Campo de Caralladas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Campo de Caralladas, ao fío da publicación do libro de Fernando Ferreira sobre o Bar León e o seu entorno:

Preséntase hoxe na biblioteca da EMAO o libro de Fernando Ferreira Priegue Entre café, espuma y confidencias el bar León y su entorno. Memorias de un barrio vigués mediado el siglo XX (Instituto de Estudios Vigueses 2025). Activista vigués das belas artes, con especial dedicación ás musicais, plásticas e literarias, autor de Crónicas de un Vigo yeyé. Historia de los conjuntos músico-vocales vigueses 1958-1975 (IEV 2008), Ferreira ofrece unha memoriosa crónica coral en primeira persoa do que foi o seu barrio de infancia e mocidade nas décadas de 1950 e 1960. Un territorio entre o rural e o urbano, coñecido como Campo de Caralladas, enorme descampado atravesado pola rúa Urzaiz, camiño dos Choróns e do barrio de Riomao, á altura da finca Coto Modón ou Villa Enriqueta e doutras vivendas na traseira do Tercio de Afora. Espazo comunal referenciado sobre o bloque Concepción Arenal, edificio construído en 1949 polo arquitecto Fernando Gallego, chamado popularmente Casas de Pernas, o primeiro da praza de Fernando o Católico, onde nos seus baixos estaban instalados o Bar León e a tenda bar El Bloque.

Crónica da urbanización dunha terra que foi de labor (campo), propiedade dun home alcumado Caralladas, que para Iván Sestay sería probablemente gaiteiro, pois ese nome foi típico de xente festeira, músicos e bailaríns. Prevista no Plan de Reforma Interior Ensanche e Extensión (1943) de Antonio Cominges Tapias, coa intención de unir a cidade co Calvario, a urbanización do Campo de Caralladas pretendía prolongar o barrio de Casablanca coa construción dun triángulo de vivendas entre Urzaiz, Vázquez Varela e Pizarro. Recoñecible no voo americano de 1946, no lateral quedaran vestixios da casa de Concepción Arenal, derrubada en 1949, na parte baixa existía unha mina e na superior a fonte de ferro, ademais do quiosco do fielato dos Choróns ou caseta de arbitrios onde ás portas da cidade se cobraban as taxas municipais que gravaban o tráfico de mercadorías e se exercía un certo control sanitario dos alimentos procedentes da bisbarra. Campo de xogos de toda unha xeración, tamén a do autor, onde en días felices se xogaron interminables partidos de fútbol, desputas de indios e vaqueiros, preparación de foguetes e mesmo algunhas pelexas a pedradas cos mangallóns do barrio de Ribadavia ou de Casablanca. Peripecias relatadas polos protagonistas, nunhas páxinas emocionantes e divertidas.

A cerna do excelente libro de Ferreira, que lembra o ton literario saudoso de La acera volada de Xaime Fandiño, está no relato da peripecia do Bar León, hoxe a cafetaría decana da cidade, entón o corazón do barrio que se transformaba, dende a súa inauguración o 29 de xuño de 1953 até o seu traspaso o 1 de xaneiro de 1988 polos irmáns Elías, Joaquín e Manuel Suárez Valbuena. Familia leonesa chegada a Vigo seguindo ao tío Victorino, camareiro no Café Derby de Urzaiz, quen cos cartos da lotería mercou o Bar Zamora para crear alí o Gran Bar Buenos Aires, no recanto entre Urzaiz e a rúa Pino, onde comezaron a traballar na hostalaría os tres sobriños. Documentado, en boa medida, coas voces dalgúns protagonistas, ao fío da vida social do Bar León, dende os seus torneos de xadrez até a súa intensa actividade celtista, Ferreira recupera a memoria do Campo de Caralladas onde se instalaban as carpas dos circos familiares, o Kron, Americano, Holanda ou o Atlas dos irmáns Tonetti, ou dos circos de variedades como o Radio Teatro ou o Teatro Circo Chino de Manolita Chen. Outro tanto sucede coa memoria do Jardín Park (antes Club Ford), a sala de festas familiar de Urzaiz 93, fronte a tenda bar El Bloque, a carón do Tercio de Afora, onde vivía o autor. Lembranza dun espazo de lecer de anos difíciles, onde no seu interior había bailes con música en directo (as tardes de xoves, sábados e domingos) e combates de boxeo e loita libre ibérica, e na pista exterior a cancha onde xogaba o Estudiantes de baloncesto.

Con prosa irónica e afiada, Ferreira lembra que no Jardín Park, montado arredor de 1950 polos donos do xardín de recreo Las Cabañas, as rapazas tiñan entrada libre, «só tiñan que bailar», mensaxe que se anunciaba pola megafonía, nun palco polo que pasaban as mellores orquestras do momento. Non esquece o autor a presenza no palco do Maese Villarejo e as súas funcións de marionetas de Gorgorito e a princesa Rosalinda, a bruxa Ciriaca e o ogro Dientes Largos. Pecharía a comezos dos 60 para construír no soar o edificio Park, onde nas galerías comerciais en 1963 abriría as portas o Cine Plata, entón o máis moderno da cidade, que funcionaría durante catro décadas.

Fernando Ferreira cose con zurcido invisible todas estas e moitas outras historias íntimas e colectivas do seu barrio, memorias imprescindibles da vida cotiá de pícaros e maiores. Recomendo este libro emocionante e gozoso.

«La Cristina», papeleira de Lavadores

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a «La Cristina», a primeira papeleira viguesa:

O 30 de marzo de 1862 inaugurouse «La Cristina», a primeira fábrica de papel continuo de Vigo, producido con pastas químicas e procedementos mecánicos, concibido para impresión tipográfica, un dos fitos da nosa historia como cidade industrial e do libro. Estaba instalada no lugar da Bouciña, no concello de Lavadores, ao pé da fervenza de Barreiro, onde se construíron hai pouco as chamadas «Pasarelas do Lagares», que salvan os trinta metros de altura existentes no río con respecto á Poza da Serpe. Unha edificación de catro andares e muro de cachotería, presidida no frontispicio da fachada por un «C» entre polas de loureiro, símbolo da vitoria.

