Marcelino García Toral, no seu partido 400 en primeira división, non agardaba atopar un Celta tan bravo. O veterano adestrador do Villarreal, con vinte e oito tempadas nas costas, probablemente, preferiría agora terse enfrontado a aquel Celtiña conformista e amable de Benítez da primeira volta no estadio da Cerámica, ao que gañaron por un axustado 3-2. Un Celta virado agora polo debutante Claudio Giráldez nun cadro afouto e incómodo, orientado con toda a determinación a obter os tres puntos e liscar a lume de carozo das posicións de descenso. Foi o de onte un encontro emocionante e fermoso para os vinte mil celtistas que acudimos ao coliseo do Fragoso, xa que houbo alternativas na lameira e no marcador, goles ben bonitos nas dúas portarías e lances polémicos resoltos polo VAR, que mantiveron moi elevados as pulsacións dos espectadores até esgotados os minutos de tempo engadido. Terceira vitoria de Giráldez, tamén terceira remontada, tan traballada como merecida, que deixa ao Celta en posición bastante segura, aínda que precise, probablemente, dunha nova vitoria nos catro partidos (difíciles) que restan da competición.
Non cabe dúbida que as intencións de ambos os dous adestradores quedaron claras: as de Marcelino non desengarcharse das opcións europeas; as de Claudio contabilizar tres puntos que afastasen ao Celta o máis posible do Cádiz e Mallorca, os seus rivais directos. Un partido xogado sempre a cara de can, no que dende a primeira xogada, finalizada por Aspas cun xute cruzado que lambeu o pao longo, o Celta buscou a porta visitante. Intención que compartían os xogadores do submarino amarelo, que responderon axiña asoballando ao Celta con clara superioridade na posesión, que Alberto Moreno levou ao marcador xa no minuto 12 cun grande xute que bateu a Guaita. Ao Celta, outra vez, tocáballe remar contra corrente. O que, quizais, non contaba Giráldez foi co erro de medida do vigués Santi Comesaña, que recibiu catro minutos despois cartón vermello (previa chamada do VAR) por unha dura entrada a Williot a oitenta metros da súa portaría. Un lance, que deixaba aos visitantes en inferioridade numérica, que resultaría decisiva para o devir do partido. Tamén catro minutos despois, Aspas forzou arteiramente un penalti, tras ser agarrado de forma inocente por Baena, que o noso Merlín executou coa maior solvencia. E co marcador igualado e superioridade numérica, as tornas, claro está, volvéronse máis celestes.
Comezou, entón, a brillar a valente proposta de Giráldez, que conforma un novo once para cada partido no que conta con todos sen excepcións. Desta volta as novidades foron o regreso á defensa de Starfelt e Manquillo e a primeira titularidade de Damián Rodríguez, coa intención de acompañar a Beltrán na zona central. E non decepcionou o rapaz de Ponteareas no seu debut, tanto polo rigor na condución do xogo como pola asistencia memorable que lle fixo a Larsen, tras un saque de recanto en curto, que o noruegués aproveitou no minuto 39 cunha preciosa cabezada picada. Un gol que demostra que a pizarra de Giráldez funciona tamén en Primeira, como o facía tantas veces co Fortuna na categoría non profesional. Mágoa que a diferenza non aumentase no 46’, tras outra cabezada de Larsen, que aproveitaba un novo gran pase de Aspas en estado de graza. Ao inicio do segundo acto, o Celta estragou dúas posibilidades clamorosas de liquidar o partido, outra vez Larsen ao traveseiro e sobre todo un xute ao pé do pao dereito de Luca de la Torre, que substituíu a Damián sancionado con cartón amarelo. Marcelino respondeu abrindo o partido cun vestiario onde lle sobran opcións de gran calidade. E coa pelota de ida e volta, no 67’ Guedes empatou, tras un roubo en campo propio, precedido de probable falta, e un bo movemento de Sorloth, sempre un pesadelo para Jailson e Starfelt.
Con máis de vinte minutos por diante, Giráldez non se conformaba cunha igualada e sacou a Carles e Douvikas. O Celta dirixido desde o medio centro por Aspas cunha autoridade asombrosa foi a polo partido. Cando Balaídos vibraba entre o medo e a afouteza, Iago fabricou un pase de fantasía para que Douvikas na súa primeira intervención no 82’ cabecease en prancha superando de forma inapelable a Jørgensen. Un gol marabilloso e decisivo co que tremeu o coliseo noso, que demostra a calidade goleadora do grego e o peso que neste Celta ten Aspas, onte como en tantas outras xornadas o mellor xogador sobre a lameira. E con dez minutos por diante, o mago de Moaña, contando coa vella escola de Mingueza e Jailson, dirixiu a posesión e defensa de tan importante resultado. Outra boa tarde dos de Giráldez, que recibiron os máis agarimosos aplausos de tan difícil temporada.
Publicado en Faro de Vigo: 06/05/2024