Un Celta empoutado

Tras cinco partidos de liga nos que non coñeceu a vitoria, tras catro empates e unha derrota, o Celta liderado por Claudio Giráldez no banco e por Iago Aspas no vestiario e no terreo de xogo comeza estar abucharado, un adxectivo diferencial vigués dos recuperados por Xosé-Henrique Costas, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, utilizado para expresar que unha persoa ou colectivo recuou na súa traxectoria. Secasí, tras contar con catro puntos de quince posibles (apenas o 26 %, porcentaxe nove puntos por baixo do ritmo preciso para obter os 40 puntos necesarios para manter a categoría). Emporiso, o Celta por vez primeira con Giráldez instálase en números de descenso, unha crise de resultados, iniciada xa nos amigables de xullo, caracterizada pola facilidade de encaixar na portaría propia (na liga actual, seis tantos, a unha media de 1,20 por partido) e a dificultade de marcar na contraria (0,80 goles por match).

Empregando outra vez palabras viguesas que todos entendemos: aos celestes cústalles un molote meter un gol, mais dan moitas facilidades para recibilos. Unha crise de gol, que se puxo en evidencia nos dous últimos partidos, tanto no do Betis da xornada adiantada, como no de onte co Girona, onde o resultado, dous empates conseguidos in extremis no derradeiro tempo engadido, non se correspondeu coa calidade da circulación da bóla do Celta (un dos seus puntos fortes), nin coa súa posesión esmagadora (onte case o 60 %) nin moito menos co número de xutes entre os tres paos (16 diante do Girona por 10 dos visitantes). Ou noutras palabras, xogamos mellor que competimos, fabricamos moitas xogadas de gol (algunhas moi xeitosas para divertir á bancada), mais custa transformalas en activos, sexan goles e puntos. Unha situación agravada pola incapacidade, tras catro partidos, de gañar en Balaídos, noutrora o fortín celeste, que loce máis fermoso ca nunca. Xaora, nada que o celtismo descoñeza nos característicos altibaixos do Celta nestas catorce tempadas consecutivas en Primeira nin que poida ser reprochado a este adestrador que aposta con todas as consecuencias por un proxecto de canteira.

Con menos novidades que en encontros anteriores, sete canteiráns no once de gala, o Celta respectou con fidelidade o plan de partido do míster da Louriña, coa excepción de apenas vinte minutos da primeira parte, tras o gol precioso do ucraíno Vanat que cruzou en carreira un balón filtrado de Iván Martín, aos 11 minutos. Os de Michel marcaban na súa primeira chegada, tras resistir con dificultades e un pouco de sorte a saída en tromba dos celestes. E abofé que o Celta parecía estar empoutado, que é como en palabras viguesas nos referimos a que ten mala sorteo ou a quen lle ocorren desgrazas por causa do mal de ollo. Que llo pregunten a Iago Aspas que puido marcar aos dos minutos, a Pablo Durán despois e sobre todo a Jutglá, que ao longo do partido lle contamos até seis remates merecedores de gol, que se atoparon cunha actuación estelar de Gazzaniga, o porteiro, o mellor dos visitantes. Certo que o gol encaixado abouchou aos de Giráldez, que perderon a intensidade da presión no campo contrario e a orde que proporcionaba o tiraliñas de Sotelo e a creatividade de Iago coma enganche. Coma tamén o gol mellorou aos de Michel, que dirixidos polo marroquí Ounahi puideron liquidar o partido cun segundo tanto.

Mais este Celta de Claudio non se dá por vencido con facilidade. Tras os cambios do minuto 60, que agardabamos xa se producisen tras a continuación, con Bryan Zaragoza e Borja Iglesias no campo, o Celta procurou o empate teimosamente, o que se intensificou coa entrada de Starfelt e Hugo Álvarez, que substituíu a Aspas, que fixera un traballo fisicamente tan comprometido a mesma altura de calquera outro canteirán. Claudio insistiu en buscar a Borja e forzar saques de recanto para atacar un bloque baixo moi compacto dos xironeses. No 85’ o compostelán quedou a centímetros de chegar a un centro raso e no engadido foi nun saque de recanto cando Blind trabou a perna de Rueda que entrara poucos minutos antes. Borja cunha seguridade de figura e de líder transformou o penalti cando o partido esmorecía. Un gol que deixaba un empate, que aliviou a bancada, mais que resulta insuficiente para as expectativas creadas polo proxecto do adestrador. Para fuxir do actual empoutamento diante do gol, unha doenza estraña que padece todo o equipo, e sobre todo afecta a Jutglá, Moriba, Williot, Sotelo ou o propio Aspas, o Celta precisa dunha vitoria rotunda que faga fuxir calquera tentación de males de ollo ou de inesperadas treboadas arbitrais. Intentalo en Vallecas, decote un campo adverso para os celestes, é necesario para saír de alí coma un foguete para Sttugart, recuperar o optimismo e toda a confianza no proxecto de canteira e xogo combinado de Claudio.