Proxecto fabril promovido dende 1860 polo emprendedor e comerciante camerano Norberto Velázquez Moreno, creador do primeiro teatro de Vigo (1832-1880), na praza da Princesa, das primeiras construcións do lazareto da illa de San Simón (1842) e da casa de baños da Laxe (1860), a quen a morte chegou antes da apertura da papeleira, da que se encargou o seu fillo Norberto Velázquez Coppa, que chegaría a alcalde ocasional en 1863 e 1869.

Sería, porén, o enxeñeiro francés Alfred Motteau, procedente de Angulema, bo coñecedor do procedemento de fabricación deste papel enrolado de pezas de 20 a 30 metros, que substituía as follas soltas, quen se ocuparía da dirección técnica dun proxecto que pretendía producir 250.000 toneladas de papel por ano. Un procedemento no que utilizando calor, presión e un ph ácido ou alcalino disgregaba a madeira en partículas aptas para a formación do papel, o que substituía a produción tradicional nos vellos batáns instalados nos ríos. «La Cristina» contaba coa maquinaria axeitada para acometer este proceso, ademais de dependencias como sala de caldeiras de vapor, ventiladores, trituradoras, separadoras de farrapos, sala de satinado e mesmo de empaquetado.

Chama a atención que os principais accionistas fosen tres xornalistas, editores e impresores vigueses: Ángel de Lema e Marina, dono dunha imprenta na rúa Oliva nº 1 e director de Faro de Vigo, periódico bisemanal conservador do que fora fundador o 3 de novembro de 1853; Juan Compañel, dono da imprenta na rúa Real 14, director de El Miño, fundado en 1857, xornal de liña rexionalista e progresista, sucesor obrigado de La Oliva; e Miguel Fernández Dios, impresor radicado na praza da Constitución, onde vendía papel de Tolosa, que en 1873 fundaría La Concordia, xornal de tendencia liberal e provincialista, o primeiro diario de Vigo, que competiría durante cinco décadas con Faro de Vigo, que pasaría a diario en 1879. Tres xornalistas que competían, mais que, como sinala Xurxo Martínez González, o mellor coñecedor do Rexurdimento en Vigo, se asociaban para poder contar con papel de fabricación local. Cooperar e competir, un modelo de modernidade industrial, que logo utilizarían os empresarios da conserva, onde se poñen por diante os intereses comúns sobre as diferencias da concorrencia.

Utilizado o papel cristino na impresión dos xornais dos accionistas, Faro de Vigo e El Miño, a empresa constituía para Compañel «unha exaltación de progreso», símbolo «da prosperidade e grandeza de Galicia», como do «espírito asociativo patrio», foino tamén na publicación en 1862 do primeiro volume do Diccionario de escritores gallegos de Manuel Murguía, como Compañel fixo figurar na páxina inicial. Como é probable que tamén fose utilizado en 1863 cos libros que lle publicou a Rosalía de Castro  Cantares gallegos e A mi madre, mágoa que o editor compostelán non deixara constancia.

«La Cristina» como papeleira pechou arredor de 1865, mantendo a propiedade do edificio outro dos socios, Antonio López de Neira e Freire, industrial monfortino casado en Lavadores, propietario dun almacén de coloniais, petróleos e unha fábrica de chocolate, pioneiro na utilización da electricidade e o teléfono (1887), que chegaría a ser deputado conservador ligado a Elduayen, alcalde (1887-1891) e presidente de deputación (1907). López de Neira, despois de utilizar o edificio como almacén, vendeullo en 1910 aos conserveiros Curbera, que o utilizaron para o desestañado de follas de latas usadas, que reciclaban envases de La Artística e La Metalúrgica.

O edificio de «La Cristina», a pesar de estar catalogado no PXOM, merecería o seu recoñecemento como Ben de Interese Cultural (BIC) tanto polo seu carácter de papeleira como desestañadora, mostra da pioneira industria viguesa. Como tamén se bota en falta nas Pasarelas do Lagares, un espazo fermoso por descubrir para a maioría da cidadanía, un sinal informativo da edificación como da canalización da auga utilizada pola papeleira. En todo caso, recomendo a visita a este espazo e a seguir os tres quilómetros de sendeiro do Lagares até a Avenida de Madrid, canto menos.

Vigo desde o aire

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as primeiras fotografías de Vigo tomadas dende o aire:

Foi o fotógrafo Pacheco quen o 10 de setembro de 1927 tirou as primeiras fotografías de Vigo dende o aire. Foi desde o Marabú, un avión da marca Junkers da Unión Aérea Española, que podía ser transformado en hidroavión, tripulado por José María Ansaldo e polo mecánico Mario Álvarez, que despois de catro horas de voo dende Madrid aterrou na praia de Ghaifar en Panxón. Entre os catro pasaxeiros viaxaron o marqués de Quintanar, presidente da compañía aérea, e José Espinosa, un dos seus empregados, que pretendían estudar as condicións da aterraxe co fin de establecer unha liña aérea entre Ferrol e Lisboa, con escalas na Coruña, Vigo e Porto, que puidese enlazar cos avións da liña Lisboa, Sevilla Madrid que xa explotaban. Proxecto co que simpatizaban as elites viguesas que consideraban que un servizo aéreo dese carácter acrecentaría o comercio e o turismo en Vigo e no seu «hinterland», termo que daquela se utilizaba para a área de influencia do porto e da cidade; o que non impedía que naquela altura o programa das infraestruturas viguesas fose o ferroviario, cuxa prioridade era a liña do Atlántico, cuxo traxecto reclamado era A Coruña-Lisboa. O que despois de case un século se continúa facendo.

