Porrúa editor

O editor Paco Porrúa recibirá na Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego unha homenaxe cando se fan dez anos do seu pasamento en Barcelona, onde vivía dende 1977. Tributo que faltaba para un xigante da edición literaria do século XX, fundador hai setenta anos de Minotauro, editorial referente da ciencia ficción en castelán, e asesor, despois, director literario da editorial Sudamericana durante case dúas décadas, nas que apostou por obras hoxe esenciais na literatura contemporáena, como Rayuela (1963) de Julio Cortazar ou Cien años de soledad (aparecida o 30 de maio de 1967) de Gabriel García Márquez. Afortunado e intuitivo nas súas escollas e nas obras que traduciu, entre elas Crónicas marcianas (1955) de Ray Bradbury, que asinou como Francisco Abelenda e O Señor dos Aneis (1977) de J.R.R. Tolkien, firmada por Luis Domenech, ensinou que no exercicio do seu oficio, o editor debe ser anónimo e discreto, consciente de que non é outra cousa que o seu catálogo e que cando morra non quedarán máis que os seus libros. Sabía que a primeira función do editor era a de lector, para escoller os mellores textos, logo editalos ben e conversar e acompañar sempre aos autores. Prácticas que lle permitiron legar un catálogo extraordinario, encabezado polos autores citados, aos que engadiu tantos outros nomes, como os de Alejandra Pizarnik, Onetti e Sarduy, entre os sudamericanos, e Italo Calvino, Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin ou Angela Carter, entre os traducidos. Nacido en Corcubión (1922), educado na Patagonia, onde emigrou con dous anos, nunca perdeu a súa relación con Galicia, a que regresou durante dous anos da súa adolescencia, o que non lle impedía confesar «ser un galego sen saudade». Retratado o 7 de xaneiro de 1973 na serie «Figuraciós» de La Voz de Galicia, Luís Seoane recoñecía no seu amigo Paco Porrúa «a paixón polos grandes escritores aparentemente sen lectores». Rescatalo do esquecemento e reintegralo á memoria da nosa edición histórica merece todas as beizóns.

Publicado en Nós diario: 08/05/2024

Villalta

Lembramos hoxe o vixésimo cabodano de Luísa Villalta, homenaxeada este 17 de maio. Tras anos de esquecemento editorial, apenas roto pola publicación de Papagaio (Laiovento 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, e máis recentemente d’ As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro 2020), textos escritos (un por día) en diálogo con outros da poesía universal, nos dous meses anteriores ao seu pasamento, nas marxes do Almanaque poético (2004) da editora portuguesa Assírio & Alvin, apareceron, por fin, nas librarías de noso a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia 2023), así como varias achegas biográficas e escolmas da obra dunha autora que durante a súa traxectoria literaria (apenas dúas décadas) teimou na procura da verdade dende a concreción da palabra poética e dunha insurxente liberdade creadora. Publicacións, entre as que salientamos a escolma Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora 2024) de Eva Veiga e Pilar Pallarés, o ensaio e libro das amizades Abonda con vivir (Xerais 2024) de Montse Dopico, e o álbum para lectorado novo Alma de violino (Xerais 2023) de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez, que dende lecturas plurais coinciden en retratala como unha poeta, dramaturga, narradora, ensaísta, articulista, música, violinista, filóloga, profesora, membro da directiva da AELG e activista… radicalmente comprometida con Galiza e coa súa lingua. Foi a poeta coruñesa, en palabras de Pilar Pallarés, «autora dunha poesía en que coexisten altura intelectual e carácter civil», «sabia no respecto dos contrarios». Foi muller feminista, nacionalista e de esquerdas nunha sociedade literaria de homes, en palabras do seu compañeiro no conservatorio da Coruña Xurxo Souto, «conectada coa forza da vida» e «capaz de romper a orde entre música e poesía». Deixou Luísa un legado literario, edificado con palabras de denuncia que non perderon actualidade ningunha, e que para a súa amiga Marga do Val están «enroladas no seu compromiso ético e político».

