Onte 1398: Andrés Do Barro e a saudade

ANDRES DO BARRO SAUDADEO relato biográfico é un dos xéneros que como lector máis me interesan. Hai días presentabamos a biografía de Faustino Rey Romero na que Ricardo Losada indagaba no franciscanismo para entender unha figura desconcertante do galeguismo antifranquista. Idéntico espírito esclarecedor atopei nas páxinas da excelente biografía que Fernando Fernández Rego acaba de publicar sobre Andrés Do Barro, unha das figuras da cultura galega das últimas catro décadas que non foi aínda recoñecida tanto como mereceu a súa proeza. Seguindo o fío da saudade (un sentimento que o autor non identifica coa morriña ou coa melancolía), mais concibida como «canle das emocións e da inspiración creadora», Rego reconstrúe o relato vital do músico que utilizando a nosa lingua mellor soubo chegar ao gran público con pezas como «O tren» ou «Corpiño xeitoso». Unha biografía máis interpretativa ca haxiográfica, centrada máis sobre a análise da importante obra musical ca sobre os detalles da vida privada do ferrolán.

Entre as moitas curiosidades que se se poden descubrir na biografía foron de singular interese para min os dedicados aos manuscritos inéditos, tanto os textos de media ducia de cancións inéditas como a dun conto infantil de 27 páxinas, Demonito, que en 1988 dedicou a súa filla Andrea. Coma tamén o tiveron os capítulos finais dedicados á posta en valor da súa obra, a partir do proxecto «Manifesto Dobarrista» (2007). Recoméndoa.

Onte 1395: Na Feira de Rianxo

Rianxo_23-07-2015

Viaxei onte a Rianxo para acompañar a Ledicia Costas e ás autoras de Historia da literatura infantil e xuvenil galega na presentación organizada pola asociación Cultural Barbantia na feira do libro de Rianxo. Foi o escritor Carlos Mosteiro que coordinou unha mesa heteroxénea na que comezamos pola presentación de Escarlatina, a cociñeira defunta e Un animal chamado néboa, os dous libros máis recentes de Ledicia Costas, tan diferentes nas temáticas e públicos, mais unidos ambos os dous polo talento da narradora viguesa de crear beleza por medio da linguaxe. Despois foron Blanca Ana Roig Rechou, e as rianxeiras Eulalia Agrelo e Marta Neira, as que presentaron a súa obra, un traballo académico de obrigada referencia que sistematiza e clasifica a panorámica da nosa literatura infantil e xuvenil nas últimas catro décadas, ao tempo que contribúe a superar moitos dos prexuízos sobre este subxénero literario. A feira continúa hoxe coa presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto e mañán da magnífica biografía de Ricardo Losada protagonizada por Faustino Rey Romero.

Onte 1389: O evanxeo bufo de Faustino Rey Romero

Presentamos onte na primeira edición da Feira do Libro de Ribeira a biografía que Ricardo Losada preparou de Faustino Rey Romero, o poeta crego galeguista e antifranquista da Xeración da Tebra. Foi Manuel Cartea que dialogou co autor sobre unha obra que comezou definindo como «informativa e crítica, moi documentada, interpretada e interpretativa» e rematou aconsellando moi vivamente polo seu carácter de «biografía complexa na fronteira entre a verdade e a verosimilitude».

XG00200401Cartea afirmou que nesta biografía atopábase felizmente un protagonista riquísimo e un autor polivalente, eficaz e moi irónico». Na formulación da súa primeira pregunta afirmou que «Faustino foi un crego franciscano postconciliar, antes da celebración do Vaticano II, capaz de enfrontarse na década de 1950 tanto coa igrexa estamental como coa igrexa franquista». Ricardo Losada contestoulle que «Faustino cometeu ao longo da súa vida dous pecados revolucionarios contra o poder: o primeiro, amar aos pobres e identificarse con eles; o segundo, o amor a Galicia, a súa cultura e a sua lingua». «Ao longo da súa vida Faustino apostou sempre pola microrrevolución, xa que para el todo derivaba do evanxeo, pola súa preocupación polas cousas do día.» «Non era unha persoa ideoloxizada que crese en cambios políticos bruscos. Foi un antifranquista por razón do evanxeo. Valoraba máis ás persoas que facían o traballo metódico cada día. Era a súa forma de poder mudar o mundo.»