Publicado en Faro de Vigo: 15-09-2025

Aforismos

O aforismo, un enunciado conciso que resume un asunto esencial, é un xénero literario híbrido que integra elementos da filosofía e poesía, da ética e estética, decote cunha feliz participación do humor, da retranca e da creatividade verbal. Con presencia escasa na nosa literatura, foron títulos pioneiros do aforismo contemporáneo os de Arturo Casas, Fragua íntima (1991) e Futurario (2011); algunhas páxinas de Xurxo Borrazás de Brevedume (2019); os de Ricardo Martínez-Conde, Debullar (1998) e Ecos da néboa (2012); ademais do volume, coordinado por Pancho Pillado e Xavier Seoane, Aforismos do riso futurista (2017 Xerais), no que participaron expresamente 48 autores e autoras. Xaora, é tamén Seoane o autor galego que asumiu de forma máis sistemática a brevidade e o enxeño do aforismo como unha das cernas creativas da súa obra literaria. Autor de Arca cotidiana / Irispaxaros (1984), libro pioneiro, ilustrado por Manuel Facal, e d’ A rocha imantada (2009), acaba de publicar a súa terceira entrega aforística, O lapis do mono (Medulia 2025), onde se amosa como auténtico xenio da brevidade, artesán lingüístico de pequenas epifanías, desas faíscas concentradas de lucidez e marabilla na lingua nosa. Para Antón Baamonde, autor do prólogo, Seoane ofrece un texto que adquire «a figura e a firma dunha lírica modesta á escala humana», «ideas lixeiras, rápidas, guiadas polo afán de capturar a beleza dun intre coma o voo dunha bolboreta no solpor, cando a luz baixa fai máis iridescentes as ás gráciles da vida». Seoane no seu libro aforístico máis rotundo e conseguido, refunda o aforismo galego, asumindo as posibilidades creativas dun formato, sometido sempre a constante metamorfose, hoxe en auxe pola facilidade da súa difusión dixital. «O infinito vai por libre» porque «os ventos non se deixan adestrar». Son das verdades acuñadas con xenialidade por Seoane nas páxinas dun libro «claro e breve, como falan os grandes talentos». Recomendo vivamente O lapis do mono, lectura gozosa e reflexiva.

Publicado en Nós diario: 10/09/2025

Un mar de bandas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa «Vigo, un mar de bandas»:

O programa «Vigo, un mar de bandas» é unha das iniciativas culturais que mellor representan o que é o Vigo contemporáneo e a súa tradición de música popular. Organizado pola Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e patrocinado polo concello de Vigo, como os programas «Vigo, bandas nos torreiros» e «Aulas de música nas bandas», permite a nove formacións viguesas continuar co desenvolvemento da súa actividade artística e formativa interxeracional, xa que están formadas por persoas de todas as idades, aínda que en case todas a maioría sexa a de xente nova, o que facilita a convivencia entre distintas idades e abre a esperanza da súa subsistencia e porvir. Como son moi distintos os repertorios de cada unha delas, deseñados coa intención de interesar aos públicos dos seus concertos populares, sempre a rebordar na magnífica e acolledora praza da Princesa, onde as persoas maiores son as que ocupan a maioría das cadeiras. Concertos de programa ecléctico, onde adoito non faltan nin os clásicos do xénero nin algúns temas populares de agora. Outra alquimia musical inclusiva, como a forxada pola modélica Escola de Música Tradicional, pola Orquestra Son de Seu ou polas dúas orquestras clásicas viguesas, propostas que contrastan coa insípida programación mainstream do palco de Castrelos, 800.000 euros para as arcas municipais, que nesta tempada volveu excluír a música galega de todos os xéneros.

A iniciativa de levar a música ao espazo público vigués ten o seu precedente en xaneiro de 1878, cando foi creada a Banda do Hospicio da Casa da Caridade que con vinte músicos militares retirados funcionou até o inicio de 1883. A súa desaparición supuxo a posta en marcha da Banda de Música de Vigo, alentada polo alcalde Jacobo Domínguez Iglesias, que na noite de San Xoán de 1883, dirixida por Enrique Paz, deu no palco da Alameda o seu primeiro concerto cunha duración de tres horas. En 1898 a banda adquiriu carácter municipal e no ano 1912 o concello reorganizou a agrupación baixo a dirección de Mónico García de la Parra que a dirixirá até a súa xubilación en 1956, durante catro décadas de éxito musical e creativo. En 1958 collerá a batuta Ildefonso García Rivas, contando entón cunha impresionante formación de 64 profesores, dos que algúns dirixían outras agrupacións da bisbarra ou se dedicaban á ensinanza musical. Esta gran Banda Municipal de Música de Vigo, que desaparecería en 1992, gravou en 1977 un disco de música galega que incluía temas como «Negra sombra», «Carrapucheiriña» ou «Airiños aires». No arquivo municipal consérvase o libro de arquivo da banda viguesa, que contén unha relación de todas as partituras do seu repertorio (1953-1957), clasificadas polo seu xénero, así como dos seus instrumentos e outros materiais da formación. Por ventura, os seus timbais centenarios foron recuperados e restaurados en 2019 pola Orquestra Clásica de Vigo, tras permanecer case tres décadas esquecidos nun faiado.

