O que arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar O que arde, o filme memorable de Oliver Laxe:


A estrea en vinte salas galegas do filme O que arde de Oliver Laxe coincide co segundo aniversario dos incendios que puxeron en perigo a coroa vexetal da área metropolitana viguesa e provocaron dúas vítimas mortais en Chandebrito aquel fatídico domingo, 15 de outubro de 2017. Unha coincidencia fortuíta que convida a compartir esta extraordinaria película, protagonizada por Benedita e polo seu fillo Amador, mais tamén a reflexionar sobre o sucedido tras aquela vaga incendiaria e sobre as promesas e compromisos para mudar a política forestal.

Recoñecida co premio «Un certain regard» do Festival de Cannes 2019 ­–un certame onde Laxe xa fora premiado en 2010 pola súa opera prima, Todos somos capitáns, localizada nun centro de menores de Tánxer, e onde volveu ser recoñecido coa súa segunda longametraxe en 2016, Mimosas, gravada no Atlas marroquí– dende a primeira até a derradeira escena O que arde é unha película impresionante de beleza estarrecedora, onde os montes dos Ancares galegos son considerados non só como unha paisaxe marabillosa se non tamén como outro protagonista máis da narración. Velaí ese comezo inesquecible, no que o espectador asiste atónito a caída de altísimos eucaliptos, arrasados por unha escavadora, ao ritmo dun andante de Vivaldi, como da sobrecolledora batalla final que contra o lume libran os afoutos bombeiros forestais, filmada de forma documental e case heroica por Oliver e polo seu director de fotografía, Mauro Herce, de xeito que conseguen facer sentir na sala escura o latexo da terra ferida e a violencia do lume incontrolado.

Xaora, O que arde é unha historia familiar do regreso a casa de Amador, un pirómano que volve do cárcere e non quere ser axudado nin confesar o que sinte nin pensa. Un relato contado apenas por elipses visuais, por diálogos esenciais e longos silencios, rotos por frases chave, como esta de Benedita: «se provocan sufrimento é porque sofren». Narración inzada de momentos de tenrura e compaixón a carón da cociña de ferro, ou outros lírico-simbólicos, como esoutro da Benedita abrigada do ballón na cortiza dun castiñeiro, marcas narrativas dun director obsesionado en toda a súa filmografía en afondar no máis recóndito da dignidade humana e na súa relación íntima coa natureza.

Definido por Laxe como un «melodrama de bágoas contidas», O que arde retrata un mundo que morre entre a dignidade dos humildes sen renunciar a perpetuar a beleza desa Galicia aldeá agonizante. Como fixera tamén a redondelá Diana Toucedo en Trinta lumes (2018), Laxe filma como membro dunha tribo en vías de extinción identificando as pegadas na memoria das vivendas e nas cortes, como se se tratase dun fantasma sen recambio demográfico nin produtivo, fenómeno que algúns xa chaman o «holocausto rural de Galicia», estudado nun ensaio recentísimo, A morte de Galicia (Xerais 2019), volume de lectura moi aconsellable, coordinado polo historiador Isidro Dubert.

O que arde non pretende ser unha tese sobre a problemática incendiaria en Galicia, máis alá da animadversión do director pola presenza invasora do eucalipto sobre o territorio e das talas sobre as que axexa o propio Amador cando acompaña as vacas. Con todo, Laxe deita unha ollada sobre o fenómeno dos pirómanos chea de tolerancia, quizais para salientar así a ausencia de medidas políticas sobre os intereses arredor do sector forestal en Galicia, sobre a propiedade do monte, o devalo demográfico ou do propio cambio climático, que tamén forman parte das causas desta noxenta industria do lume en Galicia.

O que arde é un filme sobre xente rota, que ama e sinte dor en silencio. Unha película conmovedora e emocionante, capaz de abrir conciencias e corazóns no seu intento de representar sen renunciar a beleza a extinción da cultura tradicional da Galicia de montaña. Unha película que, ademais, obriga a repensar as políticas forestais que provocaron catástrofes como a lembrada en Chandebrito e preguntarse se dende entón mudaron, se se puxeron en marcha máis medidas de prevención, se as zonas devastadas foron limpadas e comezaron a ser repoboadas, se foron mobilizados os predios abandonados e incorporados ao banco de terras para ser cultivados..

Esta inquedante película en lingua galega de Oliver Laxe,  demostra que aínda existen fendas na industria para ofrecer un cinema de autor sen aditivos de azucre nin conservantes de saudade. Tras unha década de traxectoria, tras tres longas premiadas en Cannes, aquel Oliver Laxe, que nos descubrira o crítico Martin Pawley en 2008 na curta París#1, coa que o director coruñés pretendía responderse á pregunta que é Galiza, é hoxe unha das figuras europeas indiscutibles do cine de autor. Vaian ao cine a compartir a emoción deste cume do cine galego, hoxe unha das expresións máis punxentes da cultura na nosa lingua.

U-lo problema da biblioteca de Navia?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para reiterar a reclamación dunha biblioteca para Navia:

Lin no xornal dixital do concello de Vigo (xornal.vigo.org) que o alcalde avanzou que «a nova biblioteca de Navia abrirá as súas portas con 200 postos de lectura, que dispoñen de conexión wifi, ampliables se existise demanda». Unha noticia chocante xa que este novo equipamento socio-comunitario para unha cidade recente de máis de dez mil habitantes de poboación moi nova non pode ser considerado como «biblioteca», xa que carece de acceso a contidos bibliotecarios, sexan libros impresos e dixitais, nin conta tampouco con ordenadores de uso público nin cunha programación estable de fomento da lectura. Esta confortable sala de lectura sen libros e sen persoal bibliotecario non satisfai as necesidades lectoras reclamadas pola veciñanza de Navia.