Cartea e Losada conversaron despois sobre a condición de Faustino como «poeta cura» ou «cura poeta». Losada comentou a afirmación de Xosé Luís Franco Grande que coloca a Faustino como «un poeta que naceu antes de tempo»: «A loita de Faustino foi contra o mundo burgués. A súa poesía ten unha paixón popular, busca unha forma, sobre todo o soneto, para expresar a súa subxectividade persoal.» A seguir abordaron as relacións que mantivo co pai, nas que Losada considerou «existía un conflito, pero non hai culpabilidade», para centrarse despois nas extravagancias do personaxe. Para Losada «Faustino nunca colocou máscara ningunha, adoptou unha forma de vida franciscana, toda a súa vida foi unha reivindicación do humor, o seu histrionismo era apenas un xeito de chamar a atención e dicir as cousas que naquel momento non se podían dicir.» Con respecto a polémica sobre o sexo, onde hai opinións diversas, Losada confesou que para el «Faustino morreu célibe. O que dicía sobre o sexo era unha provocación, un xeito informar de expresar que estaba en contra do celibato. Unha práctica qque encaixa na súa visión franciscana do que é a vida.» «Mais tampouco podemos esquecer que a angustia foi un tema recorrente na súa vida. Faustino decidiu vivir imitando a Francisco nas circunstancias do franquismo en parroquias rurais e acaba atrapado e fracasando no seu proxecto poéticoe familiar, mais tamén no proxecto como crego, entrando nun proceso de autodestrución que o levou a marchar para Arxentina onde morreu.»

Onte 1343: Ángeles Alvariño

Grazas a unha entrevista que en Ser Galicia fixeron o pasado domingo a Alberto González Garcés souben da biografía da oceanografa galega Ángeles Alvariño González, a quen onte a Academia das Ciencias dedicou o Día da Ciencia en Galicia. Formada nos anos da fame na Complutense, no ano 1951 foi destinada como bióloga mariña-oceanógrafa ao Laboratorio Oceanógráfico de Vigo, continuando as súas investigacións en Plymouth sobre o zooplancto e o ictoplancto, temas dos que chegou a ser unha autoridade mundial. Máis tarde instalaríase como investigadora nos Estados Unidos, onde xa xubilada fixo o seu famoso traballo sobre a Expedición Malaspina, a primeira expedición científica oceánica, un século antes que a do navío británico Challenger. Primeira oceanógrafa galega, primeira muller que se embarcou nos barcos de investigación británicos, descubridora de 22 especies mariñas, a científica ferrolá é a primeira muller á que se lle dedica esta efeméride concibida para abrir espazos de visibilidade e divulgación para a ciencia.

Onte 1315: A precocidade de Filgueira

libros-autor-1

Na presentación no Liceo de Ourense dos seus libros dedicados a Filgueira Valverde, a monografía ilustrada de Ir Indo Edicións e a biografía intelectual de Xerais, o profesor Xesús Alonso Montero abordou a precocidade do polígrafo pontevedrés. «Filgueira Valverde foi unha personalidade moi precoz. Aos dez anos lía e tiña interiorizados poemas de Rosalía de Castro. Pouco despois leu a primeira biografía sobre Rosalía publicada polo pontevedrés Augusto González Besada. Sabemos que entre os doce e os trece anos estudou os tres tomos da historia de Santiago, textos áridos de grande erudición.» «Estudou dúas carreiras con brillantez, Dereito e Filosofía e Letras. Dende os quince anos colaborou nos periódicos e comezou a facer investigacións históricas e arqueolóxicas. Aos dezasete anos participou na creación do Seminario de Estudos Galegos, do que foi un dos seus principais referentes.» «proba a súa precocidade o feito de que aos dezaoito anos fose nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, pola súa relevancia como investigador.»

Alonso Montero referiuse tamén a controversia que se produciu polo nomeamento de Filgueira como figura homenaxeada neste 17 de maio. «Nesta polémica sempre insisto nunha soa cousa: “Filgueira Valverde foi un obreiro da causa galega”, en expresión de Alexandre Bóveda.««Non esquezamos que Filgueira foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, do que foi secretario técnico até 1933. Deuse de baixa por un razón moral de raíz eminentemente relixiosa, xa que para el o pacto do Partido Galeguista coa Frente Popular, era incompatible coas súa formulación católica.» «Mais o que se esquece é que Filgueira vota a prol do estatuto de Galicia o 28 de xuño, coma Bóveda e Castelao, non se dá de baixa do galeguismo.»

Ocupouse despois don Xesús de debullar o traballo polígráfico de Filgueira deténdose no seu estudo sobre a Cantiga CIII e na publicación da serie «Adral», nove volumes entre 1979 e 1996. «Adral é unha obra que honra a bibliografía galega de todos os tempos. Un ensaio ameno, áxil e ao mesmo tempo profundo. Cada peza é unha síntese didáctica sobre un tema artístico, literario, histórico ou etnográfico que Filgueira sempre tiña moi investigado, amosando que posuía tamén moi boa man como profesor.»