Pouco despois da creación da Banda do Hospicio, fundouse en 1880 a Unión Musical de Coruxo, hoxe a decana das bandas populares viguesas e unha das máis antigas das 94 existentes en Galicia, das que 66 están na provincia de Pontevedra. Dirixida na actualidade por Francisco Javier Quintas Alonso, que iniciou a súa carreira nesta agrupación como trompeta, conta coa súa propia escola de música. Tamén é máis que centenaria a Unión Musical de Valadares, fundada en 1902, con actividade ininterrompida dende entón. Dirixida por César Parada Fiqueiras xestiona a Escola de Música de Valadares, conta cun amplo catálogo de premios internacionais, realizando colaboracións frecuentes con músicos doutros xéneros como hai tres décadas tivo co compositor vigués Enrique X. Macías ou hai pouco con Abraham Cupeiro. Tamén é case centenaria a Banda de Música «Lira» de San Miguel de Oia, fundada en 1932, dirixida por Pedro Villarroel González xestiona tamén a coral polifónica e a escola de música.

Máis recentes son as outras participantes en Mar de bandas: a Banda de Música «Las delicias» co CCR de Cabral (1984), dirixida por Jesús Bugarín Alonso; a Unión Musical de Cabral (1986),  conducida por Alberto Rocha Soto; a Banda Escola de Música de Beade (1989), a formación máis xuvenil con 75 membros, conducida por José Rodríguez Ramos; a Agrupación Musical Atlántida de Matamá (1991), dirixida por Enrique Lorenzo; o Ateneo Musical de Bembrive (1994), dirixido por Iván Carreira González; e a Banda de Música da UVCD de Candeán (1995), dirixida por Iago Lariño Rodal. Agrupacións que posúen a súas correspondentes escolas de música, capaces de crear ao seu redor unha comunidade formativa e emocionar a públicos nos torreiros e prazas. Parabéns ao mundo bandístico vigués por termar contra vento e marea de tan valioso patrimonio cultural.

Neurodiverxencia

Salvador Macip, catedrático de Medicina Molecular da Universidade de Leicester, confesou nun artigo de prensa que viviu 54 anos sen saber que era autista, tras unhas probas psicodiagnósticas que confirmaron este diagnóstico. Un Trastorno do Espectro Autista (TEA), compartido co 1 % da poboación mundial, que posúe un cerebro que utiliza unha cablaxe diferente ao da maioría. En palabras de Uta Frith: o autismo afecta a algo tan esencial na nosa vida cotián como a capacidade de entender o que os demais fan dependendo do que pensan, cren ou senten. Pluralidade que provoca problemas de incomprensión no entorno escolar de xeito que algunhas persoas desta condición poden ter dificultades máis ou menos importantes. O mesmo poderiamos dicir doutras persoas etiquetadas como neurodiverxentes, con trastornos de dislexia, discalculia, síndrome de Tourette ou déficit de atención e hiperactividade (TDAH), con frecuencia asociados, manifestacións do funcionamento alternativo do cerebro. Persoas vulnerables, sobre todo no sistema educativo, deseñado para mozos e mozas neuronormativas que, a pesar do masking, a máscara utilizada coa intención de ocultar a súa neurodiverxencia, poden representar entre o 10 % e o 25 % da humanidade. A pesar de xa estar clasificadas con etiquetas estigmatizadoras como «raras», «deficientes» ou «perigosas», o que non resulta moi distinto as do resto das minorías non normativas, o sistema educativo e sanitario continúa considerando a estas persoas como alumnado ou pacientes que acreditan un determinado grao de discapacidade, que ademais determina as axudas que poidan recibir. Velaí a razón pola que sabendo o valor das palabras reclaman o seu dereito a ser recoñecidas e tratadas nun entorno acolledor inclusivo simplemente como «persoas neurodiverxentes». Coma no resto dos dereitos, esta é unha leira na que moito cómpre sachar, sobre todo no sistema educativo. A neurodiverxencia é outra das expresións da diversidade que precisa de sensibilidade, apoio e recoñecemento.

