#GrazasHemato

Abracei por vez primeira a Hematocrítico interrompendo unha sinatura multitudinaria na feira do libro da Coruña. Acababamos de publicar a edición de Feliz Feroz. O lobiño riquiño (Xerais 2016), que fixera Anaír Rodríguez, dende entón a voz da súa obra en galego. Confeseille atrapallado que era un seguidor das súas novelas gráficas e do seu perfil en Twitter, que como director da editorial agradecía as súas facilidades para incluír o seu primeiro libro infantil na nosa colección Sopa de Libros. Moito lembrei estes días aqueles tres minutos alborais con Hemato, como o seu sorriso que contaxiaba afecto, cando choramos incrédulos o seu pasamento. Unha dor que nos estremece mitigada apenas pola lectura do seu bosque dos contos, oito libros xeniais, extraordinarios, outras tantas trabes de ouro da nosa literatura infantil. Un legado literario con vontade de clásico onde identificamos a voz de autoridade do lobiño riquiño, que coas modulacións e as pausas do humor e do agarimo esnaquiza os prexuízos rancios dos personaxes do conto clásico europeo sen modificar o relato identificado de xeración a xeración. Voz do lobiño que utilizaba en todos os proxectos creativos nos que participaba, fosen literarios ou audiovisuais, para a infancia ou para público maior. A voz do mestre que coñece os temas e rexistros da conversa da súa picariñada (como hai tres décadas fixeran os mestres Agustín e Docampo), matizada polos contidos máis diversos do relato de quen leu durante dúas décadas un conto diario ao seu alumnado cativeiro. Foi a de Hemato unha obra subversiva, revolucionaria, como as obras proxectadas pola súa alcaldesa vermella, como disrutivo foi o seu perfil branco e violeta de Twitter, compartindo azos, beleza e retranca a esgalla, os mellores antídotos para protexernos do xurro de odio e falsidades que luxan as redes. Grazas Miguel por legarnos a voz do lobiño. Na túa memoria compartirei con Montse e Ledicia outro arroz con lumbrigante con recendo de Laredo. #GrazasHemato

Publicado en Nós diario: 06/12/2023

Vigo porto cosmopolita

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Vigo puerta del mundo (Faro de Vigo 2023)  libro póstumo de  Ceferino de Blas:

Non sabía o meu admirado Ceferino de Blas que pecharía a súa obra sobre a historia viguesa cun libro sobre o porto que titularía Vigo, puerta del mundo, do mesmo xeito que aparecía na cabeceira da sección de información marítima que Faro de Vigo publicaba na súa derradeira páxina dende 1949. Coincidencia de título do seu libro (infelizmente) póstumo e o da sección portuaria daquel Faro dirixido por Francisco Leal Insua que –ademais de compartir un sintagma afortunado entre dous directores que mudaron o rumbo do xornal en momentos decisivos– amosa a permanente atención do actual decano sobre todo o que sucede no porto e na ribeira, celme da propia cidade, tanto polas súas actividades (marítimas, pesqueiras, comerciais…) como pola súa achega á conformación da identidade de Vigo como urbe cosmopolita e moderna, inicio dos camiños do mar cara os portos do norte de Europa e os do continente americano. Unha relevancia estratéxica portuaria viguesa, un indiscutible referente do tránsito marítimo internacional, enlace perfecto para comunicar dous continentes, como se poñía de manifesto en 1817 nun documento excepcional, que se pode ver na exposición «Vigo no tempo», a «Carta esférica do globo terráqueo na que se trazan as derrotas desde a ría e porto de Vigo cos principais portos das posesións españolas de ultramar».