Publicado en Nós diario: 06/03/2024

Alfonso ou o compromiso do entusiasmo

Alfonso Álvarez Cáccamo escribiu no libro d’ Os aforismos do riso futurista (Xerais 2016) que «o destino é un cabalo desbocado». Sabía que por moito que galopemos no seu lombo, xamais lograremos domesticalo, o que non impediu que a súa vida enteira fose un modelo de compromiso coas causas do entusiasmo e coa construción dunha amplísima comunidade de afectos. Foi Alfonso o escritor galego da súa xeración que mellor soubo empregar o humor e a creación de mundos imaxinarios como estratexia narrativa. Ferramentas coas que construíu un coidado e excelente catálogo narrativo, con novelas tan logradas como As baleas de Eduardo Reinoso (Xerais 1990), premio Xerais; O bosque de Levas (Galaxia 2008), trasladada ao cine (2006) ou Os Gotten (Xerais 2014), retrato dunha familia viguesa, culta e emprendedora, onde todos os seus membros posúen a xenerosidade e o grato sentido do humor como marcas da historia común de varias xeracións. Catálogo que ampliou ao relato, con títulos como Catapulta (Xerais 1995) ou Contos mamíferos (Cumio 1998), onde combinou  o exercicio da creatividade verbal co deseño audaz de personaxes esmedrellantes e festivos.

Enxeñoso, alegre, entrañable, Alfonso contaxiaba alí onde estivese empatía, fose na comunidade do Colexio de Panxón do Instituto Social da Mariña, onde exerceu como mestre durante máis de tres décadas, fose nas actividade dos Instituto de Estudos Miñoráns co que colaborou ou nas múltiples causas da nación e da esquerda nas que foi activista. Aprendeu o oficio de edición na oficina da editorial Castrelos, a carón do seu pai, o inesquecible Xosé María Álvarez Blázquez, do que foi o seu primeiro biógrafo (Ir Indo 1994) e de quen se ocupou con rigor documental extraordinario da súa Fotobiografía (Xerais 2008) e de quen traduciu para o galego dúas das súas novelas. Nas páxinas d’ A Nosa Terra e do Faro de Vigo publicou varios centos de artigos, seguindo a actualidade da súa «cidade da oliveira e do orballo», comprometido coa defensa da lingua galega e do seu patrimonio. Exerceu a crítica literaria, deixando algunhas pezas memorables como aquela na que en febreiro de 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio e defendía con afouteza e gume afiado a poeta Xela Arias. Foi Alfonso tamén poeta, autor dun libro referencial, Sebes contra o vento (Espiral Maior 2009), e responsable do blog Pensamentos de Olafson Mokk (2012), prodixio de creación literaria e plástica, onde desenvolveu unha sorprendente obra gráfica, sen esquecer o seu interese pola escultura, como creador de pezas a partir das crebas da costa de Oia que tanto apreciaba. Hoxe choramos a súa perda con saudade. Con todos os abrazos para súa familia e comunidades de afectos que teceu.

Publicado en Faro de Vigo: 06/03/2024

Manuel de Castro, Handicap

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a biografía de Manuel de Castro Handicap preparada por Adrián Iglesias:

Tras aquel libro pioneiro de Gerardo González Martín, Handicap creó el Celta (Ediciones Cardeñoso 2011), o galipedista pontevedrés Adrián Estévez Iglesias presentou a pasada semana Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón (Galaxia 2023), a primeira biografía en galego de Handicap, o xornalista deportivo, primeiro adestrador da selección galega de fútbol e figura clave hai un século na fundación do Celta de Vigo. Primeiro título da colección «O noso deporte» da editorial Galaxia, o libro de Estévez ademais de investigar aspectos biográficos e familiares novidosos do xornalista nacido en 1885 no número 89 da viguesa estrada de Baiona (actual Pi e Margall), especialmente as súas viaxes por Europa con motivo dos xogos olímpicos de Antuerpen (1920) e París (1924), documenta outras cuestións relacionadas coas orixes do fútbol en Vigo, coa creación do Celta, a construción do estadio de Balaídos e o desenvolvemento do equipo até o seu ascenso a Primeira, coa pegada do deporte na cultura galega e no galeguismo ou sobre a prensa deportiva viguesa das catro primeiras décadas do século XX.