Publicado en Nós diario: 03/09/25

Romería

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Romería, a película de Carla Simón estreada a semana pasada en Vigo:

O acontecemento cinematográfico deste ano en Vigo foi a estrea de Romería, a película de Carla Simón filmada na ría. Unha peperetada visual na que de principio á fin a espectadora queda engaiolada pola beleza das illas viguesas, de Toralla a Cíes, como doutras paisaxes mariñas de Cangas e Bueu. Un espectáculo que se estende a fauna submarina, propia dun paraíso natural, e á mostra da navegación na ría en embarcacións diversas, dende as do servizo público do transporte de ría, á elegancia das de vela ou as tradicionais a remo. Unha marabilla da paisaxe marítima en tempo de verán que a directora catalá amplía a outros espazos vigueses, dende os interiores de estaleiros até as rúas do Vigo vello, transformado en espazo dunha romaría que ten o seu centro na praza de Almeida, nunha das escenas memorables e claves do filme, na que Simón homenaxea aqueloutra performance da movida viguesa que o 20 de setembro de 1986 enchera de manequíns a praza da Constitución. Apenas outra das citas hipertextuais dunha película que co afán de ser memoriosa lembra a inesquecible Os luns ao sol (2002) de Fernando León de Aranoa e á emotiva Lena (2001) de Gonzalo Tapia, coas que mantén algunhas coincidencias temáticas e visuais.

Romería pecha a triloxía de autoficción de Carla Simón, iniciada con Estiu 1993 (2017) e continuada con Alcarrás (2022), arredor da familia e a identidade. Todos os tres filmes nos que emprega fíos da súa vida coa pretensión de utilizar a linguaxe do cinema para xerar as imaxes das lembranzas que non tivo, para iniciar un arquivo familiar dun pasado que non viviu e pretende coñecer. Mentres en Estiu 1993 esculcara sobre o pasado da súa familia materna, tras quedar orfa aos seis anos e ser afillada polos seus tíos, en Romería pecha o círculo ollando cara a súa familia paterna viguesa. Faino acompañando na súa viaxe a Vigo a Mariña (a debutante Llúcia Garcia), que pretende conseguir unha bolsa para iniciar os estudos universitarios de cine e precisa obter no rexistro civil vigués unha certificación que acredite quen foi o seu pai biolóxico, falecido a causa da Sida. Non lle será doado, xa que a súa familia paterna, da resesa sociedade burguesa viguesa, a recibirá con frialdade, atopando apenas a complicidade do seu tío Iago (o excelente Alberto Gracia), un supervivente que a axudará a entender a historia de amor do seu pai vigués e da súa nai catalá, ambos os dous arrasados pola heroína e vítimas da SIDA.

A diferenza das dúas anteriores, en Romería Simón emprega un rexistro menos naturalista, ofrecendo unha composición máis onírica, introducindo realidades imaxinadas nunha historia desdobrada (coa mesma parella actoral) nas indagacións da protagonista en 2004 e na historia de amor e drogas con desenlace tráxico dos seus pais nos oitenta, como o de tantos outros daquel tempo, membros do que se lembra hoxe como «Xeración perdida». Relato no que se mesturan fíos biográficos da directora, a partir das cartas que conserva da súa nai (no filme un diario), con outros históricos daquel Vigo revolcado dos oitenta, como o definía Xela Arias, o da reconversión naval, o da movida e o da heroína, consumida tamén por fillos de boas familias. Unha estratexia narrativa arriscada que amosa o poder do cinema como creador de memorias e recuperador de lugares capaces de explicar os conflitos. Con estas intencións, Simón acompaña ao seu álter ego na pantalla que con paciencia vai reconstruíndo a historia de amor e  dor dos seus pais, entre o que lle contan uns e outros, o que ela imaxina e o que filma coa súa cámara de vídeo inseparable e de xeito tan obxectivo que pode chegar a provocar na espectadora un incómodo estrañamento.

Reconstrución cinematográfica, poética e onírica tamén, que Carla Simón pretende sexa restauradora da memoria familiar, tamén da memoria histórica, xa que se reivindica o papel daquela xeración de mozos e mozas saída da ditadura, que ensanchou os límites das liberdades e dereitos, mais tamén caeu nos enredos tráxicos do descoñecido. Cine de beleza desacougante, capaz de abrir dúbidas e pechar feridas, ofrece escenas memorables e imaxes impresionantes de Helène Couvart, directora de fotografía, un tesouro moi valioso para o arquivo audiovisual da cidade de Vigo. Como é moi destacada a interpretación da viguesa Marina Troncoso no papel de matriarca da familia Piñeiro de la Cruz. Outro tanto cómpre salientar da calidade da banda sonora na que se mesturan temas de Siniestro total con pezas populares de Pelepau e de Eladio Santos, que se ocupou con gran acerto da asesoría musical. Habería cousas mellorables, certo é, como terse ocupado do modelo lingüístico ou matizar o tópico consumo habitual de drogas por parte da mocidade viguesa. Faragullas que non malogran esta valiosa peza de comprometido cine humanista que recomendo ver.