Onte 1308: Biografía intelectual

XG00241501No Museo de Pontevedra presentamos onte Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual de Xesús Alonso Montero. Tras as palabras limiares de Fernando Filgueira, Carlos Valle, director do museo e discípulo do polígrafo pontevedrés, presentou o libro de Alonso Montero como «máis ca unha biografía intelectual de Filgueira, xa que se trata dunha radiografía intelectual da cultura dun país ao longo de case un seculo.» «Xosé Filgueira Valverde non viviu o século pasivamente, non foi un observador, foi un magnífico actor dese século denso do que fomos herdeiros.» Valle cualificou o libro como «atípico, xa que comeza cunha cronoloxía e unha escola de xuizos sobre Flgueira, antes do seu prólogo galeato.» Valle destacou a importancia da segunda parte da obra, a dedicada aos escritores homenaxeados coas Letras Galegas e o 36, «só con ese capítulo abondaría o libro», e da terceira, dedicada a estancia de Filgueira en Lugo. Gabou despois a sorprende erudición presente ao longo de todo o volume. «O libro de Alonso Montero é unha resposta moi contundente a quen cuestionou a liberdade da Academia Galega para elixir a figura de Filgueira para este 17 de maio.» «Este é un libro que resume datos xa coñecidos, mais que tamén ofrece outros novos, froito da investigación de Alonso Montero.» Rematou Valle sinalando que «este libro marca un punto de inflexión no achegamento á figura de Filgueira Valverde e ao tempo histórico no que lle tocou ser protagonista, malgré lui

Onte 1244: «A teoría do todo»

Theory_of_EverythingChamoume a atención o feito de que o biopic sobre Stephen Hawking, un dos científicos máis destacados do noso tempo, quedase resumido nunha historia de amor de mocidade. The Theory of Everything non é outra cousa que unha película romántica de inequívoco arrecendo british, ambientada nos corredores da Universidade de Cambridge dos anos sesenta e alicerzada sobre os valores da familia tradicional burguesa. Percíbese decontado que a película é unha adaptación das memorias de Jane Hawking, a admirable protagonista, muller de aparencia fráxil, mais capaz de soportar a erosión que sobre a parella e durante vinte e cinco anos provocaba a doenza brutal do cada vez máis famoso científico, que a medida que foi perdendo o seu control psicomotor intensificou a procura dunha explicación sobre a orixe do tempo, formulando a teoría do todo. As interpretacións dramáticas moi logradas de ambos os dous protagonistas (a Eddie Redmayne valeulle onte un Óscar) salientan nunha película discreta, aínda que menos doutrinal do que era previsible.

Onte 1109: O libro dos Suaves

Chegou_o_libro_dos_Suaves

Chegou onte o libro dos Suaves, un volume de 428 páxinas sobre o mítico grupo de rock and roll ourensán. Foi o profesor Javier Domínguez, irmán de Yosi e Charli, os líderes dos Suaves, e compoñente ademais da primeira formación, quen se ocupou de preparar esta primeira e completísima biografía humana e musical dunha banda veterana que continúa arroupada por milleiros de seareiros, xa de diversas xeracións. Dende o comezo do proxecto, Javier Domínguez reuniu unha cantidade extraordinaria de información textual e icónica, conversou cos compoñentes do grupo e recolleu todo o publicado sobre eles. Un traballo documental de varios anos que lle permitu ofrecer agora un relato cronolóxico, onde tamén están presentes os temas, as preocupacións e os acontecementos salientables da presenza dos Suaves nos escenarios durante máis de trinta anos. O fermoso deseño de Adrián Morgade, que concibiu cada dobre páxina como un muro de grafiti, unha ilustración singular e única, fai do libro unha peza máis ca atractiva tanto para os fans da banda ecomo para os amantes ou curiosos da edición sobre música. Dende o comezo concibimos o proxecto para ser publicado dentro da serie Extramuros, que Xerais publica en castelán e distribúe en todas as comunidades españolas. O libro dos Suaves chegará a todas as librarías o 16 de outubro. As presentacións comezarán no mes de novembro en Ourense e Pontevedra. Seguimos en rota.