En Vigo, puerta del mundo (Faro de Vigo, 2023) Ceferino de Blas ordena cronoloxicamente a historia atractiva dos viaxeiros en tránsito que visitaron Vigo entre 1875 (ano de despegue da cidade, no que comeza a construción do peirao do comercio e chega o tren ao porto) e 1965 (cando foron desaparecendo as liñas marítimas transoceánicas substituídas polas aéreas). Un relato prologado por visitas lendarias, como as do romano Xulio César ou Afonso IX (1201) ás illas Cíes, as tres de Sir Francis Drake que arrasou a cidade en 1589, a probable do explorador alemán Alejandro Humboldt (1799) ou a de George Borrow (1837), que despois de ruar pola cidade e subir ao Castro escribiu que a de Vigo «é a baía máis segura do mundo, na que caben máis de mil barcos, sen estorbarse». Visitas algunhas fascinantes, que deixaron pegada na historia da cidade, como as dúas do novelista Jules Verne, a da bailarina e espía Mata Hari (1916), as dos científicos Albert Einstein (1925) e Giulielmo Marconi (1928). Estancias, outras, menos coñecidas, como a do escritor e xornalista francés Gaston Leroux (1904), que chegou a Vigo para entrevistar ao científico e explorador sueco Otto Nordenskjold de regreso do Polo Sur no transatlántico Tijuca, que ademais lle permitiu coñecer o sucedido na baía nosa en 1702 e escribir dúas novelas sobre os tesouros de Rande A batalla invisible e O capitán Hix, ambas publicadas en 1917.

Ademais de contar estas visitas de varios centos de persoeiros, Ceferino de Blas ocúpase en Vigo, puerta del mundo, de abordar o relato de episodios relevante da historia portuaria viguesa, como a batalla de Rande (1702), as expedicións dos cazatesouros (dende 1720 a 1955), o regreso dos repatriados da guerra de Cuba (1898-99), os primeiros visitantes ingleses (1910) ou a primicia informativa viguesa do afundimento do Titanic (1911), entre outras. Con todo, para min a máis atraente destas historias para a cidade é a da liña marítima entre Vigo-Nova York inaugurada o 16 de xuño de 1920 polo magnífico vapor Mongolia da compañía American Line que recolleu a 900 pasaxeiros (a maior parte emigrantes) con destino a cidade norteamericana, travesía de oito días cun prezo en terceira clase de 565 pesetas. Servizos transatlánticos suprimidos, primeiro durante a Guerra Civil, despois durante a Guerra Mundial, que serían recuperados entre 1948 e 1949 para os portos de Sudamérica (Santos, Rio de Janeiro, Montevideo, Buenos Aires…), cos que durante dúas décadas se mantivo un importante fluxo migratorio.

Xaora, como fixera nun dos seus libros máis recentes, Cíes. Las islas de Vigo (Faro de Vigo 2020), de Blas non esquece o IIIº Congreso Internacional de Poesía, celebrado entre o 23 e o 28 de xullo de 1954, no que un cento de poetas, coordinados por José María Castroviejo, visitaron as Cíes. Unha travesía pola ría coa que pecha o seu libro máis narrativo, novidoso e de lectura máis engaiolante. Publicación que coincide coa homenaxe que os membros do Instituto de Estudios Vigueses (do que era membro activo) lle rendemos no número 28 de Glaucopis, correspondente a 2023, onde aparece por vez primeira recollida toda a súa bibliografía, dezasete libros individuais e outros tantos ensaios en publicacións colectivas. Bo sería que o concello de Vigo recoñecese anualmente o legado literario de quen foi o seu cronista oficial por medio da convocatoria anual dun premio Ceferino de Blas a traballos sobre a historia de Vigo.

 

Culturgal

Desde a primeira edición de 2007 organizada no Pazo da Cultura de Pontevedra pola Asociación Galega de Editoras, Culturgal mantívose como lugar de encontro anual entre públicos, profesionais e creadoras das diversas industrias e manifestacións culturais galegas. Renomeada nesta décimo sexta edición como «Feira das Culturas Galegas», continúa mantendo o seu carácter de evento cultural de referencia en Galicia, grazas tanto a súa organización por parte da asociación Culturgal, formada por cinco entidades profesionais, como ao seu patrocinio por parte doutras tantas administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Cultura, Concello de Pontevedra e deputacións da Coruña e Pontevedra). Un tecido de acordos e achegas públicas e privadas, renovado en cada edición (nun país onde é pouco frecuente que callen os acordos intersectoriais e aínda menos entre administracións de cores diversas), capaz de consolidar un evento de calidade do que se senten orgullosos tanto as organizadoras e patrocinadoras como os públicos participantes. Culturgal entendeu que a súa maior forza residía nos seus públicos, dende o familiar ao profesional, que fixeron da feira pontevedresa un espazo amigable de encontro e de descuberta das novidades de cada sector (libro, música, escena, audiovisual, artes plásticas…) e das iniciativas culturais cada vez máis diversas e transversais. Como Culturgal arriscou a que os seus públicos asumisen o pagamento dunha entrada accesible como un exercicio corresponsable, o que comprometeu á organizadora a facer da feira un espazo máis confortable e cada ano novidoso nas súas programacións e propostas. Con estes vimbios e a experiencia acumulada por varias direccións e equipos de xestión, o Culturgal 2023 asume o reto da ampliación do seu perímetro con actividades en Vigo e co deseño de numerosas iniciativas hibridadas vinculadas a diversos soportes e artes. O de Culturgal é un éxito colectivo da nosa cultura e das súas industrias que ben merece ser recoñecido.