 

Colectivo

A finais da escola primaria descubrimos o paradoxo de que hai unhas poucas palabras que poden ser tanto un adxectivo como un substantivo. Este é o caso da palabra “colectivo”, que cando funciona como adxectivo fai referencia á pertenza a unha colectividade, sendo “individual” ou “particular” o seu antónimo; mentres, o substantivo define o que é un conxunto cohesionado de persoas agrupadas para desenvolver unha actividade en común. Ao Celta de Claudio Giráldez, despois de máis de cincuenta partidos de liga, cádralle mallada a palabra “colectivo”, sexa nome sexa adxectivo. Na tarde de onte en Balaídos, dende o inicio ao remate dos 97 minutos de partido, o Celta comeulle as papas a un Vilarreal, que chegaba líder e ateigado de figuriñas carísimas. Como é adoito, os de Claudio foron un colectivo de 23 futbolistas, entre os 16 que saíron á moqueta e o resto que sufriron o partido no banco, comprometidos a partir un piñón co seu adestrador. Un colectivo, no que participasen uns u outros dos seus compoñentes, desenvolveu un xogo colectivo e combinado capaz de confundir aos de Marcelino Toral, sobre todo nunha primeira parte memorable para o celtismo, na que aos celestes só lles faltou o gol.

Inesquecible foi para os que levamos acudindo décadas á catedral laica do Fragoso, o momento no que coñecemos o once inicial do adestrador soqueiro, que coa excepción do gardameta romanés Radu e do dianteiro Bryan Zaragoza, aliñaba nove futbolistas que pasaran pola Madroa, un fito para a historia centenaria do club. Cantidade que durante uns poucos minutos da segunda parte, tras a primeira quenda de trocos, subiu a dez. Algo que nos parecía incrible hai só dous anos, cando Rafael Benítez desprezaba as promesas da canteira galega. Unha completa volta de peúgo que, ademais de contribuír á economía do club con traspasos millonarios, como foi o de Fer López, recuperou o estilo de xogo colectivo do Celta de hai vinte e cinco anos, aquel conxunto de Víctor Fernández que sería o primeiro club galego en gañar unha final dunha competición oficial europea, a Copa Intertoto da UEFA. Mérito da afouteza e autoestima de Claudio Giráldez que introduciu sete trocos, respecto ao partido do Betis, deseñando unha defensa de tres membros totalmente galega, con Carlos Domínguez, Javi Rodríguez e Manu Fernández; confiando a dirección do equipo a Hugo Sotelo (outro partido extraordinario, o mellor dos celestes no que vai de tempada) e a Miguel Román (excelente no seu debut); como da canteira celeste eran os carrileiros, Carreira e Rueda, e os dianteiros que participaron, Durán, Aspas, Hugo Álvarez e Borja Iglesias.

Con semellantes vimbios, saíu o Celta moito máis intenso ca nos encontros pasados, cun xogo ordenado e con vontade de ser vertical. Aos cinco minutos, Aspas, que ocupaba a posición de enganche, desmarcouse e a piques estivo de marcar unha asistencia de Durán. Durante toda a primeira parte, os de Giráldez presionaron e roubaron na saída do balón dos castellonencos, máis non souberon aproveitalo para superar a Luiz Junior. Foi Bryan Zaragoza quen estivo máis cerca de facelo, no 36’, nun xute ao pao longo que despexou o excelente meta brasileiro. Como poucos minutos despois, o Celta nun saque de recanto de pizarra, moi raso sobre a área pequena, puido marcar, como cando finalizaba a primeira parte, Aspas non conseguiu aproveitar outro pase filtrado ao espazo por un Sotelo cada vez máis brillante.

Mágoa que tanto xogo e posesión celeste non se concretasen no marcador. Sen embargo, o conseguiron os visitantes no 53’, grazas a unha fermosa combinación na frontal de Etta Eyong que de taco deixou só ao seu compañeiro Pépé, para que marcase con facilidade. Co marcador adverso, os de Giráldez nin apoucharon nin perderon a paciencia nas axudas defensivas, cando os amarelos foron máis temibles. Secasí a entrada de Borja Iglesias e Moriba, coas que Claudio pretendía recuperar verticalidade, levaron aos groguets a acumular dúas liñas, moi difíciles de rebentar. Xaora, os célticos nunca perderon a confianza en facelo. No 89’ estiveron a piques de conseguilo: un pase filtrado de Mingueza sobre Borja, que deixou con intelixencia sobre Moriba, que xutou de xeito que o balón raspelase a base do pao. O partido parecía entón perdido. Mais o colectivo celeste insistiu no tempo engadido. Un gran pase en diagonal de Manu Fernández sobre Javi Rueda permitiu que o malagueño cabecease sobre a área pequena, onde apareceu Borja que de forma maxistral superou de cabeza, por fin, ao meta de Luiz Junior. Un fermoso gol de fabricación colectiva, que fixaba un merecidísimo empate nunha tarde de fútbol marabilloso. Certo é que a puntuación do Celta neste arrinque de agosto non é completamente satisfactoria (apenas 3 puntos de 12 posibles) nin tampouco a produción de gol, porén o xogo colectivo exhibido nestes tres empates aventura que os de Claudio competirán coma fixeron na liga pasada.