Adrián Estévez esculca nas orixes do fútbol vigués, vinculado a comezos do século XX aos «rapaces ben (coñecidos como “sportman”) de familias dedicadas á triloxía mar, industria e conserva» e ao fenómeno do domingo libre, declarado dende a lei de 1904, o que provocou a aparición dun público, as clases populares para as que «o deporte era un espectáculo recreativo que contemplar, mais nun principio aínda sen participar». Non esquece a orixe portuaria do fútbol na cidade nosa, cuxos primeiros partidos xogaron, a finais do século XIX, mariñeiros ingleses que recalaban no porto e traballadores do Cable Inglés. Como tamén que a sociedade Arte y Sport, creada en 1903 por alumnos da Escola de Artes e Oficios, mudou o seu nome polo de Vigo Foot-ball Club o 22 de maio de 1905 e adoptou como equipamento as cores identificativas da bandeira da provincia marítima de Vigo: camiseta con dúas franxas verticais branca e vermella e pantalón branco. Recupera Estévez ademais aquel primeiro campionato de Galicia celebrado no Malecón, nos recheos do peirao, no mes de agosto de 1905, no que ademais do organizador, o Vigo F.C., participaron outros catro equipos vigueses: Hispania, Marítimo, Murcia (formado por sarxentos do rexemento militar) e Fortuna, club que en xaneiro de 1908 comezaría a xogar en Bouzas.

Adrián Estevez reconstrúe a traxectoria xornalística de Handicap, dende a súa primeira publicación o 16 de febreiro de 1909, cando tiña apenas vinte e tres anos, unha crónica en Faro de Vigo entre o Exiles (primeiro club de fútbol fundado en Vigo por oficiais do Cable Inglés do que xa hai noticia en 1876) e o Vigo F.C., que dende o ano anterior xogaba en Coia, a primeira catedral do fútbol vigués, onde se reunían máis de sete mil espectadores, até a apertura o 30 de decembro de 1928 no val do Fragoso, a carón do río Lagares, de Balaídos, topónimo que significa lugar onde abondan as abeleiras. Crónicas futbolísticas nas que Handicap acuñará un estilo de seu, caracterizado polo emprego de anglicismos e adxectivacións esaxeradas e por unha estrutura do artigo iniciada pola introdución dos equipos, centrada despois na narración do xogo e rematada cunha conclusión, na que dende a súa viaxe a Antuerpen adoitaba falar da importancia do apoio do público no campo. Crónicas publicadas nas páxinas de Faro de Vigo, como as súas «Notas deportivas», durante trinta e cinco anos, mais tamén noutras cabeceiras viguesas como Letras y Deportes (1909), primeira publicación deportiva de Galicia; Machada (1914), revista humorística; Vida deportiva (1916); Sprint (1927), semanario deportivo vinculado ao decano, que competía con Sport, ligado con El Pueblo Gallego; Horizonte (1932) e Hoja de los lunes (1936), que chegaría a contar co seu propio suplemento deportivo, Imán (1942).

Adrián Estévez aborda o sentimento galeguista de Manuel de Castro, un home de dereitas que apoiou aos franquistas no 36, expresado tanto na súa colaboración efémera na revista Nós, onde apareceu, probablemente traducida, a crónica en galego da final da Copa do Rei (1922), como e sobre todo pola súa convicción, compartida con Pepe Bar e Juan Baliño Ledo, que a unión do Vigo Sporting e o Fortuna debía dar pé a un equipo forte que servise para representar a Galicia nos campionatos de España. Convicción que levou aos fundadores a escoller o nome do novo club, finalmente entre Breogán e Celta, e a engadir no escudo, a partir de 1928 e a proposta de Baliño, a cruz de Santiago, como emblema para representar a Galicia.

Recomendo vivamente esta excelente e ben documentada monografía sobre a figura de Manuel de Castro, que amplía a temática da bibliografía galega do centenario celeste.

