés Isaac Fraga Penedo, entón o empresario máis importante de exhibición e distribución cinematográfica do noroeste; pioneiro tamén da industria do cine en Galicia, desde que en 1908 regresara da Arxentina e comezara o seu traballo como exhibidor ambulante, que xa contaba en Vigo tamén cos cines García Barbón, Odeón e Tamberlick, onde o 14 de marzo de 1930 proxectara o primeiro filme sonoro de Galicia.

Situado na rúa Uruguai, esquina con Isabel II, ao pé de onde saía o tranvía de Baiona, o edificio do Fraga, trazado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto en 1942, que creara na etapa anterior á guerra civil grandes cines de arquitectura moderna na Gran Vía madrileña, como o Barceló e o Europa, é unha das mostras máis significativas da arquitectura rexionalista viguesa durante a autarquía. Un proxecto ao que non foi alleo a teimosía de Isaac Fraga de crear a sala de cine máis grande e suntuosa de Galicia, na que estivesen presentes referencias da arquitectura compostelá. Unha solicitude que o arquitecto madrileño concretou no deseño dunha fachada de granito de Castrelos con balconada corrida de peitorís de ferro e decoracións neobarrocas de anxos, lazos e sartas de froitas colgando polos laterais, ao xeito das do Hospital Real, e cun ampuloso pórtico de acceso principal de formas rectangulares e frontón partido, así como polas formas renacentistas dunha galería superior de arcos entrelazados, influencia da fachada do Tesouro da catedral, e das poderosas balaustradas da coroación e os pináculos. Unha construción histórica que para Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias «expresa esa liña de acentos rexionalistas que o arquitecto, por desexo da propiedade, introduce neste emblemático edificio da cidade».

Referente no lecer vigués até o peche o 28 de xuño de 2001 das entón tres salas de proxección, no patio de butacas do Fraga vivíronse horas inesquecibles para varias xeracións viguesas, dende estreas míticas como as de Foise co vento en setembro de 1951 até xornadas históricas como as de Cinegalicia en novembro de 1989 cando se estrearon as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato de 35 mm: Continental de Xabier Vilaverde, Urxa de Carlos López Piñeiro e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, toda unha proeza. Como é tamén unha lembranza viguesa as horas vividas en Nova Olimpia, a discoteca que funcionou nos baixos dende maio de 1973 a agosto de 2007, escenario que inaugurou Georgie Dann e pisaron despois Tom Jones, Raphael, Massiel, Cecilia, entre outras figuras da música de finais do franquismo, renacido nos anos da movida da década de 1980.

Despois de dúas décadas das derradeiras funcións cinematográficas no Fraga e da súa adquisición por parte de Caixa Galicia para darlle un uso sociocultural, tras o comezo das obras de remodelación con esa finalidade en 2008, dirixidas polo arquitecto César Portela, interrompidas en 2011, cando xa estaban moi avanzadas, Abanca puxo en venda o edificio en 2013. Dende entón o Fraga está pechado e sen actividade ningunha, recoñecendo o seu propietario que lle procura «unha saída sostible», o que entendemos supón polo momento continuar no ostracismo, un futuro incerto que non merece o que foi un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade. Non é doado aventurar cal pode ser o mellor futuro para o Fraga. Teatro municipal do que Vigo carece? Teatro provincial e sede da Deputación e do propio Museo de Pontevedra en Vigo, algo semellante ao que sucedeu co teatro Colón na Coruña? En todo caso, como propón de forma moi razoable o arquitecto José Antonio Martín-Curty, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e estudoso dos cines de Vigo, «a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer co mesmo espírito no que foi concibido por Isaac Fraga: cultural». O Fraga debe saír deste esquecemento obrigado e absurdo ao que leva sometido dende hai unha década.