Publicado en Nós diario: 29/11/2023

Máquinas Refrey

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á empresa Refrey de máquinas de coser e a súa achega ao emprendemento industrial de Vigo:

A factoría romana de salgadura e garum (mollo) do século I, soterrada no soar da actual rúa Marqués de Valadares 39-41, cuxa actividade os arqueólogos estiman se mantivo até o século IV, é moi probablemente a fábrica viguesa máis antiga. Unha primeira luz industrial, marítima e pesqueira no Vigo romano que dende o Areal mantiña comercio marítimo con outros portos do Mediterráneo. Actividades recuperadas timidamente no porto da vila de Vigo, mais moi robustecidas tras o seu recoñecemento como cidade (1810) e a acumulación de capital da primeira burguesía de industriais e fomentadores, que transformaron radicalmente a trama urbana viguesa ao longo do século XIX. Un Vigo industrial onde Víctor Curbera en 1861 abriu a primeira fábrica de conservas herméticas da ría e onde dous anos despois Antonio Sanjurjo Badía fundou La Industriosa, taller de fundición no Areal, onde en 1868 montará a primeira máquina de vapor e en 1875 a primeira locomotora. Un Vigo xa netamente fabril que hai cen anos ocupaba a máis de cinco mil persoas, a maior parte mulleres, na industria conserveira e outras tantas nos dezaseis estaleiros da ría que comezaron a ensaiar cos seus guindastres a característica caligrafía da nosa liña do ceo.

Coa intención de indagar nesa trama industrial da identidade viguesa na exposición «Vigo no tempo» (VT) escollemos varias pezas senlleiras, dende un gran óleo de Manuel Moldes de máis de dous metros de largo (representación onírica do «Vigo traballa», 1986) e unha fermosa litografía sobre cristal de La Sociedad La Artística, pasando por un reloxo de fichar da conserveira Albo e un enorme lavabo de mans de 1926, utilizado polas empregadas da conserveira Massó, e unha fotografía da liña de fabricación do Citroën 2C AZU, até unha máquina de coser Refrey, modelo CL 317 (Ca. 1955), procedente da Escola Municipal de Artes e Oficios, peza que para nós representa quizais mellor ca ningunha outra tanto a diversidade do emprendemento industrial e fabril vigués como a achega decisiva das obreiras e costureiras viguesas durante varias décadas do século XX. Unha máquina de coser, conservada sobre mesa de madeira nobre, como tantas outras aínda existentes nas casas das nosas nais ou avoas, coas que elas nas décadas dos cincuenta, sesenta e setenta en horas interminables e moi avanzadas de costura tanto axudaron a sacar adiante as súas familias numerosas.