Ferreiro nacionalista galego

Luís Gonçales Blasco «Foz», unha das dez persoas participantes no acto fundacional da UPG o 25 de xullo de 1964, ofrece en Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais 2023) o retrato do comportamento político do autor de Celanova no que salienta a súa participación no movemento nacionalista e antifascista galego. Turrando de memoria e de documentación detallada esclarecedora, «Foz» relata a militancia de Ferreiro dende os dezasete anos nas Mocedades Galeguistas  (1932), a súa participación na creación da UPG e algunhas das súas achegas ao partido como a organización en trepias, células de tres membros nas que unha contactaba cunha cuarta, ou o nome de Terra e Tempo para o órgano de propaganda. Como reconstrúe os anos de amargura en Venezuela, aclara o proceso da súa expulsión da UPG (1974) e contextualiza na Reforma Política a súa incorporación ao PSG de Xosé Manuel Beiras e a participación na Candidatura Democrática Galega ao Senado (1977) pola provincia de Ourense e a creación da Irmandade Galega de Madrid (1978), como a posterior militancia anecdótica na agrupación viguesa do PSOE nos seus derradeiros meses coa intención (inxenua) de galeguizalo. Secasí a cerna da obra atopámola na reivindicación da figura de Celso Emilio Ferreiro como poeta nacional galego, tras a campaña sectaria e calumniosa de desprestixio que sufriu tras o seu pasamento (1979) e unha década despois, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, ao fío da que algúns críticos e poetas amigos negaron o seu nacionalismo e o cualificaron de poeta bilingüe. «Foz», como xa anunciara en traballos anteriores sobre esta polémica, ofrece un relato alternativo e veraz, alicerzado sobre a propia obra do poeta, que constitúe a xusta e necesaria reparación da dignidade de quen foi patriota galego. Recomendo esta valente biografía política tan esclarecedora sobre a figura de Ferreiro.

Publicado en Nós Galicia 05/04/2023

Vémonos mañá

Outra das lecturas recentes que recomendo é Vémonos mañá (Xerais 2022), a novela de non ficción de Xosé Monteagudo, que relata a separación inesperada de Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Unha conmovedora novela política sobre as esperanzas truncadas pola rebelión militar e sobre a represión oculta, ese espeso silencio que sufriron as mulleres durante o interminable franquismo. Retratos de dúas vidas separadas naqueles días de terror nos que todo é real e documentado mais tamén todo é froito das ferramentas da ficción utilizadas coa destreza de ourive coa que adoita traballar o novelista de Moraña. Un xeito moi eficaz de iluminar acontecementos e zonas de sombra protagonizados por Osorio-Tafall, o que fora alcalde de Pontevedra na República, tamén o funcionario español de maior rango nas Nacións Unidas, o mesmo que na Reforma Política renunciou a ser o Tarradellas galego, representando a lexitimidade do Estatuto do 36 como presidente da comisión intermunicipal que o presentou nas Cortes o 17 de xullo de 1936. Como tamén o é para afondar na figura heroica de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no recomendabilísimo Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que sufriu meses de cárcere e anos de acoso e estreiteza económica. Unha estratexia narrativa semellante a utilizada por Luis Rei Núñez en O encargo do señor Castelao (2016) e Matarán a Reboiras (2022) ou por Suso de Toro en Un señor elegante (2020). Novelas que amosan as posibilidades da ficción para contribuír á reconstrución de biografías e acontecementos chaves da historia do galeguismo. A narrativa como vía de investigación e achegamento á verdade, como unha forma de xusta reparación das persoas represaliadas e exiliadas, como a parella pontevedresa protagonista desta novela chea de matices e detalles de Xosé Monteagudo.

Publicado en Nós diario 01-03-2023

Kruckenberg poeta viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre María do Carme Kruckenberg:

A exposición «María do Carme Kruckenberg. Vivir unha aventura irrepetible», proxecto da Fundación Penzol e da Deputación de Pontevedra, instalada na sala Rosalía da sede viguesa da institución provincial na rúa Chao, percorre a traxectoria dunha das intelectuais viguesas máis destacadas do século XX, poeta que nos difíciles anos de posguerra adscribiuse á resistencia cultural sementando coa súa concepción de Vigo e da ría como epicentro vital e literario e co seu activismo poético gromos do actual Vigo literario. Comisariada pola profesora Mercedes Queixas, tamén a biógrafa de referencia da autora viguesa, utilizando os recursos gráficos dunha ducia de paneis informativos, de oito mesas documentais e dun audiovisual,  a mostra presenta a peripecia biográfica e autoral de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (MCK), dende o seu nacemento o 3 de xuño de 1926, no primeiro piso da casa Müdler da rúa Montero Ríos, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román en 1907, até o seu pasamento, tamén en Vigo, o 16 de maio de 2015.