Sabemos que ao día seguinte o Marabú efectuou dous voos sobre Vigo, sendo o fotógrafo Pacheco convidado a ocupar unha das catro prazas dispoñibles. Viaxe que lle permitiu ao afouto reporteiro fotografar dende o aire o perfil portuario de toda a beiramar: as liñas de atraque gañadas ao mar no Areal, as avenidas de Cánovas del Castillo e Montero Ríos cos seus novos peiraos, a Ribeira do Berbés e a súa Lonxa, onde xa estaba previsto o recheo para instalar o porto pesqueiro. Vistas que foron publicadas no libro Vigo en 1927 da editorial P.P.K.O., dirixida polo editor José Cao Moure, que contribuíron por primeira vez a identificar no skyline que debuxan as edificacións pétreas do ensanche e as súas novas avenidas, tomadas dende a ría, como a imaxe máis atractiva do Vigo moderno, a semellanza de Nova York. Hipérbole utilizada polas elites do viguismo de hai un século para salientar o emprazamento estratéxico da cidade, situada no paralelo 42 (en realidade, N 42º 13’ 58,2’’), o mesmo ca Nova York, cidade distante 2.910 millas. A grande oportunidade sería funcionar como ponte peninsular sobre os tres grandes portos mundiais do momento Hamburgo, Londres e Nova York. E para iso había que darse a coñecer.

Outros famosos voos fotográficos sobre a ría e a cidade foron as dúas campañas dos voos americanos de 1945 e 1956, contratados polo goberno de Franco ao Army Map Services dos Estados Unidos coa intención de fotografar todo o territorio para así trazar mapas e planos. As imaxes foron realizadas cunha escala 1:33.000 e a unha altura de cinco mil metros, sendo o segundo tecnicamente máis preciso. Estas ortofotografías, que poden ser hoxe consultadas na web de Información Xeográfica de Galicia, constitúen un documento excepcional para coñecer de forma detallada o Vigo de hai seis ou sete décadas, sobre todo no perfil litoral anterior os recheos portuarios, nos que aínda aparecen a praia de San Sebastián e o Campo do Gas, onde se abriu a rúa Torrecedeira e as súas paralelas. Outrosí sucede con Bouzas, onde apenas se identifica unha liña de peirao. Como sobre todo se ven os eidos agrícolas de Teis, Travesas, Coia antes de iniciarse o proceso de urbanización coincidindo coa instalación da Citroën na terra das abeleiras. Documento fotográfico excepcional, no que se divisa perfectamente a coroa vexetal dos sete outeiros que cinguen a cidade, por ventura, aínda conservados nas terras do Fragoso.

Coa década dos sesenta apareceron xa con frecuencia vistas aéreas, como as tomadas por Fotografía Aérea e Terrestre S.L. no propio aeroporto de Peinador, dispoñibles no Arquivo Dixital de Galicia. Como a partir de entón foi frecuente o traballo de vistas da cidade dos excelentes fotógrafos do Faro de Vigo como Magar e as súas viaxes pioneiras en avioneta, Barreiro, Siorty, Cameselle, de Arcos ou de Ricardo Grobas. Particular importancia neste eido tivo o coleccionable Vigo y su Ría: miradas aéreas (Faro de Vigo 2004) fotografado por Nardo Villaboy, vinte anos despois libro xa de referencia do tecido urbano e dos seus arrabaldes a comezos do século XXI. Obra prologada por X.L. Méndez Ferrín co título «Vigo é moito máis ca Vigo» no que o autor do «Testamento do ghebo» salienta que Vigo non debe ser considerado como unha cidade senón como unha bisbarra: «Vigo é unha exposición permanente, a escada reducida, da realidade de Galicia: mar, agricultura, gandaría, natureza salvaxe, pesca fluvial e marítima, areais, illas, industria, comercio…» Dende hai un século, Vigo desde o aire é moito máis ca Vigo. Se poden, vexan as fotos que o testemuñan.

Cidade e espazo público

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reflexionar sobre as relacións da cidade e o espazo público:

A condición de retirado facilita o paseo pola cidade e a posibilidade de demorarse coa actitude curiosa do flâneur, que sen rumbo rúa agardando atoparse con xente coñecida, tamén a sorprenderse e descubrir os detalles que aínda se lle resisten nos escaparates ou nas edificacións pétreas. Arte do paseante retirado  que non perde de ollo o ritmo das obras públicas intentado atopar nas tarefas de escavación do que foi o Barrio do cura as primeiras trazas do túnel prometido até Elduayen.

Como tampouco perde o paseante nota do estado da actividade portuaria e do seu tráfico incesante de vehículos que entran e saen do seu recinto. Ir e vir constante de camións, síntoma de que a cidade inicia outra transformación de calado do seu tecido urbano no barrio portuario, como xa se está producindo na avenida Beiramar e  rúa Jacinto Benavente e nos barrios ate agora humildes de San Francisco e Poboadores que, como adoito acontece, aventura tardará décadas en completarse.

Paseos do Robinson urbano retirado, nome roubado a Antonio Muñoz Molina, nos que día tras día lamenta que na cidade queden menos espazos públicos nos que reunirse, ou simplemente onde pasmar procurando a caloriña dunha raiola no inverno, sen imperativo do consumo nunha terraza. Paseante queixoso de que cada vez se reduza o espazo dispoñible na beirarrúa para o paso das persoas, ocupada de forma desproporcionada polas terrazas de bares e cafetarías que converten o espazo público nun enorme comedor privado.

Colonización privatizadora, a todas luces abusiva, consolidada tras a pandemia, que incrementou a presenza de pombas e gaivotas pendentes das mesas das terrazas. Mobiliario concibido para ser utilizado durante todo o ano, chove ou vente, onde non faltan nin estufas nin anteparos que acoutan a beirarrúa ou a praza, coma se dunha propiedade privada se tratase. Espazos privatizados que ocupan na súa totalidade as prazas do Vigo vello, como a da Constitución, Princesa ou a do paseo de Afonso, rúas como Urzaiz e Rosalía de Castro, onde é difícil pasar cun paraugas e nas que non existe outra posibilidade que pagar unha consumición se o veciño ou o visitante quere pararse alí e, xa non digamos, gozar daqueles espazos do patrimonio de todos.