Como sucedera coa procura dun terreo municipal onde construír a Biblioteca do Estado, asunto que despois dunha década de ires e falares parece resolto na zona do Chouzo, o fracaso de Navia é outro capítulo desa estraña relación que Vigo mantén coa noción de biblioteca pública, concibida universalmente como a institución cultural primeira de cada comunidade local e cerna de todas as políticas interxeracionais de lectura. Ademais de expresar a decepción que provoca a perda da oportunidade de contar por fin cunha segunda biblioteca municipal, de características semellantes á Xosé Neira Vilas do Calvario (a terceira sería a prevista en Teis), é inevitable preguntarse se os responsables do concello pretenden con esta sala de estudo atenuar o déficit bibliotecario endémico, que sitúa a Vigo na cola das estatísticas nesta materia.

Como tamén cómpre salientar, a pesar de que coñecemos o actual proceso de mudanza do concepto de biblioteca provocada pola hibridación dixital dos soportes da lectura, que non existen precedentes de bibliotecas públicas sen libros impresos e dixitais, sen revistas, sen xornais, sen computadoras e, sobre todo, sen servizos e sen persoal bibliotecario técnico que facilite á cidadanía de todas as idades e de todas as condicións o acceso en igualdade á información e á creación literaria. Velaí a cerna desta inacabable polémica sobre cal debe ser o futuro das bibliotecas públicas en Vigo.

Sabendo que hoxe Vigo, unha cidade de 300.000 habitantes, conta cunha biblioteca central (de xestión autonómica) e outra de proximidade (de xestión municipal), abonda consultar as pautas de INTAMEL (Asociación Internacional de Bibliotecas de cidades metropolitanas) ou da IFLA (Asociación Internacional de Bibliotecarios) para reclamar a creación en Vigo doutras cinco bibliotecas municipais. Criterio presente tamén na Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia que no seu artigo 15 establece que os concellos de mais de 20.000 habitantes deberán prestar o servizo bibliotecario de lectura pública de forma descentralizada por medio de bibliotecas de proximidade. Modelo que desenvolveu con grande éxito o concello da Coruña (244.850 habitantes) que conta cunha rede de dez bibliotecas municipais, creada polo alcaldía de Francisco Vázquez, cun orzamento anual arredor dos 2,5 millóns de euros, ademais da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés de xestión autonómica. Modelo desenvolto tamén polos concellos de Xixón (271.843 habitantes), que conta cunha central e 11 bibliotecas de proximidade, L’ Hospitalet (261.068 habitantes), cunha central e 7 de proximidade ou Vitoria-Gasteiz (249.176 habitantes), cunha central e 12 bibliotecas de barrio.

O atraso de Vigo para desenvolver un modelo bibliotecario equiparable en extensión e calidade o destas catro cidades de poboación inferior á viguesa non ten que ver nin cunha capacidade financeira superior dos seus concellos (con orzamentos inferiores ao de Vigo) nin tampouco que puidesen recibir maiores axudas por parte das súas respectivas CC.AA. O fracaso de Vigo obedece nin máis nin menos ao escaso valor que as diversas corporacións outorgaron ás bibliotecas e ás políticas públicas de fomento da lectura.

O custe do funcionamento anual dunha biblioteca pública como a Xosé Neira Vilas, modélica nas súas actividades de fomento da lectura e no servizo aos seus máis de 16.000 socios e socias, excluídos os gastos de limpeza, seguridade e mantemento, supón 256.499,56 € do orzamento do concello. Se a nova sala de lectura de Navia ten previsto un custe anual de funcionamento de 80.000 €, é factible que entre os 257 millóns de euros dos seus ingresos o concello de Vigo destinase apenas 200.000 € para que en Navia funcionase de marabilla unha biblioteca con libros impresos e dixitais, con persoal técnico bibliotecario e servizos dinámicos de fomento da lectura e de acceso á información. Boten contas, apenas o 0,07% do orzamento anual do concello. U-lo problema da biblioteca de Navia?

Tesouros Humanos Vivos

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de declarar os seus Tesouros Humanos Vivos:

Tiven a fortuna de acompañar a Pedro Feijoo na presentación de Camiñar o Vigo Vello (Xerais 2018) dentro das IV Xornadas do Mar organizadas pola Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello na Casa Arines. Outra oportunidade para reflexionar sobre o proceso de recuperación do Vigo Vello e para compartir memorias dos traballos e das vidas na ribeira do Berbés, dende as rúas de San Francisco e Poboadores até a rúa Real. Xornada pechada cun serán solemne do Orfeón Mariñeiro do Berbés, que coas súas voces e cantareas ocupou a praza de Almeida e encheu de emoción, ledicia e danza o espazo urbano conservado máis antigo da nosa cidade.

Xaora, o serán máis emocionante desta cuarta convocatoria arredor do mar de Vigo, unha referencia na programación cultural viguesa do mes de setembro, foi o do pasado día 6 no que se proclamou a Dolores Hernández Iglesias «Loli», a propietaria de Casa Fernández da rúa Real, a cantina coñecida popularmente como «A Guinda», fundadora tamén das Cantadeiras do Berbés, como «Tesouro Humano Vivo do Casco Vello 2019». Unha homenaxe moi merecida a unha das persoas maiores do barrio, que conserva a memoria da comunidade ao longo de case un século, ese patrimonio cultural inmaterial que a UNESCO chamou a protexer coa denominación de «Tesouros Humanos Vivos» (THV) na súa 32ª Conferencia xeral de outubro de 2003.

Para a UNESCO os «Tesouros Humanos Vivos son individuos que posúen os coñecementos e as técnicas necesarias para interpretar ou recrear determinados elementos do patrimonio cultural inmaterial». Persoas depositarias das tradicións de artes e oficios artesanais, mais tamén de rituais e actos festivos, de xogos infantís e ritos anuais, e sobre todo do idioma e das tradicións orais (os relatos, os contos, as lendas, mais tamén o folclore das cancións, melodías e danzas populares) que forman a identidade de cada comunidade. Un patrimonio vivo que a UNESCO convida a todos os estados membros a protexer, promover, valorizar, revitalizar e transmitir ás novas xeracións como parte esencial do patrimonio cultural inmaterial de toda a humanidade.