Un percorrido que salienta a súa formación políglota autodidacta nos anos de entusiasmo da República, a súa educación para a liberdade e  a súa formación como lectora na ampla biblioteca familiar, as súas viaxes por diversos países europeos, con preferencia por Portugal, nas súas estadías estivais e como acubillo protector en 1936, a súa participación nas tertulias da taberna Alameda, onde coincidiu con pintores como Laxeiro e Carlos Maside ou poetas como Celso Emilio Ferreiro ou os irmáns Álvarez Blázquez. Non se esquece a súa estadía en Bos Aires entre 1949-1953, onde mantivo dúas conversas inesquecibles con Castelao, nin o seu decisivo regreso coa súa filla, tras a súa separación, elixindo o camiño das mulleres soas, para establecerse outra vez en Vigo no «edificio da Peineta» (1926), entre Lepanto e Urzaiz, deseñado por Jenaro de la Fuente, e recuperar as súas amizades literarias e artísticas do Café Derby, cando a presenza das mulleres nestes encontros era moi minoritaria se a comparamos coa que vivira en América.

De excelente presentación e espírito divulgador, a exposición presenta, ademais, o compromiso creativo e vital que mantivo ao longo de décadas coas diversas expresións das artes, como a pintura, a música e a interpretación. Con todo, o desenvolvemento da súa ampla obra poética (vinte libros de poemas en galego e dez en castelán) constitúe a cerna expositiva, deténdose en títulos esenciais deste catálogo. Cantigas do vento (1956), escrito con apenas 19 anos e publicado na colección Alba de Alberto González Alegre, sendo o seu primeiro en galego, o que cada vez sería máis frecuente até convertelo en idioma vehicular na década de 1980. A sombra ergueita (Edicións Castrelos, 1976), libro ilustrado polo seu amigo Laxeiro, aínda que o editor só empregou o debuxo que aparece na cuberta, non puido ser publicado até dar superada a censura, para Ferrín «o seu libro máis valente, mesmo ousado, rotundo e vivo», inscrito na longa tradición do lirismo radical.

MCK fixo de Vigo o seu lugar no mundo, o espazo onde sempre desexou tornar lizgaira, o que expresou cun verso memorable, ben presente na mostra: «A onde fun, tornei a Vigo». Un compromiso coa cidade que salientou nun histórico recital de poesía promovido e coordinado por ela, o 18 de marzo de 1988 no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo, convocado baixo o título «Os poetas de Vigo cantan en homenaxe a súa cidade». Un serán literario concibido como un recital de masas no que María Xosé Queizán e Maximino Keyzán, acompañados da música e guitarra de Xesús Elías Quiroga, recitaron aos poetas históricos, Blanca Lorenzo e Miguel Anxo Murado puxeron a nota musical, para rematar coas intervencións do que Chuchi, como a chamaban as amizades, cualificou como o conxunto poético máis brillante da historia da cidade de Vigo formado por Ferrín, Pepe Cáccamo, Luz Pozo, Xabier R. Baixeras, Manuel Vilanova, Ramiro Fonte, Forcadela, Alonso Fontán, Xela Arias, Román Raña, Luis González Tosar, Paulino Vázquez, Reixa e a propia Kruckenberg.

Para aquela homenaxe ao Vigo poético, que se anticipaba tres décadas ao actual Vigo literario (mellor ca Vigo noir), Kruckenberg apelaba a que «os vigueses teñen a obrigación de coñecer aos seus traballadores da beleza, aos seus soñeiros de imposibles, aos seus malabaristas da palabra, aos que dalgún xeito tratan de conservar a flor dorida do espírito desta terra». Unha fermosa alegación a prol da poesía como a voz máis pura dunha cidade fundada polos autores das súas primeiras cantigas. Unha mostra máis do seu carácter transgresor e dunha personalidade forte que soubo facerlle fronte á independencia que quixo como norte da súa vida. Recomendo a visita a esta mostra que recupera o seu legado.