Onte 911: Emilia Pardo Bazán escritora galega

queizan_rag_13-03-2014Acompañamos a María Xosé Queizán na presentación no salón da Academia Galega da Coruña do seu libro Emilia Pardo Bazan. Unha nena seducida polos libros. Como sucedera o mércores en Betanzos, a escritora viguesa ditou unha formidable conferencia arredor da figura de Emilia Pardo Bazán (EPB), a quen comezou cualificando coas palabras que sobre ela utilizara Rosalía de Castro: «magnífica, absoluta, soberana», «non se pode decir máis sobre a gran escritora», engadiu. «Rosalía apreciaba a EPB, non como outros escritores da súa época, elas eran dúas magníficas e soberanas escritoras». «EPB sitúanos sobre os temas álxidos do seu tempo, os aspectos máis sórdidos da sociedade. Rosalía recoñeceu os esforzos desta escritora que coma ela asomou a un espazo masculino, o da literatura, non cantando ás pombas e ás flores, senón dende outra fronteira, iniciando outra interpretación do mundo».

XG00189001Citou Queizán o último ensaio de Manuel Forcadela, Dama. saudade e o Cabaleiro da sombra, para afirmar que «toda obra literaria constitúe un acto socialmente simbólico. Incorpórase ao texto a estrutura social que vive a autora e o seu insconciente político. A submisión non foi patrimonio nin de Rosalía non de EPB. Dona Emilia foi cualificada como masculina nalgunhas ocasións, mesmo sen ter que vestirse coma home para acudir ás aulas da universidade como fixo Concepción Arenal. lembremos que daquela as mulleres non podían ter títulos universitarios, razón pola que a ferrolá conseguiu asistir ás aulas vestida de home para non escandalizar. Non está de máis lembrar o argumentou utilizado por Juan Valera para opoñerse á entrada na Academia de mulleres, “xa que podían distraer aos académicos”».

A seguir María Xosé Queizán abordou a cuestión da educación, »unha arela feminista no século XIX, para ir alcanzando a igualdade social e a soberanía». «Emilia é consciente que a Ilustración, ese movemento extraordinario, do que nacería o feminismo, é onde xorde a idea de igualdade do feminismo, ao tempo que os principios de liberdade e fraternidade (“sororidade” dicimos as feministas). Dona Emilia denuncia a grande inxustiza da desigualdade entre homes e mulleres en Madre naturaleza. Sabe que o patriarcado é básico e anterior ao sistema, que non ten que ver coas clases sociais. Lembrou a desputa que en 1980 mantivo nas páxinas de La Voz de Galicia con Ricardo Carballo Calero, quen consideraba a «Rosalía como un escritor». »Dona Emilia afirma que a educación das mulleres era doma xa que se propón a submisión das mulleres. Aínda hoxe chama a atención o progresismo de dona Emilia sobre aspectos educativos, sociais e sexuais». Lembrou a importancia que tivo a «Biblioteca da Muller» que promoveu e a referencia a outra novela de dona Emilia, A pedra angular, serviulle para explicar a hipocrisía social sobre o tema d apena de morte.

Falou despois María Xosé das mulleres traballadoras na obra de Pardo Bazán. «Para ela as mulleres traballadoras teñen un valor superior ás señoritas cursis, chegou a afirmar que “a muller traballadora é máis persoa que a burguesa”. Fala de criadas e obreiras. Publicou a única novela durante moito tempo en Galicia sobre o proletariado feminino, La Tribuna, sobre as cigarreiras da Coruña; habería que agardar até os anos oitenta por Amor de tango, sobre as conserveiras de Vigo. Amparo, a protagonista, é paradigma da dignidade das mulleres, da muller traballadora, rebelde e socialista. EPB fai unha defensa do traballo como actividade humana que dignifica. Falou daquela folga das conserveiras de Vigo dos anos 20, motivada porque o goberno quería facerlles pagar un tanto por maternidade, tanto ou máis do que cobraban. Emilia comprendeu a diferencia entre o labor e o traballo. O labor solitario e rutinario que as mulleres fan nas súas casas, que nunca se dá feito, desprezado, escravo, porque non se paga. O labor é a posición dependente en cadanseu fogar o que permite a violencia machista». Abordou tamén Queizán como concibiía dona Emilia as relacións entre o campesiñado e a fidalquía, cuestión presente en  Los pazos de Ulloa, comparándoa co tratamento máis conservador sobre esta cuestión que máis tarde realizará Otero Pedrayo. Analizou a cuestión da relixiosidade e a súa oposición ao matrimonio e á transgresión das súas normas.