Publicado en Faro de Vigo: 01/09/2025

Canicosta

O Celta continúa subindo a súa particular canicosta de inicio da tempada europea, esa corredoura con pendente esixente que aínda rematará o vindeiro domingo diante do poderoso Vilarreal, o líder actual. No serán do mércores diante do Betis de Pellegrini, rival na Europa League, nunha gran segunda parte amosou o seu mellor xogo. Porén, se ollamos a táboa clasificatoria, onde os celestes figuran con apenas dous puntos de nove, a situación é enganosa, xa que polo xogado co Mallorca e Betis, perfectamente poderían ser catro ou seis. Triunfos que se lle escaparon fose por un erro defensivo illado, un exceso de confianza, como o de Son Moix, cando o partido remataba, ou fose por erros na finalización, como os que se puxeron en evidencia diante dos béticos, xusto cando o equipo despregaba o xogo combinado máis logrado do que vai de competición. Dous empates que, superado o fracaso inicial diante da xetafina de Bordalás, fixeron recoñecible aquel equipo co que Giráldez rematou a pasada campaña. Precedente que debería abondar, sen xuntar allos con maraballos, superada esta difícil canicosta inicial, para evitar ansiedades e desconfianzas futuras.

Non hai dúbida, polo visto diante do Betis, que o cadro celeste está a partir un piñón co adestrador soqueiro, probablemente polo feito de que conta con todos na confección dos seus onces de gala, como polo feito de que con Giráldez ninguén pode vivir de moca. E se alguén o dubida que llo digan a un ferrote tan veterano como Marcos Alonso, que quedou durante a primeira parte do mércores no banco, tras a súa sobrada de Mallorca, o que obrigou, lesionado Starfelt, a montar unha primeira liña con dous canteiráns, Yoel Lago e Javi Rodríguez, e un lateral habilitado como Ristic. Unha arriscadísima defensa de tres, que funcionou durante toda a primeira parte, até que no 45’ Bartra cabezou as redes un saque de recanto, certo que facilitado pola caída de Javi, ao que lle fixeron falta. Infortunado gol visitante, que non pexa a boa actuación dos centrais celestes, aínda que si poida volver a provocar dúbidas sobre o papel de Radu, que non amosou o dominio da área pequena no balón parado, da que o secretario técnico celeste falou cando foi presentado o porteiro romanés.

Diante do marcador adverso e xogando por fin cara a Marcador, un factor emocional a ter moi en conta, Claudio reaccionou decontado, modificando o seu debuxo e a actitude do conxunto. A entrada de Javi Rueda, até agora a mellor novidade da tempada, revolucionou o xogo celeste, levando a Hugo Álvarez a xogar adiantado entre liñas, o que rompeu o cadeado que dende o inicio dispuxera o enxeñeiro chileno. Mudanza táctica giraldina que decontado deu froito nunha chegada velocísima do carrileiro malacitano até a liña de fondo, provocando un saque de recanto. Aí naceu o solitario golazo celeste: un cacheirón dende a frontal que enganchou Hugo Álvarez co pé esquerdo, sen deixar caer o balón, aproveitando un rexeitamento do gardameta bético. Debuxo claudino que aínda funcionou máis satisfactoriamente nos vinte derradeiros minutos, xa coa presenza de Aspas, capaz de mellorar o xogo dos seus compañeiros, que baixo a dirección dun inmenso Hugo Sotelo, chamado a ser a revelación celeste, acurralou ao equipo visitante que pedía a hora. Mágoa que con semellante superioridade coral nin Jutglá nin Bryan Zaragoza fosen capaces de marcar, cando dispuxeron de ocasións moi claras para facelo. Desta volta, o equipo de Giráldez quedou na praia, apenas a uns metros do seu obxectivo.

Esta magnífica segunda parte dos célticos abriu na afección varias liñas de debate. A primeira: no Celta actual manda o colectivo sobre o individual. Claudio constrúe as súas aliñacións sobre unha aliaxe de tres compoñentes: promesas que non se abouchan en momento ningún (coma o heroico Yoel Lago, Javi Rodríguez, Abdellaoui ou Manu Fernández), xogadores de experiencia (Borja, Marcos, Iago, Mingueza, Starfelt, Moriba, Ristic) e canteiráns veteranos (os Hugos, Damián, Durán, Domínguez, Carreira, Rueda…). A segunda: a canicosta actual amosou que o cadro ten un serio problema de gol. Os dianteiros aínda non marcaron. Quen vai contribuír a chegar aos 59 tantos da pasada liga? A terceira: co traspaso de Fer López, Aspas quedou sen relevo, o que fai preciso contar cun xogador entre liñas con chegada, gol e liderado. Será Denís Suárez? Poderíase soñar coa volta de Brais Méndez? A cuarta: hai unha serie de xogadores de calidade e fantasía que continúan en pretempada, alleos ao compromiso requirido para subir esta canicosta: Williot, Zaragoza, Mingueza e mesmo Beltrán (caso de non ser traspasado in extremis) poden marcar a diferenza e contribuír a mellorar os resultados do equipo. E cinco: a polémica da portaría continúa aberta, probablemente, até o mercado de inverno. E o domingo o Vilarreal, outro óso moi difícil de roer.