Profesor Antón Costa Rico

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao profesor Antón Costa Rico con motivo da homenaxe que recibiu con motivo do seu setenta aniversario:

O pasado sábado o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea/USC), así como profesorado das tres universidades galegas e membros de Nova Escola Galega (NEG), homenaxeamos ao profesor Antón Costa Rico con motivo do seu setenta aniversario. Un recoñecemento necesario a quen hoxe é catedrático xubilado de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela que durante 44 anos desenvolveu un labor docente, intelectual e investigador fecundísimo e honesto tanto no eido da historiografía e política educativas como do activismo na renovación pedagóxica e galeguización educativa da que foi (e continúa sendo) alicerce e guieiro incombustible e infatigable. Unha homenaxe académica, en formato de singular seminario arredor das temáticas de «Educación, Historia e País», que lle foron propias a Antón durante cinco décadas, na que participaron dende os membros da Sociedad Española de Historia de la Educación, da que foi presidente, como Mª del Mar Pozo, actual presidenta, e o catedrático Agustín Escolano, o director da súa tese de doutoramento presentada en 1982 na Universidade de Salamanca, até unha representación do seu alumnado e de membros de NEG, movemento de renovación pedagóxica do que foi un dos seus fundadores, presidente e animador teimoso dende 1983.

Un proxecto vital, tamén académico e activista (militante), alicerzado sobre os piares da identidade, o territorio e a renovación, bosquexado xa no seu primeiro libro, O ensino en Galicia. Problemática e perspectivas (Edicións do Cerne, 1980), no que Costa xa escolma algún dos documentos máis relevantes da nosa historia educativa e aborda os retos da política educativa ao comezo do período autonómico. Un labor historiográfico que tras máis de tres décadas de esculca documental e catorce anos de redacción culminou en Historia da Educación e da Cultura en Galicia (séculos IV-XX). Permanencias e cambios no contexto cultural e educativo europeos (Xerais 2004), obra de 1246 páxinas, multipremiada, que concibiu como un «acto de confianza construtor de horizonte». Un libro nacido como un empeño científico, mais tamén patriótico, unha peza bibliográfica monumental que constitúe, en palabras de Agustín Escolano, «un fío interpretativo ordenado que outorga significado ao feito diferencial da cultura e da educación galegas no seo dos contextos cos que estes fenómenos e os discursos que os acompañan, comparten tradición».

Veciño de Vigo dende hai varias décadas, Antón Costa Rico participou no empeño que supuxo «A pizarra», o primeiro suplemento semanal educativo de Faro de Vigo (1983-1986) en lingua galega, pulsión de divulgación pedagóxica que desenvolveu en centos de artigo, mais tamén como correspondente informal en Galicia da revista Cuadernos de Pedagogía, fundador d’ As Roladas 2, revista do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, e sobre todo como animador incansable da Revista Galega da Educación, publicación de NEG, dende a publicación do seu primeiro número en 1986, e da revista Sarmiento. Anuario da Historia da Educación en Galicia. A sinatura de Antón está presente, tamén, en varios traballos no boletín do Instituto de Estudios Vigueses, sendo referenciais para a memoria viguesa o seu estudo biográfico sobre a figura do mestre mártir Apolinar Torres, «Modernización pedagóxica e reivindicación da Escola Nova na prensa da cidade de Vigo (1926-1929)» (Glaucopis 24, 2019), como sobre o sindicalismo educativo republicano, «Asociacionismo educativo e sindical do maxisterio galego: A Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo (1931-1936)» (Glaucopis 26, 2021).