Rematou a conferencia Queizán analizando as razóns polas EPB non escribiu en galego, polo que foi tantas veces denostada. Lembrou que «toda a prosa de Rosalía esta escrita en castelán, igual que a de dona Emilia, quizais porque as dúas ignoraban a existencia dos textos do galego medieval». A este teor, comentou que «o grave e funesto foi que nos anos oitenta do século pasado non se aproveitase a introdución do galego no ensino para recuperar a orotografía do galego medieval». «Como non é xusto que lle achaquemos a dona Emilia o feito que non escribise en galego as súas novelas, xa que daquela non tiña receptividade». Queizán reivindicou o carácter de EPB como «escritora galega» especialmente pola temática abordada nas súas novelas cen por cen galega. «O desleixo que tivo Pardo Bazán por parte dalgúns e a crítica dunha escritora que non leron por outros foi parello ao xuízo descualificador de Rosalía ao ser mal lida». «A Rosalía fómola reivindicando a crítica feminista dende 1985, sobre todo a partir da publicación do segundo número da Festa da palabra silenciada e do congreso celebrado en Compostela, a partir de aí se iniciou unha nova interpretación dela. Co EPB fixemos tamén un número da nosa revista e este libro, coa idea de que cambie a súa valoración, de que a mocidade galega saiba quen foi EPB, sacala dun pozo onde a teñen recluida, a dunha escritora magnifica, absoluta e soberana».

Onte 851: «Especies en extinción»

Resultoume moi interesante a lectura de Especies en extinción. memorias de un periodista que fue editor (Tusquets, 2013)o segundo libro memorialístico do meu admirado Juan Cruz. Naturalmente o primeiro que lin foi o capítulo dedicado ao escritor Manuel Rivas, onde relata a famosa anécdota (que xa lle oiramos contar a Juan en varias ocasións) que deu pé á escrita d’ O lapìs do carpinteiro. Como tamén foron da miña preferencia inicial aqueloutros capítulos nos que aborda o seu traballo como director de Alfaguara e despois como responsable de La Oficina del Autor, unha tarefa que lle encomendou Jesús Polanco para seguir aos autores mentres non tiñan libro en edición, xa que como dixo Kafka «a soidade absoluta do autor é o momento tamén máis arriscado para o editor».

Son moitas as frases que subliñei dun libro de lectura máis que recomendable para os que intentamos desempeñar con dignidade e dedicación o oficio de editor. Á luz da súa experiencia, para Cruz o editor é apenas un acompañante que utiliza valores que no oficio xornalístico «pasan como normas pesadas de protocolo». Abonda con enumerar algunhas para sentírmonos identificados: «os editores son moi puntuais« (certo na maioría dos casos que coñezo); «cumpren a súa palabra cos autores, seguen a estes aínda que non sexan personaxes en alza»; «os editores ocúpansen de todas as fases dun libro, dende que se está xestando até que o volume impreso se envolve ao ser vendido»… Para Cruz «editar, coma escribir ou facer xornalismo, é un estado de ánimo», «editar é acompañar e experimentar», un oficio que require seres humanos (como sinalaba Korda) capaces de «combinar a paciencia co sentido común, e este co sentido do humor», «sen que falte nunca o entusiasmo». Juan insiste nestas páxinas moi sabedeiras que o editor precisa de grandes doses de humildade, «é un personaxe afeito a escoitar para alimentar o ego desalentado dos seus autores», para o que «non existe antídoto ningún». Citando o recentemente desaparecido Josep María Castellet, lembra que «o editor é tamén tempo e un ollo sobre a sociedade», identificando onde pode «aparecer un resplandor», aínda que tamén «editar é sosegar, non correr». «Un editor nunca debe rematar un diálogo cun autor pechando unha porta, soltando exabruptos, cargándose de razón».

O que máis me chamou a atención dunhas páxinas inzadas de anécdotas e citas literarias é a insistencia do autor en reiterar en varios capítulos unha frase célebre de Jaime Salinas, editor que fóra de Alfaguara. Preguntoulle Cruz nunha entrevista, até cando un escritor quere ao seu editor. E Salinas respondeulle nunha liña: «até que xa non é o seu editor, un autor quérete mentres te necesita». Unha expresión brutal sobre o límite dos afectos no noso oficio, que foi capaz de colmar a miña melancolía lembrando o mito de Sísifo. No meu caso, tras vinte e tres anos na profesión, madia leva!, teño a fortuna de podela cuestionar. Porén non lle falta razón a Cruz cando afirma que «editar non é só acompañar, ou estimular, ou mimar, ou exaltar os egos revoltos para colocalos coma pratiños chineses no alto dun pao na feira das vaidades. Editar é publicar, e os autores quérente (ou respectánte ou requírente) cando os publicas». Dou fé.