Bieito Ledo

No acto de ditame da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia, no que se pronunciaron discursos de aceptación excepcionais, como os do profesor Carlos Callón, gañador da modalidade de Investigación, en defensa da lingua galega, da causa da paz no mundo e dunha Palestina libre, e o da arquitecta Teresa Táboas, gañadora en Artes Plásticas, a prol dunha arquitectura inclusiva ao servizo do benestar da comunidade, recoñeceuse tamén a traxectoria na institución de Bieito Ledo Cabido como presidente fundador da entidade promotora. Coincidindo co inicio dunha nova etapa na organización destes premios anuais á excelencia das producións culturais galegas, os máis antigos dos organizados no país, esta homenaxe ao veterano editor, xestor e activista cultural de Padroso, celebra o seu esforzo teimoso, incansable e xeneroso para manter a duración dun proxecto normalizador para a cultura galega, concibido dende o seu inicio (16 de maio de 1978) en man común, cando non existían as institucións autonómicas. Como salientou Víctor F. Freixanes no seu texto de adhesión á homenaxe en «Galicia sempre máis importante que poñer andar as ideas é conseguir que duren, medren e dean froitos». Efectivamente, recoñecer e agradecer a continuidade proporcionada por estas persoas-vértice de proxectos colectivos de construción nacional, como é o caso de Bieito Ledo cos Premios da Crítica de Galicia, ademais de fortalecer a comunidade de afectos e complicidades tecidas polo tempo, indispensable para o seu funcionamento, renova nos seus participantes azos e compromisos de futuro. Parabéns ao druída do carballo de Padroso que en fermosas palabras que lle dedicou a xornalista María Xosé Porteiro na súa laudatio «ensinounos que sempre hai un novo chanzo e novas metas que acadar, cando se fixan con acerto os obxectivos, se constrúen equipos fortes, se procuran alianzas e se traballa arreo». Unha receita saudable para tantos outros proxectos de construción do país de noso. Beizón, Bieito Ledo!

Publicado en Nós diario: 01/11/2023

Mary Quintero no Museo do Mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición antolóxica do traballo de estudio da fotógrafa Mary Quintero:

Tras as homenaxes recibidas en 2015 cando foi recoñecida como «fotógrafa histórica» pola Deputación da Coruña, cando o Consello da Cultura Galega lle dedicou unha xornada de estudo e as súas amizades tributáronlle un xantar de homenaxe no Balneario de Mondariz, a fotógrafa Mary Quintero (Melide, 1931) conta no Museo do Mar de Alcabre coa exposición «A imaxinación no interior do estudio», unha escolma do seu fondo documental, que vai de 1947 a 2001, incorporado o 2 de maio de 2022 ao Arquivo histórico provincial de Pontevedra mediante comodatio. Unha excelente oportunidade, despois da publicación do seu libro antolóxico, Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Xerais 2015), con textos da estudosa da fotografía galega de muller Fernanda Padín, de volver achegarse a obra monumental desta pioneira e mestra da fotografía profesional en Galicia, a primeira que utilizou aquí a cor e as técnicas do retoque, conformando unha obra propia e singular, na que asumiu que a mudanza constante das posibilidades técnicas achegaba novas utilidades creativas, o que a situou na cimeira da fotografía galega durante seis décadas, desde que aos 15 anos realizou en Lugo a súa primeira exposición e aos 21 anos abriu o seu famoso estudio na rúa Urzaiz polo que pasaron milleiros de familias de varias xeracións viguesas a encargar o seu retrato fose no día da comuñón, do casamento ou dun aniversario sinalado.

Unha artista, Mary Quintero, de espírito radicalmente innovador na utilización dos avances técnicos e audaz en comprobar que non ten límites para a fantasía, capaz de atreverse aos 91 anos (si, leron ben) a expoñer por vez primeira a súa foto-pintura e abrir o pasado verán con éxito o ciclo «Vigueses con huella», un programa de Ámbito Cultural El Corte Inglés que pretende recuperar artistas nosos. Unha mostra na que Mari Quintero, baixo o título «Inspiración», emprega as fotografías do ámbito cotián, que confesa realizar co móbil, para pintar sobre elas con óleo, acrílico e pastel obtendo resultados visuais sorprendentes e moi vistosos. Unha técnica fotopictórica dalgún xeito continuadora daqueloutra consistente na aplicación de cor ás imaxes en branco e negro, a fotografía coloreada, que desenvolvería durante a metade da súa carreira, nos anos 50, 60 e 70, presente nalgunhas grandes pezas da mostra do Museo do Mar, como o seu propio retrato (1949), coloreado por ela e realizado polo seu pai, o da presentación en sociedade das fillas de Enrique Lorenzo (1952) ou de picariños comendo ou cortando o cabelo.