Xaora, máis alá da súa impresionante obra publicada, unha decena de libros individuais, oitenta capítulos en libros colectivos, outros tantos artigos académicos, vinte e pico prólogos, a dirección de quince teses de doutoramento, entre elas as das viguesas María Fernanda Piñeiro Sampayo, La acción educativa de los colegios religiosos femeninos en la ciudad de Vigo 1886-1962 (2013) e Miriam Varela Iglesias, Colegios, cátedras y escuelas. Vigo (1803-1929) (IEV 2015) ou os seus anos de xestión como decano da Facultade de Educación, director do ICE da USC, membro do Consello Escolar de Galicia ou director da Biblioteca de Pedagoxía da editorial Kalandraka, o que máis destaca en Antón Costa Rico é a súa xenerosidade e tenrura como educador. Unha dimensión que a súa alumna Uxía Bolaño resumiu na homenaxe de forma emocionada e luminosa como «a dun sabio militante sempre apurado e cos libros na man, como un referente que sempre está coas causas relevantes, con compromiso e constancia, un construtor da educación galega co ollar no pasado e no futuro». Un profesor do que nos sentimos orgullosos os seus alumnos e alumnas. Únome aos parabéns tan merecidos. Grazas, Antón, mestre!

Operación Rosalía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día de Rosalía:

A celebración este ano do Día de Rosalía ven marcada polos importantes achados biográficos sobre a autora da investigadora Sagrario Abelleira recollidos no seu traballo recente «Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)». Esculcando sobre a denominación da praza de Vigo en Compostela, nacida dun irmandamento entre as dúas cidades, que supuxo tamén a inauguración da praza de Compostela en Vigo, Abelleira descubriu os documentos que testemuñan que Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837, e non o 24 como aparecía na súa partida bautismal. A localización do expediente inédito do casamento de Rosalía de Castro e Manuel Murguía  na igrexa de Santo Ildefonso de Madrid o 10 de outubro de 1858, depositado no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, permitiulle atopar a escritura notarial de 1843, na que a nai de Rosalía, Teresa de Castro, declara por dúas veces que a súa filla naceu o 23 de febreiro de 1837, ás catro da mañá, ademais de recoñecela como filla natural, desmentindo a acta bautismal de que fose filla de pais incógnitos.

Declaración materna que a todos os efectos legais supoñía o seu recoñecemento como herdeira mais que, ademais, confesa que a levou a Ortoño onde foi aleitada durante seis meses por María, unha muller da parroquia, o que afasta a posibilidade de que fose abandonada por ela. O que abondaría tamén, segundo Abelleira, no feito de que Teresa Castro teimaría en que a súa filla recibise unha educación moi superior á que recibían a maioría das mulleres do seu tempo, tratando de formala arredor da Real Sociedad Económica de Amigos del País (1850), onde recibiría formación artística, literaria e musical e participando nas actividades do Liceo da Xuventude, onde coñecería aos poetas Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre e probablemente, segundo Abelleira, lle permitiu ter acceso á bibliotecas de persoas que posuían libros en francés, inglés ou italiano. Esculcas de Abelleira sobre a estancia do matrimonio Murguía De Castro en Madrid que amosa a súa colaboración con intelectuais asturianos e a súa correspondencia cos responsables do periódico vigués La Oliva (1856) de ideas liberais e rexionalistas de Alejandro Chao, impreso no prelo de Juan Compañel na rúa Real 14 (que se corresponde ao actual 21, segundo demostrou o investigador Xurxo Martínez).

Relación co editor Compañel que no caso de Rosalía permitiría no ano do seu casamento a publicación do seu primeiro texto en prosa, «Lieders», incluído en «El Álbum del Miño» (1858), considerado o primeiro manifesto feminista en Galicia e a declaración da súa condición como escritora. Colaboración que continuaría coa publicación de «La hija del mar» (1859), a súa primeira novela. A amizade da parella con Compañel levounos a vivir en Vigo na casa do editor durante uns meses do ano 1860, estancia da que pouco sabemos. En todo caso, Rosalía publicaría con Compañel en 1863 os poemarios «A mi madre» e «Cantares Gallegos», o libro fundacional da literatura galega, saído do prelo o 17 de maio. Sabemos por don Francisco Fernández del Riego que Rosalía rematou a correr o libro, apremada polo editor. Contaba don Paco que «só estaba escrito o primeiro prego, que Murguía entregara na imprenta sen coñecemento da autora. Esta viuse obrigada a seguir escribindo, a medida que nas caixas demandaban o orixinal». Vigo quedou así vinculada á xeografía rosaliana, pola proeza de Rosalía e polo necesario estímulo do editor Compañel e do núcleo de liberais vigueses artellado arredor da súa imprenta dende 1855.

