Polo correo do vento

«Polo correo do vento» é un poema de Aquilino Iglesia Alvariño recollido na antoloxía da súa poesía infantil que co mesmo título apareceu en 1994 na colección Merlín: «Polo correo do vento / mándoche a miña canción, / nun sobre de sentimento / que asinei co corazón.» Foi tamén o nome que escollemos para unha colección pioneira e histórica na Lix galega, libros interactivos de textos e actividades sobre animais, contextualizados na xeografía e historia de Galicia, na que Enrique Mauricio Iglesias «Mau» se ocupaba dos textos e Carlos Álvarez Taboada «Pin» dos debuxos. Iniciada por Mariquiña, a carteira andoriña (2008), a colección tivo en Xerais sete títulos. Proposta de lix de non ficción afondada en Lela edicións, a editora monolingüe que fundaron onde publicaron breves e moi visuais biografías de mulleres galegas, así como libros de banda deseñada sobre persoeiros da nosa cultura. Comprometidos co fomento da lectura en galego, fixeron centos de sesións divertidísimas e participativas de animación lectora, de uso do galego e de desenvolvemento da creatividade e expresión artística polas escolas do país, como por librarías, bibliotecas públicas e auditorios municipais, nas que Enrique se ocupaba da parte oral mentres Carlos debuxaba. No pasamento tan inesperado de «Pin» Carlos Taboada, a alma gráfica de Polo correo do vento, é imprescindible salientar o seu carácter de sólido narrador infantil, finalista do Premio Merlín en dúas ocasións, co excelente debut A biblioteca de Pedrarcana (Xerais 2018) e a recente O caderno de Roque (Xerais 2025), dúas novelas arredor da lectura, desbordantes de humor e fantasía, nas que tamén se ocupou ilustralas co seu grafismo rotundo e claro, sinxelo e informativo, característico de toda a súa obra. Con todos os abrazos para os seus familiares e para «Mau» o seu cómplice, recollo os versos finais do poema Polo correo do vento de Aquilino: «Cando por aí pase o vento, / Terriña do corazón, / nun sobre de sentimento / darache a miña canción…»

Publicado en Nós diario: 20/08/2025

Booktrailers

Hai case dúas décadas que en Xerais esforzabámonos por facer publicidade das novidades literarias empregando a linguaxe audiovisual, procurando a visibilidade da que carecían na propia TVG. Así naceron en 2006 os anuncios de Home sen nome de Suso de Toro e d’ Os libros arden mal de Manuel Rivas. Dúas pezas de 21 segundos, producidas por Lúa films, que serían os precedentes dos primeiros booktrailers galegos, os de Todo é silencio de Manuel Rivas e Asasinato no consello nacional de Diego Ameixeiras, que en 2010 comezamos a producir en paralelo aos pioneiros contidos educativos dixitais en galego. Iniciábase así un catálogo de máis dun cento destas pezas audiovisuais publicitarias de entre un e dous minutos de duración, creadas polo departamento de promoción dirixido por Celia Torres e realizadas en boa parte por David Rodríguez. Catálogo de pezas hoxe memorables, como as dos lanzamentos de Dragal (2012) de Elena Gallego, d’ Os televisores estrábicos (2014) de Ramón Villar, de Cabalos e lobos (2015) de Fran P. Lorenzo ou de Galería de saldos (2016) de Diego Xiráldez, que chegaba a introducir unha utilidade interactiva. Creados para compartir nos blogs, o desenvolvemento das redes sociais comezou a popularizalos, sobre todo, nas bibliotecas escolares e clubs de lectura, que con intencionalidade didáctica comezaron a crear estas pezas, entre o publicitario e a recomendación lectora. O festival de Cans recoñeceunas como xénero de seu, convocando dende 2018 o concurso «O ollo de vidro», que na recente edición de 2025 contou con cincuenta participantes. Aqueles booktrailers son hoxe «reels» para IG, TikTok, Fb e X, competindo como noutrora pola atención do público que no seu teléfono fai scroll de xeito interminable. Ademais do seu éxito como recurso didáctico para compartir experiencias lectoras, os booktrailers amosaron o compromiso da nosa edición por comunicar con públicos contemporáneos diversos. Unha oportunidade de visibilidade que a edición galega non pode desaproveitar.