Ben se sabe en Vigo que Refrey foi unha industria moi singular, nacida en Bouzas a partir de Construcciones Navales P. Freire, o estaleiro fundado por Paulino Freire Piñeiro en 1895, coa intención de reparar e construír os pesqueiros da súa propia armadora, que hoxe felizmente continúa a súa actividade produtiva tras catro xeracións en mans da mesma e ampla familia. Foi Manuel Ramón Freire Gestoso, neto de Paulino, quen se ocupou de dirixir o proxecto bautizado como Refrey (o apelido Freire ao revés), tras obter en xuño de 1943 a patente para fabricar unha máquina de coser universal e en zig-zag con lanzadeira rotativa. Tras a exitosa presentación do prototipo na Exposición Industrial de Galicia (1944), catro anos despois comezaron a venderse as primeiras  Refrey fabricadas na planta de Bouzas por 200 obreiros, onde se fundían en ferro a carcasa de cada peza e se fabricaban e montaban todos os compoñentes mecánicos. Un lanzamento moi afortunado, dunhas máquinas de calidade e prezo accesible para uso doméstico, que contaba cunha importante rede comercial en toda España (que se chegou a ampliar a Chile e Venezuela), das que chegaron a venderse trinta mil nun mesmo ano, que competían coas marcas vascas, Alfa e Sigma. A finais dos cincuenta, Refrey comezou a fabricar máquinas industriais, obtendo un liderado indiscutible neste sector (unha cota de mercado do 60% nos anos 70), colaborando especialmente con empresas téxtiles como a redondelá Regojo, a produtora das icónicas camisas Dalí, onde se probaron moitas das súas innovacións técnicas.

No marco da profunda crise industrial dos oitenta, que afectou na área metropolitana de Vigo a case todos os sectores fabrís, dende o naval e a conserva ao da louza, mais tamén ao téxtil (non esquezamos que a factoría de Regojo pechou en 1987), a familia Freire decidiu en 1992 abandonar a actividade e vender o soar que ocupaba Refrey no centro de Bouzas. O proxecto foi continuado polos traballadores que constituídos en Sociedade Anónima Laboral en 1996 montaron en Mos Marcofrey, mágoa que dez anos despois se verían obrigados a pechar por falta de vendas. Unha historia a de Refrey con final amargo, sen a que non se podería entender nin o actual desenvolvemento da industria téxtil en Galicia nin a propia memoria emocional viguesa, onde estas máquinas de coser representan un tempo de precariedade e de resistencia feminina.

 

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

O Vigo primeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas das pezas da exposición «Vigo no tempo»:

Nas visitas guiadas á exposición «Vigo no tempo» (VT) entre as fontes documentais varias pezas chaman moito a atención das visitantes: o primeiro documento onde aparece citado Vigo (1097), procedente do Arquivo Histórico Nacional de Madrid, Tombo I de Melón; o primeiro plano da vila de Vigo (1597), procedente do Arquivo Xeral de Simancas; e a concesión outorgada por Fernando VII do título de «cidade nobre, leal, fiel e valorosa» a favor de Vigo (1810), procedente do Arquivo Municipal de Vigo. Documentos orixinais nos que a veciñanza viguesa máis curiosa pode indagar no celme da súa identidade, tres pezas que funcionan como chaves explicativas doutros tantos momentos decisivos da súa historia. O de 1097, a constitución da vila e o despregue intenso da poboación na ría e no Val do Fragoso do século XI en diante, como amosa a extensa rede de igrexas románicas (presente no apartado do «Miradoiro»). O de cinco séculos despois,  a necesidade de amurallar a vila para defendela durante a Idade Moderna dos ataques que chegaban polo mar. E o de 1810, confirmado con outro posterior de 1819, ambos os dous asinados polo rei felón, o comezo da maioría de idade de Vigo como cidade e a súa consciencia colectiva de constituírse como tal.

O datado o 9 de agosto de 1097 trátase dun pequeno pergameo manuscrito en latín transcrito íntegro por José de Santiago Gómez na súa Historia de Vigo y su comarca (1896), e citado despois por Xosé María Álvarez Blázquez en A cidade e os días (1960), que constitúe o documento máis antigo que se coñece referido a Vigo. Trátase do testemuño da sentenza sobre o litixio mantido entre os veciños de Vigo e os de Canadelo respecto aos lindes de ambos os dous lugares, que eran o alto da Besada, o Carballo e a Mámoa, así como outros accidentes naturais e lugares de cultivo (o arroio, o cerro, o mar e os campos de herba…). Unha acta notarial na que aparecen os nomes dos que hoxe podemos considerar os primeiros vigueses, Afonso Vigoyz e Ramiro Oduariz e Cencoy, protagonistas deste litixio de marcos, e os primeiros veciños do barrio do Canadelo, Eñego Vermuiz, Petro Vermuiz e Ramiro Petriz. Nomes aos que engadir os das testemuñas, Petro Nebula, Petro Toeriquiz, Osevo Golester, entre outras, que foron, segundo a cédula, «pondo os seus pés ao longo da demarcación en litixio», asinada polo notario Joannes e os abades Morio e Nigro.