Seguindo o fío cronolóxico dos avances técnicos que introduce Quintero, dende o retoque analóxico ao coloreado, a exposición do Museo do Mar é representativa da súa concepción do retrato fotográfico dos anos corenta aos sesenta do pasado século, nos que «sabe captar os cambios na moda e na sensibilidade estética da clase media-alta e alta da sociedade viguesa». Como tamén o é da súa utilización da fotografía a cor, a partir dos setenta, combinada con técnicas como o proxector de fondos, no que Mary tamén foi pioneira, ou tamén da súa época romántica, influída por David Hamilton, pasando pola creación de ambientes e sofisticados escenarios e vestiario de entroido, até chegar ao seu cambio de estilo a partir dos anos 80, influído pola estética punk e os anos da movida, consolidado nos 90 en retratos moi característicos como os do grupo de teatro Queizán, o actor Moncho Borrajo, a escritora María do Carmo Kruckenberg, o escultor Juan Oliveira, ademais de personalidades viguesas daquel período como Corina Porro, Horacio Gómez e Carlos González Príncipe. Remata a antolóxica de Quintero en Alcabre coa súa fotografía experimental, nunha autora que procurou a súa inspiración no cine, revistas e rótulos, deixando fóra da mostra a dimensión da súa fotografía social, tanto o retrato de grupos familiares como de cerimonias.

Chama a atención do visitante que semellante fondo documental fotográfico de Mary Quintero, milleiros de retratos de tres xeracións de familias viguesas, teña que ser conservado en Pontevedra, no Arquivo Histórico Provincial, institución estatal transferida á Xunta de Galicia. Algo que xa sucedeu co arquivo Llanos de tres xeracións de fotógrafos vigueses, conservado no Museo Etnolóxico de Ribadavia da Xunta de Galicia. Como tamén preocupa o destino que poidan ter os arquivos doutros fotoxornalistas vigueses como Magar e Cameselle, esenciais para construír o relato do Vigo das últimas seis décadas. Como preocupa o desleixo no que se atopa o Arquivo Pacheco atendido na Casa das Artes por persoal de seguridade, un tesouro esquecido e escasamente valorado polo seu propietario, o concello de Vigo. Que sucede co patrimonio fotográfico vigués, fonte inesgotable da memoria da cidade?

Avenida de Beatriz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a polémica da denominación Avenida de Beatriz e a reedición do libro de Ramón González-Alegre Por entre el arpa y la saudade:

Na primavera de 1961 abriuse no barrio das Travesas unha polémica veciñal de interese poético sobre o nome que debería levar a nova avenida, entón non inaugurada, prevista xa no Plan Palacios e urbanizada a partir do Plan de Melloras de 1953, coñecida logo como Avenida das Camelias. Foi unha columna en Faro de Vigo de Fernando Alonso Amat, escritor e técnico fiscal, despois presidente do Club Náutico, quen sacou a luz un asunto que intrigaba aos veciños das Travesas desde que nas paredes dun dos poucos edificios da nova avenida apareceu un letreiro que rezaba: «Avenida de Beatriz». Decontado apareceron polas Travesas os comentarios sobre a orixe de semellante iniciativa, as especulacións sobre quen era aquela Beatriz, pintada que tiña todas as trazas de ser apenas a declaración dun namorado a súa amada, unha veciña de nome idéntico ao daqueloutra Beatriz de Dante Alighiere, filla de Folco Portinari, símbolo da vida, da paz e do amor.