Outro tanto sucede na Porta do Sol, a primeira praza viguesa, sen sombras nin arborado, tanto cando é sacrificada como zona cero da celebración dos fastos do nadal coma nunha semana franca de ría, onde só as escalinatas do templete ofrecen algunha oportunidade para o descanso das persoas maiores ou para o xogo da cativada no labiríntico espazo dispoñible.

O negocio da hostalaría, considerado sector estratéxico, e identificado como de interese xeral, non tolera espazos urbanos inútiles onde a xente (clientela potencial) poida illarse do consumo, que tamén é un dereito da cidadanía, ou simplemente gozar dun entorno arquitectónico formidable presidido polo emblemático Sireno.

Modelo privatizador que chega ao paroxismo durante os case tres meses nos que a Alameda, o xardín centenario do primeiro ensanche do Vigo vello, é sometida a un estrés innecesario, transformada en mercadiño e enorme cervexaría privados de nadal, que carece doutro saneamento que non sexa o de verter as augas aos xardíns, entre outras precariedades. Outrosí sucede coa nora e outras atraccións de feira, instaladas nas inmediacións da Alameda, para as que, como no caso do mercadiño, habería alternativa razoable de reubicalas nos amplos espazos portuarios dispoñibles, se houbese vontade de acordo entre a alcaldía e a presidencia da Autoridade Portuaria.

E o caso é que esta molesta redución dos espazos de acceso público non é unha singularidade viguesa, xa que, como sucede coa xentrificación turística, podemos atopala en cidades de todas as comunidades. Redución que non resulta tema desprezable, xa que o espazo público como lugar de encontro interxeracional da comunidade foi, até agora, a esencia do modelo de cidade europea. Modelo urbano en permanente transformación, como corresponde a propia idea de cidade, velaí o caso vigués, onde a mudanza é a propia identidade, de xeito que hoxe o espazo público é tanto escenario de socialización cidadá como de negocio e actividade privada.

Modelo que leva ao urbanista Jordi Borja a definir a cidade actual como «espazo público e xente na rúa». A articulación equilibrada destas dúas dimensións, entre o público (o espazo) e o privado (o negocio), indica a calidade da cidade e da vida da propia veciñanza. Devolver o espazo público apropiado de forma abusiva pola escena privada, como articular de forma equilibrada espazo e negocio, é unha tarefa política complexa. Require activar vontades de acordo entre as institucións que operan sobre a cidade, as empresas do sector turístico e hosteleiro e da propia veciñanza.

Carlos Núñez «le vieux»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do meu admirado Carlos Núñez Rodríguez a raíz da publicación do seu libro de conversas con Perfecto Conde:

Non é a primeira vez que expreso a miña admiración por Carlos Núñez Rodríguez, unha das figuras de maior estatura cívica do noso viguiño. Nacido en Ourense en 1941, na casa Reverter da rúa do Progreso, chegou a Vigo en 1963 coa intención de organizar ao Partido Comunista, cunha maleta e un cartafol cos seus debuxos. Pezas que ao día seguinte serviron para ser contratado por Empresas Reunidas de Publicidad (ERP) de Fernando Ruiz Moreno e Juan Llor, onde dedicou a súa creatividade durante máis dunha década até fundar estudio propio.

Actividade deste deseñador gráfico, con achegas brillantes, coma a creación das tipografías históricas Gallaecia Castelo (1995) e a cursiva Galaica, coa que pretendeu dotar a Galicia cunha tipografía de seu, tras un estudo de máis de douscentos textos gravados en pedra. Traballo profesional no que co seu equipo de Variografik, formado por Evaristo Pereira, Loli Pereira, Chelo Alonso, entre outras, editou centos de carteis, deseñou montaxes decorativas e publicacións novidosas de historia das cidades galegas.

Traballos que soubo compaxinar coa súa militancia política, durante catorce anos case clandestina, mesmo co paso de tres anos polos cárceres franquistas. Como tamén, chegada a Reforma Política, compartiu a súa profesión coas responsabilidades públicas, como concelleiro electo polo PCG (do que foi fundador en 1968), das dúas primeiras corporacións democráticas viguesas, presididas por Manuel Soto Ferreiro. Período no que asumiu a tenencia de alcaldía e a concellaría de Tráfico e Seguridade que, entre outras medidas modernizadoras, ampliou as liñas de Vitrasa ao periurbano, creou o 092 como servizo de intervención, configurando a policía local como axudante social da veciñanza.

O seu pai, o mestre e adiantado pedagogo Albino Núñez Domínguez, fundador e presidente da ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense), director da súa revista, Escuela del Trabajo, depurado en 1936, fundador daquela illa de liberdade que foi dende 1949 o Centro de Estudios Galicia, púxolle de nome Carlos en memoria de Carlos Marx. Outro sutil atrevemento esquerdista, de quen autorizou a aquel talentoso debuxante de dezasete anos –que se formaba na Escola de Artes e Oficios de Ourense, dous anos antes incorporado ao PC da man do profesor Xosé Díaz– a que viaxara a París como emigrante e tres meses despois con pasaporte falso a Moscova, para estudar na Academia de Ciencias Sociais e Políticas.

Tres apaixonantes anos moscovitas, nos que o rapaz de Albino coñece aos dirixentes históricos comunistas e adquire as competencias e as habilidades necesarias para converterse en cadro do Partido, organización clandestina que pelexaba en primeira liña para abaixar a ditadura franquista. Formación na URSS de Nikita Jruschov, que o marcará de por vida, na que se incluían as técnicas de deseño, comunicación e encriptación de cartas e documentos, esenciais na clandestinidade e no funcionamento dos servizos de intelixencia, en plena Guerra Fría, que lle serían de grande utilidade décadas despois tanto sendo grafista e tipógrafo, membro da Fundación Gutenberg, como investigador das ideografías milenarias da costa atlántica europea.