Ten tamén grande interese para a nosa cidade que sexa exposto por vez primeira en Vigo o «Plano esbozo de Vigo (1597)» atribuído a Leonardo Turriano, enxeñeiro militar italiano ao servizo de Filipe II, depositado no arquivo de Simancas, primeiro coñecido, sen escalas, mais con distancias indicadas. Amosa unha vila de Vigo pletórica, cuxa fasquía apenas variará en 250 anos, debuxada probablemente antes de ser arrasada por Drake, que segundo o arquitecto Xaime Garrido contaba con 650 casas e unha veciñanza aproximada de 4.500 habitantes. Tiña unha forma de «H» inclinada, cos brazos saíntes unha cara ao Berbés e outro cara ao Areal, onde se identifica o fondeadoiro. Distínguese o centro da vila, a actual praza da Constitución, e ao seu redor as prazas da Herba e da Leña; a rúa Real que chega á praia do Berbés, a rúa da Ferraría e a súa prolongación na de Santiago até a Falperra. Na liña de costa polo norte envolve o núcleo urbano, entre dúas enseadas, a formada polo «porto das barcas e todos os xéneros de naos e navíos» (hoxe recheo do ensanche de García Olloqui), e o oeste a da praia do Berbés, onde aparece rotulado «porto das Barcas». Identifícase o nome de Santa Marta, capela fundada polos cistercienses de Melón  (hoxe igrexa e convento de San Francisco). O máis curioso deste perfil de costa é o «muelle» (embarcadoiro) que aparecía no cabo da Laxe, para Xaime Garrido, quizais o primeiro peirao construído en Galicia. As vivendas aparecen en socalcos en paralelo á ría e no outeiro identifícase a ermida de Santa María do “Clastro”. Na lenda dáse conta da existencia de apenas «cinco pezas de ferro labrado, perdidas sen ningún aprecio nin valen nada», o que advirte das dificultades para a súa defensa.

Vigo primeiro do que se identifican outras pegadas novidosas en «Vigo no tempo», dende os expedientes citados de declaración de cidade, pasando polas mudanzas do seu escudo, do que decaeu en 1811 a vieira, tras a abolición do señorío do arcebispado de Compostela, e no que se mantivo a oliveira como a primeira icona viguesa, até a exposición do primeiro número do Seminario Patriótico de Vigo de 2 de maio de 1823, o primeiro periódico de Vigo nacido para apoiar a causa liberal e defender a capitalidade provincial viguesa, aprobada durante o Trienio Liberal, ou do primeiro número de Faro de Vigo de 3 de novembro de 1853, comprometido xa aquel día «en canto o permitan nosas forzas ao fomento dos intereses de Galicia».

Librarías

Coincidindo con San Martiño (os trompos ao camiño) e os primeiros magostos, celebrouse o sábado o día das librarías, data incluída dende hai doce anos no calendario galego do libro e da lectura. Concibida como inicio da campaña de vendas de Nadal, anticipándose aos descontos do Black Friday (24 de novembro) que están en voga noutros sectores do comercio, a Federación de Librarías de Galicia convidou aos públicos lectores a visitar durante esta xornada calquera das súas 147 librarías asociadas (o 80 % das que estimamos abertas en Galicia) para participar en actividades de promoción de libro e de recomendación lectora. Unha xornada necesaria para o recoñecemento do papel esencial das librarías independentes tanto no desenvolvemento cultural e educativo de cadansúa comunidade local como do seu comercio de proximidade resistente á homoxeneización da distribución centralizada. Un sector que en Galicia facturou no pasado ano cincuenta nove millóns de euros (a prezos de capa), dos que estimamos sete (o 12 %) corresponden ao libro en galego, moi preto da metade das súas vendas. Onde hai unha biblioteca hai unha luz, escribiu o mestre Agustín Fernández Paz no seu manifesto en defensa da biblioteca pública (2009), o que podemos arremedar para cada libraría que aínda continúa aberta (mesmo as que sabemos ofrecen unha colección bibliografía cativa compartida con outros produtos impresos ou de papelaría). Onde hai unha libraría hai unha luz que agarima e orienta a súa clientela lectora, unha luz dun faro que atravesa os seus muros e na rúa ou na praza se fai aínda máis intensa entre bares, farmacias, panadarías, supermercados e outros comercios de primeira necesidade. Como incitaba o mestre de Vilalba, abramos as portas e entremos afoutos na libraría, non teñamos medo a perdernos entre os seus andeis e gozar remexendo entre os libros de temáticas, linguas e destinatarias diversas. Onde hai unha libraría hai unha comunidade portadora da luz dun mundo que non perdeu a esperanza.