Polémica popular e literaria na que terzou o poeta Ramón González-Alegre tamén noutro artigo ben xeitoso, publicado en Faro de Vigo o 4 de xullo de 1961, baixo o suxestivo título «El bello nombre de una gran avenida», no que se unía ao seu amigo Amat reclamando á corporación que fixera oficial tan fermoso nome literario, escollido na fala popular da veciñanza (por certo, tamén utilizado de forma habitual nas páxinas de Faro de Vigo até ben entrado 1965). O poeta berciano vigués argumentaba coa súa fina ironía e a súa voz lírica cultísima que os concelleiros vigueses sabían que «Beatriz é, no máis extraordinario poema universal, a nota sobresaínte da humana Virtude», razón polo que o valor poético de introducir o seu nome no rueiro vigués contribuiría a alzar a propia cidade, «tan tristemente desgobernada até agora en espírito», e a constituír «un símbolo para os mozos galegos de Vigo que un día deixaron pintada unha parede con este nome».

A polémica da Avenida de Beatriz alongouse varios anos, nos que seguindo as páxinas de Faro de Vigo comprobamos se popularizou o nome, como amosa unha clarificadora fotografía de Magar tomada en 1963 no que aparece pintado a brochadas sobre unha pedra, á altura das escaleiras de acceso á rúa Ourense. Mágoa que o daquela alcalde José Ramón Fontán, nomeado en xuño de 1963, no seu mandato de apenas quince meses, no que xestionou a traída da auga do Oitavén para Vigo, carecese porén da sensibilidade poética que precisaba a cidade de Martín Códax, cando foi preguntado por un reporteiro de Faro de Vigo (15-11-1963) sobre a súa posición no caso Beatriz. A resposta administrativa do alcalde malogrou a viabilidade do que el mesmo chamaba abrazar a hipótese romántica de Beatriz: «respectando todo o moito e  bo que se dixo e escribiu ao respecto, non se debe esquecer que existe un acordo municipal para non denominar ningunha rúa en canto o plan de ordenación urbana non estea aprobado». Para engadir Fontán con retranca que el propoñería o nome de «rúa do viandante descoñecido, que mellor soaría en galego como “rúa de Xan Ninguén”».

Lembrei a fermosa polémica da Avenida de Beatriz, que lle escoitara contar, entre outros, ao crítico Alberto González-Alegre Burgueño, a raíz da recente reedición do libro do seu pai, Ramón González-Alegre Bálgoma, Por entre el arpa y la saudade. Hombres y tierras de Galicia (Ediciones A.B. 1965; 2ª edición Alhenamedia 2023), unha estraña marabilla como libro de viaxes fragmentario, un retrato certeiro da Galicia dunha época, a de finais da década de 1950, escrito co alento do poeta e a ollada curiosa do vagabundo. Unha primeira edición a do sesenta e cinco nacida nas Travesas, onde vivía o autor, impresa nos talleres de Faro de Vigo, contando coa axuda e alento cultural do empresario Antonio Alfageme del Busto, impulsor de Ediciones A.B. de Vigo, un selo editorial ao coidado do propio González-Alegre, que contaba con longa experiencia como editor da revista Alba (1948-1956) e do seu maior logro Antología de la poesía gallega contemporánea (Colección Adonais, Rialp, 1959).

Xaora, particular interese ten para nós no libro de González-Alegre o capítulo «Vigo: bello mar y caudaloso puerto (Páginas para un diario)», título recollido de Jovellanos, textos escritos en xullo de 1957, un brillante retrato poético do impulso vigués, no ton das prosas publicadas en Faro de Vigo nas seccións «Los viajes gallegos», «Notas de apremio» ou textos ocasionais como o citado sobre a Avenida Beatriz. «Vigo é unha pura transformación. A Vigo fáltalle vellez, sóbralle vida fresca, como se tivese sempre un nacemento. Vigo nace sempre. Que ledicia saber que o traballo fortalece o pulso da cidade..» escribe para salientar que as raíces que comeza a sentir Vigo, a súa identidade, están no seu pulo de permanente mudanza e emprendemento industrial.