Recoñecendo a Loli da Guinda como THV do Casco Vello e gravando o seu testemuño oral nunha peza audiovisual magnífica, dirixida por Xerado Feijoo, incansable curador deste patrimonio inmaterial, e realizada por Gus Abreu, consérvase unha lastra de memoria dunha vida vivida toda na rúa Real, o eixo urbano primixenio do primeiro Vigo, que unía as chabolas do Berbés coa Colexiata. Un documento no que en primeira persoa e nun galego fermoso na súa variante mais xenuinamente viguesa Loli tira do fío da súa memoria familiar, situándose detrás do mostrador da cantina mariñeira aberta polo seu avó en 1920 e que ela rexeu día e noite até o seu traspaso arredor do ano 2000.

Loli lembra o algareo da rúa Real onde se intensificaba a vida coa chegada da frota de bous con peixe fresco cada seis ou oito días, o que animaba a actividade de establecementos como a Chimpona, o zapateiro de Noia, a Arca de Noé ou de bares como La fecha e o Noia, que alugaban camas as mulleres que viñan recoller aos seus homes. Recorda a actividade da fonte e lavadoiro da Barroca en Poboadores, a vida sen saír do barrio en zapatilla bamba e como as mozas se arranxaban para pasar da Colexiata para arriba e ir a Vigo e dar «o paseo de sete» por Príncipe ou ir ao cine Tamberlick ou o Cinema Radio. Recrea con saudade as tardes de baile en La Oliva da praza da Constitución, as verbenas de Radio Vigo nas Cabañas ou os entroidos de mascaritas, vestindo o que tiñan na casa, para ir ao Copacabana de Teis.

Un relato no que desvela tamén os días difíciles dos anos da droga, que destrozou a moitas familias do barrio, ou a presenza na Guinda de pintores como Laxeiro e Lugrís, de escritores como Cunqueiro ou doutros artistas que viñan de madrugada do cabaret no único bar de Vigo que tiña permiso para estar aberto día e noite. Particularmente emocionante é o seu relato protagonizado por Urbano Lugrís, que pasaba alí moitas noites, porque non tiña onde dormir, tomando café e pintando con carboncillo os veladores de mármore das mesas que logo ela fregaba e fregaba con lixivia cada mañá. Sen esquecer a memoria da súa avoa que contaba como a señora da Casa Bárcena foi enterrada en caixa de cristal ou as despedidas dos emigrantes na estación Marítima camiño da Arxentina.

O testemuño de Loli, como os dos anteriores Tesouros Humanos Vivos do Vigo Vello, Amparo Conde Campos, traballadora da colla, e Isidro Alonso Marcial, mariñeiro de todas as artes de pesca e buques de mercante, ambos os dous nacidos na rúa Poboadores, todos os tres vigueses anónimos e heroes do cotián, contribúen a construír a nosa memoria colectiva. Paga moito a pena recoñecer a iniciativa da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello de poñela en valor e transmitila.

Emerxencia feminista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á emerxencia feminista:

O triple feminicidio da pasada semana acontecido no lugar de Carracido da parroquia de Cordeiro no concello de Valga volveu activar a emerxencia feminista galega nun verán que, tras o asasinato en xullo de María del Carmen Vázquez en Vilalba, resultou particularmente catastrófico para as mulleres. O triple asasinato confesado por José Luis Abet (45 anos), que cunha arma de fogo asasinou a súa ex-muller, Sandra Boquete (39), a súa ex-sogra, María Elena Jamardo (58), e a súa ex-cuñada, Alba (27), que acudiran no auxilio da primeira, abre outra páxina terrible na crónica negra desta violencia machista que a pesar do incremento da mobilización social feminista non cesa. Cometido cando os fillos de 4 e 7 anos da parella (divorciada dende comezos de 2018) agardaban no coche da nai para ir ao colexio, este feminicidio múltiple pon en evidencia as eivas do sistema de protección das vítimas (no sistema VioGén do Ministerio do Interior non existía denuncia ningunha das vítimas por violencia machista) como da normativa vixente xa que por estraño que pareza nin a nai nin a irmá de Sandra constarán en estatística ningunha como vítimas mortais de violencia machista.

Estatísticas, tanto as elaboradas polas administracións públicas como polo movemento feminista (moi interesante é o seguimento da páxina: geo.feminicidio.net), que coinciden en salientar a gravidade da violencia machista e do incremento do número das súas vítimas (cada ano máis de 150.000). Datos de emerxencia, como o das 1.016 mulleres asasinadas dende 2003 polas súas parellas ou ex-parellas, cuxos nomes son lembrados na listaxe colocada ás portas da Deputación de Pontevedra. Feminicidios que no que vai de 2019 acadan en España a cifra das 74 vítimas (42 no cómputo oficial, ao que hai que engadir outras 32), das que máis da metade (39) se produciron dende xuño. Cifras que no caso galego son tamén moi inquedantes. 5 son as vítimas no que vai de ano, 38 dende 2010, ás que habería que engadir outras 15 que non aparecen na estatística oficial, correspondendo 10 a feminicidios familiares, 3 a infantís e 2 a feminicidios non íntimos (casos de Diana Quer e Marta Sequeiro). Cifras ás que habería que engadir no que vai de ano a das 42 agresións sexuais múltiples en España (9 en xullo), conformando unha cultura da violación en manada, ou as 3 violacións diarias denunciadas en comisaría, apenas a punta do iceberg do fenómeno das agresións e violacións de madrugada denunciadas polo movemento feminista.

Cifras que demostran que en España ser muller é moito máis perigoso ca ser home. Hoxe todas as mulleres son vítimas potenciais dunha violencia enraizada na cultura patriarcal que de facto continúa sendo a hexemónica no ámbito do privado, un campo de batalla do íntimo onde os agresores, abusadores, maltratadores e violadores continúan sendo os amos e señores. Unha cultura machista do patriarcado presente en todos os ámbitos e expresións da vida social, xudicial, económica ou educativa, nos que dunha ou doutra maneira pervive a desigualdade entre homes e mulleres, como amosan as fendas salariais e educativas ou algunhas sentenzas xudiciais incomprensibles ou mesmo algúns tratamentos informativos desafortunados destes asasinatos.