Publicado en Nós diario: 25/06/25

Piares da Lectura

Pechou o Salón do Libro de Pontevedra dedicado ao cine coa homenaxe a Xavier Senín e Isabel Soto, piares da tradución e activistas da lectura nas últimas catro décadas. Cun discurso literario fermoso e documentado, foi a bibliotecaria Ánxeles Roca quen debullou a súa traxectoria e méritos, salientando que concibiron a tradución como ferramenta capaz de desfacer fronteiras e indispensable para a normalización do galego. Ademais de conformar cadanseu impresionante currículo profesional e catálogo tradutolóxico, coma outro compartido non menos interesante, modelo de traballo colaborativo rigoroso e teimudo, con fitos senlleiros no cento de obras anosadas ao galego dende o francés, entre as que destacan as súas versións xeniais de Asterix (con Alejandro Tobar), Senín e Soto son activistas da lectura e facilitadoras con grande xenerosidade da construción de proxectos colectivos. Velaí as súas achegas a Galix e Oepli, a termar de publicacións como Golfiño ou O correo da Unesco, a proxectos como «Imos xuntos camiñar» ou á intensa colaboración literaria e acompañamento aos membros da Xeración Lamote (Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Paco Martín), sendo para min outros membros máis deste grupo fundador da nosa lix. Mención á parte merecen os seus compromisos e méritos individuais. Sexan os de Isabel Soto como crítica literaria, especialista en educación literaria e formación de mediadoras ou como biógrafa e coidadora da obra e legado de Fernández Paz, entre outros. Sexan os de Xavier Senín os de modélico xestor do público, ao longo de dezanove anos como subdirector xeral do libro na Xunta de Galicia, primeiro valedor do proxecto de modernización do sector editorial galego, ademais de teimosa intelixencia activa do consenso forxado na Mesa do Libro (2003-2004) arredor do texto inicial da Lei do Libro e da Lectura, aprobada despois en 2007, que continúa sendo referencia para a edición galega. Xustísimo recoñecemento para Senín e Soto, piares da tradución, da lix e da lectura.

Publicado en Nós diario: 09/04/2025

Sen bibliotecas públicas

Sendo capital editorial de Galicia dende hai 75 anos, Vigo padece unha grave carencia bibliotecaria. Con apenas dúas bibliotecas públicas, a Juan Compañel (1995), no edificio Ferro, xestionada pola consellaría de cultura, e a municipal Xosé Neira Vilas (2011), no barrio do Calvario e de xestión privada, Vigo padece un inédito negacionismo bibliotecario das autoridades locais que identifican as salas de estudo con acceso a Internet, sen libros nin outros fondos, coas bibliotecas públicas. Doutrina coa que se abriron os espazos de estudio do Auditorio e de Navia, que cumprindo un valioso servizo público a estudantes e opositoras, non poden entenderse de xeito ningún coma bibliotecas. Abonda con consultar o dicionario da Academia para saber que «unha biblioteca é un conxunto elevado de libros destinados á lectura do público», ao que cómpre engadir o seu carácter interxeracional e  a súa responsabilidade no fomento da lectura. Carencia que podería ser mitigada pola apertura dunha Biblioteca Pública do Estado, prometida dende hai dúas décadas polo ministerio de cultura, que por liortas entre Concello e Xunta, que por desgraza continúan, nunca acaba de arrincar. O de Vigo sen bibliotecas é unha anomalía que, por desgraza, desmerece a calidade de vida da propia cidade. Conviña revisala.

Publicado en A Movida, abril 2025.

Bibliocidade

Manuel Rivas agasallou á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña un limiar memorable, «O ecosistema do libro», para abrir o libriño de Arturo Iglesias As luces dos libros na cidade do faro, que forma parte da serie de roteiros do proxecto «A Coruña Literaria». O autor d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) celebra no preludio que a súa sexa unha bibliocidade, pertencente ao universo da lectura e do libro, obxecto que presidiu de forma intermitente o escudo da Coruña dende 1837 e desaparecería da heráldica herculina en 1937 co goberno municipal franquista. O libro de Iglesias é un fermoso percorrido gráfico por catorce das bibliotecas coruñesas, número envexable para esta bibliocidade que en outubro de 2023 contaba con 115.904 bibliocidadáns, se por tales entendemos as persoas que contan co seu carné de usuarias, cifra moi superior ás do Deportivo. Rivas define as bibliotecas como un «ecosistema da des-extinción», «un refuxio da diversidade fronte o baleiro», un lugar físico ocupado por persoas de diferentes xeracións, procedencias, xéneros e pensares; mais tamén un espazo psicoxeográfico, onde conviven a veciñanza actual cos seres da memoria fértil, a imaxinación e a descuberta. Rede bibliotecaria entupida que constitúe o pulmón deste ecosistema coruñés, en diálogo permanente cunha modélica rede de bibliotecas escolares e coa completa programación dos clubs de lectura e das asociacións culturais. Ecosistema que conta, ademais, cun detallado mapa literario de autorías e obras e doutros compoñentes librescos: unha decena de editoras en lingua galega en excitación creativa permanente; un tecido libreiro resistente, diverso e creativo; un calendario de festivais literarios consolidado, dende a Feira do Libro e Viñetas desde o Atlántico de agosto até as convocatorias do ciclo Poetas Di(n)versos; a Residencia 1863, modélico espazo de produción literaria creativa… O caso da Coruña literaria merece recoñecemento, máis aínda cando forma parte da identidade desta bibliocidade.