Publicado en Faro de Vigo: 29/08/25

Escribir a man

Escribo a man as primeiras versións de todos os textos que publico, sexan artigos ou presentacións. Fágoo nos meus cadernos, aos que chamo «brétemas», que conservo numerados na biblioteca, xeralmente a lapis afiado e con caligrafía ligada escolar, como a que aprendín hai catro décadas cando me formei en grafomotricidade con Juan Antonio García Núñez, descompoñendo a escritura nunha combinación entre trazos horizontais, verticais e bucles arriba e abaixo. A esta altura da miña vida, utilizar a escritura manual, a pesar de demorar a produción textual, constitúe un excelente traballo artesán que contribúe a estimular a miña actividade cognitiva. E o certo é que son numerosas as razóns que dende a neurociencia aconsellan que continuemos escribindo a man, ao tempo que o facemos nos teclados das computadoras e dixitamos nas pantallas de teléfonos e tablets. A escritura a man é a nosa primeira marca de identidade, activa a memoria en movemento e a forma na que absorbemos a información, cultiva a paciencia e estimula a expresión creativa. Compromete a actividade da maior parte do cerebro, sobre todo daquelas rotinas adestrables como a motricidade fina, habilidade cognitiva que permite a fluidez do útil e a continuidade do trazo premendo de forma suficiente sobre o papel. A caligrafía é unha actividade artesanal e sensorial na que están comprometidas as mans, os brazos como a totalidade do corpo, polo que son comprensibles as apelacións literarias que reclaman que vivir é escribir con todo o corpo, ou que a escritura manual é unha forma primeira de afirmación da vida. Quizais sexa por esta razón utilitaria pola que países como Noruega, que abandonaron nas aulas de Primaria a aprendizaxe da escritura cursiva, trasacorden agora polos beneficios da caligrafía para as aprendizaxes básicas. Coma sucede na lectura, a escritura do noso tempo é híbrida, manuscrita fluída, continua e con afán de permanencia sobre o papel, como a dixital é descontinua, fráxil e permanentemente revisable.

Publicado en Nós diario: 27/08/25

O relato de Irene Ceballos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre Irene Ceballos en a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego:

A Rede de Museos do Concello de Vigo celebra o centenario da aceptación da doazón do marqués de Alcedo da Finca da Marquesa cun programa de actividades, entre as que destaca «Irene Ceballos. Relato verídico da viúva de Policarpo Sanz», mostra instalada na Pinacoteca Fernández del Riego até o 19 de outubro. Comisariada por Beatriz Liz de Cea, retrata a unha muller que, dende a páxina que lle dedicou José Espinosa en Terras do Fragoso (1949), se consideraba como a caritativa viúva do filántropo Policarpo Sanz. Tras unha investigación exhaustiva, iniciada hai unha década, cando a comisaria traballaba na colección de artes decorativas do Museo de Castrelos, ofrece un novidoso relato biográfico, solidamente documentado, da muller que custodiou e ampliou o legado que o seu home deixou a Vigo. Percorrido vital de Irene Ceballos en trinta obras, entre cadros e pezas decorativas, e resumido nunha peza audiovisual moi conseguida, creada con utilidades de IA, que a localiza nas súas cidades, Nova York, París, Madrid e Vigo, despois do pasamento do seu home en París o 9 de novembro de 1889. Corpo embalsamado que chegaría ao porto de Vigo, no vapor Medoc, procedente de Burdeos, o 31 de agosto de 1891, para ser enterrado no cemiterio de Picacho, onde xa estaba o seu pai. Dende ese día, no que pechou o comercio da cidade para renderlle homenaxe ao seu valedor, a estrada de Circunvalación pasou a chamarse de Policarpo Sanz.

A cerna da exposición radica en demostrar o papel decisivo que Irene Ceballos, en calidade de primeira testamenteira, tivo interpretando os condicionantes do testamento do seu home. Manda que establecía que todas as operacións derivadas do legado se practicasen de forma extraxudicial, quedando constancia de todo o obrado no Arquivo do Concello de Vigo. Testamento asinado polo empresario vigués o 1 de xuño de 1888 nunha notaría de Broadway, que instituía a Irene como herdeira universal de todo o remanente dos bens existentes, en calidade de usufrutuaria. Bens que a súa morte pasarían ao concello de Vigo, co fin de construír un instituto de ensino secundario, centro do que carecía a cidade, para o que se adquiriron uns terreos na finca El Carmen, así como deixaba cen mil pesos para a construción dun hospital municipal de caridade ás aforas da cidade. Como a manda tamén contemplaba que se ao falecer Irene existía aínda a colección de cadros e obxectos de arte serían colocados nos salóns do novo centro educativo.