Machismo inoculado dende o berce, que chega a ser asumido como natural por algunhas mulleres e boa parte dos homes. Fenómeno que explica como unha parte da sociedade nosa permanece como espectadora destas violencias, como se os feminicidios, as agresións e os abusos nada tivesen que ver con ela e a súa denuncia fose apenas froito dos intereses políticos de progres e feministas. Urxe superar esa indiferenza conformista, compracente e cómplice e substituír esta cultura patriarcal, onde se atopa o celme das violencias e das desigualdades denunciadas, polos valores da igualdade feminista. Unha reacción protagonizada polas mulleres e o movemento feminista organizado, mais que require que os homes non permanezamos nin calados nin cómplices nin inanes.

Unha reacción que obriga, tamén, aos partidos políticos a actualizar a Lei Órganica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, de xeito que contemple todas as violencias machistas, máis alá do ámbito da parella ou ex-parella, na liña do establecido no Convenio de Istambul de 2016 sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres ratificada xa por 34 países do Consello de Europa, como a facer efectivas as 290 medidas contempladas no documento refundido do Pacto de estado en materia de violencia de xénero de 2016, aprobado polo Congreso e o Senado o 13 de maio de 2019. Coma cómpre, no caso galego facer efectiva con máis recursos a pioneira Lei 11/2007 para a protección e tratamento integral da violencia de xénero.

Na honra da familia Fraiz Castellanos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a memoria da familia Fraiz Castellanos:

O pasado sábado fixéronse oitenta e dous anos do fusilamento de Víctor Fraiz Villanueva, militante comunista, mestre nacional de 50 anos, con escola en Coia, na rúa Tomás Alonso nº 62, e de Manuel Rodríguez Careu «Chato», comerciante de 46 anos, veciño de Bouzas. Ambos os dous foran xulgados en Vigo por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executados ás sete da mañá do 14 de setembro de 1937 no monte do Castro. O seu delito foi ser dirixentes sindicais, Víctor un dos fundadores da Federación de Traballadores do Ensino da UGT, o «Chato» do Sindicato de Transporte Marítimo da CNT de Bouzas.

Aquela negra xornada foi lembrada durante moitos anos pola esquela que Salustiano, un do sete fillos de Fraiz, publicaba nas páxinas de Faro de Vigo cada 14 de setembro, lembrando «aos seus mártires»: ao seu pai, a súa nai Placeres Castellanos Pan e aos seus tres irmáns, Víctor, Vicente e Moncho, vítimas dunha ou doutra maneira daqueles anos de terror, tras o golpe de estado contra a legalidade republicana.

A figura de Víctor Fraiz Villanueva pasará a historia viguesa por representar xunto ao tamén mestre nacional, sindicalista de FETE e xornalista educativo Apolinar Torres López –executado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, xunto aos alcaldes de Vigo e Lavadores, Emilio Martínez Garrido e José Antela Conde e outros cinco militantes socialistas, noutra das xornadas máis infames para a cidade– as luces de progreso e igualdade emitidas pola educación republicana.

Mestre, fillo, neto e irmán de mestres, dende as súas escolas de Pontecaldelas, Vilaza e Coia, Víctor loitou ao longo de vinte e cinco anos de profesión pola causa do maxisterio. Fraiz foi un activista da educación nova organizando aos mestres, que entón vivían en condicións moi precarias, nun sindicato que os defendese, artellando reunións e festas escolares, creando batallóns de boys-scouts, promovendo cadros de declamación, equipos deportivos, pronunciando conferencias, publicando artigos nos xornais ou en revistas profesionais como Escuela Vivida (1935).

Víctor Fraiz e a súa compañeira Placeres Castellanos, a primeira muller da agrupación socialista de Vigo (1933), pagaron un prezo enorme pola súa angueira educativa e republicana. A súa familia – fotografada por Pacheco nun dos seus retratos en escala máis característicos– foi destrozada dende o mesmo día do alzamento que sorprendeu a Placeres en Madrid nunha reunión do Socorro Vermello Internacional, organización da que ela era secretaria do comité de Vigo. Víctor agachouse nunha casa de Gondomar e logrou pasar a Portugal, o que provocou a detención en Vigo do seu fillo Víctor Jesus (19 anos), que dende había pouco era funcionario en Madrid e viñera a visitar a súa moza. Recluído no frontón de María Berdiales, habilitado como cárcere, o rapaz correu idéntica desgraza ca do xornalista de Faro de Vigo Manuel Lustres Rivas (48 anos), xa que despois de ser conducidos á illa de San Simón aparecerían paseados noutra noite de terror o 10 de novembro de 1936 no Alto da Concheira, na parroquia redondelá de Trasmañó. Tras a detención doutros dous dos seus fillos, Vicente e Moncho, Víctor Fraiz decidiu entregarse no consulado de Uruguai a cambio de que os liberasen e tivese un xuízo xusto.

Depurado como mestre nacional en 1937, o prego de cargos, recuperado polo catedrático de Historia de Educación da USC Antón Costa Rico, amosa toda a iniquidade do réxime de Franco co profesorado fiel ás luces da educación republicana. Como tamén dúas cartas de despedida de Víctor ao seu irmán Celso e a súa muller Placeres, escritas no cárcere o 15 de agosto de 1937, exhumadas en 2002 polo seu biógrafo Emilio Garrido Moreira, expresan o desgarro atroz sufrido por esta familia.

Estremecedora foi tamén a peripecia de Placeres Castellanos, investigada pola escritora Elsa Quintas Alborés, lonxe de Galicia e impotente ante a traxedia que sufría a súa familia. Mestra e enfermeira no Madrid resistente, en 1938 desprazouse a Valencia onde traballou como secretaria da Solidariedade Galega Antifascista. Tras a caída da República, exiliouse e incorporouse en Francia en 1941 á terceira brigada da resistencia contra os nazis como guerrilleira 35.435, desempeñando un importante papel como enlace.