Publicado en Nós diario: 22/01/2025

Parteiras

Nas súas memorias de editor, Publisher. Apuntes de una historia editorial (Trama 2024), Richard Charkin, director que foi de Oxford University Press, enumera o bo, o non tan bo e o espantoso da edición internacional actual. Entre os primeiros cita a impresión baixo demanda, que permite facer edicións moi reducidas e evitar os custes de almacenamento, así como o pulo que achega ao mercado a edición independente que florece en todo o mundo. Entre o non tan bo, cita a tendencia do sector ao traballo na casa, acentuada dende a pandemia, e o peso determinante das análises económicas de viabilidade, libro a libro, ferramenta que decide o que se publica e o que queda no caixón. E xa entre o espantoso, o editor que mereceu recibir a Orde do Imperio Británico polos seus servizos á industria editorial, cita o peso cada día menor das bibliotecas públicas, infraestrutura en decadencia, a perda das maneiras da comunicación dixital e «os egos», doenza que padecen hoxe moitos editores, que en prol de consolidar o liderado do seu selo caen en mans do egoísmo e a autocompracencia, esquecendo, salienta Charkin, que no mundo do libro «os únicos que importan son os autores e os lectores», ao que engade como corolario: «debemos lembrar que somos parteiras, non nais». Reflexión dun veterano editor cultural europeo, moi útil tamén na edición galega na que dunha ou doutra forma identificamos todas e cada unha desas tendencias, tanto as que alentan o bo como as que alertan do espantoso. Nunca acreditei nos editores estrela nin na edición nunha mesa de casino, moi ao contrario, defendín decote que o editor debe dar un paso atrás, saír do foco para adoptar unha posición de acompañamento máis discreta e eficaz na mediación entre autorías e lectorado. Como acreditei no papel do editor contemporáneo como primeiro lector e animador da conversa aberta co autor ou autora sobre a fixación do texto e a súa recepción, o que é aínda máis necesario naqueles que editamos en linguas minorizadas e mercados cativos.

Publicado en Nós diario 02/10/2024

Lemos +

Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio  de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.

Publicado en Nós diario: 07/08/2024

Espazo lectura

O recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España a Espazo Lectura outorgándolle o Premio Liber 2024, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público, afáganos aos que en Galicia defendemos o fomento da lectura como unha actividade compartida de socialización e reflexión crítica. Unha distinción merecidísima para este colectivo de voluntariado, que botou raíces no Val Miñor a comezos de 2008, onde constituíu unha comunidade na que persoas de distintas xeracións comparten libros, lecturas e actividades comunitarias arredor da creación literaria e de lectura como vínculo de socialización e coñecemento, con atención preferente para a lectura e a edición en galego. Un voluntariado de fomento da lectura sen ánimo de lucro que entende a lectura como actividade de gozo e coñecemento de vocación subversiva, que singulariza ao ser humano, mais tamén como competencia cívica imprescindible no exercicio da cidadanía, mecanismo de inclusión necesario para a convivencia e o benestar. Un activismo comprometido coa lectura transformada en espazo para a vida, onde é posible gozar da fascinación creada polo conto ou polo álbum ilustrado nunha das súas sesións semanais na Casa da Lectura para o lectorado máis novo. Compromiso coa maxia da lectura aparecida nos encontros con autoras e ilustradoras nas sesións do «Contomar» para lectorado autónomo, ou nos debates dos seus clubs de lectura «Sete vidas» de narrativa, «Lecturas Debuxadas»  de banda deseñada, «Daquelas que len» de lecturas feministas e «Lendo contigo» de lecturas en familia. Como actividades subversivas desta pacífica revolución lectora foron nesta década e media as da «Noite na biblioteca», as edicións de «Dar de ler como quen dá de beber» ou as «Noites Golfas» da Casa da Lectura, que amosaron a envexable capacidade de mobilización desta entidade cohesionada polos lazos de inclusión e de afecto xerados pola lectura e a cultura asociados ao libro. Parabéns intensos para Espazo Lectura.