Xaquín Marín

Coincidindo co seu 80 aniversario, Xaquín Marín recibiu a homenaxe nacional organizada polas asociación culturais galegas que merece un dos grandes cidadáns galegos do noso tempo. Xenio extraordinario e virtuoso do debuxo, da ilustración, da pintura e do humorismo gráfico, ademais de pioneiro e fomentador da banda deseñada galega, todo dende hai seis décadas e de forma ininterrompida, a súa obra gráfica monumental (xornalística, bibliográfica, cartelística, expositiva e pictórica) representa tanto o compromiso do artista coa creación dunha obra singular e coa innovación estética e de formatos e soportes como a súa condición de militante de Galicia e fomentador incansable da súa conciencia colectiva. Considerado por estudosos do humor, como Félix Caballero, como «o humorista galego máis relevante dende Castelao», de quen herdou a tenrura retranqueira da personalidade dos seus nenos, velaí os seus inesquecibles Gaspariño (Edicións do Rueiro 1978) e Lixandre, Marín desenvolveu a crónica gráfica das arelas e da crúa realidade dun país que coma el nunca se dobregou. Autor da primeira historieta galega, «O emigrante», publicada en marzo de 1971 no número 35 da revista Chan, como tamén do primeiro álbum de banda deseñada galega, que asinou con Reimundo Patiño como 2 viaxes (Brais Pinto 1975), ao que seguiu o seu primeiro libro en solitario, Ratas (Tres Catorce Diecisiete 1977), publicadas mentres o franquismo agonizaba, Xaquín contribuíu de forma decisiva a espallar a linguaxe do cómic e da narrativa debuxada e facelo de forma absolutamente orixinal en galego, a fala de todos os seus personaxes (Tonecho, Caitano, Don Augusto, Isolino, Sabeliña…), e cun trazo e un acento tamén netamente galego, «os seus debuxos de liña son románicos e saben a bola do patrón e das festas; mentres os outros son barrocos e saben a empanada», como salientou nun artigo recente o tamén humorista gráfico Siro López. Beizón ao noso admirado Xaquín Marín, mestre gráfico e artista irrepetible.

Publicado en Nós diario: 18/10/2023

Premiadas

Non obedece a azar ningún que nas últimas semanas catro creadoras galegas foran recoñecidas pola excelencia do seu traballo artístico. Refírome, claro está, á dramaturga Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática pola peza As alumnas (Galaxia, 2022); á poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía polo libro de poemas Materia (Xerais, 2022); á catedrática e directora de cine Margarita Ledo Andión, Premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a prol da promoción e uso do galego na universidade; e á cineasta Jaione Camborda, Cuncha de Ouro do 71º Festival de Cine de Donostia polo filme O corno, protagonizado de forma brillante por Janet Novás. Unha proeza política e cultural destas mulleres arrichadas que co talento e afouteza da súa ollada superaron as convencións establecidas polo patriarcado, abordando temas transformadores ou rescatando memorias ocultas de mulleres rebeldes, por ventura, hoxe referentes. Velaí a reivindicación da mestra María Barbeito, símbolo da escola igualitaria da República, protagonista da obra de Carballeira. Velaquí os claroscuros da renuncia á maternidade e o diálogo coa memoria familiar e colectiva da proposta poética de Castaño, incansable activista da dignificación da nosa escrita. Eis a que definiu María Reimóndez como «experiencia visual» íntima e conmovedora de Camborda na procura do esencial das persoas, na que lonxe das olladas masculinas os corpos das mulleres expresan máis cas súas palabras a liberdade das súas escollas e renuncias. Propostas artísticas, como a de Ledo, nas que o emprego da lingua galega se constitúe en eixo normalizador, rachando cos prexuízos e superando barreiras, o que as converte en referentes para as súas artes como para os propios públicos. Beizón para as nosas premiadas tanto polos seus logros e fitos artísticos como polo comprometido das súas olladas e, o que creo tamén moi valioso, pola comunidade alternativa de lectoras e espectadoras que constrúen coas súas obras.

Publicado en Nós diario: 11/10/2023