Misterio que, como outros, dunha vida de película, se desvela nas páxinas do libro Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro (Galaxia 2025) de Perfecto Conde, prologado polo seu camarada de seis décadas o profesor Xesús Alonso Montero. Unha longa e fascinante conversa de lectura engaiolante, que reconstrúe a peripecia vital deste militante e dirixente comunista, pai do gaiteiro galego máis coñecido no mundo. Relato construído polo xenio e o rigor xornalístico de Conde con inequívocos trazos de novela política portuaria e de ensaio histórico sobre o papel do PC nas últimas seis décadas. Un texto que, ademais, repasa episodios claves da historia viguesa recente, como a folga xeral de 1972, da que Núñez foi destacado participante e que tras unha orde policial de busca e captura, obrigouno a pasar de novo a clandestinidade. Confesión afouta de Núñez da feroz represión e das torturas da Brigada Política Social nas comisarías, permitidas polo poder xudicial franquista, pendentes hoxe de ser reparadas por parte do estado.

Diante de biografías cívicas tan heroicas como as de Carlos Núñez «le vieux», como gusta recoñecerse a este incorrixible afrancesado republicano, membro do Instituto de Estudios Vigueses, abraia o pouco recoñecido que foi polas institucións locais e galegas. Outro tanto sucede, coa biografía doutro ourensán vigués, o escritor nacionalista Xosé Luís Mendez Ferrín, primeiro defensor das humildes e da lingua na cidade nosa. Ás portas doutra Reconquista, non é o momento de que compartan o nomeamento de fillos adoptivos de Vigo?

O Nigrán de Palacios

Dedico o artigo de Faro de Vigo á celebración do «Ano Palacios 2024» en Nigrán:

O concello de Nigrán pechou o «Ano Palacios 2024» –dedicado a conmemorar a obra de Antonio Palacios Ramilo con motivo do sequiscentenario do seu nacemento no Porriño– coa publicación dun fermoso almanaque ilustrado coas acuarelas que Noelia Muíños e Ramón Quintas fixeran para o libro Antonio Palacios en Nigrán (2024), no que se difunde con espírito didáctico a vida e obra do famoso arquitecto. Celebración iniciada cun paseo outonal no que se visitaron as dúas obras palacianas do concello, o Templo Votivo do Mar, inaugurado en outubro de 1937, e o hoteliño de Sileno na praia de Lourido (1932), ademais da igrexa románica de Santiago de Parada, debuxada por Palacios para ser divulgada nunha publicación. Homenaxe nigranesa, que se unía ás dos concellos do Porriño e de Madrid (onde o galego é considerado o arquitecto máis querido da capital), encabezada polo alcalde Juan González, que entende a defensa e promoción do patrimonio arquitectónico como un dos eixos da súa política turística e cultural.

Celebración iniciada, un ano antes coa publicación da excelente monografía do arquitecto Álvaro Bonet, O legado de Antonio Palacios (Engaiolarte 2023), que con apoio fotográfico e documental, actualiza o traballo clásico do noso admirado Xosé Ramón Iglesias Veiga, «Antonio Palacios en Nigrán: A procura dunha arquitectura de raíces galegas», publicado na Revista de Estudos Miñoranos nº 1 (IEM 2001). Ano Palacios en Nigrán que coincide coa repatriación ao concello do mosaico de teselas no que aparece un muxo e varios bivalvos (datado no século III), icona patrimonial da vila romana de Panxón. Atopado no castro de Panxón e embutido dende o século XIX en táboa de mesa, foi vendido en varias ocasións até chegar á galería Carlton Hobbs de Nova York, onde foi localizado por Gonzalo Fernández-Turégano, que encabezou a iniciativa cívica, apoiada polo concello, para adquirilo e traelo a Nigrán, como a súa primeira icona e horizonte na historia. Modelo de recuperación do patrimonio galego espallado polo mundo, que podería ser considerado polo concello de Vigo para repatriar para os fondos do anunciado museo de historia da cidade tres das nosas principais iconas: o Pergamiño Vindel (de finais do século XIII) hoxe en Nova York; o Cristo Salvador da igrexa de Santiago de Vigo (1136), en Madrid e o tímpano de pedra de Santa María de Vigo (1403), en Pontevedra.

O procedemento das doazóns foi tamén o utilizado por Xesús Espinosa Rodríguez, párroco de Panxón, para sufragar –entre 1932 e 1937– as obras dun templo novo na advocación da nosa señora do Carme, raíña dos mares. Deseñado polo porriñés a semellanza da catedral de Tui e da vella sede de Coímbra, construíuse en pedra rústica, coa única condición de Palacios de que se preservase o arco visigótico que se atopaba no interior da vella e arruinada parroquial de san Xoán. Isto obrigou a procurar un emprazamento, que finalmente sería de privilexio nunha penela, na que desde a nova torre se dominaba a paisaxe das dunas de Gaifar, da Madorra e do eixo central da vía principal da urbanización dun novo Panxón, trazado como vila satélite daquel Vigo debuxado no «Plan de extensión e reforma interior de Vigo» (1932). Encargouse das obras o construtor Xosé Mogimes, grande artífice do templo, que recibía por correo os planos e cartas coas observacións enviadas polo arquitecto dende Málaga, onde residía mentres elaboraba un plan urbanístico para a cidade da Alcazaba. No que foi bautizado en 1933 como Templo Votivo do Mar, Palacios desenvolve unha arquitectura idealizada con raíces galegas, na que mestura o tratamento rudo da pedra co gusto, nos interiores, de xogos cromáticos entre a pedra e a decoración cerámica. Templo emblemático, tamén a obra relixiosa máis representativa  do arquitecto e unha das máis orixinais da arquitectura galega do século pasado.