Publicado en Nós diario: 03/07/2024

Lembranza dunha tarde feliz na Casa da Lectura: 27/05/2010.

Memoria da Terra Chá

O escritor chairego Paco Martín leu o comezo da súa intervención na Polavila Docampo 2024 unha noticia que nos deixou estupefactos e rezaba máis ou menos así: «A proposta do Instituto de Estudos Chairegos levada ao pleno do concello de Vilalba para denominar unha sala do conservatorio de música, a casa da cultura e a biblioteca pública municipal cos nomes do músico Santiago Mato Vizoso e dos escritores Manuel María e Agustín Fernández Paz respectivamente foi rexeitada ao non acadar os dous terzos dos votos corporación, ao absterse o PP». Unha negativa xustificada polo regulamento sobre honras e distincións do concello de Vilalba que desde hai vinte anos obriga a contar cunha maioría cualificada (case unanimidade) para modificar os nomes dos inmobles municipais. Unha argucia que xustifica rexeitar as propostas do IESCHA, ao tempo que manter os nomes de Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne ou Auditorio Municipal Carmen Estévez. Un exercicio de cinismo político que me axudou a lembrar aquelas presentacións e homenaxes de Agustín na súa vila natal, onde nunca faltaban as gabanzas de Agustín Baamonde, líder dos populares vilalbeses, alardeando de compartir pupitre e andanzas escolares co escritor das Fontiñas. É un acto de dignidade que a Biblioteca de Vilalba leve o nome de Agustín Fernández Paz, hoxe o escritor vilalbés máis lido e traducido a media ducia de linguas, aínda máis cando esta biblioteca recibiu unha doazón de case sete mil exemplares do seu legado bibliográfico. Como é un acto de gratitude lembrar ao poeta Manuel María na Casa da Cultura, aínda máis cando foi en Vilalba onde celebrou o 15 de febreiro de 2003 o acto do seu ingreso da Real Academia Galega cun discurso memorable titulado «A Terra Chá: poesía e paisaxe». Os concelleiros populares vilalbeses non poden continuar bloqueando cunha argucia propia do máis reseso filibusterismo os xustos nomeamentos solicitados polo IESCHA, que forman parte todos os tres da memoria e do orgullo da cultura galega.

Publicado en Nós diario: 17/04/2024

Galician books

A edición galega regresou á Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna, onde grazas á axuda de Cedro e da fundación Xistral contou cun espazo dentro do propio da Federación do Gremio de Editores de España. Unha decena de empresas, entre elas Kalandraka con amplo espazo de seu, contarán co apoio dun catálogo de dereitos no que se presentan setenta novidades das editoras desprazadas, baixo o lema «Galician books». Amais disto, sendo a escritora Fina Casalderrey candidata a Astrid Lindgren Memorial (ALMA), unha escolma da súa obra protagonizará un lugar destacado do espazo expositivo da AGE. Un esforzo dos nosos profesionais do libro infantil e xuvenil, hoxe o primeiro piar da edición en galego, tanto por facturación no mercado interior como por volume de edición, ao que continúa teimosamente alleo a Xunta de Galicia, que fai oídos xordos ás demandas do sector da edición, mais que participa en Boloña con espazo expositivo propio, utilizando o tradicional catálogo de novidades de Gálix. Unha lamentable ausencia de empatía do goberno galego, incrible en Cataluña e Euskadi, onde editoras e administración autonómica van da man nas feiras internacionais, máis aínda cando a Secretaría Xeral de Cultura continúa orientando a súa participación nesta cita, como na de Frankfurt e Guadalajara, máis á promoción turística que á da nosa edición. Sei que de pouco serve lamentar esta desconsideración persistente e severa dos gobernos de Feijoo e Rueda cun sector estratéxico da nosa industria cultural. Como abafa reclamar o cumprimento da vixente lei do libro e da lectura (2006) e a posta en marcha dunha estratexia compartida polos sectores do libro e a Xunta de Galicia para promover o libro, a lingua e literatura galega no mundo. Con todo, a pesar de traballar á intemperie, o sector editorial galego publica hoxe os mellores libros da súa historia, acuñando a marca «Galician books» como produto de excelencia, creatividade e rigor editorial. Proeza colectiva que celebramos con orgullo.

Publicado en Nós diario: 10/04/2024