Publicado en Nós diario: 15/11/2023

Vigo no tempo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo no tempo», comisariada por Manuel Gago, e da que tiven a honra de ser coordinador local:

Dende a pasada semana e durante dous meses recala en Vigo o proxecto expositivo «Cidades no tempo», comisariado polo profesor Manuel Gago e organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación, co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como chave da identidade contemporánea de Galicia. Despregado cunha exposición en cada unha das sete principais cidades, foron deseñadas de forma coidadosa coa intención de que cada visitante puidese gozar dunha experiencia singular explorando a complexidade urbana, social e simbólica de cada unha das cidades dende perspectivas diversas: os seus fitos históricos destacados, os seus mitos fundacionais ou seu desenvolvemento urbanístico, económico e cultural. Mostras que conforman cadanseu relato e indagación sobre a súa identidade, dende as orixes até o inicio do século actual, que se vai debullando por medio da interacción cun cento de pezas (obxectos, obras de arte, documentos, planos, mapas, fotografías e publicacións) e da recreación de ambientes, escenografías e textos sonoros e audiovisuais.

Convidado polo comisario Manuel Gago, tiven a oportunidade de participar como coordinador local no equipo que preparou a mostra «Vigo no tempo» (VT) na que coa estrutura, a metodoloxía e os recursos expositivos do proxecto «Cidades no tempo» pretendemos indagar na identidade de Vigo, a primeira cidade de Galicia. E abofé que lonxe da pretensión de ofrecer unha historia de Vigo, o que quedaba fóra das nosas posibilidades e corresponde a un aínda inexistente museo de historia da cidade, resultou unha tarefa apaixonante e moi gratificante identificar algunhas das hélices do ADN dunha cidade que dende hai dous séculos, tras a súa declaración como «cidade leal e valorosa» e a abolición dos privilexios do señorío da mitra compostelá (1811), asumiu unha profunda vontade colectiva de constituírse nunha grande cidade e de ofrecerse como o primeiro motor urbano da Galicia moderna e resume de todas as morfoloxías nas que o noso país pode revelarse. Unha indagación na identidade, porén, que desmonta o prexuízo acuñado por Manuel Murguía de que Vigo carecía de historia de interese, que tanto dano fixo e chegou a callar na sociedade viguesa e na historiografía galega. Unha ollada mudada desde que en 1953 apareceron as estelas romanas do Areal (coas que iniciamos a experiencia expositiva), e moito máis desde que nas tres últimas décadas as achegas historiográficas documentadas polos membros do Instituto de Estudios Vigueses amosaron que a cidade medrou nun territorio intensamente ocupado moito antes de que existise a propia idea de cidade.

Tirando do fío do nobelo da súa capacidade permanente de transformación, que o poeta Ramón González Alegre identificaba como «Vigo nace sempre», a visitante de VT pode seguir a expansión urbana polas pezas senlleiras da planimetría viguesa, dende a primeira imaxe de 1597, o plano de Turriano (que viaxa por vez primeira a Vigo), pasando polo plano dun Vigo fortificado (1667), até a proposta de ordenación portuaria (1919) de Eduardo Cabello; sen menoscabo de coñecer proxectos que nunca chegaron a saír adiante, como o curioso plano de 1810 para facer unha base naval nas illas Cíes. Como pode tirar do fío desoutra transformación constante dos emprendementos industriais, comerciais e portuarios, outras tantas hélices do ADN vigués, interpretadas en óleos presentes na mostra como «Vigo traballa» (1986) de Manuel Moldes, «Recollida de algas no Berbés» (1892) de Juan Martínez Abades ou a «Vista de Vigo» de Urbano Lugrís, un dos murais de cinco metros rescatado do Hotel Moderno.