Relevante foi tamén a intervención de Palacios no desenvolvemento urbanístico da praia de Lourido –concibida por Manuel Lago Lemos, indiano que fixera cartos na emigración arxentina, mecenas das escolas do Val Miñor– que pretendeu (co seu irmán Laureano) transformar en colonia de veraneo, a que chamaron «praia e cidade de verán América Latina», abreviada polo tempo como «Praia América». Urbanización onde Palacios construíu o hoteliño de Sileno, casa do avogado e caricaturista madrileño Pedro Villahermosa, coñecido como «Sileno», a semellanza da vivenda de Palacios na madrileña colonia do Plantío. No seu libro, Álvaro Bonet advirte que outros chalés pioneiros en Praia América Latina foron a Casa de Celso Méndez deseñada por Manuel Gómez Román e a torre Quirosno do arquitecto Emilio Salgado, consideradas erroneamente até hai pouco obras de Palacios, o que non está de máis aclarar cando remata este ano da súa homenaxe.

Espada, valedor de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Luis Espada Recarey, primeiro reitor da Universidade de Vigo e Valedor do cidadán:

Téñolle grande admiración e querenza ao profesor Luis Espada Recarey, a quen considero unha das personalidades viguesas que polo seu coñecemento e criterio ponderado deixa maior pegada no Vigo das últimas cinco décadas. Chegado en setembro de 1976, dende a Universidade Politécnica de Cataluña, para incorporarse como profesor da ETS de Enxeñeiros Industriais, que abriría as súas instalacións prefabricadas (a xeito de barracóns) no mes de outubro, Espada é deses vigueses de adscrición voluntaria, nacido na Coruña en 1940, educado en Ferrol, onde fixo o bacharelato, e doutorado en Ciencias Químicas na Universidade de Santiago e en Química Aplicada na de Manchester. Bolseiro no British Council e nas Forzas Aéreas dos EE.UU., foi investigador  no CSIC dende 1964 a 1971, e traballou en Tarragona como técnico da industria electroquímica de 1971 a 1975.

Traxectoria formativa e profesional de carácter cosmopolita que forxou a personalidade dun docente, investigador e xestor educativo metódico, analítico, ordenado, políglota e galeguista, en definitiva, un científico e profesor de educación superior á altura do seu tempo. Nunha das súas conferencias –sempre didácticas e brillantes, co dato preciso ao discurso– escoiteille o que creo resume o seu ideario educativo, co que me identifico de cheo: «Pídolle aos meus alumnos tres cousas: esforzo, imprescindible para que haxa aprendizaxe; afrontar e aprender dos erros e intentar ser mellor sen pisar nunca a ninguén».

Xaora, Luis Espada pasará a historia de Vigo e a de Galicia como artífice da creación da Universidade de Vigo e como o seu primeiro reitor desde o 19 de setembro de 1989. Responsabilidade como xestor educativo, á que non foi allea o seu éxito no desempeño como delegado do reitor da USC no Campus de Vigo no curso 1988-1989, cando se forxou o proceso de segregación, sendo reitor o profesor Carlos Pajares, conselleiro de educación Aniceto Núñez e presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe, o que probablemente acelerou un proceso, que se iniciara na década anterior, coa reivindicación da chamada Universidade do sur de Galicia.

Espada asumiu a reitoría durante cinco difíciles cursos, período decisivo no que se construíron oito edificios, recrutouse profesorado para as titulacións que corresponderon á UVigo no reparto de segregación, redactáronse os plans de estudos e os Estatutos, establecéndose, en definitiva, as infraestruturas e bases organizativas da que dende entón foise consolidando como a décimo segunda universidade española. Traballo como xestor e líder educativo polo que foi galardoado como Vigués Distinguido (1990) e polo que recibiu a Medalla da Cidade de Vigo (1994), a Medalla Castelao (2012) e Medalla Amigo Distinguido (2012) outorgada pola Asociación Alumini da UVigo. Labor de despacho que non impediu unha ampla produción investigadora e a publicación de medio cento de libros.

Outra extraordinaria contribución de Espada á cidade de Vigo foi a súa dedicación á defensa dos dereitos e intereses da veciñanza como Valedor do cidadán desde que foi nomeado en 2002 polo Pleno do Concello de Vigo, co apoio de todos os grupos, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo. Un comisionado inédito en Vigo, do que só existía a experiencia da súa creación en tres concellos (Girona, Badalona, Xixón), que no eido local conta con competencias semellantes ás do Defensor del Pueblo ou Valedor do Pobo. Espada, como fixera coa creación de UVigo, inventou dende cero esta figura, contando apenas coa experiencia adquirida na presidencia da Comisión Permanente de Defensores Universitarios (2000-2003). Responsabilidade, asumida sen remuneración ningunha durante vinte e dous anos, que á hora da despedida ofrece números espectaculares, que representan a súa dedicación e defensa da veciñanza: case 15.000 intervencións, 1.600 expedientes abertos, 38 actuacións de oficio e os correspondentes informes anuais, redactados con independencia e autonomía con respecto ao concello.

Entre as actuacións de oficio destacan as recollidas no formato monografía nas que abordou –dende a perspectiva do planeamento estratéxico a longo prazo, que os diversos gobernos municipais foron abandonando polas urxencias electorais– temáticas relacionadas co cambio climático e a cidade sustentábel (2018), coa contaminación acústica (2019), co asociacionismo cultural (2014), coa seguridade cidadá (2013), coa mobilidade (2009), co aparcamento disuasorio (2010), coa pobreza e a exclusión social (2012), por citar as máis recentes. Grosos volumes dirixidos polo profesor Espada nos que se utiliza a metodoloxía do científico e enxeñeiro e a ollada empática e asertiva do humanista. Espada como valedor de Vigo merece todos os parabéns e gratitudes.