Unha peripecia que, finalizada a segunda guerra mundial, continuaría coa súa participación en 1945 no Congreso Internacional de Mulleres de París e co reencontro con Manuel, o seu fillo máis novo, con quen embarcaría en 1949 para Arxentina, onde vivía Celso Fraiz, o seu cuñado. Placeres regresaría a Vigo en 1955 e finaría o 25 de xuño de 1971, sendo enterrada no cemiterio de Pereiró xunto ao seu amado Víctor.

A memoria resistente da familia Fraiz Castellanos forma parte da historia viguesa e da súa loita contra a barbarie fascista. Continuemos lembrándoa cada 14 de setembro.

Campo do Fragoso CCXXVII

CHAFALLADA

Non resulta doado explicar como o partido de fútbol entre o Celta e o Granada durou apenas oito minutos. A dubidosa interpretación de Santiago Jaime Latre, árbitro do VAR instalado en Madrid nunha cómoda sala de vídeo con oito monitores e asesorado por dúas persoas, levou a que unha pisada involuntaria de Jorge Sáenz, que debutaba onte en Primeira, sobre o talón da bota do arteiro Soldado, supuxese tarxeta vermella. Decisión que condicionou o resultado, rematou co xogo que identificamos como fútbol e, polo tanto, devaluou o espectáculo vespertino ao que foran convocadas máis de dezaoito mil persoas en Balaídos e moitas outras de todo o mundo diante das súas pantallas. Unha aplicación da chamada «lei do talón» que resultaría determinante vinte minutos máis tarde cando Fran Beltrán foi expulsado, tamén tras a revisión do VAR, despois dunha xogada moi confusa na que o árbitro sinalou unha falta a prol do Celta e o centrocampista celeste esvarando no chan arrollou cos pés por diante a Puertas.

Dúas xogadas no medio campo, imaxinamos encadradas no suposto de tarxeta vermella, revisadas polo equipo do VAR, o árbitro virtual, que emendou o criterio adoptado polo equipo de Eduardo Prieto Iglesias, o árbitro presencial. Dúas decisións extremas que abriron na bancada a polémica sobre a utilización desta ferramenta tecnolóxica, especialmente sobre cal das dúas instancias arbitrais manda de facto na lameira. En definitiva, sabemos cal foi o criterio que prevaleceu onte, o de Prieto ou o de Latre? Un debate que atinxe a cales son as xogadas que deben ser revisadas e cales non, como tamén sucedeu onte, cando arredor do minuto 20, transcorridos apenas dez da expulsión de Sáenz, o central nazarí Germán pisou por detrás a Mina e o VAR non chiou.

Como tamén hai razóns para desconfiar do escaso rigor na utilización desta ferramenta, xa que abonda lembrar a pisada protagonizada o pasado sábado no Camp Nou por Maxi Gómez sobre Lenglet, sen consecuencias fatais para o dianteiro charrúa. Con semellante chafallada (se queren utilizar outros sinónimos galegos, como trapallada ou chambonada, tamén serven para expresar un traballo feito con escaso rigor), en que papel queda a cultura futbolística do fair play, que non é outra cousa que o respecto por todas as instancias das famosas 13 regras fundacionais do fútbol e todos os seus engadidos e actualizacións posteriores? Non se estará desvirtuando con este procedemento a esencia deste deporte centenario?

En inferioridade tan evidente, onte o Celta perdeu durante o último cuarto de hora da primeira parte o control da pelota, procurando apenas coa velocidade de Aspas e a intensidade de Mina facerlle fronte ao control do equipo do adestrador vigués Diego Martínez Penas na súa estrea en Balaídos. O Celta en clara inferioridade numérica defendeuse con moita dignidade e coraxe, mais foi no tempo de alongamento cando Hugo Mallo, aínda moi lonxe da forma e da concentración de Kevin, concedeu un saque de recanto innecesario. Unha oportunidade a balón parado que non desperdiciou o central Germán cunha cabezada potente que abriu inapelable a táboa de marcas para os visitantes.

No segundo acto, que comezou sen fútbol, o Granada liquidou o partido no 53’ cun xutazo dende fóra da área, tocando o longueiro, de Yangel Herrera, que superou a tímida oposición de Denís Suárez, un dos celestes que máis sufriu con este encontro sen xogo. Xaora, foi entón cando co partido perdido, emerxeu a dignidade celeste nas biqueiras de Iago Aspas e do central Aidoo que nun exercicio de afouteza encomiable pelexaron para evitar unha derrota máis avultada. A incorporación de Pape Cheikh e de Pione Sisto achegaron novos folgos e mesmo permitiu a posesión celeste nos minutos nos que o partido esvaraba pola intranscendencia.

Unha segunda derrota en Balaídos, non exenta de polémica pola chafallada nas revisións do VAR, que sitúa ao Celta fronte o seu espello: será unha tempada na que non haberá inimigos pequenos e na que conseguir cada punto vai custar ferro e fariña. Nada doutro xoves que non coñezamos os celtistas.

Sesquiscentenario verniano

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o 150 aniversario da publicación de «A baía de Vigo«, o que despois constituiría o capítulo VIII da segunda parte de 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne:

Vigo, como cidade verniana que é, non pode esquecer que este mes de setembro se celebra o sesquiscentenario da publicación de «A baía de Vigo», texto que constituiría o capítulo oitavo da segunda parte de 20.000 leguas baixo dos mares (tradución galega de Mercedes Pacheco, Ir Indo 2004), unha das novelas chave da serie de «Viaxes extraordinarias» de Jules Verne, publicadas por entregas quincenais polo editor Pierre-Jules Hetzel na revista Le Magasin d’Eduction et le Récréation. Unha efeméride, lembrada oportunamente por Eduardo Rolland, membro da dinámica Sociedade Jules Verne de Vigo, que constitúe un motivo magnífico para volver sobre un texto emblemático que se le pública e colectivamente no paseo das Avenidas cada 18 de febreiro, coincidindo co aniversario da chegada á Ría de Vigo do Nautilus do capitán Nemo.