Na súa proposta, a exposición VT incorpora a tecnoloxía para mergullar ao visitante na indagación a través de instalacións audiovisuais e interactivas. Entre elas son de salientar a experiencia proposta no «Miradoiro», unha gran mesa que permite seguir a evolución de Vigo dende a época romana até a actualidade. Como tampouco debe perder o visitante a experiencia de identificar os «Padróns», as pautas que definen a gramática visual da cidade, nas fotografías de ornatos pétreos, costas e guindastres. Outrosí sucede cos espazos dedicados a presentar a reinvención creativa e musical dos anos 80, A Movida, coincidindo co período da reconversión industrial, e a escoitar seis voces que representan outras tantas memorias da nosa veciñanza, as da escritora Ledicia Costas, a avogada Elvira Landín, a fundadora das Cantadeiras do Berbés Loli Hernández, a fundadora de Alecrín Ana Míguez, o profesor Xosé Henrique Costas e o membro da Asociación Casco Vello Fiz Axeitos. Convido a participar nesta experiencia viguesa, aberta no primeiro andar da sede social de Afundación até o 20 de xaneiro.

Educación dixital

Tras máis dunha década de educación dixital en Galicia, a Consellaría de Educación non presentou aínda a avaliación do seu modelo. O que chama a atención xa que dende 2009, inicio do programa Abalar,  leva investido 84 millóns de euros destinados na súa maior parte a dotar de infraestrutura informática (portátiles para o alumnado, carros de recarga, pizarras interactivas, puntos de acceso wifi e entorno virtual de aprendizaxe para as aulas) aos 469 centros que imparten 5º e 6º de Primaria e 157 de ESO participantes no curso 2023-2024 no programa E-dixgal, case un 60 % da rede de centros públicos. Unha estratexia dixital coa que desapareceron de raíz destas aulas de Primaria os libros de texto impresos, da que se descoñece se foi avaliada algunha vez polas autoridades educativas, tanto no referido ao nivel de adquisición das aprendizaxes e competencias do alumnado, como da súa adecuación ao proceso de hibridación dixital da sociedade galega. Programa, no caso de E-dixgal, iniciado en 2014, que obriga ao profesorado a escoller os contidos dixitais, as secuencias curriculares e a metodoloxía didáctica só entre as tres propostas ofertadas pola Consellaría de Educación  (Aula Planeta, Edebé e Netex), que supoñen apenas o 5 % dos fondos investidos no programa, deixando fóra as do resto das editoras. Máis alá da limitación da liberdade de cátedra que para o profesorado isto supón, os estudos académicos que se ocuparon de E-dixgal coinciden en que o profesorado participante sinala, entre outras propostas, a necesidade de introducir cambios no relativo á calidade dos contidos ofrecidos, mellorar a formación do profesorado, incrementar a calidade de conexión e renovar o deseño do Espazo Abalar, fomentando que as aulas compartan as súas actividades interactivas e obxectivos didácticos dixitais. Polo que se ve a educación dixital non vai só de contar con portátiles e pantallas. Urxe que a Consellaría lle dera unha volta, como comezan a facelo outras administracións educativas.