Día escolar pola paz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar as primeiras celebracións en Vigo do Día escolar pola paz (30 de xaneiro):

A primeira celebración en Galicia do Día escolar pola paz (30 de xaneiro) aconteceu en Vigo en 1983, hai polo tanto corenta e dous anos, promovida polo profesor Xesús R. Jares, no Colexio Público García Barbón dirixido pola profesora Marina Cabeza. Unha efeméride instituída en 1964 polo inspector de educación mallorquín Llorenç Vidal co nome de Día escolar de la no violencia y la paz (DENYP), en conmemoración da morte de Gandhi. Celebración que coincidiu coa fundación, tamén en Vigo, do grupo de Educadores pola paz dentro de Nova Escola Galega (NEG) co obxectivo, entre outros, de sensibilizar sobre a necesidade de incorporar nos proxectos educativos de todos os niveis e áreas os valores da paz, a convivencia democrática, os dereitos humanos e a solidariedade. Intencións educativas ás que en 1983 non eran alleas á conxuntura mundial presidida pola atolada carreira con armamento nuclear entre os dous bloques. Como non ignoraban que naqueles cursos non rematara o proceso de cesión ás comunidades autónomas das competencias educativas e tampouco se realizara a necesaria mudanza curricular democrática, que chegaría coa LODE (1985) e LOXSE (1990).

Da celebración do día escolar pola paz nun centro, que contou co apoio das familias e a vinculación das actividades extracurriculares con este proxecto, pasouse o ano seguinte (1984) a súa convocatoria pública, a participación dunha ducia de centros de Vigo e bisbarra, ademais de ser secundada polos departamentos de educación dos concellos de Vigo e Santiago cuxos alcaldes, Manuel Soto e Xerardo Estévez respectivamente, emitiron cadanseu bando (textos históricos) animando á veciñanza a celebrar a efeméride do 30 de xaneiro. Apoios aos que se engadiu o pronunciamento do entón conselleiro de Educación, Víctor Vázquez Portomeñe, recomendando aos centros a celebración da data, que sería incorporada ao calendario escolar en 1988 co goberno presidido por Fernando González Laxe. Entre as actividades de concienciación desenvolvidas en Vigo destacaron a primeira concentración de estudantado e profesorado pola paz (unhas mil persoas na rúa do Príncipe) e a realización de varios programas radiofónicos. Como quedou para a historia a publicación o 18 de xaneiro de 1984 dun monográfico sobre Educación para Paz no número 14 do suplemento de educación «A Pizarra» do xornal Faro de Vigo. Escrito por Xesús R. Jares e por min mesmo, incluía un texto literario precioso, «Néstor e os crepúsculos», de Paz Raña Lama. Monográfico que Faro de Vigo repetiría o 27 de xaneiro de 1985, coa incorporación de traballos de escolares no caderno «O Pizarrín».

Aquela celebración de 1984, argallada por Xesús R. Jares, falecido en 2008, pasará a historia da educación en Galicia polo lanzamento do «Manifesto dos ensinantes galegos pola paz e o desarme», elaborado polos membros de NEG de Vigo e Ourense, coa intención de denunciar a carreira de armamentos, a importancia da presión pública internacional para adoptar medidas de desarme e a reivindicación da Educación para a Paz como elemento esencial para conseguir a paz no mundo. Texto que conseguiu 920 sinaturas de profesionais galegos da educación. Como impacto cidadán obtivo en Vigo a celebración entre o 13 e o 18 de xaneiro de 1984 das «Primeiras Xornadas de Educación para a Paz», que terían continuidade nas edicións de 1985 e 1986, celebradas co aforo sempre completo no Auditorio da rúa Rosalía de Castro da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, entidade tamén patrocinadora.

Hoxe o mundo non é aquel universo bipolar de cabezas nucleares anterior ao derrubo do muro de Berlín. Porén, a Educación para a Paz e os dereitos humanos, como a celebración do 30 de xaneiro, son tan necesarias como hai corenta anos. Hoxe o mundo transformouse nun espazo multipolar, onde non cesan as guerras locais e non se respecta nin o dereito humanitario nin a autoridade das Nacións Unidas. Velaí o que sucede co xenocidio palestino (con 41.000 vítimas estimadas), mais tamén en Ucraína ou nas guerras agochadas de África. Velaquí a estigmatización actual das migracións pola dereita extrema, os milleiros de vítimas nas fronteiras (só no Mediterráneo case trinta mil persoas na última década. Por non falar da precaria saúde do planeta, ameazada polo negacionismo climático, encabezado polo actual presidente dos EE.UU., apoiado polas multinacionais tecnolóxicas, mais tamén, non o esquezamos, polas petroleiras e polo complexo militar industrial, que reclama aos membros da OTAN o incremento da porcentaxe do PIB dedicado a defensa até o 5%. Como hai catro décadas, a cultura de paz e do respecto aos dereitos humanos non pode considerarse apenas un obxectivo educativo máis, cando forman parte esencial das finalidades da educación. Paga a pena reparar no 30 de xaneiro.

Bibliocidade

Manuel Rivas agasallou á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña un limiar memorable, «O ecosistema do libro», para abrir o libriño de Arturo Iglesias As luces dos libros na cidade do faro, que forma parte da serie de roteiros do proxecto «A Coruña Literaria». O autor d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) celebra no preludio que a súa sexa unha bibliocidade, pertencente ao universo da lectura e do libro, obxecto que presidiu de forma intermitente o escudo da Coruña dende 1837 e desaparecería da heráldica herculina en 1937 co goberno municipal franquista. O libro de Iglesias é un fermoso percorrido gráfico por catorce das bibliotecas coruñesas, número envexable para esta bibliocidade que en outubro de 2023 contaba con 115.904 bibliocidadáns, se por tales entendemos as persoas que contan co seu carné de usuarias, cifra moi superior ás do Deportivo. Rivas define as bibliotecas como un «ecosistema da des-extinción», «un refuxio da diversidade fronte o baleiro», un lugar físico ocupado por persoas de diferentes xeracións, procedencias, xéneros e pensares; mais tamén un espazo psicoxeográfico, onde conviven a veciñanza actual cos seres da memoria fértil, a imaxinación e a descuberta. Rede bibliotecaria entupida que constitúe o pulmón deste ecosistema coruñés, en diálogo permanente cunha modélica rede de bibliotecas escolares e coa completa programación dos clubs de lectura e das asociacións culturais. Ecosistema que conta, ademais, cun detallado mapa literario de autorías e obras e doutros compoñentes librescos: unha decena de editoras en lingua galega en excitación creativa permanente; un tecido libreiro resistente, diverso e creativo; un calendario de festivais literarios consolidado, dende a Feira do Libro e Viñetas desde o Atlántico de agosto até as convocatorias do ciclo Poetas Di(n)versos; a Residencia 1863, modélico espazo de produción literaria creativa… O caso da Coruña literaria merece recoñecemento, máis aínda cando forma parte da identidade desta bibliocidade.