Unha efeméride de ficción, estritamente literaria, na que se desenvolve unha das escenas máis inesquecibles da novela na que fronte os retratos do seu gabinete (do que existe unha fermosa recreación no Aquarium Finisterrae da Coruña) Nemo debulla as súas conviccións políticas, mais na que tamén sabemos que visita a nosa ría coa intención de facerse co ouro dos galeóns fundidos en Rande, o que permitiría financiar as súas viaxes. Un capítulo que demostra a sólida documentación manexada por Verne que coñece tanto as condicións náuticas da Ría de Vigo, pintada polo bretón con «augas impregnadas de luz eléctrica», como os avatares da batalla librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón o 23 de outubro de 1702, sen esquecer as iniciativas das primeiras expedicións de rescate do tesouro dos galeóns promovidas polo banqueiro Hipólito Magen nas que se utilizaron escafandros semiautónomos e lámpadas eléctricas. Un capítulo, ademais, non o esquezamos, esencial na conformación de Vigo como cidade de novela, xa que constitúe a primeira referencia internacional nunha das obras máis populares e traducidas de Verne como da literatura popular de finais do século XIX e de todo o XX.

Un capítulo, «A baía de Vigo», incluído en 20.000 leguas baixo dos mares, novela cuxa primeira edición, como soubemos na exposición «Julio Verne. Los límites de la imaginación» (Marco 2018), constitúe unha auténtica rareza xa que foi editada antes en castelán ca en francés, un caso único na obra verniana. Así o testemuña un exemplar de 20.000 leguas de viaje submarino, novela editada en Madrid en 1869 por Tomás Rey, traducida por Vicente Guimerá, que se anticipou dous anos á edición orixinal francesa do editor Pierre-Jules Hetzel, aparecida en novembro de 1871. Un atraso ao que non foron alleas as dificultades de abastecemento de papel nin o conflito da Guerra Franco-Prusiana, que chegou ás portas do número 18 da parisina rúa Jacob, onde o editor tiña a súa sede e onde dende 1863 planeou e compartiu con Verne a saga de novelas de aventuras que axiña se farían famosas en medio mundo tras a publicación ese ano da primeira delas, Cinco semanas en globo.

Relación entre Verne e Hetzel que sempre se pon como modelo de participación activa do editor no desenvolvemento dun proxecto literario, o das «Viaxes extraordinarias», que autor e editor concibían como un soporte excelente para transmitir os coñecementos científicos e xeográficos entre a mocidade. Unha intencionalidade á que non era allea as conviccións de Hetzel de que a ciencia era a clave do progreso e de que a educación da mocidade, á que o editor destinada boa parte das súas obras, debía ser laica, gratuíta e obrigatoria, o que contribuiría devagariño a mudar o estado das cousas. Sabemos que a disciplina lectora de Hetzel, editor tamén de Víctor Hugo, Balzac, Zola ou Baudelaire, contribuíu coas súas correccións e suxestións a fixar os manuscritos de Verne, que sempre se amosou receptivo con esta paixón optimista do seu editor.

Non esquezamos que «A baía de Vigo» é apenas o primeiro feito da relación de Verne con Vigo, porto no que recalou de forma probablemente non premeditada unha década despois da súa tan impactante visita imaxinaria. Escala que repetiría en 1884, outra vez para solucionar un problema na caldeira do Saint Michel III, na que quizais chegou a coñecer a Antonio Sanjurjo Badía, o propietario do taller La Industriosa, relación ficcionada por Ledicia Costas na súa novela Jules Verne e o secreto das mulleres planta (Xerais 2016).

Este sesquiscentenario verniano debería contribuír a que, como levamos propoñendo dende hai case dúas décadas, Vigo valore ao seu primeiro embaixador literario. Pódese bautizar a ponte de Rande co seu nome. Pódese incluír no noso rueiro ou fixar co seu nome á futura biblioteca do estado. Como o concello de Vigo podería establecer un lazo de irmandade («Joumelage») permanente co de Nantes, onde naceu o bretón. Vigo con Verne.

Verán entre a brétema

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a comentar a aparición do libro Os tempos e o clima de Galicia (Xerais 2019):

Foi este un verán entre a brétema, un fenómeno característico da Ría de Vigo, que os meteorólogos denominan «néboas de advección» e atribúen ao afloramento de augas frías profundas sobre as que se despraza o aire quente e húmido. Un fenómeno de nebulosidade costeira, semellante ao que se produce en California, na baía de San Francisco, razón pola que non é estraño atopar semellanzas entre as fotografías da Golden Gate e as da Ponte de Rande (coma esa tan fermosa de Rogelio Grobas, gañadora do recente concurso convocado por Audasa) emerxendo ambas as dúas entre o neboeiro dunha tarde de verán. Xaora, sabemos que estas brétemas, que por moito incomoden un día excelente de praia, non impiden que a nosa ría sexa considerada pola maioría dos galegos como un dos lugares de Galicia con mellor aptitude climática para vivir.

A ría, como en xeral todo o espazo metropolitano de Vigo, pola súa proximidade co océano, goza dun réxime térmico cuxos valores máximos e mínimos, entre 10º e 25º C, son sempre moderados, sendo a súa amplitude térmica media diaria moi baixa, 7º no verán e apenas 5º C no inverno, e o seu nivel de insolación, 2.553 horas de sol o ano, o segundo máis elevado de Galicia. Datos aos que cómpre engadir que Vigo, a pesar de ser a cidade máis chuviosa de Galicia (1.791 mm de media anual de precipitación) e contar cunha media de 15 días de treboada ao ano, goza dun clima magnífico para vivir.

Cifras todas que escollemos do libro Os tempos do clima en Galicia (Xerais, Básicos Ciencia 2019) de Alberto Martí, Dominic Royé, Juan Taboada e Xavier Fonseca, equipo multidisciplinar formado por dous xeógrafos da Universidade de Santiago, especializados en Climatoloxía, un físico de MeteoGalicia, dedicado á predición meteorolóxica e un comunicador formado na divulgación científica, que por vez primeira ofrecen unha obra para coñecer a realidade e a singularidade meteorolóxica e climática de Galicia, así como os seus notables matices comarcais.