Os achados biográficos rosalianos de Sagrario Abelleira supoñen, como ten sinalado o xornalista Manuel Xestoso, un «renacer simbólico» da nosa poeta primeira, icona do noso Rexurdimento como da propia lingua, tanto polo feito de abrir novas liñas de investigación nos estudos rosalianos como pola mudanza da propia data do Día de Rosalía, que a partir deste ano pasa a ser o 23 de febreiro. Unha efeméride literaria que, ademais, este curso 2021-2022 e por vez primeira foi incluída no calendario escolar, o que sen dúbida contribuirá a intensificar as actividades sobre a autora. Como continuarán as múltiples iniciativas promovidas pola Fundación Rosalía presidida polo incansable Anxo Angueira que nesta edición, ademais de seguir coas actividades do 50 aniversario da apertura da Casa de Rosalía (1971), propón organizar lecturas e actos rosalianos, como o previsto na Deputación de Pontevedra, participar nas alboradas organizadas pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s ou convidar aos restaurantes a que esa xornada preparen un Caldo de Gloria, un caldo humilde recollido no poema «Miña casiña, meu lar», no que se relata a épica diaria da supervivencia. Neste primeiro 23 de febreiro, anóvase a celebración da proeza literaria de Rosalía.

Onte 2137: «Reboiras»

Papei de dúas sentadas Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira 2021), o libro no que o xornalista Xosé Manuel Pereiro e o historiador Xurxo Martínez González, ao fío do relato biográfico de Xosé Ramón Reboiras Noia, ofrecen unha ollada coral ao proceso de conformación do movemento nacionalista galego arredor da UPG, dende 1969 ao inicio da Reforma Política (1976). Lonxe da tentación haxiográfica sobre unha figura mitificada, que padeceu ilexitimamente persecución e violencia por parte do estado, recoñecida como vítima do franquismo dende 2009, asasinado por tres tiros ás costas pola policía o 12 de agosto de 1975, Pereiro e Martínez afondan no contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade política, sindical e armada. Como fixera Suso de Toro en Camilo Nogueira e outras voces (Xerais 1991), ademais de confrontar e rescatar a documentación accesible (prensa legal e clandestina, documentación interna da UPG…) procuraron as voces de xentes (35 persoas) que coñeceron, colaboraron e loitaron con Reboiras.

Con estes vimbios ofrecen unha agra aberta sobre a que desenvolver a memoria colectiva dun tempo que, definen acaidamente, como de fulgor e atrevemento. Especial interese teñen neste exercicio memorialístico os capítulos referidos «a decisión» (1974), á clandestinidade (1974-1975) e á caída (12 de agosto de 1975), nos que se aborda a estratexia da vía armada e se reconstrúe de forma polifónica o relato dalgúns dos seus acontecementos máis relevantes. Xaora, a cerna do libro reside nun exercicio de reparación e de rehabilitación necesarios dunha figura que no relato de Pereiro e Martínez adquire unha moi relevante dimensión política, sobre todo no ámbito organizativo e militante, como nos eidos sindicais e culturais. Mágoa que na edición o editor non se puidese demorar uns días ofrecendo un índice onomástico e unha liña cronolóxica, así como dispoñendo a documentación gráfica (moi valiosa) a un maior tamaño, o que facilitaría, cando fose necesario, a súa lectura.

En calquera caso, libro tan singular e valente como inusual no actual catálogo do libro galego de non ficción, constitúe un extraordinario exercicio dun xornalismo concibido como historia do presente, dunha historia do nacionalismo galego non dependente de relatos alleos. Unha obra que merece todas as nosas recomendacións. Parabéns aos autores e a editora, como tamén ao amplo elenco de voces recollidas neste libro polifónico que aventuro exitoso e referencial.