Publicado en Nós diario: 22/01/2025

Museo de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao plan estratéxico da rede de museos municipais de Vigo:

O Plan Estratéxico da rede de museos municipais de Vigo, formada polo Museo de Castrelos, Verbum, Pinacoteca, Casa Galega de Cultura e Casa das Artes, así como o incremento nun 25 % das partidas orzamentarias de 2025 destinadas a súa posta en marcha, supón un cambio de orientación tan radical como esperanzador da até agora rutineira política de museos do goberno municipal de Abel Caballero. Cinco museos que reorganizan os usos e instalación das súas coleccións no período 2024-2026, atendendo aos criterios de identidade, memoria e contemporaneidade, coa intención de facelas máis atractivas para os diversos públicos como centros formativos, de investigación, divulgación e lecer.

Así, o Museo Quiñones de León do Parque de Castrelos –ás portas da celebración do centenario da súa pertenza ao concello– quedará como museo monográfico centrado no valor do seu edificio e dos seus xardíns. O Verbum, creado en Samil con fondos europeos en 2003 como Casa de Palabras e proxectado como centro interactivo arredor da comunicación, tras anos de abandono e fracaso do deseño expositivo, converterase en museo da cidade, dedicado á historia de Vigo, con especial atención á organizar as coleccións arqueolóxicas, até agora depositadas en Castrelos. A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, aberta en 2011, tras reconverter na rúa Ferraría o Pazo de Arias Taboada, acollerá a colección Colmeiro e exposicións pictóricas temporais. A Casa das Artes, inaugurada en 1990 no edificio do Banco de España, manterá a súa función de espazo municipal principal de exposicións temporais e sede de coleccións municipais como o Arquivo Pacheco, o legado do pintor Luis Torras e a Fundación Laxeiro. Mentres a Casa Galega da Cultura na praza da Princesa continuará como espazo expositivo temporal, auditorio e sede da Biblioteca Penzol e da Biblioteca e do Museo Fernández del Riego. Rede á que se deberían incorporar as musealizacións do monte do Castro (Poboado castrexo e Muralla) e da vila romana de Mirambell no Vao.

Nova estratexia para a importante rede de museos municipais, que constitúe arredor da metade da oferta dos museos vigueses de carácter público e privado, cos que debería artellar fórmulas de colaboración e complementariedade. En primeiro lugar, co Museo Marco de Príncipe e o Museo Etnográfico Liste da Pastora, onde o concello de Vigo é o principal mecenas. Máis tamén co Museo do Mar de Galicia de Alcabre, do Centro Arqueolóxico Salinae de Rosalía de Castro, da anunciada sede do CGAC no Casco Vello ou do futuro Teatro Cine Fraga, dependentes todos da Xunta de Galicia. Como tamén coas iniciativas do importante Arquivo do Porto de Vigo ou do observatorio submarino Nautilis, ambas as dúas da Autoridade Portuaria.

Sen esquecer contar cos centros e coleccións privadas existentes en Vigo. Velaí os espazos expositivos da sede de Afundación de Policarpo Sanz, o Museo do Celta en Balaídos, o Museo Anfaco da industria conserveira, instalado no Campus das Lagoas da Universidade de Vigo, a colección de vehículos fabricados na planta do Grupo  Stellantis (un auténtico museo do automóbil nas últimas seis décadas), a colección de traballos da ourivaría Hernández, as pezas de louza de Álvarez ou as maquetas dos estaleiros da ría (inicio posible dun museo de artes decorativas).

Panorama dos museos vigueses no que habería que contar coa recuperación do Centro Galego de Fotografía e Cinema do Casco Vello, proxecto incomprensiblemente sacrificado para instalar a sede administrativa da Deputación, onde albergar o impresionante patrimonio audiovisual vigués e galego, poñendo de vez en valor a fototeca viguesa e galega, dende o arquivo Pacheco, a colección Vigovisións, pasando polos fondos dos grandes fotógrafos afeccionados vigueses como Terré, Rainiero Fernández até o regreso de coleccións fotográficas como as do Arquivo Llanos, hoxe no Museo Etnográfico de Ribadavia.

Todos estes museos públicos e coleccións privadas conforman de facto o auténtico Museo de Vigo, ese que hoxe non existe nin na documentación nin aparece no rueiro, mais que como ampla rede de colaboración se presenta para gozo da veciñanza e dos que nos visitan, constituíndo un patrimonio de valor incalculable que coas súas luces propias se estende pola cidade enteira. Secasí non sería disparate ningún que ese Museo de Vigo puidese contar con sede de seu, como Centro de Interpretación do Vigo Metropolitano (CIVM), instalado nunha Panificadora por fin recuperada, como icona do Vigo do século XXI. A creación dos contidos de Historia de Vigo para o novo Verbum, renomeado como Museo da cidade de Vigo, con criterios museográficos actuais, presentado tamén de forma virtual, constitúe unha oportunidade magnífica para iniciar os contidos do futuro CIVM da Panificadora.