Un libro pioneiro no que se combina de forma equilibrada o rigor científico propio da investigación académica básica cun tratamento didáctico, con afán de alta divulgación, tanto dos factores do tempo e do clima en Galicia como das súas variables: a radiación solar, a insolación, a temperatura, a precipitación, a nubosidade, a humidade do aire e o vento. Sen esquecer responder con moita claridade a preguntas clave e curiosidades do tempo e do clima, como entre outras: «por que no verán está máis fría a auga nas praias das Rías Baixas que nas praias cantábricas?», «que son os veranciños de San Miguel e san Martiño?», «a que cheira a chuvia?» ou «por que se produce o fotometeoro que aquí chamamos arco da vella?».

Sen embargo, é o capítulo dedicado ao cambio climático en Galicia o máis novidoso e inquietante. Pois se algo queda claro na lectura destas páxinas é que ninguén pode pechar os ollos ás evidencias que confirman a enorme responsabilidade dos gases de efecto invernadoiro no cambio climático actual. Nas palabras dos autores: «a humanidade embarcouse nun experimento xeofísico sen precedentes na historia modificando a composición atmosférica e, por ende, o clima xa que este aumento das temperaturas medias arrastran outros factores como a subida do nivel do mar e a variabilidade das chuvias».

Mudanzas que xa identifican en Galicia onde dende 1962 a temperatura media aumentou 0,19º C por decenio, incrementáronse os días de verán, aqueles nos que a temperatura media supera os 25º C, (no caso de Vigo unha media de 4,4 días), adiantáronse os primeiros días de verán (en Vigo 7,5) ou detéctase en Santiago e Vigo nas dúas últimas décadas unha tendencia a diminuír a súa precipitación anual. Sen esquecer que dende 2005 producíronse xa cinco episodios de seca severa en Galicia, gañando importancia os fenómenos de poucos días con moita chuvia.

Aínda que advirten que non é posible contar aínda cun modelo rexionalizado de cambio climático, os autores contemplando dous escenarios, un optimista, se conseguimos mitigar en parte os efectos do cambio, outro pesimista, no que o cambio segue a un ritmo semellante ao que estamos vivindo, non dubidan en que no período 2061/2090 as mudanzas climáticas en Galicia serán moi significativas: as temperaturas medias subirán en Ourense a valores semellantes aos que hoxe teñen Sevilla ou Córdoba e as chuvias diminuirán entre un 20% e un 40%. O que suporá dificultades para o subministro de auga, aumentará o risco de incendios forestais ou modificará as pautas do turismo.

Os tempos e o clima de Galicia é un libro tan singular como necesario para mellor comprender unha cuestión fulcral do noso tempo . Non debería faltar en ningunha das bibliotecas escolares nin tampouco nas dos responsables das diversas administración públicas.

Vigo con raíces

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a necesidade que ten o concello de Vigo de contar cun plan estratéxico de arborado:

 

«A árbore é o poeta». Federico García Lorca

Lembraremos este verán do 19 por ser no que o Concello de Vigo ordenou talar todas as árbores das beirarrúas da Gran Vía, entre as rúas María Berdiales e Venezuela. Coincidindo coas obras de humanización no mesmo treito, a decisión do goberno local foi avalada polos informes dos técnicos municipais que determinaron o mal estado de saúde e o perigo que supoñían para os peóns. Dúas mañás abondaron para que unha desapiadada motoserra rematase con esta ducia e media de tileiros e castiñeiras de indias, que ao longo de sete décadas formaron parte das características ringleiras vexetais laterais da primeira avenida con bulevar central das existentes no país noso.

Unha actuación irreversible que provocou a indignación da veciñanza deste parte da Gran Vía, máis aínda cando puidemos comprobar in situ ou polas fotos que cidadáns e fotoxornalistas sacaron durante unha actuación realizada con inusual rapidez, que unha moi boa parte das árbores gozaban de aceptable saúde e que máis alá do inevitable deterioro provocado polo seu teimoso combate contra a polución atmosférica, nun dos puntos de maior contaminación da cidade, as follas, o tronco e as pólas non tiñas marcas aparentes de pragas ou doenzas. A que obedeceu entón esta tala masiva, onde non se indultou a árbore ningunha, unha das máis agresivas que lembramos na cidade, cando estas árbores plantadas cando se abriu a avenida poderían ser conservadas na actuación proxectada no bulevar? Que se fixo nas últimas décadas para evitar semellante deterioración que levou á perda de parte tan significativa do patrimonio natural da cidade?

Mais nesta cuestión da conservación e coidado do arborado no núcleo urbano vigués chove sobre mollado, xa que nas obras de «humanización» (eu prefiro substituír ese termo propio da mercadotecnia política polo de «renovación do viario») as árbores foron consideradas máis como unha parte do «mobiliario urbano» que como integrantes do patrimonio natural. Valoración que levou a substituír as árbores existentes e as súas incómodas raíces para o pavimento por maceteiros ornamentais onde colocar arbustos e flores, dos que as oliveiras bonsais de Rosalía e a dinosebe son dúas boas mostras. Substitución ornamental que semella será tamén a que se produza nas beirarrúas desa Gran Vía liberada de raíces, na que se anuncia a colocación en espazo preferente dun bautizado como «peixesebe» (no proxecto, «un topiario en forma de peixe», cun valor de 40.000 euros).