Publicado en Nós diario: 08/11/2023

Un futuro para o Fraga

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do cine Fraga:

Entre os aniversarios lembrados en Vigo este 2023, centenario do Club Celta e naufraxio do Hammonia incluídos, non poden faltar tampouco os 75 anos da creación de Refrey en Bouzas e da apertura do Teatro Cine Fraga o 27 de marzo de 1948. Celebrada cunha función de gala ás 11 da noite, aquel sábado de gloria estreouse a película española declarada de interese nacional Botón de ancla, unha produción de Suevia films do cineasta vigués Cesáreo González, dirixida por Ramón Torrado, presente nunha función, acompañado do actor  Miguel Ligero, na que se suplicaba aos espectadores que sen ser obrigado levasen traxe de etiqueta nas localidades de palcos, butacas de palco e de entrechán. Con esa pompa quería celebrar a inauguración da que se presentaba como mellor sala de Galicia, que contaba con 1.758 butacas (máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo), o seu propietario e promotor, o emigrante carballiñés Isaac Fraga Penedo, entón o empresario máis importante de exhibición e distribución cinematográfica do noroeste; pioneiro tamén da industria do cine en Galicia, desde que en 1908 regresara da Arxentina e comezara o seu traballo como exhibidor ambulante, que xa contaba en Vigo tamén cos cines García Barbón, Odeón e Tamberlick, onde o 14 de marzo de 1930 proxectara o primeiro filme sonoro de Galicia.

Situado na rúa Uruguai, esquina con Isabel II, ao pé de onde saía o tranvía de Baiona, o edificio do Fraga, trazado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto en 1942, que creara na etapa anterior á guerra civil grandes cines de arquitectura moderna na Gran Vía madrileña, como o Barceló e o Europa, é unha das mostras máis significativas da arquitectura rexionalista viguesa durante a autarquía. Un proxecto ao que non foi alleo a teimosía de Isaac Fraga de crear a sala de cine máis grande e suntuosa de Galicia, na que estivesen presentes referencias da arquitectura compostelá. Unha solicitude que o arquitecto madrileño concretou no deseño dunha fachada de granito de Castrelos con balconada corrida de peitorís de ferro e decoracións neobarrocas de anxos, lazos e sartas de froitas colgando polos laterais, ao xeito das do Hospital Real, e cun ampuloso pórtico de acceso principal de formas rectangulares e frontón partido, así como polas formas renacentistas dunha galería superior de arcos entrelazados, influencia da fachada do Tesouro da catedral, e das poderosas balaustradas da coroación e os pináculos. Unha construción histórica que para Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias «expresa esa liña de acentos rexionalistas que o arquitecto, por desexo da propiedade, introduce neste emblemático edificio da cidade».

Referente no lecer vigués até o peche o 28 de xuño de 2001 das entón tres salas de proxección, no patio de butacas do Fraga vivíronse horas inesquecibles para varias xeracións viguesas, dende estreas míticas como as de Foise co vento en setembro de 1951 até xornadas históricas como as de Cinegalicia en novembro de 1989 cando se estrearon as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato de 35 mm: Continental de Xabier Vilaverde, Urxa de Carlos López Piñeiro e Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, toda unha proeza. Como é tamén unha lembranza viguesa as horas vividas en Nova Olimpia, a discoteca que funcionou nos baixos dende maio de 1973 a agosto de 2007, escenario que inaugurou Georgie Dann e pisaron despois Tom Jones, Raphael, Massiel, Cecilia, entre outras figuras da música de finais do franquismo, renacido nos anos da movida da década de 1980.

Despois de dúas décadas das derradeiras funcións cinematográficas no Fraga e da súa adquisición por parte de Caixa Galicia para darlle un uso sociocultural, tras o comezo das obras de remodelación con esa finalidade en 2008, dirixidas polo arquitecto César Portela, interrompidas en 2011, cando xa estaban moi avanzadas, Abanca puxo en venda o edificio en 2013. Dende entón o Fraga está pechado e sen actividade ningunha, recoñecendo o seu propietario que lle procura «unha saída sostible», o que entendemos supón polo momento continuar no ostracismo, un futuro incerto que non merece o que foi un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade. Non é doado aventurar cal pode ser o mellor futuro para o Fraga. Teatro municipal do que Vigo carece? Teatro provincial e sede da Deputación e do propio Museo de Pontevedra en Vigo, algo semellante ao que sucedeu co teatro Colón na Coruña? En todo caso, como propón de forma moi razoable o arquitecto José Antonio Martín-Curty, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e estudoso dos cines de Vigo, «a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer co mesmo espírito no que foi concibido por Isaac Fraga: cultural». O Fraga debe saír deste esquecemento obrigado e absurdo ao que leva sometido dende hai unha década.