Na mostra pode consultarse documentación que amosa que o compromiso de Irene Ceballos con Vigo se mantivo intacto durante catro décadas, dende aquela visita do 9 de decembro de 1890, na que chegou no ferrocarril procedente de Madrid, hospedándose durante dous meses na fonda da Viúva de León. Os documentos que manexou Beatriz Liz amosan que Irene puido negar a vontade do seu home e exercer os seus dereitos, aproveitando a diferente lexislación entre os Estados Unidos, Francia e España. Non só Irene non desistiu, senón que aumentou o legado artístico até as 104 pezas que, tras o seu pasamento, chegarían a Vigo ao Museo Quiñones de León, en tres envíos, o primeiro en decembro de 1935 de catrocentos vultos, o segundo en 1941, dos vinte cadros que se atopaban no Metropolitan Firefroof Wharehouse de Nova York, e por último en 1942, os excelentes retratos de Edouard Bertrier do matrimonio Sanz Ceballos enviadas pola sobriña de Irene. Como tamén hai documentación que demostra que Irene contribuíu de forma discreta a dotar dunha mesa de operacións, mesas xiratorias para os pacientes e material cirúrxico que o hospital municipal precisaba.

O relato biográfico da filántropa viguesa complétase con outras historias como a da súa relación co teatro e a música. En calidade de socia de honra de La Oliva contribuíu economicamente dende a distancia en varios dos certames literarios e musicais da sociedade. Como tamén o fará co mecenado da carreira precoz da pianista Norita Pereira, que tivera éxito no seu concerto no Tamberlick, a quen acolle na súa casa de Madrid para presentala na Corte ante a raíña María Cristina.

Historias do compromiso de Irene Ceballos con Vigo, fose protexendo o legado artístico que despois de corenta e seis anos chegou intacto ao Museo de Castrelos ou fose actuando como mecenas de carencias da cidade. Como resulta significativo deste compromiso que, tras o seu pasamento o 19 de agosto de 1935 no Gran Hotel Continental de Santander, expresara a súa vontade que días despois fose enterrada no panteón familiar do cemiterio de Pereiró a carón do seu home. Sabendo que o primeiro instituto vigués, inaugurado en 1946, leva o nome «Santa Irene», como quixeron os seus mecenas, atrévome a propoñer que se debata a posibilidade de mudalo a un nome máis axustado á historia como sería «IES Irene Ceballos de Vigo».

Polo correo do vento

«Polo correo do vento» é un poema de Aquilino Iglesia Alvariño recollido na antoloxía da súa poesía infantil que co mesmo título apareceu en 1994 na colección Merlín: «Polo correo do vento / mándoche a miña canción, / nun sobre de sentimento / que asinei co corazón.» Foi tamén o nome que escollemos para unha colección pioneira e histórica na Lix galega, libros interactivos de textos e actividades sobre animais, contextualizados na xeografía e historia de Galicia, na que Enrique Mauricio Iglesias «Mau» se ocupaba dos textos e Carlos Álvarez Taboada «Pin» dos debuxos. Iniciada por Mariquiña, a carteira andoriña (2008), a colección tivo en Xerais sete títulos. Proposta de lix de non ficción afondada en Lela edicións, a editora monolingüe que fundaron onde publicaron breves e moi visuais biografías de mulleres galegas, así como libros de banda deseñada sobre persoeiros da nosa cultura. Comprometidos co fomento da lectura en galego, fixeron centos de sesións divertidísimas e participativas de animación lectora, de uso do galego e de desenvolvemento da creatividade e expresión artística polas escolas do país, como por librarías, bibliotecas públicas e auditorios municipais, nas que Enrique se ocupaba da parte oral mentres Carlos debuxaba. No pasamento tan inesperado de «Pin» Carlos Taboada, a alma gráfica de Polo correo do vento, é imprescindible salientar o seu carácter de sólido narrador infantil, finalista do Premio Merlín en dúas ocasións, co excelente debut A biblioteca de Pedrarcana (Xerais 2018) e a recente O caderno de Roque (Xerais 2025), dúas novelas arredor da lectura, desbordantes de humor e fantasía, nas que tamén se ocupou ilustralas co seu grafismo rotundo e claro, sinxelo e informativo, característico de toda a súa obra. Con todos os abrazos para os seus familiares e para «Mau» o seu cómplice, recollo os versos finais do poema Polo correo do vento de Aquilino: «Cando por aí pase o vento, / Terriña do corazón, / nun sobre de sentimento / darache a miña canción…»

Publicado en Nós diario: 20/08/2025