As árbores son seres vivos sensibles, fonte de vida e de luz, mananciais de osíxeno e recendos, razón pola que a súa presenza nos espazos urbanos máis saturados é indispensable, sen menoscabo da beleza que engaden á paisaxe. As sufridas árbores urbanas viguesas, como as camelias, laranxeiras, sempreverdes, chopos ou tileiros das nosas principais avenidas, melloran a calidade do aire e foron até agora os únicos amortecedores da contaminación acústica e atmosférica. O arborado urbano, ademais de facilitar o dereito cidadán a gozar dos espazos de sombra en rúas, paseos e espazos infantís de xogo (algo que de forma incomprensible non se contemplou nos macroparques infantís como o da rúa Venezuela), no verán axuda a arrefriar o ambiente e no inverno a reducir a velocidade do vento, o que contribúe a baixar a temperatura e a incrementar o aforro enerxético. Favorece a retención da auga de choiva, ademais de constituír os hábitats principais dos paxariños, os principais animais vertebrados da cidade, poboación en Vigo hoxe moi minguada. Sen esquecer tanto o seu valor educativo, xa que as árbores caducifolias son os principais testemuños de paso das estacións, como a súa contribución á saúde das persoas e a súa capacidade para estruturar espazos de encontro.

O concello de Barcelona aprobou un modélico plan director do arborado para desenvolver de 2017 a 2037 (pode lerse en Internet), orzamentado con case dez millóns anuais, que debería terse en conta na nosa Barcelona atlántica para reorientar a actual política municipal sobre o arborado. Un plan estratéxico que, asumindo os efectos do cambio climático, considera o arborado urbano como elemento fundamental do patrimonio natural da cidade. Un plan concibido cunha visión global e transversal que, entre outras liñas de actuación, pretende preservar o valor patrimonial, a protección, a saúde do arborado e a súa biodiversidade, velando polo benestar da cidadanía.

Continuamos insistindo en que o Vigo do século XXI precisa para facerlle fronte os retos do cambio climático substituír o actual modelo de cidade ornamental polo dunha cidade máis orientada á preservación do seu patrimonio arquitectónico e natural. Evitar arboricidios como os recentes da Gran Vía sería o comezo dun Vigo con raíces.

Campo do Fragoso CCXXVI

CELTA INTENSO

Antes do comezar o partido do Celta co Valencia, Balaídos lembrou con grande respecto o pasamento de Pedrito, aquel lateral dereito do Celta de finais dos sesenta, o da miña infancia, que despois dunha década reapareceu en Primeira na tempada 69-70, adestrado por Roque Olsen e despois por Villar e Juan Arza. Un equipo de lenda no que o defensor cordobés formaba a primeira liña con Herminio e o capitán Manolo; un Celta sempre moi intenso nun vello Balaídos en ocasións acuático, que protagonizou aquel derbi inesquecible en Riazor, en abril do ano setenta, no que enviou a Segunda ao equipo de Joanet, unha ferida entre os clubs galegos que nunca cicatrizaría totalmente.

No serán do pasado sábado, o Celta de Fran Escribá reabriu na afección celeste a xanela da esperanza, tras un partido excelente dun conxunto intenso e responsable. Un Celta que foi un equipo en toda regra, máis non se lle pode pedir, tan creativo como capaz de non perder nunca a cabeciña nin a disciplina táctica, de gozar con momentos de fermosa fantasía e de sufrimento solidario. Un equipo que brillou cando despregaba o seu ataque dinámico, mais que sorprendeu pola súa importante mellora na presión cando non dispuxo da pelota, unha das carencias que amosara hai apenas unha semana diante do Real Madrid.

Un Celta no que volveu escintilar con luz propia Denís Suárez, unha figura que xa namora á bancada de Balaídos, pola súa brillantez, elegancia e afouteza. Un xogador de ataque sempre disposto a asociarse e a devolver a bóla aos seus compañeiros en mellores condicións que cando a recibiu ou a recuperou. Un centrocampista que o sábado conformou con Olaza unha banda esquerda letal, pola que ambos os dous desbordaron a Piccini e ao noso admirado Daniel Wass, toliños coas combinacións e as entradas da parella galega. Un Celta que tivo, ademais nos canteiráns Kevin Vázquez e Brais Méndez, unha banda dereita moi profunda, onde naceu esa inesquecible xogada colectiva que supuxo os tres puntos. A locomotora de Camos roubou na banda dereita e enviou longo sobre Aspas para que este conducise de forma desequilibrante, desfacéndose soíño de tres defensas e chegando á área laranxa. Dende alí pasou sobre o Mostovoi de Salceda para que este, dende a diagonal esquerda da área, xutase raso e medido. Foi entón cando se produciu o estrelampo da xenialidade, apareceu o tacón do “Touro” Fernández que desviou a pelota lonxe dos longos brazos de Cillessen. Apenas trinta segundos de marabilla, auténtico fútbol de salón de moitas estrelas, que só a bancada do Fragoso sabe aprezar como merece unha obra de arte.

Mais non seriamos xustos se quedásemos só con este gol de fantasía. A vitoria foi moi traballada e difícil. Alicerzouse sobre un traballo defensivo moi serio da parella de centrais, Araújo e Aidoo, onde brillou o de Ghana, que xa no seu debut en partido oficial amosou a anticipación, a serenidade e o rigor que tanto precisa o conxunto de Escribá. Un labor de contención no que foi decisiva a achega calada e permanente de Lobotka e Fran Beltrán, incansables na recuperación e, sobre todo, na defensa coa pelota nas súas biqueiras, que apagaron a Parejo e Kondogbia, dous centrocampistas de moitas badaladas, incapaces de seguirlle o ritmo aos nosos.

Un partido intenso na loita polo control dos espazos de superioridade, onde os dous equipos tiveron as súas oportunidades para marcar, con grandes actuacións de ambos os dous gardametas. Na primeira parte, no Valencia puideron facelo Wass, Maxi e Guedes; como no Celta Aspas contou con dúas ocasións moi francas que estragou o astro de Moaña, moi grande na creación de xogo e na condución do ataque dinámico, mais aínda pouco acertado no remate.

Foi tamén un partido no que o Celta soubo sufrir nos agónicos minutos finais, onde os de Marcelino atacaron con todo, aínda que quizais con exceso de precipitación nos metros finais. O penalti lanzado por Denís Suárez en tempo de desconto, parado moi arteiramente polo seu amigo Cillessen, non impediu a celebración entusiasta dunha vitoria que abre esperanzas dunha tempada prometedora. Moi bo Celta, intenso no táctico, no emocional como no creativo.